Tui, xaneiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, xaneiro 2021

Arquivo 2021
Prospera a Moción de C21 para habilitar novas axudas ao comercio e a hostalería de Tui
Tui, 29 de xaneiro de 2021. Nesta sesión plenaria de xaneiro, o concelleiro do partido centrista - liberal, José Palacín, presentou unha moción para que a Corporación estude unha nova liña de axudas ao comercio e a hostalería.  
Palacín xustifica dita actuación por parte da administración local no feito de que: “Tui esta a sufrir un peche perimetral persistente dende inicios de novembro, con restricións horarias e peches moi severos, e que o sector de servizos: comercio, hostalería ou ambulantes principalmente, xa non poden resistir máis”.
C21 avogou porque os fondos saian do Remanente Líquido de Tesourería e que as axudas se tramiten ca maior dilixencia administrativa posible.  O acordo de mínimos  plantexado por Palacín saíu adiante por unanimidade do Pleno, e a semana que ven iniciaranse as deliberacións por parte dos voceiros dos diferentes grupos e da man do Alcalde Enrique Cabaleiro.
Palacín xa solicitara persoalmente a Delegada Territorial e ao Secretario de Comercio da Xunta, unha axuda especial para a cidade debido a incidencia que están a ter na súa economía as medidas sanitarias.  
  

Modificados o prazos da campaña Activa Tui
Tui, 28 de xaneiro de 2020.  O Concello de Tui vén de modificar os prazos establecidos inicialmente na campaña Activa Tui ante as novas medidas restritivas que entraron en vigor esta semana e que afectan directamente tanto aos establecementos comerciais coma a hostalería.
O prazo para a adherirse a esta campaña de bonos Activa Tui para os establecementos, que remataba hoxe, se amplía até o 28 de febreiro. O próximo 1 de marzo será cando se faga pública a listaxe cos establecementos participantes.
Se modifica tamén o prazo no que a cidadanía, maior de 16 anos, poderá solicitar un máximo de dous bonos de 10€ para canxear en compras superiores a 25€ nos establecementos participantes.  Aquelas persoas interesadas en obter estes bonos poderán solicitalos entre o 1 de marzo e o 30 de abril en activa.tui.gal.  O emprego do bonos nos establecementos participantes poderá realizarse dende a súa recepción até o 30 de abril.
O Concello de Tui destina a esta iniciativa 50 mil euros.  Os bonos intégranse dentro do Plan de Reactivación económica do concello de Tui plantexándose coma unha medida extraordinaria para axudar o tecido empresarial a paliar os efectos económicos negativos derivados da pandemia da COVID-19 nas microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal.  
Toda a información sobre a campaña Activa Tui pódese ampliar en activa.tui.gal.
   
O alcalde de Tui solicitou á directora de Turismo de Galicia o apoio ao proxecto do Cárcere Vello
Tui, 28 de xaneiro de 2020.  Na maña de hoxe, 28 de xaneiro, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle o proxecto de intervención no edificio municipal do “Cárcere Vello” coa finalidade de convertelo nun centro de acollida a visitantes e peregrinos e que contribúa á posta en valor da nosa cidade e dos seus recursos patrimoniais e turísticos.
A iniciativa tudense foi favorablemente acollida pola directora de Turismo de Galicia tras trasladarlle o alcalde a petición dunha posible colaboración no financiamento deste centro que quere configurarse como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona histórica, así como contribuír á valoración do conxunto patrimonial tudense tanto para visitantes, turistas e peregrinos como para a propia veciñanza.
O alcalde de Tui estivo acompañado polo concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso. No decurso da reunión de traballo, na que tamén estaba presente o director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, analizaron amais  algunhas das necesidades de intervención na traza da ruta xacobea en Tui. Concretamente, na petición municipal de abordar melloras na Fonte do Ouro ou de Freanxo e na Ponte das Febres. No primeiro caso para unha mellora estética do lugar e do seu entorno, en no segundo caso, para unha prolongación da actual pasarela de madeira que incremente a seguridade no paso dos peregrinos. Coincidiron os representantes do Concello de Tui e de Turismo de Galicia en reclamar diante do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a execución do proxecto de humanización da fronteira tudense, entrada do Camiño en Tui / Galicia / España e que presenta un desleixo que cómpre corrixir.
O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. O proxecto redactado pola empresa Trivium pretende poñer en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as diversas etapas históricas da cidade e os seus mais egrexios veciños. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello de Tui está previsto sexa tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.
O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.
 

O Concello de Tui súmase á conmemoración do “Día oficial da memoria do Holocausto e prevención de crimes contra a Humanidade”
Tui, 26 de xaneiro de 2021. O Concello de Tui súmase á conmemoración do “Día oficial da memoria do Holocausto e prevención de crimes contra a Humanidade” que ten lugar o 27 de xaneiro.
O 27 de xaneiro conmemórase a liberación en 1945 por parte das tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi en Auschwitz-Birkenau. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou oficialmente esta data coma o Día Internacional da Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. España instaurou no ano 2005 a conmemoración desta data coa denominación de “Día oficial da memoria do Holocausto e prevención de crimes contra a Humanidade”. Deste xeito cada ano, ao redor do 27 de xaneiro, réndese homenaxe á memoria das vítimas do Holocausto.
O Concello de Tui súmase a este conmemoración, especialmente agora que forma parte da Red de Juderías de España. Mañá mércores, 27 de xaneiro, estaba prevista a  inauguración da exposición “Viaxes xudías”  e un pequeno acto de lembranza desta data, que tivo que ser anulado debido ás medidas acordadas pola Xunta de Galicia para a prevención da pandemia que obrigan ao peche dos servizos culturais.
Nese acto íase ler o seguinte texto preparado pola Red de Juderías:
“O Holocausto non só afectou profundamente aos países onde se cometeron crimes nazis, senón que tamén afectou a moitas outras partes do mundo. Sete décadas despois dos acontecementos, existe unha responsabilidade colectiva de tratar o trauma restante, manter medidas que permitan unha conmemoración efectiva, coidar sitios históricos e promover a educación, documentación e investigación. Esta responsabilidade require educar sobre as causas, consecuencias e dinámicas destes crimes, así como reforzar a capacidade de resistencia dos mozos fronte ás ideoloxías de odio. A medida que os xenocidios e outros crimes atroces seguen ocorrendo en varias rexións do mundo e como asistimos a un aumento mundial do antisemitismo e do discurso de odio, isto nunca foi máis relevante”.
O Concello de Tui súmase a esta conmemoración e expresa o seu compromiso de traballar cada día para desbotar da nosa sociedade o discurso do odio e a discriminación por calquera condición.
    
