Tomiño, abril 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, abril 2021

Arquivo 2021
Tomiño acondicionará a vía de acceso á praza de San Salvador de Tebra
Tomiño, 7 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño levará a cabo obras de reforma e acondicionamento na vía de acceso a San Salvador de Tebra, que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia. Esta mañá estiveron visitando o lugar a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez Calvo, e o arquitecto encargado do deseño, Xavier Pousa, onde se reuniron con varios veciños para ensinarlles o proxecto.
A intervención suporá unha renovación completa do tramo, procurando darlle coherencia coa urbanización da praza situada nas inmediacións da igrexa e do Centro Cultural, empregando materiais similares aos utilizados neste espazo. A actuación facíase necesaria para acondicionar un espazo que levaba acumulando un notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís. O proxecto formula unha modificación na sección da vía, actualmente formada por dous carrís para tráfico rodado e beirarrúas a ambos lados, mais que contan cun ancho bastante reducido. A intervención procurará ampliar as zonas de uso peonil e reducir a de uso rodado, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais, o que permitirá reducir a velocidade dos vehículos pero mantendo a dobre dirección.
O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha de un metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Na beirarrúa máis ancha, situada na marxe dereita, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.
O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 107.366,02 euros, que serán será financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.
 

A OMIX de Tomiño convoca un novo concurso de deseño de camisetas para celebrar o 17 de maio
Tomiño, 8 de abril de 2021.- Co fin de fomentar a creatividade e a participación xuvenil a prol do galego, un ano máis a OMIX de Tomiño vén de convocar un concurso de deseño de camisetas de cara á celebración do Día das Letras Galegas deste ano.
O deseño terá que estar relacionado coa lingua galega pero é libre e aberto, deixando marxe para a creatividade, no que se valorará o seu atractivo e a súa inspiración no fomento, normalización e posta en valor do idioma. Terá que estar pensado para ser colocado na parte dianteira da camiseta, que será de cor branca, e debe estar realizado soamente cunha cor como máximo.
Todas as persoas participantes serán agasalladas cunha camiseta do modelo gañador e a persoa autora do deseño escollido recibirá un exemplar do libro da antoloxía poética de Xela Arias, a escritora homenaxeada este ano, dous CDs de artistas musicais galegas, bolsas de tea e a difusión nas redes sociais e nos diferentes medios do seu deseño.
As propostas teñen que ser enviadas ao correo electrónico omix@tomino.gal antes da data límite, o vindeiro 7 de maio ás 12 horas.
Bolsas de tea con ditos populares
Ademais do concurso de deseño de camisetas, desde a OMIX tamén están animando á veciñanza a comentar nas súas redes sociais frases e ditos populares en galego. Proximamente farase unha votación popular e aquelas frases que reciban máis apoio serán estampadas en bolsas de tea que se repartirán de balde durante o mes de maio.
 

A infancia tomiñesa participa nun proxecto de investigación universitario
Tomiño, 9 de abril de 2021.- O Consello da Infancia de Tomiño, Voces Novas, súmase á participación no proxecto “Infancia e participación. Diagnose e propostas para unha cidadanía activa e inclusiva na comunidade, as institucións e a gobernanza”, desenvolvido por un grupo de investigación conformado pola Universidade de Barcelona, a Universidade da Coruña, a Universidade de Sevilla e a UNED. O proxecto ten como obxectivo avanzar no exercicio da participación da infancia na súa cidade e na súa inclusión como cidadanía activa, así como fortalecer as formas e as prácticas de participación do colectivo da infancia e a adolescencia nos municipios.
Esta semana a concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, a membro do grupo de voluntariado local, Karina Bouzada e o membro de Voces Novas, Alfredo Cendón, participaron nunha reunión online con investigadores do proxecto para a conformación dun grupo motor de traballo á nivel galego, no que participarán tamén outros concellos como A Coruña ou Moeche. Estes grupos motores estanse organizando tamén noutras comunidades autónomas, xa que se trata dun estudo a nivel estatal.
“A intención é manter unha reunión mensual con este grupo motor, analizando cales son as condicións e casuísticas para a participación infantil en cada concello, e tamén ir conformando outros grupos de traballo específico cos nenos e nenas, recollendo as súas percepcións e opinións sobre as accións promovidas para a súa participación e tomar en consideración tamén as propostas suxeridas por eles para avanzar”, comenta a concelleira.
O obxectivo é deseñar propostas que potencien as oportunidades participativas dos nenos e as nenas na comunidade, as institucións e a gobernanza, creando rede e estendendo o proceso de mellora do exercicio da cidadanía da infancia e a adolescencia ao resto da comunidade (entidades, centros educativos, AMPAS e outros colectivos).
 

