Tui, agosto 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, agosto 2020

PUBLICADAS
O BNG critica ao Goberno Municipal polas carencias das obras realizadas no Clube de Tenis Tui
Tui, 31 de agosto de 2020. O BNG de Tui considera deficientes as obras de mellora nas instalacións de tenis en Areas. Moitas destas deficiencias teñen que ver coa calidade das redes, dos tubos e mallas, algúns deles xa rotos ou deformados. Destas últimas, algunhas das que se sitúan no perímetro das instalacións nen sequera se atopan ben ancladas. Paradigmático é o caso da caseta das duchas que segue a estar colocada sobre rodas, igual que antes da obra, e agora, xa inaugurada, non conta aínda con luz nen auga quente e tampouco tivo ningunha mellora no desaugadoiro.
Ademais, os nacionalistas indican que non se tivo en conta o entorno que rodea o complexo: o terreo que rodea as pistas está a maior nivel que estas, o que vai facer que coa chuvia a terra entre dentro das mesmas. Non se considerou a posibilidade de ter preparado un lugar cuberto para os pais que levan ós nenos a entrenar, pensando sobre todo nos meses de inverno.
A isto, engádense pequenas deficiencias, como a mal acoraxe da porta de entrada, o estado da caseta da luz, e demáis. Todo isto fai que estas obras, despois dunha inversión de  53.095,22 euros, e a catro días da súa inauguración, presenten xa un mal estado.
A súa voceira local, Carme Núñez recorda: "Hai que lembrar que o  club de tenis conta con 60 deportistas federados. Moitas destas deficiencias teríanse evitado se se  contara coa opinión e o coñecemento que teñen os membros do club en canto as súas necesidades."

A Policía Local interveu nunha festa privada na madrugada do sábado, rexistrou unha alcoholemia positiva e propuxo dúas sancións polo non uso da máscara
Tui. Luns, 31 de agosto de 2020. Unha intervención nunha festa privada de madrugada, unha alcoholemia positiva e dúas propostas de sanción por non usar a mácara foron as principais actuacións da Policía Local de Tui na fin de semana.
A Policía Local de Tui deu o alto na madrugada do venres ao sábado, ás 00.45 h, a un vehículo cuxos ocupantes non facían uso do cinto de seguridade. Deuse a circunstancia que o condutor tiña retirado o permiso de conducir polo xulgado, amais deu positivo na proba de alcoholemia. Os axentes tramitaron o correspondente atestado.
Tamén o sábado de madrugada, á 1.39 h, efectivos da Policía Local foron alertados da celebración dunha festa privada nun recinto privado de uso público. Os axentes comprobaron coma case a totalidade dos asistentes eran menores polo que deron aviso aos seus pais.
Durante a fin de semana a Policía Local realizou dúas propostas de sanción polo non uso da mascarilla, e colaboraron en distintas alertas co 112.
 
Dende o 1 de setembro non será preciso solicitar cita previa no rexistro de entrada no Concello de Tui
Tui. Luns, 31 de agosto de 2020. Dende mañá, 1 de setembro, non será preciso solicitar previa no rexistro de entrada na casa do concello de Tui. As persoas que precisen presentar documentación por rexistro de entrada só terán que achegarse á casa do concello onde serán atendidos na entrada habilitada dende a fachada principal.
Si continuará a ser preciso a cita previa para a atención presencial no resto de departamentos municipais.


José Palacín solicita que os futuros orzamentos contemplen o mantemento de persoal fixo na oficina de Turismo tal como o establecera C21 durante o seu mandato

Tui, 27 de agosto de 2020. C21 vén de solicitar por rexistro de entrada unha petición dirixida ao Concelleiro Delegado de Turismo e Patrimonio, D. Laureano Alonso, para que, unha vez iniciado o curso político e habida conta de que se presupón que o Goberno Local terá que elaborar uns orzamentos, se traballe para a inclusión dunha partida que procure o mantemento de persoal fixo na Oficina de Turismo.
José Palacín lembra que o Goberno de C21 foi pioneiro en instaurar esta partida orzamentaria co obxecto de evitar a temporalidade nun servizo tan fundamental para a imaxe, a economía e a difusión do patrimonio de Tui.

Música na rúa cos grupos Seixos Albos de Areas e Santa Columba de Ribadelouro
Tui. Venres, 28 de agosto de 2020.  A nosa música tradicional segue a soar durante as fins de semana polas rúas de Tui dan man dos distintos grupos folclóricos e bandas de gaitas do municipio.
Mañá sábado será a quenda do grupo Seixos Albos de Areas e o domingo do grupo Santa Columba de Ribadelouro. Estas dúas agrupación actuarán a partir das 21 h.
Os pasarrúas continuarán nas fins mes de setembro os sábados e domingo ás 20.30 h co grupo Lembranzas da Terra de Guillarei (5/09/); grupo Xuntanza de Randufe (06/09); o grupo folclórico San Fins de Rebordáns (13/09);grupo folclórico Inquedanzas da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis (19/09) e o grupo Xuntanza de Randufe (20/09).

Música na rúa cos grupos Seixos Albos de Areas e Santa Columba de Ribadelouro
Tui. Venres, 28 de agosto de 2020.  Un total de catorce rochas con petróglifos realizados dende o Neolítico á época moderna conforman o conxunto situado no Alto do Coello, Fontiñas e Rozacús, en Randufe. Nun proxecto do Concello de Tui, financiado pola Deputación de Pontevedra, e coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe, a empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración levou a cabo a súa limpeza a posta en valor.
Onte á tarde tivo lugar unha visita inauguración desta actuación levada a cabo e que permitiu descubrir novos petróglifos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, xunto a outros membros da corporación, o presidente da Comunidade de Montes de Randufe, Ramón Martínez, e persoas interesadas en xeral asistiron onte á esta visita.
A actuación consistiu na limpeza, tala e roza da zona e na eliminación da vexetación superficial nas rochas. Isto permitiu descubrir novos gravados, xa que antes da intervención só se coñecían os existentes en cinco rochas, e na actualidade o número elevouse até 14 pedras que contan con petróglifos. Foron colocados tres paneis indicativos realizados en aceiro corten coa información sobre o conxunto e, realizado con corte por laser, a representación dos cabalos que aparecen nun dos petróglifos de Fontiñas.  A carón de cada pedra colocouse un calco dos petróglifos existentes realizado con fotogrametría, o que permite ao visitante a súa mellor localización. O mellor momento para observalos é ao amencer ou ao atardecer, xa que neses momentos a luz existente fai destacar os sucos do gravado. Tamén se aconsella a visita de noite con lanternas.
Así neste conxunto podemos atopar muíños sedentes do Neolítico que poderían estar relacionados coa evidencia dun poboado prehistórico no Alto do Coello. Aparecen noutras rochas animais coma cabalos asociados á Idade de Bronce. Da mesma época poderían ser outros dos motivos representados coma círculos ou coviñas. Amais na práctica totalidade das rochas , posiblemente froito dun proceso de cristianización da zona, hai gravadas cruces, e mesmo nunha das rochas aparece un cáliz, que poderían corresponder á época medieval-moderna.   A actuación realizada tamén permitiu recuperar a toponimia local coma é o caso do nome de Fontiñas.
 
Obradoiro de compostaxe para nenos e nenas o venres 4 en Tui
Tui. Venres, 28 de agosto de 2020. O próximo venres, 4 de setembro, ás 10.30 h terá lugar no Paseo da Corredoira unha obradoiro de compostaxe dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos.
Para participar é preciso inscrición previa en compostaxe@tui.gal ou no 687 24 99 53. Contará cun protocolo de medidas de seguridade sanitaria ante a COVID-19. Será obrigatorio o uso de máscara e manter a distancia de seguridade de 1,5metros.
Os participantes distribuiranse en grupos illado de 9 persoas en función da idade de tal xeito que se plantexan tres actividades: “Xogo da Miñoca” para nenos de 6 a 7 anos, “Quen Vive?” para cativos de 8 a 9 anos, e “Microcompostaxe” para os participantes que teñan entre 9 a 14 anos. En función do número de participantes poderá haber dúas quendas por grupo.
O obradoiro en caso de choiva realizarse no pavillón municipal.
Esta actividade está organizada ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Tui e o CEIDA.


Conferencia “Música no final do Camiño” de Juan Pedro Durán Alonso o martes 1 en Tui

Tui. Xoves, 27 de agosto de 2020.  O próximo martes, 1 de setembro, ás 20 h terá lugar na Área Panorámica a conferencia “Música no final do Camiño” a cargo de Juan Pedro Durán Alonso. Forma parte do Ciclo Facer Camiño, actividade complementaria da exposición itinerante de mesmo nome, coordinada pola Academia Galega de Belas Artes, coa colaboración da Xunta de Galicia  e que se pode visitar na Sala Municipal de Exposición en Tui estes días.
O compositor e académico Juan Pedro Durán Alonso disertará sobre “Música no final do Camiño”, e ao remate da conferencia está previsto un coloquio sobre a cultura do Camiño a Compostela que contará coa participación do historiador da Arte e académico Felipe-Senén López Gómez.

