Tomiño, xuño 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, xuño 2020

PUBLICADAS
Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que repoña o médico do consultorio de Goián
Tomiño, 26 de xuño de 2020.- O goberno local de Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que de xeito urxente, poña solución ao problema de falta de médico no consultorio de Goián.
A postura do goberno local, clara e contundente, é que esiximos que de forma inmediata se repoña o médico de Goián, xa que o único os únicos responsables desta situación son o PP e a Xunta, que fan o mesmo cada verán”, salienta a alcaldesa Sandra González, referíndose á política de recortes levada a cabo na Sanidade Pública, e o costume de asimilar o persoal de pequenos consultorios aos centros de saúde, motivada pola falta de substitutos.
O executivo de Tomiño dí basta xa aos recortes en temas de sanidade. “Que se deixen de dar voltas, se non, nos van ter en fronte claramente”, advirte a rexedora, quen agarda contar co apoio do resto da corporación neste tema.
González afirma que a Xunta de Galicia debería defender unha sanidade pública sen recortes, con contratos e salarios dignos, sen privatizacións e con estabilidade. “O que non se pode é saír aplaudir ás 8 da tarde durante tres meses, e logo castigar ao persoal con contratos precarios e recortes, e por riba, pretender calalo cun cheque ignominioso de 250 euros”, afirma.



Últimos días para inscribirse nos cursos de deporte en familia, que comezan en xullo na fortaleza de Goián e no parque da Feira de Tomiño
Tomiño, 25 de xuño de 2020.- A OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) lembra que están abertas as inscricións para os cursos de deportes de verán (Hip hop, Danza en Familia, Zumba en Familia, Ioga para adultos e para bebés e Mindfulness en Familia) organizados polo Concello e que comezan o vindeiro 1 de xullo, de forma simultánea , na fortaleza de Goián e no parque da Feira (O Seixo).
A inscrición a estas actividades, pode realizarse de xeito individual ou en grupo (de familiares, amigos, amigas, etc.), entrando no seguinte enlace da páxina web municipal: https://tomino.gal/programacion-de-veran-en-familia-2020/.
HIP HOP: dirixido a persoas de 12 anos en adiante; as clases estarán baseadas na improvisación, que permite unha comunicación libre e unha forma de expresión e desafogo emocional. O alumnado recibirá as ferramentas técnicas, vocabulario e formas de movemento que lle permita coñecer o estilo e adaptalo ao seu corpo.
A OMIX oferta dous cursos de 9 horas de duración; un en Goián (Fortaleza de San Lourenzo) e outro en Tomiño núcleo urbano (parque da Feira) cunha frecuencia dunha hora á semana.  En Goián, as clases serán os luns de 10.00 a 11.00 horas, e en Tomiño, o mesmo día de 11.30 a 12.30 horas. O prezo é de 5 € por persoa ao mes.
DANZA EN FAMILIA: admitiranse crianzas a partir dos 3 anos acompañados dos seus pais ou familiares. Nesta actividade, xogarase cos corpos a través de ferramentas que proveñen do “partnering” onde se entra en contacto para moverse, e axudarse a crear figuras etc.
Ofértanse tamén dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira). Duración: unha hora semanal. Horario de Goián, mércores de 9.30h a 10.30h, e en Tomiño venres de 9.30h a 10.30h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores de 12 anos, gratis).
KUNDALINI IOGA: destinado a persoas adultas (a partir de 12 anos). A práctica do ioga ten múltiples beneficios e axuda a mellorar a saúde física, mental e emocional, a través da respiración, posturas físicas, meditación e relaxamento.
Ofértanse dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira) Duración: unha hora semanal. A partir de  3 anos e sen límite de idade. Horario: Goián, venres de 10.30h a 11.30h, e en Tomiño mércores de 10.30h a 11.30h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores de 12 anos, gratis).
ZUMBA EN FAMILIA.
É posible inscribirse nesta actividade de xeito individual ou en familia. A zumba consiste nun exercicio aeróbico onde se combinan os ritmos latinos básicos como merengue, salsa, cumbia etc. O obxectivo principal é facer exercicio dun xeito divertido.
Ofértanse dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira) Duración: unha hora semanal. A partir de  3 anos e sen límite de idade. Horario: Goián, martes de 9.30h a 10.30h, en Tomiño xoves de 9.30h a 10.30h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores de 12 anos, gratis).
PILATES EN FAMILIA.
É posible inscribirse nesta actividade de xeito individual ou en familia.
Disciplina dirixida a fortalecer e alongar a columna e activar o abdome traballando conxuntamente co resto do corpo.
Ofértanse dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira) Duración: unha hora semanal. A partir de  3 anos e sen límite de idade. Horario: Goián, martes de 10.30h a 11.30h, en Tomiño xoves de 10.30h a 11.30h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores de 12 anos, gratis).
IOGA PARA BEBÉS.
Impartido por unha profesional con ampla formación e experiencia na materia. O ioga para bebés é un hábito saudable que favorece a relaxación, o benestar físico e a conexión emocional entre bebés e proxenitores.
Ofértanse dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira) Duración: unha hora semanal. Para bebés ata 18 meses e sen límite de idade. Horario: Goián, xoves de 11h a 12h, en Tomiño martes de 11h a 12h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores, gratis)
MINDFULNESS E IOGA FAMILIAR.
As persoas interesadas poden inscribirse de xeito individual ou en familia (a partir de 3 anos). Van traballarse técnicas de respiración, posturas de ioga e movemento corporal e relaxación. O obxectivo principal é traballar fisica, mental e emocionalmente.
Ofértanse dous cursos de 9 h de duración cada un, en Goián (fortaleza) e en Tomiño (parque da Feira) Duración: unha hora semanal. Inicio: xullo. Para bebés ata 18 meses e sen límite de idade. Horario: Goián, martes de 12.30h a 13.30h, en Tomiño xoves de 12.30h a 13.30h Prezo: 5 € por persoa ao mes (os menores, gratis).



