Tui, xuño 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, xuño 2020

PUBLICADAS

Este mércores 1 de xullo abriranse os parques infantís
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Este mércores, 1 de xullo, abriranse os parques infantís ao longo do municipio de Tui cumprindo as medidas de seguridade establecidas debido á pandemia da COVID-19.  Explican dende a concellería de Parques e Xardíns que na tardanza na apertura dos parques primou en todo momento a seguridade dos usuarios, e axustarse á nova normativa en vigor.
Así o Concello de Tui colocou nos parques infantís cartelería informativa coas medidas a cumprir coma o uso obrigatorio de xel hidroalcohólico no acceso, para o que foron instalados dispensadores deste produto. Amais débese gardar a distancia social de metro e medio nas zonas comúns, poderá haber un máximo de dous nenos por xogo infantil e un máximo de 2 persoas por banco público. Segundo a nova normativa publicada o sábado no DOGA deberá haber só unha persoa por cada 3 metros cadrados. Amais o Concello, tal e coma recolle a normativa da nova normalidade, realizará unha desinfección diaria de cada parque infantil, para o que contratou a unha empresa externa, destinando a este cometido unha partida de 20 mil euros.
Todas as medidas implantadas son financiadas con fondos propios.
Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía para realizar un uso responsable destas instalacións.
Por outra parte o Concello de Tui está traballando na mellora dos vinte parques infantís existentes no municipio, tomando coma punto de partida o traballo previo realizado polo anterior equipo con fichas individualizadas sobre a situación de cada instalación e as deficiencias que presenta.
Durante o estado de alarma con medios propios procedeuse ao acondicionamento das instalacións dos parques infantís de Sobredo e Caldelas, e cunha empresa externa acondicionouse o do Penedo. Traballos que están xa rematados.
Mentres continúan a executarse por parte de empresas externas especializadas arranxos no parque infantil situado no Paseo Fluvial.
No que respecta á parte baixa do parque infantil dos Xardíns de Troncoso foron retirados os elementos de xogo, que están a ser restaurados por persoal municipal. Farase un pequeño reacondicionamento da zona á espera do resultado do estudo realizado para coñecer as causa dos afundimento que presenta o muro, e en función dos resultados contratar o proxecto e obra de adecuación. Posteriormente nesta zona habilitarase unha zona xogo  para nenos e nenas de 0 a 5 anos.  Colocarase céspede artificial, dúas porterías, unha canasta de baloncesto, dous balancíns e unha mesa de xogo de 3 en raia con dimensións axeitadas para nenos de 0 a 5 anos a quen irá destinada esta área.
Esta semana comezan as obras de acondicionamento do parque infantil situado no CEIP de Rebordáns, financiadas con fondos da Deputación de Pontevedra. Tamén con fondos provinciais, executaranse arranxos no parque infantil da aula de Bornetas do CRA Mestra Clara Torres, no parque e área de recreo en Areas, e no parque infantil da Gándara en Guillarei. Os elementos antigos desta instalación serán restaurados para poder ser empregados noutros parques tal e coma recollen os pregos de licitación. Nestas actuación prima o disfrute dos máis pequenos con elementos inclusivos, e a instalación de biosaudables para que o recinto poida ser empregado por toda a familia.
Noutros puntos, coma en Ribadelouro, debido ao mal estado dos elementos do parque infantil foron retirados os xogos e serán en breve colocados outros. Mentres o Concello continua a redactar novos proxectos de acondicionamento dos parques infantís, traballando ao tempo no seu financiamento con fondos propios ou doutras administración, para poder contar coa véntena de parque infantís nas mellores condicións de uso e disfrute.
Ampliado até o 5 de agosto o prazo para solicitar as axudas da ARI
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Até o 5 de agosto ampliouse o prazo de presentación de solicitude de axudas para reformas, rehabilitación, mantemento e mellora das vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral de Tui.  O prazo rematara inicialmente o 19 de maio, pero tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse ampliar o mesmo en case dous meses máis.
As persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude en http://www.tui.gal/gl/axudas-na-ari, solicitalo por correo en ari@tui.gal, ou recollelo persoalmente na oficina da ARI solicitando cita previa.  Pódese ampliar esta información  no 986 60 36 25 ext. 34 os martes de 9:00 a 14:00 ou no correo ari@tui.gal.
Esta axudas están reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
As actuacións subvencionables son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións...). Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor, salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles...). Tamén se poden beneficiar destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.
Inaugúrase a exposición antolóxica de Darío Álvarez Gándara “Amenceu outra vez”
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Mañá martes, 30 de xuño, ás 20.30 horas terá lugar a inauguración da exposición antolóxica de pintura do médico tudense Darío Álvarez Gándara (1936-2015)  “Amenceu outra vez”. Trátase dunha selección das súas obras que foi escollida polos seus fillos, herdeiros do seu legado, que comparten agora cos tudenses a faceta creativa do seu pai que nunca tiña divulgado.
Darío Álvarez Gándara forma parte da terceira xeración de médicos tudenses, iniciada polo seu avó Darío Álvarez Limeses e continuada polo seu pai, Darío Álvarez Blázquez; unha familia entrañablemente vinculada á cidade de Tui ao longo do último século.
A exposición está integrada por 22 óleos e máis de trinta debuxos complementados con fotografías e outras obras menores que ofrecen aos visitantes unha perspectiva completa da obra de inspiración surrealista que, ao longo da súa vida, foi elaborando o cardiólogo tudense.
A mostra comisariada polos seus fillos Carlota e Darío Álvarez Basso estará  aberta na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o vindeiro 8 de agosto.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a celebración desta exposición permitirá aos tudenses achegarse á obra de Darío Álvarez Gándara dotada dunha grande sensibilidade e capacidade de comunicación.
Biografia de Darío Álvarez Gándara
(Tui, 1936-Nigrán, 2015)       
Darío Álvarez Gándara, naceu en Tui (Galicia) en 1936. Fillo do médico tudense Darío Álvarez Blázquez e da tamén tudense Carmen Gándara Fernández, nace en Tui no seo dunha familia de médicos, escritores e intelectuais presente en numerosos feitos da vida social, cultural e política da cultura galega.
Desde moi pequeno, tivo unha dura infancia sementada de doenzas (tuberculose ósea nun pé), difteria nun ollo e un grave episodio de quirófano. Quizais daqueles duros anos naceu a súa enorme arela de vivir.
Logo da Guerra civil, en 1942, a familia Álvarez Blázquez trasladouse para vivir en Vigo, distanciándose do escenario do fusilamento de seu pai, o tamén médico, Darío Álvarez Limeses, que ocorrera o 30 de outubro do 1936.
En Vigo, estudou no colexio Mezquita e no instituto Santa Irene. Comezou os seus estudos de medicina en Santiago de Compostela. Pouco despois, coñece á que será a súa muller, a venezolana Gisela Álvarez Basso; logo de casar en 1959, pasan a vivir en Caracas, graduándose na Universidade Central de Caracas, en 1963. Nese ano, trasládase a Madrid, pasando por México, para realizar a especialización en cardioloxía, en México coa Dra. Victoria de la Cruz, que completa en Madrid, con Gómez Barros e co eminente cardiólogo Pedro Zarco. Unha vez concluída a especialidade, regresou a exercer como cardiólogo no Hospital Vargas de Caracas. Viviu en Venezuela case 11 anos.
En 1969, volveu a vivir en Vigo, definitivamente, con toda a súa familia, onde desenvolveu a súa profesión e foron criados os seus fillos, María Gisela (na sanidade pública), Carmen Cristina (no Banco Interamericano de Desarrollo en Washington), Carlota Inés (xestora cultural de renome) e o pintor Darío Álvarez Basso.
Regresado a España, comezou a traballar como médico. En 1975, gañou por oposición praza de médico adxunto, especialista en corazón e pulmón no Servizo de Medicina Interna do H. Xeral de Vigo onde traballou ata o ano 2000. No dito hospital creou o Servizo de Hospitalización Domiciliaria. Foi presidente da Sociedad Gallega de Cardiología e vicepresidente do Colexio Médico de Pontevedra.
Darío foi un excelente pintor; era esta a súa verdadeira paixón: “A pintura non é para min un hobby… é unha necesidade vital”. Nos seus primeiros anos, o seu estilo pictórico pode estar cerca do impresionismo, inda que logo se internou no simbolismo e no surrealismo, liñas que non abandonará. Grava en linóleo, utiliza acuarela, témpera, acrílico, ceras, óleo… Pinta paisaxes, retratos, figuras…Nunca expuxo en vida pero participou con obra en dúas exposicións colectivas no Hospital Xeral de Vigo. En 1999, gañou o primeiro premio no Concurso de Pintura do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.
Tamén tivo un forte compromiso político con Galicia. En 1963, integrouse no Consello da Mocidade e logo foi cofundador do Movemento Socialista de Galicia, que se incorporou ao Partido Socialista Galego en 1976. O seu compromiso coa loita política partidaria durou desde 1958 ata xuño de 1977.
Unha vez xubilado, lanzouse a escribir “por lealdade filial”, seguindo o camiño trazado polo seu pai, publicando en Edicións do Cumio dúas novelas policiais en galego cuxo protagonista era o “Doutor Lázaro Evia” (que fora o pseudónimo do seu pai para aquel xénero): "Sireno” 1993 e "O fracaso de Lázaro Evia" 1996. En castelán publicou en Amazon “El Crimen Póstumo del General Franco” (2015).
Autor de múltiples artigos de opinión publicados na prensa local, foi colaborador habitual durante varios anos do xornal “Atlántico Diario”, onde inseriu preto de 1.000 “Manchetas” satíricas baixo o pseudónimo de “Donda”. O conto titulado “El Interventor” gañou en 1993 un accésit outorgado pola revista “Previsión Sanitaria Nacional”.
Darío Álvarez Gándara deixou un profundo calco de bonhomía, un grande recoñecemento como cardiólogo, tanto na medicina privada como na pública, e unha lembranza de simpatía e creatividade sen límites.



