Victorino O Bruxo - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Victorino O Bruxo

PUBLICADAS
VITORINO O BRUXO
por Victoriano da Goreña
 
Victorino Vizoso Seisdedos, popularmente coñecido polo alcume de «Vitorino O Bruxo» (en adiante Vitorino) pola súa actividade de vidente-curandeiro. Foi un personaxe mui popular, de gran fama nesta zona e arredores.
 
Nace Vitorino, o vinte e dous de marzo de 1909, sendo fillo de Ana Vizoso Seisdedos. Vivi ría no barrio de Tabordela en Piñeiro (Tomiño) e despois en Pinzás (Tomiño) ata que polos anos cincoenta se ven para A Castiñeira no Castro, muda ata seu finamento o oito de setembro de 1993, aos 84 anos de idade.
 
Vitorino tivo coa súa primeira muller Florinda un fillo chamado José (este fillo falece novo en Barcelona); vólvese casar o cinco de xullo de 1947, aos 38 anos de idade con Josefina Lima Tablas (filla da Tía Adoración), veciña do Marouco (O Castro) de vinte e tres anos, non tendo descendencia deste segundo matrimonio. Josefina finaría o 11 de xuño de 1997, aos 72 anos.


 
Lugar de Consolación a pe do monte, no barrio de Tabordela en Piñeiro (Tomiño), onde viviu Vitorino ata antes de mediados do século pasado. Coñecido como a casa dos Castellanos. Din os mais vellos do lugar, que recordan nese apartado lugar, a unhas xentes que falaban castelán, polo que a nai de Vitorino, Ana V. Seisdedos era descendente de castellanos de Fermoselle (Zamora) de onde é orixinario o raro e inusual apelido Seisdedos.

Vitorino dedicábase ás tarefas do campo: vacas para leite, criar becerras para carne, etc. Tiña unha parella de bois coa que se adicaba a labrar leiras «para fora» e a baixar toradas de pinos dos montes Trega e Torroso para os madeireiros; sempre tiña xornaleiros e persoas que por distintas razóns conviviron na súa vivenda para realizar esas faenas: súa cuñada Lourdes, Fidela e súa nai Benigna de Currás, Josefa e súa filla Nuria, etc. Dise que era moi xeneroso cando ían á súa casa a pedir para as festas do Monte, dos Entroidos do Castro, etc. Cando se casou de segunda vez, según costume popular de cando se casaba un viudo, fixéronlle unha soada cornetada, na que él «negociou» con os alborotadores, invitándoos a abundante viño e galletas. Como andaba imposibilitado das pernas, ía montado nun cabalo grande branco no que levaba unha vara grande e as muletas, dirixindo as tarefas dos xornaleiros que andaban polas leiras labrando ou no monte coa súa xunta de bois.
 
Entón, de onde ven a popularidade e fama de Vitorino O Bruxo?
 
A fama deste mítico personaxe ven dos resultados das súas intervencións como curandeiro de todo tipo de males: de saúde das persoas e dos animais, desgracias persoais, problemas afectivo-sentimentais, de negocios, meigallos, feitizos, persoas e vivendas posuídas, etc.
 
Coñezo e coñecín persoas con poder para solucionar casos de “baixo nivel”, como “cortar” aires de bichos, botar as cartas, etc., pero os poderes de Vitorino eran de moi “alto nivel”. Nas testemuñas que recollín de persoas que recorreron a Vitorino para solucionar algunha adversidade propia ou do seu entorno, hai casos de curacións e resultados que son inexplicables, son verdadeiros misterios, son milagres, técnica e cientificamente enigmáticos. Porén, xorden moitos interrogantes:
 
 Quen lle outorgou tales poderes?
 
 Como canalizaba eses poderes?
 
 Por que só unhas poucas persoas teñen ese don?
 
 Temos todos esas capacidades ocultas e non sabemos utilizalas?
 
 Ao interactuar coa persoa, a través da súa percepción extrasensorial, son capaces de observar o estado físico, emocional ou espiritual do paciente?
 
 Teñen o poder de ver os distintos círculos luminosos (aura) que emiten os seres humanos, e que pola súa magnitude, forma e colores xa lles indica o tipo de doenza. Mesmo con animais, plantas ou calquera corpo físico que emita o brillante halo que os rodea?
 
 Na relación persoal interveñen transmisións mentais entre sanador e paciente (telepatía).  A intención do pensamento en o poder de enviar enerxías curativas que inflúen na saúde do afectado?
 
