Tomiño, febreiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, febreiro 2021

Arquivo 2021
Un dispositivo de Policía local velará polo cumprimento das novas medidas de restrición esta fin de semana en Tomiño
Tomiño, 26 de febreiro de 2021.- Dada a situación de desescalada e ás novas restricións establecidas polas autoridades sanitarias, un dispositivo da Policía Local de Tomiño estará de servizo esta fin de semana para velar porque se cumpran todas as medidas de prevención, garantindo así a saúde de todas e todos. Neste sentido, os axentes patrullarán polo municipio para coidar que se cumpra cos aforos nos locais de hostalería e que se respectan todas as normas establecidas dende a Consellería de Sanidade nesta nova fase da pandemia.
Pola súa banda, o Concello reunirase ao longo da vindeira semana cos hostaleiros e hostaleiras para explicarlles polo miúdo os protocolos que se deben de seguir dende este mesmo venres 26. Tomiño atópase nestes intres en nivel 1 de alerta, cunha incidencia inferior aos 250 casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, o que permite entre outras medidas e con limitacións unha reapertura da hostalería, as reunións de non convivintes ou a apertura das instalacións deportivas e da práctica de deporte non federado.
 
As escolas de Música e Teatro reanudan a súa actividade de forma presencial con grupos reducidos e todas as medidas de seguridade
Tomiño, 26 de febreiro de 2021.- As escolas municipais de Música e Teatro de Tomiño retoman a súa actividade de forma presencial tras as novas restricións marcadas polas autoridades sanitarias. Como xa viñan facendo antes de ter que interromper as clases, ambas as dúas escolas volverán ás aulas con grupos reducidos e adoptando todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de alumnado e profesorado.
Por un lado, a Escola de Música da Agrupación Musical de Goián reanudará a súa actividade co regreso ás aulas do alumnado de iniciación, xardín musical, música e movemento, violonchelo, percusión e do grupo de adultos. Porén, os e as estudantes de instrumentos de vento continuarán coa formación online polo momento.
Farano en grupos reducidos e con todas as medidas de prevención xa implantadas dende o  inicio do curso para que estudar e desfrutar da música de xeito seguro puidese seguir sendo posible. Ademais dunha zona de desinfección na entrada das instalacións, cunha alfombra desinfectante e un dispensador de xel hidroalcohólico con pedal, instaláronse mamparas de separación entre docentes e alumnado e reorganizáronse as aulas para garantir unha maior distancia entre os e as estudantes.
Pola súa banda, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño tamén retomará a súa actividade con grupos reducidos e con todas as medidas de prevención que xa se viñan empregando para garantir a seguridade do alumnado. Xa dende o inicio de curso, ademais de ampliarse o número de grupos, reorganizáronse os horarios para poder levar a cabo as tarefas de desinfección e ventilación entre cada unha das clases.
 
Dispoñibles xa en Youtube e na web municipal as conferencias da VI Semana da Educación
Tomiño, 26 de febreiro de 2021. O Concello apostou por reinventarse para poder continuar coa xa tradicional Semana da Educación de Tomiño, que este ano chegaba á súa sexta edición con catro destacados profesionais cos que afondar en educar con emoción e aprender con paixón. Ante a complicada situación sanitaria, para facilitar a asistencia e abrir as charlas ao maior número posible de persoas, o Concello decidiu realizar unha edición vía streaming que contou cun grande apoio por parte de pais e nais e tamén da comunidade educadora.
Con case 400 persoas inscritas en total, tanto de Tomiño como doutros puntos de Galicia, a VI Semana da Educación converteuse en todo un éxito cunha media de máis de 300 participantes en cada unha das conferencias. Unha semana na que destacados expertos afondaron en diferentes claves para que familias, docentes e outro persoal educador entendan como abordar a educación de xeito emotivo, crítico, igualitario e seguro.
Así, o avogado, investigador e docente Octavio Salazar inaugurou este anos as xornadas falando da importancia dunha educación paritaria que incorpore a perspectiva feminista e da necesidade de desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. A música e docente Almudena González explorou a importancia das emocións musicais no ámbito educativo e a súa relación coa neurociencia, mentres que a xornalista Marta Peirano ofreceu afondou na importancia de combater a desinformación nas redes sociais, analizando as ferramentas que se teñen a man para poder facelo. O psicólogo Alberto Soler pechou o ciclo de conferencias abordando un tema que causa grande interese entre o público: as normas, os límites, os premios e os castigos.
Por outra banda, por primeira vez as charlas contaron con interpretación simultánea en lingua de signos, garantindo así tamén a inclusión das persoas xordas. Os vídeos das conferencias íntegras, coa charla e a quenda de preguntas, xa están dispoñibles na web do Concello e na canle municipal de Youtube.
 
