Tomiño - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño

COMARCA
Tomiño abrirá o novo ano con “Autocine”
Tomiño, 30 de decembro de 2020. Para comezar o novo ano 2021 temos “Autocine” co clásico de Nadal “So en casa”, o sábado 2 de xaneiro, ás 20h, na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese desde o interior do vehículo. Esta actividade foi solicitada polos mozos e mozas de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, petición que foi atendida polas concellarías de Mocidade e Cultura.
En todas as actividades é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986 62 20 01 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal
 

O Concello de Tomiño agradece a Protección Civil o seu traballo durante o 2020

Tomiño, 28 de decembro de 2020.- O Concello de Tomiño quixo agradecer aos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil o seu gran traballo desinteresado en favor da veciñanza do concello de Tomiño.
Tradicionalmente o goberno municipal organiza coa agrupación unha cea anual como forma de agradecemento polo seu labor, mais a pandemia actual impediu que o acto fose posible este ano. No seu lugar a alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Isamael Troncoso, entregaron uns vales de agasallo para gastar no comercio local do municipio, un sector que desde o Concello tamén consideraron prioritario apoiar este Nadal.
Desde a institución reiteran a importancia que ten o labor realizado pola agrupación, especialmente nun ano complicado coma o actual. Os voluntarios desempeñaron un papel fundamentar en labores relacionadas coa pandemia como a entrega de medicamentos e alimentación ás persoas maiores, axudando a controlar o acceso e a mobilidade de persoas en probas e eventos deportivos ou desenvolvendo labores asistenciais en accidentes de tráfico e incendios, entre moitos outros.
  

O Partido Popular de Tomiño solicita ao goberno local que renuncie á decisión de pechar a Avd. Ordóñez de Goián
Tomiño, 26 de decembro de 2020. O portavoz municipal do Partido Popular de Tomiño, Esteban González Miranda, comunica que o PP tomiñés vén de presentar unha moción que será levada no próximo pleno municipal que se celebrará este martes 29 de decembro.
Coa dita moción pretendemos facer ver ao goberno local do BNG que é inviable eliminar o acceso principal ao centro de Goián e que perxudicará gravemente aos comerciantes da localidade, que se senten enganados despois de que unha vez empezasen as obras de humanización da praza Pintor Antonio Fernández atópanse coa sorpresa de que a intención do goberno local é peonalizar a vértebra principal da parroquia goianesa, afirma Esteban González.
Coa crise económica que estamos a sufrir e que se agravará nos próximos anos non podemos dificultar o acceso ao comercio local e sobre todo crear unha incerteza aos autónomos que barallan en abandonar a súa actividade no centro de Goián. Hai que ter en conta que o comercio de Goián tamén sobrevive pola clientela de parroquias próximas, como tamén do concello veciño do Rosal, e que con estas decisións unilaterais convidámolos a ir ás grandes áreas comerciais que si teñen acceso e aparcamentos próximos.
Por tal motivo, pretendemos facer recapacitar ao goberno municipal para que conte coa opinión de comerciantes e sobre todo evitar que o comercio próximo véxase obrigado a pechar a persiana, recalca Esteban González.
  
