Tui, 26/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tui, 26/06/20

COMARCA
Tui da un paso máis para a rehabilitación do Teatro Principal coa presentación do anteproxecto de César Portela

Tui. Xoves, 25 de xuño de 2020.  Esta mañá presentouse na aula CeMIT na Área Panorámica o anteproxecto de recuperación do Teatro Principal de Tui. O acto fíxose coincidir coa conmemoración da celebración dos Primeiros Xogos Florais de Galicia que tiveron lugar neste teatro o 24 de xuño de 1891, foi daquela o primeiro acto público celebrado integramente en galego.
A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e do arquitecto César Portela, autor do anteproxecto.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou dando as grazas ao arquitecto César Portela por aceptar o encargo de realizar este anteproxecto que “é o primeiro paso a dar cara á rehabilitación deste edificio tan emblemático da nosa cidade”. Lembrou o rexedor que en 1980 César Portela recibira o encargo de redactar un proxecto para rehabilitar este edificio por parte da Dirección Xeral de Arquitectura Vivenda e Solo.
Enrique Cabaleiro indicou a vontade do goberno municipal de rehabilitar este inmoble que “forma parte do noso legado cultural e patrimonial, é un sinal de identidade desta cidade, é un sinal de identidade da nosa cultura, e da cultura do noso país”. Nese senso apuntaba que non ten cabida nestes momentos o debate sobre a súa rehabilitación ou non, e lamentaba a situación de ruína na que se atopa o edificio en pleno corazón do conxunto histórico.  A recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros, polo que explicaba o alcalde que “o Concello de Tui por si so non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación”. Por iso avanzaba que  iniciarán contactos coa administración provincial, autonómica e estatal, para lograr os fondos precisos.  Explicaba que o Concello poderá asumir aquelas actuacións máis urxentes coma o desentullo ou o realización de catas para coñecer a situación do terreo.
O concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, destacou que a presentación do anteproxecto fíxose coincidir coa celebración dos Xogos Florais en 1891. Aludiu amais ao inicio do proxecto de recuperación do teatro nos anos 80, e como agora se adaptou á normativa vixente o proxecto redactado en 1986.

O arquitecto César Portela comezou a súa intervención lembrando que coñeceu o Teatro Principal de Tui de neno, cando viña ata Tui dende Pontevedra co seu pai, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, para asistir aos actos que aquí se celebraban. Xa coma arquitecto recibiu a encomenda do proxecto de rehabilitación nos anos 80, e agora volve atoparse con este histórico edificio. Debido aos cambios na normativa, tivo que revisar e adaptar o anteproxecto e incorporou coma novidade unha cafetería-mirador sobre o Miño. Explicaba que o anteproxecto presentado da resposta as necesidades plantexadas de teatro, cine, usos múltiples… tendo en conta a súa ubicación e a súa historia
Ao longo de tres andares - soto, primeiro andar e segundo andar - configúrase a distribución do edificio. Conserva o teatro con capacidade para 200 persoas entre o patio de butacas e dúas plateas, adaptado as condicións actuais.  Tanto na primeira coma na segunda planta irán salas de usos múltiples, algunha delas coa posibilidade de ser dividida segundo as necesidades.  Recolle o deseño de César Portela unha galería con vistas ao río na fachada posterior, accesible tanto dende a cafetería coma dende as salas de usos múltiples. Un lucernario permitirá dar luz natural a todos os andares.
O proxecto inclúe tamén a reforma da praza de Fromista  creando un conxunto plaza-teatro-mirador, chamado a converterse nun dos lugares destacados da cidade histórica.
Regreso al contenido