Tomiño reformará o parque do Campo da Feira para integralo no espazo público peonil do Seixo
Tomiño, 10 de abril de 2021. O parque urbano do Campo da Feira, situado moi preto da praza municipal, atópase na actualidade conectado a este espazo a través da Rúa da Feira, urbanizada con beirarrúas estreitas e de difícil accesibilidade para o uso peonil, o que sumado ao muro de granito que o rodea provocan que estea afastado e agochado do resto do núcleo urbano. O feito de ter que cruzar a avenida Gondomar, que conta cun elevado tráfico, tamén facilita este illamento.
É por estas cuestións que o Concello de Tomiño levará a cabo un proxecto de reforma que o incorpore ao espazo público peonil do núcleo do Seixo, achegándoo ao resto dos equipamentos a través da mellora da accesibilidade para os peóns e favorecendo a súa percepción como un elemento integrado e atractivo.
A intervención terá varios eixos cos que se pretende levar a cabo a integración. Por un lado conectarase a Praza do Seixo coa Rúa da Feira a través dun gran espazo en plataforma única, no que os vehículos se eleven de cota ata a plataforma da Praza, tratándoo como un espazo de prioridade peonil.
Tamén se creará unha beirarrúa de 3,50 metros na rúa da Feira, mellorando a accesibilidade e favorecendo o uso peonil do espazo público, dotándoa de árbores ornamentais e bancos. A rúa Santa María de Oia, situada fronte ao parque, pasará a ser unha prolongación do mesmo coa creación dunha plataforma única que sitúe a estrada e as beirarrúas ao mesmo nivel. Pasará a ser un espazo peonil con tratamento compartido, pavimentada con adoquíns e formigón do mesmo xeito que a rúa Buenos Aires e a Praza da Mina.
Retirarase o muro que separa o parque da rúa, facilitando á súa integración, substituíndo por un banco en forma de zigzag e xerando áreas de estancia. Tamén irá acompañado dunha estrutura luminosa coa mesma forma, coa que se mellorará a iluminación do espazo e contribuíndo a crear unha percepción de espazo aberto e acolledor. Con todo, a intervención non só conservará a vexetación existente no parque, senón que servirá para realzar a súa visibilidade, poñendo en valor unhas árbores de gran relevancia histórica presentes no lugar desde a época na que se realizaba a tradicional feira do gando.
A actuación dará como resultado a creación dunha área moderna e contemporánea, continuando coa aposta da recuperación do espazo público para as persoas a través do fomento da mobilidade peonil e poñendo tamén en valor a arquitectura co uso de iluminación específica que resalte o seu atractivo.
O proxecto atópase en prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 20 de abril e conta cun orzamento base de licitación de 250.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.
 

A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Ciclomotores estará en Tomiño os días 22 e 23 de abril
Tomiño, 12 de abril de 2021. A unidade móbil de inspección técnica de ciclomotores desprazarase a Tomiño durante os días 22 e 23 de abril. O lugar do seu emprazamento será en A Rocha nº8, na explanada fronte á Policía Local.
O horario para as inspeccións será de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas o día 22. O día 23 as inspeccións realizaranse só en horario de mañá.
Poderase reservar cita previa a través do teléfono 902 30 90 00 ou a través da páxina web www.sycitv.com.
 

