Zapateiros na Gándara e na Proba - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Zapateiros na Gándara e na Proba

PUBLICADAS
JOSÉ, MODESTO e IBÉRICO
por Victoriano Rodríguez
 
 No século pasado en todos os pobos, había  zapaterías artesanais  de reparación e confección de calzado,  tamén na Gándara e na Proba había tres,  coñecidas popularmente pola de José e a de Modesto  na Gándara e a do Pahiño  na Proba. A de José  (José Pérez Santiago),  no baixo da casa do Tío Abilio, no cruce da estrada xeral con Regudíns,  a de Modesto (Modesto Domínguez) na súa casa, ao lado da fonte de Regudíns, ambas estaban o carón  unha da outra, e a de Pahiño (Ibérico Martínez ) no baixo da súa casa, no cruce da Proba.  Estas  zapaterías, ademais da súa función  de reparación e   produción de calzado, foron xunto con as tabernas, os lugares de reunión social dos veciños destes  barrios.


Modesto en plena faena na súa zapatería en setembro de 1993 (Foto Vitoriano)

  
Esquerda: José Pérez con a súa dona Argentina Martínez. Dereita: lugar onde estaba a zapatería de José, no baixo da casa do Tío Abilio
 
Nace José Pérez Santiago o 5 de setembro de 1921, sendo seus país: José e Tía Odila, casándose con Argentina Martínez González    da Tía Bienvenida. Como todos mozos daquela iría a telleira, despois aprendería o oficio de zapateiro  nun establecemento de curtidos que había na Plaza Nova con Bernardino, traballando os primeiros anos na casa de seus pais (Tío José e Tía Odila), establecéndose  despois no baixo da casa do Tío Abilio, realizando todo tipo de labores na reparación de calzado, chegaría a ter dous empregados; nos comezos dispuña dun elemental roda, movida con o pe nunha táboa que cunha correa facía xirar as rodiñas de madeira con a lixa, nos últimos tempos xa acoplara un esmeril eléctrico con unha barrena de furar, tamén tiña unha maquina grande de coser para coiros duros, e outra para as cremalleiras. José deixaría de traballar nesta zapatería en 1990, pasando a facer pequenos arranxos na súa casa da rúa de Muniños, finando en xunio de 2004.

Esquerda: Modesto Domínguez con súa dona Fínola Vaquero. Dereita: Zapatería de Modesto diante da súa casa en Regudíns

Modesto Domínguez Álvarez,   nace o 11 de maio de 1922, sendo fillo de Ramona e Tío Ramiro, casándose en 1941 con Fínola Vaquero Fernández filla do Tío Juanito e Flora da Redondiña; antes de montar a sua zapatería en Regudíns fora a telleira. Modesto tamén tivo varios empregados, a Joaquín da Redondiña e outros, e durante moitos anos a Pepe o Canario. Ademais das labores de reparación, foi un dos maiores produtores de calzado, facendo sandalias e zapatos, Modesto confeccionaría un tipo de sandalia forte e barata, que era usada masivamente na zona, a que os  veciños iamos a mercar a súa zapatería, que consistía nunha base  de goma de roda usada de  camión ou de avión, con dúas tiras de material (pel de becerra) cruzadas diante e outra atrás cunha cebilla; cos distintos tipos de calzado feito, ia con sua muller Fínola aos mercados de Sabariz, Tomiño , Tui, Pontevedra… a vendelos, primeiro irían en carro de cabalo e despois nun motocarro; dicir que súa muller Fínola Vaquero , persoa mui disposta, era das Ferreiras, destacada familia da Gándara, de tratantes de mercados.


Esquerda: Ibérico Martínez e súa dona Pilar Cerqueira o día do seu casamento o 29 de novembro de 1964 Dereita: No baixo da súa casa na Proba tiña O Pahiño (Ibérico Martínez), a súa zapatería.