 Esta relación persoal e próxima, pode favorecer o efecto placebo e autosuxestión do paciente, activando os seus chakras, os cales emiten substancias que actúan positivamente na saúde física e anímica do afectado?
 
Isto non ocorre na actual medicina moderna, onde a relación médico paciente en xeral é fría e deshumanizada. Gloria para aqueles médicos de familia como don Ramón, don Rafael, don Ermelindo, doctor Lemos… cuxa empatía na atención e relación humana cos enfermos, eran parte da terapia beneficiosa.
 
Hai estudos dos diferentes estados mentais en que funciona o ser humano, e que poden determinarse a través da frecuencia das ondas cerebrais que emite a nosa mente. En frecuencias adecuadas se poden desenvolver técnicas e estratexias que permiten as persoas capacitar o seu cerebro para aumentar seu rendemento e afrontar con éxito todo tipo de situacións. Tal son as técnicas do Método Silva de Control Mental, que fixen fai moitos anos.
 
Dáse a conxunción entre xentes sinxelas e a natureza, na que Vitorino (era analfabeto) desenvolveu e puxo en funcionamento ese sexto sentido para aproveitar os poderes da mente; poderes que posiblemente todos temos, aínda que en diferentes niveis, e que non exercitamos ou non sabemos como facelo. Algunha teoría sostén que a falla de contacto coa natureza impide  ao home moderno desenvolver estas cualidades, que son innatas no ser humano.
 
Non obstante, deseguido aporto unha serie de posibilidades, baseadas na interpretación de cruzar moitas teses, de moitos autores nesta materia, e da miña modesta investigación neste apaixonante e enigmático mundo das ciencias ocultas.
 
Ata mediados do pasado século XX, ao existir unha escasa medicina oficial e limitada en coñecementos que, ademais, non estaba ao alcance da maioría das persoas humildes, recorríase ás diversas formas da medicina popular e tradicional, ven fose para doenzas físicas como por maleficios, tanto en persoas, como en animais ou cousas. Existían os «compostores» que arranxaban torceduras, escordaduras (esguinces), etc. Tamén había «curandeiros/menciñeiros» que curaban persoas, animais, desgracias persoais e materiais, etc. Algúns trataban casos espirituais, tales como facer «limpezas» en persoas, animais, vivendas, etc., que estivesen posuídas por algún elemento que perturbaba a vida normal. Estas enerxías eran neutralizadas polo curandeiro cos seus rituais e remedios. E no caso dos seres que vagan dun lugar para outro, preto das persoas ou das vivendas, normalmente familiares extintos, son enviados polo «médium» a un lugar noutra dimensión para que descansen eternamente en paz.
 
No caso dos curandeiro/as, menciñeiro/as, feiticeiro/as videntes, clarividentes, bruxo/as…, a maioría utilizaron os seus poderes positivamente, cara ao benestar das persoas. Ás veces topándose con casos que son inducidos por outros, como os meigo/as, que utilizan a maxia negra e pactos demoníacos para facer un dano as persoas; ven na súa saúde, na dun familiar, en animais, na vida afectiva, desgracias en bens materiais (negocios, vivendas…). A neutralización destes maleficios require de gran implicación, utilizando rituais e invocacións de carácter místico ou sagrado. As crenzas místicas están asociadas ao sobrenatural; por iso, os curandeiros usan cartas, crucifixos, estolas, auga bendita, etc. Tamén usan palabras curadoras e apelacións ao sobrenatural con rezos cristiáns como o Pai Noso, o Ave María, a Salve…, na crenza que esa comunicación co Supremo Ser produce unha transformación orgánica no «paciente», obtendo os desexos invocados. Dicir que o propio Cipriano de Antioquía –San Cipriano– cando se revela contra Lucifer, por non concederlle que a bela Justina sexa súa namorada. Lucifer lle contesta: «O Dios dos cristianos e o Señor de todo creado, e eu a pesar de todo meu poder, estou suxeto os seus mandamentos, non podendo intentar nada, nin atentar contra quen faga o signo da Cruz». Antes Cipriano deixaría escritos moitos libros de maxia e encantamentos, de como pactar co demo, con espíritos benéficos e maléficos, exercicios das artes máxicas...
    