A mocidade tomiñesa organiza un Nadal solidario
Tomiño, 26 de decembro de 2020.- Nun Nadal atípico e complicado como o que nos tocou vivir este ano, o colectivo Voces Novas, Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, estivo traballando arreo ultimamente en varias iniciativas para conmemorar estas festas, onde tiveron claro que o importante era non deixar a ninguén atrás.
Durante as últimas semanas organizaron nos distintos centros escolares a redación e o envío de postais ás persoas maiores do Concello que viven soas ou en residencias de anciáns —As postais dirixidas aos usuarios das residencias foron entregadas polos propios nenos e nenas—, para que se sintan arroupados nestas datas tan sinaladas e saiban que a mocidade tomiñesa non se esquece deles.
Desde o colectivo tamén se encargaron de crear multitude de adornos natalicios que engalanaron a Praza do Seixo e o Mercado de Tomiño, onde participou tamén o alumnado de todos os centros de ensino do municipio. Desde a Concellería de Mocidade e Participación Infantil queren agradecer enormemente aos centros a súa implicación e esforzo nesta iniciativa. Na creación da decoración tamén participou o alumnado do programa EncáixaT, organizado polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), que se encargou de facer unhas tabliñas de madeira con felicitacións natalicias para decorar os centros de ensino e a Praza do Seixo.
A mocidade de Voces Novas tamén instalou no Mercado Municipal unha árbore dos desexos, no que as persoas poden pendurar nas súas pólas os seus desexos para o vindeiro ano. Entre as peticións máis destacadas, aos clásicos como saúde ou traballo este ano sumouse tamén o desexo de que a pandemia non demore en acabar, para poder volver a abrazar aos seres queridos. A árbore tamén está pensada para ser un punto de intercambio de ilusións e sorpresas. As persoas poden deixar ao seu pé unha cousa que xa non queiran e que pensen que lle pode gustar a alguén e coller no seu lugar algo que deixase outra persoa.
Outra das iniciativas do grupo que se levará a cabo este Nadal é a realización dun “autocine” o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas, na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme “Solo en Casa”. A intención é poder desfrutar do cinema natalicio en compañía creando un espazo de seguridade para todos e todas.
 

Tomiño realizou 239 baleirados de fosas sépticas a través do seu servizo este 2020
Tomiño, 22 de decembro de 2020.- O Concello de Tomiño ofrece desde febreiro de 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas para aquelas familias que aínda non puideron conectarse á rede de saneamento, que supoñen preto do 40% da poboación do municipio, un problema agravado pola dispersión da poboación nun territorio moi extenso (106 km2).
Neste servizo están censados actualmente un total de 244 persoas, das cales 130 o utilizaron durante o presente ano. En total foron realizados 239 baleirados en 2020 fronte aos 167 do ano anterior, un 43% máis. O custo promedio que ten contratar unha empresa de baleirado adoita superar os 100 euros, pero coas bonificacións que o Concello ofrece aos usuarios adheridos a este servizo o custe do primeiro baleirado do ano cífrase en tan só 20 euros, pasando a 40 nos baleirados seguintes. No caso daqueles fogares que polas súas circunstancias non poidan facer fronte ao pago está contemplada a exención do pago do primeiro baleirado se así o estipulan os servizos sociais do Concello.
O tempo de demora medio desde que o usuario demanda a limpeza ata que se produce é de 4,5 días. Este tempo pode verse dilatado en función da demanda do servizo —que se leva a cabo os martes e xoves—, especialmente nas épocas de chuvia, onde é frecuente que a EDAR de Tomiño traballe ao límite da súa capacidade e sexa necesario empregar a EDAR de Guillarei.
Aumento da demanda polo confinamento
O confinamento domiciliario decretado durante os meses de marzo e xuño tivo como consecuencia un aumento da demanda do servizo debido ao maior tempo que as persoas pasaron nas súas vivendas, chegando a concentraren estes catro meses case o 50% do total de baleirados.
Para solicitar o Servizo de baleirado de fosas sépticas, o titular da vivenda debe dirixirse primeiro á empresa AQUALIA e pedir un certificado de non estar conectado á rede de saneamento, ou ben estar situado a máis de 50 metros da mesma (se está a menos é obrigatorio conectarse). Do mesmo xeito, debe pasar polo Concello para inscribirse no Rexistro de Fosas Sépticas e Pozos Negros do Concello e cubrir unha solicitude (de autorización para o baleirado) a primeira vez que se solicita o servizo.
Toda a información para a solicitude do servizo pode consultarse na páxina web do Concello de Tomiño no apartado de “Medio Ambiente”: https://tomino.gal/medio-ambiente/
 

