Tui, febreiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, febreiro 2021

Arquivo 2021
O Teatro Municipal retoma a programación con seis espectáculos no mes de marzo
Tui, 26 de febreiro de 2021. A próxima semana volve a programación ao Teatro Municipal de Tui con seis espectáculos que terán lugar entre o 4 e os 24 de marzo. O Concello de Tui retoma así a súa actividade cultural nunha aposta pola cultura segura cun estrito protocolo anticovid, e un aforo limitado ao 25%.
A presentación tivo lugar esta mañá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto a Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined, e Laura Villaverde de Artesa Cía.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a presentación desta oferta cultural na xornada na que despois de catro meses de peche perimetral se permite de novo a mobilidade. Unha vez superada esa situación, dicía, “presentamos a programación do teatro de marzo que ven plasmar a implicación que este concello ten coa cultura”. Agradecía o traballo e o esforzo realizado dende o departamento de Cultura para en momentos complicados “sacar adiante a programación cultural e poder plasmala con todas as dificultades e con todas as limitacións que temos que superar”. E destacaba que se está a facer un traballo importante para que “a cultura non perda os pasos nin o tren que nunca debeu ter perdido, e que pola situación que estamos vivindo pasa por momentos moi difíciles”.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicitou esta aposta pola cultura nunha proposta que estaba xa prevista para a inicio deste mes de febreiro pero que tivo que adiarse debido ás medidas restritivas en vigor. Neste tempo barallaron distintas alternativas para poder manter así os espectáculos programados nos que a capacidade do teatro estará limitada ao 25% do aforo, é dicir 148 butacas.  Destacou coma novidade que a venda de entradas realizarse exclusivamente en liña.  Remataba a súa intervención convidando á cidadanía de Tui e doutros concellos, agora que se permite de novo a mobilidade, a asistir ao Teatro.
Maxia, teatro e cinema centran esta programación de inverno no Teatro Municipal.
A primeira cita será o xoves, 4 de marzo, ás 18.30 h, con Elisa Alfaya e Ian Hamilton de 2 Mind Combined que achegarán un espectáculo de maxia e ilusionismo para todos os públicos. Hoxe mesmo na presentación fixeron un truco de maxia con cartas nas figuran os lugares nos que teñen actuado ao longo dos 15 anos da súa carreira. A elixida foi precisamente na que figuraba o Teatro Municipal de Tui.
Ao día seguinte, venres 5 de marzo ás 19.30 h, La Quintana representan “O Premio” unha comedia interpretada por Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar na que o público será quen decida o final entre os tres posibles.
O xoves, 11 de marzo, ás 18.30 h o público familiar a partir dos 2 anos, é o destinario da obra de monicreques  “O lobo e a lúa” que achega Baobab Teatro.
O cinema estará presente o venres, 12 de marzo, as 19.30 h coa proxección de “A illa das mentiras” de Paula Cons, e o xoves, 18 de marzo, ás 18.30 h con “A Galiña Turuleca”.
A programación pecharase coa estrea de “Illas Desertas” de Artesa Cía, en dobre función, o martes 23 e o mércores 24 de marzo, ás 19.30h. Neste caso o aforo estará limitado a 50 persoas cada día.  Laura Villaverde, que xunto a Roi Fernández, se encarga da dirección, dramaturxia e posta en escena, desta innovadora obra que é “unha travesía cara nada”. Destacaba a colaboración de Fura del Baus e Sebastián Álvaro, nunha peza na que a tecnoloxía estará moi presente. Previa a estrea a compañía terá sete días de residencia no teatro tudense.
A entradas para cada espectáculo poranse á venda o luns da semana da función e poderán mercarse so en liña en tui.gal até o propio día do evento unha hora antes do comezo. O aforo estará limitado a 148 butacas, agás para “Illas desertas” que será de 50 persoas.
 