O Partido Popular de Tomiño confirma que o consultorio de Goian volverá a súa normalidade

Tomiño 22 de xuño do 2020. O Partido Popular de Tomiño a través do seu portavoz municipal, Esteban González Miranda, afirma que o consultorio médico de Goian volverá a normalidade; despois de reunirse co Xerente do Sergas da área de Vigo, Julio Comesaña. Nesta reunión o Xerente do Sergas explicou a situación actual e a organización asistencial levada a cabo no centro de saúde de Tomiño, sendo a seguinte:
Con motivo da reorganización asistencial motivada pola declaración de pandemia Covid-19, o centro de saúde de Tomiño centralizou a actividade asistencial temporalmente, na unidade de mañá, xunto co consultorio de Goian, con data 17 de marzo de 2020.
O facultativo que atendía no consultorio de Goian, Dr. Rica, xubílase con data de 18 de xuño, iniciando a súa ausencia desde o 15 de maio, data que comeza a gozar os seus permisos vacacionais correspondentes. Sendo cuberta esta ausencia desde o seu inicio cunha profesional que finalizou este ano a residencia de MFyC comunitaria na nosa Área Sanitaria. Esta praza vacante, ofrecerase co resto de vacantes Área ao finalizar o verán para a súa cobertura definitiva.
Tal e como viñamos actuando en anos anteriores, durante a época estival e motivada pola falta de substitutos en listas de contratación, a asistencia dos pacientes do centro de Tomiño realízase en horario de mañá, quedando cuberta a tarde polos profesionais do PAC de Tui,
En todo caso unha vez finalizada esta situación o médico volverá ao consultorio.
Por outra banda Esteban González, lembra que as medidas actuais, intentan evitar rebrotes do Covid, dado as condicións de falta de hixiene e seguridade do actual salón parroquial convertido en consultorio médico, e non cumpría cos requisitos de seguridade sanitaria que o Ministerio de Sanidade obrigaba para levar adiante a actividade sanitaria con seguridade para os veciños.
Non é de recibo que despois de dez anos non se teña buscado por parte do actual goberno municipal unha alternativa, cando é unicamente responsabilidade do goberno local. Ten que ser a pandemia do Covid-19 que pon en evidencia o pasotismo da alcadesa e do Bng, dando a entender que pretenden deixar a Goian sen consultorio médico, como se fixo co anterior.
Por iso o Partido Popular solicitará ao Pleno Municipal que o  goberno local se poña a traballar para adquirir un novo local para trasladar o consultorio médico de Goián, cumprindo con todos os requisitos de seguridade sanitaria contra o Covid-19, esperando o apoio do Psoe Tomiñes; afirmou o portavoz Esteban González.



Acto socialista en Tomiño
Tomiño, 22 de xuño de 2020. O vindeiro mércores 24 de Xuño ás 20h. na praza do Seixo en Tomiño, vaise celebrar un encontro Socialista de toda a comarca coas veciñas e veciños  para falar das vindeiras Eleccións Autonómicas 2020. Estades convida@s.
                                                I N T E R V I R Á N:
VIOLETA DE SANTIAGO. Candidata ó Parlamento de Galicia. (Voceira  Municipal  no Concello de  Tomiño)
NOELIA OTERO. Candidata ó Parlamento de Galicia.
LETICIA GALLEGO. Candidata ó Parlamento de Galicia.
ANTONIO LOMBA.  Alcalde de A Guarda.
ISAURA ABELEIRAS. Candidata ó Parlamento de Galicia.
DAVID REGADES. Secretario Xeral do PSdG PSOE de Pontevedra.
Este acto contará con tódalas medidas preventivas, protección  e seguridade  polo covid19
 
A Comisión das Festas do Alivio suspende os festexos da festividade por mor do Covid-
Tomiño, 22 de marzo de 2020. A Comisión de Festas da Nosa Señora do Alivio tomou a dolorosa decisión de suspender os festexos do mes de setembro de 2020, por mor da dramática situación provocada pola pandemia do Coronavirus.
A directiva tomou a decisión tras varias conversacións para valorar a situación e as posibles consecuencias de celebrar a festa, recoñecendo a imposibilidade de evitar posibles contaxios e facer cumprir todas as medidas de seguridade nunha celebración pola que soen pasar máis de 3.000 persoas.
Asemade, se as circunstancias o permiten, celebrarase a tradicional procesión e misa, o día grande dos festexos, domingo 13 de setembro.
A directiva decidiu así mesmo, que tal e como se  presenta a situación económica ocasionada pola crise sanitaria, non sería razoable pedir este ano apoio económico á veciñanza.
Por último, o presidente da comisión de festas, Manuel Álvarez, agradece a todas as casas comerciais, empresas e moi especialmente ao Concello de Tomiño, pola súa colaboración durante todo o ano.