Estes clarividentes só con ver ao «paciente» xa sacan unha primeira interpretación do seu estado e tamén perciben se é incrédulo na materia; tamén perciben aqueles que non cren nesas «técnicas» ou van en plan de burla, os cales son rexeitados polo curandeiro; é máis, tamén perciben se o que quedou fóra da «consulta», e sen velo, é receptivo ou non ao feito da sanación. Déronse moitos casos onde por non crer nestas «técnicas», o afectado utilizou un intermediador; en ocasións, incluso sen o coñecemento do propio afectado. Nestes casos, con só presentarlle ao curandeiro unha peza de roupa ou unha foto do aqueixado de mal, é quen de actuar con éxito, enviando os seus poderes sanadores a distancia. Hai videntes que conseguen axudar a persoas afectadas de mal a longas distancias e sin sequera coñecelas. (Me contan casos que na actualidade se están tratando dende aquí a Canarias, Suíza e Sudamérica).
 
Polo simple feito de que existe o mal e o ben, a maxia, os feitizos e a bruxería, son unha realidade.
 
Existen dúas grandes forzas nas que se basea a Creación, tanto no seu aspecto material (visible) como inmaterial (non visible). Ditas forzas son antagonistas, unha é positiva e a outra negativa, e xuntas forman o equilibrio máxico. Dende sempre, o ser humano tivo conciencia da importancia destas dúas forzas que están presentes dende a antigüidade. A enerxía non se crea nin se destrúe, simplemente se transforma, e así é recoñecido polos principios da física universais.  
 
En 2006, Rhonda Byrne publica El Secreto, un superventas a nivel mundial, onde basea que a saúde, a riqueza e a felicidade é decisión de cada un: «todo lo que piensas lo tendrás, y si no lo tienes es que no has puesto todo de ti». Según R. Byrne, o secreto está na Lei da Atracción. A autora di: que a frecuencia do que pensamos e sentimos navega polo espazo e que volverá a nós, converténdose en algo material desexado. Se os desexos son negativos a atracción será negativa, e si son positivos, a atracción será de beneficio e do  benestar desexado.
 
Na maioría dos trastornos psicosomáticos a medicina oficial non e efectiva, polo que se recorre a técnicas alternativas (homeopatía, naturopatía, osteopatía, aromaterapia, ioga, meditación, control mental, reiky … e a autosuxestión a través de repetitivos pensamentos curativos, e da oración.
 
No libro de Yogi Ramachasana La medicina psíquica (1921) incide sobre a forza vital, que é unha fracción da enerxía universal, e que cada persoa é un terapeuta potencial, e que todos podemos desenvolver e aumentar esa forza vital.
 
O pensamento é unha enerxía e cando unha persoa é atacada por forzas psíquicas externas, estas colócanse no plano do pensamento; polo tanto, tamén deben ser defendidas e neutralizadas por medio da utilización da mente.
 
O poder da mente humana pode mellorar a saúde física e mental. O poder da mente e tan ilimitado como descoñecido, realmente so utilizamos un dez por cento do noso cerebro. O complexo funcionamento do cerebro sigue sendo un dos grandes misterios para a ciencia.
 
Aparte do poder mental necesario, estas persoas extraordinarias compleméntanse con rituais, como ensalmos (palabras, peticións, oracións, conxuros, invocacións…), xestos, fume de herbas, estolas, coitelos, vasoiras, allos, prendas, crucifixos (Vitorino utilizaba a Cruz de Caravaca), etc., para as súas cerimonias e así facer máis fortes as enerxías sanadoras;  ao mesmo tempo, aproveitan as leis da afinidade e da analoxía, dando así máis poder aos seus actos de vontade.
 
Aparte dos remedios naturais caseiros que Vitorino «recetaba» tamén lles proporcionaba certos compostos de botica: cando era para «limpar» un mal de ollo ou amarres, dáballes unha mestura de follas de sen cocidas con unha onza de aceite de ricino e sulfato sódico; os amarres eran producidos polos pais dunha noiva que lle daban a beber o  noivo viño con azucre e cristais triturados en fino polvo. Para as doenzas producidas por envidias: un purgante de limpeza, consistente en viño de Xerez con dez gotas de tintura de iodo, dez gotas de licor de Flover, vinte gotas de quina de Loja e vinte gotas de quina calisaia. Para outros males: usaba aceite negro con xofre e incenso en gran.
 
A orixe de tales ritos perdeuse na noite dos tempos, pero todos baséanse na maxia da correspondencia. As crenzas místicas están relacionadas co sobrenatural e están asociadas á fe.
 