Pleno en Tui ás 20 horas do 28 de xaneiro
Tui, 26 de xaneiro de 2021. Sesión con carácter de Ordinaria do Pleno Corporativo a celebrar a porta pechada para o público o xoves día 28 de xaneiro ás 20:00 horas, e dous días despois á mesma hora en segunda convocatoria en caso de non existir o quórum esixido na primeira, no Salón de Sesións da Casa do Concello, a fin de resolver os puntos incluídos na seguinte:
ORDE DO DÍA
A) Parte resolutiva:
1º.- Aprobación, se procede, de borrador da acta de sesión anterior nº 11/2020, do 29 de decembro.
2º.- Expediente 2313/2020. Ditame favorable da Comisión Informativa de Contas,Facenda, Patrimonio e Persoal, de data 21/01/2021, a proposta da concelleira de Facenda, de data 15/01/2021, sobre proxecto do Orzamento Municipal do Concello para o 2021.
3º.- Expediente 2317/2020. Ditame favorable da Comisión Informativa de Contas, Facenda, Patrimonio e Persoal, de data 21/01/2021, a proposta da Alcaldía, de data 18/01/2021, relativa á modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Tui.
4º.- Expediente 826/2020. Ditame favorable da Comisión Informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos, de data 21/01/2021, a proposta da Alcaldía, de data 12/01/2021, relativa a adxudicación no expediente de contratación do “Suministro de enerxía eléctrica no Concello de Tui”.
5º.- Mocións de Urxencia.
B) Actividade de control:
6º.- Dación de conta de resolucións da Alcaldía: Do nº 1291, de 16/11/2020, ao nº 1563, de 31/12/2020. Do nº 1, de 04/01/2021, ao nº 55, de 22/01/2021.
C) Rogos e preguntas:
7º.- Rogos e preguntas
  
A veciñanza de Tui ve renovadas as súas instalacions deportivas grazas ao investimento de 210.000 euros con cargo ao Plan Concellos
Tui, 26 de xaneiro de 2021. Os clubs deportivos e a comunidade escolar de Tui ven cumprida, grazas á Deputación de Pontevedra, unha reclamación que viñan facendo dende hai tempo: a mellora dos Pavillóns Novo e Vello, así como das pistas de tenis municipais do polígono de Areas. Para coñecer de preto as actuacións realizadas, que contaron cun investimento de máis de 210.000 euros, os deputados provinciais Santos Héctor, responsable da área de Cooperación, e Gorka Gómez, da área de Deportes, visitaron as instalacións acompañados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o coordinador desta área no concello, Diego Fernández, e representantes de varios clubs deportivos locais.
Santos Héctor lembrou que este tipo de actuacións entran “dentro da liña que ven defendendo a Deputación e a nosa presidenta, Carmela Silva, para estar á altura no apoio ao deporte nestes momentos tan complicados”. “Hai que investir en deporte, sobre todo nestes tempos de pandemia da Covid-19, para que cando poidamos regresar á normalidade o deporte volva da mellor maneira”. O deputado provincial destacou a importancia do deporte en Tui, onde “a celebración de competicións deportivas é unha parte moi importante da economía” e onde existen un gran número de clubs e deportistas individuais de elite.
Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo poñer en valor o incremento, dende o 2015, en case un 40% dos fondos da Deputación que chegan ao concello. Con estas subvencións a cidade de Tui puido levar adiante a adecuación de equipamentos como o Pavillón Vello, “que dende os anos oitenta non tivera practicamente ningunha obra de mellora”.  O rexedor municipal destacou tamén outras actuacións que se teñen levado con anterioridade no concello grazas a achegas provinciais como melloras en case todos os campos de fútbol así como no Centro Municipal de Remo ou as obras no interior do Pavillón da Macoca, en Pazos de Reis. Cabaleiro agradeceu á Deputación o seu respaldo financeiro “sen o cal sería imposible levar isto adiante” e demandou “ao conxunto das administracións o apoio que necesitamos para seguir adecuando os nosos equipamentos deportivos”.
Na súa visita coñeceron as melloras realizadas nos vestiarios e aseos do Pavillón Vello de Tui cunha achega de preto de 60.00 euros. Con eles púxose solución aos problemas de obsolescencia destas estancias, que precisaban dunha renovación completa. Ademais, este pavillón conta agora cun baño adaptado a persoas con diversidade funcional, axustándose así á normativa actual.
No Pavillón Novo, segunda parada desta visita, comprobáronse os resultados da mellora da cancha, que presentaba danos que debían ser reparados tras máis de dez anos empregándose. Ademais, aproveitouse a ocasión para levar a cabo un novo vernizado e pintado das pistas para as diferentes modalidades deportivas que se practican na instalación. Grazas a esta subvención provincial, que supera os 88.000 euros, o pavillón conta agora tamén cunha gran cortina separadora, con elevación automática, que fai que o espazo sexa modulable, optimizando así o uso do espazo para todos os clubs tudenses.
As pistas de tenis municipais do Polígono de Areas tamén estiveron no foco das actuacións levadas a cabo co Plan Concellos grazas a unha partida orzamentaria de máis de 64.000 euros. Con eles realizouse a ampliación da superficie de xogo, que agora conta con tres campos de dobres, a renovación do revestimento deportivo, o pintado dos campos de xogo e a renovación dos cerramentos, entre outras actuacións.
Estas actuacións son un exemplo das melloras das que se ve beneficiada a veciñanza de Tui grazas a partidas provinciais. Dende 2015 a Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 8,3 millóns de euros no concello, dos que cinco millóns pertencen ao Plan Concellos. Para este 2021 o Tui ten á súa disposición, ao abeiro deste plan provincial, máis dun millón de euros. A maiores, o Concello de Tui resultou beneficiario dun gran proxecto a través do Plan DepoRemse para a reurbanización integral do barrio da Torre, en Paramos.
 