O Concello de Tui acredita as súas instalación para impartir cinco novos certificados de profesionalidade
Tui. Xoves, 27 de agosto de 2020.  O Concello de Tui vén de recibir a acreditación, por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral  para poder impartir nas súas instalacións, no Centro Municipal de Formación, cinco novos certificados de profesionalidade.
En concreto trátase de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; Docencia de formación profesional para o Emprego; Operacións Auxiliares de servizos Administrativos e Xerais  e Organización e Xestión de Almacéns.
Amais o Centro Municipal de Formación recibiu tamén a validación para impartir as competencias claves de Alfabetización Informática: Informática e internet; Competencia Matemática N2; Comunicación en Lingua Castelá N2; Comunicación en Lingua Galega N2; Competencias Clave N2 Sen Idiomas: Comunicación en Lingua Castelá e Competencia Matemática.
Estas novas homologacións súmanse ás xa existentes de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas; Montaxe de mobles e elementos de carpintería; Instalación de elementos de carpintería; Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica; Axudante de documentación de medios de comunicación; Venda de servizos e produtos turísticos; Azafata auxiliar de congresos; Colocador de prefabricados lixeiros e Colocador de paneis de cartón xeso e similares.
Dende o Concello de Tui, a través da Concellería de Formación e Emprego, apóstase por ampliar a oferta formativa do Centro Municipal de Formación coa finalidade de impulsar e estender entre as empresas e os traballadores ocupados e desempregados unha formación que mellore a empregabilidade e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas traballadoras e que responda as necesidades actuais do mercado laboral.
 
As instalación municipais de tenis en Areas contan agora con tres pistas dobres
Tui. Xoves, 27 de agosto de 2020. Está mañá tivo lugar a reapertura oficial das pistas municipais de Tenis situadas en Areas tras as obras de remodelación realizadas, que supuxeron un investimento de 53.095,22€ con cargo ao Plan Concellos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que con esta actuación dáse cumprimento a unha vella demanda do Club Tenis Tui en canto á mellora das instalacións. Avanzou tamén que o gran reto de cara ao futuro é a execución dunha área multideporte nun emprazamento axeitado.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou a actuación realizada nestas pistas empregadas polo Club Tenis que desenvolve a súa actividade dende 2012 e que conta na actualidade con 60 deportistas federados. Referiuse amais as obras que se están a executar tamén nos pavillóns municipais, no centro municipal de Remo, ou no Campo de Fútbol Álvarez Durán, dentro do obxectivo xeral de reformar as instalacións deportivas municipais.
O presidente do Club Tenis Tui, Pablo García, agradeceu a intervención realizada destacando as características das pistas das que dicía “teñen un bote perfecto”, e engadindo que son “o acicate que nos faltaba”. Ao tempo convidou a practicar esta disciplina deportiva.
A actuación realizada consistiu na ampliación das instalacións co que se pasa a contar con tres pistas dobres, que foron pintadas en resina especial deportiva de 5 capas. Para posibilitar a ampliación foi preciso o traslado dos báculos de iluminación, e está previsto o cambio das luminarias a tecnoloxía led.  Amais foi colocado un novo valado perimetral, e reubicouse a caseta destinada a vestiarios.  Nun futuro próximo está prevista a colocación dun novo módulo para ser empregado coma oficina e almacén.


O BNG de Tui apoia as reinvindicacións dos pais dos alumnos do CRA Mestra Clara Torres de Caldelas de Tui
Tui, 26 de agosto de 2020. O BNG de Tui apoia as reinvindicacións dos pais e nais dos alumnos do CRA Mestra Clara Torres de Caldelas de Tui, que reclaman o traslado do ciclo de infantil a outra ubicación, concretamente ao recinto do CEP de Caldelas. Este cambio de ubicación permitiríalles dispor doutras instalacións e servizos, como patio cuberto, pavillón, calefacción e autobús. E sobre todo evitaría a perigosidade en relación ao paso da estrada 404 por diante das actuais instalacións, que orixina situacións de moito risco, nomeadamente nos horarios de entrada e saída dos nenos. No pleno de maio aprobouse unha moción nese sentido por unanimidade de todas as forzas políticas. Agora, o BNG defende que se manteña como CRA nesta nova ubicación porque entende que os Colexios Rurais Agrupados garanten, non só a escolarización dos nenos no rural, senón tamén unha educación  de calidade, cercana e ben dotada con medios humanos. Estes dous modelos educactivos entendemos que poden coexistir. E que esta fórmula de compartir instalacións supón unha optimización de recursos e enriquece á comunidade educativa.


Do 1 ao 9 de setembro celebrarase o programa de conciliación Igual É + dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos
Tui. Luns, 24 de agosto de 2020.  Do 1 ao 9 de setembro vaise desenvolver o Programa de Conciliación "IGUAL É +” dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos empadroados no concello de Tui. A Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade pon en marcha esta actividade para promover a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. O obxectivo é fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares incorporando a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas que participen neles.
Este programa de fomento da Conciliación “IGUAL É +” foi concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Concello de Tui.
Ofértanse 70 prazas para nenos e nenas distribuídos en 7 grupos de 10 integrantes a realizar tanto no centro urbano coma nas parroquias de forma simultánea.
Cada grupo traballará sobre unha temática específica tendo en conta o principio de igualdade e aplicando a perspectiva de xénero:
1. Tui Urbano 1: Temática. Mulleres Senlleiras Galegas
2. Tui Urbano 2: Temática. As Profesións
3. Caldelas De Tui: Temática.  Educación Emocional
4. Guillarei: Temática. Artes Escénicas
5. Rebordáns: Temática Descubre O Teu Talento
6. Randufe: Temática Música E Baile
7. Areas.: Temática. A Natureza
Así do 1 ao 9 de setembro, en horario de 9 a 14 h, os nenos e nenas participantes en Igual É + realizarán actividades coma Mirando con lentes de xénero; Coñecendo os nosos dereitos humanos; Uso do tempo e división do traballo dentro das familias; Obradoiro de análise de actividades e roles; Treatrévete (teatro para traballar os estereotipos de xénero); Contos ao revés; Eu son e podo; Xincana non sexista; Cancións pola igualdade; Xogos tradicionais galegos; Xogos deportivos para traballar os roles de xénero; Xincanas temáticas e Actividade de orientación e xincana medioambiental. Contará cun estrito protocolo COVID de medidas hixiénico sanitarias.
As persoas interesadas teñen que cubrir o formulario de inscrición, dispoñible en tui.gal e presentalo por rexistro de entrada ou na sede electrónica até este venres, 28 de agosto, xunto coa documentación requirida nas bases da convocatoria (fotocopia do Libro de familia, declaración da renda de 2019, certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente da/o menor, certificado de familia monoparental, sentenza de separación ou divorcio ou convenio regulador e acreditación da necesidade de conciliación).
As prazas ofertadas cubriranse por rigoroso orde de inscrición tendo prioridade os/as nenos/as empadroados/as no Concello de Tui, e seguindo os criterios establecidos nas bases do programa, entre eles o nivel de renda da unidade familiar.
A información sobre este programa Igual É + pódese ampliar no 986 60 36 25 ext. 54.4

Rematadas as obras executadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 e 2019
Tui. Martes, 25 de agosto de 2020. O Concello de Tui ten rematadas ou a piques de facelo as obras executadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 e 2019 da Deputación de Pontevedra.
Así por unha parte o Concello de Tui ven de rematar as obras de asfaltado no barrio da Malladoura en Baldráns, actuación que contou cun importe de 49.476,68 euros e que estaba incluída no Plan Concellos do ano 2018. Tamén formaba parte do Plan Concellos do 2018 o acondicionamento das pistas de tenis de Areas por importe de 64.245,22 euros que veñen de ser recepcionadas.
Outra das obras rematadas é a substitución da cuberta da nave de maquinaria que o Concello de Tui ten en Guillarei , que supuxo un investimento de 63.120,32.
Por outra parte está próxima a finalización a adecuación da área lúdico recreativa do CEIP de Rebordáns por importe de 42.442,18 euros e a elaboración da cartografía six, ortodixital e rede topográfica do Concello de Tui por importe de 90.000 euros.
Todos estes proxectos forman parte do Plan Concellos da Deputación do ano 2018, onde restan por executar unha área recreativa na aula das Bornetas do CRA Mestra Clara Torres, así coma a obra con maior orzamento que é a humanización da rúa Colón que suporá un investimento de 314.000 euros e cuxo contrato se acaba de asinar.
Con respecto as obras do Plan Concellos do ano 2019 están todas adxudicadas e algunhas rematadas, coma a renovación de equipos da radio municipal e o Deporemse que está tamén a piques de concluírse.
Ao marxe da financiación do Plan Concellos, o Goberno Municipal tamén está a executar, neste caso con fondos propios a construción dun novo muro no campo de fútbol de Ribadelouro ante o risco de derrube que presentaba a anterior estrutura. E está a proceder ao cambio das luminarias dos pavillóns municipais por tecnoloxía led, o que permitirá mellora a eficiencia enerxética nestas dúas instalacións co conseguinte aforro económico.

