Tomiño, setembro 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, setembro 2020

PUBLICADAS
Unha viaxe teatral pola vida de María Casares inaugura a axenda cultural de outono do Concello de Tomiño
Tomiño, 30 de setembro de 2020.- “Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares” abre o vindeiro sábado, tras o parón do Covid-19, a Axenda Cultural de Outono do Concello de Tomiño.
Nesta peza, mesturando cinema en directo, teatro e música, percorreranse os lugares e momentos da vida de María Casares, actriz coruñesa de talla internacional considerada musa do existencialismo francés, na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.
O espectáculo é unha produción da Deputación da Coruña e Butaca Zero sobre o texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O elenco, encabezado por Belén Constenla e Nerea Brey, dando vida a María Casares, conta tamén coa actriz, bailarina e coreógrafa goianesa Sonsoles Cordón, que interpreta unha ampla gama de personaxes que acompañaron á diva coruñesa na súa traxectoria vital, por exemplo, Albert Camus, o seu grande amor.
Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais, ofrecéndose as obras para público adulto en días sábado e horario nocturno, e as infantís, en domingo, en horario de tarde.
Todos os espectáculos están programados no Auditorio de Goián, aínda que o aforo verase reducido por mor do protocolo Covid-19, seguindo todas as medidas de seguridade para garantir unha cultura segura.
A segunda das citas culturais deste outono será o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 17.30 horas. O grupo Viravai, chegará coa súa obra “As viaxes de Paio e Aurelio”; unha proposta para público infantil e familiar.
As viaxes de Paio e Aurelio relatan as andanzas dun teixugo molón e un oso polar, que visitarán o Polo Norte, nun espectáculo no que se abordan temas coma a diversidade, as linguas, as culturas, a amizade, a boa alimentación, nun contexto de respecto aos valores fundamentais.
Esta actividade está destinada a familias con nenos e nenas.
A axenda continuará o sábado 17 de outubro, cun Monólogo de Federico Pérez, seguido da obra “A casa do terror”, de Xoán Curiel e A Banda do verán, o domingo 18.
Ademais, é preciso reservar previamente as prazas, chamando ao teléfono 986622001 ou ben enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal
A venda e recollida de entradas será na taquilla do propio auditorio dende unha hora antes do inicio do espectáculo.
PROGRAMACIÓN:
DESPOIS DAS ONDAS, Butaca Zero.
Sábado, 3 de outubro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 7 euros.
Público adulto.
AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, Viravai.
Domingo, 4 de outubro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 5 euros (menores de 12 anos 2,5 euros)
Público infantil e familiar.
MONÓLOGO DE FEDERICO PÉREZ
Sábado, 17 de outubro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros.
Público adulto.
A CASA DO TERROR, Xoán Curiel e a A Banda do Verán.
Domingo, 18 de outubro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros)
Público infantil e familiar.
A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA, A xanela do Maxín.
Domingo, 15 de novembro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros)
Público infantil e familiar.
BERNARDA, Malasombra.
Sábado, 28 de novembro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 5 euros.
Público adulto.
  