Suspendidas as actividades presenciais do Entroido 2021
Tui. Martes, 26 de xaneiro de 2020. O Concello de Tui informa que ante a actual situación epidemiolóxica e as novas medidas establecidas pola Xunta suspende as actividades previstas cada ano co gallo do Entroido, o próximo martes 16 de febreiro. Estábase a traballar na realización de actividades que cumprisen todos os protocolos de prevención establecidos ante a actual situación sanitaria.
Dende o Concello estanse a estudar alternativas virtuais para festexar o Entroido dun xeito diferente pero mantendo o seu carácter.
  

Peticións de C21 ao Goberno Local  

Tui, 24 de xaneiro de 2021. O voceiro do Partido Liberal Centrista de Tui, José Palacín, acaba de solicitar por rexistro de entrada que o Goberno Local faga o imposible para que se retiren os escombros e sobre todo as chapas do recente derribo das estrutura de Camp Fran, na Rúa Concordia.
Palacín afirma que: “Foi peor o remedio ca enfermidade e que agora temos unhas chapas amontoadas entre escombros e so nos queda pregar para que un temporal non as lance polo aire de forma descontrolada causando unha desgracia”, por iso esixe que se retiren inmediatamente eses elementos susceptibles de perigo.
Do mesmo modo, lembra a precaria situación do edificio contiguo, de titularidade municipal,  e insiste nun perimetrado en condicións y a retirada de cristais.  
Por outra banda,  José Palacín ven de solicitar a reparación do teito da parada de autobús ao Colexio, situada en Mourentán (Ribadelouro) sinalando que debido a roturas na parte superior da estrutura da marquesiña as choivas fíltranse por dentro empapando, aos usuarios.  
Advirte tamén sobre a apertura dunha fenda de certa entidade na beirarrúa da Avenida Martínez Padín, a altura da subida cara o casco histórico.  
C21 atópase ao corrente de certos movementos do terreo neste entorno pero a apertura desta fenda podería ser un síntoma de aceleración no deterioro das estruturas viarias.
Palacín recorda que o ano pasado, con motivo das choivas torrenciais, presentou en sesión plenaria unha moción, que saíu aprobada por unanimidade, para que se revisasen tódalas pontes de Tui.
   
Comunicado do BNG tudense
Tui, 25 de xaneiro de 2021. No pasado venres,15 de xaneiro de 2021, a nosa voceira municipal Carmen Núñez, e o noso concelleiro Xosé Martínez Tato, reunironse co presidente e o vicepresindente de ACITUI, para informar sobre a situación do aparcamento soterrado e a nosa postura sobre o mesmo,
Desta forma queremos chegar a maior parte de comerciantes, que ao noso entrender, van ser os maiores perxudicados da reducción de 480 prazas de aparcamento en superfície, por pouco mais de 100 prazas que tería, unha vez restadas as 80 prazas a venda, e as 36 do Centro de Saude, o novo aprcamento soterrado. Con todo isto, as persoas desprazaranse a grandes superfícies con aparcamento gratuito e non ao centro do concello.
Dende o BNG, levamos varios meses insistindo no erro do equipo de goberno local (PSOE+Son de Tui) de avanzar cun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica
Para nos, non se sustenta unha inversión tan grande cando, por moito menos, pódese facer un estudo de impacto ambiental nos arredores do centro, e habilitar un aparcamento, ou varios en superficie, con espazo arborado ao arredor, a mais, como xa comunicamos, todos os aparacamentos soterrados dos arredores como Baiona, O Porriño, etc…foron rescatados, xa que non son rentables.
Os nosos concelleiros, levan dias repartindo información sobre este problema aos propios comerciantes, e  seguiremos traballando para evitar este erro por parte do equipo de goberno, informando e alertando do gran problema que vai supoñer para o concello de Tui.
  

C21 avisa de desprendementos nunha casa con perigo para os transeúntes

Tui, 23 de xaneiro de 2021. Dentro do seu Plan #Tuiseguro o Partido Liberal de Tui ven de avisar por rexistro de entrada no Concello de que existe unha casa na Rúa Canónigo Valiño da que se desprenden determinados elementos, sendo un perigo para os transeúntes, e máis tendo en conta que dita vivenda atópase na ruta do Colexio Nº 1.  C21 lembra que nesa Rúa existe outras casas en estado ruinoso.
 