Cumprimento do horario de peche na fin de semana en Tui
Tui. Martes, 25 de agosto de 2020.  A vixilancia do cumprimento do horario de peche na hostalería centrou a actuación da Policía Local na fin de semana. Dende o corpo salientan o cumprimento por parte dos diferentes locais sen rexistrarse incidencias e salientando que na súa totalidade cumpriron coas medidas establecidas ante a COVID 19.
Por outra parte o sábado e o domingo pola mañá os policías municipais presentaron dúas propostas de sanción a dúas persoas ante a Consellería de Sanidade polo non uso da máscara.
En materia de tráfico os axentes da Policía Local deron o alto a un conductor, o venres á noite na Avenida de Portugal, por conducir de forma errática. Tras realizarlle o control de alcoholemia deu unha taxa positiva nunha segunda proba de 0,56 mg/l, polo que cursaron denuncia administrativa.
Na fin de semana e a petición do 112 a Policía Local tivo que realizar distintas intervencións.


O número 6 da revista Castellum Tyde achega once artigos e dúas crónicas de actividades
Tui. Luns, 24 de agosto de 2020. Esta mañá presentouse na casa do concello de Tui o número 6 de revista “Castellum Tyde” publicada polo Instituto de Estudos Tudenses, IET, co patrocinio do Concello de Tui. No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o presidente do Instituto de Estudos Tudense, Xabier Añoveros.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recoñeceu o labor realizado polo Instituto de Estudos Tudenses na edición deste traballo. Apuntaba que os datos en canto ao número de artigos publicados reflicten por si mesmos a relevancia e importancia da revista. Ao tempo destacou a necesidade e privilexio de contar cunha entidade coma o Instituto de Estudos Tudenses que traballa pola nosa cultura e o noso patrimonio.
Xabier Añoveros, presidente do Instituto de Estudos Tudenses, destacou os 69 artigos de 33 investigadores publicados dende o primeiro número de Castellum Tyde en 2007. Detallou coma o número 6, correspondente ao período 2017/2020, está dedicado ao arquitecto, investigador e membro fundador do Instituto, Jaime Garrido, falecido o ano pasado. Son un total de 11 artigos e 2 crónicas de actividades desenvolvidas as que se recollen nas 304 páxinas da publicación.
A revista ábrese cun artigo “in memoriam” sobre o arquitecto Jaime Garrido Rodríguez da autoría de Rafael Sánchez Bargiela, quen tamén achega “Tui nos relatos peregrinos e viaxeiros polo Camiño Portugués”.  O propio presidente do IET, Xabier Añoveros, é o autor de “El monumento al padre Salvado”.  Suso Vila presenta “Poliorcética medieval en Tui: La iglesia y las fortificaciones de la ciudad”, e Ernesto Iglesias Almeida “El hoaspital de San Gián dos Lázaros”.  Avelino Bouzón escribe “Bicentenario de los Maristas. Centenario del Juniorado Marista Portugués en Lagarteira (Tui). 1920-2020”.  “Manifestaciones artísticas culturales en Tui inspiradas en la Armada” é a contribución de Rosendo Bugarín González.
Este número 6 de Castellum Tyde recolle tamén o artigo do profesor Domingo L. González Lopo titulado “La devoción a San Julián en Galicia: raíces populares de una hagiografía confusa”.  Xoán Martínez Tamuxe achega “Familiares do Santo Oficio nos concellos do Baixo Miños, menos en Oia. Primeira e única referencia en Oia á Inquisición, en 1695”.
Complétase a publicación con “Dos canónigos de la catedral de Tui nombrados capellanes de honor: Antonio Bernardo Mosquera Tabares y Sotomayor y Rafael María Andreu Ballester” de Juan Ramón Aparicio González, e “Contrasta: a vila medieval” de Isilda Martins.
Amais destes artigos Marta Cendón publica na revista a crónica da actividade desenvolvida en 2018 polo instituto co gallo do aniversario dos concilios provinciais celebrados no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns baixo o título de “1.118: La Huella de Gelmírez en la sede tudense”. E recóllese tamén a crónica da “Xornada sobre San Domingos, arte e historia” desenvolvida en agosto do ano pasado co obxectivo de ofrecer unha achega sobre a súa dimensión artística, a súa vinculación coa liñaxe de Soutomaior e os procesos devocionais da Idade Moderna”.
Foron editados 400 exemplares deste número 6 da revista Castelum Tyde.


A Selección Uruguaia de Remo prepara en Tui a regata clasificatoria para Tokio 2021

 
Tui. Venres, 21 de agosto de 2020.  A Selección Uruguaia de Remo está concentrada até o mes de outubro no CETD de Remo de Tui. Está mañá foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e representantes dos cinco grupos presentes na corporación municipal: Jose Ramón Magán do PSOE, José Ángel Fernández do PP, Pilar Besada de C’s, José Martínez Tato do BNG, José Manuel Palacín de C21 e Laureano Alonso de En Marea.  Estivo tamén presente Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño, e Jesús González, remeiro tudense do Remo do Miño.
Baixo a dirección técnica de Osvaldo Ruben Borchi os integrantes do combinado nacional, Zoe Dáne Acosta, Bruno Cetraro, Felipe Kluver, Martín Nicolas Zócalo, Leando Joaquín Rodas e Newton Eric Seawright, prepararán en Tui a regata clasificatoria para os Xogos Olímpicos de Tokio 2021.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladou aos integrantes da selección uruguaia a súa gratitude por ter elixido Tui para os seus adestramentos. Indicou o rexedor que é un orgullo para a cidade poder contar co equipo aquí, nun municipio no que a práctica do deporte, e sobre todo do remo e do piragüismo son unha “sinal de identidade” e contan cunha “tradición moi arraigada”. Referiuse tamén Enrique Cabaleiro aos lazos culturais compartidos entre galegos e uruguaios froito da emigración galega a ese país.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou que para os deportistas tudenses é unha experiencia única poder compartir xornadas de adestramento e convivencia coa selección nacional que está a preparar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos.  Ao tempo expuxo o apoio do concello durante os dous meses de estadía na cidade.
O presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, indicou que dende o remo local tentarán aproveitar esta oportunidade e aprender desta experiencia. Pola súa parte o remeiro Jesús González, explicou que é unha honra para o club, para Tui e para Galicia poder contar coa selección nacional adestrando na cidade.
Osvaldo Ruben Borchi, adestrador da Selección Uruguaia de Remo, salientou na súa intervención as características das instalacións e o excelente trato recibido. Así manifestaba que “isto é un paraíso”.


Éxito absoluto da carpa informativa do Revitaliza en Tui
Tui, 20 de agosto de 2020. A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación tivo hoxe un “éxito absoluto” na súa visita a Tui. As mestras e mestres composteiros atenderon ao longo da mañá a preto de medio milleiro de persoas interesadas na compostaxe e en como conseguir un composteiro individual (COIN) para a súa casa con horta ou en como compostar nos composteiros comunitarios. A afluencia de persoas foi continua e xa ao mediodía xa se formalizaran máis de 20 inscricións para dispoñer dun composteiro individual.
Segundo explica o persoal da Deputación, todas as persoas que hoxe solicitaron o COIN poderán recollelo próximamente logo dunha charla de formación específica  xunto con todo o material necesario (remexedor, termómetro e guía de uso). Para a veciñanza interesada en ter un composteiro en breve aínda quedan oportunidades para preinscribirse. A primeira será o xoves 3 de setembro, cando haberá unha nova carpa informativa na vila. Polo de agora existe un stock de 50 COIN cedidos pola Deputación, mais abrirase unha lista de agarda se existe demanda.
Ata o de agora, o Concello de Tui está na chamada fase demostrativa (fase I) do Plan Revitaliza. No concello hai tres centros de compostaxe comunitaria instalados en diferentes puntos, e hai repartidos uns 120 COIN entre as distintas parroquias. Tamén se están a desenvolver actividades destinadas ás crianzas durante estes días, organizadas pola Deputación en colaboración co Ceida e a instancias do Concello, sendo a próxima o venres 4 de setembro.
Na carpa informativa de hoxe, as e os cidadáns que se achegaron recibiron explicacións do persoal técnico provincial sobre a compostaxe e como se debe xestionar o lixo orgánico, xa que a finais deste ano a Unión Europea esixirá un tratamento sustentable. A intención das xornadas informativas coa carpa está en que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e que a compostaxe convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost.
As persoas, ademais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, recolleron diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas) e puideron levar unha mostra de compost.