Tomiño presenta unha programación cultural de Nadal para gozar en familia con seguridade
Tomiño, 21 de decembro de 2020.- Nestas datas festivas de gran importancia para todos e todas é importante que as nenas e nenos poidan desfrutar do Nadal, pero tamén é importante continuar extremando as precaucións nun contexto no que a pandemia continúa presente no noso día a día. É por iso polo que o Concello de Tomiño decidiu enfocar a súa programación de Nadal pensando nos máis cativos e cativas, para que poidan celebrar estas festas en espazos seguros nos que a precaución e o mais estrito cumprimento das normas de seguridade sexan o prioritario.
AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, de Oviravai, o sábado 26 de decembro ás 17.30h no auditorio de Goián.
Espectáculo de música infantil no que a través das vivencias de Paio e Aurelio, un teixugo molón e un oso polar, iremos de viaxe ata o Polo Norte. A trama narra como Paio coñece ao oso Aurelio viaxando por Europa, como nace a súa amizade e como se axudan nos momentos difíciles. Todo isto dentro dun contexto de respecto absoluto a valores fundamentais como a natureza, a cultura, a reciclaxe, a amizade, o esforzo e o amor pola lingua.
CANTA, MIÑA PEDRA, CANTA de Xoán Curiel e Charo Pita, o luns 28 de decembro ás 11.30h na Praza do Seixo (en caso de choiva na primeira planta do Mercado Municipal). Todos os nenos e nenas asistentes serán agasallados cun libro da Editorial Galaxia.
Neste espectáculo musical, teatral e de narración oral, con elementos de participación activa, o actor e músico Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas polo autor, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.
Os dous artistas fan un tándem en escena nunha proposta teatral infantil e para toda a familia.
Para rematar o ano 2020 o apalpador percorrerá as rúas de Tomiño para rematar no Mercado Municipal o 31 de decembro ás 12:00h e desexarnos un aninovo cheo de felicidade e comida. Este personaxe vive nas montañas do Courel e dos Ancares e o 24 e 31 de decembro percorre as vilas de toda Galiza para apalpar as barriguiñas e ver se nenos e nenas comeron o suficiente. Agasalla castañas e regalos de madeira.
Para comezar o novo ano 2021 temos AUTOCINE: o clásico de Nadal “SOLO EN CASA”, o sábado 2 de xaneiro ás 20h na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese dende o interior do vehículo. Esta actividade foi solicitada polos mozos e mozas de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, petición que foi atendida polas concellerías de Mocidade e Cultura.
EN TODAS AS ACTIVIDADES é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986622001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal
  

Tomiño estrea unha innovadora plataforma multitenda de venda online para o comercio local
Tomiño, 18 de decembro de 2020.- Tomiño estrea este venres 18 de decembro atenda.gal,  unha novidosa plataforma multitenda de venda online para o seu comercio local coa que o Concello busca apoiar á veciñanza e ao comercio de proximidade nestes tempos de cambio. Nun momento de auxe da venda online por mor da pandemia, Tomiño apostou por acompañar ao comercio local no salto á dixitalización e facelo empregando un modelo diferente no que combinou a formación das e dos comerciantes en novas tecnoloxías co desenvolvemento desta plataforma multitenda na que os establecementos adheridos son os verdadeiros protagonistas.
Fronte a sistemas marketplace xurdidos ao inicio da pandemia onde os establecementos perden entidade e visibilidade, en Tomiño “decidimos apostar por unha fórmula diferente que non ten comparación no resto da comarca. Mentres outros optaron por facer unha tenda para moitos comercios nos quixemos crear unha tenda online para cada comercio. Por iso en atenda.gal cada ten o seu espazo e a súa propia tenda, adaptada ás súas necesidades e realidade, coa súa personalidade, a súa imaxe corporativa, os seus logos... algo que para nós é unha garantía de éxito de futuro”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
Cada comercio adherido a esta iniciativa é totalmente autónomo na xestión da súa tenda e ocúpanse de introducir ou eliminar produtos, xestionar o stock ou os envíos, por exemplo. Ademais, cada establecemento conta con sistemas de pago personalizados e encárganse do cobro directo ao cliente final sen intermediarios. A plataforma, costeada integramente polo Concello de Tomiño, é totalmente gratuíta para o comercio local, que non ten que afrontar ningún tipo de canon ou custo de mantemento.
Un sistema sinxelo para os comerciantes e para o cliente final, que poderá acceder a todas as tendas da plataforma cunha soa conta de usuario. A web será moi doada de usar e intuitiva, algo que se reflicte incluso no dominio empregado, atenda.gal, que busca asociar esta nova modalidade de compra á que se fai nos comercios de barrio. “Son os mesmos comercios coa mesma calidade e a mesma atención personalizada de sempre pero chegamos a eles a través doutra canle”, explica a rexedora.
A plataforma entra en funcionamento aproveitando a campaña de Nadal é xa é considerado un caso de éxito, con novos establecementos interesados en adherirse incluso antes da súa apertura ao público. Dende o Concello quérese agradecer ao comercio a acollida tan positiva desta iniciativa. “Accións como esta serven tamén para manter e incluso crear emprego nos negocios dos barrios, que o están pasando moi mal. Dar este paso vai axudar a moitos comercios a chegar a nova clientela e vai dar un pulo importante ao comercio local”, destaca Ana G. Morell, de Morell 85, que afronta este novo reto “moi emocionada e con moita confianza”.
Comparte ilusión Patricia Oliveira, da mercería O Fío, para quen dar este salto “é case como abrir un negocio novo”. Pola súa parte Lorena Bouzada, de Ferretería & Hogar Bouzada, destaca que “as redes sociais e internet teñen un potencial moi grande e hai que aproveitalo”.
Tras a apertura da multitenda o Concello continuará realizando traballos de dinamización do portal, así como acompañando a cada un dos comercios integrantes para que collan soltura no manexo da súa tenda e lle saquen o maior rendemento posible.
 