O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral
Tui, 26 de febreiro de 2021. O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral. A concellería de Formación e Emprego puxo de novo en marcha este servizo de orientación laboral para o emprego dirixido a persoas empadroadas no municipio e que se atopen en proceso de procura de emprego ou se expoñan a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de autoemprego.
O servizo, que xa está en funcionamento, está situado nas instalacións do Centro Municipal de Formación en Guillarei. Ofrece información, asesoramento e recursos para a procura de emprego e/ou formación así como os recursos de apoio necesarios para aquelas persoas que opten polo emprendemento.
A través deste servizo de atención personalizada, a cargo de persoal técnico especializado, as persoas poderán mellorar a súa empregabilidade mediante o deseño de itinerarios personalizados de inserción. Ademais recibirán formación e axuda técnica para a elaboración do curriculum e para a preparación de entrevistas, recursos e ferramentas para a procura activa de emprego, oferta formativa ou asesoramento sobre o mercado laboral e mobilidade laboral transfronteiriza.
Coa finalidade de reducir a fenda dixital o servizo incorpora o acceso a unha aula tecnolóxica para facilitar a procura de emprego a través das novas tecnoloxías.
Como novidade o servizo de orientación laboral pon en marcha unha bolsa de emprego municipal á que se poderán incorporarán aquelas persoas que se atopen en procura activa de emprego. Tamén poderán acceder á bolsa as empresas da contorna con necesidade de cubrir vacantes.
As persoas e empresas interesadas, poderán solicitar o servizo de orientación e intermediación laboral mediante cita previa no número 986 60 32 28 ou a través no correo orientación@tui.gal.
A Concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, amosa a súa satisfacción pola posta novamente en marcha do servizo de orientación, nun momento de especial necesidade e incerteza do mercado laboral para as persoas en procura de emprego. Destaca que isto supón unha aposta decidida deste goberno polo emprego.
    
O Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui retomaron a ensinanza presencial
Tui, 26 de febreiro de 2021. Desde o pasado luns, 22 de febreiro, o Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui retomaron a súa actividade lectiva presencial en todas as especialidades e materias salvo nas clases onde participan instrumentos de vento.
 
Dende o centro explican que nas últimas instrucións da Xunta, dábase a posibilidade de comezar as clases deste xeito presencial ou optar por seguir coas clases de forma telemática, opción que seguiron numerosos centros similares de toda a comunidade autónoma.  Indican que debido á natureza destas ensinanzas onde a interacción profesor-alumno é básica para manter a motivación, o equipo directivo do centro apoiado por todo o claustro de profesores, considerou fundamental retomar as clases de modo presencial canto antes e poder seguir ofrecendo un ensino musical de calidade.
   

A rede de fibra óptica xa está dispoñible en 8 parroquias do rural do Concello de Tui
Tui, 23 de febrero de 2021.  A rede de fibra óptica xa está despregada en moitas parroquias do Concello de Tui e tamén se esta implantando no centro urbano a través de vía área, eliminando deste xeito o cableado cara as vivendas. Trátase dun plan de implantación que no vindeiro 31 de decembro deste ano debería estar rematado.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Laureano Alonso, manifestou que os usuarios das zonas con cobertura de fibra xa poden contactar coas operadoras que ofrezan este servizo para contratalo. As parroquias con cobertura de fibra actualmente son as seguintes:
Guillarei: Albelos e Sobredo
Ribadelouro: San Simón
Pazos de Reis: Fonteliña, Frinxo, Circos, Herdeiros, Os Muiños, O Anxo, Seixal, Ricamonde, Casas Novas
Rebordáns: Virxe do Camiño, rúa Calzada, San Bartolomé, Coengo Valiño, Arraial, Manteigada, Montiño e Los Rosales.
Randufe: Montiño e Cota de Gaio
Caldelas: O Baño e A Igrexa
Pexegueiro: Souto e zona centro cultural
Areas: Anta
Laureano Alonso indicou tamén que proximamente, seguindo o plan de implantación da fibra óptica no Concello de Tui, as parroquias de Baldráns e Paramos contarán tamén con fibra óptica.
   