Posicionamento público de Galiza Nova no Baixo Miño  por mor do ataque LGBTfóbico á bandeira pendurada no concello de Tui
Tui, 28 de xuño de 2020. No día de hoxe lembramos as Revoltas de Stonewall Inn en Nova York libradas polas mulleres trans negras xunto co resto de minorías da cidade: drag-kings e queens, gais latinos, mulleres lésbicas e bisexuais. Xuntas iniciaban unha serie de manifestacións polos seus dereitos nun clima de alta represión policial. 51 anos máis tarde, estes disturbios seguen estando na mentes de todas as que hoxe saímos a rúa a celebrar o Día do Orgullo LGBT.
Máis de medio século máis tarde continuamos a precisar deste día de reivindicación, loita e combate de toda a LGBTfobia que soportamos. Un exemplo disto é a queima da nosa bandeira pendurada no concello de Tui: unha manifestación máis de todo o odio vertido contra nós dun xeito cada día máis virulento. É por isto que desde a Asemblea LGBT de Galiza Nova nesta comarca non imos tolerar que isto fique impune e farémoslle frente a quen na pasada noite decidiu atacar á nosa bandeira e con isto a todo un movemento.
Queremos rachar con este sistema que leva inserido no máis profundo do seu ADN a violencia e a protección e normalización de partidos e movementos LGBTfóbicos e ultradereitistas. Seguiremos loitando por sermos libres nunha Galiza liberada, por mostrarnos abertamente orgullosas da nosa sexualidade e identidade de xénero recollendo as herdanza de todas as compañeiras seguiremos en pé ata derrubar este sistema cisheteropatriarcal e fascista que cada día nos afoga!
Polas liberdades sexuais, pola loita feminista, pola nacional, pola de clase, pola antirracista e a prol dos dereitos das persoas migrantes: nin unha agresión LGBTfóbica e fascista sen resposta!
 
O BNG de Tui condena o ataque LGBTfóbico á bandeira LGBT pendurada do Concello de Tui e chama ao Concello denunciar pola vía legal a acción.
Tui, 28 de xuño de 2020. Desde o BNG de Tui condenamos a queima da bandeira situada con motivo do Día do Orgullo na fachada do Concello de Tui.
51 anos mais tarde das Revoltas de Stonewall Inn, a luita polos dereitos LGBT é necesaria para derrubar o sistema cisheteropatriarcal. Accións cheas de odio como esta só demostran isto, e fan que reafirmemos o noso compromiso coa loita LGBT , unha loita para sermos mais libres de ser e vivir como somos.
O BNG chama ao Concello de Tui a denunciar polas vías legais un ataque LGBTfóbico que non pode ficar impune.
Seguiremos loitando polas liberdades sexuais, para construír unha sociedade realmente igualitaria onde vivir sendo un mesmo non supoña un perigo para ninguén. Contra a intolerancia e o fascismo, avante a loita LGBT!



Converxencia 21 corrixe ao Concelleiro de Patrimonio en relación as súas declaracións sobre o Teatro Principal

Carlos Vázquez Padín y Eduardo Freiría en el Ministerio de Fomento

Tui, 26 de xuño de 2020. O Concelleiro de C21, José Palacín, afirma sentirse sorprendido polo discurso co  Concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, emitiu durante a presentación do Anteproxecto de Reconstrución do Teatro Principal, celebrado onte na Área Panorámica.
O titular de Patrimonio afirmou de forma taxativa que: “Ata fai un ano ninguén fixera nada en pos da rehabilitación do Teatro”.  
C21 desminte tal afirmación, partindo da base de que foi o goberno do seu partido o que deu os primeiros pasos firmes na rehabilitación do inmoble, así como na recuperación do patrimonio moble.
Palacín afirma que: “Todos estes feitos podense corroborar pola compra do edificio trala aprobación plenaria do 31 de maio de 2018 e pola recuperación do telón, hoxe exposto na Área Panorámica. Do mesmo modo, o entón Alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o Concelleiro de Patrimonio, Eduardo Freiría, mantiveron sendas reunións, tanto co arquitecto Cesar Portela co obxecto de que este retomara o seu proxecto dos anos 80, como co Director Xeral de Arquitectura, Javier Marín, o 10 de xaneiro de 2019 no Ministerio de Fomento, co obxectivo de que a Dirección General de Arquitectura, Vivienda y Suelo poidese asumir parte dos custes da rehabilitación. Tamén se mantiveron conversas coas entón deputadas no Congreso, Marta Rivera (C´s) e Yolanda Díaz (Podemos), co fin de recabar apoios para incluir a rehabilitación dentro dos Orzamentos Xerais do Estado. Para rematar, no terreo da difusión, baixo o Goberno de C21 publicouse por parte do Concello o libro do historiador Suso Vila, “O Teatro de Tui”.
Por último, Palacín expresa textualmente: “Un cousa é a moda de reescribir a historia do Século XVI, paréceme inmoral, pero tratar de reescribir o sucedido o ano pasado, resulta ridículo”.