Tomiño continúa ampliando a súa rede de saneamento
Tomiño, 17 de decembro de 2020.- O Concello de Tomiño continúa traballando por levar a rede de saneamento ao máximo número de vivendas posible, especialmente a aquelas máis achegadas á rede xa existente, onde resulta máis eficiente realizar a conexión.
Esta ampliación foi levada aos barrios de Paredes, O Ral, Pazos, A Costa, San Lourenzo ou O Rexidouro, entre outros. Entre as vivendas que se sumaron grazas ás ampliacións da rede feita no presente ano e aquelas que se conectaron a unha rede xa existente, sumáronse en total 45 novas incorporacións á rede de saneamento.
Aparte da ampliación da rede, realizáronse tamén obras de mellora na rede existente, como a renovación do colector en Centinela, Goián. Aproveitando as obras de peonalización realizadas no presente ano na rúa República Arxentina e na rúa A Guarda, o Concello aproveitou para reunirse cos propietarios dos edificios colindantes para facer tamén a separativa entre as augas pluviais e a rede de saneamento, aliviando así a carga que esta viña soportando. Esta obra está previsto que sexa realizada tamén nas áreas do núcleo de Goián que están sendo remodeladas na actualidade, como o caso da Avenida Ordóñez.
No presente ano 2020 o Concello de Tomiño investiu preto de 100.000 euros en realizar unha serie de melloras na rede. Desde a institución lembran que para aquelas familias que aínda non puideran conectarse á rede de saneamento, o Concello ofrece desde finais do ano 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas. Os pasos e condicións para acceder a este servizo poden ser consultados na web municipal a través da ligazón https://tomino.gal/medio-ambiente/.
   

