Tui, maio 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, maio 2020

PUBLICADAS
TUI

O BNG de Tui oponse radicalmente ao aparcamento subterráneo e propón unha gran zona verde
 
No anterior pleno ordinario da corporación municipal de Tui, vense de aprobar o inicio dos trámites para a construción dun aparcamento subterráneo no traseiro da Área Panorámica por valor de 3 millóns de euros. Na súa intervención, a voceira municipal do BNG de Tui, Carme Núñez, criticou a présa e a improvisación coa que o goberno do PSOE quere aprobar este proxecto, guiados talvez por intereses electoralistas. Chamou á reflexión sobre a necesidade real e vantaxes que irá supoñer o mesmo. Ademais plantexou a realización dun estudo de posíbeis alternativas, que non supoña o enorme gasto ao que se vai enfrontar o concello, nunha concesión de 40 anos que suprime 400 prazas de aparcamento en superficie non regulado pola creación de 298, das que 36 deben ser compradas para o Centro de Saúde.
 
Os nacionalistas defenderon que “nun contexto no que modelo de cidade e concepto de mobilidade está cambiando, débese ter mirada de futuro e retirar os coches da cidade mediante aparcamentos disuasorios, deixando a cidade para as persoas”, propoñendo no canto do aparcamento unha grande zona verde que actúe como pulmón no centro da cidade nova, definindo a aprobación deste acordo municipal como “o camiño cara a perda dunha oportunidade única”.
 
Resaltan ademais que o actual proxecto pode condicionar o futuro económico e o modelo urbanístico da cidade, aumentando a concentración de vehículos privados, cando existe a posibilidade de cubrir esas prazas en espazos situados a menos de 5 minutos do centro.
 
O BNG iniciará unha campaña social en contra deste proxecto, facendo fincapé na necesidade dunha humanización real da cidade, con ampliación das rúas peonís e das beirarrúas, e un maior número de zonas verdes: un espazo concibido para as persoas, tal como se aplica con éxito, non só en grandes cidades europeas, senón en outros concellos próximos como Tomiño ou Pontevedra.
__________________________________

Aprobadas as bases reguladoras do programa de axudas Reactiva Tui

Tui. Viernes, 29 de mayo de 2020.  Reactiva Tui é o nome do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias de Emerxencia que ten coma obxectivo mantemento e impulso do tecido empresarial local. Onte en pleno foron aprobadas as bases reguladoras deste programa ao que o Concello de Tui destinará 280 mil euros, procedentes do remanente de tesourería, para impulsar os negocios que tiveron que pechar debido á Covid-19.
A crise sanitaria requiriu a posta en marcha dunha serie de medidas de confinamento e limitación das actividades económicas que están a deixar ao seu paso un escenario económico e empresarial de extrema gravidade. O Concello de Tui, consciente dos retos aos que se enfronta o tecido empresarial local aposta por poñer en marcha un plan de choque de apoio empresarial a escala municipal. Este plan de choque inclúe medidas en distintos ámbitos temáticos, tales como a seguridade e saúde, a fiscalidade, o fomento do uso das tecnoloxías e a promoción económica, entre outros.
A posta en marcha dunha parte destas medidas articúlase a través da concesión de subvencións ás pequenas empresas e autónomos do municipio, cuxas bases reguladoras foron aprobadas onte polo pleno municipal. Á convocatoria, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse os traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial afecto á actividade radique no termo municipal de Tui e permanecese pechado ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado polo COVID-19 .
Catro serán catro as liñas que poderán ser obxecto de subvención:
•          Gastos de aluguer do local comercial efectivamente realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo de catro meses.
•          Gastos asociados á transición cara ao comercio online ou a optimización do existente.
•          Gastos derivados do cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus SARS- COV-2.
•          Axudas para financiar investimentos para acondicionamento de locais comerciais polos efectos da COVID-19 e para lograr espazos máis seguros.
Os interesados terán un prazo de quince días hábiles para a súa solicitude tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
Entra en vigor a peonalización dun tramo da Corredoira


Tui. Viernes, 29 de mayo de 2020.  Tras os traballos de reordenación do tráfico levados a cabo nos últimos días no centro urbano dende mañá o tramo de Calvo Sotelo – Paseo da Corredoira - entre a Rúa Rosa Bahamonte e a rúa Ordóñez, pasa a ser peonil.  
Outro dos cambios no tráfico urbano é o sentido único no tramo de Calvo Sotelo dende Rosa Bahamonde a Irmáns Maristas, e en toda a rúa Augusto González Besada.  Nestes viais habilitáronse 70 prazas de estacionamento en Zona Azul – gratuíto limitado a 90 minutos – das que 40 son en batería diagonal e 30 en liña. Sinalizáronse amais 4 prazas para a Policía Local, 3 para persoas con mobilidade reducida e 3 zonas de carga e descarga no horario establecido. Tamén se crearon 12 prazas para estacionamento de motocicletas.
Como consecuencia do establecemento destes sentidos únicos a rúa Camilo José Cela cambia de sentido e pasa a ser de acceso dende Calvo Sotelo á Praza de Galicia, e o mesmo acontece coa rúa que vai de Praza de Galicia a Augusto González Besada onde este será o sentido de circulación.
A rúa Coruña cambia tamén o sentido de circulación e agora será dende Martínez Padín a Ordóñez. Este será o acceso agora ao centro histórico para residentes e servizos.
En todas estas rúas, queda restrinxida a circulación de vehículos de ata 3.5 tn , agás cargas e descargas autorizadas. Nos últimos días levou a cabo o repintado da sinalización en todas estas rúas.
A Eurocidade Tui-Valença reclama a reapertura da vella Ponte Internacional de forma inmediata
Tui. Viernes, 29 de mayo de 2020.  A Eurocidade Tui-Valença reclama a reapertura da vella Ponte Internacional. Así o expuxeron esta mañá a carón desta centenaria infraestrutura o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que solicitan aos gobernos de España e Portugal que “procedan á apertura da vella ponte internacional, cando menos ao tráfico local e coas medidas oportunas”. Explicaba o mandatario tudense que “todos temos asumido dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica”. Sinalaba Enrique Cabaleiro que “esa unha única realidade se está vendo seriamente ameazada polo retraso na apertura dos pasos fronteirizos” polo que reclamaba a súa reapertura de forma inmediata.
O alcalde de Tui indicaba que a comparecencia conxunta desta mañá dos dous mandatarios é “unha chamada de socorro para que axilicen as medidas de apertura das fronteiras con carácter xeral”. A situación actual “está a causar un grave prexuízo á economía en xeral e aos traballadores transfronteirizos en particular”.
Enrique Cabaleiro, ante os medios de comunicación das dúas beiras, detallou as consecuencias de ter un único paso fronteirizo aberto “está provocando disfuncións, colas, está dificultando a mobilidade de persoas e vehículos, e iso é un handicap máis para poder avanzar na recuperación económica” nos territorios transfronteirizos. Afirmaba que  “estamos nunha situación moi crítica porque temos unha casuística propia e nosa viabilidade económica depende en gran medida dos clientes dun ou doutro lado da fronteira”.  Apuntaba amais que a gravidade da situación queda plasmada no feito de que dos 7 pasos fronteirizos máis transitados da península 5 están na Galicia e só 1 – a nova Ponte Internacional - está aberto.
O presidente da Cámara Manuel Lopes, puxo o aceno en que Galicia e o Norte de Portugal son un único pobo, responsabilizando aos gobernos de Lisboa e Madrid das consecuencias que poderá ter nas economías deste territorio manter o único paso na nova Ponte Internacional
Manuel Lopes, presidente da Cámara afirmaba que “estamos ante un pobo tranfronteirizo cuxas economías locais dependen entre un 80% e un 90% da apertura da fronteira”. Dicía Manuel Lopes “non estamos solicitando aos nosos gobernantes traballo, estamos a pedir que nos deixen traballar”. Dirixíndose aos Gobernos de Portugal e España  subliñou que “Portugal non é só Lisboa, e España non é so Madrid” polo que os convidaba a achegarse á raia. Tamén plantexaba dúas preguntas sobre se os gobernos español e portugués teñen coñecemento das dificultades económicas, sociais e morais, e en especial do comercio, restauración , hostalería e industria, e se teñen un plan de apoio ás actividades económicas para ests rexión. Afirmaba “os nosos gobernantes serán responsables da perda de emprego dos traballadores transfronteirizos,
Concluía Manuel Lopes afirmando que Eurocidade non pode continuar divida “a nosa eurocidade é unha cidade única, está habituada a traballar en conxunto, a vivir en conxunto”.
No acto desta mañá os mandatarios tudenses estiveron respaldados por membros das corporacións municipais de Tui e Valença.
___________________________