A Eurocidade Tui-Valença contará con novo equipamento para ás distintas actividades organizadas
Tui, 20 de xaneiro de 2021.  Os eventos culturais e deportivos organizados dentro do calendario de actividades da Eurocidade Tui-Valença, contarán desde este ano cun novo equipamento que mellorará a imaxe e a operatividade nestas actividades.
Trátase de catro carpas de 3x3 metros, unha carpa inchable de 9x4 metros, unha carpa inchable de 4x4 metros, dous arcos de saída/meta de 5x3,5 metros e outro de 7x4 metros, así como 12 bandeiras publicitarias. Este material, adquirido polo Concello de Tui, foi cofinanciado nun 75% polo Programa Operativo INTERREG V-A 2014-2020, no marco do proxecto Eurocidade Valença-Tui Unicidade.
As concellerías de Cultura e Deporte do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença levan traballando dende finais do ano pasado na programación da axenda Eurocidade 2021, nun ano no que a meirande parte dos eventos deportivos previsto concentraranse no segundo semestre, agardando que as condicións sanitarias permitan a súa realización.
  

A Biblioteca Municipal de Tui presente nas redes sociais para promover a lectura
Tui, 19 de xaneiro de 2020.  Dende o pasado luns 11 de xaneiro, coincidindo coa celebración do “Día dos usuarios das bibliotecas”, a Biblioteca Municipal de Tui comezou a súa presenza no ámbito das Redes Sociais abrindo os seus perfís en Facebook, Instagram e Twitter na procura de mellorar a súa comunicación co seus usuarios, cos afeccionados á lectura e, en definitiva, coa cidadanía en xeral.
O obxectivo é promover a lectura como un eficaz e deleitoso instrumento de educación, cultura, información e lecer e informar sobre o funcionamento deste servizo público de carácter cultural que garante o acceso de todos os cidadáns á información e á cultura.
Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, o obxectivo é informar aos nosos seguidores e compartir o noso gusto pola lectura. Por tanto dende a presenza da Biblioteca Municipal nas redes sociais é unicamente para informar da súa oferta e das propostas de lectura para todas as idades así como daquelas noticias e actividades, especialmente de dimensión local, que entendamos de interese.
Podemos seguir á bibliotecas municipal tudense nos seguintes enlaces:
Facebook https://www.facebook.com/Biblioteca-Municipal-de-Tui-103305968389783
Instagram https://www.instagram.com/bibliotecamunicipaltui/
Twitter https://twitter.com/bibliotecapmtui    
   
As instalacións deportivas municipais de Tui pechan ante a situación epidemiolóxica
Tui, 19 de xaneiro de 2020.  O Concello de Tui acordou esta mañá pechar as instalacións deportivas municipais ante a situación epidemiolóxica no municipio e as últimas medidas adoptadas pola Xunta que suspende toda a competición deportiva federada autonómica.
Deste xeito todas as instalacións municipais, pavillóns deportivos, campos de fútbol, centro municipal de piragüismo e de remo, centro interfederado, e pistas de tenis de Areas permanecerán pechadas dende hoxe e até novo aviso.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, explica que só os deportistas de alto nivel poderán seguir adestrando nestas instalacións, tendo en conta a nova normativa que entrará en vigor ás 00 h do xoves, 21 de xaneiro, en vigor en Galicia.
 

A casa do concello iluminouse de verde con motivo do Día Mundial da Enfermidade de Perthes
Tui. Sábado, 16 de xaneiro de 2020.  O domingo, 17 de xaneiro, celébrouse o Día Mundial da Enfermidade de Perthes. Con este motivo e para visibilizar esta enfermidade rara a casa do concello de Tui iluminose de verde, respondendo así a solicitude realizada dende a Asociación de Familias con Perthes, ASFAPE.
Desde xeito o concello de Tui súmase a esta xornada que ten por obxectivo concienciar sobre esta enfermidade que afecta á cabeza do fémur, e que aparece na infancia.
  

Tui inicia o Ano Santo coa exposición “De Mar a Mar: o Camiño de Santiago en 3d”
Tui, 14 de xaneiro de 2020. A Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica acolle dende esta semana, e até o 10 de febreiro, a exposición “De Mar a Mar: o Camiño de Santiago en 3d”. Esta exposición chega a Tui grazas á cesión realizada por Turismo de Galicia.
As fotografías expostas realizáronse coa técnica estereográfica, polo que para a o seu visionado son precisas unhas gafas especiais que se proporcionan de balde aos visitantes.
A exposición presenta unha trintena de imaxes en tres dimensións do Camiño Portugués e do Camiño de Fisterra e Muxía en tres dimensións, con pezas espectaculares e de gran formato
O título desta mostra fai referencia ao mar das rutas atlánticas co que comeza a exposición, ao mar das costas lusitana e galega, tan ligado aos camiños portugueses de peregrinación a Santiago así como ao chamado camiño inglés, para rematar, unha vez se chega a Compostela, no océano aberto da Costa da Morte, final físico e simbólico do camiño a Fisterra e Muxía.
Na exposición amósase o Camiño de Santiago coma unha ruta universal, espiritual, histórica e monumental. É o primeiro Itinerario Cultural Europeo, que ten como meta a chegada á tumba do apóstolo Santiago o Maior en Santiago de Compostela, recollido en imaxes que representan un encontro co patrimonio histórico, a natureza, a paisaxe e a confraternidade entre as xentes peregrinas.
O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, indica que esta exposición é a primeira actividade realizada polo Concello de Tui para abrir a celebración do Xacobeo 2021-2022. Este ano xubilar, que acaba de iniciarse, é unha excelente oportunidade para posicionar á nosa cidade como a porta de entrada en Galicia dos camiños portugueses de peregrinación a Compostela e preparar a oferta tudense de cara ao momento en que, superadas as consecuencias da actual pandemia da Covid 19, os camiños xacobeos recuperen o tránsito dos peregrinos.
      