Tomiño pon a punto sendas e sendeiros de espazos naturais para disfrute da cidadanía

Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, vén de arranxar varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, para pasear e facer exercizo, poida facelo nas mellores condicións posible, apreciando ademais a riqueza ambiental e paisaxística existente.
A senda do río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas pola cidadanía para caminar ou andar en bicicleta, polo que foi unha das primeiras acondicionadas, despois de que o inverno e as chuvias afectaran algunhas partes da instalación. Así, foi necesario limpar as marxes da senda e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituir o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.
Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.
Do mesmo xeito, estanse a levar a cabo obras de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.
O concelleiro responsable destas melloras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo, o que fixo necesario, xunto coa proximidade do verán, concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparxemento do municipio.

O Concello de Tomiño ofrece unha serie de actividades de verán para realizar en familia
Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño propón unha serie de obradoiros de diferentes deportes e actividades de verán para realizar en familia. Por mor da pandemia, decidiuse cancelar a programación deportiva e o campamento de verán que se ofertaba de xeito habitual.
O principal motivo é que o Concello carece dos medios necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios entre a infancia participante nas actividades de lecer e tempo libre que se desenvolven na tempada estival.
Debido ao anteriormente explicado, ofértase unha programación alternativa con actividades destinadas ás familias, infancia, mocidade e persoas adultas. Son actividades nas que se cumpre o distanciamento social e o resto das medidas de seguridade e hixiene. Ademais, a realización de actividades en familia axuda a estreitar lazos afectivos e de comunicación, e a contrarestar o sedentarismo e estimular a capacidade imaxinativa.
1.    Actividades
– Zumba en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Pilates en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Ioga para bebés: cada bebé ten que ir acompañado por unha persoa adulta.
– Mindfulness e ioga familiar: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Danza en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Kundalini ioga: a partir de 12 anos e sen límite de idade.
– Hip Hop: de 12 a 30 anos.
Todas as actividades realizaranse en horario de mañá, entre luns e venres. Se hai demanda suficiente levaranse a cabo en Goián (fortaleza) e en Tomiño (Campo da Feira).
Por outra banda, o Concello de Tomiño manterá pechados polo de agora os parques infantís, ao non poder asumir as condicións sanitarias establecidas para a súa reapertura. Por responsabilidade e dada a situación que se está a vivir, o Concello decidiu atrasar o uso destas instalacións, xa que a limitación de recursos non permite executar as medidas de seguridade e prevención ante posibles contaxios.
Dende o goberno local apélase á responsabilidade individual e a que se respecten as normas e non se rachen precintos para acceder e utilizar os parques infantís do concello.

Tomiño súmase ó Día Mundial da ELA
Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O 21 de xuño, domingo, celébrase o Día Mundial da ELA. O Concello de Tomiño súmase coma cada ano a dita celebración, colgando unha lona no balcón da Casa do Concello e iluminando o edificio de verde, cor característica de esta doenza.
Deste xeito, Tomiño únese á Fundación Luzón, que xunto ás Asociacións de Familiares e Pacientes como membros da Comunidade da ELA, lanzaron a Campaña #LuzporlaELA na que edificios e monumentos de toda España iluminaranse de verde co obxectivo de visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas enfermas para concienciar á sociedade sobre as dificultades que sofren no día a día. O ano pasado ilumináronse 304 monumentos en 209 municipios de toda España.



Atropello en Tomiño de un ciclista, herido de gravedad

Tomiño, 18 de xuño de 2020. La central de la Policía Local de Tomiño recibe aviso del 112, de accidente de circulación en la PO-552, en Lago-Figueiro (Rotonda de Figueiro). Los hechos ocurrieron a las 8.20 horas del 18 de junio.
Al lugar se traslada una patrulla de la Policía Local comprobando la existencia de un accidente de circulación, por atropello a un ciclista, donde están implicados un vehículo y un ciclista, resultando el ciclista herido grave, siendo asistido por el 061 y trasladado a la Clínica de Fátima de Vigo posteriormente.
Los agentes actuantes proceden a socorrer a los implicados y a regular el tráfico, garantizando la seguridad de la vía.
El vehículo, un Peugeot 307, circulaba por la PO-552 en sentido Tui, y al llegar a la rotonda de Figueiro, impacta con la ciclista, M P F, vecina de Tomiño de 36 años de edad, que procedía del barrio de Lago, en Figueiro y ya se encontraba en el interior de la rotonda.
En el accidente intervino la Policía Local Tomiño, quien se hace cargo del atestado, una patrulla de la guardia civil del puesto de Tomiño y ambulancias 061.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño e a AECT Rio Minho reclaman un plan de recuperación

