Tomiño, xullo 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, xullo 2020

PUBLICADAS
Tomiño investe 205.000 euros na mellora do campo de fútbol do Regatiño
Tomiño, 30 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no Campo de Fútbol O Regatiño, de Goián, por valor de 205.000 euros.
O investimento foi aprobado no último pleno ordinario, celebrado o 23 de xullo, coma unha das partidas principais do Expediente de modificación de créditos Nº 05/20.
A Concellaría de Deportes, que dirixe Fran Campo, planea a reforma do campo co fin de dotar á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para a práctica do fútbol e ademais, que posibilite o emprego intensivo da cancha e cun fácil mantemento. O concelleiro estivo en contacto coa directiva do club dende hai tempo co fin de que as obras respondesen ás necesidades do colectivo.
O campo do Regatiño, localizado na Avenida Brasil esquina Avenida Pío Troncoso na parroquia de Goián, ten unha superficie de 9.600 m² dotada de céspede artificial, que na actualidade presenta un importante deterioro, coa existencia de amplas zonas nas que a fibra ten unha lonxitude mínima ou se atopa totalmente esmagada.
Esta situación produce un deficiente uso da instalación, xa que se produce un bote irregular da pelota, e afecta a evolución dos xogadores, modificando as condicións de agarre ao terreo do calzado deportivo, o que pode provocarlles lesións musculares e articulares.
Por outra parte, nas gradas existen dúas fileiras de bancos plásticos para uso dos afeccionados, nas que é necesario repoñer ou substituír algúns elementos.
A finalidade dos traballos é mellorar o equipamento deportivo municipal coa instalación dun céspede artificial de nova xeración, acorde coa evolución técnica deste tipo de produtos deportivos, que ofrecen unha maior resistencia ao desgaste e reducen custes de mantemento.
Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, o que reducirá o impacto dos xogadores e xogadoras ao caer ao solo, e fará que a herba artificial teña unha vida útil máis longa.
Por outra banda, procederase á reposición dos bancos ausentes e a substitución dos que se atopan deteriorados, o que repercutirá na comodidade dos afeccionados.
.
Tomiño despide xullo con cinema ao aire libre e a proxección, mañá venres, de EL REGRESO DE MARY POPPINS
Tomiño, 30 de xullo de 2020.- Tomiño despide o mes de xullo con cinema ao aire libre e a proxección, mañá venres 31 de xullo ás 22.30h na Praza do Seixo, de EL REGRESO DE MARY POPPINS: unha película de xénero musical, fantasía e comedia, apta para todos os públicos. As entradas poden conseguirse (de balde) chamando ao Concello: 986 62 20 01.
Por outra banda, no mes de agosto chegará PUNKDEMIA, de Peter Punk; un espectáculo que nace durante a corentena vivida nos últimos meses. Unha visión práctica dos novos tempos da man de Peter Punk Pallaso. Novas rutinas, EPIs, equilibrios e moitas risas. Será o sábado 8 de agosto ás 21.00h na Praza do Seixo.
BRASSICA RAPA estará tamén EN CONCERTO en Tomiño (14 de agosto ás 22.30h na Praza do Seixo) Trátase dunha “brass band” de rapazas cun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop e bandas sonoras de películas a cancións reivindicativas, formando unha agrupación versátil e dinámica que pretende encher de música rúas e locais. Mesturan a música instrumental coa voz mediante arranxos propios de temas populares.
ACUARIO chegará o venres 21 de agosto ás 21.00h tamén na Praza do Seixo. Un espectáculo de teatro, baseado no libro de poemas de María Canosa co mesmo título. O obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral.
Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva.
Despediremos agosto o venres 28, cun concerto da Agrupación Musical de Goián, que terá lugar na Praza do Seixo, ás 22.30h.
.

Tomiño esixirá á Consellería de sanidade que repoña o médico do consultorio de Goián
Tomiño, 29 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato, repoña o servizo médico do consultorio de Goián, suspendido por mor da pandemia do coronavirus, sen que se repuxera despois do levantamento do Estado de Alarma.
Aclaran os nacionalistas que durante a crise do COVID, “a Xunta decidiu pechar o consultorio de Goián e trasladar o seu servizo ao Centro de Saúde, e ata o día de hoxe non foi reposto o servizo, e a única comunicación realizada ao Concello é que están á espera de cubrir a praza do médico de Goián (o anterior xubilouse) en setembro para retomar o servizo, o que está a xerar certas dúbidas entre a veciñanza”.
No referido á localización do servizo, a moción explica que en 2008 o consultorio mudouse, con autorización do Sergas, á casa reitoral, para o cal foi necesario asinar un contrato co Bispado Tui-Vigo; e aclara que a superficie era maior que a do anterior local e melloraba as condicións para a permanencia do servizo.
Asemade, Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que garanta a substitución en vacacións do persoal médico e administrativo do Centro de Saúde de Tomiño. O goberno local está convencido -tal coma manifesta a moción do BNG- de que os únicos responsables desta situación son o PP e a Xunta, que fan o mesmo cada verán. Esixirá polo mesmo, que o conselleiro de Sanidade reciba aos alcaldes e alcaldesas da comarca, para xuntos analizar a situación actual, trasladando ao mesmo tempo a moción aprobada en pleno por unanimidade, á Consellería de Sanidade, ao SERGAS e ao Parlamento de Galiza.
Por outra banda, para o BNG a falta de persoal carrexa enormes problemas aos usuarios e usuarias, que ven minguado un servizo tan importante coma a atención primaria, “xa que a actual situación supón o incremento do número de pacientes por médico, sobrecargando o servizo e atrasando a concesión das citas para consulta”.
Aclaran na moción que a situación non é algo illado, senón que se repite nos municipios da comarca, polo que con data 9 de outubro do ano pasado, os rexedores solicitaron cita co conselleiro de Sanidade, que aínda non foi concedida.
 .
A Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso aberto para obter ou renovar a licencia de navegación
Tomiño, 29 de xullo de 2020.- O vindeiro sábado, 1 de agosto, pola mañá, a Federación Galega de Motonáutica, impartirá coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación.
Carlos Estévez, vocal da federación, e Marcos Casaleiro, colaborador, mantiveron este mediodía unha reunión co concelleiro de Deportes, Fran Campo, para ultimar os detalles da acción formativa teórico-práctica, que terá lugar na contorna do Espazo Fortaleza, de Goián, e no río Miño, utilizando para as prácticas o pantalán adaptado existente na zona.
Ata o momento hai unhas vinte persoas apuntadas, e mañá (30 de xullo) é o último día para inscribirse, podendo participar tamén persoas con dificultades de mobilidade, xa que se contará cunha embarcación adaptada.
O pasado día 4 de xullo, impartiuse outro curso das mesmas características en Goián, coa participación de 27 persoas.
Para máis información e inscricións, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org
.