C21 considera tráxico e esperpéntico o sucedido co Pontillón de Caldelas
Tui, 19 de agosto de 2020. O voceiro de C21 considera tráxico polo resultado final e esperpéntico polo proceso de execución o acaecido co acueduto de Caldelas, derrubado nunha actuación da Confederación Hidrográfica.
Palacín afirma que: “Neste caso, a burocracia aséptica das administracións públicas conduciu ao derrube dun patrimonio etnográfico que si se salva será grazas a sensibilización veciñal”.  
Dende C21 tamén se sorprenden de que o Sr. Alcalde de Tui considere, (segundo as súas declaracións), como “impecable” este procedemento administrativo, partindo da base de que no momento da desfeita o Goberno Local pensaba co Pontillón se atopaba na demarcación de Tui e faltou vontade política para evitar a súa destrución. Palacín considera co proceso de desmontaxe, se houbese sido imprescindible para o proxecto acuícola, no debía ter sido traumático, senón arqueolóxico, cunha catalogación rigorosa e non acabar deste modo.
C21 avoga por un acordo co concello veciño de Salvaterra, onde se atopaba oficialmente o acueduto, para co Pontillón se recupere, e cos  veciños de Caldelas podan desfrutalo debido ao vínculo emocional existente e máis se as arcas tudenses sufragan a reconstrución tal como prometeu o Sr. Cabaleiro.
       
A carpa do Revitaliza chega a Tui para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria
Tui, 18 de agosto de 2020. As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegaranse este xoves ao concello de Tui para falar de compostaxe coa veciñanza. Instalarase unha carpa na rúa Casal Aboy para informar sobre compostaxe comunitaria e doméstica e entregar compost á veciñanza.
As e os cidadáns que se acheguen poderán resolver dúbidas sobre a xestión dos residuos oránicos e do resto das fraccións e do punto limpo grazas explicacións do persoal técnico provincial. A intención é que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost. Entre outras das explicacións afondarase sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non.
As persoas asistentes, amais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, poderán recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…). As persoas que queiran levar unha mostra de compost tamén recibirán indicacións das posibilidades de uso para fertilizar as prantas.
O punto informativo que se instalará o xóves de 10 a 13 horas na rúa Casal Aboy (no recinto onde está ubicado o mercado municipal) leva percorrendo todos os ‘concellos Revitaliza’ da provincia dende o pasado ano. Ata o de agora o interese espertado foi moi alto, tanto no referido á compostaxe individual con composteiros de horta, como á compostaxe comunitaria en zonas de máis densidade de vivendas. De feito, hai zonas nas que hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para habilitar centros de compostaxe comunitaria.
As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.


Comunicado do goberno municipal sobre as obras de desmonte do acueduto de Caldelas
Tui, luns, 17 de agosto de 2020.  O equipo de goberno do Concello de Tui, presidido por Enrique Cabaleiro, quere realizar as seguintes precisións sobre as obras de desmonte do  acueduto sobre o río Caselas ao seu paso por Caldelas.
1º) Os traballos consisten na reparación e ampliación da escala de peixes experimental de PVC e móbil que se instalara no mes de agosto do ano 2018 apoiada sobre unha obra de paso do ferrocarril. A tal efecto obtivo autorización de Adif en 2018 e dende Adif sinalaron verbalmente, que ao ser o mesmo sitio non había que pedir unha nova autorización e pagar taxas novamente e que en principio se ían retirar e transportar ao almacén de Ponferrada pero dado o seu bo funcionamento, decidiuse mantela no río xa que foi resistindo as avenidas que foron chegando.
2º) O proxecto tamén contempla a retirada de dúas pilas, unha sobre o cauce e outra apoiada no talude da marxe dereita do río limitando cunha propiedade privada. As dúas pilas estaban unidas mediante un tubo de PVC que facía as veces de acueduto.
3º) A reparación foi necesaria debido a caída dunha árbore en marzo de 2019 que danou a escala e tamén derribou unha das dúas pilas que había no leito do cauce, cuxas pedras golpearon a escala e quedaron no cauce. A pila atopábase illada no cauce e podía caer en calquera momento xa que como pasou en marzo de 2019, cando caeu a outra que existía conxuntamente co  tubo de PVC polo golpe dunha árbore, si houbera alguén pescando ou no cauce, tería sido fatal. A que está a marxe dereita sobre o talude, ten o mesmo problema.
4º) Non fai falla autorización de Patrimonio Cultural porque as pilas non están catalogadas como Ben de Interese Cultural de Galicia e tampouco están incluídas no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En xullo de 2019 se consultou por correo electrónico a Patrimonio Cultural si as pilas existentes contaban con algunha figura de protección por parte de Patrimonio Cultural e se recibiu contestación indicando que non gozaban de ningún tipo de  protección, nin polos planeamentos urbanísticos municipais de Tui e Salvaterra de Miño, nin por estar incluído no Catálogo do Plan Básico Autonómico aprobado o 27 de agosto de 2018.
5º) O 27 de agosto de 2018 cando se aproba o Plan Básico Autonómico, inclúense os Muíños do río Caselas en Salvaterra de Miño dentro do catálogo de Patrimonio Cultural pero non as pilas do acueduto. O plan básico tamén aumenta o entorno de protección da Igrexa Vella que chega ata a zona de obra.
6º) Solicitouse e obtívose informe favorable por parte de Patrimonio Natural do Departamento de Conservación da Xunta de Galicia en data 30 de xullo de 2019.
7º) As obras se licitaron mediante contrato menor en abril de 2020 e se adxudicaron o 28 de maio de 2020.
8º) As pilas ademais están en Salvaterra de Miño non en Tui, aínda que se accede en tráfico de obra  dende Tui na súa meirande parte, polo que o Concello de Tui non pode dirixirse a Patrimonio Cultural por este asunto,  polo que tería que ser o Concello de Salvaterra que é onde se ubican as pilas.
9º) As obras están encadradas dentro do Proxecto Poctep Migra-Minho cuxo beneficiario principal é a Consellería de Medio Ambiente da Xunta, e  ten como socios ao Instituto de Conservaçao e das Florestas, a Axencia Portuguesa do Ambiente-ARH Norte, a Universidad de Santiago de Compostela, o CIMAR (Centro Interdisciplinar de Investigaçao, Marinha e Ambiente), a Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira e a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil.
10º) Todos os sillares da pila retirada foron transportados polo contratista a un almacén municipal do Concello de Tui.
11º) As obras non están sometidas a licencia municipal o a outros actos de control preventivo municipal, xa que a funcionalidade da obra afecta (a escala) a máis de un municipio (art.127.1 del TRLA)

A Policía Local rexistrou 3 alcoholemias positivas e propuxo 4 sancións á subdelegación do goberno na fin de semana
Tui, luns, 17 de agosto de 2020.  Tres alcoholemias positivas, 4 propostas de sanción á  subdelegación,  1 proposta de sanción por incumprimento da ordenanza de convivencia  cidadá, entre outras, foron as principais actuacións levadas a cabo esta fin de semana.
En materia de tráfico 3 condutores deron positivo no control de alcoholemia realizado por axentes da Policía Local o venres a noite. Un destes condutores deu un resultado positivo de 0,66 mg/l nunha primeira proba en aire expirado, e 0,58 mg/l na segunda, polo que foi proposto para sanción administrativa e lle inmobilizaron o vehículo. Os axentes levaron a cabo tamén un dispositivo de control de uso de sistemas de retención infantil, cinto e documentación de vehículos. O sábado ás 4.45 h interceptaron a un vehículo que circulaba en dirección contraria en Augusto Gonzalez Besada. O domingo á tarde colaboraron co 112 tras rexistrar dunha saída de vía na entrada da autovía en dirección Vigo.
A Policía Local na madrugada do venres ao sábado, ás 3.30 h tras recibir aviso do 112 acudiu a unha multitudinaria pelexa na Macoca. Os axentes solicitaron reforzos á Garda Civil, persoándose 3 patrullas, dúas da USECIC.
Tamén o sábado á tarde os axentes tiveron que mediar, tras ser avisado polo 112, nunha pelaxa familiar, na que non houbo incidentes de gravidade. E onte domingo ás 16.04 h foron requiridos tamén polo 112 para intervir noutro conflito familiar entre un fillo e unha nai.
O sábado ás noite, tras recibir queixas da veciñanza, axentes da Policía Local interviron nunha festa privada nunha vivenda, que aínda que contaba con autorización, está a incumprir a ordenanza en municipal de convivencia cidadá. Por este motivo e por desobediencia os efectivos policiais cursaron a correspondente denuncia.
Por outra parte o sábado ás 18.50 h efectivos da Policía Local desprazáronse até Sombraboa en Randufe, onde se rexistrou un conato de incendio. A súa vez deron aviso aos membros de Protección Civil de Tui que sufocaron o lume. Os axentes abriron dilixencias administrativas ante Medio Rural.
Amais durante a fin de semana Policía Local de Tui colaborou no control do tráfico para facilitar a celebración o sábado do Descenso Internacional do Miño.