A mocidade tomiñesa organiza actividades para o Nadal
Tomiño, 16 de decembro de 2020. A técnica municipal de xuventude e a concelleira de Mocidade reuníronse a semana pasada a través de videoconferencia cos representantes de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, para traballar na organización de actividades neste Nadal. Os mozos e mozas fixeran na anterior reunión un conxunto de propostas ás representantes municipais para avaliar a súa viabilidade loxística e orzamentaria.
Desde Voces Novas teñen claro, e máis nunha situación como a actual, que este Nadal ten que ter tamén un carácter solidario, polo que unha das iniciativas aprobadas foi a de facer unha recollida de postais e cartas para os maiores, especialmente os usuarios das residencias e os centros de día, para que se sintan máis acompañados nestas datas tan sinaladas. Espérase que participen na iniciativa todos os centros de ensino do concello.
Entre as propostas que se desenvolverán está tamén a instalación dunha árbore dos desexos no Mercado de Tomiño, onde a xente poderá pendurar as súas aspiracións para o ano 2021. Preténdese que a árbore sirva tamén como un punto de intercambio de agasallos.
Varias das iniciativas feitas polo grupo pasarán a formar parte da programación cultural de Nadal do Concello, como por exemplo a realización dun evento de “autocine” o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00h na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme “Solo en Casa”, ou o espectáculo de contacontos que se fará o 28 de decembro ás 11:30h na Praza do Seixo da man de Xoán Curiel e Charo Pita.
Outras propostas feitas na reunión anterior como o concurso de videoxogos, o de relatos ou o de sobremesas tamén foron aprobados, pero levaranse a cabo ao longo do próximo ano.
 

O deputado do BNG no Congreso en Tomiño para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal
Tomiño, 12 de decembro de 2020.- O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Tomiño este mércores para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal, un dos máis importantes na axenda do goberno local. O deputado nacionalista xa solicitou o apoio do Ministerio de Fomento para axudar a financiar a súa construción a través dunha das enmendas presentadas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado que tivo lugar recentemente.
Rego foi recibido pola alcaldesa, Sandra González, acompañada tamén por boa parte dos concelleiros do goberno local, que lle ensinaron o lugar escollido para a instalación da futura biblioteca, ademais de mostrarlle as instalacións da Casa do Concello, a praza do Seixo e o Mercado de Tomiño.
A alcaldesa trasladou ao deputado a necesidade de contar co apoio económico das demais administracións públicas para poder executar a obra, especialmente co do Ministerio de Fomento, que xa tiña comprometida unha partida orzamentaria para a realización do proxecto durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, pero que foi suspendida trala súa saída do executivo. A rexidora destacou tamén o feito de que a recuperación de dita partida foi aprobada por unanimidade no pleno municipal.
Aproveitando a visita do parlamentario, o goberno local amosoulle tamén outros proxectos de relevancia para os que sería fundamental contar co apoio do goberno central, como por exemplo os encadrados dentro da estratexia de cooperación transfronteiriza no marco da Eurocidade Tomiño-Cerveira e a AECT Río Miño, destacando a necesidade de potenciar a cooperación nun tramo da fronteira polo que circula o 50% do tráfico de todo o Estado entre España e Portugal. Tamén se falou, entre outros, de proxectos para potenciar e recuperar a riqueza paisaxística e natural do río, como a Senda do Miño, ou a ponte peonil que pretende unir, a través do tramo máis estreito do río, a Fortaleza de Goián co parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira.
Tamén estivo presente na reunión o vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial del Río Miño (AECT Rio Minho) e deputado de Cooperación Transfronteriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que instou a Rego a dar voz á problemática que afecta aos municipios transfronteirizos de ambas beiras do río en materia xurídica, debido ás incongruencias e diferenzas legais que existen entre os dous países e que dificultan o día a día dos veciños así como a realización de moitos proxectos.
 

