Tomiño, marzo 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, marzo 2021

Arquivo 2021
Tomiño reformará o parque infantil da praza da Mina
Tomiño, 31 de marzo de 2021. Hoxe tivo lugar no Concello de Tomiño a mesa de contratación para adxudicar o proxecto de reforma do parque infantil da praza da Mina, ubicada no núcleo do Seixo. A intervención vén motivada pola necesidade de renovar o actual pavimento do parque, bastante desgastado polo elevado uso soportado desde a súa instalación fai xa máis de 10 anos, ao ser un dos mais concorridos do núcleo do Seixo e situado nas proximidades dun xardín de infancia e escola infantil.
A actuación suporá a retirada dos antigos xogos e parte do valado de formigón, levantando parte do pavimento existente e substituíndoo por un novo, mellorando tamén deste xeito a seguridade dos nenos e nenas. A reforma pretende supoñer unha renovación completa de todo o parque, dotándoo dunha nova imaxe, coa instalación de novos xogos infantís accesibles e inclusivos para todas as franxas de idade. No recinto instalaranse un bambán inclusivo e adaptado tanto para o xogo individual como o grupal, unha casiña con estética moderna que convide ao uso da imaxinación dos máis pequenos, un tobogán de aceiro inoxidable integrado na nova topografía do recinto e un tubo a modo de túnel que permita esconderse e cruzar dun lado ao outro do terreo.
Neste sentido, a diferencia do parque actual, os novos xogos que se instalarán procurarán manter unha ligazón entre os mesmos, creando un espazo integrado e coherente. A topografía do chan converterase nun elemento principal no concepto do xogo, creando elevacións de distinta altura que conformarán unha paisaxe na que os nenos e nenas suban, baixen e escalen dando ás á súa imaxinación e deixando de ser unha simple base para a instalación de diversos elementos sen ligazón. Facilitarase desta maneira a creación dun entorno no que os nenos e nenas poidan xogar e socializar con seguridade.
O proxecto de reforma ten un orzamento base de licitación de 52.498,35 euros, e agárdase que as obras dean comezo a finais de maio.
 

O Concello de Tomiño asina un convenio con Cáritas para instalar contedores de recollida de roupa
Tomiño, 30 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño vén de asinar un convenio coa empresa de inserción laboral de Cáritas, Servicios Comerciales de Inserción Laboral, para a instalación de contedores para a recollida de roupa.
En base ao acordo, o Concello comprométese a conceder un espazo para a colocación dos contedores de forma gratuíta, mentres que a empresa, ten como finalidade a creación de postos de traballo de inserción sociolaboral a través da xestión do residuo téxtil, será a encargada da recollida da roupa, que será reciclada e destinada a fornecer ás persoas sen recursos da vestimenta necesaria.
Está previsto que sexan instalados catro contedores en varios puntos do municipio, entre os que se atopan:
·         O torreiro de festas do barrio do Hospital.
·         A zona deportiva de Sobrada (Torrón), ao carón do colexio.
·         A parroquia de Barrantes, ao carón do CEIP de Barrantes.
·         O núcleo urbano do Seixo, na rúa Tui.
A duración do convenio será de dous anos e a instalación dos contedores está prevista para a vindeira semana.
 

A Federación Galega de Motonáutica impartirá un novo curso en Tomiño para obter ou renovar a licencia de navegación
Tomiño, 27 de marzo de 2021.- A Federación Galega de Motonáutica impartirá en Tomiño un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Impartirase o sábado 10 de abril, sendo o día 6 o último día para apuntarse.
O curso, que será impartido no Espazo Fortaleza de Goián, consistirá nunha parte teórica e outra práctica, para a cal se empregará o pantalán existente na área. Na actividade poderán participar persoas con mobilidade reducida grazas á posta en disposición dunha embarcación adaptada.
No último curso realizado no municipio no verán do pasado ano participaron un total de 22 persoas, das cales 15 obtiveron a licencia e outras 7 conseguiron renovala. Se a nova convocatoria ten boa acollida, valórase a posibilidade de realizar un novo curso a finais do verán.
Desde a Federación Galega de Motonáutica agradecen a colaboración do Concello de Tomiño para a realización destas actividades, entre as que se atopan tamén a xa consolidada celebración no municipio dunha das probas do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica, que este ano terá lugar o día 5 de xuño.
Para realizar a inscrición e obter máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org.
 

Tomiño apúntase ás renovables
Tomiño, 26 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), dúas axudas cofinanciadas polo Fondo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia, co obxectivo de acometer dous proxectos de enerxía fotovoltaica; un na propia Casa do Concello e outro no edificio multiusos que alberga a  Escola Municipal de Música, en Goián.
No primeiro caso, a axuda ascende a 3.902,98 euros, que representan o 80% do investimento total (4.878,72 euros). Concretamente, instalaranse 11 paneis solares para autoconsumo de enerxía fotovoltaica de 4.8 Kwp. e as obras incluirán, ademais, a colocación das estruturas de soporte, dun inversor, dun cadro de corrente que permita a conexión e da man de obra.
No caso da Escola Municipal de Música, instalaranse outros 21 paneis solares para autoconsumo fotovoltaico de 9,2 Kwp no edificio multiusos, acondicionándose o sistema para a conexión e montaxe á rede eléctrica. A axuda ascende neste caso a 7.480,70 euros, que representan tamén o 80% do investimento total (9.350,88 euros).
O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que o Concello de Tomiño presentou ao INEGA tres proxectos susceptibles de ser subvencionados, entre os que tamén figuraba, ademais dos aprobados, a instalación de paneis solares para autoconsumo fotovoltaico no edificio da escola infantil Galiña Azul do Seixo. “Trataremos de ir aumentando progresivamente o investimento neste tipo de enerxías renovables, xa que ademais do aforro económico e enerxético que significan, levan aparellado un gran beneficio para o medio ambiente”, aclara o edil.
 