O Teatro Municipal acollerá esta semana os eventos previstos na programación “Volvemos á rúa”
Tui. Luns, 17 de xullo de 2020. O Teatro Municipal de Tui acollerá esta semana os eventos previstos dentro da programación “Volvemos á rúa” ante a previsión de choiva que hai para os vindeiros días.  Tal e coma aconteceu xa onte co concerto de Roi Casal a actividade desenvolverase no Teatro con aforo limitado e protocolo de seguridade.
A primeira das citas será este mércores ás 21 h coa sección da madeira da Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto baixo a dirección de Eloy Carrera, O aforo está limitado a 100 persoas.
O xoves, tamén ás 21 h, a cita será coa danza co espectáculo “Baila con un vestido verde” da man de Pista Castro a Marta Alonso. O aforo aquí tamén é de 100 persoas.
Mentres o venres, ás 22 h, proxectarase a película de animación “Mascotas 2”. Neste caso a capacidade é para 150 persoas.
A entradas para estes espectáculos poden reservarse de forma gratuíta en enterticket.es até o mesmo día do evento ás 12 h ou até esgotar as prazas dispoñibles.


C21 solicita a mellora da circulación na Rúa Calzada

 
Tui, 16 de agosto de 2020.- O Concelleiro de C21 vén de solicitar por rexistro de entrada que o Goberno Local tome unha decisión sobre o tráfico na Rúa Calzada, sobre todo agora que se iniciará o curso escolar, habida conta dos atascos que se producen ao longo do traxecto da rúa en xeral, e máis na hora punta da entrada e da saída do Colexio Nº 1 ou dos pavillóns polideportivos.
O seu voceiro, José Palacín, di non entender que Goberno fixese tantas intervencións restritivas no centro, deteriorando os fluxos de tráfico e xerando atrancos, o cal afecta a calidade de vida, a imaxe e a economía de Tui de xeito negativo, pero que non buscase solución para un tramo no que si existían problemas circulatorios como é o da Rúa Calzada.  


A selección uruguaia de remo concéntrase dende o luns no Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo en Tui
Tui. Venres, 14 de agosto de 2020. A partir do luns, 17 de agosto, o Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Piragüismo e Remo de Tui acollerá a concentración  da Selección Nacional Uruguaia de remo, composta por seis deportistas e un adestrador. Permanecerán nestas instalacións ata o 12 de outubro, preparando a regata preolímpica clasificatoria para Tokio 2021. O río Miño, as instalacións de Tui e o alto nivel dos deportistas tudenses, fixeron que a Federación Uruguaia de Remo escollera esta opción, segundo explica o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. .
Ao longo do ano estas instalacións acollen concentracións de deportistas de diferentes modalidades deportivas, sobretodo de remo e piragüismo.
O centro está situado na rúa Olímpicos Tudenses, a carón dos centros municipais de remo e piragüismo. Amais hai unhas semanas ampliáronse os servizos que oferta coa apertura  dunha cafetería, tras ser licitada polo Concello de Tui. Deste xeito poden gozar deste servizo tanto os deportistas que adestran nestas instalacións, coma o público en xeral, así coma o peregrinos xa que se atopa nas inmediacións do inicio do Camiño Portugués de Santiago na cidade.
O Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Piragüismo e Remo de Tui (CETD - anteriormente Centro Interfederado), conta con ximnasio, dous vestiarios con jacuzzi e sauna, 6 galpóns para embarcacións, dúas habitacións con 24 prazas, unha sala de judo, unha oficina da concellería de Deportes, así como cafetería.
A instalación acolle os adestramentos do Club Remo Tui, do Judo Club Tudense, así como de distintos deportistas de alto nivel do Concello de Tui.


José Palacín solicita resetear o tráfico de Tui ao punto onde o deixara C21
Tui, 13 de agosto de 2020. O Concelleiro de C21, José Palacín, ven de solicitar por rexistro de entrada o reseteo do tráfico ata practicamente o punto onde o deixara Converxencia 21 no ano 2019.
Os liberais consideran que en Tui se ven xerando un caos circulatorio durante estes últimos meses debido as medidas restritivas que ven  implantado o Goberno Socialista dende o ano pasado, sendo a circulación cada vez mais atrancada, imbricada, complexa e antiintuitiva e o aparcamento cada vez mais escaso e alleo as necesidades dos viandantes e condutores.
Palacín pediu ao Concelleiro de Seguridade e ao propio Alcalde retornar aos sentidos de circulación anteriores ca excepción do sentido único de San Bartolomé e Arrayal, que non Palláns, e a Corredoira dende a Praza da Inmaculada cara o sur, polo tanto abrindo novamente o dobre sentido da Corredoira cara a O Porriño, (e de paso liquidando os horripilantes aparcadoiros dese tramo), tamén abogan por unha contrarreforma en Augusto González Besada e que se retorne a circulación no senso anterior na Rúa O Pilar.
Outras suxerencias de C21 son as de crear prazas de carga e descarga para repartidores e para minusválidos na propia Corredoira a fin de favorecer a hostalería, ao comercio e o acceso ao Casco Histórico, Concello e Policía Nacional e de modificar o emprazamento da parada de autobús da Rúa Ourense.   
Palacín sinala textualmente que: “Quedou demostrado empiricamente que os experimentos co tráfico so se poderán realizar a partir da apertura da Rúa Ourense pola cara norte, e por iso pido paciencia ao Goberno e que despois deste rotundo fracaso devolvan a solvencia en materia de tráfico rodado e de aparcamento a nosa cidade e polo tanto deixen de causar un dano irreparable a nosa calidade de vida e a nosa economía”.


C21 presentará no Pleno unha solicitude para eliminar tres puntos negros na Estrada PO - 404
Tui, 11 de agosto de 2020. O Concelleiro de C21, José Palacín, defenderá nesta sesión plenaria de xullo unha moción pola cal pide que a Corporación de Tui solicite a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia a intervención en tres puntos negros do percorrido da PO - 404 a seu paso pola demarcación de Tui.
A moción solicita a mellora do tramo entre o Km 3,120 e o 3,250 no seu transcurso polo regato de Paramos onde un valado e unha ponte supoñen un risco para os vehículos e a absoluta interrupción do tránsito peonil, unha segunda actuación se requiriría fronte a Casa Cultural Paramos onde os vehículos circulan a gran velocidade, e unha terceira, a máis ambiciosa, tería como obxecto liquidar o punto negro sito en Baños, en torno a Estación, Colexio O Pelouro  e CRA de Caldelas, presentándose un informe de actuacións urxentes.
C21 iniciou estas reivindicacións ao abeiro do seu Plan LOITA PO la 404,  e se ben o concelleiro do partido liberal recoñece a traxectoria positiva de investimentos da Xunta de Galicia en Tui, tamén faise eco desta necesidade de mellora dunha arteria que percorren os veciños de catro parroquias (Guillarei, Paramos, Baldráns e Caldelas) e que une Tui con Salceda de Caselas e Salvaterra).
Palacín afirma sentirse optimista cun posible apoio dos diferentes grupos a esta moción.    

O Concello de Tui prepara as instalacións deportivas municipais para o inicio da temporada
Tui. Martes, 11 de agosto de 2020.  O Concello de Tui ven realizando distintas labores de mantemento nas instalacións deportivas municipais pese a que o inicio da temporada dos deportes de equipo non está clara, debido a pandemia da Covid-19.
A semana pasada, unha empresa especializada, realizou o mantemento nos campos de céspede sintético de “O Foxo” de Caldelas, “Santa Columba” de Ribadelouro e no “Álvarez Durán” de Tui. Os labores consistiron na limpeza da superficie, aireación do revestimento, descompactación do caucho, pegado de xuntas e cepillado do céspede.
En próximas datas, serán os campos de céspede natural “Álvarez Durán” de Tui e “A Gándara” de Guillarei, os que reciban os tratamentos de pinchado e aporte de area, co apoio da Deputación de Pontevedra.
Estes labores de mantemento e os realizadas nos vestiarios e oficina do Campo Municipal de Fútbol “A Gándara” de Guillarei, xunto ás obras que se realizarán proximamente nos pavillóns municipais novo e vello, e  no Centro Municipal de Piragüismo, así como a reforma integral das Pistas de Tenis de Areas, que en breve estarán operativas, veñen a cumprir un dos obxectivos plantexados polo concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o de ter as instalacións deportivas municipais ao nivel dos clubs tudenses e dos seus deportistas.