O PSdeG-PSOE de Tomiño fai unha valoración pouco optimista do pleno do pasado xoves
Tomiño, 27 de setembro de 2020. O pasado xoves, 24 de setembro celebrouse en Tomiño  Pleno ordinario no que as socialistas lamentaron o retraso na convocatoria que provocou que decairan mocións presentadas o que, na súa opinión, perxudica a calidade democrática do Concello.
   As socialistas votaron a favor dos puntos levados na orde do día, propoñendo na aprobación dos festivos locais a realización dunha consulta entre a veciñanza para o vindeiro ano, favorecendo deste xeito  a participación veciñal.
   A Concelleira Mirta Misa defendeu unha moción presentada por rexistro o 5 de agosto, sobre a revisión do protocolo fronte a COVID 19 nos centros educativos. Ao ter pasado tanto tempo e estar desactualizada, as socialistas retírarona na Comisión, consensuando co BNG para adaptala e presentala por urxencia no Pleno. A sorpresa foi maiúscula cando  chegado o momento o BNG presentou outra de carácter máis xenérica, absténdose na do PSdeG-PSOE. Deste xeito é o consenso que o goberno nacionalista práctica.
   As socialistas fixeron preguntas sobre o comercio, a non ordenanza das terrazas, polo abandono da case totalidade de marquesiñas e a falta de desinfección das mesmas. Esixiron información sobre os parques infantís que se mantén pechados pero  se siguen usando sin ningunha medida de seguridade nin desinfección que establece a normativa.
No capítulo de obras, á pregunta de por qué a obra de remodelación da praza de Goián leva un ano adxudicada sen comenzar as obras, respostou o voceiro nacionalista que a causa é a pandemia que estamos a sufrir, argumento que non cremos pois a de Figueiró foi comenzada en pleno confinamento, o que demostra que esa non  é a causa da demora. Na citada obra de Figueiró, que xa excede o período de execución, a causa parece que tamén é a pandemia que causa  problemas no transporte das luminarias.
  Con respecto á sanidade, a voceira Violeta de Santiago, puxo no centro do debate a situación caótica e mesmo crítica no que se atopa o Centro de Saúde, agravada polo peche do Consultorio de Goián “ voltamos a poñer enriba da mesa unha solución factible, razoable e que acada un amplo consenso na veciñanza, que é reubicar o Consultorio na casa do Sacana, recen adquirida polo Concello. Á responsabilidade é absoluta da Consellería, pero si o goberno municipal baixa os brazos neste asunto, será cómplice do que aconteza.
   Por último propuxeron unha batería de medidas para intentar paliar o fartazgo e crispación actuais, como instar a solicitar reunións co Conselleiro, pois por whatsapp non nos parece a vía acertada, esixir inspeccións para coñecer si se están dando casos de malas praxis, para que se tomen as medidas oportunas de ser así, impulsar plataformas para canalizar as queixas, reclamacións e demandas das usuarias/os do Centro Médico, promover mobilizacións veciñais para esixir unha sanidade pública de calidade para os tomiñesxs ata que nos escoiten…
“Tendemos as nosas mans, conten  con nós para levar adiante todo o proposto a carón da veciñanza” É o ofrecemento que fixo Violeta de Santiago quen espera que o goberno recolla o guante.
    
Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da súa app Liña Verde
Tomiño, 24 de setembro de 2020.- A app móbil Liña Verde de Tomiño naceu hai apenas seis meses co obxectivo de ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo co Concello usando as novas tecnoloxías. Hoxe xa se superan as 1.000 incidencias solucionadas a través desta aplicación, a maioría delas (68,7%) resoltas en poucos días.
As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relacionadas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer o 36% das incidencias resoltas. Séguelle xa de lonxe as peticións relacionadas co baleirado de fosas sépticas (13%), coas fochancas (11%) ou co lixo (10%). Neste seis meses tamén se deu solución a problemas relacionados coa limpeza de camiños (5%), coa vía pública (4%), coas escolas (3%) e coa sinalización viaria (2%), entre outros.
Este iniciativa virtual permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias da veciñanza, cun tempo de resolución que varía dependendo do problema e dos recursos dispoñibles. Así, por exemplo, as incidencias relacionadas co alumeado público resólvense nas primeiras 48 horas, mentres que no caso do baleirado de fosas sépticas pasa a ser de 3 ou 4 días e ou de entre unha e dúas semanas como máximo na limpeza de xardíns e zonas verdes.
Dende a posta en marcha desta iniciativa virtual xa se recibiron máis de 1.500 peticións por parte da veciñanza, das que arredor do 70% xa foron resoltas e outro 13% están en proceso.
Trátanse de datos moi positivos que poñen de manifesto a gran utilidade da aplicación e “a implicación e participación cidadá, o que permite á súa vez dar unha resposta rápida a calquera problemática que poida xurdir”. “A app Liña Verde converteuse nunha importante ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello, o que nos permite coñecer mellor as súas necesidades e actuar dunha maneira máis eficaz, dando solución con celeridade ás incidencias”, salienta a alcaldesa, Sandra González.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salienta a adaptación do persoal municipal ao novo modelo de traballo. “Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa táblet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estatísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.
Dende o Concello anímase a toda a cidadanía a utilizar este novo servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai anos que inclúe a tramitación dixital a través do Xestiona e a comunicación dixital, moi importante no momento de crise sanitaria no que estamos, xa que evita que a veciñanza teña que facer trámites de xeito presencial á vez que se facilita o contacto e a resolución de problemas.
Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.
      
Tomiño aproba en pleno a súa conta xeral
Tomiño, 28 de setembro de 2020.- O Concello de Tomiño celebrou este xoves 24 un pleno ordinario no que, entre outros asuntos, se aprobou a Conta Xeral do orzamento municipal de 2019. A Conta Xeral é un trámite administrativo que rebela a boa saúde económica do Concello e que permite tanto á corporación como á cidadanía coñecer as actuacións realizadas durante todo o exercicio orzamentario, permitindo controlar o uso dos fondos públicos a xestión económica, financeira, patrimonial e orzamentaria do municipio.
Así mesmo, como confirman os datos achegado no pleno, Tomiño cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria no exercicio 2019.
Por outra banda, o Concello leva tempo traballando para axilizar a tramitación de facturas, fundamental para a reactivación económica no contexto de crise sanitaria que se está a vivir. Deste xeito, no segundo trimestre de 2020 o período medio de pago a proveedores reduciuse ata os 10,38 días.
No pleno tamén se trataron, entre outros temas a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro, martes de Carnaval, e o 13 de setembro, luns do Alivio. Ademais, aprobouse o protocolo para a posta en marcha dun proxecto piloto para compartir bicicletas eléctricas, unha iniciativa da AECT Rio Minho que busca incrementar a mobilidade transfronteiriza sustentable.
       