Álvaro Cunqueiro, no seu libro Escola de Menciñeiros di: «Dos curadores de quen conto, sempre me sorprendeu que de feito curasen doentes i o coido humán que puñan no seu trato, amén dunha sotileza inteleitual que lles viría, digo eu, do recoñecemento de segredos ordes da Natureza na cal o home é unha parcela coios lindeiros nin se saben»… «Pro eu nun sun quen para dicir que é curar… esas doenzas, verdadeiras, profundas i a vez de alma e corpo que os curadores curaban. Conto o que oín, falo de xente que conocín…»
 
Eu digo o mesmo: como todo profundamente enigmático e de estraños fenómenos, para min, estas pseudociencias pertencen ao mundo dos misterios impenetrables.
 
Descoñecemos o universo infinito. Descoñecemos cientificamente quen e Dios ea creación.
 
Aínda que era moi habitual recorrer a este tipo de remedios dos curandeiro/as, os «usuarios» (a xente) facíano pola calada e a escondidas, e non llo contaban a ninguén. Hipocritamente estaba mal visto, aínda que estaba xeneralizado recorrer a estas eficaces «terapias». Durante as miñas indagacións sobre casos de intervencións de Vitorino, naide sabe nada de nada, pero o confraternizar con calquer persoa, xa sale algún caso de que alguén da familia recorriu a Vitorino. Polo que observei, que é rara a familia que da zona e de lonxe que non precisara dos servicios deste extraordinario curandeiro.
 
A influenza da igrexa católica e demais poderes dominantes, mantiñan na sociedade un sentimento de pecado e de delito, polo tanto de temor/terror. Xa en tempos atrás se demonizaban estas prácticas, perseguindo aos supostos bruxos/as, aplicándolles severos castigos, tales como queimalos vivos, excomulgalos, castigos físicos, multas, torturas, prisión… Non interesaba aos poderes: persoas sabias, librepensantes, amantes do natural, solidarias… eran un «perigo», por iso foron perseguidas, e ainda hoxe por restos herdados de mentalidades atrasadas, son  menosprezadas.
 
Na actualidade no santuario de San Campio de Lonxe de Figueiró, existen unhas follas a disposición dos fieis, onde se da un sinxelo remedio de como facer unha «limpeza» na vivenda:
 
«LIMPIEZA Y PROTECCION CON AGUA Y SAL
 
 Se pone un vaso mediado de agua bendita con una o dos cucharadas soperas de sal gruesa. Un vaso basta para toda la casa o local. Se pone en cualquier sitio de la casa, especialmente en aquel lugar donde se centra el mal.
 A los ocho dias se echa fuera, en el baño, fregadero, lavabo, etc.
 Se lava el vaso y se pone agua y sal nuevas.
 Esto se repite como mínimo durante un mes y medio.
 Si baja el nivel del agua o de la sal, se repone agua o sal. Durante los ocho dias tiene que mantenerse el mismo nivel de agua y sal.
 Si la sal crece en el vaso y rebosa, se pone el vaso dentro de un plato para que no manche la sal y se deja hasta los ocho dias, que se echa todo fuera.
Cualquier variación que se observe en el agua o la sal no es mala señal, todo lo contrario, indica que el agua y la sal están haciendo su efecto, esto es, combatir el mal o impidiendo que nos hagan daño.
En la Iglesia, al demonio o a quien nos haya hecho mal o nos lo este haciendo, se combate con agua bendita y sal. Esta agua, a poder ser, debe de ser bendecida con la «Oración de Bendición del Ritual de Exorcismos».
El vaso de agua y la sal limpian y protegen la casa y a todos los que viven en ella.
Es útil este remedio para combatir cualquier síntoma diabólico que se pueda observar en una casa o negocio. P.e.: sombras que pasan de noche; presión sobre el cuerpo que puede experimentar una persona cuando esta en cama; personas que gritan sin saber por qué, ruidos; luces, televisores u ordenadores que se encienden solos, puertas que se abren solas; malos olores; etc. En comercios o negocios es síntoma de este poder «malefico» la caída repentina de ventas o cualquier fenómeno que se perciba que no es normal.
Es igualmente eficaz este remedio para luchar contra la presunta posesión diabólica de alguna persona».
 