Programación de Nadal en Tomiño
Tomiño, 11 de decembro de 2020. A concellería de cultura do concello de Tomiño anima á poboación do municipio a participar activamente nas actividades culturais organizadas neste época festiva que se caracteriza pola reunión cos seres queridos e pola emoción.
Como contribución á conmemoración desta data sinalada, ofertamos diferentes actividades e espectáculos para público familiar.
“As viaxes de Paio e Aurelio”, de Oviravai, o sábado 26 de decembro ás 17.30h no auditorio de Goián.
Espectáculo de música infantil no que a través das vivencias de Paio e Aurelio, un teixugo molón e un oso polar, iremos de viaxe ata o Polo Norte.
A trama narra como Paio coñece ao oso Aurelio viaxando por Europa, como nace a súa amizade e como se axudan nos momentos difíciles. Todo isto dentro dun contexto de respecto absoluto a valores fundamentais como a natureza, a cultura, a reciclaxe, a amizade, o esforzo e o amor pola lingua.
“A gran viaxe”, de Inventi Teatro, o domingo 27 de decembro ás 17h no auditorio de Goián.
A capitana Centella e o doutor Potasio chegan coa súa nave a terra en busca do Ziscornio o elemento necesario para salvar o seu planeta que está sendo atacado por bichos malignos. Co elemento secredo no seu poder Centella e Potasio soben á súa nave espacial e despídense das boas xentes e dispóñense a despegar pero comezan os problemas!!! Rompe o vehículo, perden o mapa, chegan os malos e a cousa complícase… Poderán Centella e Potasio regresar o seu planeta? Conseguirán que as boas xentes da Terra os axuden? A gran viaxe é un espectáculo divertido e visual que conta cun fantástico vehículo espacial composto por un antigo 600 e un propulsor remolcado.
“Canta, miña pedra, canta” de Xoán Curiel e Charo Pita, o luns 28 de decembro ás 11.30h na Praza do Seixo (en caso de choiva na primeira pranta do Mercado Municipal). Todos os nenos e nenas asistentes serán agasallados cun libro da Editorial Galaxia.
Neste espectáculo musical, teatral e de narración oral, con elementos de participación activa, o actor e músico Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas polo autor, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.
Os dous artistas fan un tándem en escea nunha proposta teatral infantil e para toda a familia.
Para rematar o ano 2020 o apalpador percorrerá as rúas de Tomiño para rematar no Mercado Municipal ás 12h e desexarnos un aninovo cheo de felicidade e comida. Este personaxe vive nas montañas do Courel e dos Ancares e o 24 e 31 de decembro percorre as vilas de toda Galiza para apalpar as barriguiñas e ver se nenos e nenas comeron o suficiente. Agasalla castañas e regalos de madeira.
Para comezar o novo ano 2021 temos AUTOCINE: o clásico navideño “Solo en casa”, o sábado 2 de xaneiro ás 20h na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese dende o interior do vehículo.
En todas as actividades é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986622001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal
 

Éxito da aula de estudo de Tomiño, con máis de 100 rexistrados en menos dun mes
Tomiño, 10 de decembro de 2020.- O éxito da aula de estudo inaugurada fai menos dun mes en Tomiño superou todas as expectativas e xa está sendo empregada por ducias de usuarios. En apenas 25 días desde que se abriu o proceso de inscrición para obter a tarxeta de acceso, máis de 100 persoas a solicitaron e recibiron xa, moi por encima das previsións do goberno local.
O bo recibimento do servizo entre a poboación deixa patente a necesidade que o municipio tiña de contar cun espazo para o estudo, especialmente entre a mocidade. “Era unha demanda clamorosa que finalmente se fixo realidade. Non obstante non hai que esquecer que esta aula de estudo é unha solución a un problema que había que atallar, mais desde o Concello continuamos demandando a colaboración das administracións públicas para poder materializar o proxecto da biblioteca municipal, que tanta falta fai”, comenta a alcaldesa Sandra González.
A aula, que ademais dun espazo para o estudo en silencio conta tamén con outro para os traballos en grupo, comezou tamén a albergar iniciativas como o EncáixaT, un proxecto desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación e Apoio Familiar que procura dar resposta aos menores que, por causas diversas, precisan dun espazo de apoio e acompañamento persoal no seu itinerario vital. Na actualidade participan deste proxecto 8 nenos e nenas de todos os centros educativos do municipio.
A maioría das persoas que xa recibiron a tarxeta son de Tomiño, pero tamén hai usuarios de municipios da contorna como O Rosal, A Guarda, Gondomar, Lalín ou Mos, entre outros. Lorena é usuaria da biblioteca desde a primeira semana, ten 26 anos, é graduada en Dereito e está preparando oposicións. Aínda que é tomiñesa, leva xa un tempo vivindo na Guarda por motivos laborais, pero desprazábase a Tomiño para empregar a aula antes de que o municipio tivese que aplicar o peche perimetral, e espera volver unha vez se levanten as restricións. “Espazos coma este deberían existir en todos os concellos e agradécese que Tomiño dera o paso nese sentido, xa que era algo que a mocidade levaba pedindo desde fai bastantes anos”, afirma.
Desde o goberno municipal informan que a intención é, de cara ao Nadal, realizar unha enquisa de satisfacción entre os usuarios e usuarias da aula para ver as cousas que se poderían mellorar, como por exemplo os niveis de ruído, a temperatura das instalacións ou os horarios, entre outras.
  