Tui baliza as praias de Areeiros e O Penedo e coloca carteis informativos coas medidas preventivas da COVID19

Tui. Viernes, 29 de mayo de 2020. O Concello de Tui vén de ser o primeiro concello en balizar a súas praias neste verán. Está xa colocado o balizamento da praia de Areeiros en Guillarei e mañá acometerase o do Penedo en Caldelas, sinalizando deste xeito a  zona de baño.
No acceso ás praias colocáronse carteis informativos coas medidas preventivas da COVID19. Así recoméndase acceder calzado á praia, e no caso de Guillarei tamén ao pantalán. Xa no areeiro deberá gardarse a distancia social que será de 2 metros entre persoas e de 4 metros entre parasois. Amais os grupos non poderán superar as quince persoas. Está permitido o baño e a práctica deportiva a nivel individual.
Estes dous areeiros fluviais contan tamén coa sinalización de praias libres de fume, polo que non se pode fumar nas mesmas. Igualmente nos accesos pódese consultar as analíticas sobre a calidade da auga.
Dentro das medidas preventivas da COVID19 os contedores do lixo estarán situados nos acceso e non no interior da praia coma establece a normativa. Dende o Concello amais optouse por non colocar aseos, coma en temporadas anteriores, ante a imposibilidade de cumprir as normas sanitarias de limpeza e desinfección vixentes neste momento.
Dende o Concello de Tui faise un chamamento á poboación a acudir con responsabilidade á praia respectando todas as indicación establecidas de distanciamento e hixiene ante a situación actual da pandemia pola COVID19.
Con esta actuación aposta pola seguridade e as garantías sanitarias nas dúas praias fluviais tudenses.
_________________________

Executadas obras de mellora da accesibilidade en doce pasos de peóns nas rúas novas

 
Tui. Xoves, 28 de maio de 2020.  Nas últimas semanas acometéronse obras de mellora da accesibilidade en distintas rúas do centro urbano tudense.  En concreto actuouse sobre 12 pasos de peóns situados na rúas Casal Aboy, Lugo, Compostela, Ourense e Maristas
Nas beirarrúas para indicar a proximidade dun paso de peón colocouse un pavimento especial con losetas de cor vermello e con releve, tanto direccional coma con botóns, para facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade visual.  Amais rematáronse en rampla para facilitar así o tránsito con cadeira de rodas, carriños de bebés, carros da compra ou outros.
Amais executáronse obras de mellora nas beirarrúas, coa substitución ou renovación do pavimentos, en Casal Aboy e Prolongación de Casal Aboy.  
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que con estas obras de accesibilidade, executadas con fondos propios, dáse resposta a unha demanda histórica da poboación para facer as beirarrúas accesibles para as persoas con mobilidade reducida.