Tomiño, 18 de xuño de 2020. Os plans de recuperación posCOVID19 deben ter unha liña de apoio específica para os concellos limítrofes coa fronteira Portugal-España, xa que neles dáse un dobre impacto negativo: ao derivado da COVID19, como no resto do territorio, súmase a penalización provocada pola restauración das fronteiras. Esta é a principal conclusión da xornada de traballo mantida hoxe en Tomiño para analizar medidas de recuperación e impulso á cooperación transfronteiriza tras a crise da COVID 19, coa participación da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o director da AECT Rio Minho, Uxío Benitez, o vicedirector desta entidade, tamén presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, xunto con directivos da AECT Galicia-Norte de Portugal e máis o Director  Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.
Os responsables dos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira enfatizaron a necesidade de que as autoridades españolas e portuguesas acorden esa liña específica de apoio aos territorios de fronteira na próxima cimeira hispano-lusa.
Neste sentido, tanto Sandra González como Fernando Nogueira lembraron a importancia de recoñecer a singularidade da realidade educativa, socioeconómica, cultural e comercial das Eurocidades, tras “o esforzo realizado nos últimos anos para non duplicar servizos, atendendo a criterios de eficiencia e aos principios promovidos desde a Unión Europea”, o que se víu gravemente comprometido por un peche de fronteiras que ignorou estas situacións particulares.
Desde a AECT Rio Minho, que engloba os 26 concellos do territorio de fronteira galego portugués do Alto e Baixo Miño, con máis de 370.000 habitantes, Uxío Benitez propuxo “considerar os obxectivos e prioridades da Estratexia 2030 do Río Miño Transfronteirizo como base para o impulso dun Investimento Territorial Integrado (ITI)”, un instrumento de financiación específico para o territorio fronteirizo, financiado con fondos europeos e de ambos estados, para ser xerido polas entidades locais de cooperación territorial e, en particular, pola AECT Río Minho, en colaboración coas Eurocidades e autoridades da Eurorrexión. "As Eurocidades e a AECT Rio Minho amosaron a súa capacidade para detectar os problemas que sofren os veciños e veciñas do territorio fronteirizo e son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia”, subliñou Benítez.
Entre as iniciativas dirixidas a evitar no futuro os prexuízos do peche de fronteiras, destacou a proposta  da AECT Rio Minho da creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza que poida contribuír á simplificación de trámites e facilitar a mobilidade para os habitantes do territorio.
Finalmente, os responsábeis da Eurocidade Cerveira-Tomiño e os directivos da AECT destacaron a importancia do territorio transfronteirizo do Río Miño como evidencia da vitalidade tanto das relacións entre Galicia e Portugal como da vontade de asentar unha cooperación estratéxica entre os habitantes e institucións eurorrexionais.


O Concello de Tomiño leva a cabo obras de saneamento no barrio da Salgosa, para dar servizo a dez novas vivendas
Tomiño, 17 de xuño de 2020.- A Concellería de Servizos Públicos do Concello de Tomiño, que dirixe Lois Vázquez, vén de realizar novas obras de saneamento no barrio de A Salgosa. Trátase dun camiño, duns 300 metros de lonxitude que en breve será asfaltado, polo que pareceu lóxico instalar as tubaxes antes. Prevese, polas solicitudes recibidas, que esta nova instalación dea servizo a unha decena de vivendas.
O investimento, que ascendeu a 21.000 euros, vén a sumarse a outros anteriores, que xa dan servizo a 20 usuarios do mesmo barrio.
Na actualidade, o número total de vivendas aboadas ao servizo municipal de saneamento no Concello de Tomiño, ascende a 3151; cifra que representa un 60% do total de unidades familiares existentes.
Por outra banda, a Concellería de Servizos Públicos está a estudar un proxecto integral de saneamento das zonas de Vilachán, Torneiro e A Rotea, que se levará a cabo en varias fases.



A App móbil de Tomiño acada as primeiras 500 incidencias resoltas
Tomiño, 16 de xuño de 2020.- A App móbil Línea Verde do Concello de Tomiño, un servizo de comunicación directo da cidadanía, vén de acadar as primeiras 500 incidencias resoltas (66%), dun total de 757 presentadas nos tres meses que leva funcionando.
Entre as principais incidencias comunicadas pola veciñanza e resoltas pola Administración Local, figuran en primeiro lugar, polo seu volume, as referidas á iluminación pública (136 casos), seguidas polas de lixo (84) e baleirado de fosas sépticas (81); fochancas (72), vía pública (31), sinalización viaria e outros (30) e escolas (16), entre outras.
O tempo de resolución das incidencias varía dependendo do tipo de problema e dos recursos dispoñibles, sendo de 4 días no caso de baleirado de fosas sépticas, de 7 no caso de peticións relacionadas co alumeado ou de 15 na limpeza de xardíns e zonas verdes.
Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, valora que tras tres meses de funcionamento, os resultados son bos e salienta a importancia de poder coñecer mellor as necesidades da veciñanza, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.
“O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa tablet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira correspondente, e ademais, podemos obter estadísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.
O edil considera esta plataforma moi útil nun municipio tan extenso e disperso como o de Tomiño, xa que axuda a sistematizar e facer máis eficiente a resolución de pequenos traballos, ademáis de mellorar a comunicación entre a cidadanía e o concello.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga gratuíta da APP “Linea Verde” dende Google Play ou APP Store. A partir de aí, seleccionar o municipio de Tomiño, e comunicar o problema, pinchando sobre o botón nova incidencia, escoller a tipoloxía e achegar unha foto e unha explicación sinxela sobre a mesma. A persoa recibirá unha notificación no seu teléfono móbil, comentando o progreso de cada caso.