O concello de Tui izará a bandeira LGTBIQ+ esta fin de semana para conmemorar o 28 de xuño o día do Orgullo 2020
Tui. Venres, 26 de xuño de 2020.  O Concello de Tui súmase á conmemoración do Día do Orgullo que ten lugar este domingo, 28 de xuño. O programa previsto realízase co lema “Orgullosos de Tui”. Comezou hoxe mesmo coa colocación dun banco arco da vella na rúa Ourense, e da bandeira na casa do concello.
Este domingo 28, de 11 a 14 h e de 17 a 21 h, na Glorieta de Vigo haberá unha caravana LGTBIQ+. Será un punto de información e sensibilización no que se repartirá material da campaña informativa deseñada dende a concellería de Igualdade que abordará o respecto á diversidade, a loita contra a violencia cara ao colectivo e a temática da violencia intraxénero. A caravana contará cunha sexóloga e un axente de igualdade que resolverán calquera tipo de dúbida sobre a diversidade sexual.
Mentres o luns 29, ás 19.30 h, terá lugar o faladoiro “A realidade LGTBIQ+” impartido por María Torre,  xornalista, sexóloga clínica, educadora sexual e creadora de ArsEroticas, e Sara Uris, profesora de Educación Infantil, especialista en xénero e igualdade e responsable do proxecto Transformando. Poderá seguirse a través do instagram de @transformando.realidades.
As persoas que desexen máis información poden contactar con igualdade@tui.gal  ou co teléfono e whatsapp 682 66 05 80.

Hoxe entregáronse novos composteiros individuais
Tui. Venres, 26 de xuño de 2020.  Este mediodía tivo lugar no Centro Municipal de Formación en Guillarei unha nova entrega de composteiros individuais por parte do Concello de Tui. Previa a entrega deste material a mestra composteira, Sara Luque, impartiu unha charla sobre a compostaxe e a utilización e montaxe dos composteiros, na que se gardaron todas as medidas de seguridade do protocolo da COVID-19. As cinco persoas participantes na entrega desta mañá recibiron tamén unha guía de compostaxe e ferramenta para axudar nos traballos de remexido dos materiais
Os composteiros son entregados en réxime de cesión de uso para a súa colocación en vivendas no termo municipal de Tui. Realízase un rexistro dos usuarios e ao menos dúas veces ao ano a mestra composteira realiza unha visita para comprobar o funcionamento e resolver posibles dúbidas que poidan ter os veciños e veciñas.
O Concello de Tui continuará coa entrega de composteiros individuais, realizándose en grupos reducidos coa correspondente charla, até esgotar as existencias destes elementos que ten nestes momentos.
As persoas interesadas e obter un composteiro individual deben cubrir o impreso de solicitude, dispoñible en tui.gal, e envialo a compostaxe@tui.gal ou presentalo por rexistro de entrada na casa do concello ou na sede electrónica.



Tui da un paso máis para a rehabilitación do Teatro Principal coa presentación do anteproxecto de César Portela

 
Tui. Xoves, 25 de xuño de 2020.  Esta mañá presentouse na aula CeMIT na Área Panorámica o anteproxecto de recuperación do Teatro Principal de Tui. O acto fíxose coincidir coa conmemoración da celebración dos Primeiros Xogos Florais de Galicia que tiveron lugar neste teatro o 24 de xuño de 1891, foi daquela o primeiro acto público celebrado integramente en galego.
 
A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e do arquitecto César Portela, autor do anteproxecto.
 
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou dando as grazas ao arquitecto César Portela por aceptar o encargo de realizar este anteproxecto que “é o primeiro paso a dar cara á rehabilitación deste edificio tan emblemático da nosa cidade”. Lembrou o rexedor que en 1980 César Portela recibira o encargo de redactar un proxecto para rehabilitar este edificio por parte da Dirección Xeral de Arquitectura Vivenda e Solo.
 
Enrique Cabaleiro  indicou a vontade do goberno municipal de rehabilitar este inmoble que “forma parte do noso legado cultural e patrimonial, é un sinal de identidade desta cidade, é un sinal de identidade da nosa cultura, e da cultura do noso país”. Nese senso apuntaba que non ten cabida nestes momentos o debate sobre a súa rehabilitación ou non, e lamentaba a situación de ruína na que se atopa o edificio en pleno corazón do conxunto histórico.  A recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros, polo que explicaba o alcalde que “o Concello de Tui por si so non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación”. Por iso avanzaba que  iniciarán contactos coa administración provincial, autonómica e estatal, para lograr os fondos precisos.  Explicaba que o Concello poderá asumir aquelas actuacións máis urxentes coma o desentullo ou o realización de catas para coñecer a situación do terreo.
 
O concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, destacou que a presentación do anteproxecto fíxose coincidir coa celebración dos Xogos Florais en 1891. Aludiu amais ao inicio do proxecto de recuperación do teatro nos anos 80, e como agora se adaptou á normativa vixente o proxecto redactado en 1986.

 
O arquitecto César Portela comezou a súa intervención lembrando que coñeceu o Teatro Principal de Tui de neno, cando viña ata Tui dende Pontevedra co seu pai, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, para asistir aos actos que aquí se celebraban. Xa coma arquitecto recibiu a encomenda do proxecto de rehabilitación nos anos 80, e agora volve atoparse con este histórico edificio. Debido aos cambios na normativa, tivo que revisar e adaptar o anteproxecto e incorporou coma novidade unha cafetería-mirador sobre o Miño. Explicaba que o anteproxecto presentado da resposta as necesidades plantexadas de teatro, cine, usos múltiples… tendo en conta a súa ubicación e a súa historia
 
Ao longo de tres andares - soto, primeiro andar e segundo andar - configúrase a distribución do edificio. Conserva o teatro con capacidade para 200 persoas entre o patio de butacas e dúas plateas, adaptado as condicións actuais.  Tanto na primeira coma na segunda planta irán salas de usos múltiples, algunha delas coa posibilidade de ser dividida segundo as necesidades.  Recolle o deseño de César Portela unha galería con vistas ao río na fachada posterior, accesible tanto dende a cafetería coma dende as salas de usos múltiples. Un lucernario permitirá dar luz natural a todos os andares.
 
O proxecto inclúe tamén a reforma da praza de Fromista  creando un conxunto plaza-teatro-mirador, chamado a converterse nun dos lugares destacados da cidade histórica.



Presentación do anteproxecto de rehabilitación do Teatro Principal

Tui, 23 de xuño de 2020.  O próximo xoves, 25 de xuño, ás 11.30 h na Aula CEMIT, no primeiro andar da Área Panorámica terá lugar a presentación do anteproxecto de recuperación do Teatro Principal de Tui. O acto coincide coa conmemoración da celebración dos Primeiros Xogos florais de Galicia que tiveron lugar no teatro tudense o 24 de xuño de 1891, foron daquela o primeiro acto público celebrado integramente en galego.
A presentación correrá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e do arquitecto César Portela, autor do anteproxecto. Estarán presentes os voceiros municipais do PP, BNG, C’s e C21, así coma representantes de Zona Franca, da extinta Fundación Teatro Principal, e o cronista oficial de Tui, Ernesto Iglesias Almeida.
A presentación será retransmitida en streaming tanto a través da web tui.gal, coma da canle de youtube do Concello de Tui (https://youtu.be/MYzEdKzzaV4).



