Tomiño, maio 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, maio 2021

Arquivo 2021
O Concello de Tomiño contrata a 23 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2021
Tomiño, 30 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño vén de realizar un proceso de contratación de persoal municipal. As novas incorporacións producíronse ao abeiro da subvención concedida pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2021 na súa liña 3, destinada ao “emprego para a conservación de bens e servizos municipais”.
En total foron contratadas 23 persoas desempregadas con contratos que varían entre os 7 e os 9,5 meses de duración, que se foron incorporando gradualmente ao seu posto de traballo durante as últimas semanas unha vez foron concluídos os procesos de selección.
Concretamente foron contratados un soldador de estruturas metálicas lixeiras; unha educadora social; unha bióloga; dous albaneis (un oficial de primeira e outro de segunda); doce peóns de xardinería; un condutor-operador de retroescavadora oficial de segunda; dous electricistas oficiais de primeira; un mecánico de mantemento e reparación de automoción xeral oficial de segunda e dúas técnicas administrativas.
En total, neste importante proceso de contratación foron investidos un total de 287.743,69 euros, dos cales 276.736,29 están subvencionados pola Deputación de Pontevedra, achegando o propio Concello os 11.107,40 restantes.
O que se publica aos efectos de cumprir coas obrigas de publicidade establecidas nas bases reguladoras e convocatoria do Plan Concellos 2021, Liña 3 publicadas no nº 1 do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o 4 de xaneiro de 2021.
 

O INJUVE recolle na súa guía de exemplo de boas prácticas, dúas realizadas polo Concello de Tomiño
Tomiño, 3 de maio de 2021.- O Instituto da Mocidade de España (INJUVE), recolle na súa guía de exemplos de boas prácticas 111 experiencias realizadas nos últimos anos polas distintas oficinas de información xuvenil do país, dúas delas levadas a cabo pola OMIX Tomiño.
Coa colaboración da Rede de Servizos de Información Xuvenil (RedSIJ), o instituto presenta un catálogo en liña de accións, proxectos e programas destinados ás persoas novas no ámbito local e rexional. É o resultado da convocatoria de Experiencias Locais de Mocidade que o INJUVE puxo en marcha este ano para recoñecer o labor das administracións locais e entidades do sector público no seu traballo coa mocidade.
Os dous programas do Concello de Tomiño aparecen recollidos nos apartados de “voluntariado” e “lecer e tempo libre”, cos nomes de “Voluntariado local” e “Pontes de Papel”, respectivamente.
“O noso obxectivo é facilitar o coñecemento de boas prácticas, compartir as metodoloxías empregadas nelas, e pór en valor aspectos de innovación, co ánimo de que poidan ser reproducidas noutros ámbitos territoriais”, explican dende o INJUVE.
O proxecto “Pontes de Papel” ten coma obxectivo o enriquecemento cultural da mocidade tomiñesa, a través do intercambio de cartas manuscritas con mozos e mozas doutros países do mundo coma México, Rusia, Nova Zelanda, Angola, China, etc.
Por outra banda, a creación do grupo de voluntariado remóntase ao ano 2003, constituíndo un
exemplo de innovación na comarca. Coa finalidade de promover a participación real da xuventude no desenvolvemento da sociedade, organízanse numerosas actividades culturais, formativas, de lecer e tempo libre, e un longo etcétera.
As experiencias recibidas foron agrupadas por áreas temáticas para facilitar a súa consulta; arte e cultura; emancipación, emprendemento; igualdade; información xuvenil e participación cidadá; medio ambiente; lecer e tempo libre; saúde e voluntariado.
Outros concellos de Galicia que aparecen tamén na guía de boas prácticas con diferentes programas, son os de Cangas de Morrazo ("Rede de Correspondentes XUVENIS 3.0"), Ribadavia ("Seeds Of Europe / Semente de Europa - SE?"), Coruña ("Nocturnia"), Lugo ("Campaña de Nadal en casa en TIKTOK"), Lugo (“Masterclass online de nutrición"), Narón ("Proxecto de educación para a saúde con adolescente en centros escolares") e Siero ("Siero Vive, Encuentro Nacional de Arte Urbano").
O listado completo das experiencias recollidas pola publicación do INJUVE pode consultarse en: http://www.injuve.es/conocenos/noticia/experiencias-locales-redsij-de-trabajo-con-jovenes
 

Inspección técnica de vehículos lixeiros os días 3 e 4 de xuño en Tomiño
Tomiño, 4 de maio de 2021.- A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Turismos estará en Tomiño os días 3 e 4 de xuño no lugar de San Benito – Campo de Festas do Alivio.
No día 3 o horario das inspeccións será de 09.00 a 13.30 horas pola mañá e de 15.15 a 18.00 pola tarde.
O día 4 só se atenderá en horario de mañá (09.00 a 13.30h).
É preciso solicitar cita previa no teléfono 902 30 90 00, ou ben, a través da páxina web www.sycitv.com
 

Nota aclaratoria do PSdeG-PSOE de Tomiño
Tomiño, 5 de maio de 2021. Ante a publicación hoxe de diferentes notas de prensa en distintos medios, o grupo municipal socialista quere manifestar o seguinte:
1°- Fomos coñecedor@s  do acontecido na noite do 14 de abril a través dunha publicación subida ás redes sociais.
A raíz de que nin oficialmente nin de maneira persoal se desmentiron as afirmacións verquidas nese post, e ante o malestar que nos trasladan algúns veciños e veciñas, fixemos pública a nosa intención de pedir explicacións en SEDE PLENARIA e, si estas foran inexistentes ou insuficientes, esixiríamos que se asumiran as responsabilidades pertinentes. ISTO NON É MÁIS QUE CUMPRIR COA NOSA OBRIGA DE DARLLE VOZ AOS VECIÑOS/AS QUE O DEMANDAN.
2°- Deixar claro que as responsabilidades neste turbio asunto son exclusivamente da persoa ou persoas implicadas. Que isto non vai de "ARGUMENTOS POLITICOS" como declara o dimisionario, nin ningunha "POLÉMICA POLÍTICA" é a causante da súa dimisión. Están publicadas unha serie de posibles infraccións e ningunha delas foi desmentida publicamente nin se ten presentado probas da súa falsedade. E 20 días despois de acontecer os feitos se presenta a dimisión e resulta que a culpable é a oposición? En base a que, e con que fundamentos, probas ou evidencias se fai esta acusación?
3°-Botamos en falta un comunicado oficial da Alcaldía, ante a evidencia de ter aceptada a dimisión do seu edil. Os cargos PÚBLICOS e POLÍTICOS debemos dimitir se hai razóns para elo, asumindo as responsabilidades e consecuencias dos nosos actos, pero non é normal en democracia culpar á oposición dos erros propios. Polo que entendemos que a Alcaldía de Tomiño está contribuíndo a esta anormalidade democrática, cando permite que se vertan este tipo de acusacións falsas e infundadas co único fin de enfangar,  e desviar a atención .
 