Talleres sobre prevención das condutas aditivas no IES Antón Alonso Riós de Tomiño
Tomiño, 26 de febreiro de 21.- A Asociación Érguete Baixo Miño informa que durante o mes de febreiro e marzo está a impartir diversos talleres sobre a promoción da saúde e a prevención das condutas aditivas no alumnado do I.E.S. Antón Alonso Riós de Tomiño –Pontevedra-.
Trátase dos programas denominados Educación para a Saúde na Escola e Non Pasa Nada, ¿Pasa Algo? que conta cunha ampla traxectoria de execución neste centro educativo e que está dirixido ao alumnado de 2º e 4º da ESO. Estas actividades atópanse financiados pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias da entidade.
A finalidade destas actuacións é reducir a incidencia dos diversos problemas sociosanitarios relacionados co consumo e/ou abuso de drogas, incrementando os factores de protección e promovendo a adopción de estilos de vida saudables.
Esta acción, impartida por unha Educadora Social con ampla experiencia nesta área, atópase dentro da carteira de servizos que a Asociación Érguete Baixo Miño ofrece de forma continua e dende hai moitos anos no ámbito escolar e que ano tras ano ten moi boa acollida tanto nos centros educativos da comarca como por parte dos mozas e mozos aos que vai dirixido.
Para máis información, invitamos ás persoas interesadas a achegarse ás instalacións de Érguete (r/Colón, 20 -Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda, visitar a páxina web www.erguete.org ou ben contactar nos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76 ou no correo electrónico info@erguete.org.
  

Tomiño pon a punto as súas sendas e sendeiros
Tomiño, 25 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño continúa coa posta a punto das sendas e sendeiros do municipio, zonas que nos últimos meses viron incrementado de forma considerable o seu número de usuarios e usuarias. Así, o Departamento de Obras está arranxando e realizando os labores de mantemento de varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a veciñanza poida pasear e facer exercicio nas mellores condicións.
A senda do Río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello do Rosal, é unha das máis empregadas polos tomiñeses e tomiñesas. Para garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias, o Concello está limpando esta senda e a que vai dende San Roque ata o río cunha máquina hidrolimpadora para eliminar o verdello ou calquera resto que faga que estas superficies sexan escorregadizas, sobre todo nas zonas máis sombrías, evitando así riscos de caídas.
Ademais tamén se están arranxando desperfectos e realizando os traballos de mantemento habituais, como cubrir fochancas ou limpar e restituír o xabre, facendo que a senda quede moito máis transitable.   
O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salientou que nunha época con tantas restricións son moitos os veciños e veciñas deciden empregar as sendas e camiños de espazos naturais como alternativa de lecer tanto para pasear como para facer exercicio. Por ese motivo, e tendo en conta ademais o mal tempo dos últimos meses, era “primordial concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparexemento no municipio”.
  
Denunciados dos bares y varios clientes por saltarse las normas decretadas por la Xunta.
Tomiño, 25 de febreiro de 2021. La Policía Local de Tomiño ha tramitado sendas denuncias a bares por abrir pese al cierre de la hostelería temporal decretado por la Xunta y a varios clientes.
Los hechos tuvieron lugar sobre las 9:00 horas del día de hoy en la parroquia de Taborda.
Al paso de los agentes por el establecimiento y tras observar varios coches estacionados en el exterior, decidieron parar y hacer la comprobación. Aunque aparentemente el local parecía estar cerrado se acercaron a la puerta y comprobaron que estaba abierta y que además, en el interior de este, había un cliente leyendo la prensa y consumiendo en la barra.
Asimismo, en la tarde de ayer, y esta vez en la parroquia de Sta Mª de Tebra en una intervención conjunta de la Policía Local y la Guardia Civil de Tomiño, mientras realizaban controles rutinarios conjuntos para el cumplimiento de las normas de la covid19, se llevó a cabo la identificación del propietario de un bar de la zona y tres clientes que en ese momento se encontraban consumiendo en la puerta del local.
Los dos establecimientos, así como las siete personas identificadas serán propuestas para sanción ante las autoridades competentes por incumplimiento para hacer frente a la crisis sanitaria por la Covid19.
 