Tui entrega quince máquinas de ozono aos centros culturais para a súa desinfección

 
Tui, luns, 22 de xuño de 2020. O Concello de Tui fixo entrega hoxe aos centros culturais das distintas parroquias de quince máquinas de ozono para que poidan proceder á desinfección das súas instalacións. Entre as medidas que adoptou a corporación municipal dende o inicio do estado de alarma estaba a adquisición deste equipamento.  Ao acto de entrega desta mañá asistiron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e os concelleiros do PP, José Ángel Villaverde e do BNG, José Martínez Tato.
 
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou aos representantes dos distintos centros culturais que coa aportación deste material dende o Concello queren contribuír á tomar as medidas preventivas precisas. Informou amais que nos próximos días instalarán dispensadores de xel hidroalcohólico nos accesos dos centros cultural, así coma nos parques infantís para que “se poidan utilizar cantos medios sexan posibles para evitar a transmisión” indicaba o rexedor tudense.
 
Pola súa parte o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, foi o encargado de explicar o funcionamento das máquinas de ozono. Teñen capacidade para desinfectar unha superficie de até 100 metros cadrados nun tempo e até hora e media. Insistía o edil na importancia de tras a desinfección ventilar ben o local previo ao seu uso, e tamén evitar que no momento da desinfección non haxa equipos informáticos na sala.

 
 
O BNG de Tui defende a volta do mercado dos xoves de novo ao casco urbano
 
Tui, luns, 22 de xuño de 2020. Segundo os nacionalistas tudenses, o espazo adecuado sería a Corredoira ao completo, incluindo a parte asfaltada, e ocupando tamén a rúa Augusto González Besada, que podería ser exclusivemente peonil os xoves, durante as horas de celebración do mercado. Isto unifcaría os distintos espazos que antes ocupaba a feira e suporía unha verdadeira humanización desa rúa, polo menos durante unhas horas. Porque, segundo indica Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui "infelizmente, a actuación en Gonzalez Besada é o exemplo de que o goberno municipal entende a humanización como “acumulación de coches aparcados”, furtando o verdadeiro sentido do termo como lugar para as persoas".
 
Ademais, denfenden que esta proposta "permitiría respeitar as normas de seguridade necesarias pola Covid e daríalle continuidade a ubicación do mercado, frente a solución aportada polo concello, sempre provisional, dado que non se trata de terreos de titularidade municipal." Lonxe de actitudes autoritarias, BNG de Tui di defender a toma de decisións "atendendo as necesidades do colectivo da venta ambulante e dos veciños."
 
"Desde o goberno municipal debería defenderse, non só os postos de traballo, senon tamén o valor social que ten o mercado, a tradición histórica do mercado dos xoves en Tui, o seu valor potenciador do comercio local, dos negocios de hostelería, do pequeno comercio , e incluso o seu valor turístico." Conclúe Carme Núñez.



C21 solicita ao Goberno que arranxe os bancos do centro, do paseo fluvial e das parroquias

 
Tui, 21 de xuño de 2020. O concelleiro de C21 solicitou por rexistro de entrada que se realice unha serie de pequenas intervencións en clave de reparación sobre os bancos de Tui.
 
Estes elementos do mobiliario urbano, de vital importancia no verán e para as persoas maiores, presentan un lamentable estado de desleixo, tanto no centro, como no paseo fluvial e tamén nalgunhas parroquias, onde se nota que levan anos abandonados.
 
José Palacín pide que se limpen, se lixen e se pinten ou vernicen, e que se restitúan os que se atopan inservibles, apostando por materiais de fabricación e deseños acordes co entorno.



Tui súmase á conmemoración do Día Mundial da ELA iluminando de verde a casa do concello
Tui. Venres, 19 de xuño de 2020.  O Concello de Tui súmase a conmemoración do Día Mundial da Ela que ten lugar este domingo, 21 de xuño. Farao iluminando de verde a casa do concello na noite do sábado ao domingo, respondendo así á solicitude feita dende a Asociación Galega de Escelerose Lateral Amiotrófica, AGAELA.
Coa iniciativa #LuzporlaELA buscan darlle visibilidade nos concellos españois a esta enfermidade e á situación á que se enfrontan os enfermos e a súas familias tras o diagnóstico.  Coa iluminación de edificios emblemáticos nos distintos municipios, no caso de Tui coa casa do concello, amósase o apoio e solidariedade coas persoas afectadas pola ELA, deixando constancia de que a “A ELA existe”.
Este domingo celebrase unha actividade de ioga e meditación no Paseo Fluvial
Tui. Venres, 19 de xuño de 2020.  O Concello de Tui organiza para este domingo unha actividade de ioga e meditación para conmemorar o Día Internacional do Ioga. Terá lugar ás 10.30 h no Paseo Fluvial a cargo de Vanesa Rodríguez.  A participación está limitada a 25 persoas, e as prazas cubriranse por orde de chegada. Débese levar esteira.
C21 solicita ao Goberno Local que retome as negociacións co colectivo de comerciantes ambulantes
Tui, 19 de xuño de 2020. Trala manifestación de onte, C21 solicita ao Goberno Local que reinicie inmediatamente as negociacións co colectivo de comerciantes ambulantes.
O representante do partido liberal, José Palacín, considera que “o diálogo por parte dun  representante público debe ser constante, levarse ata a extenuación”.
Por outra banda referente a esta decisión do Sr. Alcalde, D. Enrique Cabaleiro, de trasladar o mercadillo a nova localización, afirma que: “Antes de tomar unha medida tan transcendental que afecta a un colectivo tan arraigado na nosa comunidade e que tanto leva sufrido debido a esta inactividade obrigada polo COVID,  debe terse xa contemplada de antemán unha alternativa viable, que outorgue seguridade aos afectados. Sen embargo esta medida concita resignación, desasosego e incluso malestar como se denotou na concentración da Corredoira”.



Tui só permitirá fogueiras de San Xoán en terreos privados promovidas por particulares
Tui. Xoves, 18 de xuño de 2020.  O Concello de Tui só autorizará cacharelas e sardiñadas en terreos de titularidade privada, promovidas exclusivamente por particulares, previa solicitude no Concello. No caso de ser autorizadas deben adoptar as todas medidas de prevención e seguridade impostas pola lei, así como as medidas de prevención, contención e coordinación da COVID-19.
Así o indica o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando onde fai referencia á normativa autonómica publicada no DOGA nº115 do 13 de xuño, que no punto cuarto recolle que “sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo” das festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atracción de feira. Por este motivo no bando da alcaldía indícase que a concesión de autorizacións expresas para este tipo de eventos deberán ser concedidas pola Xunta de Galicia por ser a autoridade competente”.