_____________________________

Pleno Ordinario da Corporación de Tui
Tui, 27 de maio de 2020. O concello de Tui celebrará, hoxe, Sesión Ordinaria do Pleno Corporativo a portapechada para o público ás 20:00 horas
Orde do día
1o.- Aprobación, se procede, de borrador da acta da sesión anterior extraordinaria no 3/2020, do 16 de abril.
2o.- Expediente 796/2020. Ditame da Comisión Informativa de Contas, Facenda,Patrimonio e Persoal, do 21/05/2020, de proposta da concelleira-delegada de
Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns, de data 15/05/2020, relativa a excepcionar da regra xeral de suspensión dos prazos administrativos os procedementos de gasto e aprobación de expediente de crédito extraordinario no 3/2020 (modificación de créditos15/2020), financiado con Remanente líquido de Tesourería para gastos xerais.
3o.- Expediente 799/2020. Ditame da Comisión Informativa de Contas, Facenda, Patrimonio e Persoal, do 21/05/2020, de proposta da concelleira-delegada de
Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns, de data 15/05/2020, de excepcionar da regra xeral de suspensión dos prazos administrativos os procedementos de gasto e aprobación do expediente de suplemento de crédito no 1/2020 (modificación de créditos 16/2020), financiado con Remanente líquido de Tesourería para gastos xerais.
4o.- Expediente 811/2020. Ditame da Comisión Informativa de Contas, Facenda, Patrimonio e Persoal, do 21/05/2020, de proposta da concelleira-delegada de
Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns, de data 19/05/2020, relativa a excepcionar da regra xeral de suspensión dos prazos administrativos os procedementos de gasto e aprobación de expediente de crédito extraordinario número 4/2020 (modificación decréditos 17/2020), financiado con Remanente líquido de Tesourería para gastos xerais.
5o.- Expediente 2987/2018. Ditame da Comisión Informativa de Contas, Facenda, Patrimonio e Persoal, do 21 de maio de 2020, de proposta da concelleira-delegada de Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns, de data 10/03/2020, relativa a aprobación debonificación de ICIO correspondente a obras que realizan os afectados de Paramos.
6o.- Expediente 810/2020. Ditame da Comisión Informativa de Contas, Facenda, Patrimonio e Persoal, do 21/05/2020, de proposta de Alcaldía, de data 18/05/2020, relativa a aprobar inicialmente a derogación da ordenanza reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público municipal con mesas, cadeiras, tribunas, taboados eoutros elementos análogos e exposición pública.
7o.- Expediente 2705/2019. Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos Municipais, do 21/05/2020, de proposta de Alcaldía, de data 12/05/2020, relativa a “Actuacións preparatorias de contrato de concesión de obras de aparcadoiro soterrado entre as rúas Ourense e Compostela".
8o.- Expediente 312/2020. Proposta da Alcaldía, de data 25/05/2020, de solicitude deadhesión á rede “LOS PUEBLOS MÁS BONITOS DE ESPAÑA”.
9o.- Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos Municipais, do 21/05/2020, relativo a proposta de Alcaldía, de data 18/05/2020, de celebrar sesións e adoptar acordos a distancia, por medios electrónicos e telemáticos a través do sistema de videoconferencias mediante a ferramenta Gestiona.
10o.- Mocións de Urxencia.
B) Actividade de control:
11o.- Dación de conta das subvencións e disposicións de interese dos meses de febreiro, marzo e abril do 2020.
12o.- Dación de conta de resolucións de Alcaldía do no 63, do 27/01/2020 ao no 552, do 22/05/2020.
13o.- Dación de conta execución trimestral 1o trimestre orzamento 2019 ao abeiro da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril.
14o.- Dación de conta execución trimestral 2o trimestre orzamento 2019 ao abeiro da LeiOrgánica 2/2012, de 27 de abril.
15o.- Dación de conta execución trimestral 3o trimestre orzamento 2019 ao abeiro da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril.
16o.- Dación de conta execución trimestral 4o trimestre orzamento 2019 ao abeiro da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril.
17o.- Dación de conta Resolución Alcaldía do 03/04/2019, relativa á aprobación do Plan Orzamentario 2020-2022, a teor do disposto na Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril.
18o.- Dación de conta resolución da concelleira de Facenda, Urbanismo, Parques e Xardíns, de data 30/10/2019, relativa á información referida ao custo efectivo dos servizos no Concello de Tui para o exercicio 2018, de conformidade coa Lei 7/1985 e Lei 27/2013.
19o.- Dación de conta de resolución da concelleira-delegada de Urbanismo, Facenda e Parques e Xardíns do 12/02/2020, de aprobación da liquidación do orzamento do Concello de Tui para o ano 2019 e aos efectos do disposto no artigo 191.3 do TRLRFL e art. 89 do RD 500/1990, de 20 de abril.
20o.- Dación de conta informe morosidade 1o Trimestre exercicio 2019 ao abeiro da Lei 15/2010 e período medio de pagamento global a provedores (PMP) 1o trimestre exercicio 2019 ao abeiro do Real Decreto 635/2014.
21o.- Dación de conta informe morosidade 2o Trimestre exercicio 2019 ao abeiro da Lei 15/2010 e período medio de pagamento global a provedores (PMP) 2o trimestre exercicio 2019 ao abeiro do Real Decreto 635/2014.
22o.- Dación de conta informe morosidade 3o Trimestre exercicio 2019 ao abeiro da Lei 15/2010 e período medio de pagamento global a provedores (PMP) 3o trimestre exercicio 2019 ao abeiro do Real Decreto 635/2014.
23o.- Dación de conta informe morosidade 4o Trimestre exercicio 2019 ao abeiro da Lei 15/2010 e período medio de pagamento global a provedores (PMP) 4o trimestre exercicio 2019 ao abeiro do Real Decreto 635/2014.
C) Rogos e preguntas:
24o.- Rogos e preguntas.

Os Servizos Sociais colaboran coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e AFAGA dende o inicio do Estado de Alarma
Tui, 26 de maio de 2020.  A atención ás persoas maiores pero tamén a poboación escolar, así coma a todas aquelas persoas en situación de vulnerabilidade ten centrado o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios dende o inicio do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo. Máis aló doutras actuacións realizadas co apoio ás residencias, aos programas de axuda no fogar, a os programas para proporcionar alimentos ou atender aos sen teito, tense establecido tamén unha estreita colaboración coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA, Cruz Vermella e cos centros escolares.
Así por unha parte facer un seguimento e manter en activo as persoas que participan en distintos programas foi o obxectivo da colaboración establecida coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA.
En concreto coa asociación de Párkinson e o Centro Sociocomunitario colabórase no reparto dos cadernos con exercicios de estimulación cognitiva. A asociación elabóraos semanalmente e dende os Servizos Sociais co apoio da Policía Local e Protección Civil fanse chegar a todas as persoas maiores do concello que o solicitan.
O Concello de Tui e AFAGA tiñan en marcha nas parroquias tudenses o programa Cultiva a Mente no que estaban a participar 82 persoas. Co inicio do confinamento púxose en marcha un seguimento semanal destes veciños e veciñas. Estableceuse amais un sistema de cores para un control máis axeitado, de tal xeito que en función da cor estableceuse o período de tempo para realizar o seguimento. Así as persoas en risco se lles asignou o código vermello eran contactadas nun período de entre 3 e 5 días. O código laranxa estableceuse para persoas que precisan apoio e seguimento, contactando coas mesmas nun período de 5 a 10 días. Por último entre 10 e 15 días establécese contacto coas persoas con código verde que presenta un bo estado. Semanalmente faise balanzo da situación destes usuarios do programa e se informa se algunha persoa precisa atención inmediata.
Por outra parte dende os Servizos Sociais tense colaborado cos centros educativos na impresión dos materias didácticos para que os menores de quince familias poidan realizar as tarefas escolares. Lévase a cabo o reparto deste material ou ben son as familias as que se achegan a recollelo.
Tamén co obxectivo de que o alumnado máis vulnerable poida seguir as tarefas escolares durante estas semanas dende a casa tense solicitado a colaboración da Cruz Vermella. Ao través do programa para a fractura da brecha tecnolóxica proporcionáronse a 13 familias tablets con tarxeta sim e datos para que se poidan conectar a internet e seguir así as tarefas indicadas dende cada centro educativo.
Outra das actuación levadas a cabo polos Servizos Sociais, sobre todo durante o confinamento e debido a atención telemática das administracións, foi realizar as acción de emerxencia relacionadas cos propios recursos e servizos dos servizos sociais municipais, provinciais ou autonómicos. Así colaboración na solicitude de documentación e achega da mesma a ONG’s para o acceso ao banco de alimentos, a roupeiros, tamén a plataformas de servizos públicos coma o SEPE, a atención psicolóxica do 112, ou de trámites ante as oficinas do padrón noutros concellos.