Tomiño lanza a campaña “Nadal + Nadal”, con ata 3.000 euros en premios mercando no comercio local
Tomiño, 9 de decembro de 2020.- Este Nadal vai ser a todas luces diferente, marcado e atravesado pola situación de pandemia actual, e desde o Concello de Tomiño teñen claro que máis que nunca é necesario dar un impulso ao comercio local para que poida afrontar a campaña natalicia do mellor xeito posible.
É por isto que desde o goberno municipal acaban de lanzar “Nadal + Nadal”, unha campaña que terá como beneficiarios aos comercios de Tomiño e a aquelas persoas que realicen as súas compras neles. En cada local que participe na campaña instalarase unha urna na que os clientes que merquen nos comercios adheridos á campaña entre os días 12 e 26 de decembro poderán depositar o seu tique de compra —cun valor máximo de 100 euros—.
O día 26 de decembro todas as urnas serán abertas no salón de Plenos da Casa do Concello e procederase ao sorteo, extraendo todos os tiques necesarios ata que a suma dos valores destes chegue á cantidade de 1.500 euros. Por cada tique premiado que apareza na lista, o Concello emitirá un vale polo dobre do seu valor, ata un máximo de 3.000 euros, e porase en contacto coas persoas premiadas.
Concurso de decoración
Coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atraente, para poder participar da campaña, os comercios de Tomiño deberán decorar os seus escaparates —ou locais comerciais no caso de non contar con este— con elementos natalicios ata o próximo 6 de xaneiro. Os comercios adheridos pasarán a formar parte dun concurso que premiará á mellor decoración, dependendo da modalidade na que estean inscritos. Os premios serán:
1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€
1º Premio Mellor local ………………………………….  500,00€
2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€
2º Premio Mellor local ………………………………….  250,00€
Os gañadores serán escollidos polo xurado dos premios, que estará conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. O veredicto será anunciado o vindeiro 30 de decembro ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.
  

Tomiño avanza na creación do Arquivo da Imaxe Municipal

Tomiño, 04 de decembro de 2020.- O Concello de Tomiño concluirá nas vindeiras semanas a primeira fase de creación do Arquivo da Imaxe Municipal, un proxecto co que se pretende recoller, dixitalizar e arquivar as imaxes producidas polos veciños e veciñas do concello ao longo dos anos. A intención é que este arquivo teña varias funcionalidades, servindo por un lado para recopilar o patrimonio fotográfico que forma parte da historia municipal e que está sen recoller ademais de ser tamén un sistema de conservación e preservación das propias fotografías.
O proxecto está a piques de rematar a súa primeira fase, desenvolvida ao longo dos últimos meses, e que se caracterizou pola creación da estrutura e clasificación de máis de 3.000 fotografías recollidas de múltiples fontes, tales como hemerotecas de diversas publicacións, arquivos fotográficos, fundacións ou recopilacións xa feitas polo propio Concello en proxectos anteriores, como por exemplo a colección de fotografías de arquitectura indiana.
Aínda que xa hai recollido un pequeno corpus de fotografías aportadas polos veciños e veciñas de Tomiño, este proceso de recopilación a través das familias do municipio viuse interrompido pola pandemia, quedando aprazada esta fase para cando estea superada a situación.
Este proceso de recopilación de material fotográfico porta a porta será previsiblemente realizado durante os vindeiros anos a través de campañas periódicas de recollida entre a veciñanza. Espérase que o arquivo sexa amacenado na futura biblioteca de Tomiño, podendo ser consultado por toda a veciñanza.
  