Cerveira e Tomiño presentan unha guía para a promoción conxunta do sector da flor e planta ornamental

 
Tomiño, 28 de xullo de 2020.- Os rexedores locais dos concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente, aproveitaron unha reunión de traballo con representantes de asociacións do sector da agricultura de ambos países, para presentar a “Guía para a Promoción do Sector Agrario: Flor e planta ornamental”, un dos resultados do traballo de dinamización económica transfronteiriza impulsado pola Axenda Estratéxica de Cooperación da Eurocidade.
A edición da devandita guía culmina varias iniciativas de traballo conxunto dos dous concellos, con participación de empresas e centros educativos de ambos os dous lados da fronteira galego-portuguesa do Río Miño. Así, na Mostra de Cultivos do Baixo Miño de 2019 celebrouse un encontro transfronteirizo sobre formación e emprego que reuniu, canda socios de acuBam e APPPFN, o IES Antón Alonso Ríos e a Escola Agraria de Ponte de Lima. Posteriormente, o pasado mes de Setembro, 30 empresas da península e doutros tres países europeos (Reino Unido, Bélxica e Franza) participaron dunha Misión Comercial inversa que explorou posibilidades de negocio e de proxección exterior co tecido produtivo transfronteirizo.
A publicación (cuxa publicación estaba prevista inicialmente para a Mostra de Cultivos 2020, que por mor da crise do coronavirus tivo que suspenderse), recolle as conclusións destas actividades e información básica tanto sobre a dimensión do sector no Baixo Miño e no norte de Portugal como sobre os centros educativos e titulacións relacionados coa agricultura no territorio da Eurorrexión. A guía, dispoñible para descarga en https://eurocidadecerveiratomino.eu/economia, informa tamén de eventos como a Mostra de Cultivos do Baixo Miño ou a Lusoflora e dá conta dos esforzos pola innovación das empresas implicadas neste sector produtivo.
Finalmente, un capítulo resume retos e compromisos do sector agrario para un desenvolvemento sostible en base aos 17 Obxectivos establecidos pola ONU neste ámbito. A Guía péchase cun directorio de empresas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a colaboración das asociacións profesionais e expresou o seu desexo de que nas actuais circunstancias de crise sociosanitaria, a guía poida ser útil para impulsar a recuperación da economía na que o sector agrícola vencellado ao viveirismo, a hortofroticultura e a flor cortada ocupa un lugar primordial. “É importantísima a labor que estades desempeñando para xerar esa sinerxia de coñecemento mutuo tan necesaria para mellorar, sobre todo, neste momento fundamental para o desenvolvemento sostible do sector”.
Fernando Nogueira, pola súa banda, felicitou tamén ás dúas asociacións implicadas no proxecto, salientando a importancia do mantemento e ornamentación dos espazos verdes. “Para nós, o desenvolvemento económico debe basearse na complementariedade e non se pode entender sen a colaboración entre institucións públicas, axentes económicos e sociais. Por iso, contar con asociacións profesionais activas e eficaces, como acuBam (Asociacións de Cultivos do Baixo Miño) ou a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) é unha garantía para o futuro económico da Eurocidade”, explicou.
O proxecto Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño está cofinanciada ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP  a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Dato do sector, incluídos na guía:
Sector da planta ornamental e flor cortada no Baixo Miño:
Existen 1.103 explotacións dedicadas á produción de horta e flor cortada no Baixo Miño, cunha superficie mínima de 500m2 cada unha. Delas, 721 son hortícolas, 244 producen flor cortada; 72 son mixtas e 37 producen planta ornamental.
O 53% das explotacións hortícolas e o 21% das de flor cortada, declaran superficies de cultivo ao aire libre. A asociación de produtores é a canle de comercialización máis empregada e abarca o 23%.
Séguenlle en importancia as cadeas de distribución (18%) e a venda directa (17%).
Segundo o Mapa de Cultivos, o sector da flor e da planta ornamental en Galicia, representa o 8,41% da produción final agraria, e está especialmente concentrado nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Máis do 30% dos produtores de planta ornamental dedícanse á exportación a fóra de Galicia.
-
Tomiño adhírese á rede Ágora de Concellos polo Espazo Público
Tomiño, 29 de xullo de 2020.- O goberno local de Tomiño adherirase á Rede Ágora, da que forman parte unha serie de concellos que teñen entre as súas prioridades a revalorización do espazo público para disfrute da veciñanza.
A decisión tomouse durante o último pleno de carácter ordinario, celebrado o día 23 de xullo pasado.
Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.
Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.
Os concellos que formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de  recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais.
O obxectivo é que de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclabeis.
Ágora está promovido e coordinado pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos, dirixida por Uxío Benítez, tamén membro do goberno de Tomiño.
Todos os concellos da provincia de Pontevedra que o desexen, poden sumarse a Ágora, formando parte dunha rede de traballo, intercambio de experiencias e información, e liñas de acción común cara á revalorización dos espazos público. A participación é totalmente gratuíta.
A Deputación de Pontevedra vén destacándose coma unha administración referente a nivel estatal, no que respecta á recuperación do espazo público nas súas actuacións na rede viaria provincial.
Iniciativas coma o Decálogo de Criterios de Intervencións nas Estradas Provinciais, o Plan Movese, a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, as subvencións aos concellos para elaboración de Camiños Escolares, etc., conforman as liñas de traballo previo, que agora queren consolidarse exportándose aos concellos, a través dunha rede estable de traballo municipal.
-

Postura do PSdeG-PSOE no Pleno respecto ó pleno ordinario
Tomiño, 24 de xullo de 2020. O xoves 23 de xullo, cun mes de retraso,  celebrouse Pleno ordinario no Concello de Tomiño no que se aprobou a adhesión a rede Ágora impulsada pola Deputación de Pontevedra. No Pleno debatéronse dúas mocións presentadas polo Partido Popular e polo BNG respectivamente sobre a sanidade e o Consultorio médico de Goian. As socialistas renunciaron a presentar unha moción propia datada no mes de xuño e votaron favorablemente a ambas poniendo enriba da mesa unha proposta para as futuras necesidades do Consultorio de Goián como é a ubicación do mesmo no inmoble recén adquirido coñecido como “a casa do Sacana”. Violeta de Santiago e Mirta Misa consideran que é unha ubicación idónea pola súa centralidade e accesibilidade e sin supor ningún desembolso extra as arcas do Concello.
Tamén se tratou unha nova modificación de crédito, neste caso para financiar diferentes obras, que as socialistas entenden necesarias. Entre outras figuran  a creación dunha aula de estudo na Casa da Cultura na que a voceira socialista manifestou as súas dúbidas sobre a futura operatividade da mesma así como da distribución dos 50.000€ de orzamento  da mesma.
Por outra banda as socialistas móstranse moi satisfeitas de que por fin, atenda as súas sucesivas  peticións da necesidade de cambiar o céspede do Campo Municipal do Regatiño. Este céspede conta con arredor de 14 anos, superada con creces a sus vida útil, e é causa de lesións continuadas nas xogadoras e xogadores. “ Encontrámonos na situación de ter dous equipos ascendidos a  primeira autonómica e ningún dos dous conta cun campo de fútbol axeitado , pola falta de criterio técnico deste goberno e por non  establecer prioridades segundo  as necesidades dos terreos de xogo”
Amais, as socialistas presentaron unha moción de reivindicacións do colectivo LGTBI, que foi aprobada por unanimidade e fixeron preguntas sobre o plan de reactivación da economía, polo cambio no proxecto da praza do Telleiro de Figueiró, polo abandono do kiosko do espazo fortaleza no que se investiron 123.000€ de cartos públicos.
Polas obras no entorno do Castelo de Goián, así como, por segunda vez, pola necesidade de contar cunha Ordenanza Municipal que regule os usos das terrazas hosteleras