Tomiño prioriza a circulación de persoas no novo espazo público do Seixo, establecendo excepcións só para residentes e comerciantes

 
Tomiño, 15 de xuño de 2020.- Crear un Área de Circulación Restrinxida (A.CI.RE.) nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados, é a decisión tomada polo Concello de Tomiño, que entrará en vigor en breve, tras o remate das obras de humanización levadas a cabo nos últimos meses.
O obxecto é garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria, retirando o tráfico de vehículos das rúas República Arxentina, A Guarda, Colón, Camino do Alivio e Praza do Seixo.
Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.
Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo para as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).
Para o control do acceso de vehículos, o Concello contará cun sistema de cámaras de videovixilancia, coñecido coma "Traffic Eyes Accesos"; un sistema de recoñecemento de matriculas por OCR, para o control de tráfico en vías urbanas, que funciona de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comproba cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xera as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.
A partir da próxima semana, tanto residentes como comerciantes e demais servizos, terán á súa disposición o modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.
Ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro de entrada do Concello, ou ben, a través da sede electrónica (tomino.gal).
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, acompañado polo oficial xefe da Policía Local, José R. Álvarez Riveiro, mantivo varias xuntanzas con residentes e comerciantes do núcleo urbano de Tomiño, para informarlles sobre as obras realizadas (1) para a creación dun novo espazo público para a veciñanza, e do conseguinte cambio de prioridades de circulación de persoas e vehículos, escoitando ao mesmo tempo as súas necesidades e inquedanzas. "Queremos salientar a boa acollida das novas medidas por parte de residentes e comerciantes, e agradecemos a súa paciencia e comprensión durante as obras", comenta o edil.
(1) Obras realizadas cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse).



Tomiño pon a disposición do alumnado os recursos informáticos da Aula CeMIT para acceder a contenidos educativos
Tomiño, 9 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio ás Familias, pon a disposición do alumnado de Primaria e Secundaria os recursos informáticos da Aula CeMIT, co obxectivo de ofrecer unha atención específica aos nenos, nenas e adolescentes escolarizados nos diferentes centros do municipio, debido ás dificultades e necesidades que provoca a situación excepcional da crise do Covid-19.
O devandito servicio municipal toma esta decisión logo de comprobar "grandes atrancos en varias familias para acceder aos contidos educativos a través das ferramentas informáticas e internet, ben porque non dispoñen dos equipamentos necesarios, ben porque hai zonas que non teñen cobertura ou o sinal non é o suficientemente nítida, o que incrementa a desigualdade na adquisición e aproveitamento do material educativo".
Para mitigar esta desigualdade e acortar os tempos na disposición dos servizos, propoñemos un espazo físico que conta con ordenadores e impresora (aula CeMIT).
Neste espazo os rapaces e rapazas terán dispoñibles 5 ordenadores, en horario de 11.30 a 14.00 horas de luns a venres, contando ademais coa tarde dos martes, de 17.00 a 20.00 horas. Cada ordenador será utilizado por un alumno/a en cada quenda, acompañado/a por un tutor, durante un tempo máximo de dúas horas.
O método para reservar unha quenda será chamar directamente ao teléfono da aula CeMIT (986-623304) ou enviar un e-mail (cemit.tomino@xunta.gal), indicando nome e apelidos, curso e centro educativo.
O servizo de ordenadores será utilizado exclusivamente para acceder aos contidos educativos e completar ou entregar as tarefas necesarias que se indiquen desde os centros escolares.
Esta iniciativa porase en marcha desde xa, para axudar a completar o vixente curso, e tamén  servirá para comprobar a demanda e o manexo dos equipos telemáticos, e así anticipar posibles necesidades de cara ao vindeiro curso escolar.
En caso de que a familia carecera de recursos ou non puidese trasladar ao seu fillo ou filla até a Aula CeMIT, sita no Campo da Feira de Tomiño, e fose necesario o uso de transporte público, o Concello valorará a posibilidade de abonar o desprazamento en autobús, realizando unha solicitude previa.



Tomiño remata a entrega de sete mil máscaras e suma 9.000 euros en axudas de emerxencia

 
Tomiño, 8 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Benestar Social, vén de rematar a entrega da segunda campaña de máscaras hixiénicas confeccionadas pola rede de voluntarias que integran máis de 20 costureiras/os da localidade. Así, Protección Civil de Tomiño, entregou a semana pasada 1.340 unidades ás distintas asociacións de cada unha das quince parroquias, que se sumaron ás 1.890 repartidas en 27 establecementos comerciais de Tomiño e Goián, asociados a ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño).
Cristina Martínez, concelleira responsable da área, informou que en total foron distribuídas máis de 7.000 máscaras hixiénicas (4.000 na primeira remesa e 3.000 na segunda), grazas ao traballo de todas as voluntarias, a colaboración de Adeto e tamén á labor de protección civil.
No que respecta ás axudas de emerxencia, recibíronas ata o momento, un total de 47 familias (135 persoas), para gastos de alimento, aluguer, transporte, farmacia, etc., por un importe total de 5.740 euros, aos que hai que sumar outros 3.260 euros en concepto de prórrogas para alimentos, a 25 familias (90 usuari@s), alcanzando os 9.000 euros en axudas de emerxencia durante a pandemia do Coronavirus.
Lembrar tamén o xantar solidario para 3 persoas adultas e 5 menores, distribuido todas as semanas polos praceiros do Mercado Municipal, coa colaboración do Concello e Protección Civil de Tomiño.