Tomiño pon en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade
Tomiño, 28 de setembro de 2020.- O Concello de Tomiño pon en marcha o curso ‘Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración’, un obradoiro dirixido a mulleres usuarias dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral en situación desemprego, de mellora de emprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade por diversas circunstancias.
Trátase dunha medida plantexada para facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da Covid-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral.
O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe gratuíto no grupo de tarde.
As participantes recibirán formación teórico/práctica en internet básico e medio (correo electrónico, Google office…), internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais  para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a Dereitos Laborais e un módulo básico de Igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas.
Ademais de para mulleres usuarias de Benestar Social e Orientación Laboral, o Concello abre a inscrición a mulleres que aínda que non sexan usuarias destes servizos se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego e estean interesadas. Dado que, por mor das medidas de seguridade e aforo máximo o número de prazas é limitado, en caso de que exista maior demanda que as existentes darase preferencia a mulleres empadroadas en Tomiño que, polas súas circunstancias persoais e/ou familiares, se atopen en maior risco de exclusión (mulleres con cargas familiares non compartidas, desempregadas de longa duración e similares).
Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal, indicando no  Asunto “Obradoiro competencias dixitais” e achegando os seguintes datos:
-          Nome e apelidos
-          DNI
-          Teléfono de contacto
-          Enderezo:
-          Indicación de situación laboral
Prazo de inscrición aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h.
       
Milu Rodríguez e Eduardo García, do Club Trega de Tomiño, proclámanse campións galegos no Campionato Máster ao aire libre

Tomiño, 28 de setembro de 2020.- Fantástica fin de semana para os deportistas tomiñeses. Os atletas da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño volveron ás pistas con grandes resultados despois de meses sen competicións pola situación sanitaria baixo as máis estritas medidas de seguridade. Foi o pasado sábado no XXXIII Campionato de Galicia Máste ao aire libre celebrado en Pontevedra, no que Milu García e Eduardo García se proclamaban campións galegos e conseguían un total de tres medallas de oro para o club tomiñés.
A guardesa Milu Rodríguez conseguía unha vez máis o título de campioa galega Máster 40 na proba de 5.000 m marcha mellorando a súa marca mínima cun crono de 28’26’’72. Pola súa banda, Eduardo García conseguía proclamarse campión galego M45 por partida dobre: na proba de 800 ml, onde entrou claramente en solitario cun tempo de 2’05’’04, e nos 400 ml, onde impuxo un forte ritmo de carreira dende a saída e entrando na liña de meta en solitario cun rexistro de 55’’76.
Dende a directiva do club destacan que as enormes marcas establecidas por estes dous deportistas demostran “a enorme calidade que ten o Baixo Miño, porque lideran os rankings autonómicos das diferentes disciplinas”.
Pola súa banda, o Club Deportivo Miño-Teixugos participou este domingo na última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom en augas do río Tea, ata onde acudiron 9 deportistas do club das categorías benxamín, alevín e infantil. O resultado foi un quinto posto por equipos e catro medallas individuais: Leila Álvarez acadou ouro en K1 Muller Benxamín; Nerea Álvarez, prata na mesma categoría; Alejandro Barreiro, bronce en K1 Home Benxamín; e Javier Llucha, bronce en K1 Home Alevín.
Uns bos resultados que foron acompañados dunha gran xornada na que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dun día de convivencia e amizade con rapaces e rapazas de toda Galicia.
A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño quere felicitar aos deportistas destes dous clubs polo gran labor que están a facer, valorando moi positivamente o seu esforzo e animándoos a seguir traballando para acadar futuros logros.