Tomiño reactiva o REVITALIZA  e preséntao ante as Comunidades de Montes e Asociacións Veciñais
Tomiño, 24 de xullo de 2020.- Despois duns meses de parón, por mor do estado de alarma, o Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño reactiva o Revitaliza.
Logo de estar traballando na análise da situación e necesidades do concello, así como ver a situación noutros concellos en fases máis avanzadas, o departamento de Medio Ambiente e os técnicos do Revitaliza (mestres composteiros), quixeron comprobar a impresión e opinión das comunidades de montes, coas que se reuniron o pasado 15 de xullo, e coas asociacións de veciños, ás que se pretende citar a semana próxima.
Nestas reunións, aparte de explicar en que consiste este novo modelo, fálase sobre todo da necesidade de cada parroquia de instalar "Puntos verdes" (ou de intercambio de biomasa), da posibilidade de por un composteiro nos cemiterios e do contacto e lugar para organizar reunións de entrega/cesión de composteiros individuais (COIN) aos veciños de cada parroquia (cas medidas de seguridade precisas ante a covid-19).
O REVITALIZA foi deseñado e impulsado pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de establecer un novo modelo de xestión dos residuos municipais centrado na separación/tratamento da fracción orgánica dos residuos, o máis cerca posible do punto de xeración (Principio de proximidade-Estratexia Europea).
O investimento para levar a cabo o proxecto (como xa se presentou nos orzamentos deste ano),  é de 528.104,50 €, cunha achega da Deputación de 456.018,24€.
En toda a provincia, dentro do marco do Revitaliza, xa se teñen repartido máis de 5.000 composteiros individuais (COINs), e só en Tomiño, nos próximos meses, repartiranse ata 3.000. Éste reparto está previsto en dúas fases, a primeira centralizada nun punto do centro de Tomiño, para veciños que xa tiñan solicitado COIN e que se citarán por teléfono, e, a segunda, nas reunións por parroquias.
En canto a centros de compostaxe comunitario (CCCs), que se sitúan nos centros urbanos , hai 115 activos na provincia, dos cales 2 están en Tomiño (un no Seixo e outro en Goián). De aquí a final de ano, está previsto ampliar CCCs para dar servizo a tódalas vivendas no Seixo (11) e en Goián (3).


Tomiño visita a depuradora de Coristanco (A Coruña) para coñecer novas alternativas de baixo impacto ambiental
Tomiño, 22 de xullo de 2020.- Catro concelleiros e concelleiras do equipo de goberno de Tomiño, entre eles os de Servizos Públicos e Medio Ambiente, realizaron unha visita á depuradora de augas do municipio de Coristanco (provincia da Coruña), o día 17 de xullo pasado.
Acompañados por un técnico de medio ambiente do Concello, foron guiados polo xefe de sección da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade Jean-Pierre Blanco, a través das instalacións deste sistema de depuración de baixo impacto.
A depuradora consiste basicamente nun sistema de tres lagoas en liña nas que se plantaron sobre un sostén de plástico biodegradable, unha serie de plantas cuxas raíces aseguran osíxeno e un espazo para que bacterias sobrevivan e dixiran a carga contaminante da auga, vertendo logo auga limpa a un regato cércano, cun custo enerxético moi baixo.
“Desta maneira o Concello sigue investigando novas alternativas de baixo impacto ambiental para incrementar a capacidade de depuración e a rede de saneamento, dando alternativas aos veciños e veciñas que utilizan solucións de depuración unifamiliares, coma son as fosas sépticas”, explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
    
Pleno ordinario en Tomiño
Tomiño, mércores, 22 de xullo. Mañá, xoves 23 de xullo, O Concello de Tomiño celebrará pleno de carácter ordinario, no salón de plenos, ás 20.30h.
Orde do Día:
1. APROBACIÓN ACTAS ANTERIORES.
2. MOCION DA PROPOSTA ADHESION  REDE DE CONCELLOS ÁGORA POLO ESPAZO PÚBLICO E APROBACIÓN DO SEU PROTOCOLO DE ACTUACIÓN.
3. MOCIÓN DO PP CONSULTORIO DE GOIÁN.
4. MOCIÓN DO BNG SANIDADE PÚBLICA EN TOMIÑO.
5. MOCION DE URXENCIA GRUPO DE GOBERNO. ASUNTO: EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS Nº 05/20 CONSISTENTE NUN CRÉDITO EXTRAORDINARIO E NUN SUPLEMENTO DE CRÉDITO, POR IMPORTE DE 487.500,00 EUROS, FINANCIADO CON REMANENTE LÍQUIDO DE TESOURERÍA PARA GASTOS XERAIS.
6. MOCIÓN DE URXENCIA DO PSG-PSOE REIVINDICACIÓN COLECTIVO LGTBI.
7. ROGOS E PREGUNTAS.


Tomiño creará unha Aula de Estudo, en previsión de posibles rebrotes de cara ao outono
Tomiño, 21 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros para reconverter a Casa da Cultura municipal nunha Aula de estudo e acceso a internet, co fin de que os estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos, en caso de posibles rebrotes do coronavirus ou novos confinamentos, de cara ao outono.
A idea é facilitar a toda a mocidade de Tomiño un lugar para poder conectarse a internet e desenvolver a súa actividade académica así coma ter un lugar de estudo, minimizando o risco de contaxio.
Esta nova aula, virá a complementar o servizo de ordenadores prestado pola Aula Cemit -sita no Parque da Feira- e estará dotada de todas as medidas de seguridade (distancias, mamparas, xeles hidro-alcohólicos, etc.), e novo mobiliario adaptado ás necesidades dos estudantes. A alcaldesa, Sandra González, salienta que “ante o próximo inicio do curso escolar, no mes de setembro, e a incerteza das condicións nas que se desenvolverá, é preciso levar a cabo dita intervención co fin de que poida estar en funcionamento a tempo, para cubrir as necesidades que poidan xurdir”.
“Trátase dun novo uso dun espazo que polas súas dimensións -uns 200 m2- e pola súa localización, servirá de forma provisional, de aula de estudo da futura biblioteca de Tomiño, máis en ningún caso, supón a renuncia á execución do proxecto da biblioteca de Tomiño”, explica a rexedora.
Aínda que se trate dunha solución de tránsito, o goberno local quere que o novo espazo resulte agradable e acolledor, polo que está prevista a intervención da artista afincada en Tomiño Pilar Alonso, para que axude a darlle á estancia unha calidez e estética apropiada.
A obra, cun investimento total de 50.000 euros, será posible grazas a unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, que se levará este xoves a pleno.
Por outra banda, da mesma modificación de crédito, destinaranse 65.000 euros para o Departamento de Benestar Social co fin de reforzar os programas de Educación Familiar, Igualdade e Atención Temperá, tentando ao mesmo tempo, incrementar os fondos para que en caso de que a situación sanitaria o requira, poder xestionar o apoio ás familias máis vulnerables sen demoras, e tamén, poñer en funcionamento o servizo de atención temperá da comarca en Tomiño, complementando os equipamentos existentes nas instalación do devandito departamento.