C21  suxire ao Sr. Cabaleiro que  “si tan en desacordo está ca confiscación do remanente, se manifeste diante do Ministerio de Facenda”.
C21 solicita ao Sr. Cabaleiro que tome accións reivindicativas para defender o remanente de Tui ante o agravio da confiscación por parte do Goberno Central, precisamente en mans do seu partido, o PSOE.   
Palacín invita ao Sr. Alcalde de Tui a manifestarse diante do Ministerio de Facenda en Madrid e comprométese a acompañalo.
“O Sr. Cabaleiro (afirma Palacín) non iría so nin volvería inxuriado pola oposición como aconteceu co Sr. Padín na súa valente loita polo millón de euros do desentullo de Paramos, e si non pode facelo, polo menos que convoque aos alcaldes da contorna e organice unha acción reivindicativa común. Isto en cadea por toda España tería un efecto de fisión nuclear, pero moito me temo que o suposto clamor dos rexidores socialistas non resoará en Ferraz”.

C21 solicita o arranxo de varios elementos deteriorados ou perigosos nas zonas verdes do centro
Dentro do seu plan #TUISEGURO, C21 solicita a intervención sobre varios elementos deteriorados ou perigosos das zonas verdes da cidade.
Os dous primeiros por risco eléctrico na iluminación da estatua de Calvo Sotelo e nunha das farolas lindeiras o parque Álvarez Blázquez da que sobresaen uns cables pelados, unha terceira polo funcionamento defectuoso da fonte dos Xardíns de Troncoso que reborda a auga e enlamuxa os sendeiros, outra de inseguridade para os nenos no propio parque debido a que contra as gradas se eleva un borde afiado de cemento, e a última, se insiste con unha seria advertencia, do non valado da travesía de Alvarez Blázquez contra o precipicio das piscinas municipais, concretamente no lugar onde nin existen vallas e a única barreira son uns setos baixos e non moi densos.
C21 iniciará a campaña Tuiseguro nas parroquias en canto a situación sanitaria sexa máis propicia para realizar as prospeccións pertinentes.


En menos de 10 minutos esgotáronse as entradas para o autocine deste venres
Tui. Luns, 10 de agosto de 2020.  En menos de 10 minutos esgotáronse as 110 prazas dispoñibles para asistir á proxección de “Joker” este venres en autocine no aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica. Coma aconteceu xa tamén coa primeira proxección de autocine de “Grease” as entradas esgotáronse rapidamente. Precisamente o autocine é unha das novidades da programación cultural do verán “Volvemos á rúa” en Tui este ano.
Este mediodía abriuse a reserva de entradas para os catro espectáculos previstos esta semana a través da plataforma enterticket.es. Debido á pandemia da covid 19 hai establecido un protocolo con aforo limitado en cada evento, polo que é preciso realizar previamente a reserva de forma gratuíta e facilitar os datos de contacto.
Si quedan entradas dispoñibles para os outros tres espectáculos previstos.
O mércores ás 21 h na praza de San Fernando ofrecerá un concerto a sección de metal da Banda de Música Popular de Tui. Neste caso poderán asistir 120 persoas. Este é o terceiro dos concertos que banda tudense ofrece este verán na programación organizada polo Concello de Tui.
Xa o xoves, tamén ás 21 h, no Paseo da Corredoira actuará a compañía Ghazafelhos con “Acuario”. Este espectáculo está baseado no libro homónimo de poemas de María Canosa. O seu obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo dun xeito ameno e divertido con vistosos monicreques, e co humor e dinamismo dos actores Pepablo Patiño, Marisa Canosa e Montse Piñón.
Mentres o domingo ás 22 h á música chega á rúa Compostela co concerto “Son Galego, son Cubano”  que ofrecerá Roi Casal.  Este evento chega a Tui ao abeiro do programa Musical da Deputación de Pontevedra.
O Instituto Cubano da Música propuxo a Roi Casal un gran espectáculo entre Cuba e Galicia, tras recibir o artista galego o Premio Internacional Cubadisco 2014 na illa caribeña. Roi Casal traballou conxuntamente co escritor Neira Vilas, na concepción e elaboración deste proxecto internacional. No disco, gravado na Habana en Marzo de 2016, participaron os algúns dos mellores músicos cubanos como Pablo Milanés, Laritza Bacallao, Miguel Núñez, Osmani Sánchez, Jorge Jorge Leliebre, César López... e da parte galega, figuras destacadas como Nando Casal (Milladoiro) ou Carlos Calviño.   Este domingo chega a Tui dentro da programación Volvemos á Rúa. A capacidade está limitada a 290 persoas sentadas.
Amais dentro de Música na Rúa haberá pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos o sábado ás 21 h e do Grupo O Mosteiro de Pexegueiro o domingo ás 21 h.

A Policía Local de Tui rexistrou na fin de semana catro alcoholemias positivas
Tui. Luns, 10 de agosto de 2020.  Catro alcoholemias e unha proba por drogas positivas, dúas denuncias por non empregar a máscara, un vehículo atrapado  e unha actuación nun presunto caso de violencia de xénero foron parte das actuacións realizadas na fin de semana polos efectivos da Policía Local de Tui.
Por unha parte os axentes cursaron dúas denuncias a dúas persoas por non usar a máscara e non amosar a vontade de poñela. Amais con carácter informativo advertiron a outras persoas sobre o seu uso, realizando un control durante a fin de semana do emprego obrigatorio da máscara.
Por outra parte en materia de tráfico a Policía Local denunciou a catro condutores que circulaban cunha taxa de alcohol superior á permitida.  Unha das denuncias foi a unha condutora novel que deu unha taxa de 0,60 mg/l, superando en catro veces a permitida aos condutores con menos dun ano de carné.
Tamén en materia de tráfico os axentes auxiliaron a unha familia de turistas que ían pasar a fin de semana en Tui e camiño do hotel, segundo as indicacións do navegador, quedaron atrapados entre os muros de pedra nunha rúa. Un axente tras moitas manobras puido retirar o vehículo do lugar onde estaba atrapado, e posteriormente acompañaron á parella e aos seus fillo ao hotel onde tiña a reserva hostaleira.
Xunto coa Garda Civil a Policía Local acudiu na tarde do sábado a un presunto caso de violencia de xénero. Os axentes trasladaron á muller ao PAC de Tui mentres a Garda Civil detivo ao presunto agresor que se dera á fuga. A vítima presentou posteriormente denuncia no cuartel da Garda Civil.
Por outra parte o venres pola tarde a Policía Local acudiu a Malvas onde se rexistrou un lume forestal preto de vivendas. A rápida actuación da brigada forestal de Medio Rural, da Comunidade de Montes, dos veciños e dos axentes permitiu controlar o lume. Nas últimas semanas téñense rexistrado en Tui outros conatos de incendio en Pazos de Reis e Malvas, polo que dende o Concello se fai un chamamento a extremar as precaucións tendo en conta que estamos en época de alto risco de incendio forestal.
A Policía Local actuou tamén o sábado á tarde na Po-404 onde unha árbore cortaba a circulación no acceso á estación de tren de Guillarei.
Outras actuacións da fin de semana foron ante as chamadas dos veciños do conxunto histórico queixándose do ruído xerado polos locais de ocio nocturno, así coma por algunha festa privada no rural.


C21 presentará unha moción en contra da confiscación dos remanentes dos Concellos
Tui, 7 de agosto de 2021. O Concelleiro de C21, José Palacín, confirma que no próximo pleno, o de setembro, o seu partido presentará unha moción para elevar ao Goberno Central, solicitando que non se proceda a confiscación dos remanentes de tesourería tal como estipula o BOE do Mércores, 5 de agosto de 2020 e que suporá a liquidación masiva de investimentos a longo de tódolos municipios de España, e particularmente no de Tui.  
C21 tampouco descarta presentar paralelamente outra moción para que a  Corporación de Tui requira a dimisión de D. Abel Caballero ao fronte da Presidencia da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), por considerar os liberais tudenses, que, co seu voto de calidade, o Sr. Caballero desarmou orzamentariamente aos membros desa institución que precisamente representa.