Pontón critica a incapacidade de Feixóo para dar solucións aos concellos galegos da “raia” incomunicados polo peche da fronteira

Tomiño, 5 de Xuño 2020.-  A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse até a Ponte de Goián para trasladar o apoio do BNG aos veciños e veciñas dun e outro lado da “raia”, que levan tres meses de confinamento cun só paso fronteirizo aberto pese a que 44.000 persoas teñen que desprazase a diario a ambas beiras do Miño por razóns de traballo, económicas ou de relación social.
“Vemos como esta zona de intensas relacións económicas, comerciais, laborais e persoais está nunha situación de incomunicación que obriga á veciñanza a dar rodeos de centos de quilómetros para poder ir ao traballo ou facer outras xestións percorrendo distancias que, en condicións normais, están a puñado de quilómetros, un problema engadido á grave crise derivada da COVID19”, salientou Pontón.
Para a candidata a Presidencia, non ten sentido que só haxa un paso fronteirizo nunha zona de tanta intensidade de tránsito de vehículos e persoas e na que hai a mesma situación epidemiolóxica e, por tanto, non hai ningún risco: “esta situación só se explica pola incompetencia de quen neste momento está nos gobernos”, denunciou.
Para Pontón o que está pasando na froiteira entre Galiza é Portugal é consecuencia “de que se tomen decisións sobre os nosos intereses a 600 quilómetros desde un despacho de Madrid, onde se ve moi lonxe o que lle poida pasar ao Rosal, ao concello de Tomiño ou ao concello das Neves, e non entenden esta realidade”, argumentou.
A líder nacionalista foi moi crítica coa inacción política do presidente da Xunta, de brazos cruzados ante un problema que afecta directamente a 150.000 galegos e galegas.
“Esta situación tamén e consecuencia dun Feixóo que se parapeta tras os medios de comunicación pero non da a cara pola veciñanza desta zona que leva tres meses reclamando máis pasos para evitar a incomunicación”, alegou, “e tamén consecuencia dun Goberno central que vive na improvisación, que pola maña da unha data para a apertura de fronteiras, que pola tarde rectifica e equivócanse porque o que hai que facer é abrir canto antes as fronteiras e, como mínimo, no inmediato habilitar máis pasos que eviten a situación inxusta que soportan os  e as traballadoras, cun prexuízo tan grande que para moitas persoas non lles compensa ir traballar porque é máis o que gastan en desprazamentos que o que van obter en salarios”.
Pontón fixo tamén unha reflexión en relación a situación derivada do COVID19, que evidencia a importancia para Galiza de traballar na eurorrexión e entender as relacións transfronteirizas como un eixo fundamental de desenvolvemento económico.
“Hoxe temos un presidente da Xunta que non mira para Portugal, que no mira para as oportunidades que ofrece a eurorrexión e que simplemente se comporta como un delegado do Goberno e non como presidente de Galiza. Por iso, un dos compromisos do BNG se o 12 de xullo obtemos o respaldo suficiente para liderar o próximo goberno galego é facer un eixo central da cooperación transfronteiriza e traballar nas relacións económicas e culturais e nos vínculos que existen a un lado e outro da raia porque esa é unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, explicou Pontón.
“Non o podíamos facer nunca e moito menos nunha situación de crise como a que temos agora e cando se necesita a fronte do Goberno galego a unha presidenta disposta a establecer unhas relacións de normalidade con Portugal e facer diso un elemento de desenvolvemento económico desta zona”, recalcou.
Controversia coa data de apertura de fronteiras
Pola súa parte, o cabeza de lista da provincia de Pontevedra, Luís Bará, salientou a importancia de que, fronte ás controversias coa data de apertura xeral de fronteiras para o turismo, a apertura de pasos para as persoas traballadoras debe ser inmediata e, se cabe, adaptada a horarios laborais para facilitar a mobilidade das persoas que traballan a un lado e viven a outro da 'raia'.
Insistiu en que resulta "tremendamente inxusto" poñer ao mesmo nivel o turismo e as necesidades das e dos traballadores, que deben asumir os custes económicos de desprazarse centos de quilómetros de rodeos e o gasto en tempo de facer eses percorridos e esperar nas colas de Tui-Valença.
"Está ben que se potencie a chegada de visitantes, pero o principal, o necesario e imperioso é facilitar a actividade económica de toda a fronteira e das e dos seus traballadores, que agora mesmo está afogada. Non é suficiente dicir que se abren en xeral as fronteiras nin o 1 de xullo nin tampouco o 22 de xuño", finalizou.
No seu desprazamento até a Ponte de Goián, Pontón e Bará estiveron acompañados por alcaldes, alcaldesas e cargos institucionais e orgánicos do BNG dos concellos afectados polo peche da fronteira con Portugal.