A película “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro, proxectarase mañá e pasado en aberto
Tomiño, 20 de xullo de 2020.- O Servizo Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño, proxectará os días martes 21 de xullo, e mércores 22, a película “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro; un filme estreado en 2018, seleccionado e premiado en distintos festivais.
Trátase dunha actividade dirixida á poboación moza, da franxa de idade comprendida entre os 16 a 30 anos, consistente en visionado on line do documental,  e posterior faladoiro, tamén on line, coa intervención da directora.
O filme, de carácter documental, será proxectado mañá e pasado en aberto,  propoñéndose como unha reflexión sobre o xénero, o espazo público e a liberdade.
Posteriormente, o xoves 23 ás 20.00 horas, celebrarase un faladoiro coa autora, Xiana do Teixeiro, no que se poderá compartir impresións, preguntar curiosidades e crear un espazo para a reflexión colectiva. O coloquio terá un límite de 25 persoas.
Tanto para o visionado do filme, coma para participar no faladoiro, é necesario inscribirse previamente. Para isto é preciso rexistrarse a través da web municipal, recibindo confirmación e indicacións para conectarse.
Formulario de inscrición
Tamén é posible facer unha pregunta ou reflexión enviando un correo electrónico ao enderezo andrea@rexenerando.com ou enviando texto ou nota de voz ao número de teléfono 698 157 414.
Estas actividades estás financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría General de Igualdad y contra la Violencia de Género.


As dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores denunciadas polas Valedoras da Cidadanía, entre os casos destacados do informe B-Solutions
Tomiño, 17 de xullo de 2020.- Obstáculos legais insostibles que minan “un dos obxectivos principais das Eurocidades” e que “frean a cooperación transfronteiriza e nos levan lonxe do ideal dunha cidadanía europea”. Así describe a Comisión Europea os problemas de mobilidade transfronteiriza de menores, no informe elaborado tras a visita de campo do experto José Manuel Sobrino no marco dun proxecto B-Solutions, presentado conxuntamente pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e a AECT Galicia-Norte de Portugal como consecuencia do informe das Valedoras da cidadanía transfronteiriza sobre a eliminación de barreiras para a libre circulación de menores entre países veciños para realizar intercambios culturais, deportivos e educativos.
Este informe aparece agora recollido no compendio da Comisión Europea dos proxectos presentados ao proxecto B-Solutions, nos que se fai unha análise dos 43 casos identificados durante as dúas primeiras convocatorias, detallando a descrición xeral das solucións propostas en diferentes áreas temáticas e as conclusións principais.
 
Os problemas de mobilidade na Eurocidade
Tras visitar Tomiño e Cerveira, o experto da UE José Manuel Sobrino identificou a orixe do obstáculo á libre circulación de menores nos procedementos legais e administrativos actuais de ambos estados, unhas barreiras administrativas que afectan a 2.500 menores na Eurocidade Cerveira-Tomiño. Dous marcos normativos, creados para protexer aos intereses dos menores no estranxeiro, que, cando son aplicados “a espazos transfronteirizos como o da Eurocidade Cerveira-Tomiño, no que se dá unha grande integración e interacción territorial, social e humana, entorpecen o pleno desenvolvemento e formación dos nenos e nenas, limitando as súas posibilidades de beneficiarse das oportunidades que se presentan a ambos lados da fronteira no terreo educativo, cultural, deportivo e de lecer”. Unhas limitacións que, segundo o informe, tamén imposibilitan o uso apropiado e eficiente das infraestruturas e servizos existentes na rexión.
O experto salienta que os requirimentos administrativos actuais consumen tempo e cartos e se converten en “insalvables e moi gravosos dende o momento en que o tránsito deixa de ser esporádico e pasa a converterse en continuado ou frecuente nunha contorna transfronteiriza” cunha fronteira separada por apenas 200 metros. Isto dificulta a converxencia entre Tomiño e Cerveira, impedindo que “o efecto fronteira sexa percibido como unha oportunidade para o desenvolvemento territorial e socioeconómico da zona”.
Por todos estes motivos, a Comisión Europea propón no seu informe simplificar e “flexibilizar” as indicacións administrativas necesarias para a mobilidade transfronteiriza de menores non acompañados que cruzan as fronteiras entre España e Portugal para realizar intercambios culturais, deportivos e educativos. Ademais, suxire a creación dun modelo de autorización piloto para a Eurocidade que podería exportarse “a outras fronteiras interiores europeas nas que tamén aparecen estes obstáculos xurídicos e administrativos”.
Trataríase dun modelo de autorización específico para as zonas transfronteirizas que debería contar cunha maior duración no tempo, a posibilidade de ser empregada en varias ocasións e estar circunscrita a un territorio transfronteirizo específico como podería ser a Eurocidade. Ademais, suxire que para actividades reguladas como pode ser clases extraescolares ao outro lado da fronteira, a autorización podería ir acompañada dun documento do centro educativo, cultural ou deportivo no que o/a menor realice as actividades. Por outro lado, recomenda que no caso portugués a flexibilidade da autorización contemple outros aspectos como a modificación da lei portuguesa para requirir só a sinatura dun dos dous proxenitores ou titores e eliminar a certificación legal da sinatura, así como considerar a diminución do prezo do propio documento de autorización.
Finalmente, o informe recolle a proposta de levar esta problemática ao vindeiro Cumio Ibérico,  xa que o considera o escenario ideal para chamar a atención das administracións xerais sobre este tema e abordalo dun xeito práctico e útil.


Cerveira e Tomiño convocan un centenar de artistas ao 8º Certame de Pintura Antonio Fernández
Tomiño, 15 de xullo de 2020.- O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, por segunda vez.
O certame, que chega á súa oitava edición, celebrarase o domingo 16 de agosto de 2020, cunha novidade moi importante: ábrese a participación a menores de 18 anos, con dúas novas categorías: xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos).
Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar ao realizar a súa inscrición en https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades. O procedemento e a técnica de pintura serán libres. A obra deberá realizarse in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías).
A inscrición será gratuíta e farase ata o 12 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na web e por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19 a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online. Non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame.
Outra novidade é que por primeira vez haberá limitación de prazas, dispoñéndose dun centenar de lugares, repartidos da seguinte maneira: 25 prazas modalidade infantil (6 a 12 anos); 25 prazas modalidade xuvenil (13 a 17 anos), e 50 prazas categoría adulta (a partir de 18 anos).
As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián – Tomiño, co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.
Todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nos espazos situados na contorna da parroquia de Goián (Tomiño) e Cerveira (Portugal).
O xurado, composto por personalidades vinculadas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, emitirá o fallo ás 18:30 horas (17:30hPT).
Premios
Establécense os seguintes premios:
Categoría adultos:
·         1º Premio: 1.500 euros.
·         2º Premio: 500 euros.
·         3ª Premio: 500 euros.
Categoría infantil:
·         1º Premio: Diploma e bono por valor de 50€ para gastar na Bienal de Cerveira.
·         2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€
Categoría xuvenil:
·         1º Premio: Diploma e bono por valor de 100€ para gastar na Bienal de Cerveira.
·         2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€
Na categoría adultos o 1º premio será con cargo ao orzamento do Concello de Tomiño, o 2º Premio correrá a cargo da Comunidade de Montes de Goián, e o 3º, a cargo da  Fundação Bienal de Arte de Cerveira. Nas categorías infantil e xuvenil os primeiros premios correrán a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e os segundos do Concello de Tomiño.
As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade:
https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/
A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, explica que este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.