Tomiño alberga la última prueba del Campeonato Gallego Inclusivo de Motonáutica
Viernes, 25 de septiembre de 2020.- El Espazo Fortaleza de Goian, en el Municipio de Tomiño, alberga este sábado la quinta y última prueba del Campeonato Gallego Inclusivo de Motonáutica, recta final que tras varias jornadas de competición lideran los noieses José Barrio y Pilar Sarmiento.
Tras las citas deportivas de Tui, A Guarda, Portosín y Outes, la competición se ha ido decantando del lado coruñés, que desde el principio ha marcado el ritmo liderando el autonómico. Sin embargo la última palabra la tienen las aguas del Miño, hermanadas por España y Portugal y que este fin de semana serán testigos del desenlace final de este Campeonato Gallego Inclusivo, que organiza la Federación Gallega de Motonáutica en colaboración con el concello tomiñés.
No en vano, y a una distancia aproximada les siguen, en el cajón del podio provisional de la clasificación general, los vigueses Álvarez Camiña y Davila Piñeiro, siendo bronce los tudenses Carlos Estévez y Oswaldo Davila. Especial atención habrá que poner también en pilotos como el local Marcos Casaleiro y el sadense Calos Facal.
Con arranque programado a las 10.30 horas de la mañana, piloto y copiloto tendrán que enfrentarse a una serie de pruebas de destreza, en un circuito marcado por boyas fondeadas sobre las que tendrán que trazar un recorrido con diversas dificultades, y que serán desveladas en el último momento por el Comité de Jueces de la Federación Gallega de Motonáutica.
     
Feira de artesanía este domingo 27 en Tomiño
 
Tomiño, 25 de setembro de 2020.- Tomiño acolle esta fin de semana a celebración da primeira Feira de Artesanía, unha actividade organizada por Artesáns Baixo Miño coa que colabora o Concello tomiñés. O encontro terá lugar o domingo 27 de setembro na Praza do Seixo, onde o público poderá desfrutar dos postos de diferentes artesáns de 10.30 a 20.30 horas.
 
O obxectivo é promover a artesanía e reivindicar o papel dos artesáns como activo cultural nun momento tan complicado como o da actual crise sanitaria, coa cancelación da súa participación en numerosas actividades.
 
Os tomiñeses e tomiñesas poderán coñecer as creacións de arredor de 15 artesáns que traballan con distintos materiais e disciplinas, como a xoiería, a costura, a pirografía ou a cristalería, entre outros.
 
Durante a celebración do evento cumpriranse todas as medidas de prevención e seguridade necesarias.
 
                  
 
A Eurocidade Cerveira-Tomiño planta a ‘Árbore da Amizade’
 
Tomiño, 25 de setembro de 2020.- Con motivo da Semana Europea da Cooperación, os alcaldes da Eurocidade Cerveira-Tomiño, Sandra González e Fernando Nogueira, participaron este venres nun acto simbólico de plantación da 'Árbore da Amizade' no Parque de Lazer de Castelinho.
 
O dito asegura que a amizade é como unha planta, porque o seu fortalecemento require un coidado e atención permanentes. E esa é a mensaxe que os concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño pretenden difundir e compartir, que a cooperación transfronteiriza, que aínda que é algo natural cómpre potenciala e dinamizala para constituírse como un factor de impacto positivo no benestar de ambas as dúas poboacións.
 
A árbore seleccionada foi un carballo, elixido polas súas características de adaptación ao terreo e ás condicións meteorolóxicas, que medrará no pano de fondo o río Minho e o Espazo Fortaleza de Goián.
 
O alcalde de Fernando Nogueira, subliñou que este acto é “o arraigamento dun símbolo da Amizade Cerveira-Tomiño que, baseándose nesta cooperación potenciada por Europa, permite fortalecer os lazos de amizade que hai ancestralmente entre dous pobos veciños, que hoxe son moi fortes e que queremos que sexan cada vez máis indestrutibles”. Á súa vez, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, engadiu que "as árbores, que significan natureza, contribúen á posta en valor deste medio natural obxecto da cooperación transfronteiriza que existe entre Cerveira e Tomiño e que tamén se axusta á axenda europea no ámbito da protección, preservación e posta en valor do patrimonio natural”.
 
O Día Europeo da Cooperación celébrase anualmente na semana do 25 de setembro con múltiples accións levadas a cabo en diferentes rexións europeas co obxectivo de resaltar o potencial e a riqueza cultural presentes nos diferentes países que forman parte da Unión Europea.
 
      
 
Tomiño reclamará á Xunta os gastos xerados pola desinfección dos centros escolares  
 
Tomiño, 25 de setembro de 2020.- Tomiño súmase á reivindicación para que a Xunta dote de suficiente profesorado e persoal aos centros escolares, garantindo así a actividade educativa ao longo deste curso en calquera dos escenarios posibles. O Concello aprobou este xoves unha moción similar á presentada de forma conxunta por BNG e PSdG-PSOE e aprobada en sesión plenaria na Deputación de Pontevedra, na que se solicita ao goberno autonómico que asuma a responsabilidade e adopte medidas que son da súa competencia.
 