ADETO súmase á campaña “Comercio Seguro”
Tomiño, 3 de xuño de 2020.- A asociación integrouse na campaña de comercio seguro da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados.
Para desenvolver esta campaña utilízase a ferramenta de autoavaliación da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Esta ferramenta elabora un informe personalizado coas medidas necesarias para que se cumpran os requisitos de 'Comercio Seguro', en relación coa seguridade fronte á Covid-19. Aquelas persoas que queiran realizar un autodiagnóstico dos seus establecementos comerciais poden acceder á web https://www.comerciosegurogalicia.gal/register
A través deste test, a Federación Provincial de Comercio emitirá un certificado que acreditará para os clientes que ese local é seguro para realizar compras. Este selo da federación do mesmo xeito que o da Confederación Española de Centros históricos entregarase de forma gratuíta a todos aqueles establecementos que forman parte deste organismo e obteñan unha cualificación de elevado ou moi elevado, é dicir, unha puntuación superior a 8 sobre un total de 10.
O selo garante que tanto os empregados como os consumidores dese recinto acóllense a todas as medidas de seguridade e protección establecidas pola administración. O baremo para a emisión deste certificado será o establecido pola Xunta de Galicia no programa de autoavaliación.
A federación realizará revisións periódicas e aleatorias, a través do procedemento de Cliente Misterioso para comprobar se o grao de cumprimento da normativa nosestablecementos co certifico cúmprese para garantir a seguridade e a saúde de consumidores e persoal.
Os establecementos que non superen a avaliación terán un prazo de 15 días para resolver as deficiencias e optar a unha nova revisión que lles permita lograr o selo.
Todo aquel que desexe solicitar o selo ou recibir máis información pode facelo a través do correo de ADETO info@adeto.es ou no teléfono 986.098.902. Dende Adeto animamos a todos a participar xa que nestes momentos é bo xerar tranquilidade e seguridade nos clientes.

Tomiño investe 100.000 euros en axudas a entidades sen fins de lucro, para actividades sociais, culturais e deportivas
Tomiño, 2 de xuño de 2020.- A partir de mañá, estará aberto o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen fin de lucro que desenvolven ao longo de 2020, actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais.
As bases para optar ás axudas correspondentes ao exercizo 2020, foron publicadas no BOPPP do 16 de marzo pasado, pero os prazos suspendéronse como consecuencia da crise sanitaria, polo que reinícianse os prazos para a presentacion de solicitudes a partir de mañá, 3 de xuño, e até o 3 de xullo deste ano.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello (www.tomino.gal), ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As entidades de carácter social, cultural ou deportivo interesadas en optar á concesión das subvencións, deberán solicitalo mediante a presentación da seguinte documentación (dispoñible na Sede Electrónica):
• Formulario 1: Impreso oficial de solicitude, que irá acompañado da documentación que nel se indica.
• Formulario 2: Certificación do acordo de solicitude, nomeamento de representante para as relacións co Concello e número de persoas socias.
• Formulario 3: Certificación dos datos bancarios da entidade (selado pola entidade bancaria).
A través destas axudas, o Concello de Tomiño investirá 100.000 euros para apoiar e promover todas aquelas actividades que repercutan no desenvolvemento do municipio e que contribúan ao fomento dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, en especial ao benestar social da cidadanía, á promoción da cultura e ao fomento do deporte.
Axudas deportivas
O goberno municipal destinará 45.000 euros a entidades sen fin de lucro e deportivas individuais, coa finalidade de fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades deportivas durante todo o ano.
Neste caso serán subvencionales os gastos federativos correspondentes á tempada, os gastos de arbitraxe, os de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, os de mutualidades e seguros, os de material deportivo de carácter funxible ou de carácter inventariable e os gastos de equipamento e vestimenta deportiva. Cando a subvención sexa solicitada para deportistas individuais de Tomiño, estes terán que ser recoñecidos a nivel galego, estatal ou internacional.
Subvencións culturais
O Concello de Tomiño tamén destinará un orzamento de 40.000 euros a axudas municipais a entidades sen fins de lucro, para a realización de actividades culturais durante o ano 2020, co propósito de contribuír ao desenvolvemento de proxectos ou actividades culturais que fomenten os intereses xerais ou sectoriais da veciñanza, con especial atención á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais.
As axudas neste eido estarán destinadas á realización de actividades das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, a actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; de promoción dos produtos agrícolas e gastronómicos da zona; recuperación de espazos naturais ou de lecer e outros proxectos de especial interese cultural e social.
Porén, queda especificamente excluído o uso destas axudas para a adquisición, reparación ou mantemento de bens de inmobilizado, gastos correntes, celebración de festas parroquiais, etc. que non estean directamente vinculados á actividade obxecto da subvención; así como para saldos debedores das contas bancarias, de procedementos xudiciais, impostos, recargas e sancións administrativas.
Actividades sociais
O Concello destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades que promovan o benestar social da cidadanía a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá dentro do ámbito dos Servizos Sociais durante o 2020.
A través destas axudas o Concello pretende axudar a financiar os gastos de proxectos de atención á discapacidade e aos menores; apoio á dinámica familiar, voluntariado social, atención á toxicomanía, prevención de situacións de violencia intrafamiliar, promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, atención á inmigración e a minorías étnicas e outros proxectos de especial interese social nos que estea xustificada a financiación municipal.
Bases completas neste enlace:
https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2020/03/16