A Praza do Seixo concentra a actividade cultural  do verán en Tomiño
Tomiño, 15 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño, tras redeseñar a programación cultural de verán por mor do Coronavirus, arrancou a súa axenda o pasado día 3 de xullo co concerto do grupo “De Vacas”.
As actividades continúan este venres, 17 de xullo, con cinema ao aire libre na praza do Seixo e a proxección de “El Parque Mágico”, ás dez e media da noite (22.30h).
O venres seguinte, 31 de xullo á mesma hora e lugar, nova sesión de cine familiar, con “El regreso de Mary Poppins”.
Xa en agosto, o sábado 8, ás 21 horas, o público infantil poderá gozar co pallaso Peter Punk, no espectáculo “Punkdemia”, o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.
O venres 14 ás 22.30h, concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por rapazas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo, a través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas.
O sábado 22, chegarán os Monicreques con música, na obra “Acuario” (21.00h). Baseado no libro de poemas de María Canosa, esta obra ten coma propósito que a xente miúda, se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico e mariño.
E pechando a programación, o venres 28 de agosto, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá un concerto, ás 22.30 horas.
Todos os espectáculos serán na Praza do Seixo, gardando as distancias e demais medidas de seguridade para previr contaxios.
IMPORTANTE: aínda que todas as actividades son gratuítas para o público, será necesario reservar a entrada, chamando de luns a venres en horario de mañá ao Concello (986 62 20 01).
Pecha o mes de agosto a Agrupación Musical de Goián, cun gran concerto na praza do Seixo, a partir das 22.30h.
IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986622001 (máximo 5 lugares por persoa).
Obradoiros
A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio:
OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas)
Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre.
Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h
CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas)
O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.
Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.
As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos omix@tomino.gal.
Toda a programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.


Tomiño estuda a súa superficie de faixas secundarias a incluir no  Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais

Tomiño, 14 de xullo de 2020.- Técnicos de Urbanismo e de Medio Rural do concello reuníronse o pasado 30 de Xuño con técnicos de SEAGA (Empresa pública de servizos agrarios galegos) para delimitar o alcance das faixas secundarias que aparecerán no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Tomiño.
Este plan terá un período de exposición pública, no cal as persoas responsables da xestión (titulares das parcelas) terán acceso á información relativa ao Plan Municipal e ás parcelas afectadas polas faixas secundarias. A aprobación será froito da adhesión do Concello de Tomiño, en maio de 2019, ao convenio de colaboración, subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e do que se ven de firmar unha terceira addenda.
Cabe destacar que éste ano, debido ó seu risco de incendio, a Comisión de Seguimento do Convenio seleccionou como parroquias priorizadas en Tomiño: Santa María de Tomiño e San Pedro de Forcadela. E, en base a esa priorización, os titulares de parcelas afectadas por faixas secundarias destas parroquias, poden firmar a adhesión ao contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias. Para elo, recibirán unha carta explicándolles o procedemento, e se están interesados, tramitalo no concello.
Coa adhesión a este convenio o Concello contará coa colaboración de SEAGA para levar a cabo as execucións subsidiarias naquelas parcelas que queden sen xestionar en faixas secundarias en parroquias priorizadas, isto é, manter limpa de biomasa e libre de eucaliptos, piñeiros ou acacias una faixa de 50 metros en solo rústico dende:
·         Solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable.
·         Edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e
         parques e instalación industriais.
·         Edificacións illadas en solo rústico.
A este respecto, no mes de maio, mediante Bando da Alcaldía, anunciouse a obrigatoriedade das persoas responsables dos terreos situados nesas faixas, de acometer os criterios de xestión da biomasa (roza, poda ou corta, segundo proceda) e o prazo, polo Estado de Alarma, estendeuse ata o día 16 de xullo de 2020. Do mesmo xeito, vense de publicar un novo bando co nome das parroquias priorizadas.
Acción contra incendios
O Concello vén actuando en prevención dende hai tempo, tendo en conta, sobre todo, a Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Ordenanza municipal da xestión da biomasa e distancias de plantacións do Concello de Tomiño (BOP Nº 58 de 26 de marzo de 2015, modificada no BOP Nº 239, do 13 de decembro de 2018).
Deste xeito, no Concello de Tomiño tramitáronse no ano 2019 un total de 421 expedientes por incumprimento da limpeza de fincas e tala de especies prohibidas, labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa. Destes, foron tramitados 347 expedientes (un 82%); desestimados 42 expedientes (un 10%), e os restantes 20 expedientes quedaron pendestes para este ano.
Dos 347 expedientes tramitados, 320 foron motivadas polo Art.7 da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, o que supón un 66,28 % do total; 90 expedientes foron tramitados por Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, un 25,94 % do total, e os restantes 27 foron polo Art. 10.4 sobre Camiños Públicos da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, un 7,78 % do total dos expedientes notificados.

Á venda os ‘Bono Adeto’
Tomiño, 14 de xullo de 2020. A Asociación ADETO puxo en circulación os ‘Bono Adeto’. Son bonos de 20 euros que poderán gastar nos comercios onde atopes o cartaz da campaña por valor de 25 euros (desde a asociación regalan cinco euros).
Durante este mes de xullo e ata fin de existencias poñeranse ao dispor dos clientes bonos que terán que utilizarse antes de que acabe o mes desde a súa adquisición. Pasada a data de caducidade que aparece nos propios bonos xa non se poderán utilizar.
Ademais, os 25 euros non son fraccionables, nin acumulables, deben gastarse dunha soa vez e limítase a 4 a cantidade de bonos a comprar por unha persoa, como indican desde ADETO.
Hai 3 puntos de venta destes bonos que son: a oficina de Adeto, Consulvin e La Reina Caracola.
Con esta campaña preténdese apoiar ao pequeno comercio asociado a través de bonos de compra, buscando:
• Incentivar a compra no sector comercial, hostaleiro e de servizos da localidade.
• E que as persoas consumidoras benefíciense dun aforro do 20% á hora de facer as súas compras.
+ info en www.adeto.es (bases e listaxe de establecementos)