A Radio Municipal de Tui renovou e dixitalizou o seu equipamento
Tui. Mércores, 27 de maio de 2020.  O Concello de Tui ten procedido nas últimas xornadas á renovación e dixitalización do equipamento da emisora municipal, situada na Área Panorámica, cun investimento de 44.500€ procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A Radio Municipal de Tui, que o pasado 16 de abril cumpriu 27 anos, conta así cun equipamento de emisión completamente renovado e dixitalizado xa que moitos dos equipos que se estaban a empregar, coma as mesas de mesturas traballaban aínda en analóxico xa que databan dos inicios da emisora. Deste xeito tanto no control principal coma na sala de gravación a emisora dispón de mesas de mesturas dixitais o que por unha parte actualiza o equipamento á tecnoloxía actual e por outra redunda nunha calidade da emisión.  O mesmo acontece cos micrófonos do locutorio que foron renovados colocándose amais novos soportes que minimizan os ruídos que se poderían producir sobre a mesa.
Do mesmo xeito foi renovado parte do equipo informático da emisora con novos ordenadores que posúen características superiores aos que se estaban a empregar e sobre todo permite maior fluidez no traballo. Incorporáronse tamén novas tarxetas de son, e mobiliario con cadeiras ergonómicas para o locutorio.  Outro dos equipos que vén de ser substituído é a etapa de potencia que permitirá manter a calidade de emisión.
A Radio Municipal de Tui vai recuperando estes días a presenza de convidados e locutores no estudo con todas as medidas de seguridade, xa que se instalaron anteparos protectores no locutorio, e protectores dun so uso nos micrófonos, amais de establecer un protocolo de limpeza tras a participación dunha persoa en directo na emisora. Xa dende o inicio do Estado de Alarma dende o Concello colocáronse dispensadores de xel hidroalcohólico no acceso ás instalacións así coma en redacción, control e locutorio.
Co investimento realizado a emisora municipal de Tui actualiza o seu equipamento situándose, unha vez máis, entre as radio locais máis importantes de Galicia e unha das mellor dotadas en medios.
Minuto de silencio mañá ás 12 h en memoria dos falecidos pola COVID-19
Tui. Mércores, 27 de maio de 2020.  Mañá xoves, 28 de maio, ás 12 h, gardarase un minuto de silencio, na praza do Concello, en memoria dos falecidos a causa da pandemia ocasionada pola COVID-19.
Deste xeito o Concello de Tui súmase á proposta do goberno que no Consello de Ministros deste martes, 26 de maio, aprobou a convocatoria de dez días de loito oficial – até o 6 de xuño - polos falecidos a causa da pandemia ocasionada pola COVID-19.
O alcalde de Tui e o presidente da Cámara de Valença comparecerán para facer pública a súa posición sobre a apertura da fronteira para os cidadáns da Eurocidade
Tui. Mércores, 27 de maio de 2020.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, Manuel López, comparecerán este venres, 29 de maio, ás 11 hora española, no medio da vella Ponte Internacional.
Nesta comparecencia os mandatarios da Eurocidade farán pública a súa posición dando a coñecer as razóns polas que van reclamar a apertura da fronteira de xeito inmediato para os habitantes da Eurocidade Valença-Tui.
__________________________________

A instalación de terrazas na vía pública precisa de licenza municipal
Tui. Martes, 26 de maio de 2020.  A instalación de mesas e cadeiras cunha terraza na vía publica está suxeita a licenza municipal. Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días, onde se indica que así o recolle o artigo 42 da lei 9/2013 de emprendemento e competitividade de Galicia modificada pola lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Aquelas terrazas que carezan de licenza deberá regularizar a súa situación e en caso contrario procederase a iniciar expediente sancionador.
No bando da alcaldía lémbrase tamén as condicións nas que se permite a apertura das terrazas na actualidade segundo a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, co 50% das mesas permitidas o ano anterior. Débese manter unha distancia de ao menos dous metros entre mesas ou agrupacións de mesas.  No caso de que o establecemento obteña o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderán incrementar o número de mesas, respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública no que se emprace a terraza.
No bando da alcaldía lémbrase tamén a ocupación máxima das mesas e as medidas de hixiene e prevención para a prestación do servizo establecidas na orde na que se permite a reapertura. Cómpre lembrar así a necesidade limpar e desinfectar o equipamento, principalmente mesas e cadeiras e calquera superficie de contacto entre un cliente e outro. Priorizarase o uso das mantelerías dun só uso, poranse a dispor do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos, evitarase o uso común de cartas, eliminaranse produtos de autoservizo, e os elementos coma vaixela, cristalería, cubertería ou mantelería estarán en recintos pechados ou lonxe de zonas de paso.  Deberá amais respectarse a distancia de seguridade interpersoal.
Os establecementos que desexen ampliar a superficie de terraza deben tramitar as solicitudes mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.
Cómpre lembrar amais que a corporación municipal acordou ampliar a exención das taxas por ocupación de vía pública ás terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria.