Ser voluntaria ou voluntario en Tomiño, agora ten premio
Tomiño, 25 de marzo de 2021.- Ser voluntario ou voluntaria da OMIX de Tomiño, a partir de agora, terá premio. A Oficina Municipal de Información Xuvenil leva moitos anos a traballar no eido do voluntariado local e europeo, promovendo centos de actividades con mozos e mozas da vila en numerosos ámbitos.
Pois ben, agora, a OMIX de Tomiño crea, no ámbito do territorio do concello, o CARNÉ DE VOLUNTARIADO, pudendo acceder ao mesmo as persoas voluntarias do programa municipal de voluntariado que o soliciten e cumpran certos requisitos. A expedición do carné –explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez- ten unha triple función: acreditar á mocidade voluntaria o exercicio das tarefas que lle foron encomendadas; materializar o recoñecemento e valoración social da acción voluntaria, e dar acceso ás persoas que posúan a nova acreditación a unha serie de bonificacións ou reducións de prezos nalgúns servizos municipais e, proximamente, no uso de servizos e compras no ámbito privado.
Entre os requisitos para acceder ao carné de voluntariado, figuran estar realizando de xeito activo algún tipo de voluntariado enmarcado nun programa ou proxecto municipal, cunha antigüidade mínima de seis meses, e estar dado/a de alta como voluntario/a.
Dende a oficina de información xuvenil informan da ampla PROGRAMACIÓN DE VOLUNTARIADO 2021 con numerosas e diversas actividades, entre as que mozas e mozos poden elixir participar, segundo as súas preferencias.
·         Realización dunha campaña de promoción do voluntariado local e europeo, a través dun vídeo que dará a coñecer os programas de voluntariado en Tomiño e en Europa, nos que a mocidade pode participar de xeito gratuíto e cunha chea de vantaxes.
Realización dunha gravación individual para a presentación orixinal nas redes sociais de cada voluntario/a cunha frase relacionada co voluntariado e outra animando á mocidade a unirse.
·         Organización dunha xornada online de formación sobre o CORPO EUROPEO DE SOLIDARIEDADE.
·         Actividades e obradoiros para conmemorar o 17 de maio, DÍA DAS LETRAS GALEGAS, adicado a Xela Arias.
·         PROXECTO “FORON TEMPOS”: creación e transcrición  dun fondo sonoro/vídeos con entrevistas á xente do municipio para a recollida do patrimonio oral.
·         Campaña de promoción do voluntariado local e europeo nos pasos de peóns do concello, coa creación de frases curtas informativas e innovadoras.
·         Continuación da celebración de efemérides tras o éxito da mesa redonda VECIÑAS NA CIENCIA onde se conmemorou o día da muller e a nena na ciencia. A vindeira data destacable será o 3 DE XULLO, Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico. Recolleremos nas nosas redes sociais palabras e frases relacionadas co medio ambiente e o voluntariado para serigrafiar en bolsas de tea que se repartirán nun stand, aproveitando para facer unha campaña de información e captación de mocidade voluntaria
·         Campaña de adopción de animais nas redes. Cadaquén presenta ao seu can/gato, cun eslogan que fomente a adopción e frase positiva. Visibilizaremos ás protectoras de animais da zona e colaboraremos na recolecta de alimentos e materiais para os amigos felinos e caninos.
·         Proxecto PONTES DE PAPEL: trátase dun proxecto de intercambio de  cartas manuscritas entre mocidade de todos os continentes unida por aspectos en común, sobre diversas temáticas.
Curso de podcásting destinado ao grupo de voluntariado co gallo de involucrarse e crear/ofertar un programa radiofónico na RADIO MOCIDADE do Concello de Tomiño.
TI máis EU: #somosnós: acompañamento telefónico semanal a persoas maiores que viven soas ou en situación de dependencia, que carecen ou teñen unha moi limitada rede social relacional que cubra as súas necesidades afectivas, no medio domiciliario, residencial ou hospitalario.
Club de Lectura: levado a cabo por parte do grupo de voluntariado. Trátase da lectura de libros que recollan diferentes temáticas de interese para a adolescencia. Foméntase o uso da lingua galega, a lectura e o pensamento crítico.
Dende a OMIX explican que dende o ano 2003 a oficina está dada de alta como ENTIDADE DE ACCIÓN VOLUNTARIA pertencente á Xunta de Galicia. Polo mesmo, salientan a importancia de ser voluntario ou voluntaria, para o que só é necesario cubrir un contrato de voluntariado e aportar unha copia do DNI.
“Hai millóns de motivos polos que facer voluntariado: sentirte útil, crear lazos coa túa comunidade, poñer a proba as túas capacidades, aprender das persoas que te rodean, mellorar a túa autoestima, convertirte en axente de cambio, protexer a natureza, pasalo ben”, apuntan. Para máis información só é preciso contactar coa OMIX DE TOMIÑO (omix@tomino.gal).
 

Tomiño organiza un curso de manipulador de alimentos no Auditorio de Goián
Tomiño, 24 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño organiza un novo CURSO DE MANIIPULADOR/A DE ALIMENTOS. Será o xoves, 8  de abril de 2021, no Auditorio de Goián, entre as 17.00 e as 20.00 horas.
A data límite para inscribirse é o vindeiro 5 de abril, sendo as prazas limitadas e tendo un custe de 20 euros. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Tomiño ou chamando ao número de teléfono 986 622 001.
As persoas asistentes ao curso deberán levar con elas o seu DNI e ir provistas de máscara e bolígrafo.
  
Tomiño aforrará 100.000 euros coa nova adxudicación do subministro eléctrico
Tomiño, 24 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño vén de adxudicar á empresa Aura Energía, S.L., por un custe de 78.501,65 euros (sen peaxes nin impostos), o subministro eléctrico Lote 2 (subministros en baixa tensión con potencia maior de 10 kW), por ser a empresa que presentou, xunto a outras sete, a oferta máis vantaxosa en termos económicos.
Segundo explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, esta adxudicación permitirá ao Concello aforrar uns 100.000 euros cada dous anos (o contrato é bianual), que poderán dedicarse a medidas de eficiencia enerxética e optimización do sistema de iluminación pública, cuxa auditoría está a piques de iniciarse.
Neste sentido, hai que lembrar que a devandita auditoría incluirá tanto o subministro, coma as instalacións utilizadas; os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública. O proxecto virá a actualizar o anterior e incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións, así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do concello.
Asemade, o subministro eléctrico con potencia inferior ou igual a 10 kW (Lote 1), que tamén saíu a concurso, continuará contratado á mesma empresa comercializadora á que estaba adxudicado, por ser esta a mellor oferta.
 
Cursos organizados pola OMIX de Tomiño
Tomiño, 23 de marzo de 2021. Unha cuestión fundamental á hora de atopar traballo é ter unha boa carta de presentación que nos faga destacar, e para isto é importante aproveitar todas as ferramentas que os novos medios nos ofrecen. No curso abordaranse conceptos e eidos coma o portfolio, o blog profesional ou a tarxeta de visita a través de códigos QR, entre outros. Terá unha duración de 20 horas e un prezo de 15 euros. As datas nas que se impartirá irán desde o 13 ao 26 de abril, de luns a venres en horarios de 19:00 a 21:00 horas. Vai dirixido especialmente a persoas desempregadas, estudantes en xeral e a todas as persoas que queiran mellorar as súas posibilidades de atopar traballo.
 