A pandemia acrecenta a demanda de cursos na Aula CeMit de Tomiño
Tomiño, 6 de maio de 2021.- A pandemia por coronavirus parece haber influído de maneira significativa na demanda de cursos e outras accións formativas na Aula CeMit de Tomiño, situada no coñecido coma Campo da Feira.
Durante os meses de xaneiro e febreiro, debido ao alto número de contaxios, non houbo actividades de formación, pero foi moita a xente que solicitou axuda para poder realizar diversos trámites a través de Internet coma, por exemplo, uso da Sede Electrónica do Concello de Tomiño, realización de solicitudes de citas previas nas diferentes administracións, trámites na páxina de emprego da Xunta de Galicia e no SEPE (Servizo Público de Emprego), entre moitos outros.
Dende o 1 de marzo ata finais do pasado mes de abril celebráronse dous cursos ofimática de 84 horas cada un, aprendendo as persoas participantes a manexar os programas Libreoffice Writer, Calc, Base e Impress).
Debido ao COVID-19 e a alta demanda de participantes, 13 en total, fíxose necesario facer dúas quendas, ademais de ser obrigatorio, loxicamente, o uso da máscara, a desinfección dos equipos, emprego de mamparas e uso de xel hidro-alcohólico, entre outras medidas de seguridade.
Os coñecementos adquiridos servíronlles ás persoas usuarias para preparar o exame celebrado en diferentes aulas da rede CeMIT (entre elas na de Tomiño) hoxe e onte, para a obtención do CODIX (Certificación galega de competencias dixitais en ofimática); proba convocada pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica).
Esta certificación é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, que as persoas precisan para desenvolverse no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.
Nos próximos meses realizarase un curso de retoque fotográfico e outro de Iniciación a informática. Ademais, organizaranse nos meses de verán actividades para público infantil, e no mes de setembro, volverase impartir o curso de ofimática orientado, tanto a persoas interesadas en aprender o uso destas ferramentas, como ás que queiran prepararse para a seguinte convocatoria do CODIX que, con probabilidade, será en novembro deste mesmo ano.
Para solicitar información e anotarse aos vindeiros cursos, as persoas interesadas poden chamar ao 986623304; enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal; inscribirse na páxina web da Aula CeMit ou pasarse directamente pola aula do Campo da Feira.
 

Campaña “Quérete Moito” de Adeto
Tomiño, 7 de maio de 2021. O próximo luns día 10 dará comezo a campaña que se estenderá ato o 20 de maio. Os establecementos participantes estarán identificados coa correspondente cartelería e os clientes que fagan as súas compras en ditos establecementos recibirán papeletas para o sorteo dun vale de compra por valor de 100€.
O sorteo terá lugar o día 22 de maio e o número premiado publicarase tanto nas redes sociais como na web da asociación.
Os comerciantes confían en seguir contando co apoio e confianza dos clientes que se mantiveron fieis durante esta difícil situación que se leva vivindo no último ano, e esperan con optimismo as novas medidas flexibilizadoras que virán nos próximos días.
ADETO presenta ademais con esta campaña nova imaxe corporativa do centro comercial aberto, unha imaxe renovada e actual na que se troca o lema “O natural é mercar aquí” por “Xuntos medramos”, resumindo en dúas palabras os beneficios de consumir no comercio local.
Máis información e bases da campaña en www.adeto.es
 
A mocidade tomiñesa traslada ás súas propostas á Xunta
Tomiño, 7 de maio de 2021.- O Consello da Infancia de Tomiño, Voces Novas, participou este xoves nunha reunión telemática promovida por UNICEF xunto con representantes de organismos homónimos de concellos galegos como Teo, Cabanas, Moeche, Redondela, Porriño, Moaña e Castrelo de Miño. Alejandro Pereira e Alejandra Villa, representantes tomiñeses de 11 e 12 anos respectivamente, trasladaron xunto con outros 14 nenos e nenas as súas inquedanzas e propostas ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre.
Na reunión explicáronlle a Rey o funcionamento e labor dos consellos, comentando as iniciativas levadas a cabo, pondo en valor a importancia de que a mocidade e a infancia conte con espazos de participación nos seus municipios nos que sexan escoitados e tidos en conta polas institucións.
A súa principal demanda é a de materializar a creación dun Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia, un proxecto polo que desde UNICEF se leva pelexando desde fai varios anos. o director aproveitou a reunión para comunicar que a creación deste consello autonómico xa está en marcha, con previsión de que se materialice ao longo do presente ano.
“A creación deste ente ten unha importancia fundamental para afondar na implantación de mecanismos de participación da infancia e a adolescencia, non só por poder contar cunha comunicación directa coas institucións autonómicas que amplifique a voz da mocidade, senón tamén pola oportunidade de compartir experiencias, propostas e iniciativas entre os distintos consellos existentes en Galicia e tamén noutros lugares do Estado”, declarou Fátima Rodríguez, concelleira de Mocidade e Participación Infantil.
 

Tomiño convoca a todos os centros de estudo para montar unha instalación na Praza do Seixo coma homenaxe a Xela Arias
Tomiño, 10 de maio de 2021. Tomiño vai celebrar, un ano máis, o Día das Letras Galegas. Unha conmemoración moi especial que consistirá na montaxe dunha instalación colaborativa artístico-pedagóxica, denominada “ENTRELAZOS DA MEMORIA-Percorrendo emocións con Xela Arias”,  coma homenaxe á escritora distinguida. A intención é convocar dende o Concello para que participen a todos os centros educativos do municipio.
A idea xurdiu da proposta realizada por tres mestras da comarca e a artista galega Irene Silva. O Concello decidiu levala a cabo co obxectivo principal de dinamizar as Letras Galegas en tempos de COVID, dar a coñecer as experiencias emocionais de Xela Arias na infancia e achegalas ás crianzas da zona a través da arte como medio de expresión.
Por este motivo, a idea implica a colaboración dos centros educativos, aportando o seu “gran de area” na obra. O centro educativo máis colaborativo acadará un premio moi especial: un obradoiro artístico impartido por Irene Silva, no que os traballos do alumnado quedarán expostos no Mercado Municipal do 23 ao 30 de maio.
Ademais, co fin de fomentar a creatividade e a participación xuvenil a prol do galego, un ano máis a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Tomiño convocou un concurso de deseño de camisetas e outro de videopoemas.
O nome da persoa gañadora do primeiro (deseño da camiseta) coñeceuse onte, recaendo o premio en Saskia Díaz por segundo ano consecutivo. Veciña da parroquia de Sobrada, ten 28 anos e estudou Relacións Laborais e Recursos Humanos; traballa coma redactora de contidos web e é voluntaria da OMIX. “Considérome unha persoa que cre moito nas enerxías e nos aspectos máis místicos da vida e pensei que era unha boa idea rescatar esa herdanza que temos en Galicia, e que está tamén moi presente na nosa fala, e transformala nun deseño que o reflectira”, explica sobre o seu deseño co lema “Meigallo no falar”. Coma premio recibirá un exemplar da antoloxía poética e unha libreta de Xela Arias, bolsas de tea con frases da terra e difusión do deseño nas redes sociais e nos diferentes medios de comunicación.
Ademais da gañadora, no certame participaron outras 10 mozas: Yolanda, Iria, Uxía, Laura, Aylén, Jennifer, Thalía, Sabela, Clara e Maite. “Cremos que este é o ano que recibimos os deseños máis creativos, elaborados e fermosos; ao xurado non lle resultou nada doada a escolla e estivo a piques de haber empate –explican dende a OMIX- parabéns a todas as participantes, que recibirán unha camiseta co deseño gañador e unha bolsa de tea con frases na nosa lingua”.
O xurado valorou especialmente a creatividade, o atractivo e a inspiración dentro do fomento, normalización e posta en valor do idioma.
Pola súa banda, no concurso de videopoemas a gañadora foi Beatriz Pereira, quen levou como premio a antoloxía poética de Xela Arias xunto cunha das bolsas de tea serigrafiadas. Nada no ano 1997, é veciña de Tebra e está graduada en Comunicación Audiovisual. Está vinculada ao departamento de cámara trala súa experiencia en varias curtametraxes, como o musical “Fermata” (Julio Freijeiro, 2020) e especialmente interesada nos eidos da fotografía, vídeo e documental.  No 2020 realizou “Xela Arias. Poeta nas marxes”, un documental arredor da figura da poeta e tradutora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Por último, o 17 de maio a Agrupación Musical de Goián dará un concerto na Praza do Seixo e o grupo de voluntariado do Concello compartirá varias actividades online sobre a lingua, cultura e literatura galega para todos os públicos.
Alén diso, na única libraría de Tomiño ofertaranse libros en galego e, como novidade, CDs de música galega cun 40% de desconto.
 