Tomiño retoma a programación cultural co espectáculo “Só.”, do artista Xampatito Pato
Tomiño, 13 de abril de 2021. A programación cultural volve a Tomiño o vindeiro 25 de abril. Será no Auditorio de Goián a mans do artista Xampatito Pato, co seu espectáculo “Só.”, unha auténtica revelación na escena circense.
O artista pasou polos principais festivais de circo e rúa, e tamén estivo en diversos teatros de todo o país. “Só.” recibiu múltiples premios e recoñecemento, unha proposta de malabares elegante e divertida, cunha disciplina pouco estendida como a "cigar box", que sorprende pola súa orixinalidade: un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso, un ser único na súa especie rodeado dun sin fin de caixas que escapan ao seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Do caos xorde un universo delirante onde inventa a risa, creando unha loucura cómica e transformándose nun novo ser cunha nova figura.
O espectáculo será ás 17:30 horas, é apto para todos os públicos e terá unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada terá un prezo de 3 euros para as persoas maiores de 12 anos e de 1,5 euros para as menores desa idade. Pódese reservar praza a través do correo electrónico cultura@tomino.gal ou chamando ao 986 62 20 01.
 

23 persoas obteñen a licencia de navegación no curso impartido en Tomiño
Tomiño, 14 de abril de 2021.- O pasado sábado impartiuse en Tomiño o curso para obter ou renovar a licencia de navegación, organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica. En total matriculáronse na actividade formativa 23 persoas, das cales unha pertence a un colectivo con discapacidade.
22 persoas matriculáronse na modalidade para obter o curso completo, consistente nunha parte teórica e noutra práctica, mentres que unha delas só tivo que realizar a parte práctica ao contar coa parte teórica xa convalidada.
Desde a organización queren agradecer á academia de Tomiño “O Caderno de Repaso” pola cesión das súas instalacións para poder facer o curso, xa que a previsión de chuvia impediu que pudese ser desenvolvido no Espazo Fortaleza de Goián, onde se esperaba realizar inicialmente.
A Real Federación Galega de Motonáutica lembra que tamén está prevista a organización de outro curso no mes de xuño. Para solicitar información ao respecto está dispoñible o correo electrónico info@fgmotonautica.org e o teléfono 986 22 24 40.
 

Tomiño anima á veciñanza a participar na creación do Arquivo da Imaxe Municipal
Tomiño, 15 de abril de 2021. O Concello de Tomiño acaba de poñer en marcha a segunda fase do arquivo da imaxe municipal. Logo da conclusión da primeira fase realizada nos últimos meses, que consistiu na recollida de máis de 3.000 fotografías de múltiples fontes tales como hemerotecas de diversas publicacións, arquivos fotográficos ou fundacións, o arquivo inicia agora a súa segunda fase, na que será imprescindible a participación cidadá.
Desde o concello convidan á veciñanza a buscar fotos antigas de Tomiño nas súas casas ou que estean relacionadas co municipio. Só terán que chamar ao concello e desde a institución encargaranse de desprazarse aos domicilios para recollelas. As fotografías serán dixitalizadas e catalogadas, levándoas de volta ao domicilio nun prazo máximo de 72 horas.
Este método de recollida, realizado por persoal do Concello, foi elixido por ser considerado o máis seguro tendo en conta o contexto da pandemia do Covid-19 co fin de evitar o contacto o máximo posible. De todos xeitos, no caso de que algunha familia contase cunha colección de grande importancia e antigüidade e tivesen reparos sobre a súa recollida, desde o Concello valoran a posibilidade de facer excepcións puntuais, realizando desprazamentos ás casas para realizar a dixitalización in situ.
A veciñanza pode poñerse en contacto co Concello para prestar as súas fotos a través do número 986 62 20 01, solicitando a atención do departamento de Cultura. A concelleira encargada da área, Ana Isabel Fernández, destaca a importancia do proxecto. “A creación do arquivo ten unha importancia fundamental para a conservación e a divulgación da historia de Tomiño e agora queremos contar tamén coa colaboración dos veciños e veciñas. O proceso de dixitalización é 100% seguro e as familias terán de volta as súas fotografías nun máximo de tres días”, explica.
Espérase que o arquivo sexa almacenado na futura biblioteca de Tomiño, podendo ser consultado por toda a veciñanza, divulgándoo tamén a través de exposicións temáticas periódicas.
  