Obradoiro online: Linkedin, a rede social que máis che fará crecer
As redes sociais poden ser unha forma excelente para atopar emprego e LinkedIn é o mellor exemplo diso. O Curso pretende mostrar as transformacións xeradas polas novas tecnoloxías no ámbito empresarial e laboral e as novas formas de relacionarse e comunicarse neste ámbito en internet, ensinando as bases para comprender o funcionamento da plataforma e as distintas estratexias que existen para acadar o éxito profesional.
O curso será impartido por Raúl Ordóñez, especialista en márketing e estratexia online con máis de 20 anos de experiencia no sector. Director de Sherpa Cultura Digital dende onde guían a empresas e profesionais a adaptarse con éxito ao cambio tecnolóxico e colaborador habitual con diferentes universidades coma a USC, Universidade de Jaén e diferentes escolas de negocios e finanzas.
Impartirase do 12 ao 15 de abril en horario de luns a xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas e está dirixido a todas as persoas interesadas entre os 16 e os 35 anos (se quedan prazas libres poderán facer o curso as  maiores de 35). Terá un prezo de 15 euros.
Curso de aplicacións de Google: google docs online
O manexo das aplicacións de procesamento de textos e xestión de documentos tense tornado fundamental nos últimos tempos e desde a OMIX ofrecen agora a oportunidade de introducirse ao manexo de Google Docs Online. O curso será en modalidade ONLINE con clases gravadas en vídeo e dispoñibles nunha web con formato de academia online, con vídeos explicativos, documentos PDF e nalgúns casos enlaces a webs. Haberá titorías de luns a venres por correo electrónico. O horario é libre: cadaquén escolle cando realizar a formación malia que o curso terá unha data de inicio e remate (comezará o 19 de abril e rematará un mes despois). Terá un prezo de 10 euros.
Curso de francés online nivel medio
Os participantes deste curso terán a oportunidade de seguir ampliando os seus coñecementos sobre o idioma e a cultura francesa de xeito ameno e, sobre todo, práctico, da man dunha filóloga nativa. O curso terá 20 horas de duración, comezará o 21 de abril, e terá lugar todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Impartirase de xeito online e terá un prezo de 10 euros.
As persoas interesadas poderán inscribirse a través dos formularios dispoñibles na web municipal. Para máis información pódese contactar coa oficina municipal a través do correo omix@tomino.gal.
 

Tomiño presenta un libro que recolle as árbores senlleiras do municipio
Tomiño, 22 de marzo de 2021.- Con motivo da conmemoración do Día dos Bosques, este domingo o Concello de Tomiño presentou un catálogo de árbores senlleiras, co que se pretende poñer en valor ás árbores máis identificativas e singulares do municipio e o seu patrimonio natural e cultural asociado, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal galego. O libro está dispoñible para descarga na web municipal.
A iniciativa, promovida polo concelleiro Francisco Campo e impulsada pola anterior concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, recolle un total de 125 rexistros compostos por 116 árbores e 9 formacións correspondentes a 40 especies. Delas, a metade son autóctonas coma o carballo, o sobreiro, o amieiro ou o freixo, e a outra metade corresponden a especies exóticas e foráneas como a oliveira, o magnolio ou o cedro do Himalaia.
Segundo explica o autor do libro, Xurxo Mariño, o traballo de campo e recopilación estivo levándose a cabo durante o último ano e medio, onde destacou tamén a implicación e participación de moitos veciños e veciñas na conformación do catálogo. “Quixemos darlle un enfoque múltiple, de xeito que tivese un carácter técnico pero que tamén servise como recurso educativo e divulgativo”, comenta.
Do mesmo xeito, desde a concellería de Medio Ambiente que actualmente dirixe Ana Belén Casaleiro, explican que se escolleron sete rexistros do catálogo para propoñer que sexan incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e valórase a posibilidade de que o catálogo poida ampliarse facendo unha segunda recopilación.
Concurso de árbores senlleiras
Co gallo da presentación do libro, desde a concellería de Medio Ambiente lanzan tamén o I Concurso de Composición Artística ou Relato Curto: ¿Como ves tí as nosas árbores senlleiras? no que os participantes deberán plasmar o xeito no que vén as árbores singulares do municipio. Estarán divididos en catro categorías dependendo da idade (benxamín, ata os 6 anos, infantil, de 7 a 11 anos, xuvenil, de 12 a 17 anos e adulto, a partir de 18).
Nas categorías benxamín e infantil os participantes poderán presentar un debuxo ou composición realizado con materiais reciclados ou naturais, mentres que na xuvenil e de adultos terán tamén a opción de presentar un relato curto de ata catro páxinas. Haberá dous premios por categoría, entre os que se atopan entradas para visitar a granxa-escola Corazón de Carballo, un circuíto no Ecoparque Marín ou un circuíto termal no Talaso Atlántico de Oia, entre outros. As bases do concurso publicaranse hoxe na web municipal e os participantes terán de prazo para presentar as súas obras ata o vindeiro 14 de maio.
 

Toñi Vicente, pioneira da nova cociña galega, presenta o seu primeiro libro en Tomiño
Tomiño, 20 de marzo de 2021.- A recoñecida chef tomiñesa Toñi Vicente presentou este sábado o seu primeiro libro, “A miña cociña”, que contou coa colaboración do Concello de Tomiño. A praza do Seixo foi a escollida para celebrar un acto sinxelo mais tamén emotivo e entrañable, que serviu tamén como homenaxe especial aos seus pais, Delmiro e Antolina, dos que aprendeu a amar a cociña de calidade feita con produtos da zona. No acto estivo acompañada pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o fotógrafo do libro, Xulio Gil, e o editor José Luis Teófilo, de Teófilo Edicións.
“Toñi é sen dúbida un orgullo para todas e todos nós, unha pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller, e que aínda alcanzando o máis alto prestixio internacional nunca renegou de Tomiño e sempre o tivo moi presente alí a onde foi”, comenta González.
Antes de comezar coas receitas, a chef, que conseguiu en 1989 a primeira estrela Michelín galega co seu restaurante Síbaris, reflexiona sobre os seus primeiros pasos na cociña, evocando a súa feliz infancia marcada pola existencia do restaurante familiar no que viu cociñar á súa nai con gran destreza. “Este libro é unha homenaxe a miña nai, esa muller coa que descubrín os primeiros acubillos e sabores da miña vida”, comenta.
Vicente explica que os pilares da súa cociña, “unha cociña próxima e contundente”, son a calidade da materia prima (carnes, hortalizas, peixes e mariscos) do país e a simplicidade unida á tradición. “A vangarda está nas inquedanzas, na procura do cociñeiro, na súa imaxinación que, ben expresada, pode ser a arma máis poderosa para crear ilusións...máis é preciso non esquecer a tradición e as raíces. A miña cociña bebe da tradición pero tamén investiga e crea cousas novas”.
Traxectoria
Toñi Vicente iníciase na cociña con tan só 7 anos, da man da súa nai, xunto aos seus 5 irmáns e o seu pai, gran mestre de cerimonias no restaurante Casa Delmiro. En 1982 inaugura en Vigo o “Síbaris”, co seu marido Camilo Pardo. A chef comeza pronto a recoller numerosas distincións pero non é até 1989, cando consigue a primeira estrela Michelín outorgada a un restaurante galego. Esta distinción, que máis tarde revalidaría en Santiago de Compostela, foi un antes e un despois na súa fulgurante carreira. Comezou a preparar ceas e comidas para os presidentes de España, Portugal e Galicia; o Premio Nobel Camilo José Cela; cruceiros de luxo e un amplo etcétera.
Entre os seus importantes galardóns figuran o primeiro Challenge Européen de la Gastronomie, viguesa distinguida, a medalla de prata de Galicia e o Premio Nacional de Gastronomía, entre moitos outros. Actualmente está retirada dos fogóns e reside de novo en Tomiño, feito que lle permitiu reunir o tempo necesario para preparar a publicación do seu primeiro libro de receitas.
 