Tomiño porá en marcha un servizo municipal de préstamo de biotrituradoras
Tomiño, 24 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño levará a vindeira semana a pleno a ordenanza que regulará o servizo municipal de préstamo de biotrituradoras, que se porá en marcha co obxectivo de fomentar entre a veciñanza unha correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito doméstico. A través deste sistema de préstamo porase a disposición de tomiñeses e tomiñesas biotrituradoras eléctricas e outras accionadas por motor de combustión.
Nos municipios máis rurais este tipo de residuos poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario, polo que con este servizo evitarase que este tipo de restos rematen no circuíto de recollida do lixo, cos conseguintes custes asociados, así como reducir o número de queimas, minimizando o risco de incendios e contaminación ambiental. Ademais, o uso deste servizo permitirá obter  un produto de valor engadido para o programa de compostaxe do Concello, que pode ser empregado como estruturante ou ben directamente como material de acolchado para horta e xardín.
Con este regulamento o Concello establece as normas básicas de uso destas biotrituradoras, así como os dereitos e deberes que deben cumprir todas as persoas usuarias. Poderán ser solicitadas por persoas maiores de idade con domicilio en Tomiño que se dean de alta no servizo e estean ao corrente das súas obrigas tributarias. No momento de darse de altas, os usuarios e usuarias recibirán as instruccións necesarias para o funcionamento da maquinaria.
As biotrituradoras deben reservarse polo menos cunha semana de antelación presentando o modelo de solicitude que estará dispoñible nas oficinas xerais ou na páxina web do Concello, onde se procederá á súa tramitación. Unha vez feita a solicitude persoal municipal porase en contacto co ou coa solicitante para indicarlle data e lugar de recollida posible. O horario tanto para a retirada como para devolución será os mércores de 08.00 a 14.00 horas.
As persoas solicitante só poderá empregar os aparellos para triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, como ramas de árbores froiteiras, viña, árbores ornamentais, restos de xardinería... sempre dos límites territoriais do municipio. O préstamo será por un máximo dunha semana e para poder volver solicitar o servizo é necesario que transcorra polo menos unha semana.
 

O Concello felicita aos creadores do proxecto Jamii polo primeiro premio do SocialHack da Deputación de Pontevedra
Tomiño, 23 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño quere felicitar ao equipo creador do proxecto Jamii, gañadores do primeiro premio do SocialHack, un galardón obtido ao abeiro do primeiro Hackaton online do terceiro sector organizado pola Deputación de Pontevedra, un encontro para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que faciliten a xestión das entidades sociais.
Os nosos parabéns a todo o equipo gañador Henar Alonso, voluntaria da OMIX de Tomiño, Isabel Alonso, Jarold Lugo, Eduardo Castro e Celso Gómez. Este grupo de mozos e mozas do Baixo Miño triunfou coa súa proposta, unha páxina web que por unha parte permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socio das entidades e solicitar as súas axudas. Grazas á xeolocalización, a plataforma redirixe aos usuarios e usuarias de forma automática aos proxectos que teñen máis próximos.
Esta segunda edición da Hackaton da Deputación estaba enfocado a dar solucións innovadoras aos problemas de comunicación que teñen as asociacións e que Jamii soliciona tendo en conta ás persoas colaboradoras, aquelas que queren colaborar pero son saben nin cando nin onde; ás asociacións que precisan axuda económica ou voluntariado, que a través desta plataforma poderán automatizar a xestión do voluntariado, as listaxes de doazóns e as solicitudes de axuda social; e ás persoas usuarias das entidades, que poden atopar na plataforma as asociacións que acheguen recursos próximos a elas e filtrar por alimentación, aloxamento e axuda social, podendo facer as súas solicitudes directamente dende a web.
 
Tomiño continúa os labores de mantemento e renovación do arboredo municipal
Tomiño, 23 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño continúa a traballar nos labores de mantemento e renovación de todo arboredo municipal de cara a preparar e acondicionar as zonas verdes tomiñesas. Estes traballos comezaron esta mesma semana coa poda habitual dos exemplares situados no Campo da Feira e continuarán coa revisión do resto de árbores situadas en zonas públicas para o seu correcto tratamento, xa que se detectaron algúns exemplares en mal estado e que poden presentar riscos para a veciñanza.
Neste sentido, está prevista a retirada de varios exemplares no propio Campo da Feira e na alameda de Goián e a súa substitución por outros máis axeitados para a contorna. Así, no Campo da Feira detectouse tamén catro acacias e un plátano situado nunha zona de paso de viandantes con procesos irreversibles internos de podrecemento ineficaces ante calquera mecanismo de limpeza ou desinfección fitosanitaria e que supón un alto risco para as persoas usuarias. Por este motivo, procederase a substituílo nun futuro próximo por unha especie de menor porte, globoso e con mínima intervención de poda no futuro que poida desenvolverse de forma natural.
Outra das zonas onde se intervirá será Goián onde ademais de haber cinco exemplares de chopos con importante risco de caída polas ocos que presentan nos trocos. Tendo en conta o seu avanzado estado de apodrentamento e que están situados nunha zona de lecer moi empregada polos tomiñeses e tomiñesas, estas árbores serán retiradas. Substituiranse en vindeiras datas por exemplares dunha especie de ramaxe máis horizontal que proporcione sombra con floración e coloración autóctona.
Xunto a estas dúas áreas, o Concello inspeccionará todos os parques e zonas verdes municipais para garantir a saúde do arboredo e evitar riscos para a veciñanza.
 

