Tui - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui

COMARCA
Os propietarios de inmobles no conxunto histórico interesados no programa Rexurbe convocados a unha reunión informativa
Tui, 30 de abril de 2021. O conxunto histórico de Tui é un dos tres beneficiarios, xunto aos da Coruña e Ribadavia, do Programa Rexurbe do IGVS da Xunta de Galicia. O programa consiste na compra por parte do IGVS de solares, vivendas, edificios ou ruínas ubicadas no ámbito do Conxunto Histórico de Tui para proceder á súa rehabilitación co obxecto de destinalos a vivenda social en venda ou aluguer.
Os propietarios interesados poden presentar até o 9 de xullo a documentación coa súa oferta de solar ou inmoble para ser adquirido polo IGVS.
Para informar de xeito pormenorizado do Programa Rexurbe o próximo mércores, ás 20 h, no salón de sesións da casa do concello haberá unha reunión informativa para todas as persoas interesadas. Participarán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e o director xeral do IGVS, Heriberto García.
As persoas interesadas poden contactar tamén coa Área de Rehabilitación os martes e xoves de 9:00 a 14:00 h, ou enviar un correo a  ari@tui.gal.
 

A nenez de Xela Arias protagoniza a mostra itinerante que estes días se pode visitar en Tui
Tui, 21 de abril de 2021. Dende hoxe e até o sábado pode visitarse no anexo da Sala Municipal, na Área Panorámica a mostra “Aquela nena de Sarria”.  Esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron a mostra xunto ao presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
Precisamente esta exposición é un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Doce paneis recollen os primeiros anos da vida de Xela Arias, a súa vinculación co rural e co noso idioma.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradecía ao colectivo Egeria que a exposición se poida ver en Tui, e convidaba á veciñanza a achegarse “porque é unha exposición sumamente interesante sobre os seis primeiros anos de Xela Arias, que nos identifica e nos traslada a outro territorio coma é o rural lucense”. Engadía que se trata “dunha magnífica ocasión para seguir aprendendo e vivindo a cultura de Galicia”.
O presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, explicana coma os tres anos que Xela Arias viviu en Sarria a marcaron tan fortemente que sempre volvía ao seu pobo, e logo faríao tamén co seu fillo. Unha relación que queda reflectida nas fotografías que forman parte da mostra, parte procedentes do álbum familiar. Unhas fotografías que logo foron o punto de partida dunha serie de debuxos realizados pola pintora lucense Sabela Arias, que “complementan á propia fotografía”. Recolle tamén a traxectoria dende “Xeliña fala galego” até chegar o momento actual “onde un conxunto de mulleres, ‘Elas’, seguidoras ou compañeiras de viaxe de Xela nos ofrecen precisamente poemas na súa honra”.
Máis información: www.aquelanenadesarria.gal
 

Cuarta parada do ‘Museo en Camiño’ en Ribadelouro para divulgar as principais obras do Museo de Pontevedra e levar o espírito Xacobeo á xente nova
Tui, 04 de maio de 2021. ‘O Museo en camiño’, unha iniciativa do Museo de Pontevedra e do programa ‘O teu Xacobeo da Xunta de Galicia , realizará a súa cuarta parada no Camiño Portugués en Ribadelouro (Tui) para  dar a coñecer as obras máis importantes que ten nas súas coleccións a institución museística pontevedresa e difundir o ‘espírito xacobeo’ na xente máis nova da vila.
A actividade desenvolverase no centro cultural de Ribadelouro de 17 a 19 horas e terá como finalidade que nenos e nenas de 6 a 12 anos coñezan un pouco máis sobre o patrimonio artístico e cultural do Camiño de Santiago.
Este obradoiro de carácter plástico e creativo terá as prazas limitadas para poder cumprir con todas as medidas sanitarias actuais, polo que as persoas insteresadas en que participen as súas crianzas deben formalizar a inscrición previa  - de balde- no correo electrónico contacto@tallerabierto.info ata completar aforo. Daráselle prioridade á cativada da localidade de destino, neste caso, desta parroquia de Tui. A veciñanza deste concello, en calquera caso, terá unha nova oportunidade de participar nesta iniciativa, xa que se celebrará outro obradoiro tamén no centro urbano de Tui.
O Museo de Pontevedra convértese así nun ‘museo itinerante’ que seguirá o Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño e parará en dez poboacións da ruta como son tamén Tui, Ribadelouro, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga, Pontecesures e Padrón.
Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunha ‘maleta viaxeira’ con réplicas en miniatura de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.
Os colectivos creadores do programa e que traballarán coa rapazada serán Taller Abierto e Paspallás . A inciativa inclúe tamén unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido “coa intención de trasladar todo o vivido ao público”.
   
O Concello de Tui organiza dous cursos de Prevención de Riscos Laborais en colaboración coa Fundación Laboral da Construción
Tui, 04 de maio de 2021. O Concello de Tui en colaboración coa Fundación Laboral da Construción organiza en Tui dous cursos de prevención de riscos laborais na construción.
Trátase dun curso Básico de Prevención en Riscos Laborais cunha duración de 60 horas, e dun curso de Prevención Específico, de 6 horas lectivas. Para a realización do curso específico terán preferencia as persoas que realicen o curso básico, amais aquelas outras interesadas deberán presentar a documentación acreditativa de posuír o curso básico. Estas actividades formativas van dirixidas a maiores de 18 anos, aínda que no caso de quedar prazas vacantes poderían inscribirse maiores de 16 anos.
As persoas interesadas teñen que inscribirse, até o venres, 28 de maio, enviando a ficha de inscrición, accesible en tui.gal, ao correo cfo@tui.gal. Deben indicar a preferencia de horario de mañá ou tarde para realizar o curso.  A orde de inscrición para cubrir as prazas será a orde de entrada do correo coa ficha de inscrición.
Pódese ampliar esta información de luns a venres de 9 a 14 h no 986 60 39 49.
    