O mercado ambulante de Tomiño retoma a súa actividade co 100 % dos postos

 
Tomiño, 13 de xullo de 2020.- O mercado ambulante retomará o vindeiro venres a súa actividade co 100% dos postos que o compoñen. Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, mentres que os de roupa e outras seccións, se situarán na rúa Daniel Calzado, igual que antes da pandemia. Iso si, haberá que ampliar a superficie para que poidan instalarse gardando as medidas hixiénico-sanitarias establecidas polo “Plan para a transición cara a unha nova normalidade” da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a boa disposición do equipo de goberno para permitir a todos os postos asistir ao mercadiño dos días mércores, e pide a colaboración de comerciantes e consumidores para facer posible o cumprimento de todas as medidas de seguridade encamiñadas a evitar posibles contaxios.
Esta reubicación de postos ten carácter provisional, mentres dure esta situación de crise sanitaria, ou se transmitan novas instrucións.
Entre as medidas de seguridade que deberán cumprirse obrigatoriamente, figuran as de usar máscara, tanto os vendedores coma os clientes, e gardar a distancia de seguridade interpersoal.
Durante todo o proceso de atención aos consumidores, deberá manterse a distancia de seguridade entre vendedor e cliente, que poderá ser de un metro, cando se conte con elementos de protección ou barreira; en caso contrario, metro e medio. O uso de máscaras e luvas para manipular os produtos en venda será obrigatorio para os vendedores, e os consumidores non poderán tocalos, polo que terán que estar colocados fora do alcance do público.
Cada posto deberá ter a disposición dos clientes dispensadores de xel hidroalcohólico e o tempo de permanencia no mercado será o estritamente necesario para a adquisición dos produtos.
Os refugallos terán que ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para ese uso, observando as ordenanzas ou bandos municipais ao respecto.
Os posibles incumprimentos poderán ser sancionados polas autoridades competentes.


O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño reuniuse cunha vintena de novos integrantes

 
Tomiño, 11 de xullo de 2020.- O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, de Tomiño, celebrou onte a primeira reunión despois da pandemia do Coronavirus.
A xuntanza, que tivo lugar ao aire libre, na zona do Lago da Pedra, foi tamén a primeira para os novos integrantes, unha vintena, a razón de catro por colexio de Primaria e outro tanto do IES Antón Alonso Ríos.
Logo dunha rolda de presentación, con xogos e actividades participativas, elixiuse á representante do Consello que actuará coma membro do xurado do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, na sección infantil-xuvenil.
Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, relataron a súa experiencia do confinamento, salientando as dificultades de cobertura de internet e telefónicas que sufriron en moitos casos, e que lles dificultaron sensiblemente a elaboración das tarefas requiridas polos docentes.
Falaron tamén de como será o vindeiro curso, do moito que botaron de menos aos amigos e familiares, e da data da vindeira reunión. Neste sentido, decidiuse que cada xuntanza será nun punto diferente da vila, e concretamente a próxima, será no lugar de Grixó (entre as parroquias de Barrantes e Tebra), a mediados de agosto.
Na orde do día desa reunión estará o da forma de traballo para o resto do ano, xa que en principio, pensaban traballar dende os coles, elaborando propostas de traballo, pero agora este tema depende da evolución das circunstancias orixinadas pola crise sanitaria. A xestión do Instagram e revisión dos estatutos por se fora necesario modificalos, serán outros dous importantes temas a tratar.


O Comité das Rexións da Unión Europea publica o Informe das Valedoras sobre o impacto do peche da fronteira do Río Miño
Tomiño, 10 de xullo de 2020.- O Comité das Rexións da Unión Europea @EU_CoR vén de publicar o informe realizado polas Valedoras/Provedoras Transfronteirizas Cerveira-Tomiño. sobre o impacto do peche da fronteira do Río Miño durante a recente crise sanitaria provocada polo Covid-19.
A publicación, titulada "O impacto do peche da fronteira do Miño debido á crise do COVID-19, Vila Nova de Cerveira (Portugal) e Tomiño (España)", pode consultarse (en inglés) na seguinte páxina: https://cor.europa.eu/EN/engage/Pages/covid19-stories.aspx?#340.
Na mesma, comézase explicando que "a evidencia dun pasado histórico común entre Galiza e Portugal vese claramente na boa relación actual social, económica, administrativa, comercial e cultural. Neste contexto, novas entidades transfronteirizas, coma a Eurocidade Cerveira-Tomiño  ou a AECT Río Miño, promoven a unión das poboacións separadas por apenas 200 metros do río Miño, contribuíndo ao establecemento dun espazo común  con máis igualdade e mellor calidade de vida. Neste contexto, o peche da fronteira durante a crise do COVID-19 provocou cambios significativos nas vidas dos e das residentes da fronteira galego-portuguesa, que nunca se viron nos últimos 30 anos, cortando as súas actividades diarias polo medio. Para reunir e avaliar todos os danos causados, as valedoras/provedoras recolleron información sobre o que significou o peche das fronteiras para unha poboación acostumada a convivir diariamente".
Coma se reflicte en dito informe, as alteracións na actividade laboral dos traballadores e traballadoras transfronteirizos polo peche das fronteiras, en termos de distancia, tempo e custos, representa o 45% dos 250 testemuños en primeira persoa, recollidos en apenas catro días a través dun cuestionario publicado no Facebook de Eurocidade Cerveira-Tomiño.
En máis de 30 anos, a vida cotiá dos habitantes do territorio transfronteirizo galego-portugués nunca foi tan prexudicada como nos últimos meses de peche das fronteiras, cunha redución da metade de toda a súa dinámica económica e social.
Entre as principais perdas mencionadas no informe está o cambio na actividade laboral dos traballadores transfronteirizos da rexión de Miño que, debido á limitación a un único punto de paso na fronteira de Valença e Tui, véronse obrigados a percorrer centos de quilómetros diarios, máis horas na estrada e aumentos de custos para facer as viaxes necesarias para chegar ao traballo.
Neste senso, incluíronse varias historias compartidas que evocan a imposibilidade de usar, durante a crise, servizos esenciais, concretamente educativos (colexios) ou saúde pública (consultas médicas e veterinarias) e a indisponibilidade de servizos ou equipos de ámbito deportivo, comercial ou cultural accesibles ao outro lado do río Minho.
O texto aborda os efectos económicos negativos do peche da fronteira, ben ao limitar as relacións laborais e comerciais, cunha redución de ata o 70% nos clientes, perdas de emprego ou dificultade para subministrar material para determinadas empresas, así como polos custos extraordinarios derivados da distancia ao punto único aberto ou á necesidade de alugar residencias provisionais. Non obstante, tamén hai cidadáns transfronteirizos con graves dificultades para manter relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores sen antecedentes familiares, entre outras).