Play-Doc abre el plazo de inscripción de un taller audiovisual para capturar y reflexionar sobre el tiempo presente
Tui, 7 de agosto de 2020. La crisis provocada por el coronavirus está transformando la vida cotidiana, las pautas de comportamiento y el modo en que nos relacionamos los unos con los otros. Play-Doc quiere contribuir al registro de este momento histórico a través de este taller audiovisual, valiéndose de la extraordinaria capacidad que tiene el cine para capturar el momento presente, retratar y construir una memoria colectiva en la que se pueden compartir vivencias a través de imágenes y sonidos.
Bajo el título En primera Persona: Un Retrato Colectivo, este taller audiovisual invita a los vecinos de Tui y de la comarca a explorar su propia visión de este tiempo que nos ha tocado vivir, animando a cada participante a realizar una breve pieza audiovisual en la que retrate, exponga o reflexione acerca del modo en que toda esta situación está cambiando la manera en que nos relacionamos con nuestro entorno, nuestros vecinos y nuestra comunidad.
A lo largo de los meses de agosto y septiembre de 2020, los participantes trabajarán en esta obra coral, en la que reflexionarán acerca de su propia experiencia, tejiendo juntos un valioso entrelazado de pequeñas historias personales y colectivas. Durante todo el proceso de creación, los participantes contarán con el seguimiento, asesoramiento, colaboración y apoyo del cineasta Eloy Domínguez Serén, reconocido y multipremiado realizador gallego que cuenta con una notable trayectoria internacional, en la que destacan títulos como Hamada o No Cow on the Ice.
El taller dará comienzo con una jornada de visionado en grupo durante la última semana de agosto, en la que los participantes podrán descubrir la obra de distintos cineastas, conocer los diversos modos en los que se expresan, y contar así con referentes que puedan resultar útiles para la realización de sus propias piezas.
Las películas resultantes no superarán los 3 minutos de duración y podrán elaborarse utilizando cualquier formato de grabación, desde teléfonos móviles hasta cámaras profesionales. Las obras finalizadas se presentarán dentro del marco de la celebración de la decimosexta edición de Play-Doc que tendrá lugar en Tui del 23 al 27 de septiembre.
Inscripción. Este taller está abierto a todo tipo de participantes de todas las edades. No es imprescindible experiencia previa ni tampoco formación audiovisual. Los que deseen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com con el ‘asunto’: TALLER PLAY-DOC, e indicando nombre completo y teléfono de contacto.
El plazo de inscripción permanecerá abierto hasta el día 20 de agosto. Se establece un máximo de 10 plazas. La organización del festival se pondrá en contacto con todos los inscritos y una vez finalizado el plazo anunciara los participantes seleccionados


O programa Muller Tui impartirá nove obradoiros en agosto e setembro
Tui, mércores, 5 de agosto de 2020.  Está aberto o prazo de inscrición para os dous primeiros obradoiros que se van impartir dentro do Programa Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e en situación de vulnerabilidade “Muller Tui”.
Serán un total de nove accións formativas a celebrar neste mes de agosto e o de setembro orientados a mellorar a autoestima e a autoconfianza das mulleres e a dotalas dos recursos necesarios para mellorar  a súa participación social e laboral:
A primeira das actividades terá lugar o próximo martes, 11 de agosto, de 10 a 12 h co título de “Obradoiro de autocoñecemento”. Correrá a cargo da psicóloga experta en igualdade Mónica Novás. As prazas son limitadas polo é preciso inscrición previa no correo muller@tui.gal e nos teléfonos 664 552 493 e  687 227 190.
Xa o venres 14 impartirase o taller “Autocoidado e Empoderamento”.
As mulleres interesadas poden inscribirse nestes obradoiros no correo muller@tui.gal e nos teléfonos 664 552 493 e  687 227 190.
O calendario previsto de obradoiros é o seguinte:
·         Martes, 11 de agosto, de 10 a 12 h Obradoiro de autocoñecemento
·         Venres, 14 de agosto, de 10 a 12 h Autocoidado e Empoderamento
·         Venres, 21 de agosto, de 10 a 12 h Sexualidade
·         Venres, 4 de setembro, de 10 a 12 Obradoiro "A actitude Multiplica"
·         Venres, 11 de setembro, de 10 12 h Dereitos e recursos que asisten ás vítimas de Violencia de Xénero
·         Venres, 18 de setembro, de 10 a 13 h Obradoiro Ideas de Negocio. Emprendemento
·         Martes, 22 de setembro de 10 a 12 Mercado laboral oportunidade de emprego
·         Xoves, 24 de setembro de 10 a 13 h Novas tecnoloxías na procura de emprego
·         Venres 25 e martes 29  de setembro de 9 a 14 h Módulo de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres
Cómpre lembrar que o programa “Muller Tui” está dirixido a mulleres tanto vítimas de violencia de xénero como a todas aquelas que se atopen en situación de vulnerabilidade: mulleres desempregadas, con baixa cualificación, con discapacidade, menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, migrantes, con responsabilidades familiares non compartidas, etc. e que precisen unha atención e asesoramento especializado.
.

O concello de Tui lamenta o pasamento de Luís López Pimentel, presidente do Club Hípico Equigalia
Tui. Luns, 3 de agosto de 2020.  O Concello de Tui quere expresar as súas condolencias polo pasamento esta fin de semana de Luís López Pimentel, presidente do Club Hípico Equigalia. Dende o Concello quérese enviar unha mensaxe de apoio e cariño á súa familia, amigos e membros do club.
Luís López Pimentel desenvolveu nos últimos anos un importante labor coma presidente do Club Hípico Equigalia así coma director do Centro Hípico Equigalia, promocionando o deporte da hípica no municipio. Amais nos últimos anos colaborou tamén no desenvolvemento das feiras cabalares de San Telmo e San Bartolomeu. A súa é unha gran perda para o deporte tudense e para o concello de Tui, destacando sempre polo seu valor coma persoa e coma profesional.
.
Música, novo circo e cinema esta semana na programación Volvemos á rúa
Tui. Luns, 3 de agosto de 2020.  Esta semana prosegue a programación cultural “Volvemos á rúa” con novas propostas de música, novo circo e cinema.
A música será a primeira das propostas desta semana co pasarrúas que o mércores, dende ás 21 h, ofrecerá a charanga tudense A Tu Ritmo. Amais na fin de semana, a partir das 21 h, continúan os pasarrúas o sábado co grupo folclórico Inquedanzas da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis e o domingo co grupo folclórico San Fins de Rebordáns.
O xoves, ás 21 h chega ao Paseo da Corredoira un espectáculo de novo circo dirixido a público familiar dende os 2 anos. Sempre Arriba con Marta Iglesias convida nesta obra, “C’est pas possible”, a saír da rutina e gozar con aquilo que nos gusta. A capacidade está limitada a 100 espectadores.
O venres será novamente a quenda do cinema ao aire libre coa proxección de “Peter Rabbit”. Será ás 22.15 h no Paseo Fluvial con capacidade para 300 persoas.
Para estes espectáculo do xoves e do venres dende este mediodía está xa activa a reserva de entradas en enterticket.es. Pódese realizar a reserva até o día do espectáculo ou até esgotar as prazas dispoñibles.
Cómpre lembrar que nestes espectáculos desenvolvese un protocolo de seguridade ante a situación de pandemia pola COVID19. Deste xeito o aforo está limitado, realízase unha distribución de cadeiras gardando a distancia de seguridade. Os espectadores non poderán mover a cadeira nin cambiar de cadeira unha vez accedan ao recinto, e deberán levar en todo momento a máscara e permanecer sentados. Nos accesos deberanse desinfectar as mans con xel hidroalcohólico, e seguirase o percorrido indicado.
.
Operativo especial da Policía Local na fin de semana para evitar os botellóns
Tui. Luns, 3 de agosto de 2020.  A Policía Local de Tui desenvolveu esta fin de semana un operativo especial para evitar a celebracións de botellóns. O venres á noite os axentes disolveron varios botellóns en diferentes puntos do centro urbano.  O sábado volveron actuar disuadindo da celebración de botellóns noutros puntos da cidade.
Amais esta fin de semana os axentes realizaron oito propostas de sanción polo non uso de máscara tal e coma establece a normativa, 5 delas o venres pola noite e tres o sábado.
Por outra parte ás 3.43 h da madrugada do  sábado ao domingo denunciouse administrativa á persoa que conducía un vehículo tras dar positivo no control de alcoholemia en 0,58 mg/l en aire expirado.
Tamén na madrugado do sábado ao domingo foron identificadas catro persoas involucradas nunha pelexa, e foron propostas para sanción por alteración da orde pública.
Por último onte domingo, pasadas ás sete da tarde axentes da Policía Local colaboraron con outros corpos de seguridade e sanitarios tras rexistrarse un accidente na Po-304  Tui-Gondomar. Tratouse dunha colisión frontolatera entre un turismo e unha motocicleta. Resultaron feridos de gravidade os ocupantes da motocicleta que foron trasladados a un centro hospitalario de Vigo.
.