VITORINO O BRUXO CURANDEIRO/MENCIÑEIRO
 
Á procura de remedio a calquera situación, acudían a Vitorino xentes de todas clases sociais e lugares, dende os máis humildes a persoas ben situadas e cultas, dende veciños a xentes de lugares afastados. Ao torreiro do Castro e o de Buxán , preto da súa casa, chegaban persoas preguntando por Vitorino, don Vitorino ou polo doutor Vitorino. Viñan a pé, a cabalo,no coche de línea, ou en coches de todo tipo, ata Dodge Darts con chofer. Xentes que ían a cortar «aires de bichos» (de toupeira, de cobra, de sapo, de saramaganta, etc.), porque lles saían polo corpo ronchas, eccemas…, ou curar «males de ollo» (doenzas e desgrazas de todo tipo)… Teño testemuñas de que médicos e especialistas, cando non daban atallado con medicación unha certa doenza, chegaban a dicirlle ao paciente: «esto ya no es cosa mía»; o que significaba que o afectado tiña que recorrer a outro tipo de «especialistas» como Vitorino.
 
Vitorino nada máis ver o tipo de síntoma no corpo, xa dicía se era disipela (erisipela), aire de sapo, de saramaganta, de cobra, de toupeira, ou doutro bicho. Os rituais de Vitorino O Bruxo, Estrella da Gandra e doutros curandeiros para «cortar o aire» preparaban un afumadoiro, que consistía en facer lume nunha tella vella con carbóns de leña no que lle botaban certas herbas con propiedades que eles coñecían: ruda, herba moura, barbas de millo, romeu, herba moura, herba sapa, homes bos, palla de allo, follas de freixo, piña verde e outras, pasando o fume purificador polas zonas afectadas do paisano, ao mesmo tempo que con un coitelo facía cruces no chan e na zona do mal, mentres con gran devoción recitaban:

 
Aire de sapo, sapón, aire de saramaganta, saramagantón,
aire de cobra, cobrón,. corto cabeza, rabo e cabezón, corto tódolos aires malos,
corto aos aires de todo condenado, para que este mal non vaia adiante e vaia para fora.
Na gracia de Deus, do Espírito Santo,
San Xoaquín e Santa Ana, que todo o cura e todo o sana, naceu, viviu e morreu Cristo,
antes que este mal fora visto,
morra este mal e viva Xesucristo,
Cristo vive, Cristo reina, Cristo de tódolos males me defenda.
Despois rezaban o Pai Noso e unha Ave María. Outro ensalmo utilizado era:
Corto tódolos aires malos, córtolle a cabeza, córtolle o rabo,
corto os aires de todo condenado,
para que este mal non vaia adiante e vaia fora, coa gracia de Deus e do Espírito Santo.
San Xoaquín e Santa Ana, que todo o cura e todo o sana.
Casa de Xerusalén onde Xesús entrou, o momento este mal saíu e o ben entrou, e así para o paciente eu pido a Xesús,
que tamén saque o mal e entre o ben. Naceu, viviu e morreu Cristo, antes que este mal fora visto,
morra este mal e viva Xesucristo,
Cristo vive, Cristo reina,
Cristo de tódolos males me defenda.
Eu to desafumo en cruz, no Santo nome de Xesús, con Romeu sagrado,
que por Deus foi nacido sen ser sementado,
quita o aire do morto, do vivo, e do condenado.
A nosa Señora «exento» sementou e romeu verde sacou,
e o seu querido fillo «desafumou»,
e así tu sanes como o fillo da Virxe María sanou.
Por aquí pasou Cristo, morra este mal viva Xesucristo.
Dios mate este bicho, que tanto mal me fixo.

Tamén curaban a disipela (erisipela) que era unha inchazón encarnada na cara e nos ollos. Para cortar a disipela facían un brebaxe de aceite, unto e borralla; logo, mollaban un estropallo e unha pluma de avefría que pasaban pola cara do afectado facendo cruces, e recitando ao mesmo tempo:

¿De dónde vienes San Julián?
Señor, ¡vengo de Roma!
¿Que había allí Julián?
¡Señor, mucho mal!
¡Fuego ardiente y la serpe!
iVolved allí Julián!
¿A qué Señor?
A curar ese mal.
¿Con qué Señor?
Con cuerda de esparto y pluma de ave viva, unto y agua fría,
un Padrenuestro y
un Ave María.