O ORAL volve atender no Concello de Tomiño pero só con cita previa
Tomiño, 2 de xuño de 2020.- A partir do día 1 de xuño, volven estar abertas para a atención presencial todas as oficinas do ORAL, pero EXCLUSIVAMENTE CON CITA PREVIA (chamando ao teléfono de atención ás persoas contribuíntes 986 804 100).
Dadas as circunstancias, o persoal do ORAL só se desprazará ao concello para atender ás persoas contribuíntes os días mércores, sempre que haxa citas concertadas e só estarán na franxa horaria das citadas citas.
Polo momento, na fase II de desescalada na que se atopa a provincia de Pontevedra e a Comunidade Autónoma de Galicia, os servizos de atención ao público que se prestarán nas oficinas unicamente serán aqueles que, ademais de ser considerados esenciais, sexan os que se poden atender por volume de afluencia de público no momento sanitario actual.
Tamén pode obtenerse cita previa a través dos seguintes enlaces:
WEB ORAL: https://www.depo.gal/oral-xestion-tributaria-e-catastral
OVT: https://ovt.depo.gal/ovt/
SEDE ELECTRÓNICA: https://sede.depo.gal/citaprevia/

Tomiño retoma a celebración do mercadillo semanal dos mércores, con produtos de alimentación e agrícolas
Tomiño, 2 de xuño de 2020.- A partir de mañá mércores, Tomiño celebrará novamente o seu mercadillo ambulante semanal, só con produtos de alimentación e agricultura, e respetando todas as medidas de seguridade para evitar posibles contaxios do Covid-19.
A actividade terá lugar na Praza do Seixo, en horario de mañá, mantendo a distancia preceptiva entre os postos e entre as persoas (2 metros coma mínimo). Non estará permitido tocar os produtos nin as superficies dos postos; haberá que esperar o turno e respectar o sentido de circulación (ir sempre pola dereita), limitando o tempo de permanenza ao mínimo imprescindible para comprar.
Asemade, será obligatorio o uso de mascaras hixiénicas ou similar.
A Policía Local estará vixiando que se cumpra a reglamentación, polo que dende o Concello, piden a todas as persoas que se acheguen ao mercado, respectar as medidas de prevención.



Liberación de una serpiente bastarda

Tomiño, 1 de xuño de 2020. A las 13:00 horas se recibe llamada telefónica de Emergencias 112 comunicando que en la empresa "Coplant" situada en el puente internacional de Goian hay una serpiente atascada en una pequeña estructura metálica.
La patrulla de la Policía Local se traslada al lugar entrevistándose con un trabajador de la empresa "Coplant" que nos indica que la serpiente venía en uno de los camiones de transporte de la empresa desde Oporto y que al estar descargando el mismo, la observaron atrapada, por lo que dieron aviso a Emergencias 112.
En el lugar se personó un agente del Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, identificándola como una serpiente bastarda, colaborando este Policía con el agente para proceder a liberarla de la estructura metálica y devolviéndola a su hábitat.

Concellos galegos súmanse ao manifesto “Cooperación contra o coroavirus”


Tomiño, 1 de xuño de 2020. Un total de 15 concellos galegos aprobaron xa o manifesto “Cooperación contra o coroavirus” que promove no eido estatal a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, da que forman parte nove fondos que representan a máis de 1.300 administracións locais, entre eles o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O texto sostén que “nun contexto global, abandonar aos países do Sur non é unha opción”, polo que unha vez superada a fase máis grave nos nosos territorios haberá que “axudar a outros pobos menos preparados para resistir os efectos da pandemia”.
Os concellos de Ames, Arteixo, O Barco, Bergondo, Cabanas, Cambados, Malpica, Moraña, Narón, Poio, Ponteareas, Sada, Sandiás, Silleda e Tomiño veñen de sumarse a esta declaración, mediante fórmulas como o acordo plenario, da Xunta de Goberno Local ou por Decreto de Alcaldía. No entanto, a través da web da Confederación, numerosos cargos electos se adheriron tamén de xeito individual, co obxectivo de visibilizar o apoio do municipalismo á cooperación internacional como instrumento necesario para responder ao desafío global xerado polo Covid-19. En xuño, o documento abrirase ás sinaturas da cidadanía en xeral, a fin de promover a defensa deste tipo de políticas públicas municipais.
O texto recoñece que “se non actuamos globalmente, o risco de que o virus rebrote ou de que aparezan novas pandemias será cada vez maior” pois “vivimos nun mundo hiperconectado”. Neste senso, a actuación dos fondos de cooperación “non só se limita á resposta sanitaria inmediata”, senón que fai fincapé en fortalecer as capacidades locais dos países máis empobrecidos para xestionar servizos básicos que lles permitan afrontar calquera crise.
Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar o investimento de 98.126 euros para frear o impacto do coroavirus en Mozambique e Guinea-Bissau, a través de cinco proxectos que inciden na sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga ou a saúde da infancia. Ademais, recentemente puxo en marcha nas redes sociais a campaña #OsMunicipiosCooperan, para poñer en valor a solidariedade internacional desde o local.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
Regreso al contenido