O Concello de Tui celebra o Día de Rosalía co recitado de poemas rosalianos a través da Radio Municipal
Tui, 23 de febrero de 2021.  O Concello de Tui súmase, ao longo destes días, á celebración do “Día de Rosalía” na xornada do mércores 24 de febreiro. Entre as actividades a desenvolver ao longo está o recitado de poemas rosalianos a cargo de persoas recoñecidas da vida social tudense que serán emitidos pola Radio Municipal de Tui mañá mércores 24.
Esta actividade, coordinada pola Biblioteca Municipal de Tui, contará coa participación de:
·         Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui
·         Tomas Camacho, músico
·         Conchi Regueiro, escritora
·         Teresa Domínguez, pedagoga
·         Samuel Diz, músico
·         Xosé María Lores, profesor
Por outra banda, a Concellería de Cultura do Concello de Tui súmase, como en anos pasados, á iniciativa impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o "Caldo de gloria". Unha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.
Dende a concellería de cultura convídase aos tudenses a preparar no ambiente familiar este “caldo de gloria”, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular, e subir logo ás redes sociais da Biblioteca Municipal de Tui (en facebook, instagram ou twitter) as imaxes e comentarios sobre este caldo de gloria.
A colocación de lonas con poemas de Rosalía e a preparación dunha selección de obras rosalianas na Biblioteca Municipal ao acceso de todos os lectores e interesados, completan as actividades programadas, que teñen as limitación derivadas da situación de pandemia que vivimos.
O Pleno da corporación municipal tudense acordou no ano 2013 a celebración desta efeméride para lembrar a figura egrexia de Rosalía de Castro.
 

Tui acolle a exposición “Jewish Journeys / Viaxes Xudías” da Biblioteca Nacional De Israel
Tui, 22 de febreiro de 2021. Até o 26 de marzo pode visitarse na Sala de Exposicións Municipal a mostra “Jewish Journeys / Viaxes Xudías”. A mostra foi deseñada e doada pola Biblioteca Nacional de Israel á Red de Juderias de España con motivo das Xornadas de Cultura Xudía 2020. A través de paneis informativos e fotografías cóbrense as diferentes motivacións ás que se enfronta o ser humano ao facer unha viaxe.
Viaxar dun lugar a outro, física, espiritual ou emocionalmente, coloca ás persoas nun camiño de transición. "Viaxes xudías" analiza e ilustra a través de 6 paneis informativos (traducidos ao español pola Rede), acompañados de fotografías, as situacións nas que o pobo xudeu ten e tivo que afrontar as diferentes casuísticas para emprender unha viaxe.
A Biblioteca Nacional de Israel (NLI), fundada en Xerusalén en 1892, ten un dobre mandato distintivo, que serve de biblioteca nacional tanto para o Estado de Israel como para o pobo xudeu de todo o mundo. Os seus extensos fondos conteñen unha gran cantidade de material en diversos formatos, que contan a historia e traxectoria cultural e intelectual do pobo xudeu, do Estado de Israel e da Terra de Israel ao longo dos séculos.
O concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, agradece á Red de Juderías de España a cesión desta mostra que se pode visitar até o 26 de marzo na zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) na rúa Colón, 2.
 

O Concello de Tui vai contratar a 15 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concello 2021
Tui, 19 de febreiro de 2021. O Concello de Tui vai contratar a 15 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concello 2021. A través desta subvención da Deputación contratarase a estes traballadores para postos destinados a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
O Concello de Tui contratará no próximo mes de marzo a un condutor oficial de segunda durante 9 meses e medio, a xornada completa, e a dous animadores turísticos cun contrato coa mesma duración e tamén a xornada completa. No mes de abril o Concello de Tui contratará a dous albaneis oficiais de segunda por 9 meses a xornada completa, un oficial cerraxeiro de segunda por 9 meses, tamén a xornada completa, e un oficial carpinteiro de segunda a xornada completa por 9 meses. Amáis no mes de abril tamén se contratará a 8 peóns de horticultura cun contrato por 8 meses de duración en modalidade de xornada parcial (30 horas a semana).
Os/as candidatos/as deben ser persoas empadroadas en Tui, desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
Os perfís, xornada, a duración e as datas de inicio previstas para as 15 contratacións son as que indicamos a continuación:

  

Tui súmase á celebración do “Día de Rosalía” con diversas iniciativas
Tui. Xoves, 18 de febreiro de 2021. A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración o vindeiro 24 de febreiro do “Día de Rosalía” en que se conmemora o 184 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia, Rosalía de Castro, pola súa defensa do pobo e da lingua.  
O Concello de Tui acordou no ano 2013 a celebración anual deste evento e neste ano dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, se teñen preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da Biblioteca para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.
Dada a situación epidemiolóxica actual e as medidas sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19, dende a Concellería de Cultura do Concello de Tui indican que as actividades están limitadas. Con todo, o concello súmase como en anos pasados á iniciativa impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o "Caldo de gloria".
Unha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.
Dende a concellería de cultura convídase aos tudenses a preparar no ambiente familiar este “Caldo de Gloria”. Un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular e subir logo ás redes sociais da Biblioteca Municipal de Tui (en Facebook, Instagran ou Twitter) as imaxes e comentarios sobre este “Caldo de Gloria”.
O propio día 24 de febreiro a Radio Municipal de Tui emitirá diversos poemas de Rosalía de Castro lidos por persoas recoñecidas de Tui, de diversos ámbitos sociais, contribuíndo deste modo á divulgación da súa obra e da súa figura.
  