Este outro ensalmo, aínda é utilizado hoxe por unha cortadora de aires do Rosal:
 
Cruz no monte.
Cruz na fonte.
Para que o demo non me encontre.
Nin de noite, nin de día.
Polo pino do mediod
Mal pa fora
Bo pa dentro

CASOS DE INTERVENCIÓNS DE VITORINO
 
Das moitas e variadas testemuñas que recollín das curacións e beneficios de todo tipo realizados por Vitorino, a maioría son de persoas que foron os protagonistas directos e, nalgún caso, acaecidos a unha persoa próxima da que mo contou. Destaco en primeiro lugar o seguinte caso, pola súa veracidade e «alto nivel». Aínda que xa foi publicado neste mesmo libro de Pascua de 2006 por Praxíteles, estes días falando con el, me reafirma tales feitos, xa que el mesmo foi testemuña  directo desta asombrosa curación:
 
           Da zona do Condado, ven xunto de Télix un coñecido seu para que o levase á casa de Vitorino por unha emerxencia vital. O tal coñecido tiña un cuñado que tivera un accidente laboral nun brazo, e como durante dous anos a zona afectada fora a peor cos tratamentos médicos, o enviaron a un hospital especializado de Madrid. Pasado ano e medio, comunicaron á familia que o fosen a buscar para que falecese na casa, xa que non había cura, e estaba nas últimas. O cuñado deste desafiuzado, sabía da fama de Vitorino o Bruxo, xa que tivera outro familiar en cadeira (silla) de rodas, e o pouco de recorrer a el, xa xogaba ao fútbol. Meteu deitado ao cuñado no asento de atrás da furgoneta, e acércase xunto de Télix para que lle ensine onde era a casa de Vitorino; no Castro, pregúntanlle a José o Peludo, o cal os acompaña. Pregúntalle Telix ao amigo: e teu cuñado? Ao que o amigo lle responde: está aí deitado no asento. Ao abrir a porta Télix exclama: ¡pero si está morto!É que se non o ve Vitorino morre polo camiño, lle contesta o cuñado. Me di Telix: «non parecía un ser humano, era como un can engruñado». Cólleo en brazos o veciño do Castro José O Peludo (guarda de campo), xa que Vitorino non deixou pasar nin a Télix nin ao cuñado. Os dous quedaron no camiño á espera. Ao cabo de media hora, escoitan unha animada e forte conversación na eira da casa de Vitorino. Ao que o cuñado exclama: ostias!, pero si ese que fala é meu cuñado! Ao abrir o portal miran que veñen camiñando e en animada conversación entre o que entrara cadáver e o veciño do Castro; Telix e o cuñado quedaron abraiados.
 
Aínda hoxe, di Télix: «quedei con moitas preguntas, pero podo asegurar que foi así, porque eran as doce do día, e así o vin eu e dúas persoas máis; o que sei é que aquel home entrou cadáver e aos vinte minutos saíu cheo de vida». Pasados uns meses, atopáronse o cuñado e Télix, ao que este lle pregunta: que foi daquel teu cuñado que fóramos a Vitorino con el?» –«Cala home. Está forte como un carballo, xa leva tres meses traballando na fábrica».
 
           Polos anos corenta, un muciño de Salcidos estaba nun estado extremo de debilidade, devolvía o leite que súa nai lle daba, e como daquela morrían moitos rapaces (anxeliños), se daba que… non sobreviriría, polo que os rapaces da veciñanza, ían a preguntarlle a nai se xa morrera… (daquela aos rapaces por portar os materiais do velatorio e enterro dábanlle unha pequena retribución). A vista do previsto desenlace, o pai colle a bicicleta e se despraza a Piñeiro (Tomiño) na procura da axuda de Vitorino, o que viría xa esa noite no seu cabalo e o pai na bicicleta na total escuridade, xa que daquela non había alumeado público. Vitorino «trata» o muciño e seu entorno. O rapaciño comezou a comer e mellora, tal que, os nove días xa estaba san. Este veciño tivo unha vida normal: telleiras, emigración, negocios…Hoxe aos seus setenta e tantos anos sigue forte como un carballo.
           Tamén polos anos cincuenta, outro rapaz, éste da Marina, non comía e estaba apocadiño, xa non tiñan esperanzas de que vivira moito tempo, tanto os pais como o médico. Polo que o pai decide como último recurso acudir co rapaz no colo a Vitorino. Neste caso si, me din o «remedio» aplicado: puñanlle un vaso con auga invertido na cabeza ao rapaz, ata que a auga fervese, ata tres vasos, en que deixou de ferver, (a min me resulta tan sorprendente como a calquera), pero… mo acaba de contar súa irmán que así o presenciou seu pai, e así sempre o contaba na casa). Sale da casa de Vitorino o pai co rapaz no colo, e por riba do camiño había unha viña, e o rapaz lle di o pai: teño fome pa!, quero un cacho!, o pai colle un cacho de uvas e llo da o rapaz, que baixa do colo e ponse a andar comendo nas uvas cun apetito como antes nun tiña. Dende aquela se criou con normalidade, nunca tivo unha enfermidade, foi mariñeiro… e hoxe xubilado en perfectas condicións físicas.
 