O Concello de Tui organiza o II Foro de emprego Emprega Tui para promover o emprego e o emprendemento
Tui, 7 de xaneiro de 2020.  Do 19 ao 21 de xaneiro vaise celebrar o II Foro de Emprego Emprega Tui. Está organizado polo Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui en colaboración con distintas entidades e empresas.
Realizarase cun dobre obxectivo de achegar coñecemento e recursos sobre o mercado laboral ás persoas que están na procura de emprego e de achegar man de obra cualificada e formada ás empresas que procuran persoal.
O II Foro de Emprego “EMPREGA TUI” amplía nesta segunda edición o seu programa triplicando o calendario de actividades previstas con respecto á primeira edición.
Debido a actual situación ocasionada pola pandemia terá lugar en formato virtual e presencial. Esta última modalidade, a presencial está limitada exclusivamente a un máximo de 30 persoas, dirixida a aquelas persoas que non dispoña dos medios para conectarse mediante dispositivos electrónicos. Igualmente terán preferencia na participación presencial os participantes do PIE. Poderase participar de forma virtual no Foro para o que será preciso realizar a inscrición de forma gratuíta.
O Foro Emprega Tui desenvolverase no antigo convento de San Domingos o martes 19, mércores 20 e xoves 21 de xaneiro de 9:30 a 13:30h.
O acto de apertura correrá a cargo da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez e do persoal técnico adscrito ao programa integrado de emprego e a clausura corresponderá ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
EMPREGA TUI contará coa presenza dun elenco de empresas de diversos sectores que aportaran aos asistentes coñecemento do mercado laboral, da demanda de emprego na nosa contorna, dos postos de traballo que se precisan cubrir a curto e medio prazo, de cales son as necesidades do sector, de como son os procesos de selección, das aptitudes, habilidades ou actitudes máis valoradas nas súas empresas e no mercado laboral en xeral, coa finalidade de proporcionar información útil ás persoas demandantes de emprego. Tamén se facilitarán os contactos e as vías para inscribirse nas súas ofertas de emprego. Así mesmo, exporán as necesidades e requisitos á hora de realizar unha contratación e as claves que axuden a superar os procesos de selección con éxito.
As empresas participantes nesta segunda edición do Foro son empresas de
Tui e da contorna pertencentes aos sectores metalúrxico, loxístico, alimentación, comercio, consultoría de RR.HH ou emprendedores valentes que asumiron a difícil tarefa de emprender en tempos de pandemia. Asi contarase coa participación de: Plaintec, Coplant, Coplegal, Utingal, Itcn, Lenda, Eulen, Duatel, Valver, Nortempo, Idae Consultores, Vioncas Bake, A Fada Do Aloia, C.C. Vialia Estacion De Vigo, Ceetrus España e Kaleido Ideas & Logistics.
Ademáis da participación das 15 empresas mencionadas, o Foro conta cun completo programa  composto por 6 webinares impartidos por referentes no mundo da xestión das persoas que pretenden aportar ferramentas e recursos na mellora da empregabilidade dos participantes.
Cada xornada terán lugar dous webinarios. O martes 19 o primeiro correrá a cargo de Daniel Gomez sobre “Como aumentar a miña empregabilidade”. Este webinario axudará a que os participantes reflexionen sobre como está cambiando o mercado do emprego e coñecerán estratexias que poderían axudarlos a ter máis opcións de conseguir traballo. O segundo webinario previsto o martes será “Mindset para novos tempos: instalando o teu antivirus mental” con Raquel Pedrouso. Os participantes coñecerán o Mindset como filosofía de crecemento persoal e profesional, incorporando ao seu día a día mentalidades abertas apreciativas cara un mesmo e o entorno que nos rodea.
O mércores 20 terá lugar o webinario de Raquel Rodriguez “Descobre os teus recursos”. O Talante é a mestura do talento e cómo decides actuar con el, é como facer a mellor xogada coas cartas que temos; é que facemos coas nosas experiencias e como as utilizamos ao noso favor e non en contra; é afrontar a vida e non enfrontala. E posterioremente “Sectores emerxentes para o emprego e o autoemprego” por Mario Weitz, economista, profesor e consultor; foi conselleiro delegado do Fondo Monetario Internacional e actualmente é consultor do Banco Mundial e profesor de escolas de negocios como ESIC e IESIDE.
O xoves 21 abordarase o emprendemento con Anabel Diaz de IDAE consultores no webinario “Emprender en tempos de adversidade”, que achegará consellos a ter en conta á hora de emprender un negocio en momentos de adversidade coma os que vivimos actualmente. Estes consellos axudarán a dar os primeiros pasos do autoemprego con máis seguridade. E por último “Portugal: unha porta ao emprego” por Elisa Gonzalez, técnica do Eures Transfronterizo (Servizos de Emprego Europeos) que facilitará información sobre oportunidades de emprego e condicións de vida e traballo no Espazo Económico Europeo.
Compre destacar a participación o xoves 21 de Daniel Lorenzo, responsable do departamento de Marketing, Comunicación, RSC e Innovación do Centro Comercial Vialia de Vigo que están actualmente en fase de recrutamento para cubrir os 1500 postos de traballo que precisa a posta en marcha do novo centro comercial de Vigo e que ofrecerán asesoramento para a inscrición no portal de emprego de VIALIA.
As persoas interesadas en participar en Emprega Tui, ben de forma presencial ou virtual, deberán inscribirse de forma gratuíta no correo orientacion@tui.gal, nos teléfonos: 670 24 56 33 e 986 60 16 51,  por whatsapp no 663 83 92 68, ou  persoalmente no segundo andar Centro Municipal de Formación Municipal do Concello de Tui en Guillarei en horario de 9 a 14 horas.
A concelleira de Formación do Concello de Tui, Ana Nuñez, destaca que “estas xornadas son unha experiencia moi positiva que facilitan a inserción laboral xa que axudan a conectar directamente cos responsables de RRHH ou xerentes dalgunhas empresas relevantes de diversos sectores profesionais e permiten achegar coñecemento sobre os procesos de selección e ofertas de emprego as persoas desempregadas aumentando as súas oportunidades de emprego”.
Coa realización deste II foro, o Concello de Tui continua a demostrar o seu compromiso co emprego, traballando por achegar oportunidades de emprego ao territorio e servindo de vínculo para facilitar o contacto entre as persoas desempregadas e as empresas da nosa contorna.
Dende a Concellería de Formación e Emprego faise un chamamento a todas as persoas en busca activa de emprego, así como a todas as empresas que estean a procurar persoal a empregar o servizo municipal de “Orientación” e a “Bolsa de emprego”. Estes servizos establecidos no Centro Municipal de Formación en Guillarei están a disposición das empresas e das persoas desempregadas empadroadas no Concello de Tui que están a procurar emprego. Para os mesmos pódese solicitar cita previa no correo electrónico orientacion@tui.gal ou no teléfono 986 60 32 28.
  