Os Servizos Sociais colaboran coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e AFAGA dende o inicio do Estado de Alarma

Tui, 26 de maio de 2020.  A atención ás persoas maiores pero tamén a poboación escolar, así coma a todas aquelas persoas en situación de vulnerabilidade ten centrado o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios dende o inicio do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo. Máis aló doutras actuacións realizadas co apoio ás residencias, aos programas de axuda no fogar, a os programas para proporcionar alimentos ou atender aos sen teito, tense establecido tamén unha estreita colaboración coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA, Cruz Vermella e cos centros escolares.
Así por unha parte facer un seguimento e manter en activo as persoas que participan en distintos programas foi o obxectivo da colaboración establecida coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA.
En concreto coa asociación de Párkinson e o Centro Sociocomunitario colabórase no reparto dos cadernos con exercicios de estimulación cognitiva. A asociación elabóraos semanalmente e dende os Servizos Sociais co apoio da Policía Local e Protección Civil fanse chegar a todas as persoas maiores do concello que o solicitan.
O Concello de Tui e AFAGA tiñan en marcha nas parroquias tudenses o programa Cultiva a Mente no que estaban a participar 82 persoas. Co inicio do confinamento púxose en marcha un seguimento semanal destes veciños e veciñas. Estableceuse amais un sistema de cores para un control máis axeitado, de tal xeito que en función da cor estableceuse o período de tempo para realizar o seguimento. Así as persoas en risco se lles asignou o código vermello eran contactadas nun período de entre 3 e 5 días. O código laranxa estableceuse para persoas que precisan apoio e seguimento, contactando coas mesmas nun período de 5 a 10 días. Por último entre 10 e 15 días establécese contacto coas persoas con código verde que presenta un bo estado. Semanalmente faise balanzo da situación destes usuarios do programa e se informa se algunha persoa precisa atención inmediata.
Por outra parte dende os Servizos Sociais tense colaborado cos centros educativos na impresión dos materias didácticos para que os menores de quince familias poidan realizar as tarefas escolares. Lévase a cabo o reparto deste material ou ben son as familias as que se achegan a recollelo.
Tamén co obxectivo de que o alumnado máis vulnerable poida seguir as tarefas escolares durante estas semanas dende a casa tense solicitado a colaboración da Cruz Vermella. Ao través do programa para a fractura da brecha tecnolóxica proporcionáronse a 13 familias tablets con tarxeta sim e datos para que se poidan conectar a internet e seguir así as tarefas indicadas dende cada centro educativo.
Outra das actuación levadas a cabo polos Servizos Sociais, sobre todo durante o confinamento e debido a atención telemática das administracións, foi realizar as acción de emerxencia relacionadas cos propios recursos e servizos dos servizos sociais municipais, provinciais ou autonómicos. Así colaboración na solicitude de documentación e achega da mesma a ONG’s para o acceso ao banco de alimentos, a roupeiros, tamén a plataformas de servizos públicos coma o SEPE, a atención psicolóxica do 112, ou de trámites ante as oficinas do padrón noutros concellos.

____________________________

“É Tui” porá ao comercio local a un clic do consumidor


Tui. Luns, 25 de maio de 2020.  “É Tui” é o nome da plataforma comercial en liña que lanza o Concello de Tui para apoiar ao tecido comercial local.  Trátase dunha plataforma moi visual, de imaxe atractiva,  doado uso e identidade propia que marcará a diferencia do comercio tudense. Incorpora importantes novidades respecto a outras plataformas similares do mercado. Estará accesible en 4 idiomas: galego, castelán, portugués e inglés. Está previsto que comece a funcionar na primeira semana de xuño
Deste xeito o Concello de Tui, consciente da nova realidade en canto aos novos hábitos de consumo xurdidos a raíz da pandemia da COVID 10,  cunha clara aposta polo comercio electrónico e os pagos sen contacto, aposta por esta ferramenta para impulsar e apoiar o comercio local e a senda dixital que ten que percorrer. Esta plataforma forma das iniciativas promovidas dende o ámbito municipal e que se darán a coñecer proximamente.
O comercio local estará agora a un clic do consumidor final que poderá comprar e recibir nun mesmo pedido e día no seu domicilio roupa, tecnoloxía, artigos de agasallo, incluso, comida, sempre mercando e apoiando ao comercio local.
A plataforma a disposición do pequeno comercio de Tui permitirá realizar a venda on-line dos seus produtos, a nivel local nun primeiro momento pero permitirá escalar a nivel nacional e sobre todo coa vista posta no mercado portugués
Durante o primeiro ano a plataforma será de uso gratuíto para o comercio local de Tui. O establecemento terá que facerse cargo só do prezo do envío que se estipulará en función das características do produto. A partir do primeiro ano terá unha tarifa mínima de mantemento. A loxística estará xestionada por unha empresa local que creará emprego local.  Ademais, a plataforma ten tamén impacto no eido social destinándose o 1% de todas as vendas realizadas a obras de carácter social, con especial incidencia en cubrir as necesidades básicas das persoas e familias máis vulnerables.
A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explica que “o consumo de produtos online multiplicouse durante a pandemia e a tendencia é  que siga medrando. Por iso o comercio local non pode descoidar esta canle e ten que estar preparado ante un posible rebrote pero sobre todo ante a nova realidade e o futuro a medio prazo”.
Para presentar esta ferramenta ao comercio local este martes, ás 20.30 h, realizarase unha reunión co comercio local a través de Zoom. Mañá na web municipal tui.gal estará dispoñible o enlace e o contrasinal para acceder á reunión.

_____________________________________

O prazo para solicitar as axudas da ARI no Conxunto Histórico vaise ampliar

 
Tui, 23 de maio de 2020.  O Concello de Tui vai ampliar o prazo para solicitar as axudas da ARI, Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico, que rematou inicialmente este martes, 19 de maio. Tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse ampliar este prazo, un proceso que está agora en tramitación administrativa, co obxectivo de que poida ser maior o número de persoas propietarias de inmobles nesta zona da cidade as que se poidan beneficiar destas axudas.
Nuns días darase a coñecer o novo prazo para a presentación de solicitudes, pero mentres tanto as persoas interesadas poden ampliar información e realizar as súas consultar no correo ari@tui.gal e os martes de 9 a 14 h no teléfono 986 60 362 5 ext 34. Tamén se pode ampliar a información e descargar os impresos de solicitude en www.tui.gal/gl/axudas-na-ari.
Esta axudas están reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
As actuacións subvencionables son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións...). Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor, salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles...). Tamén se poden beneficiar destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.

_________________________________

O Consorcio de Augas do Louro reabre as oficinas de atención presencial ao público
Tui, 22 de maio de 2020Dende o vindeiro luns, 25 de Maio, volverán a estar abertas as oficinas de atención ao público en cada un dos catro Concellos do Consorcio, O Porriño, Tui, Salceda de Caselas e Mos.
Terán un aforo limitado a unha persoa no interior da oficina e porán a disposición do usuario xel hidroalcohólico para a desinfección das súas mans, lembrando ademáis a obrigatoriedade do uso da mascarilla para o acceso.