           Tamén Vitorino debía ter poderes de percepción extrasensorial a distancia. Uns emigrantes de Salcidos en Suiza, fálanlle a un amigo italiano das pecualiaridades de Vitorino, polo que o italiano se despraza en tren dende Italia para que Vitorino lle solucionase unha preocupación que arrastraba duns acontecementos ocorridos cunha familia rusa durante o tempo que estivo na II Guerra Mundial nese país.  Para asombro do italiano e de quen mo contou, Vitorino «contactou» coa muller rusa coa que o soldado italiano tivera algún episodio polo que o tal soldado fascista marchou aliviado dunha pesadilla que o atormentaba…
 
           Outro caso, este bastante curioso, fora a principios dos anos setenta. O Sporting Guardés levaba unha mala tempada, con un bo equipo, pois  sempre perdían ou empataban, polo que os directivos acordan levarlle as camisetas dos xogadores a Vitorino para que lles «limpase o maleficio». Van a xunto de Vitorino dous directivos, Xeno e Ligero (Ligero non entrou), o entrenador e o capitán do equipo con as camisetas. Durante o cerimonial, Vitorino seica dáballe ca estola o capitán nas rodillas. Como remedio, indicado por Vitorino, tiveron que levar unhas manadas de herbas do terreo de xogo do Estadio del Tecla e botalas no campo do seguinte encontro, que foi no do Turista de Vigo, equipo que ía en cabeza da clasificación. Sorprendentemente, e como fose, nese encontro o Sporting, gañou por tres (3) a cero (0).
           Outro caso tamén gracioso. Invitaran a Vitorino a unha matanza nunha casa nos Sete Camiños. Na hora de xantar, xuntárase demasiada xente, ao que Vitorino puxo remedio facendo unhas invocacións para que falaran os defuntos dos que alí estaban de máis, os cales fuxiron espantados do lugar, polo que quedou xantar abundante para os que alí quedaron.
 
           Noutro ocasión, acode a Vitorino unha parella por problemas persoais de relación. Nada máis velos, Vitorino lles solta: pero se sodes medio irmáns, de distinta nai pero do mesmo pai!
 
           Ricardo, que formou parte dos achegados á casa de Vitorino xa que en ocasións exercía como axudante, entroutras persoas, relatoume moitos dos servicios que este realizaba. Contoume que el comprara un coche novo, o trouxo para a casa e llo ensinou a Vitorino; ao abrir a porta do lado dereito e ver para o asento, este lle di: aquí estivo sentada unha muller!Pois non o sei, veño de buscalo da marca, e é «novo do trinque». Ricardo tivo que ir ao concesionario para preguntarlle ao vendedor si algunha muller estivera no asento do lado. Ao que este lle responde: pois si, fun a botarlle gasolina e levei á oficinista comigo.
 
           Noutra das historias, había un rapaz que daba angustiosos saltos e gritos na cama. Como os pais non crían nesas cousas, foi un familiar quen lle levou unha peza de roupa do rapaz a Vitorino. Ao vela, Vitorino díxolle que era o seu defunto avó que o «visitaba» e como en vida lle quería moito, agora quería levalo con el. Como remedio tiveron que ir por unhas velas ao cemiterio e, coas invocacións de Vitorino, desde esa noite acabáronse os pesadelos nesa familia.
 
           Unha vez, cando se ía celebrar o banquete dunha voda caseira, apareceu tanto o lugar como os invitados inzados de piollos. Recorreron urxentemente a Vitorino, e ca súa intervención fixo que desaparecera a praga que, segundo el, fora promovida por unha envexa ou «mal de ollo», celebrándose despois o banquete como de costume.
 
           Varias testemuñas de coincidir de que a persoa que levaba un rapaz, porque estaba en extremo débil por non comer; Vitorino dicirlle que a culpa de tal deplorable  situación era desa propia persoa.
 
           Noutra ocasión, un paisano tiña unha molesta pedra no ril que os médicos non eran quen de expulsala. Paralelamente, recorreron a Vitorino, o cal no seu seguimento situaba a pedra no mesmo sitio cos especialistas, e coas súas artes acelerou a súa expulsión.
 