A corporación de Tui mostra o seu apoio á Residencia Paz y Bien
Tui. Mércores, 13 de xaneiro de 2021. A corporación municipal de Tui amosa publicamente o seu apoio ao traballo realizado na Residencia Paz y Bien de Tui. Así o acordou este mediodía a Xunta de Portavoces, reunida con este motivo.
Dende o Concello somos coñecedores do gran traballo realizado nesta residencia tudense, que dende o inicio da pandemia no mes de marzo do ano pasado, ten levado a cabo un labor excepcional con gran profesionalidade  e mimo, coidando cada un até o máis mínimo de detalle para evitar a propagación do virus. Teñen destacado polo estrito cumprimento dos protocolos establecidos, sen descoidar a faceta humana na atención das persoas usuarias da mesma.
Nestes momentos complicados, nos que o virus ten golpeado con dureza á Residencia, dende o Concello de Tui, non podemos máis que pórnos ao seu dispor para todo aquilo que puideran precisar, coma xa temos feito dende o coñecemento do brote, e facerlles chegar o noso recoñecemento ao seu traballo, confiando na pronta superación desta situación.
Dende o Concello de Tui faise extensible este recoñecemento ao traballo realizado tamén nas outras residencias tudenses durante a pandemia.
  

Formación dixital gratuíta para persoas autónomas, emprendedoras e pemes grazas á colaboración entre o concello de Tui e a Fundación Cibervoluntarios
Tui, 12 de xaneiro de 2020. Até o luns 25 de xaneiro está aberto prazo de inscrición no programa IniciaTIC de apoio e impulso á dixitalización para mellorar a competitividade de persoas autónomas, emprendedoras, pemes e axentes promotores da economía social. Está impulsado pola Fundación Cibervoluntarios e conta neste caso co apoio do Concello de Tui.
IniciaTIC ofrece formación específica  e gratuíta en transformación dixital e emprendemento. O obxectivo é paliar a brecha tecnolóxica, e facilitar a adaptación da actividade económica de persoas autónomas, emprendedoras e PEMES a través de procesos de dixitalización básica a escenarios cambiantes provocados pola COVID19.
Levarase a cabo ciberformacións en liña gratuítas para grupos reducidos en Marketing Dixital, Ciberseguridade, administración electrónica, e-commerce, comunicación e xestión e big data.
As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente en www.iniciatic.org.
  
O Concello de Tui destina 50 mil euros en bonos de compra para a reactivación da economía local
Tui. Martes, 12 de xaneiro de 2020. Mañá mércores, 13 de xaneiro, abre o prazo de inscrición para que os establecementos interesados se adhiran aos bonos “Activa Tui”.  Hoxe veñen publicadas no BOPPO as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión destas axudas á reactivación económica, que foron aprobadas por unanimidade o pasado mes de decembro en pleno. O Concello de Tui destina a esta iniciativa 50 mil euros.
Os bonos intégranse dentro do Plan de Reactivación económica do concello de Tui e están concibidos como unha medida extraordinaria para axudar o tecido empresarial a paliar os efectos económicos negativos derivados da pandemia da COVID-19 nas microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal.  
O principal obxectivo de Activa Tui é apoiar aos sectores de servizos, comercio, hostalería e restauración do municipio de Tui, tratando de impulsar o consumo de proximidade a través da posta en funcionamento dos bonos “ACTIVA TUI” para investir nos establecementos comerciais.
Os establecementos interesados deben cubrir o formulario habilitado en tui.gal a partir de mañá, 13 de xaneiro. Antes do 1 de febreiro publicarase a listaxe con todos os establecementos participantes.
Dende o 1 de febreiro as persoas, maiores de 16 anos, poderán obter un máximo de dous bonos de compra por valor de 10 €, que poderán canxear en compras iguais ou superiores a 25 euros nos establecementos adheridos á campaña até o 30 de marzo. Estas datas poden sufrir variacións en funcións das medidas restritivas e da situación epidemiolóxica no municipio.
    