O Concello de Tui executou a demolición das antigas oficinas de Cam-Fram na avenida da Concordia logo de acadar un acordo coa propiedade
Tui. Xoves, 18 de febreiro de 2021.  A edificación, sita na avenida da Concordia, un dos principais viais de acceso a Tui, levaba máis de trinta anos nunha situación de estado ruinoso. Estaba composta de dúas unidades físicas, unha xa estaba derrubada parcialmente e a outra aínda se mantiña intacta pero tamén xeraba moito feísmo na zona e tamén atopábase en estado de semiruina.
O concello foi o encargado de acometer a demolición da infraestrutura, que está en terreos privados, aínda que cedidos ao concello para a celebración do Mercadillo dos xoves. A obra puido ser posible despois de negociar coa entidade mercantil unha ampliación do plazo  da superficie de cesión, comprometéndose o concello ao derribo das dúas edificacións en ruina.
Asemade o Concello de Tui está traballando noutro edificio sito tamén nas unidades de execución de Cam-Fram, este si de titularidade municipal, no que se está a redactar o proxecto para a sua rehabilitación, proxecto no que se contempla a cubrición da estrutura do edificio de xeito temporal en tanto non inicien as obras de acondicionamento, a fin de garantir a seguridade no mesmo e tamén eliminar o feísmo nese ámbito urbano.
A seguinte actuación na zona, despois da conclusión da apertura da rúa Ourense, será a execución do proxecto de humanización da avenida da Concordia, ao igual que se está a facer na rúa Colón, obra que se espera dea comezo a principios do vindeiro ano, a fin de dignificar as entradas a cidade tudense.
 

C21 solicita que se habiliten marquesiñas nas paradas de autobús da rúa Concordia
Tui, 15 de febreiro de 2021. O voceiro do partido centrista liberal, José Palacín, ven de solicitar por rexistro de entrada que o Goberno Local instale sendas marquesiñas nas paradas de autobús da Rúa Concordia, a altura da antiga Cam Fram.
Palacín considera moi necesario ese servizo debido a que resulta un lugar estratéxico pola situación do conservatorio, colexios e para o uso dos veciños da propia rúa e de San Bartolomé, Palláns ou Arraial.
C21 xa solicitara a colocación destes espazos durante ó ultimo pleno do ano anterior.
  

Tui convida a celebrar o Entroido na casa e compartilo nas redes sociais
Tui. Mércores, 10 de febreiro de 2021.  Este ano debido á situación de pandemia non haberá actividades presenciais para a celebración do Entroido en Tui. Dende o Concello de Tui convídase á veciñanza a celebrar este festexo tradicional na casa e compartir as fotografías nas redes sociais.  Deste xeito dende o Concello quérese manter viva esta celebración aínda que teña que ser na casa coas persoas convivintes. É por iso que se convida a fotografarse disfrazado e compartir as imaxes nas redes sociais coa etiqueta #EntroidoTui.
Do mesmo xeito dende o Concello de Tui quérese tamén lembrar o que foron até o de agora as celebracións do Entroido e por iso se convida a compartir tamén fotografías de anos pasados. Dende o Concello de Tui quérese amosar amais o agradecemento a todas as comparsas que cada ano participaban no desfile concurso de Entroido que tiña lugar na cidade, agardando o próximo ano poder retomar esta actividade.
     