O Cineclub Poleiro  reactívase  o xoves 3 de decembro   
Tomiño, 2 de decembro de 2020. Con BENZINHO, unha película brasileira, gran triunfadora no Cinema Brasil Grand Prize do 2019 e no certame de 2018 do Festival de Málaga, o Cineclub Poleiro retoma a súa actividade no auditorio de Goián, con medidas de seguridade, distancia, uso obrigatorio de máscara e aforo restrinxido do auditorio .  
As proxeccións adiántanse ás 20.30h polo toque de queda.
BENZINHO, unha película dirixida polo brasileño Gustavo Pizzi, conta a historia dunha ama de casa de Rio de Janeiro con catro fillos que acolle á súa  irmán e ao seu sobriño.
O día 14  de xaneiro proxectaráse unha película colombiana baseada nunha historia real, que explica a orixe do narcotráfico en Colombia, PÁJAROS DE VERANO, dirixida por Ciro Guerra e Cristina Gallego.
Programaremos nunha nova data   A ILLA DAS MENTIRAS de Paula Cons.
Sinopse:  Madrugada do 2 de xaneiro de 1921. Naufraxio frente a illa de Sálvora do buque Santa Isabel con destino a Bos Aires. Tres mulleres bravas salvan a preto de 50 náufragos. Un xornalista arxentino investiga o suceso e descubre moitas incógnitas.  Historia e ficción sobre as heroínas de Sálvora.
O cineclub Poleiro  conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, da Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta de Galicia dentro do marco do Xacobeo 2021.
    
Tomiño realiza labores de adecuación nas instalacións deportivas
Tomiño, 2 de decembro de 2020.- O Concello de Tomiño vén de acometer varias intervencións de acondicionamento e reparación en diversas instalacións deportivas do municipio.
Recentemente foi feita unha intervención nas instalacións de Calistenia do complexo deportivo do Mosteiro, reparándoas e reubicándoas nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando ultimamente os practicantes deste deporte no municipio.
A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos tamén se levaron a cabo reparacións de desperfectos, humidades e pintado na súa sede, ampliando as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas. Con esta intervención darase solución a unha das demandas do clube de contar cun espazo de adestramento cuberto para os días de choiva nos que non sexa posible a saída ao río.
Ademais leváronse a cabo importantes obras de reforma no pavillón de deportes de Goián, algo que levaba tempo sendo moi demandado polos usarios do pavillón, facendo un cambio completo das instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas. Realizáronse tamén accións de mellora nos baños e instaláronse pulsadores nas duchas que contribuirán ao aforro de auga e enerxía.
Neste conxunto de accións de reparación e adecuación foron investidos un total de 12.000 euros.
Recentemente reiniciáronse tamén as obras de reforma do Campo de Fútbol do Alivio, onde se instalaron xa as torres de iluminación con focos LED de baixo consumo e está previsto que proximamente se inicie xa o proceso de instalación do céspede artificial.
 

Tomiño conta xa con WIFI de balde na praza do Seixo
Tomiño, 30 de novembro de 2020.- Os veciños e veciñas de Tomiño que visiten a praza do Seixo ou o campo da Feira xa poden conectarse de balde á rede WIFI de alta velocidade “WIFI4EU”, que vén de ser activada.
A instalación deste servizo foi posible grazas a que Tomiño foi un dos 510 municipios do Estado (só unha ducia deles galegos) que se beneficiou da axuda concedida pola Unión Europea para financiar  a instalación de wifi gratis de alta velocidade en espazos públicos (parques, edificios municipais, etc.). Na convocatoria da axuda participaron case 10.000 concellos, sendo Tomiño o único concello da comarca en contar con esta axuda.
A instalación da rede foi feita pola empresa Fibralar, e proximamente estará dispoñible tamén noutros espazos públicos do núcleo de Goián como o auditorio, a praza Pintor Antonio Fernández ou o mercado.
Regreso al contenido