O Partido Popular de Tomiño desminte as explicacións dadas polo xa exconcelleiro de tráfico.
Tomiño 9 de maio de 2021. O portavoz municipal de PP de Tomiño, Esteban Gonz. Miranda, califica de inaceptables as explicacións dadas polo concelleiro de trafico que dimitiu a semana pasada do seu cargo, polos feitos ocorridos na noite do pasado 14 de abril.
Despois de 20 días do ocorrido e de estar pendentes de que se dese algunha explicación por parte do xa exconcelleiro de tráfico, ou do goberno municipal; a sorpresa é que as explicacións danse no momento que se fai pública a dimisión dando a enteder que esta situación deuse por “polémica política” facendo responsables de ditos feitos a oposición de Tomiño.
O portavoz popular aclara que en ningún momento a oposición deste concello utilizou politicamente nin en redes sociais nin nos medios de comunicación nada referido a esta situación, esperando que chegasen as explicacións dos graves feitos acontecidos que en ningún momento foron desmentidos.
Entendemos que se en ningún momento se desmentiu nada do sucedido por parte do goberno municipal, a dimisión era a única solución viable dado a gravidade dos feitos.
 

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a Tomiño o xoves 20 de maio
Tomiño, 11 de maio de 2021.- A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase ao concello de Tomiño o próximo xoves 20 de maio. Estará situada na rúa Daniel Calzado Poceiro e o horario para as doazóns será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas.
É importante almorzar antes de doar no caso de asistir en horario de mañá e esperar dúas horas despois de xantar no caso de asistir en horario de tarde. É importante non esquecerse de levar a tarxeta de doazón, o DNI ou algún documento similar e informar ao médico no caso de estar tomando algún medicamento.
Desde a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos lembran que nunha situación como a actual, onde é necesario gardar certas prevencións sociais para preservar a saúde de todos, é recomendable contar con cita previa para repartir a afluencia de doadores, evitando esperas. A cita previa pode solicitarse por teléfono a través do 900 100 828.
 

Tomiño avanza na implantación do Plan Revitaliza para fomentar a compostaxe en todo o concello
Tomiño, 12 de maio de 2021.- Tomiño continúa levando a cabo a bo ritmo a implantación da compostaxe no concello, dentro do Plan Revitaliza, impulsado dende a Deputación de Pontevedra.
Tal coma estaba previsto, neste primeiro semestre do ano estase completando o reparto dos composteiros individuais (1.858 entregados, de 3.000) e a instalación dos centros comunitarios (14 en funcionamento, de 16). E para seguir cerrando o ciclo dunha correcta xestión de biorresíduos, na que se obterá estruturante (restos de poda triturada) necesario para utilizar nos composteiros, ofrecerase á veciñanza un servizo de préstamo de trituradoras ou a opción de depositar estes restos en puntos verdes, creados en distintas parroquias en zonas delimitadas cunha cerca de madeira.
Para a xestión dos devanditos puntos verdes o Concello decidiu adquirir un camión con guindastre, do que a entrega tivo lugar a semana pasada por parte da empresa adxudicataria: Volvo Group España, SAU, cunha carga útil de 6.509 kg. e un custe de 126.445,00 euros, a cargo da subvención recibida da Deputación de Pontevedra.
Na primeira quincena de maio quedarán instalados os 10 puntos verdes previstos, tendo en conta as necesidades de cada parroquia, e logo da súa instalación e sinalización xa se poderán empregar pola veciñanza. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, non se descarta instalar máis nun futuro, se hai demanda, ou anular algún punto se non se usa ou se usa de forma incorrecta. A partir da trituración dos restos de poda, obterase o estruturante, que poderá ser recollido neses mesmos puntos, para darlle uso nos composteiros individuais.
Asi mesmo, na segunda quincena deste mes entrará en funcionamento o servizo de préstamo de biotrituradoras que estará regulado pola ordenanza publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a este efecto (BOPPO Núm. 80 do xoves, 29 de abril de 2021). “En Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande, que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Será o persoal encargado de entregar a maquinaria o que indique as instrucións básicas de funcionamento das biotrituradoras”, comenta a concelleira, creándose asemade, unha guía de uso, que acompañará a máquina.
“Este servizo facilitará á veciñanza a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, que poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario nos municipios máis rurais. Con elas poderase triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, ramas de árbores de froiteiras, viñas, árbores ornamentais e restos de xardinería”, comenta a concelleira.
Para poder empregar as biotrituradoras é preciso ser maior de idade, residente en Tomiño e estar dado/a de alta no servizo. Logo da solicitude, indicaráselle dende o concello a data e o lugar de recollida. O préstamo será dunha semana, coma máximo, e as retiradas e devolucións realizaranse, en principio, os mércores de 08:00 a 14:00 horas, salvo que se acorde outro día coa persoa usuaria.
Finalmente, estase a crear unha páxina web (https://revitaliza.tomino.gal/) adicada a compostaxe a nivel municipal, onde a poboación terá acceso a toda esta información e poderá ademais comunicarse cos técnicos/as do departamento de medio ambiente, para resolver dúbidas. “É unha nova ferramenta para que as veciñas e veciños de Tomiño podan ter información completa das accións que se están a desenvolver no marco de Revitaliza, así como acceder a utilidades, tales coma mapas interactivos onde consultar o composteiro comunitario correspondente en función do domicilio, ou o mapa de situación dos puntos verdes. Así mesmo, poderá solicitarse a reserva das biotrituradoras, aprender trucos e recomendacións de compostaxe, etc.
 
A Agrupación Musical de Goián dará un concerto na praza do Seixo polo Día das Letras Galegas

Tomiño, 12 de maio de 2021.- Co gallo da programación cultural prevista para o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio a Agrupación Musical de Goián ofrecerá un concerto na Praza do Seixo. A actuación está prevista para as 12:00 horas e terá unha duración aproximada de 60 minutos.
Aínda que as previsións son boas, a realización do evento estará condicionada polas circunstancias climáticas, polo que en caso de choiva a actuación terá que ser cancelada. Para asistir ao concerto non será precisa a inscrición previa.
 

O alumnado do IES Antón Alonso Ríos constrúe unha Escape Room
Tomiño, 13 de maio de 2021. O alumnado de 2º de CM de Instalacións de Telecomunicacións do IES Antón  Alonso Ríos, no módulo Circuíto pechado de televisión e seguridade  electrónica, deseñou e construíu unha Escape Room que están a desfrutar os profesores nos recreos e á que xogará o alumnado de 4º da ESO como parte da  promoción deste ciclo formativo.
Este proxecto comezou no curso 2019-2020 cunha visita á empresa  colaboradora no mesmo, o Eskapark de Vigo, na que o alumnado puido ver as  súas instalacións e vivir a experiencia. Isto axudou ao grupo a familiarizarse  con este tipo de xogos e coller ideas para poder adaptar a unha Escape Room as  prácticas dos diferentes módulos que se imparten no ciclo.
Coa declaración do estado de alarma o alumnado dese curso non puido rematar o proxecto que pretendía ofertar a Escape Room tanto ao alumnado do IES  coma ao alumnado doutros centros e mesmo á veciñanza de Tomiño.
Este curso, debido ás restriccións pola pandemia, retomouse o proxecto coa  condición de que fóra portátil e poder levala a outros centros e dar así a coñecer, dun xeito lúdico, as ensinanzas que se imparten no CM de Instalacións de telecomunicacións.
A Escape Room consta de 6 probas/prácticas onde os xogadores deberán  conseguir os códigos para ir abrindo caixas e portas onde atoparán novas pistas  que os levarán ao xogo final.
Esta Escape Room estará o xoves no IES San Paio de Tui e nas próximas  semanas no C.P.I Manuel Suárez Marquier.
 