O Concello de Tui amplía a capacidade de depósito do arquivo municipal
Tui, 5 de febreiro de 2020.  O Concello de Tui vén de ampliar a capacidade de depósito do Arquivo Municipal de Tui coa instalación de novos módulos de armarios tipo compactus para a documentación administrativa do Concello tudense. Coa instalación destes novos módulos o Arquivo Municipal tudense incrementa en máis de 80 metros lineais de estantes a capacidade dos seus depósitos
Tamén foron adquiridos deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación e algunha peza de mobiliario de oficina.
Realizouse un investimento de case 7.000 euros ao abeiro dunha baixa nunha obra promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra que ten facilitado esta importante mellora no Arquivo Municipal, que precisa incrementar a capacidade dos seus depósitos para custodiar a documentación municipal.
O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.300 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 36.000 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
O Arquivo Municipal de Tui xunto coa documentación administrativa que corresponde basicamente ao século XIX e XX, posúe unha importante documentación histórica. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns. Salienta tamén  un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento  que corresponde a unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.  Esta documentación histórica estaba depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943 e foi recuperada polo Concello de Tui no ano 2012.
 

Dous positivos en drogas e dous vehículos sen ITV en vigor detectados pola Policía Local esta fin de semana
Tui. Luns, 8 de febreiro de 2020.  A Policía Local de Tui levou a cabo na fin de semana controis en distintos puntos do termo municipal para comprobar o cumprimento do peche perimetral.  
Un dos puntos onde se realizou o control foi o Paseo da Corredoira onde o sábado entre ás 18.15 h e ás 20.30 h realizou o control de máis de 60 vehículos. Neste punto os axentes da Policía Local detectaron dous vehículos sen a preceptiva ITV en vigor. Tamén detectaron a dous condutores, que tras a realización da proba de drogas deron positivo en THC e cocaína, e foron propostos para sanción administrativa por conducir baixo os efectos de sustancias estupefacientes.
 
O Concello de Tui amplía a capacidade de depósito do arquivo municipal
Tui, 5 de febreiro de 2020.  O Concello de Tui vén de ampliar a capacidade de depósito do Arquivo Municipal de Tui coa instalación de novos módulos de armarios tipo compactus para a documentación administrativa do Concello tudense. Coa instalación destes novos módulos o Arquivo Municipal tudense incrementa en máis de 80 metros lineais de estantes a capacidade dos seus depósitos
Tamén foron adquiridos deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación e algunha peza de mobiliario de oficina.
Realizouse un investimento de case 7.000 euros ao abeiro dunha baixa nunha obra promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra que ten facilitado esta importante mellora no Arquivo Municipal, que precisa incrementar a capacidade dos seus depósitos para custodiar a documentación municipal.
O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.300 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 36.000 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
O Arquivo Municipal de Tui xunto coa documentación administrativa que corresponde basicamente ao século XIX e XX, posúe unha importante documentación histórica. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns. Salienta tamén  un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento  que corresponde a unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.  Esta documentación histórica estaba depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943 e foi recuperada polo Concello de Tui no ano 2012.
  

C21 solicita a protección dun valado e o pintado do Pavillón Novo
Tui, 06 de febreiro de 2021.O voceiro do partido centrista liberal, José Palacín, ven de solicitar por rexistro de entrada que o Goberno Local faga as xestións pertinentes co obxecto de protexer aos viandantes da senda apegada a vía do tren, e que se inicia sobre a ponte, xusto diante da entrada ao Colexio, no Camiño Leirós.  
C21 detecta que existe un precipicio sen protección que vai a dar a vía ferroviaria, e que xusto nese tramo, o chan resulta moi accidentado, o que multiplica as posibilidades de sinistro.
Do mesmo modo, neste eido de #Tuiseguro, Palacín volve a esixir a protección do precipicio de Álvarez Blázquez, cada vez con maior perigo de caida ao retirarse o pasado verán os arbustos que facían de contención.
Pintado Pavillón
José Palacín tamén solicitou que antes do verán se realice unha intervención de pintado no Pavillón Novo, co obxecto de mellorar a estética deste recinto, recentemente reformado con fondos da Deputación, conforme ao Plan Concello 2018, trala xestión do Goberno de Carlos Vázquez Padín.
Palacín xa realizara esta petición na última sesión plenaria debido ao aspecto deplorable que presentan as paredes do polideportivo, pero tamén solicitou ao Concelleiro de Seguridade, maior vixilancia na zona para evitar actos vandálicos. Do mesmo modo, Palacín demanda unha campaña de concienciación en pos do respecto ao erario público.
Por último, o voceiro liberal suxire unha intervención global nesta zona, tratando de trasladar, de forma consensuada co sector privado, as actividades inadecuadas, abrindo espazos combinados de aparcamento e zona verde e mellorando a accesibilidade urbanística nunha ruta, que lembra, forma parte do Camiño de Santiago.
 