A Consellería de Educación realiza melloras no CEIP de Randufe e no IES San Paio de Tui para incrementar a súa confortabilidade por 91.000€
Tui, 11 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de realizar diversas melloras no CEIP de Randufe e no IES San Paio, ambos na localidade de Tui, para incrementar a súa confortabilidade coincidindo co comezo do segundo trimestre do presente curso grazas a un investimento de case 91.000€.
O departamento autonómico acometeu no colexio público un cambio da súa cuberta para corrixir certas filtracións de augas e humidades coa súa substitución por unha moderna instalación en chapa de aceiro prelacado cos seus remates e anclaxes. Esta actuación, orzamentada en 48.396€, supuxo a renovación de case 800 m2 do teito.
Por outra banda, no instituto tudense procedeuse á renovación das antigas tubaxes de ferro galvanizado do sistema de fontanaría, que estaban afectadas polo paso do tempo e a acción do cloro xenerando a conseguinte oxidación do seu interior. Así, a Consellería de Educación reformou de xeito integral a rede de fontanaría cun investimento de 42.495€.
Ambas melloras enmárcanse nas accións de acondicionamento e modernización que está a desenvolver ao longo de todo o curso académico o departamento autonómico nos centros educativos de toda Galicia para mellorar a confortabilidade e funcionalidade dos mesmos e que este ano están a ser especialmente intensas por mor das esixencias sanitarias fronte á covid-19.
As dúas obras acometidas nestes dous centros de Tui foron supervisadas, antes do arranque do trimestre, polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e polos responsables da unidade técnica da conselleria xunto cos representantes directivos do CEIP de Randufe e do IES San Paio.
  

Protección Civil de Tui prestou en 2020 un total de 1.969 horas de servizo
Tui, 8 de xaneiro de 2020. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou ao longo de 2020 un total de 1.969 horas de servizo. En concreto prestaron 387 servizos dos que 295 foron requiridos polo 112, o concello, a Garda Civil, a Policía Local ou particulares.
Un total de 93 servizos estiveron relacionados coa COVID19, con labores de desinfección de contedores, reparto de máscaras, adquisición de alimentos, menciñas, distribución de cadernos ou ordenadores,… así coma a colaboración co Concello e con SOS Tomiño Baixo Miño.
Por outra parte 54 actuación estiveron relacionadas con accidentes de tráfico con feridos, e 36 con accidentes de tráfico nos que houbo só danos materiais. En estradas tamén interviñeron en 13 ocasión pola presenza de vertidos de gasoil ou aceite na calzada.
Os voluntarios de Protección Civil acudiron en 28 ocasións a retirar animais vivos ou mortos da vía pública ou doutros lugares.  Participaron amais en 22 operativos con motivo de actos culturais e en 13 de carácter deportivo.  
Dende Protección Civil interviñeron tamén o ano pasado en 9 incendios forestais ou urbanos, en 5 retiradas de árbores, en 5 aperturas de portas, e 4 inundacións, en 3 buscas de persoas desaparecidas e en 2 accidentes laborais, entre outras.
Dende o Concello de Tui agradécese o labor realizado polos voluntarios de Protección Civil ao longo dos últimos 12 meses.
    

O concello de Tui adquiriu unha biotrituradora coma paso previo á creación dun Punto Verde Municipal
Tui, 7 de xaneiro de 2021. O Concello de Tui conta dende hai uns días cunha biotrituradora que vai optimizar o triturado de restos de poda municipal. É un paso máis para a próxima creación dun Punto Verde Municipal onde ofrecer á cidadanía un sitio onde depositar os seus restos vexetais e poder recoller, se así o precisan, material triturado de madeira para poder utilizar no proceso de compostaxe doméstica ou compost xerado nos centros de compostaxe do Concello.
A biotrituradora foi adqurida grazas á achega da Xunta para o financiamento de actuacións en materia de residuos municipais que foi destinada ao fomento da compostaxe municipal. Subvención cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Esta nova biotrituradora é unha máquina lixeira acoplada a un remolque polo que os traballos de trituración de material poden realizarse in situ, dando versatilidade e facilitando as tarefas ao persoal do Concello. Precisamente tras a adquisición desta nova maquinaria impartiuse un curso formativo dirixido aos traballadores municipais, que nesa mesma xornada comezaron a empregarla no triturado dos restos de poda de arborado na parroquia de Malvas.
Coa achega da Xunta amais da biotrituradora tamén se elaborou material informativo e de sensibilización do Plan de Compostaxe que o Concello está a levar a cabo. Trátase de paneis informativos dos Centros de Compostaxe Comunitarios situados no centro urbano,  do panel informativo que se vai a instalar no futuro Punto Verde Municipal, o deseño do logotipo do Plan de Compostaxe así como deseño de material para difundir nas redes sociais á Campaña informativa do Plan de Compostaxe.
Por outra parte neste 2021 vaise executar a segunda anualidade desta axuda que, entre outras accións, contempla a restructuración e ampliación da rede de composteiros comunitarios municipais e a adquisición de 300 composteiros individuais para continuar dotando á cidadanía de material co que fomentar a compostaxe doméstica.
Lembramos que este proxecto ten como obxectivo a redución na cantidade de residuos que van ao contedor verde e o aumento do tratamento selectivo de residuos reciclables.
Co lema “Compostate ben, composta en Tui” preténdese concienciar a poboación que a meirande parte dos restos orgánicos son compostables, que compostar é moi sinxelo e que o concello da diversas opcións para a xestión dos restos orgánicos.
  