Educación prepara a reforma e ampliación máis importante do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño
Tomiño, 15 de maio de 2021.- Concello de Tomiño e Consellería de Educación traballan xa man a man para darlle encadre urbanístico ao anteproxecto de ampliación e reforma do IES Antón Alonso Ríos e dotar de viabilidade un proxecto que suporá a maior remodelación deste centro nos seus case 28 anos de historia. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou as instalacións do centro acompañada do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, así como do Inspector de Educación de Zona, de membros do Servizo de Unidade Técnica de Educación e da propia arquitecta municipal.
As obras suporán un investimento de 1,6 millóns de euros xa recollidos nos orzamentos da Xunta de Galicia, dos que 200.000€ serán para a anualidade 2021 e 1,4 millóns para os traballos realizados no vindeiro ano. A Consellería traballa de forma estreita co Concello de Tomiño para que tras a aprobación do proxecto definitivo este sexa presentado na área de Urbanismo e se proceda á tramitación das licencias necesarias para iniciar a obra.
Estes traballos de mellora suporán a ampliación das instalacións en 1.140 metros cadrados e a reforma noutros 1.000 m2, unha obra de gran calado e vital importancia que permitirá dotar ao IES Antón Alonso Ríos de novas aulas para os dous ciclos formativos que se imparten no centro, Electrónica e Forestais, e completar as de educación secundaria e Bacharelato. Deste xeito, o instituto contará con 6 novas aulas de 25 m2, con 4 de 60 m2, unha nova de 90 m2 e outra de 120 m2. Está previsto que as obras comecen a finais deste ano 2021 e, segundo o calendario establecido pola Xunta, remataranse durante o curso 2021/2022.
A rexedora tomiñesa quixo agradecer a César Pérez o traballo realizado “para sacar adiante este proxecto tan importante nun concello cunha poboación en crecemento, con moita xente moza e cun instituto que está acollendo a moitos rapaces e rapazas doutros municipios que estudan tanto ESO como Bacharelato ou ciclos formativos no noso IES”.
O equipo directivo do instituto, encabezado pola súa directora, Cruz Garrido, amosou a súa satisfacción polo proxecto, que dá resposta a unhas demandas polas que o centro leva anos loitando. Pola súa banda, o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra quixo destacar o gran labor feito por todo o profesorado neste ano escolar tan duro.
 

Tomiño participa na campaña #UnÁrbolPorEuropa no Día Internacional do Medio Ambiente
Tomiño, 18 de maio de 2021.- Tomiño participará, a través do seu Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” na celebración do Día Internacional do Medio Ambiente (5 de xuño). Convidado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, o Concello sumarase á Campaña #UnÁrbolPorEuropa, promovida polos mozos e mozas europeístas de Equipo Europa (a proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo) sumándose así aos 450 municipios que plantaron xa máis de 9.000 árbores.
No caso de Tomiño, será unha ducia de especies autóctonas as que se plantarán nun terreo situado a carón do edificio de Benestar Social, no barrio da Rocha. O acto simbólico, organizado polas concellerías de Medio Ambiente e Mocidade de Tomiño, terá lugar o vindeiro xoves 3 de xuño e participarán compoñentes do Consello da Infancia e Adolescencia e autoridades municipais. Tras a plantación, descubrirase unha placa en madeira conmemorativa realizada polo artista local Ignacio Moure.
O obxectivo é conseguir que tantos municipios como sexa posible, se unan á campaña antes do 5 de xuño de 2021, Día Internacional do Medio Ambiente.
“Tras máis dun ano de traballo, conseguimos sumar 450 municipios que plantaron un total de 9.000 árbores en todas as comunidades autónomas de España. O éxito da nosa campaña non sería posible sen o seu compromiso e apoio”, explica María Andrés Marín, directora da Oficina do Parlamento Europeo en España.
Dende a devandita oficina piden que se dea toda a difusión e visibilización posible ao acto, co fin de sensibilizar á sociedade sobre a importancia de coidar o medio.
Paralelamente, están a traballar noutras campañas coma #12Estrelas; unha acción para promover a sustentabilidade local nos municipios con propostas e iniciativas reais, ou #UnaAcciónLocalConImpactoGlobal, na que se poderá participar con suxestións, difusión, reunións virtuais ou presenciais que teñan relación con accións encamiñadas a acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable.
 

Aberto dende hoxe o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán e campos de voluntariado
Tomiño, 19 de maio de 2021.- A partir de hoxe, mércores, 19 de maio, ás 9.00 horas, poderase solicitar praza para os Campos de Voluntariado 2021. Os campos de Galicia son para mocidade con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Noutras comunidades hai algunha praza para persoas a partir dos 16 anos.
No enlace http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran, no apartado Campos de Voluntariado, pode atoparse toda a información relativa á actividade e o formulario para solicitar as prazas.
Ao mesmo tempo, ábrese o prazo para solicitar prazas nos CAMPAMENTOS DE VERÁN 2021 da Xunta de Galicia. Respecto das idades mínima e máxima, para poder participar nesta Campaña de Verán 2021, cómpre destacar:
·         As persoas nacidas no ano 2003 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
·         As persoas nacidas no ano 2012 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
Dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, recomendan solicitar as prazas o antes posible, xa que adoitan esgotarse con rapidez.
 

Uxía Lambona e a súa banda chegan en concerto a Tomiño este domingo
Tomiño, 20 de maio de 2021.- Uxía Lambona e a Banda Molona chega en concerto ao Auditorio de Goián o domingo 23 de maio, ás seis da tarde e con todas as medidas de seguridade para previr posibles contaxios.
Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde “A Carolina” rapeada ata “O Jato rockeiro”; moitos temas tradicionais e algún que outro propio, pasando por diversos estilos coma o ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, ou o tango.
Dende o grupo adiantan que será un concerto moi dinámico, onde artistas e público participarán de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.
“Uxía Lambona e a Banda Molona”  é un proxecto musical, lúdico e educativo. O vindeiro domingo os seus compoñentes presentarán o seu novo disco, “unha viaxe espacial e especial chamada Astrounauta Sideral”.
Oferta de #culturasegura
Para cumprir coas medidas de seguridade vixentes só haberá 70 prazas dispoñibles no patio de butacas do auditorio e, aínda que xa están esgotadas dende hai un par de semanas, as persoas interesadas en asistir poden chamar ao teléfono 986 62 20 01 ou enviar un correo electrónico a cultura@tomino.gal, para anotarse nunha lista de agarda.
O prezo das entradas, que poderán adquirirse na propia taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo da función, é de 3 euros, agás para persoas menores de 12 anos, que pagarán a metade.
 

As persoas maiores de Tomiño recomendan “traballo, educación e respecto” ás xeracións novas

 
Tomiño, 21 de maio de 2021.- Tomiño quere por en valor a sabedoría dos seus maiores e promover na mocidade un cambio de actitude cara á mal chamada terceira idade. A oficina municipal da información xuvenil (OMIX) desenvolveu unha campaña coa participación das persoas usuarias de dous dos centros que hai na vila: "Centro Siempre Cuidándote" (parroquia de Sobrada) e Centro de Día (barrio da Rocha).
"Dende a OMIX de Tomiño, servizo dirixido á mocidade de 12 a 35 anos, queremos facilitar información positiva sobre a xente maior, favorecendo o seu protagonismo en actividades sociais e fomentando a relación interxeracional; queremos tamén conseguir mellorar a autoimaxe dos maiores, fomentar as súas relacións sociais e a súa calidade de vida, e incluso levar á mocidade a pensar sobre a súa propia vellez", explican desde a oficina, agradecendo especialmente a colaboración das educadoras sociais das entidades participantes.
A campaña foi pensada para difundila, sobre todo, nas redes sociais co obxectivo de promover a interrelación entre mocidade e persoas maiores institucionalizadas, cun nivel de deterioro leve ou moderado.
"Os nosos e as nosas maiores creceron nun mundo que é diferente ao noso, pero existen sentimentos esenciais e universais que permanecen. Por que non preguntarlles e escoitarlles, entón? As persoas anciás son unha gran fonte de coñecemento, baseada nas experiencias vividas. A mocidade que saiba aproveitar isto, accederá a unha chea de coñecementos", comentan os organizadores.
No proxecto participaron máis de 20 persoas maiores que escribiron frases dirixidas á mocidade, con recomendacións, suxestións e consellos para aproveitar máis e mellor a vida; estudar, coidarse e desfrutar.
"Que traballen moito e sexan educados e boas persoas", di Juana Vieira, 95 anos, na súa carta. Margarita Conde (84 anos), en cambio, recomenda "estudar para ter un futuro mellor e formar un fogar de respecto, traballo, saúde e bos modais".
Que sexan humildes, que aforren cartos e que se divirtan coa mascarilla, son outros dos sabios consellos que as avoas e avós de Tomiño fan chegar á mocidade. Luz (87anos) desexa aos mozos e mozas que "teñades unha persoa que vos coide cando sexades maiores".
 

