Tui, 30/05/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, 30/05/20

COMARCA
Este mércores 1 de xullo abriranse os parques infantís
 
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Este mércores, 1 de xullo, abriranse os parques infantís ao longo do municipio de Tui cumprindo as medidas de seguridade establecidas debido á pandemia da COVID-19.  Explican dende a concellería de Parques e Xardíns que na tardanza na apertura dos parques primou en todo momento a seguridade dos usuarios, e axustarse á nova normativa en vigor.
 
Así o Concello de Tui colocou nos parques infantís cartelería informativa coas medidas a cumprir coma o uso obrigatorio de xel hidroalcohólico no acceso, para o que foron instalados dispensadores deste produto. Amais débese gardar a distancia social de metro e medio nas zonas comúns, poderá haber un máximo de dous nenos por xogo infantil e un máximo de 2 persoas por banco público. Segundo a nova normativa publicada o sábado no DOGA deberá haber só unha persoa por cada 3 metros cadrados. Amais o Concello, tal e coma recolle a normativa da nova normalidade, realizará unha desinfección diaria de cada parque infantil, para o que contratou a unha empresa externa, destinando a este cometido unha partida de 20 mil euros.
 
Todas as medidas implantadas son financiadas con fondos propios.
 
Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía para realizar un uso responsable destas instalacións.
 
Por outra parte o Concello de Tui está traballando na mellora dos vinte parques infantís existentes no municipio, tomando coma punto de partida o traballo previo realizado polo anterior equipo con fichas individualizadas sobre a situación de cada instalación e as deficiencias que presenta.
 
Durante o estado de alarma con medios propios procedeuse ao acondicionamento das instalacións dos parques infantís de Sobredo e Caldelas, e cunha empresa externa acondicionouse o do Penedo. Traballos que están xa rematados.
 
Mentres continúan a executarse por parte de empresas externas especializadas arranxos no parque infantil situado no Paseo Fluvial.
 
No que respecta á parte baixa do parque infantil dos Xardíns de Troncoso foron retirados os elementos de xogo, que están a ser restaurados por persoal municipal. Farase un pequeño reacondicionamento da zona á espera do resultado do estudo realizado para coñecer as causa dos afundimento que presenta o muro, e en función dos resultados contratar o proxecto e obra de adecuación. Posteriormente nesta zona habilitarase unha zona xogo  para nenos e nenas de 0 a 5 anos.  Colocarase céspede artificial, dúas porterías, unha canasta de baloncesto, dous balancíns e unha mesa de xogo de 3 en raia con dimensións axeitadas para nenos de 0 a 5 anos a quen irá destinada esta área.
 
Esta semana comezan as obras de acondicionamento do parque infantil situado no CEIP de Rebordáns, financiadas con fondos da Deputación de Pontevedra. Tamén con fondos provinciais, executaranse arranxos no parque infantil da aula de Bornetas do CRA Mestra Clara Torres, no parque e área de recreo en Areas, e no parque infantil da Gándara en Guillarei. Os elementos antigos desta instalación serán restaurados para poder ser empregados noutros parques tal e coma recollen os pregos de licitación. Nestas actuación prima o disfrute dos máis pequenos con elementos inclusivos, e a instalación de biosaudables para que o recinto poida ser empregado por toda a familia.
 
Noutros puntos, coma en Ribadelouro, debido ao mal estado dos elementos do parque infantil foron retirados os xogos e serán en breve colocados outros. Mentres o Concello continua a redactar novos proxectos de acondicionamento dos parques infantís, traballando ao tempo no seu financiamento con fondos propios ou doutras administración, para poder contar coa véntena de parque infantís nas mellores condicións de uso e disfrute.

 
 
Ampliado até o 5 de agosto o prazo para solicitar as axudas da ARI
 
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Até o 5 de agosto ampliouse o prazo de presentación de solicitude de axudas para reformas, rehabilitación, mantemento e mellora das vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral de Tui.  O prazo rematara inicialmente o 19 de maio, pero tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse ampliar o mesmo en case dous meses máis.
 
As persoas interesadas poden descargar o impreso de solicitude en http://www.tui.gal/gl/axudas-na-ari, solicitalo por correo en ari@tui.gal, ou recollelo persoalmente na oficina da ARI solicitando cita previa.  Pódese ampliar esta información  no 986 60 36 25 ext. 34 os martes de 9:00 a 14:00 ou no correo ari@tui.gal.
 
Esta axudas están reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
 
As actuacións subvencionables son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións...). Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor, salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles...). Tamén se poden beneficiar destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.

 
 
Inaugúrase a exposición antolóxica de Darío Álvarez Gándara “Amenceu outra vez”.

 
Tui. Luns, 29 de xuño de 2020.  Mañá martes, 30 de xuño, ás 20.30 horas terá lugar a inauguración da exposición antolóxica de pintura do médico tudense Darío Álvarez Gándara (1936-2015)  “Amenceu outra vez”. Trátase dunha selección das súas obras que foi escollida polos seus fillos, herdeiros do seu legado, que comparten agora cos tudenses a faceta creativa do seu pai que nunca tiña divulgado.
 