C21 solicita que se sinalicen de forma visible as casetas que protexen os contedores do Camiño de Santiago.
Tui, 7 de xaneiro de 2021. O voceiro do partido liberal de Tui - C21, José Palacín, solicitou por rexistro de entrada a correcta sinalización das casetas que ocultan os contedores na ruta do Camiño de Santiago.
A razón aducida por Palacín é que durante as mañás e noites de néboa resultan un perigo debido a que como son moi claras apenas se poden discernir por parte dos condutores, especialmente polos motoristas, ademais tendo en conta que sobresaen moito respecto dos vehículos aparcados.
C21 plantexa que se lles engada unha banda reflectante no lado que da ao sentido de circulación dos vehículos.
     
C21 lamenta a situación de contaxio na Residencia Paz Y Bien e desexa a pronta recuperación dos afectados
Tui, 7 de xaneiro de 2021. O voceiro do partido liberal de Tui, José Palacín, quixo manifestar hoxe o pesar en nome do partido pola situación de contaxio na Residencia Paz Y Bien.
“Desexamos a pronta recuperación de tódolos contaxiados e solicitamos axuda por parte das administracións e das autoridades sanitarias para que o virus non se expanda entre o resto dos residentes”.  
  

Os Servizos Sociais distribuíron este Nadal os alimentos recollidos a cambio de libros na Biblioteca Municipal
Tui. Martes, 5 de xaneiro de 2020. Os libros transformáronse durante este Nadal en alimentos no mercadiño solidario organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui en favor dos Servizos Sociais Municipais.Os libros destinados ao expurgo conformaron un mercadillo no que a veciñanza podía escoller aqueles exemplares do seu interese e cambialos por produtos de Nadal e alimentos non perecedoiros.
A acollida brindada polos veciños e veciñas de Tui superou as expectativas iniciais da campaña. Persoal do departamento de Servizos Sociais recolleu estes alimentos e posteriormente os distribuíu entre as familias as que presta axuda, contribuíndo deste xeito a que seu Nadal fose tamén máis doce.  
Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración da veciñanza así coma do persoal da Biblioteca Municipal.   
    
Despedida a Evaristo Rodríguez que se xubila tras 30 anos de traballo no departamento de obras

Tui. Martes, 5 de xaneiro de 2020. Na xornada de hoxe xubilouse o traballador do Concello de Tui Evaristo Rodríguez Castiñeira, despois de 30 anos de servizo no departamento de obras do Concello de Tui. No salón de plenos do concello realizouse un sinxelo acto de homenaxe e despedida no que participaron membros do equipo de goberno, dos grupos políticos presentes na corporación municipal e compañeiros de traballo.
   

Novas quendas para a recepción dos Reis Magos
Tui. Luns, 4 de xaneiro de 2020. Ás 11horas, e até ás 20, os Reis Magos ofrecerán unha recepción aos nenos e nenas de Tui no Teatro Municipal.
Ás catro da tarde abrirase a reserva para 30 novas quendas entre ás 11 e ás 11.30 h e das 19.30 e as 20 h. En cada quedan se pode reservar para un máximo de 4 persoas.  En total ao longo da xornada serán 200 quendas as habilitadas para a achegarse á recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar.
No momento de facer a reserva débese cubrir o nome e apelidos e teléfono de contacto de cada unha  das persoas asistentes. A recepción contará cun estrito protoloco anticovid. Á chegada á Area Panorámica os paxes reais e o persoal municipal irán conducindo aos asistentes no circuíto establecido até o interior do teatro onde dende as escadas que dan acceso ao escenario os cativos poderán saudar con distancia a Melchor, Gaspar e Baltasar e fotografarse con eles. Recoméndase acudir ao Teatro con 10 minutos de antelación sobre a hora fixada na entrada para evitar aglomeracións. No vestíbulo será preciso a desinfección de mans con hidroxel e lémbrase o uso obrigatorio de máscara para os maiores de 6 anos.
O escenario do Teatro Municipal transformarase cunha decoración especial para unha cita tan destacada coma esta recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar. Amais as carrozas reais permanecerán estacionadas na rúa Ourense dende ás 11 h.
Aínda que este ano debido á pandemia da COVID 19 non se celebrará a tradicional Cabalgata Internacional da Eurocidade Tui-Valença as súas maxestades de Oriente enviaron unha mensaxe aos nenos e nenas que se pode visualizar en tui.gal e nas redes sociais do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença.
Cómpre lembrar que Tui continúa en peche perimetral e que conta cun nivel de restricións medio-alto que inclúe entre outras cuestións agrupacións máximo de 4 persoas.
    
C21 solicita aos representantes da Xunta un trato especial para o comercio e a hostalería de Tui, en reciprocidade pola súa crítica situación debido ao peche perimetral
Tui, 4 de xaneiro de 2021. O voceiro de C21, José Palacín, aproveitou a visita da Sra. Delegada Territorial e do Sr. Director Xeral de Comercio, ámbolos representantes da Xunta de Galicia, para solicitar un trato especial para o comercio e para a hostalería de Tui debido a situación de peche perimetral exclusivo que está a sufrir a cidade.
Xa no último pleno, o voceiro do partido liberal expresou que cada administración do Estado debe asumir as consecuencias dos seus ditames, e que neste caso a Xunta é a responsable do peche perimetral exclusivo de Tui, cuestión que C21 non discute dende o punto de vista sanitario, e que incluso considera necesario, pero que debe ter unha contraprestación orientada a resarcir as perdas que padecen os sectores máis afectados como son o comercio e a hostalería.
 Por outra banda, o partido liberal considera positiva a visita de ámbolos representantes e felicita a ACITUI polo traballo de artellar esta market place que “agardamos teña os resultados mercantís que o comercio local merece”.   
Regreso al contenido