O Auditorio da Fortaleza de Goián acolle este sábado un grande evento para presentar o Parque da Amizade e a nova ponte peonil que unirá Tomiño e Cerveira
Tomiño, 24 de maio de 2021. O auditorio da Fortaleza de Goián en Tomiño acollerá este sábado un grande evento para a presentación institucional do Parque da Amizade e da nova ponte peonil que unirá Tomiño e Cerveira. Ao acto asistirán diferentes autoridades estatais, autonómicas e locais tanto españolas como portuguesas, ás que se lles dará a coñecer a singularidade do que será un dos primeiros centros de lecer transfronteirizos de Europa e o primeiro Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal como  un espazo verdadeiramente europeo sen fronteiras.
Ambos proxectos contan con financiamento europeo, con cargo á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2014-2020, e serán presentados polo deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, pola alcaldesa de Tomiño Sandra González, o presidente de cámara de Cerveira, Fernando Nogueira, e polos representantes dos Burgos¬Garrido e Bernabeu Enxeñeiros.
As autoridades da parte portuguesa chegarán ao auditorio de Goián en barco dende a parte lusa para ás 12.15 horas comezar a presentación, na que se incluirá a proxección nunha pantalla de grandes dimensións dun vídeo ilustrativo dos obxectivos do parque. Na peza incluirase unha recreación 3D de como será a nova ponte peonil e ciclable que permitirá que o parque transfronteirizo sexa unha realidade.
Para o deputado Uxío Benítez o parque e a ponte constituirán un elemento dinamizador de crucial importancia material e simbólica nun territorio como é o transfronteirizo do rio Miño, dobremente impactado pola actual pandemia COVID-19, dado o seu carácter dependente dos fluxos socioeconómicos entre ambos países, que se teñen visto gravemente alterados polas restricións á mobilidade transfronteiriza.
 
Medio centenar de alumnos e alumnas do IES de Tomiño gradúaronse no entorno da fortaleza de Goián
Tomiño, 24 de maio de 2021.- Medio centenar de alumnos e alumnas de bachalerato do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), celebrou a súa festa de gradación no Espazo Fortaleza de Goián, a carón do milenario forte de San Lourenzo.
O acto contou coa presencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e da concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, en representación do goberno municipal, que colaborou no acondicionamento e montaxe da infraestrutura necesaria para a celebración.
Ademais do alumnado dos tres grupos de bachalerato (das dúas modalidades que se ofertan no instituto tomiñés: Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais), tamén graduáronse 15 estudantes do ciclo medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se imparte no centro.
A alcaldesa aproveitou a oportunidade para felicitar ao alumnado do IES Antón Alonso Ríos polo seu esforzo e dedicación durante un curso tan duro e especial coma este último.
 
Tomiño comeza o traslado provisorio do arquivo municipal para baleirar o edificio da futura biblioteca municipal
Tomiño, 22 de maio de 2021.- O Concello de Tomiño vén de iniciar o traslado da parte do Arquivo Municipal  que albergaba até o de agora o edificio situado na rúa Colón, a carón do Xulgado de Paz. Dito traslado, dunhas 4.000 carpetas con expedientes, está sendo levado a cabo por operarios municipais cara ás dependencias provisionais (que tamén albergarán en breve o Xulgado de Paz e as oficinas de Aqualia) que pronto estarán operativas.
As tarefas de acondicionamento das novas dependencias de carácter provisional, están rematándose estes días nun local alugado sito no cruce da avenida Gondomar e a rúa da Feira.
As mesmas terán acceso por ambas as rúas, e albergarán parte do arquivo municipal, até que o edificio da futura biblioteca estea rematado; momento no que os expedientes serán trasladados novamente, aloxándose na planta baixa das novas instalacións, xunto á Aula CeMit e outras dependencias.
  

Tomiño ofrece actividades deportivas de verán para facer en familia
Tomiño, 25 de maio de 2021.-  A concellería de Deportes do Concello de Tomiño organiza unha serie de actividades de verán dirixida á infancia e ás persoas adultas, que poderán desfrutarse en familia ou individualmente.
A oferta inclúe dende deportes máis clásicos, coma o atletismo, o tenis ou o piragüismo, até propostas máis novidosas coma o ioga en familia, o pádel ou rutas en kaiak polo Miño.
As inscricións realizaranse a través dun formulario que estará dispoñible na páxina web; (www.tomino.gal) dende esta semana. As persoas menores de idade precisarán autorización materna, paterna ou do titor/a legal. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono do Concello (986 622 001/02/03) ou mandar un correo electrónico a cultura@tomino.gal
En todos os cursos ofertados requírese un mínimo de 15 persoas para que se leven a cabo.
CURSO DE IOGA EN FAMILIA: nesta actividade o tempo transcorre entre movemento, xogo, imitación, risa, entendemento, baile, canto e calma.
O entorno escollido para levar a cabo este obradoiro é o interior da Fortaleza de Goián nos meses de xullo e agosto.
Dirixido a nenos e nenas sempre en compañía dunha persoa adulta. Inicio: xoves 1 de xullo ata o martes 31 de agosto. HORARIO: martes e xoves de 12h a 13.30h. Prezo: 25€/mes por persoa adulta. Menores de idade, gratis.
CURSO DE PROMOCIÓN AO PIRAGÜISMO.
Impartido polo Club Deportivo Miño. O obxectivo é introducir as nenas e nenos nesta práctica deportiva e tamén dar a coñecer o río. Está destinado a persoas de entre 8 e 14 anos.
HORARIO:
GRUPO A: luns e mércores de 17 h a 18.30 h o 28, 30 de xuño e 5 e 7 de xullo. e GRUPO B: luns e mércores 17 h a 18.30 h o 19, 21, 26 e 28 de xullo.
Prezo: 20€. É obrigatorio saber nadar.
ACTIVIDADE DE  KAIAK EN FAMILIA.
Impartido polo Club Deportivo Miño. Actividade dirixida a familias e grupos de amigos/as (se a situación sanitaria o permite). Unha ruta dunha hora ou hora e media de duración polo Miño, dependendo do estado do río e das persoas que participen.
Horario: días 11 de xullo e 8 de agosto ás 11.00h. Lugar: antigo embarcadoiro de Goián. Prezo: 20€ os maiores de idade; menores de 12 anos gratis. É obrigatorio saber nadar.
CAMPUS DE ATLETISMO.
Impartido pola Sociedade Atlética Trega. O obxectivo é iniciar ao atletismo a nenos e nenas mediante o traballo das habilidades motrices de cada especialidade (carreiras, saltos e lanzamentos). O alumnado coñecerá esta disciplina a través do xogo e mediante a promoción da actividade física como hábito saudable, á vez que se fomentarán actitudes de respecto, compañeirismo e convivencia entre as persoas.
Temporalización: primeira semana de agosto, 3 horas diarias, grupos reducidos. Prezo: 10€.
ESCOLAS DE VERÁN DE TENIS INFANTIL E PERSOAS ADULTAS.
Infantil: Impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir ás nenas e nenos, de entre 6 e 17 anos, neste deporte. Formaranse grupos segundo as idades.
Duración: meses de xullo e agosto. Temporalización: luns, mércores e venres. Prezo: 15 €/mes por alumno/a.
Persoas adultas(a partir de 18 anos): impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir ás persoas adultas neste deporte.
Duración: meses de xullo e agosto. Prezo: 35 €/mes por alumno/a.
CAMPUS DE VERÁN DE PÁDEL INFANTIL E PERSOAS ADULTAS
Infantil: impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir no deporte ás persoas interesadas. Ensinanza dos aspectos técnico-tácticos do deporte, introducindo ao alumnado no xogo, dun xeito divertido, mediante exercicios de curta duración e moita variedade.
Duración: xullo e agosto. Horario: martes e xoves de 10.30h a 11.30h e de 11.30h a 12.30h. Prezo: 12 € mes/alumno. Requisitos de inscrición: ter entre 6 e 17 anos.
Persoas adultas: a partir de 18 anos: impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir as persoas interesadas neste deporte, que axuda a fortalecer e tonificar a musculatura, o desenvolvemento psicomotriz e a coordinación. Estimula a capacidade aeróbica, a axilidade, os reflexos e a velocidade.
Duración: meses de xullo e agosto. Horario: martes e xoves de 12.30h a 13.30h.
Prezo:32 € mes/alumno/a.
 