Un consenso en materia educativa que tamén inclúe a reclamación para que a Xunta dote aos centros escolares doutros medios necesarios que os permitan adaptarse ao protocolo de seguridade pola COVID-19, elaborado de forma unilateral polas consellerías de Educación e Sanidade.
 
A crise sanitaria supuxo un reto sen precedentes para o sistema educativo. Profesorado, familias e administracións locais fixeron un grande esforzo para mitigar todos os problemas xurdidos. Por este motivo, o Concello quere tamén emprazar á Xunta a abrir un diálogo urxente coa comunidade educativa e coa FEGAMP para resolver os problemas xerados por este protocolo anti COVID-19 e que atinxe a cuestións como a posta en funcionamento de comedores, plan Madruga e actividades extraescolares.
 Así mesmo, Tomiño reclamará que a Xunta leve a cabo os traballos de desinfección dos centros escolares obrigatorios por protocolo, tarefas que a pesar de ser de competencia autonómica o Concello está a asumir nestes intres por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todos e todas. Por este motivo, Tomiño tamén se sumará a petición de que a Xunta se faga cargo dos gastos de desinfección dos centros ou que elabore de forma consensuada un Plan Extraordinario de Limpeza e Desinfección dotado do financiamento necesario e que asuma a totalidade do sobrecuste destas tarefas.


O programa EncaixaT preséntase á comunidade educativa no Consello Escolar Municipal
Tomiño, 24 de setembro de 2020.- O Consello Escolar Municipal de Tomiño celebrou o pasado 18 de setembro a súa primeira reunión deste novo curso para abordar todas as novidades do vindeiro ano escolar. Durante este encontro, os e as integrantes do consello, composto por representantes de todo o tecido educativo, económico, social... tomiñés, coñeceron de primeira man o programa EncaixaT, un proxecto pioneiro co que se busca dar apoio ás familias que máis o necesitan dende un enfoque integral, positivo e participativo ofrecendo á mocidade un espazo onde o tempo de estudo se conxuga co traballo a nivel emocional e social e co fomento de hábitos saudables. Unha ferramenta innovadora que sitúa a Tomiño nunha referencia en políticas de infancia e adolescencia.
O programa, posto en marcha a través so Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), arrancará este mes de outubro e estará dirixido a escolares de primaria e secundaria, especialmente a aqueles que se atopan en situación de vulnerabilidade. Dúas veces á semana reuniranse na Aula CEMIT para traballar en grupo, prestando tamén atención á diversidade e apoio individual a cada participantes.
Estas sesións estarán centradas en dúas áreas de intervención. Por un lado, traballarase a formación socio-educativa a través de obradoiros específicos e actividades, cun programa enfocado a crear hábitos de estudo e outro ao tempo de lecer e a participación comunitaria. Por outra banda, darase ás e aos participantes apoio psicolóxico centrado na proxección de futuro, na resolución de problemas ou na autonomía persoal.
Segundo os últimos datos do SEAF no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.
Outros temas
Neste Consello Escolar Municipal o goberno local tamén deu conta de todas as obras de mellora realizadas nos centros escolares durante o verán, nas que se investiron máis de 60.000 euros. Traballos en 6 aulas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, en cinco centros de educación primaria, nas dúas Galiña Azul e no IES Antón Alonso Ríos aos que se suman os labores de mantemento en todos os centros. Tamén se explicaron todas aquelas obras que se levarán a cabo no vindeiro período vacacional, no Nadal.
Os centros escolares aproveitaron a xuntanza para explicar o protocolo que se está a aplicar como medidas preventivas pola COVID-19. Pola súa parte, o Concello explicou que está a asumir as tarefas de desinfección de todos os colexios, poñendo persoal polas mañás a disposición dos centros para poder desenvolvelas. O Concello reclamará á Xunta o enorme gasto que estes traballos supoñen para a partida destinada a Educación.