Ibérico Martínez González, nace na Proba o 25 de de febreiro de 1938, sendo fillo de Joaquín e Olinda, casándose o 29 de novembro de 1964 con María del Pilar Cerqueira Martínez de Sandián. Aos 14 anos comezaría a traballar có famoso Manolo o Albardeiro do Coruto, onde aprendería as artes para despois montarse  como zapateiro na súa casa da Proba. A súa  zapataría era popularmente coñecida como a do Pahiño, alcume que viña dado pola comparativa con  Manuel Pahiño, o gran xogador da época,  do R. Madrid e do Celta,     xa que Ibérico era un extraordinario xogador de fútbol nos equipos locais Cividanes e San Lorenzo. Pahiño, ademais das labores habituais, facía zapatos, e sandalias pos telleireiros, cosía os balóns de coiro dos equipos da contorna e puña os tacos as botas dos xogadores. Tamén tiña unha moto Guzzi Hispania. Ibérico no ano 1967 e con gran pena tivo que deixar ese oficio, xa que o polvillo de esmerilar as gomas, lle estaba afectado seriamente a saúde, dedicándose despois con súa dona Pilar aos negocios da carnicería. Falecería novo Ibérico, o 26 de Agosto de 1991 con 53 anos de idade.

Distintas ferramentas usadas polos zapateiros (ata fai pouco, eran as usadas por Modesto) 1-Cepillo de lustrar(abrillantar) . 2- Pé de ferro/yunque/bigornia.  3—Pata de cabra. 4- ovillo  de cáñamo.  5-Crema de lustrar. 6- Brea/ Pez. 7 -Potiño pa tinta e pincel.  8 – Lixa. 9 – Botadores. 10 - Martelo de  bater a suela. 11- Brocha. 12- Retacadores da vira. 13-Alicate pequeno. 14 - Martelo de retacar a vira. 15 – Tenaza. 16 – Subelas. 17 – Sacabocados. 18- Tenaza de bocas curvas.  19 – Cuchilla. 20 - Forma de zapato de rapaz. 22 – Tixeiras.  23- Forma axustable..24 - Afiador das cuchillas. 25 - Manopla de protección para tirar dos cabos. (Foto Vitoriano, utensilios da zapatería de Modesto)
A disposición dos elementos dentro da zapatería era común a todas: no medio unha  mesa baixa de traballo con as ferramentas e materiais, detrás da mesa e mirando cara a porta a banqueta para o zapateiro, nun lado a roda de esmeril e nos últimos tempos a máquina de coser, nas paredes estanterías para o calzado reparado e por reparar e para materiais, arredor había bancos de madeira e banquetas para os paisanos.


                       
Modesto con 90 anos, na súa zapatería en 2012 (Foto Vitoriano)
Os zapateiros, a maior parte das súas labores manuais  realizábanas fincando os zapatos sobre as seus muslos, protexidos por un mandil de coiro.
Era mui variadas as especialidades que desenrolaban dentro da fabricación e reparación. Para facer zapatos comezan por arriba cortando as pezas de material pos forros que colocan na forma do número elixido, pola beira inferior suxeitan-as con puntiñas a plantilla e o piso, que cortan, batén e abarquillan, para despois cunha extraordinaria destreza coser a man  con subela e cabo de liño,(este cordel era embreado con pez a maneira do artesán) cosido polo sistema dun cabo ou  a dous cabos a dúas mans, tamén lle engadían a punteira e o contraforte traseiro, os tacos, facerlle os furos pos cordóns con corchetes... Os arranxos mais frecuentes nos zapatos eran os de lustrar (dar brillo), por tombas, (remendos)botar as medias suelas, poñerlle tacóns os zapatos de muller….


José e seo cuñado Domingos, con súa moto Guzzi Hispania  A Chiva, a primeira moto que hubo na Gándara

Mozos de Pintán e Proba  con Ibérico, diante da  súa zapatería, a mediados dos anos sesenta.  Fila de arriba pola esquerda: Ricardo Reyes, Ibérico Pahiño, Moncho de Rosa de Cándida, Chito Máquinas, Jamín, Eloy Rato. Fila de abaixo: Eloy Cuco, Marcial, Lecio de Juan Ramón, A nena da esquerda  Carmen de Olguita.(Foto aportada por Pilar, Vda de Ibérico).