Tomiño arranca a súa programación cultural de 2021 conmemorando o Día de Rosalía
Tomiño, 19 de febreiro de 2021.- Tomiño arranca a vindeira semana a súa programación cultural para este 2021 coa conmemoración dunha data sinalada, o Día de Rosalía de Castro. O vindeiro 24 de febreiro a Concellería de Cultura súmase á da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) cunha campaña a través das redes sociais na que se difundirá un vídeo no que diferentes persoas de Tomiño len o manifesto da AELG para celebrar o aniversario do nacemento da autora galega. E, como propón a asociación dende 2010, dende o Concello anímase a toda a veciñanza a agasallar nesta data un libro en galego e unha flor mercados nas librarías e florerías locais.
Como complemento a esta campaña, celebrarase o sorteo de tres camisetas cunha serigrafía de Rosalía entre todas as persoas que durante toda a xornada envíen fotos da escritora, frases, fragmentos de libros, información de interese, anécdotas... O obxectivo é incentivar ás persoas usuarias das redes sociais do Concello para que participen de forma activa nesta iniciativa.
Por outra banda, e en colaboración coa Fundación Rosalía, o Concello tamén fará unha campaña de reparto de manteis individuais de Rosalía entre o alumnado usuario dos comedores escolares municipais.
Día da Muller
Coa lembranza desta escritora galega a programación cultural dá paso á conmemoración do Día Internacional da Muller cun espectáculo teatral no auditorio de Goián no que se establecerán os máis estritos protocolos de prevención para poder gozar da cultura dun xeito seguro. Así, o vindeiro 6 de marzo (20.00 h) poderase desfrutar de ‘Feminissimas’, unha creación coa amizade e a perspectiva de xénero como pedras angulares. Unha comedia negra, moi violeta, na que o público poderá desfrutar de tres amigas da adolescencia, tres xeitos distintos de entender o feminismo e unha reunión dunha noite nun moderno airbnb na que o conflito vai deixando paso á nudez, á humanidade e á empatía.
 

Tomiño continúa coas obras de mellora dos seus camiños municipais
Tomiño, 18 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño continúa realizando obras de mellora no conxunto dos camiños rurais dentro do Plan Municipal de Mellora de Asfaltados. Recentemente leváronse a cabo novas intervencións para o asfaltado das pistas de acceso ao Freixoal e á Silvosa, nas parroquias de Vilameán e Barrantes, así como no camiño de acceso aos viveiros no barrio do Tollo, en Goián.
En total a intervención supón a mellora a través do asfaltado de 978 metros no caso do acceso á Silvosa e o Freixoal e de 370 metros no camiño do barrio do Tollo. Estas obras, cun importe total de 46.320 euros, foron financiadas ao abeiro das axudas do Plan Marco 2020-21 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para a mellora dos camiños municipais. A convocatoria esixe que as actuacións se desenvolvan en camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso a como mínimo dúas parcelas agrícolas ou unha instalación agrogandeira.
Todas estas obras teñen como finalidade mellorar as condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade viaria para peóns e automóbiles. “Nun concello disperso e cunha rede de camiños rurais que supera os 500km, manter unha axeitada conservación en todos eles supón todo un reto, polo que é importante contar con axudas para este fin, especialmente nun caso coma o noso”, comenta o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.
 