Tomiño participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega
Tomiño, 24 de setembro de 2020.- Como cada ano o Concello de Tomiño colaborará coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro 27 de setembro voluntarios e voluntarias participarán nesta actividade que, baixo o lema de ‘Móllate polos ríos’, promove a retirada de lixo da beira dos ríos, coa que se busca achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas fluviais e concienciar á veciñanza.
A Concellería de Medio Ambiente e a OMIX de Tomiño coordinarán a limpeza e participación de, aparte dos voluntarios e voluntarias inscritos, da Asociación A Taíña de Goián e o Centro terapéutico Alborada, de Piñeiro. Os e as participantes dividirante en dous grupos, un que sairá do antigo embarcadoiro do ferry en Goián, mentres que outro partirá da Praza do Seixo de Tomiño, fronte ao Concello. A actividade será de 10.00 a 13.00 horas.
A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas máscaras co lema da limpeza. Ademais, respectaranse as indicacións pertinentes en relación á crise sanitaria provocada pola COVID-19 dependendo da situación de cada municipio. Dende o Proxecto Ríos lémbrase que o uso de máscara é obrigatorio e recoméndase manter sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m e que cada persoa voluntaria levar as súas propias luvas.
Dende a organización aconsellan tamén non arriscar a integridade física para coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles; pedir axuda a outros participantes para recoller as cousas máis pesadas; extremar as precaucións para retirar vidro, ferralla ou materiais cortantes; non traballar de costas ao río sobre todo se se está arrincando algo que está enterrado para evitar o risco de caer ao auga e ter coidado coas zonas de corrente forte e profunda.
Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A XIII Limpeza SimultáneaMóllate polos ríos” celebrarase este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 58 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza do vindeiro 27 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 49 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.


“ARELA” busca en Tomiño persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia
Tomiño, 23 de setembro de 2020.- A Asociación Arela e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias que desexen convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia por orde xudicial.
A técnica da Asociación Arela, Eva Piñeiro, mantivo en días pasados unha xuntanza de traballo coa concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez Souto, e con persoal técnico,  para a presentación do programa.
A finalidade do mesmo é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Polo mesmo, as entidades están a solicitar o apoio dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e conseguir un banco de persoas ou familias na provincia.
A concelleira de Benestar Social e mesmo o Equipo de Servizos Sociais  e  a técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), amosaron gran sensibilidade con esta iniciativa e comprometéronse na difusión entre a veciñanza. Tan e así que e a día de hoxe xa hai algunhas familias interesadas en participar.
A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade e sentido do compromiso cara á adolescencia, que estean dispostas a facer unha aposta temporal por un moco ou moza con dificultades. Un ambiente socializador e positivo permitiralles modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada e de estabilidade emocional; comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, e non buscar satisfacer un desexo de paternidade.
Valorarase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, a predisposición a ser formado/a en diferentes temáticas como adolescencia e coñecementos de carácter xurídico .
ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento con acompañamento de profesionais, ademais dun financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.
Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como chamando ao teléfono da súa sede central, 986 21 25 37, ou enviando un correo electrónico a convive@arela.org

Tomiño leva a pleno un proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza para compartir bicicletas eléctricas
Tomiño, 7 de setembro de 2020.- O Concello de Tomiño celebrará este xoves 24 de setembro un pleno ordinario ao que se levará, entre outros temas, a aprobación dun proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave no que as bicicletas serán as protagonistas. Deste xeito, a través dun protocolo de colaboración, o Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) quere implantar un sistema para compartir bicicletas eléctricas co que fomentar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.
O proxecto contará coa instalación dunha estación de aparcamento virtual en Tomiño e Cerveira e un total de entre 10 e 15 bicis eléctricas con GPS incorporado que se poderán usar de forma compartida para circular exclusivamente no territorio da Eurocidade. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo programa INTERREG VA.
O Concello investirá nesta iniciativa piloto un total de 7.500 euros.
Por outra banda tamén se levarán a pleno a aprobación das contas xerais e a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021.


O teixugo Luís Fernández nos europeos de Praga coa Selección Española
Tomiño, 22 de setembro de 2020. O deportista de Salceda, membro do Club Deportivo Miño, Luís Fernández, foi convocado pola federación española de piragüismo para formar parte do equipo nacional de C1 que acudiu ao Campionato Europeo de Slálom celebrado na cidade de Praga. Esta é a primeira competición relevante que se celebra neste 2020, no que se cancelaron xa as Copas internacionais e as competicións restantes da Liga Española.
Luís comezou a súa participación o venres 18, na modalidade individual. O circuíto para a proba foi considerado polos participantes como longo e duro. Na súa primeira baixada o teixugo fixo un bo tempo, pero con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na segunda baixada, para repesca de semifinais, tampouco Luís foi quen de facer un bo tempo, quedando definitivamente fóra das semifinais, rematando o campionato no posto vixésimo cuarto.
O domingo, Luís participou na modalidade de equipos ou patrullas, cos outros dous integrantes do equipo de canoa, o catalá Miquel Travé, e, o tamén galego, Daniel Pérez. A baixada foi un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, no sétimo lugar.
Acompañando a Luís no equipo nacional  estaban outros dous galegos, Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo PenedoTe Importa. Daniel, tampouco foi quen de acceder a semifinais, mentres que Ainhoa fixo unha boa baixada e si deu acadado semifinais, aínda que non as finais, rematando o campionato décimo sexta.
Esta participación pon de relevo, unha vez máis, o bo momento do slálom galego, ata non fai moito dominado por deportistas vascos e catalás.