O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes

Tui. Venres, 22 de maio de 2020.  O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes. A empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., adxudicataria do concurso de “Redacción do proxecto de acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago” presentou hoxe no concello proxecto. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, recibiron a César Abella de Trivium que lles expuxo as características plantexadas para este Centro Cárcere Vello.
O obxectivo é crear un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui, o segundo máis grande de Galicia, declarado Ben de Interese Cultural.
O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1584 e acolleu as antigas Escolas Taller. Agora van ser completamente reformadas para acoller un proxecto museográfico que porá en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.
O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.
O novo Centro eríxese como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona centro. O proxecto executado pola empresa galega inclúe tamén a imaxe corporativa cun logotipo que define a súa identidade, unha proposta de sitio web, e todos os elementos de comunicación asociados.

______________________________

Instalados os primeiros 8 contedores para a recollida de roupa usada en colaboración con Cáritas

Tui. Xoves, 21 de maio de 2020.  Esta mañá instaláronse 8 contedores para a recollida de roupa usada en distintos puntos do termo municipal, grazas á colaboración establecida entre o Concello de Tui e Cáritas.
De agora en diante será esta ONG a encargada da recollida de roupa, calzado e complementos aos que dará un novo uso.
Dos 8 novos contedores para a recollida de roupa 2 están situados no Punto Limpo, dous están en Areas, un no entorno da rotonda e outro no parque empresarial, amais outros situáronse na Avenida da Concordia, na rúa Colón, a carón do Centro de Saúde e a carón da igrexa de San Bartolomeu. Nos próximos días serán colocados outros 4 contedores até completar un total de 12.
Dende o Concello de Tui apóstase con este acordo con Cáritas para a recollida de roupa usada pola economía circular e social.
Instalados os primeiros 8 contedores para a recollida de roupa usada en colaboración con Cáritas
A Asociación El Nor entrega 500 máscaras de seguridade para Policía Local e Protección Civil de Tui

Tui. Xoves, 21 de maio de 2020.  A asociación musulmá El Nor de Tui realizou unha doazón de 500 máscaras FPP2 de seguridade para a Policía Local, Protección Civil, e os equipo de desinfección municipal. Tamén nos próximos días entregarán luvas de nitrilo para estes servizos.
Dende a asociación El Nor, ante a situación xerada pola pandemia da COVID19, quixeron aportar o seu gran de area coa achega deste material de protección.
Na entrega estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz; o inspector xefe da Policía Local, Manuel Arca; a traballadora social, Carmen González, xunto a Younes Elghali Mhamedi e Abdessamad Cherti Oulhassi da Asociación El Nor.
___________________________

Amplíase o servizo de recollida de aceite de cociña usado ás parroquias

Tui. Mércores, 20 de maio de 2020.  Un total de 23 colectores para a recollida de aceite de cociña usados son os que hai distribuídos ao longo do termo municipal de Tui. Nas últimas semanas este servizo estendeuse ás parroquias dotando destes colectores a Areas, Baldráns, Malvas, Pexegueiro, Rebordáns, Randufe, San Bartolomeu de Rebordáns, Caldelas, e Guillarei.  Quedan pendentes da instalación de contedores Paramos e Ribadelouro onde é preciso acometer unhas obras para a súa colocación.
En concreto en Areas ubicáronse dous contedores, un no Parque Empresarial, e outro a carón do Centro Cultural. En Baldráns o colector para a recollida do aceite de cociña usado está situado no entorno do centro cultural e da igrexa parroquial. En Malvas o novo colector está no grupo de contedores fronte á antiga escola, en Pexegueiro emprazouse no grupo de colectores existente fronte ao centro cultural, e en Rebordáns, fronte ao colexio. En Randufe situouse no grupo de colectores que hai na Guía. En Caldelas o colector de aceite está a carón do centro social e da estación de tren, e en Guillarei , onde xa había un contedor xunto ao colexio, colocouse un novo colector no Souto. Tamén habia xa un contedor no Anxo, en Pazos de Reis.
Cómpre lembrar que o aceite de cociña usado débese depositar sempre en envases plásticos no interior do colector.  Deste xeito dende o Concello de Tui séguese a manter a aposta pola reciclaxe do lixo que xeramos. No caso do aceite estímase que un litro pode chegar a contaminar mil litros de auga, de aí a importancia da súa reciclaxe, de depositalo nos colectores correspondentes e non botalo polo fregadeiro.
Na páxina web municipal, tui.gal, atópase un mapa coa situación dos distintos colectores para a recollida de aceite de cociña usado.

______________________________


Non se poderá estacionar nin circular pola rúa Augusto González Besada

Tui, 19 de maio de 2020. Este mércores, 20 de maio, vaise proceder ao pintado da sinalización horizontal na rúa Augusto González Besada, como paso previo ao establecemento do sentido único de circulación nesta vía.
Por este motivo dende ás 8 horas non se poderá estacionar neste rúa, e tampouco se poderá circular salvo para o acceso á rúa Rosa Bahamonde ou Foxo.
O pintado da sinalización horizontal comprenderá tanto a sinalización do sentido único de circulación coma das prazas de aparcamento.
Unha vez rematen estes traballos a rúa Augusto González Besada pasará a ter un único sentido de circulación que irá dende o cruzamento entre a rúa Martínez Padín, Colón e Ourense cara ao Paseo da Corredoira. Coma consecuencia deste cambio nvo tráfico outras dúas rúas no entorno da Praza de Galicia cambiarán de sentido de circulación. A circulación na rúa Camilo José Cela irá dende o Paseo da Corredoira cara a Praza de Galicia, e a rúa que comunica esta praza con Augusto González Besada pasa a ter este sentido.


Tui contrata a 17 persoas para diversos servizos ao abeiro do Plan Concellos 2020
Tui, 19 de maio de 2020. O Concello de Tui vai contratar a 17 persoas ao abeiro do Plan Concello 2020 da Deputación de Pontevedra para diversos servizos municipais.
Esta semana incorpóranse xa os primeiros traballadores unha vez se completaron os procesos selectivos. Trátase dun oficial de segunda soldador a tempo parcial e dous oficiais condutores a tempo completo..
Nos próximos días incorporaranse tamén seis peóns de horticultura e xardineiría a tempo parcial.
Mentres continua o proceso selectivo para a contratación de dous auxiliares administrativos a tempo completo, catro animadores turísticos a tempo parcial, dous auxiliares da biblioteca e arquivo a tempo parcial.
A duración de todos os contratos será até o 31 de decembro deste ano.