O mercado dos xoves regresa mañá nunha nova ubicación para garantir as medidas de seguridade
Tui, 17 de xuño de 2020.  Dende mañá xoves, 18 de xuño, volverá celebrarse o mercado semanal dos xoves en Tui.  Para cumprir coas medidas sanitarias derivadas da actual situación dende o Concello decidiuse o cambio de emprazamento do mercado cara á zona de Camfran, entre a prolongación de Casal Aboy e a Avenida de Concordia, cunha superficie de case 15 mil metros cadrados.
O Concello está a realizar obras de mellora e acondicionamento no recinto, consistentes no acondicionamento e homoxeneización do espazo, o que redundará nun espazo máis seguro ante a actual situación.
Nas últimas semanas traballouse cos servizos técnicos municipais sobre un plano para recolocar aos 160 postos de maneira que se poida garantir, nesta nova normalidade, a seguridade dos vendedores ambulantes e a da cidadanía en xeral, xerando maior espazo para as persoas.
Os accesos estarán controlados por persoal habilitado para velar polo aforamento do recinto. Establécese un sentido único de tránsito con percorridos separados por valos e cinta, coa finalidade de evitar aglomeracións.
No acceso ao mercadillo o Concello porá a disposición da cidadanía un dispensador de hidroxel de uso obrigatorio e carteis informativos sobre as normas de hixiene.  No recinto do mercado tanto os vendedores coma os compradores deberán levar máscaras e a manter unha distancia mínima de dous metros
Os postos deberán gardar unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e 2 metros co lateral. Cada posto debe contar con dispositivos para residuos e con bolsa que permitan o seu peche estanco. Os postos deben ser desinfectados e limpados con frecuencia, tendo en conta as superficies tocadas, e seguindo as instrucións de limpeza e desinfección ditadas para facer fronte á pandemia do coronavirus. Quedará prohibido tocar os alimentos ou produtos, de modo que exclusivamente poderán ser manipulados polos vendedores. No caso dos postos de téxtil ademais deberán utilizar un desinfectante téxtil ou pór as pezas probadas en corentena. Recoméndase tocar as pezas o menos posible.
A Policía Local e Protección Civil encargaranse de garantir o cumprimento das medidas de prevención establecidas.
A concelleira de Mercado e Comercio, Ana Núñez, explica que “desde que se anunciou a entrada na Fase 1 veuse traballando,  en colaboración cos representante dos vendedores ambulantes na localidade, para analizar a volta a esta actividade do 100% dos vendedores e establecer así mesmo un protocolo para renovar o mercadillo, de forma que se garantan en todo momento as medidas de seguridade, hixiénicas e sanitarias que protexan tanto a vendedores como a compradores”.
Esta nova realidade, engade, chega cun cambio de localización á área de Camfran da totalidade dos postos que teñen a súa renovación ao día debido "á imposibilidade de garantir as medidas de seguridade e distancia social na localización habitual do Paseo da Corredoira, da Praza de Galicia, e das rúas Lugo, Mondoñedo e Compostela”.
 
O mercadillo de Tui conta cun total de 160 postos, polo que o volume de ocupación é moi extenso e apenas queda marxe para gardar as medidas de seguridade establecidas por decreto, apunta a edil. Remata sinalando que “queremos que o mercadillo se realice coas máximas garantías de seguridade e de saúde para os nosos veciños e visitantes”.
 
O punto limpo abre de luns a sábado con cita previa
Tui, 17 de xuño de 2020.  O Punto Limpo de Tui, situado en Guillarei, amplía o seu horario e abre de luns a sábado, pero sempre con cita previa.
As persoas que desexen levar material de refugallo que non se pode depositar nos contedores ao Punto Limpo, poderán facelo de luns a venres de 8.30 a 14 h e os sábados de 9 a 13 h, pero sempre solicitando cita previa nese horario.  O teléfono para solicitar a cita é 629 70 64 36.

C21 solicita a máxima dilixencia, sempre cumprindo cas medidas de seguridade, na posta en marcha dos parques infantís

 
Tui, 17 de xuño de 2020. Segundo o partido liberal, o Goberno Local debe ter en conta que nesta situación de "nova normalidade" decretada para Galicia, os parques son unha das escasas actividades de lecer para os nenos, e máis tendo en conta a falta de colexio, o peche das piscinas municipais e as restricións nas praias ou zonas deportivas.
Tamén consideran que, a pesar das reiteradas solicitudes de C21, o Goberno Local non tomou as medidas necesarias para o arranxo destas instalacións e agora vese imposibilitado para aperturar. Lembrar nese senso que o Concelleiro, José Palacín, ven solicitando nestes meses, tanto por rexistro de entrada como en varios plenos que o executivo volte a tipoloxía contractual para o mantemento dos parques infantís adoptada no mandato do Sr. Padín e que precisamente a Sra. Concelleira Delegada de Parques e Xardíns do PSOE, suspendera dende que asumira a súas funcións.
Tras un ano de desidia, C21 congratúlase de que por fin este Goberno reconsidere, e polo tanto volva, ao modelo de espírito de mantemento anterior e que aborde o arranxo das instalacións, ainda que Palacín considera como perdidos os meses anteriores e por iso agora o Concello de Tui non pode satisfacer esta importante demanda.  



O PP denuncia que as nenas e nenos de Tui non poden acceder aos parques infantís polo desleixo do goberno municipal, e o alcalde clarexa cal é a situación destas instalacións
Tui, 16 de xuño de 2020. Logo de tres meses segue sen repararse o firme do principal Parque infantil do centro o que impide a súa apertura hoxe cando xa é posible pola normativa sanitaria, situación parecida se encontran estes parques nas distintas parroquias.
Dende hoxe a Comunidade Autónoma de Galicia estrea unha volta progresiva á normalidade en aplicación da Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, sendo o primeiro territorio en acadar esta situación.
Ao abeiro desta Resolución entre outras medidas está, no artigo 3.32, a apertura dos parques infantís para que as nenas e nenos de Galicia poidan recuperar estes espazos de xogo e lecer coas medidas sanitarias e de protección necesaria.
Por mágoa en Tui os nosos nenos e nenas non poderán acceder a diversos espazos de recreo municipais, como é o caso do Parque Infantil do Paseo Familia Álvarez Blázquez (Xardíns) situado no centro urbano da cidade pois logo de tres meses de peche pola pandemia do Covid o goberno municipal que dirixe o Alcalde Enrique Cabaleiro non foi quen de reparar, ao longo deste tempo de restricións, estas instalacións e as nenas e nenos de Tui vense privados deste espazo de xogo pola desidia do goberno municipal tudense.
Resulta lamentable a insensibilidade do equipo de goberno que non foi quen neste tres meses de realizar as reparacións precisas neste Parque Infantil e noutros repartidos polas distintas parroquias, para que os máis pequenos dos nosos veciños, un dos grupos aos que máis ten afectado o confinamento, tiveran as instalacións municipais en perfecto estado cando se levantasen as medidas sanitarias de peche.
De igual modo outros espazos de lecer como as pistas deportivas do Penedo, etc presentan unhas condicións lamentables que non foron reparadas aproveitando este parón do confinamento.
Un percorrido polos parques de lecer das parroquias ofrece unha imaxe similar de desleixo. Unicamente hai unha semana dous operarios, alleos ao concello, realizan labores no Parque Infantil do centro pero non na reparación do firme completamente estragado como se pode apreciar nas fotografías adxuntas. Un novo “logro” da concellería de Parques e Xardíns, logo das súas penosas actuacións na rotonda de Guillarei e nos Xardíns de Troncoso.
Os Parques Infantís de Tui permanecen pechados
Pola súa banda, o alcalde, Enrique Cabaleiro explica o porqué os Parques Infantís de Tui permanecen pechados e precintados polo que non se pode acceder aos mesmos. A nova normalidade que estreamos permitía a apertura dos Parques Infantís, pero o Concello de Tui acordou polo momento non autorizar o uso destas instalacións dado que non se poden cumprir as condicións sanitarias establecidas. Nos próximos días instalaranse columnas de hidroxel e cartelería coa normativa nos accesos aos parques máis frecuentados, pero o control de aforos e a desinfección que tería que levarse a cabo non é asumible para o Concello. Así o explicaba o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalando que “a competencia de reapertura é municipal pero se fixan uns criterios de índole sanitaria que cumprilos por parte dos concellos é sumamente difícil e suporían un custe inasumible”.  
Dende o Concello tense constatado que no día de onte houbo persoas que romperon os precintos existentes e accederon a estas instalacións, unha conducta que poderá ser sancionada pola Policía Local, xa que polo momento non se poden usar. Insistía Enrique Cabaleiro que “seguimos nunha situación de alerta sanitaria, debemos extremar as precaucións” e até que o concello entenda “que non se dan as condicións necesarias ou os parques non dispoñen dos elementos precisos para a súa utilización non se poden nin se deben empregar”. Nese senso dicía o rexedor tudense que van ser estritos e levarase a cabo unha vixilancia constante e permanente dos parques. Neste momento a actuación municipal débese guiar pola prudencia e a do conxunto dos veciños a responsabilidade, apunta o alcalde de Tui.