Tui escenario da gravación da serie “Un Asunto Privado”
Tui, 4 de maio de 2021. As rúas de Tui xunto a edificios coma os antigos xulgados na Praza da Inmaculada ou o Seminario Menor, están sendo dende onte luns o escenario da gravación da serie “Un Asunto Privado” de Bambú Produccións, dirixida por David Pinillos e María Ripoll e creada por Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Gema R. Neira.
Drama, romance, acción e comedia mestúranse nos 8 capítulos que conforman “Un Asunto Privado”.  A serie está protagonizada por Marina Quiroga, unha muller de alta sociedade que se dispón a atrapar a un asasino en serie coa axuda do seu mordomo Héctor. Demostra o seu talento e loita contra os estereotipos para converterse nunha muller detective nun mundo de homes.
En Tui estánse a rodar escenas tanto dos anos 20 coma dos anos 40 o que supuxo algúns cambios en lugares coma o Paseo da Corredoira, onde hoxe se ronda os exteriores, sen terrazas e con parte do mobiliario urbano retirado.  Así grazas á rodaxe hoxe puideron verse no Paseo da Corredoira dende coches de cabalos e clásicos dos anos 40.
Xa dende a semana pasada, cando comezaron os preparativos da rodaxe, na zona do Paseo da Corredoira vese o gran despregue que implica a gravación no que participan un centenar de técnicos e 60 figurantes.  Entre os actores que están gravando as escenas estes días en Tui están Tito Valverde, Aura Garrido, ou Pablo Molinero.
A serie será emitida en Amazon Prime Video en máis de 240 países.
Dende o Concello de Tui valórase positivamente que a produtora Bambú teña elixido Tui coma un dos lugares para a gravación das escenas, xa que isto repercutirá positivamente na imaxe turística de Tui, dándoa a coñecer a nivel internacional.
 

Cultura e música para a recuperación: a aposta da Eurocidade Tui-Valença polo MUMI 2021
Tui, 5 de maio de 2021. “Estamos ávidos de espectáculo”. Así o proclamaba o presidente da Cámara Municipal de Valença (Portugal), Manuel Rodrigues Lopes,  na presentación hoxe mércores 5 do MUMI 2021, o encontro profesional das  músicas do Minho que se celebrará do 9 ao 11 de setembro. Xunto a el, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González e representando á organización do MUMI, César Cardoso e Manuel Vicente Roxo. “Non temos dúbida de que o MUMI vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, subliñou Cabaleiro. O encontro do sector musical, que terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui en 2021 e xa ten o compromiso e interese de ambos municipios para 2022. A presentación hoxe mércores 5 no Arquivo Municipal de Valença foi tamén unha celebración da apertura da fronteira terrestre entre Galicia e Portugal tras catro meses de peche.
César Cardoso e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, remarcaron o carácter de punto de encontro que terá o MUMI despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia. “O MUMI pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses”, sinalou Roxo. A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os dias 9, 10 e 11 de setembro. “No MUMI sabemos da importancia da proxección pública, de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta concertos nas dúas edicións nun territorio único como é a Eurocidade”, apunta Roxo.
O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude. Na Eurocidade Tui-Valença o MUMI desenvolverá as edicións 2021 e 2022 xa que, tal como sinalou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “este territorio é o mellor escaparate para unha Feira coma esta e as institucións imos volcarnos”. Na rolda de prensa, na que tamén estivo presente Sonsoles Vicente Solla, responsable de Cultura no concello de Tui, Cabaleiro fixo fincapé na magnitude e singularidade dun territorio como o que conforman Tui e Valença. “O futuro de Galicia está en Portugal e boa parte do de Portugal está en Galicia. Estamos ante unha das poucas fronteiras en Europa de carácter urbano. Antes da pandemia, catro mil cincocentos vehículos cruzaban a diario a ponte entre Tui e Valença, o cal dá idea das relacións sociais, económicas e culturais que hai establecidas”, afirmou.
Pola súa banda, Manuel Rodrigues Lopes, presidente da Cámara Municipal de Valença, contou que foi dos primeiros veciños en cruzar a Tui o pasado sábado 1 de maio, día no que se levantou o peche da fronteira. “Nós non temos unha ponte, temos unha rúa que nos une, nunca precisamos de pasaportes”, sinalou nun discurso cheo de afectividade e entusiamo por proxectos conxuntos como o MUMI. “Alabo a coraxe o equipo organizador, falamos de dúas cidades interligadas que precisan de horizontes comúns. Durante estes catro meses, Valença botou moito en falta a alegría dos galegos e estou convencido de que Tui non era o mesmo sen a presenza da veciñanza do norte de Portugal. O MUMI 2021 é un embrión de todo o que pode vir nun futuro próximo”, afirmou.
Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita en setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos concellos, que aportan 15.000 euros cada un deles. Ademais do impacto económico que terá na contorna, desde a organización remarcan o impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apunta Manuel Vicente Roxo.
 

Regreso al contenido