Tomiño leva a pleno a cesión do auditorio de Goián para consolidar oficialmente a Escola de Música
Tomiño, 26 de maio de 2021.- O Concello de Tomiño levará a pleno a vindeira semana a cesión de uso gratuíta das instalacións do auditorio de Goián á Asociación Sociocultural de Goián, entidade promotora da Escola de Música.
A finalidade desta cesión é a de dotar á devandita asociación dunhas instalacións cunhas características espaciais e funcionais adecuadas para poder converterse oficialmente en escola de música
Deste xeito, a Asociación Sociocultural de Goián disporá, con carácter exclusivo, dunha sala de ensaio e dunha oficina, tendo ademais un uso prioritario do resto de aulas, que serán compartidas coa Escola Municipal de Teatro e outras asociacións municipais que as precisen para desenvolver as súas actividades sociais ou culturais.
A Escola de Música e a Agrupación Musical de Goián tamén poderán empregar o escenario do auditorio, previa solicitude ao Concello e en función da dispoñibilidade do mesmo.
A Asociación Sociocultural de Goián comprométese a facer un uso responsable dos equipamentos cedidos e a comunicar calquera desperfecto ou incidencia que puidera producirse. A duración deste compromiso de cesión gratuíta de uso será de 10 anos.
 
A Agrupación Musical de Goián conta cunha escola de música formada por unhas 140 alumnas e alumnos, así coma cunha banda infantil e outra xuvenil.
Dende hai varios anos as clases desenvólvense no auditorio de Goián que o Concello reformou   co fin de adaptar as instalacións para escola de música, coa creación de varias aulas e a reestruturación de espazos específicos. Na actualidade a partir dos tres anos é posible asistir á escola, dirixida polo profesor Pedro Villarroel e que conta coas seguintes seccións: xardín musical, música en movemento, linguaxe musical, música para adultos, corda, percusión, vento madeira, vento metal e bandas infantil e xuvenil.
 
Río Tollo consigue dos nuevos certificados internacionales de calidad
Tomiño, 26 de mayo de 2021.- En Río Tollo la pasión por nuestro trabajo, ofrecer productos de la máxima calidad de forma sostenible y valorar a nuestro personal son claves en nuestra filosofía de empresa. Un largo camino que se inició hace ya 22 años y en el que seguimos poniendo todo nuestro empeño. Por este motivo es para nosotros un orgullo haber sumado en los últimos días dos nuevos certificados internacionales, GLOBALG.A.P. y GRASP, que nos avalan como empresa de plena confianza en el sector y garantizan nuestro compromiso con el medioambiente, la salud, seguridad y bienestar de nuestra plantilla.
El sello GLOBALG.A.P respalda todo el trabajo realizado desde Río Tollo para ser una empresa con Buenas Prácticas Agrícolas, una certificación que se otorga tras el cumplimiento e implantación de procesos productivos y controles de lo más exigentes establecidos a nivel europeo. “Para nosotros es una satisfacción enorme lograr este certificado internacional, es el reconocimiento a nuestra labor para conciliar el trabajo, para ofrecer productos de la máxima calidad con la convivencia en equilibro con el entorno rural del que formamos parte. Este sello acredita ese esfuerzo por realizar nuestro trabajo de forma sostenible y respetuosa con el medio ambiente”, destaca José Collazo, Gerente de Río Tollo.
 Junto con esta marca también sumamos a nuestra empresa la certificación GRASP, que recoge nuestro compromiso con la salud, seguridad y bienestar de los trabajadores y trabajadoras, porque “las buenas prácticas agrícolas no se centran únicamente en los productos, sino también en las personas”. Se trata de un módulo voluntario dentro del certificado GLOBALG.A.P con el que Río Tollo hemos decidido implicarnos “convencidos de que el cuidado y profesionalización del equipo humano es fundamental para seguir creciendo”.
 

Tomiño construirá con axuda da Deputación o primeiro “camiño escolar” do municipio
Tomiño, 27 de maio de 2021.- O Concello de Tomiño disporá do primeiro “Camiño Escolar” da zona; un proxecto no que o goberno local vén traballando dende hai tempo e que agora poderá materializarse co apoio da Deputación de Pontevedra, a través dun convenio de colaboración que irá a pleno a vindeira semana.
A obra levarase a cabo no tramo da estrada provincial E.P. 3102 comprendido entre o CEP Pedro Caselles e a intersección coa nova Avenida Baixo Miño. Na actualidade o firme atópase deteriorado e o itinerario peonil presenta un ancho insuficiente estando en mal estado. Nun futuro se plantexa acondicionar tamén os camiños municipais que conectan esta zona co centro da vila.
O vial propiedade da Deputación, da acceso a varios equipamentos de Tomiño, tales como a igrexa, o cemiterio e o colexio CEP Pedro Caselles, polo que organismo provincial elaborou o proxecto “Mellora da mobilidade peonil no camiño escolar na E.P. 3102 ao CEP. Pedro Caselles”, co cal se pretende acondicionar este treito da estrada co fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.
As obras, por valor de 286.235,07 euros, incluirán a construción dunha senda para os peóns na marxe dereita e a renovación do pavimento.
Ademais adaptarase a drenaxe de pluviais, renovarase a iluminación e soterraranse os servizos de electricidade e de telecomunicacións.
O Concello de Tomiño é consciente da necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas para a protección dos colectivos máis vulnerables. “O obxectivo é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público”, explican dende o goberno local.
Compre lembrar Concello de Tomiño, co apoio da Deputación de Pontevedra, acolleuse no ano 2015 ao proxecto socioeducativo "Camiños Escolares", coa finalidade primordial de que nenas e nenos poidan desprazarse de forma autónoma, apostando por unha mobilidade saudable, sostible e segura.
Dentro dunha primeira etapa de diagnose, realizáronse daquela actividades nas aulas do CEP Pedro Caselles e de recoñecemento no terreo, cos grupos de 5º e 6º de Primaria acompañados polo equipo técnico que redactou o proxecto definitivo.
Outros dos eixes vertebradores deste proxecto é a filosofía da Cidade dos/as Nenos/as; proxecto internacional apoiado polo recoñecido pedagogo Francesco Tonucci (que visitou Tomiño en 2017) que tenta conseguir unha maior autonomía, mobilidade, participación e seguridade dos escolares, para que poidan ir ao cole e outros espazos públicos sen ser acompañados.
 