Entra en funcionamento o edificio de  Benestar Social de Tomiño, tras a súa rehabilitación enerxética
Tomiño, 7 de xullo de 2020.- O remate das obras de rehabilitación enerxética levadas a cabo no  Edificio de Benestar Social (antigo centro de saúde), situado no Barrio da Rocha, permiten a entrada en funcionamento do mesmo, o martes da semana que vén.
Por este motivo, a atención ao público dos servizos sociais (asistencia social, educación familiar, orientación laboral, etc.) suspenderase os días venres 10 e luns 13 de xullo, mentres se realiza a mudanza dende as oficinas provisionais da rúa Bos Aires.
En caso dalgunha emerxencia, pódese enviar un correo a benestar@tomino.gal ou chamar ao Concello.
Cun orzamento total de 237.000 euros, procedente dunha achega do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético), e de 174.163,00€ de fondos propios, o Concello de Tomiño emprendeu a reforma do edificio en decembro do ano pasado.
O proxecto procuraba a mellora da calidade e sostibilidade do edificio adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local.
A actuación comprendeu, concretamente, a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación led e recuperador de calor.
As obras realizadas deron coma resultado un edificio municipal de categoría enerxética A, pioneiro no seu tipo na comarca, pensado para lograr un grande aforro en consumos de enerxía. “Deste xeito, péchase o ciclo de subministro e autosuficiencia cun carácter local, engadindo un valor maior a un edificio público e servindo coma exemplo de sostibilidade e sensibilización co medio ambiente”, explica a alcaldesa, Sandra González.
O proxecto foi posible grazas á concesión, en concorrencia competitiva, dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.


O servizo de Igualdade de Tomiño convida á poboación moza a ver a película “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro
Tomiño, 7 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño , a través do Servizo Municipal de Igualdade, organiza unha actividade dirixida á poboación moza da vila; concretamente, da franxa de idade comprendida entre os 16 a 30 anos, consistente en visionado on line do filme “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro,  e posterior faladoiro, tamén on line, coa intervención da directora.
O filme, de carácter documental, será proxectado en aberto,  propoñéndose como unha reflexión sobre o xénero, o espazo público e a liberdade.
Deste xeito, poderase visionar de balde, os días 21 e 22 de xullo, a obra estreada en 2018, seleccionada e premiada en múltiples festivais.
Esta actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría General de Igualdad y contra la Violencia de Género.
Faladoiro con presenza da autora
O día 23 de xullo, ás 20.00 horas, poderase asistir tamén a un coloquio coa autora, Xiana do Teixeiro, no que poder compartir impresións, preguntar curiosidades e crear un espazo para a reflexión colectiva. Para isto é preciso tamén rexistrarse a través da web municipal, recibindo confirmación e indicacións para conectarse.
Formulario de inscrición
O faladoiro terá un límite de prazas de 25 persoas. Esta actividades está dirixida á poboación de entre 16 e 30 anos. Só en caso de quedar prazas libres poderá ampliarse a outras franxas de idade.
Tamén é posible facer unha pregunta ou reflexión enviando un correo electrónico ao enderezo andrea@rexenerando.com ou enviando texto ou nota de voz ao número de teléfono 698 157 414.



Tomiño amplía o seu persoal con oito novas contratacións, realizadas a través de distintos plans de fomento do emprego
Tomiño, 6 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño vén de contratar con cargo a distintas subvencións de fomento do emprego, a oito novos traballadores /as, que comezarán a desempeñar as súas funcións de forma gradual.
Deste xeito, o persoal do Concello vese ampliado durante varios meses por cinco persoas desempregadas e perceptoras da RISGA (Renta de inclusión social de Galicia) que traballarán en limpeza, xardinaría e outras áreas do Concello, até o mes de marzo do 2021. Ditas contratacións leváronse a cabo con cargo a unha subvención de 67.075,65 € procedentes da Xunta de Galicia e 1.631,14 € de achega municipal.
Asemade, a través dunha axuda para o fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais,  dotada con 6000€ da Xunta e 3710,54€ do propio Concello, contratouse durante tres meses a dúas persoas que se desempeñan coma socorristas na praia de Goián, dende o pasado día 23 de xuño e até mediados do mes de setembro.
Por último, por medio do Programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural 2020), o Concello procedeu a contratar unha enxeñeira técnica forestal, que comezará a prestar os seus servizos no mes de agosto próximo. Farao a xornada completa durante nove meses, o que significará un investimento de 16.177,14€ de procedencia autonómica e 391,32€ de procedencia local.
A estes oito traballadores hai que sumar outros 24 do Plan Concellos 2020, que foron incorporándose dende o día 23 de xuño pasado, grazas á subvención da Deputación de Pontevedra (275.442,83€) e á unha achega municipal de 6.643, 12 €.



Rueda: “Pídovos que vaiades a votar con liberdade, porque a seguridade está totalmente garantida”

Tomiño, 04, xullo, 20. O presidente do PP de Pontevedra e candidato ás eleccións autonómicas do 12 de abril, Alfonso Rueda, pediu hoxe non caer nin na confianza dos resultados que dan as enquisas nin no medo a ir aos colexios electorais, porque estes son os grandes aliados dos que queren botar a Feijóo da Xunta de Galicia. “Pídovos que vaiades todos a votar e que o fagades con total liberdade, porque a seguridade está totalmente garantida”, sinalou ao tempo que criticou a quen intenta meter medo con algo tan serio como decidir quen vai gobernar Galicia os próximos catro anos.
Foi durante os mitins que se celebraron hoxe en Tomiño e Salceda, nos que tamén participaron a conselleira de Educación, Carmen Pomar, os presidentes locais e outros membros da candidatura popular. Durante a súa intervención, Rueda recordou que as enquisas están moi ben para dar ánimos, pero que non valen para nada máis porque o único resultado válido para gobernar a partir do 13 de xullo é o que sae das urnas. “Moito coidado coa confianza de que todo está feito”, insistiu, e recordou que en 2009, cando Feijóo gañou as eleccións por primeira vez, as enquisas dicían que Galicia ía seguir gobernada por un Bipartito PSOE-BNG. “Non caiamos no erro de pensar que está todo feito”.
Rueda dixo que hai que elixir entre dúas opcións: que siga gobernando quen conseguiu devolver a estabilidade a Galicia tras a crise de 2009 e que xestionou con anticipación e decisión a pandemia sanitaria, ou probar un multipartito de varios partidos que non teñen máis proxecto en común que evitar que goberne o Partido Popular. “Disto van as eleccións, de decidir quen queremos que se encargue de xestionar e ofrecer solucións, con todas as dificultades que imos ter por diante. Porque en catro anos non imos ter outra oportunidade para elixir, e agora non podemos dar un paso atrás”. Por iso, pediu votar pola xestión e pola estabilidade, “porque simplemente con contar historias e buscar enfrontamento non se soluciona nada, e moito menos agora”.
Por último, Rueda puxo en valor todos os investimentos da Xunta nos últimos anos, como o novo Centro de Saúde de Salceda, o aumento de prazas nas escolas infantís de Tomiño, tanto do CEIP Sobrada como na Galiña Azul de Goián, que será gratuíta para os segundos fillos e sucesivos independentemente da idade dos seus irmáns, das axudas para dependencia, o apoio aos sectores económicos estratéxicos da provincia e ao emprego, etc.



Tomiño forma en igualdade de xénero ao persoal do servizo de Benestar Social

Tomiño, 3 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño , a través do Servizo de Igualdade, organiza un obradoiro específico sobre violencia de xénero para o persoal do Departamento de Benestar Social do Concello. Os obxectivos específicos da actividade son os de facilitar a adecuación das intervencións profesionais aos principios básicos de actuación, ante vítimas de violencia de xénero, dende unha metodoloxía teórico-práctica.
Para elo, proporcionarase ás participantes un marco teórico e normativo en relación á violencia de xénero, vencellando tamén as experiencias profesionais das participantes aos conceptos  básicos sobre violencia de xénero.   
O obradoiro lévase a cabo a partir de onte, en tres sesións consecutivas, que terán lugar os días 2, 3 e 9 de xullo, entre as 8.30 e as 11.00 horas.
Esta actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría General de Igualdad y contra la Violencia de Género.