O luns abre o prazo de presentación de solicitudes do programa Reactiva Tui
Tui, 13 de xuño de 2020.  O luns, 15 de xuño, abre o prazo de presentación de solicitudes para as axudas extraordinarias de emerxencia Reactiva Tui.  O martes, 9 de xuño, publicáronse no BOPPO as bases destas axudas, tras ser aprobadas en pleno o pasado 28 de maio, e onte venres publicouse o extracto das mesmas, o que da inicio ao prazo de presentación de solicitudes dende o luns e durante un período de 15 días.
As axudas van dirixidas a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial estea no termo municipal de Tui, e que tiveran que permanecer pechados ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado pola COVID-19.
Os obxectivos de Reactiva Tui son paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma; preservar o tecido empresarial, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais; protexer o interese xeral dos veciños de Tui, reactivar a economía, impulsar a actividade económica e promover e mellorar a participación no uso das tecnoloxías da información e as comunicacións.
O Concello de Tui establece catro liñas de axudas. A primeira está destinada aos gastos de aluguer de local comercial realizados dende o inicio do estado de alarma até un máximo de catro meses.  A segunda liña vai dirixida á transición cara ao comercio on line ou optimización do existente e abrangue a consultoría e formación para a dixitalización do negocio, o desenvolvemento ou mellora da web ou introdución de pasarelas de compras, márketing e promoción dixital, subscricións a portais de venda on line, publicidade de venda on line, ou subscrición a internet.  Mentres na liña 3 subvencionaranse os gastos derivados do cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio pola COVID19 coma compra de máscaras, produtos coma xel hidroalcohólico, luvas, limpezas especiais… Por último na liña catro subvenciónanse os investimentos para o acondicionamento dos locais comerciais para lograr espazos máis seguros. Aquí inclúense o acondicionamento ou reforma de seguridade do local ou terraza, incluída a compra de mobiliario, griferías e maquinaria.
O Concello de Tui destina a estas subvencións 280 mil euros.  Establécese un límite máximo de subvencións do 100% do gasto subvencionable até un máximo de 1000 euros por beneficiario.
 As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, no modelo normalizado, e a documentación requirida, durante quince días hábiles contados a partir do luns, 15 de xuño.
 
O Grupo Municipal do Partido Popular de Tui califica de desfachatez o anuncio de ampliación do Polígono Empresarial de Areas por parte do Grupo de Goberno
Tui, 13 de xuño de 2020. Mediante nota de prensa o Goberno Municipal e Zona Franca de Vigo declaran que ao único que se comprometen e a facer un estudo e a seguir cunha política de pantalla, ausente de contido, e con estudos e máis estudos, e convenios e máis convenios pero con poucas realidades. Estes anuncios como nota de prensa aparentan moi ben pero a súa ineficacia práctica é evidente.
Na iniciativa do noso Concello esquécese de contar co verdadeiro motor deste e doutros espazos industriais que foi, é e será, a Xunta de Galicia; verdadeiro titular das competencias que se imbrican no desenvolvemento dos chans industriais.
O parque empresarial de Areas cuxo promotor foi a entidade “Xestur” participada pola Xunta de Galicia e que conta con 72 parcelas, moitas delas aínda baleiras e sen actividade, precisa dun desenvolvemento e modernización que se consegue cunha mellora en infraestruturas e conectividade, tal e como se está a avanzar co apoio decidido da Xunta de Galicia. A nosa área empresarial contará gracias ao Goberno Autonómico, cunha conexión directa co vial de altas prestacións Tui – A Guarda, infraestrutura que actualmente xa está en fase de licitación.
Preténdese confundir á cidadanía, con novas que na práctica deveñen ineficaces para atraer a implantación de novas empresas e xerar emprego no noso chan industrial, xerando unhas falsas expectativas para a vindeira etapa post-covid e debuxando castelos no aire.



O Concello de Tui e Zona Franca márcanse coma obxectivo a ampliación do Parque Empresarial de Areas

Tui, 12 de xuño de 2020. O Concello de Tui e a Zona Franca de Vigo van estudar a ampliación do Parque Empresarial de Areas. Así o acordaron esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, o delegado da Zona Franca, David Regades. Na casa do concello mantiveron unha reunión á que tamén asistiron os concelleiros Ana Mª Núñez, Sonsoles Vicente, Yolanda Rodríguez, Laureano Alonso, José Ramón Magán, Ismael Diz e Rafael Estévez, e técnicos de Zona de Franca
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o delegado de Zona Franca, David Regades, comprometéronse a redactar un convenio de colaboración que estude a ampliación e desenvolvemento desta superficie empresarial en 200 mil metros cadrados.  O parque empresarial de Areas conta cunha estratéxica situación, e verá mellorada a súa comunicación co novo acceso que terá coa A55 e coa VAP Tui-A Guarda.
O goberno municipal de Tui sitúa entre as súas prioridades “a viabilidade das empresas, dispor de chan industrial para atraer investimentos a Tui,  consolidar o emprego existente e crear novos postos de traballo”, segundo explicaba o alcalde, Enrique Cabaleiro. En concreto indicaba o rexedor que a ampliación do chan industrial de Areas tería coma obxectivo “consolidar a oferta existente e atraer novas empresas”.
O delegado de Zona Franca, David Regades, destacou coma nestes momentos na provincia se rexistra máis demanda que oferta de solo industrial.  Por iso apuntaba que esta posible ampliación “é unha gran iniciativa”, sinalando que “creemos que este polígono vai ser un polígono de éxito e máis se vai co selo de Zona Franca de Vigo”. Destacaba a vantaxe xeográfica que ten Tui pola súa cercanía en Portugal”, e subliñaba que temos que ver en “Portugal un aliado estratéxico” e Tui é unha porta importante a Galicia dende Portugal é Tui”.
Amais do traballo que se está a realizar para a posible ampliación do Parque Empresarial de Areas, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembraba tamén a xestión realizada nos outros solos industriais do municipio. Así explicaba que nestes momentos esta en fase final a reordenación definitiva do chan industrial de Ribadelouro, en breve aprobarase inicialmente a reordenación do chan industrial de Baldráns, e estase a traballar na reordenación do chan industrial de Guillarei.