A OMIX Tomiño participa na Semana Europea da Xuventude 2021
Tomiño, 28 de maio de 2021.- A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño participa na Semana Europea da Xuventude 2021 “Our future in our hands”, que se celebra dende o 24 ao 30 deste mes. Con este fin, encherá as súas redes sociais de contido informativo.
A través dun photocall preparado para a ocasión, a oficina sairá á rúa para dar a coñecer os novos programas da UE para a xuventude 2021-2027, tales como o novo Erasmus +,  o Corpo Europeo de Solidaridade, a rede Eurodesk, etc. Unha das visitas programadas é o IES Antón Alonso Ríos para levar ao alumnado as últimas novidades sobre proxectos europeos e actividades.
Os puntos de Eurodesk España (entre os que se atopa a OMIX Tomiño) volcáronse na organización deste gran encontro bienal programando casi 50 eventos. Estas actividades levaranse a cabo online ou de xeito presencial e contarán coa participación de 5.500 mozos e mozas de todo o país.
As Semanas Europeas da Xuventude (SEJ) organízanse cada dous anos e permiten trasladarlle á mocidade as oportunidades que lle ofrece a Unión Europea.
Nestes encontros foméntase o debate de temas relevantes para a sociedade co fin de coñecer  a opinión de mozas e mozos e de aumentar súa participación.
Tras a última Semana Europea da Xuventude celebrada en 2019, esta edición celebrarase do 24 ao 30 de maio e ten como lema “Our Future in Our Hands – O noso futuro nas nosas mans”.
Todos os eventos rexístranse no  Portal Europeo de la Juventud.
En redes sociais poden atoparse actividades cos hashtags #EUYouthWeek #SEJ2021 #EYW2021 #EurodeskEspaña #SomosEurodesk.
 
Tomiño Natural, unha semana de actividades centradas no coidado do noso medio
Tomiño, 28 de maio de 2021.- O impulso da compostaxe como forma de reducir os residuos e a mellora integral das augas, son os pilares nos que se vertebra a Semana do Medio Ambiente que, co lema Tomiño Natural, organiza o Concello este ano para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente.
As Concellerías de Medio Ambiente e de Servizos Públicos, aunáronse para a organización desta semana, nesta primeira edición, na que se se darán a coñecer os avances na materia e se convidará á cidadanía a participar e implicarse.  
"Tomiño aposta por mellorar o tratamento e reducir a produción de residuos. Queremos dar un novo impulso á compostaxe comunitaria e doméstica da materia orgánica para reutilizala como nutrinte da terra, e ao mesmo tempo, unha oportunidade para implicarse no coidado da natureza.", explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.
A segunda gran preocupación é o coidado da auga. "Queremos darlle un tratamento e depuración  adecuados porque é un recurso escaso e imprescindible; buscaremos novas alternativas de mellora do saneamento tradicional e sistemas de depuración eficaces", afirma pola súa banda o edil de Servizos Públicos, Lois Vazquez.
Tamén se inclúe como tema especial, as árbores, cunha exposición das obras presentadas ó concurso sobre árbores senlleiras, cunha plantación de árbores autóctonas e coas actividades infantís do sábado.
Os actos comezan o mércores 2 de xuño coa estrea do documental "Da nosa man. As traídas de auga de Tomiño". Ás 20.30 a cinta será subida ao Facebook do Concello, e no Auditorio de Goián terá lugar a presentación do traballo ás directivas das traídas, con acceso restrinxido. O acto contará coa presencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do presidente de COXAPO (Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra), Juan Joaquín Pousa.
O xoves 3 de xuño haberá dúas actividades principais. Ás 17.00 horas, plantación de árbores autóctonas a cargo do Consello da Infancia e Adolescencia "Voces Novas", e ás 20.30h no Facebook do Concello, "Conversa sobre alternativas para o tratamento e depuración das augas", coa alcaldesa; o enxeñeiro experto en enerxías renovables e tratamento de augas residuais, José Luis Peraza, e a xefa de servizo de Aqualia en Tomiño, Marián Lago.
O programa continúa o venres 4 de xuño con outra conversa a través das redes do Concello (Facebook); neste día falarán sobre a compostaxe Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente; Carlos Pérez, químico asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, e Sandra Alonso, mestra composteira.
O sábado 5 de xuño será o día grande da Semana, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente. Na Praza do Seixo haberá xogos e talleres infantís (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h) a cargo da Granxa Escola Corazón de Carballo, cunha temática vinculada ao Medio Ambiente e a riqueza natural de Tomiño.
Ademais, ás 12.00h efectuarase a entrega de premios do concurso "Como ves ti as árbores senlleiras de Tomiño?", nos seus diferentes niveis, cuxos traballos estarán expostos ao público do 1 ao 6 de xuño no primeiro andar do Mercado Municipal.
Por último, dende o mércores 2 de xuño até o sábado 5, haberá na Praza do Seixo un posto de información sobre compostaxe e reciclaxe, a cargo da Asociación Ecoloxista Amigos da Terra, con horario de tarde, de 18.00 a 20.00 horas, excepto o mércores que tamén estará de mañá. En Goián o posto informativo estará o día 3, entre as 11.00 e as 13.00 horas, coincidindo co mercadiño ambulante.
 

O Parque da Amizade, “unha nova zona franca social” no territorio transfronteirizo do Miño
 
Tomiño, 29 de maio de 2021. O lugar onde máis próximas están as beiras do Miño no seu último treito, onde se miran Espazo Fortaleza de Goián e do Parque do Casteliño, vaise converter nun só parque sen mirar fronteiras: o Parque da Amizade Tomiño-Cerveira. Unha ‘euro-área’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.
 
O proxecto foi presentado hoxe oficialmente nun acto presidido pola presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e os anfitrións, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira. Asistiron autoridades dos gobernos centrais como a ministra de Coesão Ana Abrunhosa e a secretaria de estado de Valorización de Interior de Portugal Isabel Ferreira, e a subdelegada do Goberno Maika Larriba; e autoridades autonómicas como o presidente da CCDR-N Antonio Cunha e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, amosando o seu apoio á iniciativa. Tamén houbo representantes da Comandancia de Mariña, da Capitanía do Porto de Caminha, do CIM Alto Minho, autoridades autonómicas e rexionais, así como as persoas integrantes do xurado do concurso de ideas da ponte peonil, e de entidades sociais e económicas do Concello de Tomiño.
 
O deputado Uxío Benítez, que fixo de guía do evento, explicou que o Parque da Amizade responde “á vontade de dous concellos de trazar unha axenda estratéxica común, de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través dunha unión peonil e ciclable. Un espazo común que aínda hoxe sen unión física está a ser trazado de xeito cohesionado e complementario”.
 
En canto aos servizos que se darán no novo espazo, o nacionalista subliñou que os concellos de Tomiño e Cerveira traballarán para darlle un novo pulo completando os equipamentos actuais cun novo parque botánico e unha zona de glamping, así como con piscinas, campos de xogo e incluso un novo museu, co fin de facer o parque aínda máis atractivo.
 
Lembrou que se trata dun espazo  clasificado como Rede  Natura 2000, unido coa estación de trens de  Cerveira, dende o que é fácil conectar o Alto Miño e o Baixo Miño galego, Porto-Vigo, Lisboa-Madrid, Portugal-España, pero tamén percorrer un “Anel Verde transfronteirizo”, con máis de 400 quilómetros de vías naturais existentes nas dúas marxes, e gozar do máis recente proxecto de repartición de bicicletas eléctricas entre as tres  Eurocidades do río Miño. “Este é un claro exemplo do  slogan de  atracción turístico de “dous países, un territorio”, subliñou.
 
A parte máis emotiva do acto correu da man da alcaldesa de Tomiño e o alcalde de Cerveira, quen subliñaron o traballo histórico conxunto e as fondas relacións sociais entre ambas as beiras. “Hoxe colocamos un fito importantísimo para afondar na irmandade dos nosos pobos, contribuíndo a desfronteirizar a vella Europa para xerar un espazo común , un parque único e continuo enclavado nunha vella fronteira. Queremos consolidar unha gran ‘zona franca social’”, subliñou Sandra González, quen fixo un chamamento ás maquinarias dos gobernos de Madrid e Lisboa para que o proxecto do Parque da Amizade sexa unha realidade canto antes.
 
Tamén Fernando Nogueira aproveitou o seu discurso para reivindicar “a maior atención e apoio de todas as entidades aquí presentes para ultrapasar procedimentos operacionais administrativos e burocráticos” e así contriburír “á consolidación dos valores e do soño europeo”.
 