Tomiño reformará a cuberta do Auditorio de Goián e instalará novo equipamento técnico
Tomiño, 16 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no auditorio de Goián consistentes na mellora do seu equipamento e na reforma da cuberta. O edificio, remodelado no ano 2015 para habilitar os espazos necesarios para a creación da Escola de Música, será tamén intervido para adecuar as instalacións en diversos aspectos como a iluminación e o son, co fin de que poidan cubrir as necesidades actuais de uso.
O proxecto de reforma inclúe varios ámbitos de actuación. Por un lado completarase a impermeabilización do edificio a través da intervención na cuberta do auditorio. Por outro, levarase a cabo unha ampliación do escenario, retirando as escaleiras que son innecesarias trala creación dun novo acceso lateral na anterior intervención, e farase unha reforma da cabina de control, permitindo aos técnicos ter unha referencia directa do que acontece no escenario durante as diferentes actuacións escénicas.
A actuación irá acompañada dunha mellora do equipamento técnico das instalacións, tanto na iluminación como no son e no audiovisual.  O actual sistema de iluminación só permite iluminar a caixa escénica, impedindo unha correcta exposición dos personaxes situados na boca do escenario desde o bordo ata uns 2 metros de profundidade. Resolverase este problema coa instalación de luminarias de tipo LED situadas a ambos lados do escenario e desde a parte superior da parede frontal da cabina que permitan iluminar todo o que poida acontecer no escenario.
Adecuarase tamén o espazo escénico coa instalación de carrís que permitan a mobilidade da estrutura de aluminio sobre a que se dispoñen elementos escénicos como as cortinas, panos e bambalinas, permitindo o seu desprazamento inmediato durante os actos e substituirase o sistema de proxección para adecualo a diversas funcionalidades alén do cinema. No ámbito do son, instalarase un novo equipo que garanta a unha cobertura homoxénea en todo o salón ademais dunha correcta intelixibilidade.
“Estas melloras permitirán que o escenario se poida adaptar facilmente aos distintos usos que ten na actualidade, tanto para ser empregado para concertos da banda como para o teatro, mellorando notablemente a calidade das actuacións e facilitando o traballo do persoal técnico”, explica o concelleiro de obras, Alexandre Pérez.
O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 110.000 euros, que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.
Outras intervencións no Auditorio
Ademais destas obras de mellora, no Auditorio tamén está prevista a instalacións de paneis solares para o autoconsumo de enerxía fotovoltaica, unha intervención que se fará tamén na Casa do Concello. Ademais, recentemente vén de ser concluído o camiño que conectará o edificio coa praza Pintor Antonio Fernández, unha actuación encadrada no proxecto “Máis Goián” co que se pretende conectar os distintos equipamentos públicos da vila goianesa a través da mobilidade peonil.
  