Remataron as obras de humanización da primeira fase da rúa Colon
Tui, 5 de febreiro de 2020.  Veñen de rematar as obras da primeira fase da humanización da rúa Colón que se executaron nos últimos meses. Supuxeron un investimento de 314.000 euros, financiados con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
As obras contemplaron por unha parte a reposición da práctica totalidade das canalizacións de saneamento, pluviais, e do cableado público de baixa tensión. Esta parte dos traballos realizados foi a máis custosa e traballosa, debido ao mal estado que presentaban as tubaxes existentes.  Amais procedeuse ao asfaltado e ao pintado da sinalización horizontal en todo o tramo de obras.
A iluminación deste vial mellorouse apostando xa por tecnoloxía led tanto nas catorce farolas instaladas de alumeado público, coma nas dúas de apoio no paso de peóns existente, que contan tamén cun sistema de iluminación led no propio báculo para advertir da existencia do paso de peóns.
Inicialmente estaba prevista a colocación de bancos pero, tendo en conta a actual situación de pandemia, foron substituídos por 12 cadeiras individuais.  Do mesmo xeito foron acondicionadas as xardineiras ao longo da beirarrúa e plantáronse 6 arbores de porte medio.  Coma medida de seguridade nas zonas onde existen desniveis foron instaladas varandas de aceiro inoxidable.
Debido as fortes choivas das últimas xornadas queda por completar o repintando dun tramo e pequenos retoques nas xardineiras que serán executadas en breve.
Con esta actuación mellorouse tanto as condicións de seguridade vial na rúa, coma tamén esteticamente o espazo desta arteria que da acceso ao centro urbano.  
   
A casa do concello ilumínase de verde até o domingo con motivo do Día Mundial contra o cancro
Tui. Venres, 5 de febreiro de 2020.  A casa do concello de Tui ilumínase de verde dende esta pasada noite e até o domingo con motivo do Día Mundial contra o cancro. Deste xeito búscase visibilizar esta enfermidade.
Este ano dende a AECC puxeron en marcha unha campaña na que sinalan que o cancro é igual para todas as persoas, pero non todas somos iguais fronte a cancro, por iso, desde a AECC presentan un #AcuerdoContraElCáncer para eliminar estas desigualdades. Inciden tamén en como a pandemia ten agravado a situación dos pacientes de cancro.
Dende a Asociación Española contra o Cancro convidan a asinar o manifesto dispoñible na súa web.
 

Rematadas as obras da pista deportiva, parque infantil e biosaudable en Areas
Tui. Mércores, 3 de febreiro de 2020.  Está xa rematadas as obras de acondicionamento da pista deportiva, a recuperación e ampliación do parque infantil e a creación dun parque biosaudable na parroquia de Areas. Supuxeron un investimento de 53.495,08 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Con estas obras o Concello de Tui prosegue co seu obxectivo de recuperar zonas de esparexemento e lecer baixo a “perspectiva de crear espazos inclusivos para o goce de todos os membros da familia, sen facer distincións nin de idade nin de capacidades”.  A concelleira de Parque e Xardíns, sinala que “o equipo de goberno ten apostado por este proxecto, tan demandado durante anos pola veciñanza da parroquias de Areas, sen perder a perspectiva do uso do lugar coma recinto das festas parroquiais”.
En concreto os traballos realizados consistiron no pintado das pistas deportivas de fútbol e baloncesto, coa colocación de novas canastas, e a recuperación das porterías existentes. Dotouse ás pistas de nova iluminación coa colocación de dúas columnas de aceiro corten con 4 proxectores led, co que se aposta polo aforro enerxético, cumprindo co compromiso adquirido na sinatura do Pactos dos Alcaldes polo clima.
Por outra parte na carballeira recuperáronse os elementos existentes do parque infantil, nunha aposta pola economía circular. Amais engadíronse novos elementos inclusivos, un teléfono, un columpio inclusivo, un xilófono e dous paneis adaptados a nenos con deficiencia visual e auditiva, así coma unha rede de escalada.
A colocación destes elementos levou a cabo tendo en conta os que os parques non só lugares de lecer, senón tamén puntos de encontro e aprendizaxe.  Tendo en conta amais que o xogo é o medio máis efectivo para que os cativos e cativas desenvolvan as súas capacidades cognitivas, estes elementos permiten fortalecer a súa creatividade e imaxinación.
Na zona tamén se xerou un novo espazo para o exercicio físico dos maiores, coa colaboración de elementos biosaudables.
Colocouse novo mobiliario coma bancos, papeleiras de orgánico e recollida selectiva, unha fonte de auga e un bibicleteiro.
No axardinamento realizouse unha pequena poda da carballeira, e plantáronse 8 liquidámbar que formarán unha cortina vexetal entre o parque e a estrada.
A concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, sinala que dende o Concello “continuamos co labor de crear novos espazos ao aire libre nun entorno natural acondicionado para todos e cada un dos membros da familia, sen ningún tipo de distinción, lugares agradables de encontro para o esparexementos e a práctica de deportes ao aire libre”.  Engade que “hoxe máis ca nunca consideramos que son imprescindibles non só no centro urbano, senón tamén en todas e cada unha das parroquias” polo que afirma “continuaremos traballando nese senso”.
Precisamente nesta liña o concello de Tui, ao abeiro do Plan Concellos 2019, ten arestora en licitación o acondicionamento do parque infantil situado nas proximidades do CEIP de Guillarei e do situado nas instalacións do CRA nas Bornetas, que serán executados en breve.
Por último dende o Concello de Tui fan un chamamento á veciñanza a facer un uso responsable destas instalacións.
  