Tomiño amplía o seu persoal con 24 novas contratacións realizadas dentro do Plan Concellos
Tomiño, 3 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño vén de contratar con cargo á subvención de 275.442,83 euros, procedentes da Deputación de Pontevedra (Plan Concellos), a 24 persoas desempregadas, que comezaron a desempeñar as súas funcións de forma gradual (as primeiras incorporáronse o día 1 de marzo e as derradeiras o 29 de xuño, tras o paréntese do Covid-19).
Esta importante medida de fomento do emprego (Liña 3 Emprego Plan Concellos 2020), permitiu ao goberno local (que achegou pola súa banda 6.643,12€ de fondos municipais) ampliar o seu cadro de persoal con 4 peóns de xardinaría, 2 instaladores/as electricistas, 2 técnicos/as administrativos/as, 2 albaneis, 1 mecánico/a de mantemento e reparación de automoción, 1 carpinteiro/a, 1 soldador/a de estruturas metálicas lixeiras e 1 psicólogo/a.
Deste xeito, o persoal do Concello vese ampliado durante varios meses por 24 persoas que colaboran en diferentes áreas de labor municipal, aumentando a eficacia dos servizos aos que están adscritas. “ Temos que agradecer á Deputación de Pontevedra por esta importante axuda de case 300.000 euros, que nos permite contratar un bo número de persoas que levan tempo desempregadas, sobre todo, nesta situación de incerteza que estamos a vivir na actualidade tras a pandemia sufrida”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.



Tomiño comeza a reparación da ponte tardomedieval de Taborda
Tomiño, 2 de xullo de 2020.- O Concello de Tomiño vén de realizar a primeira fase dunha serie de obras programadas para a reparación e conservación da ponte tardomedieval de Taborda, máis coñecida coma “Ponte do hospital”. Trátase dunha ponte do S.XVI (finais da Idade Media) en cantería irregular, dun so vano e cunha lonxitude de 7 metros sobre o río Cereixo, que daba paso a un antigo hospital existente na zona.
Tras unha inspección dos técnicos municipais de Urbanismo, observouse un deterioro importante debido, probablemente, aos fortes temporais sucedidos no inverno, que fixeron aumentar o nivel da auga de xeito acelerado pero, sobre todo, á existencia de tres árbores de porte medio-grande, que tiñan as súas raíces encaixadas entre as pedras de apoio do arco. Os fortes e intensos ventos, fixeron que as árbores traballasen de forma negativa, producindo desprazamentos das pedras e afectando á estrutura. A maiores, os altos niveles de humidade dos troncos e raíces, ao empaparse, aumentaban o seu volume, favorecendo o desprazamento da cantería.
Inmediatamente, deuse parte á policía local da situación, a cal procedeu ao valado da ponte, impedindo o paso de peóns e de vehículos agrícolas, habituais na zona.
Seguidamente, procedeuse á execución da primeira fase do arranxo e recuperación da estrutura tardomedieval, consistente na corta das tres árbores que medraban dende a base da ponte. A intervención realizouse de xeito controlado e por seccións, para evitar danos á construción, coidando de non afectar ademais a unha liña aérea de subministro de enerxía eléctrica que discorre sobre a ponte.
En fases seguintes levarase a cabo a retirada, por medios manuais, dos tocos encaixados nas bases do arco, e posteriormente procederase ao cimbrado da ponte e á súa reparación, despois de remitir o corresponde proxecto ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia de reparar e conservar os elementos históricos e monumentais do municipio, na medida das posibilidades da administración local, e lamentou que a Consellería de Cultura non teña unha partida para a recuperación de bens de especial protección, coma esta ponte, que precisan de traballos específicos por parte de profesionais especializados.
   
Pontón chama a unha mobilización masiva nas urnas é a concentrar no BNG todo o voto desa maioría social que quere un cambio galego o 12X

Tomiño, 2 de xullo 2020.- A candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo desde Tomiño un chamamento á mobilización masiva nas urnas o 12X e unha apelación a concentrar no BNG todo o voto da maioría social que quere un cambio real, un cambio galego para facer posible a derrota do PP e dar paso a un tempo novo en Galiza.
Para conseguilo, “hai que encher as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou, porque só hai dúas opcións sobre a mesa: “ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG”.
Poñendo Tomiño como “exemplo” do que o Bloque é capaz de facer onde goberna, da capacidade contrastada para transformar en positivo á vida das persoas, de poñer en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social, Pontón convidou a trasladar ao conxunto de Galiza ese “bo facer” dos gobernos municipais do BNG.
A candidata á Presidencia destacou  que “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, cada vez somo máis as que  queremos superar esta Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e toda esa xente mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.
“Temos un obxectivo tan ambicioso como ilusionante: facer historia é que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista como presidenta”, proclamou, “facer historia é conseguir o cambio que prenda o motor deste país e venza á parálise e a submisión que representa o PP; facer historia é construír unha nova Galiza, gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, explicou Pontón.
Neste sentido, e ante a porcentaxe elevada de persoas que non teñen decidido o seu voto, a líder nacionalista fixo un chamamento instando a que se sumen á “onda de cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, e no seu potencial”, salientou.
“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que se vai facer valer, que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a  toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo dan man dun Goberno presidido polo BNG cunha muller á fronte”, proclamou.
O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a súa intervención para comprometerse a que o BNG se porá á fronte da cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal, territorio que cualificou como unha “plataforma para impulsar Galiza de cara á lusofonía”. Destacou que é preciso considerar prioritaria a relación co país veciño e insistiu na necesidade de mellorar infraestruturas, nomeadamente “da saída sur na estación de Vigo e dun tren Vigo-Porto do século XXI, moderno e seguro é fundamental”, dixo.
Recuperar o tempo perdido
É preciso, -destacou-, poñer fin aos once últimos anos perdidos de Feixóo para a Eurorrexión, xa que lembrou que as súas únicas iniciativas foron “a desidia, o desinterese e a inoperancia”. Como exemplo puxo a desaparición da Xunta na reivindicación da apertura de pasos na fronteira durante a crise da COVID-19, unha loita, lembrou Bará, que foi liderada polas alcaldías dos concellos transfronteirizos e polo director do AECT Uxío Benítez.
Bará destacou que é preciso traballar arreo polo territorio miñoto transfronteirizo e a súa recuperación socioeconómica tras a crise sanitaria. Puxo enriba da mesa a proposta de colaborar desde un Goberno liderado polo BNG coa AECT Río Miño para desenvolver un Investimento Territorial Integrado (ITI) que unifique todos os fondos das diferentes administracións co fin de potenciar a zona e salvar o desastre “económico e psicolóxico creado co peche da fronteira”.
Regreso al contenido