As zapaterías aparte da súa artesanal labor, cumpriron unha función de relación social moi grande, posto que eran lugares de pasatempo para os veciños (maiormente homes, que no tempo que non ían as telleiras, utilizaban as zapaterias para pasar o   tempo, falando das cousas cotiás, das telleiras, de futbol, de mozas…Non se permitía a estancia neses faladoiros aos rapaces, tiñan que ser mozos con certa “madurez” para asistir a eses comentarios de “homes con pelo no peito”. Unha excepción era na zapatería de Pahiño,onde  a tardiña acudian as veciñas: Odila, Martina, Manuela, Olguita, Juana, Saladina, Rosa de Cándida…. a pasar o rato, e tamén os rapaces do barrio.


Como pode verse neste documento de 1969,  de compra dun terreo para ampliación do torreiro de festas nos Seixiños, os dous zapateiros están presentes nas actividades do pobo. José Pérez, como presidente das festas e comprador,  e Modesto Domínguez como testigo

Desas xuntanzas sairían as comisións de festas, saídas en bicleta para ir a tal festa ou verbena, quen portaba as imaxes o día da procesión… tamén  se gastaban bromas, unha das mais habituais era deixar un oco dun asento libre cunha tachola (chincheta)camuflada na base, causando a gracia dos demais ao sentarse a vítima, outra consitía en por unha agulla nun taladro no asento sin que asomase, e a través dun curdel outro daba un tirón pinchándolle no traseiro, que cando o pinchado ía ver non topaba nada, sendo a risa dos demais.


Máquinas de coser usadas por José. A de coser materiais duros e a das cremalleras das botas da policía   

Roda utilizada por Pahiño, no seu labor de lixar e pulir na súa zapatería. Na actualidade tena súa familia en Sandián para ser restaurada. (Foto Vitoriano)

Os sábados era cando mais abarrotadas estaban as zapaterías, xa que os mozos ían a lustrar os seus zapatos de lucir o domingo, dicir que este lustrado era tipo autoservicio, cada quen lustraba os seus. Outro dos atractivos das zapaterías fora en ser os pioneiros en ter radio, cando non había televisión e contadas radios en casas do pobo. Algúns ían a escoitar o parte (noticias) que era despois de comer, e hasta as dez da noite non había outro, e as novelas radiadas, e os mais os discos dedicados de Radio Marcial e Radio Vigo


Das zapaterías sairían coplas e escritos como este TANGO, escrito por José Pérez, que despois sería recitado no palco o día das Mercedes


Típico macaco das zapaterías “¿QUERES FIADO.¡¡ TOMA!!”Este aínda se conserva na zapatería de Modesto  (Foto Vitoriano)

José cerrou  súa zapateria ao público  en 1990, aínda que seguiría facendo arranxos na súa casa.
Modesto aínda que deixaría paulatinamente,  seguiría facendo pequenas pichonadas, mais ben por pasar o tempo e estar en contacto con os veciños, xa que era  e sigue sendo ós seus 92 anos, unha persoa social, afable e campechana.

Preciosa estampa de Modesto cos nenos da Escola Infantil da Gándara, que está o  carón da súa zapatería; fora a mestra Olga Rodríguez (autora da foto) a facerlle unha entrevista do seu oficio cós alumnos, que o agasallaron  recitándolle  o poema de Germán Berdiales ”Ronda del zapatero”:
Tipi tape, tipi tape, tipi tape, tipitón, tipi tape, zapa zapa, zapatero remendón.
Tipi tape, todo el día, todo el año tipitón;
tipi tape, macha macha, machacando en tu rincón.
Tipi tape, en tu banqueta, tipi tape, tipitón,
tipitón con tu martillo, macha macha, machacón.
¡Ay tus suelas!, zapa zapa, zapatero remendón,
¡ay tus suelas!, tipi tape, duran menos que el cartón.
Tipi tape, tipi tape, tipi tape, tipitón...
 
Este escrito sirva de homenaxe a estes  destacados  veciños da Gándara José e Modesto e Ibérico da Proba pola súa labor social e artesanal.

Vitoriano de Saladina
A Gándara  Xulio de 2014
Regreso al contenido