C21 solicita praza de carga e descarga na Rúa Ourense - (entre rúas Compostela e Maristas, lado indistinto)

 
Tui. xoves, 12 de xuño de 2020. O Concelleiro de C21, José Palacín, acaba de solicitar por rexistro de entrada que se lles habilite unha praza de carga e descarga aos hostaleiros e comerciantes da zona tras  recibir varias peticións. A praza estaría ao servizo de varios negocios que o necesitan de forma perentoria.
Por outra banda, C21 se congratula de que o goberno reparara a rúa Casal Aboy cara a rúa A Guarda e que se retirase un poste eléctrico perigoso; todo isto conforme solicitou o partido liberal fai uns meses conforme ao seu Plan Tui Seguro.



O BNG de Tui denuncia que o SERGAS non cobre as prazas de baixas e vacacións dos facultativos do Centro de Saúde
Tui. Mércores, 10 de xuño de 2020.Na actualidade, e por motivos xustificados, tres médicos de Centro de Saúde de Tui non están atendendo os seus pacientes, ben por baixas laborais, ben por desfrutar do seu período de vacacións.
A carga de traballo entre o resto de facultativos aumenta, podendo resentir-se a atención aos pacientes. A este feito debemos unir a carga adicional de traballo por mor dos protocolos ligados ao COVID 19 e ao estudo de seroprevalencia do virus que esta a facer a Xunta neses Centros de Saúde.
A negativa a cubrir as prazas de baixas e substitucións é un problema que xa sufrían os centros de Atención Primaria con anterioridade á pandemia e contra o que se estaba mobilizando o colectivo sanitario. O interese do goberno de Feijóo centra-se no desmantelamento da Sanidade Publica para favorecer a privada. Estas actitudes de desatender as demandas de reposición de baixas e vacacións van nesta liña.
O BNG exixe que o SERGAS tome as medidas necesarias para que os pacientes dos Centros de Saúde de Tui sexan atendidos por persoal suficiente, e instara ao Goberno municipal e aos demais partidos da oposición a que presionen neste sentido.
A Biblioteca Pública Municipal de Tui habilita unha sala de estudo provisional

Tui. Mércores, 10 de xuño de 2020.  A Biblioteca Pública Municipal de Tui habilita unha sala de estudo de carácter provisional nas dependencias do Edificio “Francisco Sánchez” (Área Panorámica) que contará con 12 prazas de estudo, coa posibilidade dunha ampliación se fose preciso.
Esta decisión tómase diante da imposibilidade de apertura da sala de lectura, pois segundo a Orden SND/458/202 de 30 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 3 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, no que atinxe ás bibliotecas establece que a colección de acceso libre debe seguir pechada ao público así como a sala infantil. No caso tudense ao compartir o mesmo espazo a colección e sala de lectura resulta imposible a reapertura da sala de lectura aínda que fose con menor capacidade.
En consecuencia a concellería de Cultura acordou habilitar unha zona, na planta baixa do edificio para acoller provisionalmente unha sala de estudo que dea resposta á demanda deste servizo por parte dun sector de usuarios do centro bibliotecario tudense.
Esta sala comezará o seu funcionamento mañá xoves, 11 de xuño, en horario de 9 a 13 h. Está previsto que a vindeira semana amplíe o seu horario tamén polas tardes ao incorporarse dous auxiliares contratados polo Concello de Tui ao abeiro do Plan Concellos 2020.
As persoas interesadas deben solicitar a reserva de praza a través do correo da Biblioteca Pública Municipal de Tui: biblioteca@tui.gal ou no whastapp da Biblioteca: 617 498 103.
Debido as medidas sanitarias existentes os aseos non estarán dispoñibles. Débese acceder á sala con máscara.
Nese mesmo horario a Biblioteca ten en funcionamento o servizo de préstamo e devolución de obras e de información bibliográfica.


O Arquivo municipal de Tui súmase á celebración do Día Internacional dos Arquivos
 
Tui. Martes, 2 de xuño de 2020.  Mañá martes, 9 de xuño, conmemórase o Día Internacional dos Arquivos, unha cita que se celebra en todo o mundo coincidindo coa data de creación do Consello Internacional de Arquivos (ICA) en 1948 baixo os auspicios da UNESCO.
 
A actual crise sanitaria impide ao Arquivo Municipal tudense celebrar esta data con actividades en colaboración co Arquivo Municipal de Valença, dando continuidade ao Obradoiro de conservación de papel celebrado o pasado ano. Porén esta celebración é unha chamada de atención sobre o triplo papel que os arquivos desempeñan na nosa sociedade como ferramenta na defensa dos dereitos dos cidadáns, como centros que aseguran a protección da memoria e do patrimonio documental, e como garantía de transparencia no funcionamento das Administracións públicas.
 
Non en balde, o Consello Internacional de Arquivos elixiu a lema "Empoderar Sociedades do Coñecemento" como leitmotiv para a conmemoración da Semana Internacional dos Arquivos deste ano 2020. Na era dos feitos alternativos, as noticias falsas, a desinformación e as ameazas á seguridade cibernética, os arquivos logran garantir a fiabilidade e evidencia nos rexistros documentais, na información e nos datos que se pon a disposición da sociedade. E o Arquivo Municipal de Tui contribúe a este obxectivo cos documentos que se gardan nos depósitos situados na Casa do Concello tudense.
O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.200 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 35.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
Dende o 1 de outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.
Como curiosidade se conserva un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento sen data, referido a un “Prorrateo de aguas de la Virgen del Camino en la parroquia de Revordanes hecho por Don Juan Gil de la Barrera vecino de la ciudad de Tui”. Este pergamiño, que inicialmente non ten relación co documento que resgardaba, é unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.
Pese a que a maior parte da documentación corresponde ao século vinte e vinteun aínda se aprecia un elevado volume documental do dezanove, destacando os libros de actas municipais dende 1782, con documentos de quintas dende 1874, de patrimonio dende 1849, de persoal ou contratación dende 1874, dos presupostos municipais dende 1845, dos padróns de habitantes dende 1884 ou das eleccións dende 1891.
No Arquivo Municipal tudense se conserva tamén o fondo do carcere do partido xudicial, recuperado no seu momento por Aquilino G. Santiso. Este fondo contén información continuada, especialmente sobre os reclusos, dende 1897 ata 1960 figurando en diversas series documentais, tanto de expedientes (follas histórico-penais de penados, expedientes persoais de reclusos, expedientes procesais de reclusos, pases de penados, mandamentos de prisión y de liberdade e notificacións acordos de prisión e liberdade), coma de rexistros ( libro de entrada e saída de presos, libro rexistro de presos con condena de arresto maior, libro rexistro de presos preventivos). As súas condicións de conservación son precarias, pero é un dos fondos máis demandados por investigadores de temas relacionados coa memoria histórica.
Nunha época de profundas transformacións, unha das necesidades críticas que a pandemia puxo de manifesto é a urxencia de dixitalizar a sociedade. A documentación histórica do Arquivo Municipal tudense asi como as actas de sesión do Pleno e das Xuntas de Goberno (que tiveron diversos nomes ao longo do tempo) foron dixitalizadas gracias ao programa Arpad e están accesibles para todos os interesado na biblioteca dixital de Galicia, Galiciana http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es.ga.15078.ag/es/consulta/registro.do?control=ADGD20160032604 ,  así como no portal Atopo da Deputación Provincial de Pontevedra: https://atopo.depo.gal/Search/Results?type=AllFields&filter[]=institution:Arquivo%20municipal%20de%20Tui e en breve prazo tamén na web do Concello de Tui.
No último ano o Arquivo Municipal tudense ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación. Calquera cidadán pode solicitar aquela documentación que precisa, presentado on line a correspondente solicitude: http://www.tui.gal/sites/default/files/documentos/concello-de-tui-impreso-solicitude-acceso-documentacion-arquivo-municipal.pdf
Estes traballos están en total sintonía coa lema da campaña promovida polo Consello Internacional de Arquivos: "empoderar sociedades do coñecemento", un obxectivo ao que os arquivos deben chegar, segundo propón o citado Consello, por tres vías. En primeiro lugar, promovendo a Preservación Dixital e as Tecnoloxías Emerxentes no seu traballo. En segundo lugar, promovendo o coñecemento sustentable, alicerce fundamental para lograr o desenvolvemento sustentable e para protexer os nosos fondos documentais fronte ao cambio climático, o roubo ou o tráfico ilícito, á vez que para examinar o noso impacto na sociedade e no medio ambiente. Por último, na era dos "feitos alternativos", as noticias falsas, a desinformación e as ameazas á seguridade cibernética, os arquivos logran este obxectivo tamén ao garantir, grazas ás súas boas prácticas, fiabilidade e evidencia nos rexistros documentais, na información e nos datos que pon a disposición da sociedade.