Tomiño acollerá este domingo a primeira proba BTT “Terras de Tomiño e Florentiña”
Tomiño, 18 de marzo de 2021.- Tomiño acollerá a proba de ciclismo de montaña I BTT Terras de Tomiño e Florentiña, de nova creación, que percorrerá boa parte do territorio municipal o vindeiro domingo 21 de marzo. O evento foi presentado hoxe no Concello de Tomiño por varios membros da organización, acompañados pola alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Deportes, Francisco Campo.
O traxecto das probas discorrerá integramente por territorio tomiñés, percorrendo algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio con gran riqueza paisaxística e natural como o río da Pedra, o Monte Tetón, os viñedos do Alto do Torona ou as subidas á Pedrada e ao Niño do Corvo. O evento contará con tres zonas de avituallamento ao longo do percorrido e cun servizo de lavado de bicicletas ao final da proba.
En consonancia co xa acontecido na proba realizada a semana pasada no municipio veciño, a IX BTT Chourizada de Oia, a ruta ciclista levarase a cabo baixo un estrito protocolo de seguridade fronte ao Covid-19. O evento contará coa presenza dunha ambulancia, un médico e dous sanitarios, que se encargarán de facer controis de temperatura aos participantes. Escasos segundos antes do inicio da proba poderán quitar as máscaras e irán iniciando a marcha cada dous minutos en grupos de dez, divididos en dúas filas de cinco persoas para facilitar a debida separación e evitar as aglomeracións.
“A semana pasada as normas cumpríronse con éxito e para nós e moi importante para reivindicar que practicar deporte ao aire libre é seguro e é importante que se continúe facendo. Tomiño merecía unha proba BTT coma esta, xa que hai moitísima xente que practica este deporte no municipio e cada vez somos máis”, comentan desde a organización.
En canto á dificultade, desde a organización explican que a proba conta con dous percorridos de dificultade media-alta, un de 40km e outro de aproximadamente 48, cun desnivel acumulado de 837 e 997 metros respectivamente. Aínda así, recalcan que practicamente calquera pode participar sen problemas ao haber catro horas de marxe para completalas, tanto na proba longa como a curta.
O inicio da marcha está previsto para as 9:30. O prezo de inscrición é de 12 euros para persoas federadas, que terán de prazo para facelo ata o próximo sábado, e de 20 euros para as non federadas, cuxo prazo de inscrición remata hoxe.
 

Tomiño abriu expediente a máis de 300 parcelas en 2020 por incumprir a lei de prevención de incendios ou a ordenanza de biomasa
Tomiño, 17 de marzo de 2021. O Concello de Tomiño abriu durante 2020 un total de 340 expedientes por incumprimento de limpeza de fincas ou tala de especies prohibidas; labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.
Ditos expedientes tramitáronse despois de recibir 105 denuncias de particulares, e outros 18 foron abertos de oficio. Dos 123 iniciados no ano 2020, o 73% foi tramitado (90 expedientes), e o 9% desestimado (11 expedientes). O 18%  restante (22 expedientes)  están aínda pendentes de tramitar.
En canto á titularidade das 340 parcelas expedientadas, 287 propietarios foron notificados, sendo unha delas propiedade da Xunta de Galicia e 5 de comunidades de montes. Asemade, hai 18 parcelas cuxa titularidade é descoñecida e 35 teñen propietarios pero a súa dirección para notificación é descoñecida ou incompleta, ou ben, non recolleron as cartas enviadas, non se fan cargo dos traballos a realizar, etc. Nestes casos, tal e coma é preceptivo, publicouse o anuncio correspondente no BOE a efectos de notificación.
Das 287 parcelas nas que os propietarios foron notificados, só 30 deles comunicaron ao Concello que tiñan limpado os seus predios. Isto non quere dicir que os restantes non limparan, xa que a gran maioría que fai a limpeza  non a comunica. Na tramitación dos expedientes, cabe destacar a dificultade, cada vez en máis casos, que entraña a localización dos propietarios.
Con respecto aos anos 2018 e 2019, existe unha redución do número de expedientes e parcelas tramitadas. Ademais, prodúcese un cambio na xestión dos mesmos, pois a partir de 2020, as parcelas pertencentes a unha mesma denuncia agrúpanse no mesmo expediente, cando anteriormente se abría un expediente por parcela, reducindo así o volume de  papel empregado e evitando posibles duplicidades.
As execucións subsidiarias realizadas no ano 2020 foron solo dúas, dato moi inferior ao de 2019, cando se realizaron 11. Isto foi motivado polo atraso na tramitación dos expedientes debido ao COVID-19 e a un maior número de execucións por parte dos propietarios.
Por outra banda, a Concellería de Medio Ambiente, coa axuda dos técnicos de Urbanismo, está revisando na actualidade o borrador do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais; redactado por técnicos da empresa pública SEAGA, no marco do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e esta empresa, en materia de prevención e defensa contra incendios; e que, proximamente, levará a pleno para a súa aprobación.
 

Tomiño levará a cabo unha auditoría do alumeado público co fin de optimizar as instalacións e o consumo municipal
Tomiño, 16 de marzo de 2021.- A Concellería de Servizos Públicos que dirixe Lois Vázquez, vai emprender en breve unha Auditoría do Alumeado Público de Tomiño, tanto de subministro pública, coma das instalacións utilizadas no Concello.
Os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública.
A auditoría, que vén a actualizar a que se fixo hai xa varios anos, incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións actuais e análise funcional das mesmas; así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do municipio.
Os traballos, que estarán dirixidos por un enxeñeiro industrial especializado en temas de iluminación, conterán tamén unha clasificación enerxética das vías públicas; a elaboración de planos das instalacións, e de propostas de actuación, incluíndo o cambio a Led dos puntos de luz con outras tecnoloxías menos eficientes.
O concelleiro responsable de Servizos Públicos, comenta que a última auditoría realizada en temas de iluminación municipal está xa obsoleta, sendo necesario detectar problemas de consumo actuais, logrando aforrar gastos e facendo máis eficiente o sistema. “Con este estudo tentamos optimizar toda a rede de subministro eléctrico do concello, e implementar melloras no subministro, coa inclusión de novas tecnoloxías, utilización de luces Led, etc.”, explica Lois Vázquez.
 