Cativos e cativas de Tomiño dobran a canción “Héroes” de Kiko Bea, con lingua de signos
Tomiño, 22 de setembro de 2020.- “Co obxectivo de conseguir que o alumnado do curso se sinta "protagonista", organizamos unha exposición no Mercado Municipal onde poden verse as esculturas e na que se proxectarán os vídeos dos que eles/as foron partícipes”, explica a responsable municipal de Mocidade, Fátima Rodríguez.
A concelleira refírese á exposición sobre o curso de lingua de signos impartido a través da Oficina de Información Xuvenil (OMIX), durante o confinamento.
A mostra poderá visitarse  ata o 30 de setembro no 1º andar do mercado, e haberá un acto coas familias (doblada na lingua de signos) o 26 de setembro, na que participará a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a docente que impartiu o curso, Miriam Aller.
Cando comezou a actividade extraescolar de lingua de signos organizada polo Concello de Tomiño, a profesora Miriam Aller da empresa “Entresignos”, pediulle aos cativos/as que fixeran un debuxo sobre que significaba a lingua de signos para eles/as, co obxectivo de ir facendo actividades de cara ao día da lingua de signos (14 de xuño).
Por mor do confinamento, non foi posible seguir facendo nada máis de xeito presencial, pero os grupos seguiron aprendendo e participando; durante os días da corentena a docente pediulle ao alumnado que fixera un debuxo sobre a situación actual e todas as aportacións recollidas foron incluídas nun vídeo dunha canción que se adaptou á lingua de signos. Tamén se realizou algunha escultura ou manualidade para conmemorar o día de lingua de signos.
O vídeo da canción adaptada (“Heroes”), onde saen os debuxos e os seus autores/as foille enviado ao autor e cantante da mesma, Kiko Bea, que lles felicitou polo traballo realizado.
Outro dos proxectos levados a cabo foi facer unha canción en lingua de signos co alumnado e coas familias. A profesora gravou a canción por partes, envioulla ás familias, estas practicaron primeiro e gravaron despois. A montaxe foi realizada con todos os vídeos recibidos.
“Todo o feito durante o confinamento foi moi gratificante porque participaron a maioría das familias, a implicación foi marabillosa”, comenta Rodríguez.
Os enlaces dos vídeos das cancións que xa están en YouTube e que tamén serán proxectados na exposición, son os que seguen:
Canción onde participou alumnado e familias:
https://www.youtube.com/watch?v=HLAP2UfeZyc
Día Nacional das linguas de signos (alumnado e familias):
https://www.youtube.com/watch?v=7RGTlcrV78I
Canción Héroes, Kiko Bea, persoa autora e cantante:
https://www.youtube.com/watch?v=EQG17JWCzTI


Varios cursos de idiomas "non clásicos" centran a oferta formativa de outono da OMIX de Tomiño
Tomiño, 18 de setembro de 2020.- O Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta diferentes actividades para os vindeiros meses. Unha vez máis, os idiomas son unha das apostas fortes dirixidas á mocidade do concello, pero tras varias tempadas con cursos de inglés, francés, portugués, italiano, nos últimos anos apostouse por introducir a oferta de idiomas non clásicos, coma o chinés, o ruso e o xaponés, con grande aceptación por parte da cidadanía.
Así, a principios de outubro comezan os novos cursos de idiomas RUSO E XAPONÉS nivel básico, e o de CHINÉS nivel A2.1. As tres actividades formativas teñen aínda aberta a inscrición na páxina web municipal (www.tomino.gal) e serán en formato on-line e presencial, dependendo das circunstancias sanitarias.
Lili Wo, profesora nativa de Shangai e profesora na Universidade de Vigo, é a docente que vai impartir o curso de XAPONÉS BÁSICO os días xoves, de 17.00 a 19.00h. Este curso ten como obxectivo adquirir coñecementos básicos comunicativos: compresión auditiva, lectora, expresión verbal e escrita, estando destinado á mocidade sen coñecementos previos da lingua xaponesa e tendo un custe simbólico de 5 euros.
A mesma docente impartirá o curso de Curso online e/ou presencial de chinés nivel A2.1
dirixido á mocidade que xa ten coñecementos básicos comunicativos da lingua chinesa (A1). Neste curso afondarase máis na cultura e melloraranse os coñecementos en caracteres, léxico, gramática, e traballarase especialmente a comprensión auditiva, lectora, a expresión verbal e a escrita. A data prevista de inicio é tamén o día 1 de outubro, días xoves, de 19.00 a 21.00 horas e o prezo, 5 euros.
Pola súa banda, o cursiño online de Ruso nivel básico, será impartido pola profesora nativa Nina Yarovenko, graduada na Universidade Estatal de Moscú e con amplia experiencia. Está destinado a todas as persoas interesadas en coñecer o idioma e a cultura de Rusia. Inicio, 5 de outubro; días luns, de 19.00 a 20.00 horas. Custe, 5 euros.
Curso básico de correo electrónico online
Por outra banda, impartirase un curso básico de correo electrónico co obxectivo de aprender a crear unha conta de correo electrónico en  Gmail, redactar mensaxes, facer filtrado e clasificación de correos, xestionar varias contas, coñecer outros programas de xestión de emails e saber utilizalos de xeito efectivo e produtivo.
A data de realización será a finais do mes de setembro, e o horario será escollido polas persoas participantes. xa que se trata dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe do curso: 5€. A inscrición está aínda aberta e pódese realizara comodamente dende a casa: https://tomino.gal/curso-basico-de-correo-electronico-online/
Cambio de enderezo da OMIX
A OMIX de Tomiño e o Departamento de Cultura, mudouse novamente ao Campo da Feira coma acostumaba a estar en anos anteriores.