           Outro doente que estaba moi mal, acode a Vitorino, e nada máis velo, lle
 
di que ten que ir á Residencia, que era algo grave; logo diagnosticáronlle unha leucemia da que foi tratado no hospital. Paralelamente, recibiu as «terapias» de Vitorino. A día de hoxe (novembro de 2019) este home segue traballando.
 
           Algún solicitante para ingresar na fábrica de Citroën, antes de facer a entrevista, tamén recorría a Vitorino para que «intermediara» no resultado positivo da mesma. Sendo os resultados sempre positivos.
 
Estes e outros máis casos que me contaron teñen a súa credibilidade, por ser persoas serias e relacionadas directamente con eses feitos. Pero existen na voz popular dous casos que son de dominio xeneralizado, os cales penso que son por gracia e desmerecemento cara as verdadeiras e beneficiosas intervencións de Vitorino:
 
           Foran  dúas persoas a polos servicios de Vitorino, ao subir polo camiño cara a súa casa, unha solta un peido; ao que di: «este peido é po Vitorino». Uns din que foran os rapaces da casa que andaban xogando polo camiño que escoitaron, outros que detrás da parede do lugar estaba unha persoa da casa que tamén escoitara, e que ou uns  ou outros llo contaran a Vitorino antes de atender as mulleres. Cando entran a «consulta», Vitorino espétalle: a vos non vos atendo, entón o peido era pra mín… As dúas persoas quedaron asombradas a vista da capacidade «adivinatoria» de Vitorino.


Entrada á casa de Vitorno

           Outro mito tamén mui extendido, en plan truco e gracioso, era o do sapo, no que Vitorino lle dicía ao «paciente»: tan certo o que che digo, como que vai a aparecer aquí un sapo! E nese intre, supostamente unha das persoas da casa en complicidade, metía un sapo por debaixo da porta. Esta versión e moi coñecida nesta zona, que podía ser incerta, pero sorprendeume hoxe (7 de decembro de 2019) cando unha velliña de Tabordela–Piñeiro, me conta que polos anos corenta, sendo ela unha rapariga, colaboraba na escena, metendo o sapo pola rendixa da porta, nos tempos en que Vitorino vivía e exercía nese lugar.

 
           Os luns Vitorino ía co seu taxista habitual, Cándido, a Vigo, ás citas que tiña con asesores de empresarios.
 
Por todos estes «servicios» non tiña unha tarifa, mais tiña un prato na mesa onde os doentes tratados deixaban un donativo «a vontade». Tamén recibía produtos do campo: chourizas, xamón, e os da zona da Marina levábanlle as mellores pescadas.
 
Na publicación que divulguei no libro das Mercedes de 2002, sobre a curandeira Estrella da Gándara, danse moitas similitudes entre estes dous personaxes: sinxelos, de orixe humilde e sen ánimo de lucro, etc.

 
Os bártulos usados por Vitorino nas súas intervencións: estola, vara de acevo, o libro de ensalmos, a Cruz de Caravaca,… foron dados a unha das mulleres que atenderan a Josefina (Fina) muller de Vitorino. Esta persoa se dedicaría despois a exercer a videncia.
 
Hai persoas que cren totalmente nesta pseudociencia. Outras son totalmente incrédulas e seguen defendendo que a medicina científica é a única válida para todos; pero aínda que se apliquen ao mesmo tempo ámbalas dúas, non se «pelexan»; é dicir, poden ser compatibles.

 
Recollendo testemuñas de casos, un paisano metido nese «mundo» díxome algo sorprendente: «morre máis xente de dano desexado, que de morte natural», o cal non deixa de ser sorprendente!

 
Si algunha das curacións realizadas por Vitorino, se hubesen dado en Fátima ou Lourdes serían considerados milagres, e si as realizase algún alto dignatario relixioso, o canonizaban santo.

 
Hai un dito popular da retranca galega: NON CREO NAS BRUXAS, PERO HABELAS HAINAS.

 
Que esta divulgación sirva de recoñecemento e homenaxe a Vitorino Vizoso Seisdedos (Vitorino O Bruxo) e demais extraordinarios personaxes que tanto ben fixeron coas súas enigmáticas curacións. Incluso sería de xustiza dedicarlle algún tipo de mención pública nos pobos onde residiron.
 
 
Victoriano Rodríguez
 
A Gándara.  Xaneiro de 2020
 
Agradecer a todas as persoas que me aportaron testemuñas para esta publicación, que foron moitas. Todos os casos aquí publicados teñen nome e son de persoas coñecidas. Por respeto a súa privacidade non son nomeados.
Regreso al contenido