O IV Simposio Internacional de Escultura do Miño celebrarase do 15 de setembro ao 4 de outubro en Goián
Tomiño, 15 de marzo de 2021.- A cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, xa ten data de celebración: do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Así veñen de acordalo nunha reunión de coordinación entre responsables de ambos gobernos municipais a pasada semana.
O evento, previsto inicialmente para o mes de xuño, tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19, decidindo os coordinadores reprogramar as datas de celebración deste certame internacional xa consolidado, no que seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo, traballan en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós, e que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio xa recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países. O proceso de selección das obras rematará probablemente a finais do mes de marzo, e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. “Este ano a decisión vai ser moi difícil porque temos enriba da mesa proxectos moi interesantes”, explica Pobornikova.
Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. As seis novas obras de arte resultantes, coma vén sendo habitual, pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas, instalándose tres pezas en Tomiño e outras tres en Vila Nova de Cerveira.
Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito.
 

O novo delegado da Xunta en Pontevedra visita Tomiño
Tomiño, 12 de marzo de 2021. Este xoves o novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, estivo de visita en Tomiño onde mantivo unha reunión institucional coa alcaldesa Sandra González para interesarse pola situación da localidade e coñecer de primeira man as demandas do concello, onde estiveron presentes tamén o concelleiro e deputado provincial Uxío Benítez e o concelleiro da oposición, Esteban González.
No encontro, Sandra González transmitiulle como principal prioridade pór fin ao precario estado no que se atopa a atención sanitaria no municipio, situación que se viu agravada no último ano debido á situación de pandemia. No Centro de Saúde de Tomiño a rexedora fixo fincapé na falta de médicos, enfermeiros e demais persoal facultativo, onde destacan especialmente as carencias no servizo de pediatría logo da xubilación dun pediatra e a situación de baixa laboral de outra, solicitando a reposición destas prazas o antes posible. A situación provoca a demora para conseguir unha simple consulta chegue incluso a tres semanas, o que está tendo como consecuencia tamén que sexa o persoal médico o que absorba a frustración e o malestar que a situación está causando na xente.
Do mesmo xeito, a rexedora amosoulle ao delegado o proxecto da biblioteca, para o cal foi aprobado este luns, no pleno municipal, unha modificación de crédito para acometer o derrubo do edificio que se atopa no lugar no que irá construída. “É un proxecto moi ilusionante, que conta co apoio unánime da sociedade tomiñesa e no que van colaborar moitas administracións. Sería unha auténtica mágoa que a Xunta de Galicia fose a única que non colaborase nun dos proxectos máis importantes para Tomiño nos últimos anos”, comentou a alcaldesa.
Outros dos asuntos trasladados a López Diéguez foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, un servizo ao cal o Concello aporta unha cantidade cada vez maior malia non ser competencia municipal, ou a urxencia de rematar xa coa concentración parcelaria no municipio, un proceso que leva en execución varias décadas e que aínda non finalizou.
 

Avanza no bo camiño o proxecto de reforma do núcleo urbano de Goián
Tomiño, 11 de marzo de 2021.- A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, estivo visitando esta semana as obras que se están realizando no núcleo urbano de Goián. Na visita estiveron presentes tamén varios concelleiros e encargados da empresa concesionaria, Xestión Ambiental de Contratas SL, que explicaron a situación na que se atopan actualmente en previsión de seren rematadas no mes de xuño.
Na actualidade estanse realizando intervencións de acondicionamento nas inmediacións da praza Pintor Antonio Fernández, na Avenida Ordoñez e nos terreos adxacentes á Escola de Música, nos que está prevista a creación dun aparcadoiro municipal. A intervención encádrase dentro do ambicioso proxecto de reforma integral “Máis Goián”, un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos da vila goianesa, que procura revitalizar a vida social, comercial e cultural a través da creación dun centro urbano atractivo que conecte os equipamentos públicos existentes a través da mobilidade peonil.
“Goián ten a sorte de contar cunha gran cantidade de equipamentos públicos moi achegados entre eles, a menos de dous minutos andando, pero que ata agora estaban completamente de costas entre eles. Con este proxecto imos unir todos eses elementos para crear un polo de atracción que teña ás persoas como prioridade, unha intervención que suporá unha mellora sen precedentes para a vila”, declarou a alcaldesa.
A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, por un importe total de 999.521,40 euros. As axudas proporcionadas polo IDAE teñen como obxectivo apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2, outra das claves do proxecto “Máis Goián”.
Dentro do proxecto tamén están previstas outras intervencións, como o inicio, proximamente, das obras de construción na contorna da Alameda de Goián, dunha área deportiva composta por un skatepark e unha pista polideportiva, participando no deseño do proxecto un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, no que tamén foi fundamental a participación cidadá.
Co fin de facilitar a mobilidade, tamén está prevista a posta en disposición de 4 aparcadoiros municipais, que estarán dotados de case 300 prazas de estacionamento, todas elas a menos de dous minutos camiñando da praza Pintor Antonio Fernández, así como a creación de dúas zonas de parking-express na praza de Melilla e na rúa Rosalía de Castro, para paradas rápidas de 5 minutos.
  
Luis lópez reitera a “colaboración absoluta e compromiso máximo” da Xunta co concello de Tomiño na súa visita institucional
Tomiño, 11 de marzo de 2021.-  O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, reafirmou a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño na súa visita institucional a este municipio, onde lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.
O representante autonómico mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal na que se abordaron todas as peticións e necesidades da veciñanza con respecto ao executivo autonómico.
Entre as cuestións plantexadas figura a axilización da autovía do Baixo Miño, que xa está a ser executada pola Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade e a seguridade nun novo treito da AG-42, correspondente co Enlace de Areas, que ten un investimento de case 17 millóns de euros.
Polo demais, Luis López lembrou que, no que vai de lexislatura, a Xunta despregou numerosos investimentos e servizos en Tomiño, xa que reforzou a seguridade viaria na PO-552 en dirección a Tui cun investimento de 660.000€, concedeu ao Concello 5.568 horas anuais máis de Axuda no Fogar para dependencia, outorgou financiamento para accións de eficiencia coa instalación de 32 paneis solares fotovoltaicos na Casa do Concello e no Multiusos de Goián e colaborou cos sectores económicos e sociais, xa que inxectou 73.000€ aos hostaleiros ao abeiro do 1º Plan de Rescate e subvencións de dinamización comercial aos colectivos Adeto e Mercado Municipal de Tomiño, entre outras.
Finalmente, Luis López, que se comprometeu a manter un contacto periódico co Concello para xestionar as súas necesidades, amosou o apoio da Xunta á demanda social para que se produza unha apertura ordenada, e sempre que estean cubertas as necesidades de vixilancia, de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías co obxectivo de que non haxa aglomeracións nos poucos puntos abertos ao tráfico e de evitar longos traslados por parte dos centos de afectados.
 