A Eurocidade e o Consorcio de Bidasoa Txingudi comparten experiencias sobre cooperación transfronteiriza
Tomiño, 21 de setembro de 2020.- A cooperación entre territorios xoga un papel crucial como instrumento potenciador do desenvolvemento. Conscientes desta realidade, a Eurocidade Cerveira-Tomiño participa nun intercambio co Consorcio transfronteirizo de Bidasoa Txingudi, integrado polos municipios vascos de Hondarribia, Irun e Hendaye, este último no País Vasco francés.
Ambos territorios comparten agora a súa experiencia en colaboración transfronteiriza, especialmente no relacionado cos servizos e axendas compartidas, a gobernanza ou a dinamización de sectores relevantes para a economía local.
Ao longo do mes de setembro, responsables técnicos dos cinco municipios implicados comparten documentación e sesións virtuais para intercambiar experiencias e coñecementos. Así, o pasado 10 de setembro abordáronse aspectos relacionados coa mobilidade e a participación cidadá e o 16 intercambiáronse experiencias nos ámbitos da cultura, o turismo e o deporte. Nestas videoconferencias participaron tamén representantes da AECT Rio Minho presentando a Axenda estratéxica 2030 e o proxecto Visit Rio Minho.
A terceira sesión, adicada ao emprego e a colaboración empresarial, está prevista para o vindeiro día 24 coa presenza, entre outros axentes económicos, de acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e a Axencia de Desenvolvemento do Bidasoa.
O intercambio realízase ao abeiro do Programa de Capacitación e Participación en Redes de Cooperación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE, e busca o coñecemento doutras experiencias, innovacións e boas prácticas no ámbito europeo.
O proceso culminará no outono cun encontro institucional entre os alcaldes dos concellos participantes.


A OMIX de Tomiño súmase á formación online
Tomiño, 1 de setembro de 2020.- A OMIX de Tomiño adáptase aos novos tempos para seguir ofertando á mocidade da vila cursos formativos atractivos e adaptados á demanda formativa dos máis novos e novas. Deste xeito, a OMIX organiza para este mes de setembro catro cursos que se impartirán a través dunha plataforma e-learning cun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. Unha das grandes vantaxes deste sistema é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes.
Xa está aberto o prazo de inscrición en calquera dos catro cursos a través da páxina web do Concello. Cada curso terá un custe de 5 euros.
No curso básico de correo electrónico as persoas participantes aprenderán a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de e-mails e a saber utilizados de xeito efectivo e produtivo. Inscrición en https://tomino.gal/curso-basico-de-correo-electronico-online/.
Durante este mes tamén poderá aprenderse a traballar na nube de Google. O obxectivo deste curso básico é aprender que significa traballar na nube, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, coñecer programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alertes, as notas online ou o paquete de Google Office. Inscripcións en https://tomino.gal/curso-online-traballar-na-nube-de-google/.
Por outra banda, as persoas interesadas tamén poderán aprender a como utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao concello. Dende volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menores, solicitude de espazos públicos... todo a un sinxelo golpe de clic. Inscrición en https://tomino.gal/curso-online-como-utilizar-a-sede-electronica-do-concello-de-tomino/.
Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google DOCS. Mediante este curso básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inxerir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas. As persoas interesadas nesta acción formativa poden inscribirse en https://tomino.gal/curso-online-de-aplicacions-de-google-google-docs/.
Regreso al contenido