Tomiño presenta a nova edición de O Siñor Afranio, a obra que recolle a fuxida de Antón Alonso Ríos
Tomiño, 19 de abril de 2021. Este sábado tivo lugar no Mercado de Tomiño a presentación da terceira edición do libro O Siñor Afranio, a obra que narra as memorias do político e líder agrarista Antón Alonso Ríos como fuxido das forzas sublevadas en 1936, un periplo de máis de dous anos no que percorre o sur de Galicia facéndose pasar por esmoleiro ata lograr chegar a Bos Aires. Publicada por primeira vez en 1979 pola Editorial Castrelos da man de Xosé María Álvarez Blázquez, foi reeditada pola Editorial A Nosa Terra no ano 1996, atopándose esgotada ata a elaboración desta nova edición realizada polo Concello de Tomiño a cargo da historiadora Natalia Jorge Pereira.
O emotivo acto tivo foi tamén retransmitido en directo por streaming a través das redes sociais, acompañándoo por esta canle familiares e persoas achegadas ao protagonista desde países como Arxentina, Perú, Estados Unidos ou Francia. Foi presentado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen estivo acompañada por Bieito Alonso, responsable da anterior edición do libro feita por A Nosa Terra, e por María Ortega, deputada provincial de Patrimonio Material, Memoria histórica e Normalización Lingüística.
A presentación da obra supón poñer un broche de ouro a catro anos de memoria iniciada co proceso participativo polo cal o IES de Tomiño pasou a chamarse Antón Alonso Ríos. Virían despois outros actos como as xornadas en homenaxe ao mestre desenvolvidas no ano 2017, das cales se extraeron importantes contribucións que estarán presentes nesta nova edición do libro. Algunhas delas son as lembranzas de varios membros da súa familia; as conclusións extraídas da mesa redonda celebrada o último día das xornadas nas que se mostra a súa dimensión máis humana, elaboradas pola xornalista Rita Alonso; intervencións dos historiadores Xosé Manoel Seixas e Xosé Manuel Malheiro; reflexións do cineasta Víctor Aparicio, creador do documental O Siñor Afranio protagonizado por Luis Tosar ou un relato de ficción elaborado polo xornalista tomiñés José Benito Fernández, afincado en Madrid, entre outras novas aportacións que complementan a obra orixinal.
“O Afranio non só é un percorrido pola traxectoria vital de Alonso Ríos, é unha reflexión filosófica, antropolóxica e etnográfica dun país que está a piques de sufrir un absoluto traumatismo”, sinalou na súa intervención Bieito Alonso, quen salientou a importancia fundamental de seguir mantendo vivo o movemento memorialista, ao igual que destacou a deputada María Ortega, quen agradeceu ao Concello de Tomiño ter promovido esta reedición sobre “unha figura referente da potencialidade do noso país que temos que recuperar”.
Clave na historia por ser unha das primeiras achegas das memorias dos exiliados da guerra, O Siñor Afranio é tamén un periplo pola Galicia rural da época, un retrato das valentes e solidarias xentes que arriscando a súa vida axudaron a salvarlla a moitas persoas. “Cómpre destacar o papel das dobremente invisibilizadas, as mulleres loitadoras, coprotagonistas deste libro de fuxidos, porque son elas as que visten, esconden e lle dan de comer a Afranio, as que contribuíron a que hoxe poidamos falar de Alonso Ríos”, declarou a rexedora.
Foi especialmente destacable a intervención por videoconferencia desde Arxentina de Diego Clemenz Alonso, neto do protagonista, un momento cargado de emoción no que aproveitou para mandar agradecementos e felicitacións en nome de toda a familia.
O acto finalizou coa proxección dun vídeo elaborado polo alumnado do IES Antón Alonso Ríos, un momento cargado de emotividade no que se repasaron as vivencias do líder galeguista a través de ilustracións elaboradas polos propios alumnos e alumnas.
Ao remate foron repartidos exemplares do libro entre o público asistente, onde a alcaldesa aproveitou para lembrarlle a aquelas persoas que non puidesen asistir ao acto que poden solicitar un na Casa do Concello. “Queremos que O Siñor Afranio continúe estando nas casas de Tomiño como un tesouro, como sempre foi”, afirmou.
 

O Concello de Tomiño pon en marcha o Circuíto Cultural 2021
Tomiño, 20 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño vén de publicar as bases do "Circuíto Cultural" 2021 co obxectivo de promocionar un ano máis as agrupacións musicais tradicionais do municipio. Aquelas asociacións que cumpran cos requisitos poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada pola administración local.
Desde o Concello entenden a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a cidadanía non só como unha mera espectadora e consumidora, senón como suxeito activo que participa na creación cultural. “A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas”, afirman desde o goberno local.
Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.
CONTÍA MÁXIMA E CRÉDITO ORZAMENTARIO
As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:
·         Banda de Música 400,00 €
·         Corais 200,00 €
·         Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €
·         Grupos de Gaitas 200,00 €
·         Treboadas 200,00 €
·         Pandereteiras 150,00 €
·         Murgas ou Charangas 150,00 €
·         Grupos de Acordeóns 150,00 €
O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€ con cargo á partida 334.226.99 do vixente orzamento.
As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro de 2021, sendo este o único xeito válido de presentación para as asociacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Tomiño.
O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.
  