Tomiño participa compartindo a súa experiencia transnacional con Cerveira, nas xornadas “TecEuropa Local” da Fundación Galicia Europa
Tomiño, 10 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño participa na XI edición das xornadas TecEuropa Local, destinada ás entidades locais galegas e organizadas pola Fundación Galicia-Europa, coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021.
Este ano, coma xa sucedera o anterior, por mor da Covid-19, TecEuropa celebra a súa undécima edición enteiramente en streaming, entre o 4 e o 12 de marzo.
A directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou as xornadas destinadas, nesta ocasión, ás entidades locais galegas.
Diante dun amplo grupo de máis de noventa participantes provenientes do catro deputacións galegas e de máis de medio centenar concellos, Ramos, animoulles a sacar o máximo partido desta actividade formativa para contribuír á xestión eficiente dos fondos de recuperación europeos na comunidade galega, agradecendo ademais a implicación de todos os niveis de goberno das administracións públicas; “algo fundamental para construír o ambicioso futuro verde e dixital proposto pola Unión”.
Ao longo de 5 xornadas, os asistentes abordan da man de especialistas comunitarios e de representantes da Comisión Europea, o período financeiro 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE” desde unha perspectiva local.
Na sesión do día de hoxe, participou (entre outros) o técnico Xabier Macías, especialista en proxectos europeos, para compartir a experiencia de cooperación transnacional da Eurocidade Cerveira-Tomiño durante os últimos anos. Analizando a experiencia de xestión do proxecto POCTEP de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño entre 2018 e 2020, Macías destacou "a calidade da alianza que sustenta o proxecto, baseada tanto na confianza, vontade política e estratexia compartidas como na capacidade de traballo conxunto dos socios do proxecto".
Entre os resultados do mesmo, destacan iniciativas para a promoción da participación pública; para a mellora da oferta e da xestión de servizos compartidos e para a dinamización da economía local. O técnico salientou proxectos de envergadura coma o Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) ou a creación da figura pioneira das Valedoras Transfronteirizas.
  
O socialistas de Tomiño acusan de “demagoxia, incoherencia e irresponsabilidade do BNG” o tema da biblioteca municipal
Tomiño, 10 de marzo de 2021. O luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Tomiño celebrou sesión de plenaria ordinaria na que foi referendada a declaración institucional consensuada polos grupos da Corporación logo de ter presentadas senllas mocións ao respecto en tempo e forma o PSdeG e PP, e por contra ter renunciado o BNG a facer o propio.
Entre os puntos da Orde do Día, figuraba o expediente de modificación de créditos para o derrubo do edificio onde se construirá a demandada, esperada e futura biblioteca. As concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa votaron en contra xa que, se ben comparten a necesidade urxente deste equipamento para o concello, “esa dotación nin pode nin debe ser unha cortina de fume onde se pode esconder calquera escusa para saír nos medios cada certo tempo”, sinalaron. De feito, o voto en contra vén dado porque “a día de hoxe non existe financiamento algún para levar adiante este proxecto e non queremos ver un solar arrasado, no centro da vila, sen data prevista para o inicio da obra”, apuntou a portavoz socialista Violeta de Santiago.
 
O PSOE tomiñés cualifica de “curioso” o feito de que o Goberno local pretenda buscar fondos na Xunta de Galicia, no Goberno do Estado e tamén no fondo de recuperación europeo "Next Generation", “mesmo cando os nacionalistas en Madrid votaron en contra do decreto que regula a execución dese fondo para a recuperación económica e social e ter asegurado que España e Europa son a ruína de Galicia”. Para as e os socialistas de Tomiño isto é “unha boa mostra da demagoxia, incoherencia e irresponsabilidade do BNG”.
As concelleiras socialistas recoméndanlle ao Goberno “que deixe de manosear a biblioteca” e esíxenlle “que logo de 14 anos prometéndoa en cada campaña electoral sexa un compromiso serio e decidido e non unha postura de cara a galería”.
Violeta de Santiago e Mirta Misa lembraron que hai un ano votaron a favor “de buscar financiamento en todas as administracións, votamos a favor hai dous meses tamén, e volveremos a apoiar ese paso cando sexa preciso, sempre e cando se deixe de xogar cun tema co que estamos especialmente sensibilizadas”.
As e os socialistas tomiñeses consideran que “cun remanente de tesourería de máis de tres millóns de euros, nun momento de fonda crise económica e social e cunha hostalería desangrada e sin ningunha axuda municipal, traer ao Pleno unha modificación de créditos de 75.000 € para un proxecto que ninguén sabe cando será unha realidade, parécenos unha burla ao conxunto da veciñanza” polo que piden “seriedade ao Goberno” ante un tema “de crucial importancia para o presente e o futuro do noso Concello”.
 

As novas bicis transfronteirizas do Miño terán estacións de intercambio á beira do río e nos cascos urbanos das eurocidades
Tomiño, 9 de marzo de 2021. As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o AECT Río Miño. Así o decidiron o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, nos vindeiros días van definir as localizacións concretas.
Dende o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa apertura da fronteira mediante) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.
Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e  a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.
Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.
Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro.  Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas.
A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.
  