C21 considera co Goberno Socialista desvirtuou o proxecto do Parque de Areas
Tui, 3 de febrero de 2021. Por parte de C21 congratulámonos polo remate das obras de acondicionamento no parque de Areas, froito dun proxecto inicial encargado polo Goberno de C21, sendo concelleiro de Parques e Xardíns, Eduardo Freiría, e financiado a través do Plan Concellos - 2018.
Non obstante, lamentamos que o proxecto inicial quedase simplemente reducido a labores de mantemento e reposición de mobiliario do parque infantil, tamén contempladas no proxecto orixinal, porque que amais disto tratábase de ordenar o espazo co obxectivo de mellorar as condicións paisaxísticas e ambientais, compatible coa realización das festas pois esta foi a condición principal exposta ao estudo de arquitectura que redactou o plan.
O obxectivo era transformar o espazo descampado nun lugar de socialización co que recuperar a tradición de reunión dos veciños mediante a creación dun longo banco corrido que, cos seu quebros, xerase á súa vez microprazas, todo isto acompañado dun bosquete que se complementase coa carballeira e mellorase as condicións paisaxísticas.
Lamentablemente esta actuación foi rexeitada, eliminando ese eixo arquitectónico que conformaría o banco, e en lugar da creación dun bosquete con especies autóctonas coma cerdeiras bravas, freixo de flor, arce campestre, tileiro silvestre e estripeiros, dispúxose unha aliñación de liquidámbares. O resultado desta actuación fai que o espazo presente un aspecto desolador. C21 considera que se cambiou habitabilidade por desolación e diversidade por monocultivo.
Segundo as declaracións do propio Eduardo Freiria e do voceiro liberal, José Palacín: “Resulta inconcibible que nun momento no que se están a recuperar espazos degradados ou sen valor especial mediante deseños contemporáneos como pode ser a “Explanada do Horizonte” do Rosal, merecedora dun premio do Colexio de Arquitectos, aquí en Tui o Partido Socialista nos deixen orfos de deseños actuais que axuden a mellorar as condicións urbanas mediante plantexamentos novidosos e xeren fitos contemporáneos nas nosas parroquias”. “Este Goberno continúa co - Cartago delenda est - respecto da herdanza de C21”.
 

Media tonelada de alimentos se recolleron na Campaña de Nadal da Praza a favor da SOS Tomiño Baixo Miño
Tui, 2 de febreiro de 2020.  Media tonelada de alimentos foron os  recollidos na Campaña solidaria de Nadal desenvolvida na praza de Abastos de Tui a favor de SOS Tomiño-Baixo Miño.  Hai uns días tiña lugar a entrega destes alimentos á asociación asistencial que os distribuirá entre as familias ás que presta axuda.
Dende o Concello quérese amosar o agradecemento a Rita Álvarez, de Las Flores de Rita, que propuxo a iniciativa, aos praceiros e praceiras e á veciñanza pola súa colaboración solidaria nesta campaña.
Regreso al contenido