O Partido Popular reclama unha parada para buses turísticos na Corredoira
Tui. Xoves, 4 de xuño de 2020. O grupo municipal do Partido Popular de Tui reclama que na nova ordenación detráfico e estacionamento nas rúas Augusto González Besada e Paseo da Corredoira se estableza unha zona para a parada dos autobuses que transportan aos numerosos grupos turísticos que visitan á nosa cidade ao longo do ano e que teñen unha importante repercusión no ámbito turístico local.
De novo o goberno municipal tudense aborda os temas con improvisación e sen consultar aos sectores afectados polas medidas que adopta. Así nesta nova regulación de estacionamentos deixa sen lugar de parada aos autobuses que traen visitantes á nosa localidade. O único lugar para esta parada é o Paseo da Corredoira para garantir a seguridade vial destes visitantes que acceden así por vías peonís ao conxunto histórico tudense.
Cando existe unha evidente preocupación pola recuperación do sector turístico nun futuro postcovid, resulta sorprendente que dende o goberno municipal non haxa unha sensibilidade ao respecto pois se existen dificultades para unha parada moitos das axencias deixaran de acudir a Tui co impacto negativo que unha medida asi tería na nosa cidade.
O grupo municipal do Partido Popular lamenta tamén que nesta reordenación de tráfico nas rúas Augusto González Besada e o tramo do Paseo da Corredoira teña primado os vehículos sobre as persoas, ao converter estas céntricas rúas, especialmente, a rúa Augusto G. Besada, de gran peso comercial, en zona de estacionamento sen apostar tamén pola mobilidade dos peóns incrementando o ancho das beirarrúas favorecendo así aos peóns e as dinámicas comerciais.
Por último este grupo pregunta se estas medidas figuran no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable presentado polo Alcalde tudense no pasado mes de outubro logo dun investimento de máis de 13.000 euros e que nunca mais foi citado polo goberno municipal tudense e tampouco entregado aos grupos municipais. Están estas medidas de peonalización da Corredoira e reordenación estacionamentos incluídas nese plan? Por que se non fora así para que se investiron 13.000 euros nun plan de mobilidade? Ou tendo un plan de mobilidade o goberno municipal improvisa tamén neste tema como en tantos outros?

O próximo luns reactívase o control da Zona Azul no centro urbano

Tui. Xoves, 4 de xuño de 2020.  O próximo luns, 8 de xuño, reactivarase o control na Zona Azul de estacionamento gratuíto e limitado no tempo, que se suspendera no inicio do estado de alarma.
A Zona Azul, na que se pode estacionar de forma gratuíta durante un máximo de hora e media, aplícase nas rúas Augusto González Besada, Foxo e Rosa Bahamonde e as súas travesías.  Tamén nas novas prazas de estacionamento en Calvo Sotelo dende o cruzamento con Augusto González Besada até o cruzamento coa rúa Maristas. Son en total máis dun centenar de prazas.
O estacionamento gratuíto limitado a hora e media aplícase nestes viarios de 9 a 14 h e de 16 a 21 h salvo domingos e festivos, segundo recolle a Ordenanza Reguladora aprobada en 2008.
Dende o próximo luns a Policía Local encargarase novamente de controlar á Zona Azul para garantir a mobilidade dos vehículos estacionados.  Débese colocar o disco horario coa hora de chegada en lugar visible no parabrisas. O disco pódese adquirir, por un prezo de 0,60€ na tesourería na casa do concello, e nos comercios co indicativo. Tamén se pode empregar o disco de zonas azuis doutros concellos.



Asinado o convenio entre o Concello de Tui e Cáritas para a recollida de roupa usada

Tui. Martes, 2 de xuño de 2020.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, formalizaron onte – coa sinatura do convenio - o acordo con Cáritas Diocesana Tui-Vigo para que sexa está entidade a que realice a recollida de roupa, calzado e complementos usados no municipio. O secretario xeral de Cáritas Tui-Vigo, Jose Antonio García, rubricou o convenio coa administración municipal.
O Concello de Tui aposta así por este proxecto social, que amais permitirá incrementar de 10 a 12 o número de colectores de roupa usada distribuídos no municipio.  Os 8 primeiros están xa situados no Punto Limpo, en Areas,  na Avenida da Concordia, na rúa Colón, a carón do Centro de Saúde e a carón da igrexa de San Bartolomeu. Os outros catro serán situados nos próximos días noutras tantas ubicacións.
O proxecto que desenvolve Cáritas Diocesana Tui-Vigo ten por obxectivo dignificar a entrega de roupa a persoas en situación de vulnerabilidade, coidar o medio ambiente, e dar unha oportunidade laboral as persoas que non tiñan posibilidade de atopar  un posto de traballo, para o que crearon unha empresa na que xa traballan dez persoas.


Converxencia 21 de Tui pide un Parking de 450 prazas

Tui, 1 de xuño de 2020. Durante a súa intervención na sesión plenaria do pasado Xoves, o concelleiro de C21, José Palacín, solicitou ao Goberno Local que negocie ca empresa redactora do plan de viabilidade do Parking da Área Panorámica, o incremento de dito aparcamento en 150 prazas máis, distribuídas baixo a Rúa Compostela. E aínda que de feito, o plan actual contemple a posibilidade de ampliación a futuro mediante a fabricación dunha saída cega, o partido liberal considera máis axeitado comezar xa dito trámite a fin de solucionar dunha vez por sempre o problema do estacionamento en Tui e non volver a molestar aos veciños dentro dun certo tempo.
Palacín tamén lembrou a PSOE – EN MAREA, que fai tan so un ano, estando na oposición, reclamaban un parking de dúas plantas, 700 prazas y de titularidade pública, o que tería suposto (segundo palabras de Palacín) “enterrar nun hipoxeo faraónico dous terzos do remanente, ¡máis de 7 millóns de euros!, e que agora no Goberno o Partido Socialista se atopa ca inevitable realidade”.
Palacín tamén queixouse de que o Goberno do “Sr. Cabaleiro, non deixe pedra sobre pedra da herdanza de C21”, en clara referencia ao proxecto axardinado destinado a parte traseira da Área Panorámica e que se deseñara e pagara durante o mandato de Carlos Vázquez Padín.  
Regreso al contenido