Milu Rodríguez: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba 15 días aprendendo”
Tomiño, 17 de febreiro de 2021.- A guardesa Emilia Rodríguez (coñecida por todos como Milu), corredora da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño, proclamouse o pasado fin de semana campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45, obtendo tamén o récord galego ao ser a primeira galega da súa categoría en enfrontar esta distancia. Un fito máis no historial da deportista, que tamén ten o récord galego en 3.000 metros en pista e en 20km na categoría Máster-40, na que competía ata fai poucos meses, todo un palmarés para quen apenas leva tres anos competindo. Pero este talento parece ser cousa de familia: As súas fillas, Elisa e Marcela Morgado Rodríguez, compiten tamén nas filas do Atletismo Trega de Tomiño, sendo campioas galegas nas categorías de sub-14 e sub-16 respectivamente.
De onde nace a túa paixón polo atletismo?
O atletismo en si comeza a gustarme desde moi nova grazas ao deporte escolar, xa que nos anos 80 comezaban a organizarse as primeiras olimpíadas escolares. Alí aprendín a correr e pode dicirse que o meu gusto polo deporte vén daquela época, xa que eu sempre era moi boa nos deportes, fose correndo, nadando… Debido ao traballo nunca podía dedicarlle moito tempo a isto e tamén por iso nunca competín, só saía a correr como unha actividade de lecer sen máis. Iso mudou cando deixei de traballar, penso que a frustración de non traballar me empurrou de novo a correr, foi a miña vía de escape.
Cando comezas a competir?
No deporte federado levo só tres anos, esta sería a cuarta temporada. A historia comeza porque as miñas fillas empezaron en atletismo no clube Trega de Tomiño. Elas comezaron a gañar nas carreiras populares e engancháronse do deporte da man do seu adestrador, Javi Sierpes. Javi ensináballes marcha alí aos nenos e a min  a modalidade pareceume moi curiosa desde pequena, era algo que adoitaba ver nas olimpíadas pola televisión. Atrevinme a probar e Javi animoume ir a unha carreira popular nos Cantóns na Coruña. A sorpresa foi cando comecei a deixar a todo o mundo atrás e todo o mundo me dicía “ti es marchadora non?” e eu só levaba 15 días aprendendo. Aí foi cando me enganchei (ri).
Cal é a clave do éxito?
A min dáme un subidón nas competicións cando o habitual é que a xente estea máis presionada nesa situación. Cando escoito o pistoletazo de saída saio como unha escopeta e véñome arriba. Moita xente adestra mellor do que logo compite e a min pásame todo o contrario, se fago unha marca adestrando, cando compito baixo 5 minutos ese tempo tranquilamente. A min os nervios e a adrenalina do momento actívanme. Evidentemente o adestramento é imprescindible, senón sería imposible.
Como che afecta a pandemia á hora de entrenar?
Eu vivo ás aforas da Guarda, cara a área das Loucenzas, e collo o carril-bici ata Oia, e adoito moverme nesa zona. Estes últimos 15 días que estaba preparando os 20km fíxoseme moi difícil ter que poñer a máscara. Foi moi duro, custábame moito estar todo o tempo con ela, doíame a cabeza, tiña ganas de vomitar… E menos mal que todo iso me colleu só nestes últimos 15 días antes deste campionato, senón non sería capaz de preparalo.
Cal é o seguinte paso?
A aspiración é seguir pasándoo ben, iso é o máis importante. Nós na categoría Máster, tanto homes como mulleres pasámolo moi ben. Non imos de cañas antes da competición pero si despois (ri). Temos moi boa relación. Eu levo só dous anos no campionato de España e a verdade é que te acollen como unha familia, como un clan. Por iso a miña aspiración e seguir estando nese grupo aínda que non se gañe, porque para min o importante é toda a xente que coñeces neste mundo, por iso non me imaxino deixando este deporte nun futuro a menos que teña unha lesión. Aínda que por outra parte, se as miñas fillas deixasen atletismo e se fosen a outro deporte como por exemplo o piragüismo, non descartaría en probar tampouco, eu con tal de coñecer xente e facer deporte xa estou contenta (ri).
 

Protección Civil de Tomiño realizou máis de 2.000 horas de servizo no 2020
Tomiño, 15 de febreiro de 2021.- A Agrupación de Protección Civil de Tomiño recibiu a pasada semana unha tenda de campaña, un novo equipamento para reforzar o labor de atención cidadá e que servirá para a labores de atención e asistencia en distintos operativos como a colocación de postos sanitarios en eventos deportivos ou a realizacións de Plans de Actuación Municipais en situacións de emerxencia.
Recentemente a agrupación vén de presentar a memoria anual da actividade desenvolvida durante o ano 2020. Entre todos os membros da AVPC realizaron un total de 2.038 horas de traballo voluntario, participando nun total de 285 operativos entre os que figuran accidentes, incendios, rescates de animais ou entrega de alimentos e medicación a persoas maiores, entre moitos outros.
Do mesmo xeito, a agrupación participou en actos de difusión e concienciación do labor desenvolvido, como o realizado o día 8 de marzo polo Día Internacional de Protección Civil, cunha xornada de portas abertas no Concello de Tomiño. Realizaron simulacros e participaron en actividades de promoción da seguridade vial, como as desenvolvidas pola ANPA Mosteiro do CEP Pedro Caselles Beltrán os días 9, 10, 11 e 12 de marzo e realizaron cursos e obradoiros de formación como a prevención e detección da violencia de xénero ou a toma de medidas preventivas ante o COVID-19, representando este apartado un total de máis de 200 horas de formación.
  