Medio Ambiente destinará máis de 65.000 euros a promocionar o turismo sostible e os valores naturais do monte Aloia
Tui, 1 de agosto de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental no parque natural do Monte Aloia (Tui) por un importe total de 65.143,38 euros, IVE incluído.
A finalidade principal desta actuación, cofinanciada nun 80% a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia.
De feito, o contrato licitouse o pasado mes de marzo dividido en seis lotes: un por cada un dos seis parques naturais existentes en Galicia. Da prestación do servizo de promoción e divulgación dos valores do Monte Aloia encargarase a empresa Oficina Técnica Demontes SLU, que acaba de resultar adxudicataria do contrato por un período de 24 meses.
Entre as actividades que terá que desenvolver para acadar este obxectivo figuran campañas, actividades e obradoiros de educación, sensibilización e divulgación ambiental, conservación da natureza e Rede Natura 2000 que se impartirán fundamentalmente no Centro de Visitantes do Monte Aloia, en Tui, coñecido como Casa Forestal Enxeñeiro Areses.
Cómpre precisar que este tipo de instalacións, pertencentes á Xunta, están localizadas en lugares estratéxicos dos parques naturais e contan cun conxunto de equipamentos que responden ás necesidades do público que acode ao lugar en busca de información de interese sobre o espazo natural e os seus valores, polo que resultan idóneos para albergar estas accións. En todo caso, a empresa responsable do servizo tamén poderá realizar algunhas das actividades previstas no contrato en colexios, institutos ou centros sociais localizados no propio concello no que se localiza o parque ou noutros puntos da comunidade.
Unha rede con máis de 40.000 hectáreas
A Rede de Parques Naturais de Galicia conta cunha extensión de 40.661,8 hectáreas e está integrada actualmente polos seguintes espazos protexidos: Monte Aloia; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Baixa Limia Serra do Xurés; Invernadeiro; Serra da Enciña da Lastra; e As Fragas do Eume. Todos eles teñen en común que foron declarados no seu día parque natural, ademais de pertencer á Rede Natura 2000.
Os nove centros de visitantes e puntos de información dos parques galegos ofertan toda unha serie de actividades didácticas e interpretativas que se complementan con visitas e itinerarios, ás veces guiados, polo propio espazo natural. Con todo, segue detectándose certo descoñecemento entre a poboación tanto da Rede Natura 2000 como da rede galega de espazos protexidos en cuestións relativas á súa finalidade, aos beneficios que proporcionan aos cidadáns ou a como se pode contribuír á súa preservación.
Por iso e no exercicio das competencias que ten atribuídas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en materia de conservación, protección e promoción dos parques naturais, considerouse necesario licitar este servizo co obxectivo de aumentar o coñecemento da sociedade acerca do seu potencial para impulsar un turismo de natureza sostible e xerador de emprego e riqueza, dos beneficios ambientais que proporcionan e da súa importancia clave como recurso de desenvolvemento económico da poboación local, ao tempo que contribúen a xerar unha maior concienciación ambiental pola vía educativa.
Deste xeito, o resultado que se pretende acadar durante os dous anos de execución inicialmente previstos no contrato é triplo: mellorar o coñecemento dos parques naturais de Galicia e da súa Rede Natura 2000; enriquecer a oferta de uso público dos parques mediante a potenciación do seu atractivo turístico; acadar unha maior sensibilización ambiental da sociedade galega en xeral e dos visitantes destes espazos, en particular; e incrementar o número de visitas aos parques naturais como mecanismo que contribúa tamén á reactivación económica das súas áreas de influencia.
O primeiro parque natural de Galicia
Declarado en 1978, o Monte Aloia, con apenas 746 hectáreas, foi o primeiro parque natural de Galicia. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro.
As súas particulares características fan que o seu Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) –aprobado a comezos deste ano- se fixe o reto de ampliar a proxección deste espazo natural cara á sociedade. Así, aspira a convertelo nun exemplo de xestión da auga e dos hábitats asociados, xa que no Aloia nacen cinco correntes fluviais e tamén é unha zona de recarga de acuíferos.
Na mesma liña, resalta o potencial deste parque para postularse como un espazo no que se desenvolven modelos de explotación silvícola do monte comunal que, ademais de rendibles e sostibles, tamén poden ser compatibles coa conservación da biodiversidade. Ademais, planifícanse medidas orientadas a restaurar os hábitats naturais do monte, contribuíndo a diminuír o risco de incendios e incrementar a resiliencia do conxunto fronte ao lume.
.
José Palacín: O Sr. Alcalde de Tui está a pecar de falta de estética no caso “Pousa do Bispo”
Tui, 02 de agosto de 2020. O Concelleiro de C21, José Palacín, lamenta que o Sr. Alcalde de Tui, D. Enrique Cabaleiro, estea a adoecer de falla de estética no trámite do expediente relacionado ca urbanización Pousa do Bispo.
Palacín afirma que: “Cando existe un conflito de intereses, como é neste caso, un político debe actuar con absoluta transparencia, e no trámite do expediente da Pousa do Bispo o noso máximo representante careceu dos mínimos estándares de diafanidade cando presentou por urxencia e sen acompañamento da documentación pertinente a dotación de crédito con cargo a remanente para recepcionar esta Urbanización”.
Do mesmo modo, o concelleiro do partido liberal queixase de que non se lle facilitou a información solicitada xa fai un mes referente ao mercado ou que non se lle contestara cando preguntou en Sesión Plenaria polo custe do fío musical.
“A metamorfose deste Goberno comeza a ser preocupante - afirma Palacín - pero dende C21 non vamos a destruílas pontes do diálogo con declaracións incendiarias, seguimos abertos a negociar e manteremos indefectiblemente a nosa liña de aportar ideas en clave construtiva”.
.

Tui pon en marcha un programa integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e en situación de vulnerabilidade
Tui. Venres, 31 de xullo de 2020.  O Concello de Tui vén de pór en marcha un Programa Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e en situación de vulnerabilidade denominado “Muller Tui”.
A súa presentación tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Díz, xunto á traballadora social e as dúas técnicas do programa.  Asistiron membros da corporación municipal xunto a axentes sociais e representantes de distintas asociacións.
Na presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou o compromiso inequívoco do Concello de Tui coa igualdade destacando que por vez primeira se vai pór en marcha no municipio un programa integral para muller.  
A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, destacou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste programa co que dende o Concello se dará “resposta ao que nos parece que é unha clara necesidade das mulleres de Tui: unha atención especializada que teña en conta a desigualdade estrutural que aínda hoxe en día podemos percibir en tantas facetas da nosa sociedade respecto das mulleres polo simple feito de seren mulleres, e que esta pandemia viu a pór aínda mais de manifesto”. Amosou o seu convencemento en que as mulleres tudenses “o saberán aproveitar  e será un gran paso na mellora do seu benestar, na dos seus fillos e por ende na da sociedade en xeral, comenta  Dª Ana Núñez, concelleira de Igualdade.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou a necesidade de poder contar cun este programa específico dirixido ás mulleres.
A coordinadora dos Servizos Sociais, Carmen González, sinalou a importancia deste día pola posta en marcha dun servizo que “permitirá traballar en conxunto e prestar unha atención global”. Silvia…, a asesora xurídica de Muller Tui apuntou que prestarán unha atención especializada en todos os aspectos, e psicóloga Mónica , aludiu a atención psicolóxica especializada que se vai prestar grazas ao programa.
O programa integral Muller Tui ten por obxectivo brindar un servizo de asistencia psicolóxica e asesoramento xurídico, pero tamén laboral e social a mulleres do Concello de Tui. Tamén busca impulsar a creación dunha rede de mulleres que, con acceso a estes recursos, sexan quen de mellorar a súa situación e proxecto vital e desenvolver a súa autonomía.
O programa está dirixido a mulleres tanto vítimas de violencia de xénero como a todas aquelas que se atopen en situación de vulnerabilidade: mulleres desempregadas, con baixa cualificación, con discapacidade, menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, migrantes, con responsabilidades familiares non compartidas, etc. e que precisen unha atención e asesoramento especializado. Respectará sempre a vontade das persoas usuarias e terá en conta os distintos perfís das mulleres participantes e en todo caso aplicando a perspectiva de xénero e a realidade posta de manifesto tras a emerxencia  sanitaria derivada da Covid 19.
As mulleres interesadas poden solicitar este servizo no correo muller@tui.gal e nos teléfonos 664 552 493 e  687 227 190.
Amais do servizo de asistencia psicolóxica e asesoramento xurídico o programa impartirá 9 obradoiro de formación durante o mes de agosto e o de setembro. Terán por obxecto mellorar a autoestima e a autoconfianza das mulleres e dotalas dos recursos necesarios para mellorar  a súa participación social e laboral.
O programa conta co financiamento da Xunta de Galicia  a través da Secretaría Xeral de Igualdade e é confinanciado pola Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e polo Concello de Tui.
.

Regreso al contenido