_________________________________

Dende o luns solicitarase cita previa para a atención presencial en todos os departamentos municipais
Tui, sábado, 16de maio de 2020. A partir do próximo luns, 18 de maio, ponse en marcha un sistema de cita previa para a atención presencial en todos os departamentos do Concello de Tui. As persoas que precisen realizar calquera xestión deberán solicitar previamente cita ben por correo electrónico ou por teléfono.
O Concello de Tui continua a manter a boa parte do persoal en teletraballo, aínda que a partir do luns haberá en traballo presencial unha persoa por departamento, establecendo en todos eles as medidas sanitarias recomendadas.
As persoas interesadas poden consultar a listaxe dos correos e teléfonos dos distintos departamentos na web tui.gal. Pódese solicitar cita previa de luns a venres de 9a 13 h.
Consultar teléfonos e correos para solicitar cita previa nos distintos departamentos

_____________________________

O arquitecto César Portela rematou a redacción do anteproxecto de rehabilitación do Teatro Principal
Tui. Venres, 15 de maio de 2020. O arquitecto César Portela vén de rematar a redacción do anteproxecto para a rehabilitación do Teatro Principal de Tui. O Concello de Tui encargoulle este cometido como paso previo para coñecer o investimento preciso e comezar a xestionar as posibles vías para acometelo.
César Portela, que nos anos 80 realizara xa un proxecto de rehabilitación inmoble, tivo agora que adaptalo ás novas normativas en vigor tanto en materia de seguridade coma de accesibilidade, e á situación actual do inmoble.  Un reto que o arquitecto asumiu tendo en conta o valor histórico, cultural, urbanístico, arquitectónico e simbólico do edificio.  A fachada principal manterase conservando a tipoloxía do edificio, e a dimensión, posición e forma do teatro.  Na fachada traseira que da ao río aproveitarase esta condición e a súa posición estratéxica para crear unha galería cun balcón sobre o Miño, onde se poderá emprazar un establecemento de restauración. Contémplase tamén que a pequena finca da parte traseira poida empregarse coma terraza.
Con este anteproxecto o Concello de Tui poderá adoptar medidas encamiñadas a garantir que o edificio non se siga degradando, e a recuperar aquelas pezas de interese que poida haber no seu interior. Estas actuacións están xa contempladas no documentos.
O seguinte paso será buscar o financiamento preciso para facer da rehabilitación do Teatro Principal unha realidade, e que o edificio constitúa a súa vez un eixo dinamizador do conxunto histórico de Tui.


O Consorcio do Louro redacta o proxecto de reparación do afundimento na ponte romana
Tui, 15 de maio de 2020. O Consorcio de Augas do Louro ten adxudicado á empresa Galaicontrol SL os traballos de redacción do proxecto de reparación do afundimento dun treito do  Colector Interceptor Xeral de Tui e na estrada de acceso á depuradora de Guillarei, situados no entorno da Ponte Romana.
Durante estes días a empresa ven realizando diversos traballos de campo e tomando mostras mediante sondaxes así como realizando ensaios de penetración no terreo para calcular a capacidade resistente do mesmo.
vindeira semana realizarase un by-pass do treito de colector afundido para inspeccionar o seu interior mediante unha cámara de vídeo, co obxecto de completar a información necesaria para elaborar un estudo de alternativas de reconstrución.
A alternativa escollida deberá ser consensuada previamente coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, propietaria das instalacións.

____________________________________

Tui pon en marcha unha plataforma de venda on line para o comercio local
Tui, 13 de maio de 2020. O Concello de Tui ultima posta en marcha dunha plataforma de venda on line para o comercio que reúna nunha mesma tenda dixital todos os produtos que ofrecen os establecementos locais. Trátase dunha das medidas acordadas pola corporación municipal dentro do Plan de Reactivación Económica para apoiar ao comercio local e contribuír a paliar os efectos provocados pola crise da COVID-19. O concello de Tui financia e pon en marcha esta nova ferramenta coa que adaptarse aos novos tempos e aos novos hábitos de consumo e apostado pola profesionalización e a competitividade.
Trátase dunha aposta pola dixitalización nun novo escenario no que debido á pandemia do coronavirus se produciron cambios nos hábitos de compra dos consumidores. Con esta nova plataforma o produto local estará a un clic do consumidor que recibirá no seu domicilio a compra que poderá realizar dende unha mesma plataforma  independentemente do tipo de produto ou comercio que o teña a disposición.
Entre as características deste servizo web está o seu carácter local e social.
A Plataforma terá un mercado carácter local dunha banda porque serán os comercios tudenses os que a integren, e porque está desenvolvida por un emprededor local. Esta aplicación de venda online integrada polos establecementos tudenses prestará servizo a nivel local, pero en función da demanda poderá chegar a enviar os produtos a calquera punto do territorio nacional ou internacional.
O carácter social vén dado pola aportación que se realizará a causas sociais, destinando a este fin unha pequena parte das vendas xeradas, o que se traducirá nunha economía circular.  Mensualmente se informará das aportacións realizadas e das causas cubertas.
A través deste novo espazo comercial virtual un cliente poderá mercar a través do móbil, a tablet ou o ordenador, produtos de alimentación, roupa, menaxe, ferretería… e recibilos nun mesmo envío ou en varios en función da disponibilidade do produto nese momento. Para a entrega a domicilio porase en marcha un sistema de loxística local que prestará o servizo. O pago realizarase, a través dun sistema seguro, na mesma plataforma.
Proximamente darase a coñecer o sistema para que os establecementos interesados en formar parte desta plataforma de venda on line soliciten a súa alta no mesmo.

Recoméndase transitar pola dereita nas beirarrúas
 
Tui, 13 de maio de 2020. Ante a crise sanitaria xerada polo COVID-19 e tendo en conta as recomendacións sanitarias dende o concello de Tui recoméndase á veciñanza transitar sempre pola dereita nas beirarrúas, para deste xeito evitar cruzarse con algunha persoa en sentido contrario e mantendo así a distancia de seguridade.
Así o sinala o alcalde, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido  esta mañá, no que fai fincapé na importancia do “esforzo de cada un de nos en cumprir todas as recomendacións sanitarias que os expertos están a indicar” para loitar contra esta pandemia.
O rexedor tudense agradece nunha nova ocasión a colaboración da veciñanza, confiando en que estas “recomendacións e medidas a adoptar servirán para superar, entre todos, esta crise sanitaria”.
______________________________________

Este xoves reabre a Biblioteca Municipal para préstamo de libros e lectura en sala