Unha liña sobre o miño. Un lugar transparente e aéreo
 
A nova ponte peonil e ciclista que unirá ambas beira, e que segundo Benítez a pesar de ser espectacular é“o só é o medio para conseguir o obxectivo: o espazo conxunto”, foi explicada polos enxeñeiros e arquitectos da UTE Bernabeu&Garrido. Puido coñecerce grazas a un vídeo de realidade virtual proxectado nunha pantalla de grandes dimensións, que permitiu ás persoas asistentes ter diferentes vistas aéreas de como se levantará entre ambas beiras e cruzalo a pé e en bicicleta de maneira virtual.
 
Os autores explicaron que a nova ponte Goián-Cerveira propúxose co lema ‘Unha liña sobre o Miño’ como unha construción extremadamente lixeira e aérea, cuxa posición e estrutura preserva as vistas cruzadas das fortalezas situadas a un lado e outro do Miño. “Respecta as delicadas ecoloxías do río e a súa xeometría de doble curvatura fará da súa travesía unha experiencia intensa, profunda e memorable na que a paisaxe sempre variable que se abre cara o Atlántico, ao sur, e ao valioso patrimonio histórico, ao norte, é o máis importante”.
 
Subliñaron que a ponte proposta distínguese claramente da estrutura da Ponte da Amizade situada augas arriba a menos de 1.500 metros, e que o seu uso exclusivamente ciclista e peatonal permite empregar unha estrutura “máis audaz”, maiores luces e un planeamento estratéxico no que a experiencia do cruce e a relación coa paisaxe son “determinantes e ineludibles”, polo que é o máis transparente e aéreo posible. Créase un “lugar propio” que desvela unha paisaxe inédita “que alonxándose das edificacións de Vila Nova de Cerveira e das fortalezas, descubre a inmensidade do estuario do río Miño con toda a súa potencia natural fronte ao silencio formal e expresivo da ponte”.
 
O viaduto colgante ten 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro.  A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote.
 
Carmela Silva: unha actuación que vai namorar a todas e a todos
 
“Hoxe é un día fermosísimo porque estamos a falar de amizade, de fraternidade, de transformación, de ideas, de compromiso cun mundo novo onde o medio ambiente e o coidado do territorio son protagonistas” asegurou a presidenta Carmela Silva durante a presentación do Parque da Amizade e da ponte peonil e ciclable sobre o Miño. “Nesta comarca hai grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que nos une, unha economía moi potente pola que temos que seguir a traballar para construír futuro. Este proxecto, que permitirá unir a dous pobos veciños a través do Miño, é así de ambicioso”, manifestou ao tempo que subliñou a calidade estética desta actuación que “vai namorar a todas e a todos”.
 
A presidenta, que comezou a súa intervención facendo fincapé na ampla maioría de mulleres políticas presentes no acto e nas mulleres que historicamente en ámbalas dúas marxes do Miño traballaron e garantiron a economía, amosou a súa seguridade de que o proxecto será realidade “polo empuxe das mulleres” e destacou que “sen a visión política das mulleres, que sitúan ás persoas no centro da acción política, non sería tan marabilloso como este”. Tamén recordou o nacemento da iniciativa da man do mundo local, “o que mellor coñece a realidade e sabe o que realmente é tractor para o cambio. O mundo local reclama que este proxecto sexa unha realidade”.
 
Carmela Silva, que rematou cuns versos da canción “Acuarela” de Toquinho, fixo tamén un chamamento a “mudar neste século XXI moitas cousas que fixemos mal no XX, recuperando o amor pola natureza e impulsando unha economía na que as persoas sexan o centro de todo”. Neste eido, destacou o compromiso da Deputación: “que dende fai seis anos está a transformar e mudar a provincia, cun modelo claro sostible, xerando economía, mantendo a poboación en todo o territorio e garantindo dereitos e servizos para todas as persoas”.
 
Apoio expreso dos gobernos
 
Logo da presentación do proxecto, nos discursos institucionais, a ministra de Coesão de Portugal, Ana Abrunhosa, subliñou que cumprirá a súa palabra de que a futura ponte peonil que permitirá o Parque da Amizade sexa unha realidade. Destacou, de feito, que se trata dunha iniciativa que é prioritaria “e magnífica” para o goberno portugués e que debería ser incluso anterior que a alta velocidade que una Porto e Vigo.
 
“Todos os proxectos que fortalecen a ligazón entre Portugal e Galiza son prioritarios. No tren estamos a traballar. A cooperación transfronteiriza é fundamental para nós porque a fronteira debe ser o lugar central da península Ibérica”, subliñou. Lembrou tamén que os dous estados asinaron unha Estratexia Común de Desenvovemento Tranfronteirizo na Cimeira do ano pasado.
 
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que a Xunta de Galicia traballará en favor da materialización da ponte e de outros proxectos para o desenvolvemento do territorio transfronteirizo . “Podedes contar coa Xunta dende agora e ata o final. Esta ponte vai ser unha realidade”, dixo, lembrando que o proxecto, ao igual que outros destinados á Eurorrexión está incluído dentro dos que se enviaron para o financiamento cos fondos europeos do Next Generation.
 
A subdelegada Maika Larriba destacou que o goberno español acolle con máximo interese este proxecto. “O Miño hoxe máis que nunca tense que converter nunha oportunidade para o desenvolvemento das localidades a ambas beiras e nunca máis nunha barreira natural. Lembrou que “vivimos non hai moitas datas o que supón votar a tempos atrás cando o río era unha fronteira infranqueable. A situación sanitaria pola COVID-19 obrigou a pechar as pontes para tratar de controlar a pandemia, e a veciñanza de ambos lados sufriron os problemas derivados desta situación. Pero ese esforzo non foi en balde. Hoxe podemos estar todos aquí celebrando dun xeito unido o que vai ser nun futuro, espero que non moi longo, un novo punto de encontro entre ambas beiras do Miño”.
 
Finalmente, o presidente do CCDR-N, Antonio Cunha, cualficiou na súa intervención de “magnífico” o proxeto do parque e o da ponte e destacou que a súa “naturalidade” permitirá levalo adiante.
 
 
Goián acolle a 4ª proba do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica 2021
 
Tomiño, 29 de maio de 2021.- O Espazo Fortaleza de Goián(Tomiño) acolle o vindeiro 5 de xuño a cuarta etapa do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica2021.
 
A competición, que pretende facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte, foi presentada onte no Concello de Tomiño. Na presentación estiveron Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes, e Marcos Figueiras Pose, en representación de Fibralar, operadora de internet que patrocina o evento.
 
Pola súa banda, tanto o concelleiro coma o representante de Fibralar, aseguraron sentirse orgullosos de poder achegar o seu gran de area a unha competición destas características, e contribuir á inclusión das persoas con diversidade funcional da comarca.
 
A proba discurrirá por augas do Miño, á altura da praia de Goián, dotada dun pantalán adaptado.
 
Con arranque programado ás 10 e media da mañá, piloto e copiloto terán que enfrontarse a unha serie de probas de destreza, nun circuíto marcado por aboias fondeadas sobre as que terán que trazar un percorrido con diversas dificultades, e que serán desveladas no último momento polo Comité de Xuíces da Federación Galega de Motonáutica
 
Segundo informaron os organizadores, doce equipos de toda Galicia confirmaron xa a súa asistencia a este campionato inclusivo, que chega xa ao seu sexto anoconsecutivo.
 
Sobre as 14.00h terá lugar a entrega de premios, coa presenza de autoridades locais e da Federación.
 
As persoas (especialmente aquelas con diversidade funcional) que desexen coñecer este deporte dende cerca, poden achegarse á competición, a cuxo término, poderán realizar un paseo en barco ou interiorizarse dos datos que precisen para a práctica da motonáutica ou a obtención da licencia de navegación.

Regreso al contenido