Darío Álvarez Gándara forma parte da terceira xeración de médicos tudenses, iniciada polo seu avó Darío Álvarez Limeses e continuada polo seu pai, Darío Álvarez Blázquez; unha familia entrañablemente vinculada á cidade de Tui ao longo do último século.
 
A exposición está integrada por 22 óleos e máis de trinta debuxos complementados con fotografías e outras obras menores que ofrecen aos visitantes unha perspectiva completa da obra de inspiración surrealista que, ao longo da súa vida, foi elaborando o cardiólogo tudense.
 
A mostra comisariada polos seus fillos Carlota e Darío Álvarez Basso estará  aberta na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o vindeiro 8 de agosto.
 
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a celebración desta exposición permitirá aos tudenses achegarse á obra de Darío Álvarez Gándara dotada dunha grande sensibilidade e capacidade de comunicación.
 
Biografia de Darío Álvarez Gándara
 
(Tui, 1936-Nigrán, 2015)        
 
Darío Álvarez Gándara, naceu en Tui (Galicia) en 1936. Fillo do médico tudense Darío Álvarez Blázquez e da tamén tudense Carmen Gándara Fernández, nace en Tui no seo dunha familia de médicos, escritores e intelectuais presente en numerosos feitos da vida social, cultural e política da cultura galega.
 
Desde moi pequeno, tivo unha dura infancia sementada de doenzas (tuberculose ósea nun pé), difteria nun ollo e un grave episodio de quirófano. Quizais daqueles duros anos naceu a súa enorme arela de vivir.
 
Logo da Guerra civil, en 1942, a familia Álvarez Blázquez trasladouse para vivir en Vigo, distanciándose do escenario do fusilamento de seu pai, o tamén médico, Darío Álvarez Limeses, que ocorrera o 30 de outubro do 1936.
 
En Vigo, estudou no colexio Mezquita e no instituto Santa Irene. Comezou os seus estudos de medicina en Santiago de Compostela. Pouco despois, coñece á que será a súa muller, a venezolana Gisela Álvarez Basso; logo de casar en 1959, pasan a vivir en Caracas, graduándose na Universidade Central de Caracas, en 1963. Nese ano, trasládase a Madrid, pasando por México, para realizar a especialización en cardioloxía, en México coa Dra. Victoria de la Cruz, que completa en Madrid, con Gómez Barros e co eminente cardiólogo Pedro Zarco. Unha vez concluída a especialidade, regresou a exercer como cardiólogo no Hospital Vargas de Caracas. Viviu en Venezuela case 11 anos.
 
En 1969, volveu a vivir en Vigo, definitivamente, con toda a súa familia, onde desenvolveu a súa profesión e foron criados os seus fillos, María Gisela (na sanidade pública), Carmen Cristina (no Banco Interamericano de Desarrollo en Washington), Carlota Inés (xestora cultural de renome) e o pintor Darío Álvarez Basso.
 
Regresado a España, comezou a traballar como médico. En 1975, gañou por oposición praza de médico adxunto, especialista en corazón e pulmón no Servizo de Medicina Interna do H. Xeral de Vigo onde traballou ata o ano 2000. No dito hospital creou o Servizo de Hospitalización Domiciliaria. Foi presidente da Sociedad Gallega de Cardiología e vicepresidente do Colexio Médico de Pontevedra.
 
Darío foi un excelente pintor; era esta a súa verdadeira paixón: “A pintura non é para min un hobby… é unha necesidade vital”. Nos seus primeiros anos, o seu estilo pictórico pode estar cerca do impresionismo, inda que logo se internou no simbolismo e no surrealismo, liñas que non abandonará. Grava en linóleo, utiliza acuarela, témpera, acrílico, ceras, óleo… Pinta paisaxes, retratos, figuras…Nunca expuxo en vida pero participou con obra en dúas exposicións colectivas no Hospital Xeral de Vigo. En 1999, gañou o primeiro premio no Concurso de Pintura do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.
 
Tamén tivo un forte compromiso político con Galicia. En 1963, integrouse no Consello da Mocidade e logo foi cofundador do Movemento Socialista de Galicia, que se incorporou ao Partido Socialista Galego en 1976. O seu compromiso coa loita política partidaria durou desde 1958 ata xuño de 1977.
 
Unha vez xubilado, lanzouse a escribir “por lealdade filial”, seguindo o camiño trazado polo seu pai, publicando en Edicións do Cumio dúas novelas policiais en galego cuxo protagonista era o “Doutor Lázaro Evia” (que fora o pseudónimo do seu pai para aquel xénero): "Sireno” 1993 e "O fracaso de Lázaro Evia" 1996. En castelán publicou en Amazon “El Crimen Póstumo del General Franco” (2015).
 
Autor de múltiples artigos de opinión publicados na prensa local, foi colaborador habitual durante varios anos do xornal “Atlántico Diario”, onde inseriu preto de 1.000 “Manchetas” satíricas baixo o pseudónimo de “Donda”. O conto titulado “El Interventor” gañou en 1993 un accésit outorgado pola revista “Previsión Sanitaria Nacional”.
 
Darío Álvarez Gándara deixou un profundo calco de bonhomía, un grande recoñecemento como cardiólogo, tanto na medicina privada como na pública, e unha lembranza de simpatía e creatividade sen límites.
Regreso al contenido