A corporación de Tomiño aproba por unanimidade unha declaración consensuada sobre o 8M
Tomiño, 9 de marzo de 2021.- O Pleno do Concello de Tomiño, reunido onte en sesión ordinaria, aprobou por unanimidade unha declaración institucional do 8M, logo de que esta fora consensuada entre os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG), agradeceu a actitude da oposición, que aínda que levaba as súas propias declaracións, decidiu apoiar a do grupo de goberno, logo de debatela e consensuala entre todos os concelleiros e concelleiras.
“Na convicción de que nesta situación de crise é preciso o traballo de todas e todos, e asumindo a responsabilidade que nos corresponde como representantes da cidadanía, todos os grupos políticos do Concello de Tomiño deixan constancia do seu compromiso común coa igualdade plena, efectiva e real entre mulleres e homes”, reza a declaración aprobada onte.
A alcaldesa salientou o feito de que durante a pandemia se fixo evidente a desigualdade existente entre homes e mulleres, estando as últimas na primeira liña da crise sanitaria e realizando traballos relacionados cos coidados que non contan co recoñecemento que merecen.
A tal efecto, a corporación municipal acordou en primeiro lugar, expresar e recoñecer o traballo, tanto remunerado coma non, das mulleres na crise da Covid-19; impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza de xeito tranversal a perspectiva de xénero en todas as accións levadas a cabo dende o Concello; continuar coa loita contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, e ampliar o Plan de Sensibilización Municipal de concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais.
Polo mesmo, acordouse demandar das administracións competentes, o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e o impulso da creación dun corpo específico que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias co fin de testar a existencia ou non de discriminacións por razón de xénero.
Asemade, instarase á Xunta de Galicia a fomentar, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación nos que se incorpore a perspectiva de xénero, e impulsar a aprobación de novas medidas que alenten a corresponsabilidade, a través de plans específicos, así como o desenvolvemento de  programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero.
Impulsar políticas dirixidas a pechar as moitas brechas que quedan aínda pendentes (laboral, salarial, social) ou crear un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, foron outras dúas medidas que se trasladarán á Xunta de Galicia para a súa implementación.
 

Tomiño conmemora o 8M cunha xornada reivindicativa
Tomiño, 8 de marzo de 2021.- Co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Tomiño levou a cabo unha serie de iniciativas coas que visibilizar e reivindicar a importancia de loitar pola consecución da igualdade real entre homes e mulleres. A programación deu comezo o sábado, coa interpretación no Auditorio de Goián da obra teatral Feminíssimas, unha comedia negra e violeta coa amizade e perspectiva de xénero como eixo central, á cal acudiron máis de 60 persoas.
Hoxe fíxose a presentación dun novo mural no Campo de Fútbol do Alivio realizado pola pintora e artista guardesa Gemma Marqués en base a un retrato feito pola recoñecida fotógrafa tomiñesa Pilar Reñones. A artista xa participou en varios dos murais feministas realizados polo Concello de Tomiño durante os últimos anos situados nos campos de fútbol do Alivio e do Regatiño ou en rúas como a do Camiño do Latas, no núcleo do Seixo.
A protagonista do mural é Marga González, histórica e veterana xogadora do Tomiño FC Feminino desde a súa fundación, permanecendo en activo ata os 50 anos e sendo parte da súa directiva na actualidade. Marga estivo vinculada ao deporte durante toda a súa vida e particularmente ao fútbol, o cal practica desde que era unha cativa. Estivo unha etapa tamén no Celta Feminino antes de marchar a traballar para Madrid, onde permaneceu 14 anos antes de volver definitivamente a Tomiño para ligarse á fundación do Tomiño FC Feminino. “A verdade é que iniciativas coma estas fante sentir motivada en con ganas de loitar sobre todo polas rapazas que veñen aí, para que teñan referentes e para transmitirlles os valores da igualdade a través do deporte”, comenta Marga.
Foron tamén partícipes da xornada moitas mulleres de Tomiño, que quixeron amosar a través dun reivindicativo vídeo difundido nas redes sociais as mil razóns polas que celebrar os avances acadados ata agora en materia de igualdade, pero tamén os motivos polos que é preciso continuar loitando para facela efectiva e real, un feito que aínda dista de ser conseguido.
Tamén se levaron a cabo iniciativas en Tomiño por parte de entidades educativas como o CRA Mestre Manuel Garcés, cuxo alumnado creou un xardín de zapatos das súas nais, tías, avoas e demais mulleres que os cativos e cativas consideran referentes na súa vida. O proxecto, titulado “Sementes de Esperanza”, está inspirado na figura de Wangari Maathai, a primeira africana gañadora do Premio Nobel pola súa contribución ao desenvolvemento sostible, a democracia e a paz, e destacada loitadora e activista polos dereitos da muller e da mellora medioambiental, motivo polo cal recibiu o apelativo de “Muller árbore”. Tal e coma se le na pancarta pendurada polo CRA na praza do Seixo, “as nenas e nenos do CRA, ao igual que Wangari, queremos plantar sementes de esperanza por unha igualdade real nos zapatos das mulleres máis importantes nas nosas vidas”.
 

Tomiño prepara o terreo para a construción da biblioteca municipal
Tomiño, 6 de marzo de 2021.- O goberno municipal de Tomiño levará ao pleno municipal que se celebrará este luns un expediente de modificación de crédito por valor de 75.000 euros, que serán financiados co remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A finalidade desta modificación é a de financiar a demolición do edificio no que se atopan as dependencias do Xulgado de Paz, cuxo proxecto xa está redactado, como paso previo á edificación da futura biblioteca municipal. Na partida tamén están contemplados os custes da mudanza e o acondicionamento do novo local no que se vaia a aloxar.
O obxectivo desta intervención, que se espera levar a cabo nos próximos meses, é o de preparar o terreo de cara á resolución dos fondos europeos que terá lugar tamén nos vindeiros meses, e dos cales o goberno municipal aspira a conseguir captar unha partida que axude a financiar parcialmente a construción da biblioteca. que se levará a cabo no presente ano. Do mesmo xeito espérase conseguir tamén a reposición da partida orzamentaria provinte do Estado conseguida no ano 2011 por un valor de 500.000 euros e que se terminou anulando, motivo polo cal o Ministerio foi condenado a indemnizar ao Concello con máis de 40.000 euros polos custes da tramitación administrativa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Non queríamos que fose só un depósito de libros, como o eran antes as bibliotecas, senón convertela tamén nun centro de dinamización cultural, nunha área de recreación e que tivese múltiples funcionalidades. E este proxecto non sae dunha simple ocorrencia, senón que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e cunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a ducias de colectivos e asociacións”, sinala.
O edificio, que irá situado en pleno núcleo urbano do Seixo a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias. Na planta baixa estará o acceso principal ao edificio, e nela estarán os espazos máis ruidosos e dinámicos (área infantil, mediateca, espazo multiusos, etc.). O primeiro andar irá destinado á zona de consulta e estudo da biblioteca, ademais dunha zona de terraza-xardín exterior para a realización de actividades ao aire libre. No segundo andar instalaranse as dependencias da Concellería de Cultura e da Aula CEMIT, na que se poderán facer tamén actividades de formación, e por último na planta de baixocuberta haberá espazos de usos múltiples como a organización de conferencias e obradoiros, contando tamén cunha zona de terraza.
 