Os centros educativos de Tomiño celebran un entroido adaptado ás circunstancias
Tomiño, 13 de febreiro de 2021.- A difícil situación actual derivada da pandemia do COVID-19 impediu que este ano se puidesen celebrar o tradicional Venres de Foliada de Tomiño e o recoñecido Entroido de Goián, mais o espírito do entroido puido manterse este ano nos centros educativos do municipio adaptándose ás circunstancias e de xeito que se puidese cumplir cos protocolos sanitarios.
No IES Alonso Ríos aproveitaron a ocasión para facer unha homenaxe ás consideradas actividades e profesións esenciais, polo que cada grupo e aula disfrazouse dunha profesión diferente: enfermeiros/as, profesores/as, corpos de seguridade… Todos os grupos pasaron por un photocall para facerse fotos e realizar algunha pequena performance. Para cumprir co protocolo sanitario, no photocall colocouse unha cámara que se conectou con todas as aulas e permitir que deste xeito todos os alumnos e alumnas puidesen ver os disfraces dos demais.
No CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián mantiveron esta semana o tradicional “entruidón”, mandando traer cada día unha cousa diferente tanto ao alumnado como ao profesorado. Este ano a festividade está centrada na inclusión, na que cada aula marcou a diferencia cos seus disfraces nun pase privado no patio. Os máis pequenos fixeron a festa fareleira e destacou tamén o traballo de investigación realizado polo alumnado de 6º de Primaria, que se encargou de indagar nas orixes do entroido desde unha perspectiva mundial ata os comezos da festividade na vila de Goián. Este traballo está recollido nun vídeo dispoñible na páxina web do centro.
No CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán decidiron tamén manter un pequeno desfile no recreo mantendo os grupos estables de convivencia, e a mañá completouse cun obradoiro de máscaras de entroido, o visionado de filmes relacionados co entroido e unha chocolatada con churros. A temática escollida no CEIP de Barrantes foi o coidado do medio ambiente, a reciclaxe e a alimentación saudable, realizando diversas actividades relacionadas con esta temática. Este venres cada grupo saíu ao patio disfrazado cada un dun animal en perigo de extinción diferente e o Meco foi representado por unha árbore que será plantada nun futuro.
No CEIP de Sobrada optouse por cancelar o desfile, o cal non impediu unha celebración adaptada ás circunstancias na que os nenos e nenas puidesen ir disfrazados á escola con temática libre, mentres que no CEIP de Tebra si que optaron por saír ao patio debido ao bo tempo e á posibilidade de manter o distanciamento entre os grupos. Esta semana tiveron que obedecer os mandatos do Meco, que este ano será “indultado” da fogueira, que estiveron baseadas nas emocións, cada unha representada por unha cor. Optouse por animar aos nenos a iren disfrazados con prendas e complementos que tivesen pola casa co obxectivo de fomentar a súa creatividade.
En canto ao CRA Mestre Manuel Garcés, a pandemia impediu que o alumnado das 13 escolas unitarias puidese reunirse como era habitual, pero mantivéronse as actividades relacionadas co entroido en cada un dos centros. Para este venres os nenos e nenas foron disfrazados cun estilo libre e puideron desfrutar dunhas estacións de xogo moi vistosas coas que facer distintos xogos e actividades.
 

A Eurocidade Cerveira-Tomiño adia para setembro o IV Simposio Internacional de Escultura do Miño
Tomiño, 10 de febreiro de 2021.- Debido ao actual contexto de incerteza causada pola pandemia do Covid-19, o Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño decidiu reprogramar a 4ª edición do Simposio Internacional sobre Escultura do Miño para setembro. Durante a reunión que tivo lugar este martes por videoconferencia, os alcaldes da Eurocidade tamén abordaron o tema do peche de fronteiras e os impactos nas traballadoras e traballadores transfronteirizos.
O plan de actividade da Eurocidade Cerveira-Tomiño exposto para 2021 podería reorientarse totalmente segundo a situación epidemiolóxica, de xeito similar ao que xa aconteceu en 2020. Neste momento, e aínda coa expectativa do que se poida levar a cabo ou non para o período de verán, o Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño aprobou o aprazamento ao mes de setembro da 4ª edición da International Simposio sobre escultura do Minho que tería lugar entre o 1 e o 20 de xuño e cuxa esencia é o deseño de obras de arte ao vivo e en plena interacción co público e coa natureza.
Sen estar na orde do día da reunión pero debatido pola urxencia e o impacto diario nas poboacións fronteirizas, o alcalde de Vila Nova de Cerveira e a alcaldesa do Concello de Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente, abordaron o tema o peche de fronteiras, estando totalmente de acordo coa necesidade de control sanitario como medida de contención do Covid-19, pero sen prexuízo dos traballadores transfronteirizos e do transporte de mercadorías.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño apoia incondicionalmente a demanda da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño para a apertura dos oito puntos de paso entre o Alto Minho e Galicia, incluída a Ponte Internacional da Amizade Cerveira-Tomiño, só para quen ten que moverse entre ambos lados da raia para traballar. Existe a expectativa de que o Consello de Ministros do goberno portugués, que se reunirá nos próximos días, poida ser sensible a este problema, introducindo cambios nas medidas restritivas vixentes, facilitando as rutinas diarias e evitando as vergoñentas e interminables filas de varios quilómetros no único punto de paso autorizado, Valença-Tui.
 