Tui, 12/05/20. Este xoves, 14 de maio, terá lugar a reapertura da Biblioteca Pública Municipal de Tui na Área Panorámica. Será só para o servizo de préstamo e lectura en sala das obras previamente solicitadas.  O seu horario será de luns a venres de 9 a 13 h.
Os usuarios que se acheguen á Biblioteca deberán levar máscara e preferentemente luvas. No acceso haberá xel hidroalcólico ao seu dispor.
Aquelas persoas que desexen retirar algunha obra en empréstito deberán solicitar o exemplar no correo biblioteca@tui.gal ou no whatsapp 617 498 103, e serán informados cando poden realizar a súa retirada co correspondente carné da biblioteca.
Continua prorrogado o prazo de empréstito dos libros até o final de Estado de Alarma, de tal xeito que aqueles usuarios tiñan un libro cuxo data de vencemento era a partir do 13 de marzo está prorrogado este prazo. Aqueles que tiñan un libro cuxo prazo vencía anteriormente deberán avisar ao bibliotecario no momento da súa devolución para retirar a sanción, xa que neses casos non se puido prorrogar o prazo de xeito automático.
No referido á lectura en sala disporanse postos de lectura individual e as obras serán solicitadas ao bibliotecario.
Tras o seu uso os libros, tanto de consulta coma de empréstito, serán sometidos a unha corentena de 14 días.

Os Servizos Sociais municipais coordinan a atención ás persoas vulnerables durante o estado de alarma

 
Tui. Luns, 11 de maio de 2020.  Detectar e prestar atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, facilitar material de protección e coordinar a atención foron tres dos eixos sobre os que xirou o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios ao longo das últimas semanas coa crise do Coronavirus. Este departamento municipal mantivo o traballo dende a casa do concello contando co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil.
O servizo reforzouse nas últimas semana coa contratación dunha terceira traballadora social.
Coa declaración do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo,  dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui púxose en marcha un procedemento de coordinación co Centro de Saúde, a través da traballadora social, as residencias de maiores, o Centro Sociocomunitario e outras entidades prestadoras de servizos socias para detectar e poder prestar atención ás persoas vulnerables ante a nova situación derivada da COVID19.
Do mesmo xeito estableceuse un sistema de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar, o programa Cultiva a túa Mente que se realiza xunto con AFAGA e ARI.
Coas tres residencias que hai na cidade, San Telmo, Paz e Ben e Doroteas, levouse a cabo unha estreita colaboración proporcionándolles material de protección coma xel hidroalcólico, mascarillas, batas, buzos, gorros, e realizando semanalmente desinfeccións.
Do mesmo xeito facilitáronse mascarillas e batas ás traballadoras dos dous servizos de axuda no fogar, SAF, que hai no municipio, un deles de xestión municipal e outro de xestión privada.  Neste estado de alarma rexistrouse a alta de dous usuarios no SAF para servizos de 20 horas para a adquisición de alimentos e acompañamento, e está en proceso unha nova alta. Tamén de forma temporal rexistráronse algunha baixas debido á permanencia no domicilio dos coidadores habituais ou para previr contaxios.
Por outra parte habilitouse un programa de vivenda, a través dun convenio de colaboración cun albergue local, para dar atención ás persoas sen teito que nese momento había na cidade, ou que debido ao peche das fronteiras se viron inmobilizados en Tui. Catro persoas permanecen neste programa.
_________________________________


O luns reabre  o punto limpo con cita previa
Tui, 09/05/20. O próximo luns reabrirá o Punto Limpo do Concello de Tui situado en Guillarei. Será con cita previa que se debe solicitar no 629 70 64 36 de luns a venres de 9 a 14h.
A persoa que acuda, coa cita previa ao Punto Limpo, debe depositar os residuos no lugar correspondente, e aconséllase acudir con mascarilla.
Tamén se pon en marcha de novo o servizo de recollida de voluminosos que se pode solicitar no mesmo número de teléfono  629 70 64 36.

__________________________________________

A modificación de Ordenanza de Emerxencia Social permite establecer axudas económicas directas
Tui, 08/09/2020 .- Debido a necesidade detectada durante o estado de alarma de poder axudar ás familias cunha achega económica directa para a compra de alimentos procedeuse á modificación da Ordenanza Municipal de Axudas de Emerxencia Social. Tras ser aprobada no pleno extraordinario celebrado o pasado 16 de abril hoxe vén publicada no BOPPO a modificación desta ordenanza.
O obxectivo desta modificación dos artigos 13, 14, 16 e 17  é ampliar e mellorar o pagamento das axudas ás familias. Con este cambio posibilítase o pagamento das axudas concedidas de formas directa mediante transferencia bancaria. Deste xeito as familias poderán mercar os seus alimentos directamente.  Están xa en trámite inicial un total de dez solicitudes presentadas até o de agora.
Dende hoxe están accesibles na web municipal os impresos de solicitude xunto coa documentación requirida.
Estas axudas darán cobertura de necesidades básicas de carácter xeral: alimentos, vestido, … e gastos sanitarios e sociosantarios de carácter urxente. Tamén poden ser destinadas á fianza e aluguer de vivenda, subministros, equipamento básico ou aloxamento urxente.
Durante o Estado de Alarma dende o Concello de Tui tense atendido a 50 familias en situación de vulnerabilidade coa achega de alimentos básicos e produtos de limpeza e hixiene persoal.  Segundo as estimacións realizadas esta cifra podería nas próximas meses ás 200 familias.
Servizo de compra de alimentos e entrega de comida preparada a persoas vulnerables
Debido á crise do COVID19 dende o inicio do Estado de Alarma púxose en marcha un servizo de compra de alimentos para persoas maiores que viven soas. Este servizo comezou a prestarse a cinco persoas, continuando na actualidade con catro, xa que unha delas se incorporou ao Servizo de Axuda no Fogar. Cómpre salientar que  dende os Servizos Sociais contactouse con outras persoas que viven soas para ofrecerlles a axuda, pero non a non a precisaron xa que familiares ou veciños se encargan de realizarlles a compra.
Tamén dende o primeiro momento estableceuse contacto cun restaurante de Tui para que prestara o servizo de preparación de comida e entrega a domicilio. Esta opción foi prestada tanto ás persoas maiores que xa habitualmente acudían a este establecemento, coma a aquelas outras que a raíz da crise sanitaria o demandaron.
Nos primeiros días prestouse o servizo de adquisición da medicación que as persoas que viven soas puideran precisar, para que non saísen da casa, pero en pouco días as oito farmacias de Tui organizaron un sistema de reparto do medicamentos a domicilio ás persoas maiores que así o precisaban.
Para levar a cabo este labor os Servizos Sociais Comunitarios contan co apoio continuado da Policía Local e de Protección Civil.
Regreso al contenido