O Concello de Tomiño continúa o labor de recuperación ambiental da ribeira do Miño
Tomiño, 5 de marzo de 2021.- O Concello de Tomiño continúa coa posta en marcha do programa de recuperación e posta en valor da ribeira do Miño. Na actualidade estanse levando a cabo intervencións nas parcelas de xestión municipal situadas a ambos lados da Ponte da Amizade, en Goián, enmarcadas dentro do Proxecto bianual de accións para a mellora do estado de conservación do bosque  de ribeira nos entornos da Atalaia e da illa Morraceira na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000.
A parcela situada na parte norte da ponte, xunto á vía de acceso, atopábase moi degradada debido aos sucesivos depósitos de residuos vexetais realizados nela, o seu uso como cargadeiro de madeira e os movementos de terra sufridos debido á construción da Ponte da Amizade. Para evitar estes usos, inapropiados nun espazo natural protexido que se pretende recuperar e situado nas inmediacións dun xacemento arqueolóxico (a Atalaia), procedeuse á instalación dun valado de madeira, que irá acompañado da plantación de árbores de ribeira e veiga.
Por outra banda, na parcela sur leváronse a cabo no pasado accións de eliminación de novas plantas de eucalipto e outras plantas exóticas como a acacia. Tamén se plantaron varias especies características da carballeira presentes en Tomiño, habilitando un roteiro botánico interpretativo cun panel de 15 placas identificativas para as respectivas especies mais outras dez nun percorrido polo bosque da ribeira.
Ata o de agora no marco do proxecto controlouse a proliferación de especies exóticas invasoras en distintas áreas da ZEC Baixo Miño como a Illa Morraceira, aínda que debido a ecoloxía e demografía destas plantas é preciso un labor de seguimento e monitorización para evitar que a reaparición poida botar por terra o traballo realizado.
O proxecto conta cun investimento de 24.197,40 euros, está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e a súa finalización está prevista nos próximos meses.
 

O persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Tomiño recibe a primeira dose da vacina contra a Covid-19
Tomiño, 4 de marzo de 2021.- Esta semana as 44 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Tomiño recibiron xa a primeira dose da vacina contra o Covid-19. Así o comunicou a empresa adxudicataria do servizo, IDADES SL, quen informou que seguindo o Plan de Vacinación de Galicia o persoal de axuda a domicilio está considerado colectivo prioritario, converténdose neste xeito nas primeiras traballadoras fóra dos centros residenciais e do persoal sanitario en iniciar o proceso de vacinación.
O Servizo de Axuda no Fogar traballa diariamente no coidado de persoas en situación de dependencia, atendendo en Tomiño na actualidade a 121 usuarios/as. O programa inclúe servizos de fisioterapia, podoloxía, acompañamento, socialización ou o desenvolvemento de hábitos saudables, entre outras, que representan unha axuda indispensable no coidado de persoas maiores e enfermas.
Desde o Concello de Tomiño, malia ser unha competencia de ámbito autonómico, apostan decisivamente polo fortalecemento deste servizo así como polo investimento das políticas sociais, partida que pasou de 940.000 euros a case 1.150.000 nos orzamentos municipais do 2021, dos cales 750.000 van destinados ao Servizo de Axuda no Fogar.
    

A Real Federación Galega de Motonáutica e Fibralar asinan un convenio de colaboración
Tomiño, 3 de marzo de 2021.- Este mércores tivo lugar na Casa do Concello de Tomiño a sinatura dun convenio de colaboración entre a Real Federación Galega de Motonáutica e a empresa operadora de internet e móbil Fibralar. O acordo pretende potenciar a implantación do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica —que pasará a chamarse Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica—,  un proxecto pioneiro que procura facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte.
“Hoxe é un día histórico para o deporte inclusivo, é un pracer asinar este convenio que contribuirá na mellora do sistema loxístico, así como tamén na prevención fronte ao Covid-19 durante a celebración dos campionatos”, declarou o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández. Pola súa parte o xerente de Fibralar, Rafael Fernández, agradeceu a colaboración das institucións e resaltou a importancia do papel social que este acordo significa. “Queremos aportar o noso gran de area para contribuír á inclusión na nosa sociedade”, declarou.
A alcaldesa de Tomiño e o concelleiro de Deportes, Sandra González e Francisco Campo, congratuláronse ante esta colaboración, á cal definen como “enormemente positiva para o establecemento dunha sociedade máis inclusiva” unha prioridade que todos os gobernos deberían fixar na súa axenda.
O campionato naceu no ano 2016 logo dunha primeira proba realizada no Espazo Fortaleza da vila tomiñesa de Goián o ano anterior que serviu como xerme, e que este ano vai camiño da súa sexta edición. “Este ano a competición vai dar un salto cualitativo moi importante, así que animamos á xente con diversidade funcional a que se interesen e se atrevan a probar este deporte”, comentou Marcos Casaleiro, secretario da Federación.
A organización espera que este convenio sirva para expandir e difundir o deporte noutras comunidades, así como consolidar e aumentar o número de probas do campionato galego, que segundo o vocal da Federación, Carlos Alberto Estévez, se duplicarán este ano pasando de 5 a 10, á espera de que se confirme a realización de outras dúas probas máis en Ares e Ribadeo, onde participan máis dunha vintena de equipos. “Esperamos que pouco a pouco haxa probas en cada vez máis localidades galegas e cada vez se vaia sumando máis xente”, declarou Estévez.
O campionato dará comezo o vindeiro 27 de marzo coa primeira proba, que se realizará en Baiona. Desde a Federación animan á xente a interesarse e participar, e lembran que periodicamente se ofertan cursos abertos para obter e renovar as licencias de navegación, facilitando deste xeito o achegamento de cada vez máis xente a este deporte.
 

Feminíssimas: teatro cómico e feminista para reivindicar o 8M en Tomiño
Tomiño, 2 de marzo de 2021.- Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o Concello de Tomiño programou o espectáculo teatral Feminíssimas, que será interpretado o día 6 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio de Goián, cumprindo coas máis estritas medidas e protocolos de prevención sanitaria.
Feminíssimas é unha comedia negra e moi violeta que ten como eixo temático a amizade e a perspectiva de xénero. Protagonizada por tres amigas da adolescencia que xa fai 15 anos que non se ven, estas reencóntranse nun congreso feminista en Vigo para o que deciden pasar a noite anterior nun moderno AirBnB. Este reencontro estará caracterizado pola confrontación das distintas sensibilidades do feminismo que representan cada unha, encarnadas con ironía e complicidade, aínda que a medida que a noite avanza tamén van aparecendo a nudez, a humanidade e a empatía.
A obra vai dirixida a un público adulto, ten unha duración de 75 minutos e terá un prezo de 5 euros. A reserva das entradas pode facerse a través do número de teléfono do Concello de Tomiño ou do correo cultura@tomino.gal.
Alén diso, o propio 8 de marzo o Concello de Tomiño vai compartir un vídeo moi especial para conmemorar o Día Internacional da muller no que participaron moitas tomiñesas co que se pretende celebrar os avances conseguidos nos últimos anos, pero tamén reafirmarse na loita e a reivindicación da igualdade real, que aínda está lonxe de ser acadada.
Regreso al contenido