O Concello de Tomiño ilumínase de verde en conmemoración do Día Mundial contra o Cancro
Tomiño, 5 de febreiro de 2021.- O 4 de febreiro conmemorouse o Día Mundial contra o Cancro e o Concello de Tomiño decidiu sumarse á iniciativa da Asociación Española contra o Cancro (AECC) de iluminar edificios públicos de relevancia en cor verde co obxectivo de dar visibilidade e contribuír á sensibilización do problema que o cancro representa na nosa sociedade.
A iniciativa é unha das moitas promovidas pola organización ao longo do ano e recalcan a importancia de fomentar hábitos saudables de prevención da doenza. Estímase que aproximadamente un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres vai ter cancro nalgún momento da súa vida, e cada ano no mundo diagnostícanse de cancro máis de 14 millóns de persoas, ocasionando esta doenza case 10 millóns de mortes.
Segundo datos da propia AECC, o ano pasado foron diagnosticadas en Galicia case 20.000 persoas e perderon a vida máis de 8.300, unha cifra que se espera que aumente nas próximas décadas.
O Concello estará iluminado de cor verde desde o 4 de febreiro ata o próximo domingo día 7.
 

O servizo de Policía Local de Tomiño volve á normalidade
Tomiño, 4 de febreiro de 2021.- O Concello de Tomiño informa que o servizo de Policía Local do municipio xa está de novo funcionando con normalidade logo de poder restituír as quendas que por escaseza de persoal non puideron ser cubertas durante un total de 15 días do mes de xaneiro. O motivo principal deste situación debeuse á improbable coincidencia temporal da baixa médica de dous dos axentes, ao desfrute de días de permiso por parte de outros dous e á finalización do contrato dos axentes auxiliares o pasado 31 de decembro, o que imposibilitou a prestación do servizo nas condicións habituais.
Na actualidade o servizo xa se atopa funcionando con normalidade logo da contratación dun axente auxiliar por un período de 6 meses con fin de restablecer o servizo, que xa se atopa traballando nestes momentos, e da recuperación dun dos axentes que se atopaban en situación de baixa. Desde o Concello de Tomiño alégranse da súa reincorporación e aproveitan para darlle a benvida de volta.
Do mesmo xeito, o Concello de Tomiño informa de que se convocou a praza vacante existente, a espera de que a Academia de Policía Local saque adiante a convocatoria e Tomiño poida contar cun novo axente a partir do verán, reforzando así o servizo de cara ao futuro con esa nova incorporación.
O Concello de Tomiño quere agradecer o labor desenvolvido polo corpo de Policía Local do municipio, especialmente nunha situación complexa e delicada como a acontecida durante as últimas semanas, unha anomalía no servizo debido a causas imprevisibles e que representaron unha excepción única en 14 anos de goberno local.
 

“Veciñas na Ciencia”, unha mesa redonda para achegar as máis novas ao ámbito científico
Tomiño, 3 de febreiro de 2021.- O próximo 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e para conmemoralo o grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño decidiu organizar un evento que visibilizase a mozas do municipio que escolleron a ciencia para formarse e adicarse a ela de xeito profesional. “Veciñas na Ciencia” é o título da mesa redonda que conformarán cinco mozas de Tomiño, cada unha especializada nunha rama científica diferente, onde falarán da súa experiencia persoal, as dificultades que atoparon á hora de procurar un emprego ou as diferenzas existentes cos seus compañeiros de estudos e de traballo, entre outros temas.
Historicamente a proporción de mulleres que decidiron optar por unha formación científico-tecnolóxica estivo sempre en gran desvantaxe con respecto aos homes. Isto débese en parte a que moitas mozas, a medida que van crecendo e pensando no seu futuro, carecen de referentes nestes ámbitos que as motiven a optar por ese camiño. O evento pretende precisamente achegar estes referentes ás novas xeracións de rapazas que poidan estar pensando adicarse a este ámbito e que teñan dúbidas ao respecto. “A idea é que as mozas vexan que para atopar a mulleres referentes no ámbito científico non precisan saír en documentais na televisión ou en internet, senón que poden ser as súas propias veciñas, esas ás que poden atopar pola rúa ou cando van ao supermercado, de aí o nome do evento”, comenta Henar Alonso, voluntaria da OMIX e unha das organizadoras do evento.
Ademais, aínda dentro das carreiras científicas, moitas mulleres adoitan escoller aquelas que están máis vinculadas ao mundo dos coidados —área tradicionalmente asociada ás mulleres—, polo que se intentou que as participantes pertencesen a ramas pouco convencionais e tradicionalmente relegadas aos homes. A mesa redonda estará composta por:
·         Laura Alonso Martínez (Goián): Enxeñeira forestal con mestrado en xestión da biodiversidade. Actualmente está realizando un doutoramento traballando de investigadora
·         Laura Otero Rodríguez (Goián): Bióloga e nutricionista, especializada en nutrición natural
·         Lidia Mariño Carballo (Estás): Licenciada en Veterinaria e cun Mestrado en “Traumatoloxía e ciruxía ortopédica en animais de compañía”, unha especialidade tradicionalmente masculinizada.
·         Noemí Álvarez Núñez (Tomiño): Licenciada en Farmacia e especialista en Farmacia Hospitalaria
·       Sheila Ríos Campos (Vilameán): Enxeñeira Industrial responsable de loxística en Galicia de Inturasa Pérez Rumbao, S.A. - IVECO.
O evento terá lugar o sábado 13 de febreiro ás 18:00 horas vía streaming e terá unha duración aproximada de unha hora e media. A idea é que o público tamén poida realizar preguntas se hai tempo e que a través delas se xere un debate. Non é imprescindible inscribirse pero si aconsellable. Poderase participar nel a través da plataforma Jitsi Meets e tamén poderá ser seguido a través da canle de youtube do voluntariado da OMIX. Toda a información está dispoñible na web municipal do Concello de Tomiño no apartado de Actividades no que se atopa o evento “Veciñas na Ciencia”. Pódese acceder a través da ligazón: https://tomino.gal/vecinas-na-ciencia-2021/
 

“Normas, límites, premios e castigos”, a conferencia de Alberto Soler que fechará a VI Semana da Educación
Tomiño, 1 de febreiro de 2021.- O xoves 11 de febreiro terá lugar a última das conferencias programadas na VI Semana da Educación. A clausura correrá a cargo do psicólogo e especialista europeo en Psicoterapia Alberto Soler. A súa conferencia levará o título Normas, límites, premios e castigos, e nela falará sobre a importancia destes conceptos e que peso darlles para educar aos nosos fillos. Poderá ser seguida de balde por streaming o xoves 11 de febreiro ás 19:00 horas.
Alberto Soler está casado e ten tres fillos. É licenciado en psicoloxía e ten un Máster en Psicoloxía Clínica e da Saúde, é Especialista Europeo en Psicoterapia (EuroPsy) e está homologado como Psicólogo Xeral Sanitario. Conta con máis de 12 anos de experiencia en psicoterapia e colaborou en varios espazos de radio, televisión e prensa. É a cara visible do videoblog de divulgación Píldoras de Psicología, que conta con máis de 240.000 persoas seguidoras e miles de reproducións diarias tan só en YouTube. Na actualidade, compaxina a dirección do seu centro privado de psicoloxía para persoas adultas e infancia, con charlas e conferencias sobre educación e crianza. É colaborador do programa Ser Saludable na Cadea Ser, do proxecto Gestionando Hijos, e profesor na Escola Bitácoras. Autor, xunto a Concepción Roger, de “Niños sin etiquetas” (Paidós, 2020) e “Hijos y padres felices” (Kailas, 2017).
CONFERENCIA: Normas, límites, premios e castigos.
A maioría da xente está de acordo en educar aos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes lles asaltan as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites? Cales? A partir de que idade? Como poden ser establecidos de forma clara e respectuosa coas súas emocións?
E todo isto leva aos premios e os castigos. Xa se sabe que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, se non se premia nin se castiga, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas?
Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Alberto Soler a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/86747379119
  

Tomiño construirá en Goián un dos maiores skatepark da provincia
Tomiño, 30 de xaneiro de 2021.- O Concello de Tomiño levará a cabo a construción dunha nova área deportiva na contorna da Alameda de Goián, que estará composta por un skatepark e unha pista polideportiva. O espazo complementará outros equipamentos deportivos situados na área, como o campo de fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.
A posta en marcha deste novo espazo está encadrado no marco do proxecto Máis Goián, un proxecto integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, situándoos a todos a menos de dous minutos de distancia camiñando, coa finalidade de crear un lugar de encontro para a veciñanza que constitúa o centro neurálxico da vida social e comercial de Goián.
O concelleiro de Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez, destaca o xeito no que se levou a cabo a planificación do proxecto do skatepark, onde foi fundamental a consulta cidadá. “Quixemos contar coa opinión da mocidade do municipio que practica estes deportes para saber que tipo de parque querían e con que elementos e compoñentes debía contar para que a práctica puidese realizarse nas mellores condicións posibles. Desde o Concello agradecemos a súa participación no proceso e valoramos moi positivamente as súas aportacións”, comenta.
Do mesmo xeito, para a elaboración do proxecto contactouse co asesoramento de expertos do deporte e empresas especialistas, participando no deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”.  O obxectivo é conseguir un equipamento atractivo e que permita un uso que vaia desde o nivel inicial ao avanzado, converténdoo nun dos skatepark referentes a nivel provincial e galego para a práctica de disciplinas freestyle sobre rodas coma o skate, bmx, scooter ou roller.
Desde o Concello informan que esta nova zona deportiva terá un uso escolar preferente pola mañá, polo que a área suporá tamén un aumento dos equipamentos e espazos cos que contará o CEIP Pintor Antonio Fernández.
O custo total da construción da nova área deportiva será de 229.364,12 euros, e será financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
  

Regreso al contenido