Tomiño conmemora o Día do Libro coa campaña “Libros para ser Libres”
Tomiño, 22 de abril de 2021.- O departamento de Cultura do Concello de Tomiño, en colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, lanza a campaña “Libros para ser libres” nas redes sociais, co obxectivo de conmemorar o Día do Libro este 23 de abril. Procúrase con isto animar a persoas escritoras, tradutoras e lectoras a compartir un breve fragmento, recomendar un libro ou presentar a unha persoa autora, coa intención de fomentar a o hábito e a paixón pola lectura entre a veciñanza.
Na campaña xa confirmaron a súa participación figuras de grande relevancia en todo o Estado, que lerán para a audiencia nas redes sociais un fragmento dos seus libros. Entre elas atópanse grandes profesionais en distintos campos como a xornalista Rosa Montero; a doutora en lingüística Natalia Fernández Díaz-Cabal; os filósofos Joan Manuel del Pozo e Chis Oliveira; a socióloga Amada Traba; o nutricionista Julio Basulto; a escritora e directora da editorial La Bella Varsovia, Elena Medel; a poeta e xornalista Luna Miguel ou os poetas Jose A. Gómez Iglesias (máis coñecido como Defreds) e Miguel Gane. Tamén se interesou pola iniciativa o coñecido cantautor Nacho Vegas, mais por problemas de conexión para enviar o vídeo finalmente non puido participar.
Coa iniciativa preténdese achegar a literatura e o pensamento á sociedade e servir de ponte entre diferentes xeitos de entender a vida e a cultura. A idea é fomentar o pracer de ler e destacar que, nunha época de pandemia, os libros axúdannos a manternos informadas, entretidas, a estender lazos con outras persoas e culturas e a fomentar a nosa creatividade e coñecemento.
Desde o Concello fan un chamamento ás persoas lectoras para que acompañen a campaña nas redes, compartindo un vídeo lendo un fragmento dun libro e etiquetándoo co hashtag #librosparaserlibres. Os vídeos tamén poden ser enviados ao Whatsapp no número 604 062 369 ou ao correo electrónico omix@tomino.gal.
 

Tomiño leva a cabo un estudo para recadar información actualizada das Comunidades de Montes
Tomiño, 23 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño está desenvolvendo estas semanas un amplo estudo para coñecer de primeira man a situación actual das Comunidades de Montes do municipio. A iniciativa pretende conseguir información ordenada e actualizada das 15 entidades existentes na localidade co obxectivo de poder detectar as súas necesidades e capacidades, o que permitirá establecer novos eidos de traballo conxunto entre estas institucións e a administración local.
“Estas entidades son actores fundamentais na xestión do territorio, polo que a necesidade de establecer sinerxias e ámbitos de participación e colaboración co Concello supoñen unha cuestión fundamental”, comenta o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
Este estudo estase levando a cabo a través de reunións coas comunidades, ás cales se lles enviou un cuestionario previo para que puidesen recoller a información necesaria con maior previsión, estruturándose en seis grandes bloques:
O primeiro pretende recoller a información básica, como o número de persoas comuneiras, a composición da xunta directiva, o porcentaxe de homes e mulleres que a compoñen e o seu rango de idades.
O segundo recadará datos sobre o territorio, como a extensión en hectáreas do mesmo ou a existencia de superficies cedidas ou alugadas a outras entidades para a súa explotación. Buscará ademais obter información sobre as especies presentes no monte e a existencia de especies exóticas invasoras. Tamén analizará a superficie do monte dedicada a outros usos non forestais, como o gandeiro ou recreativo, ademais da presenza de elementos patrimoniais protexidos como petróglifos ou mámoas.
Un terceiro bloque irá vencellado ás instalacións e o equipamento co que contan as comunidades, tales como naves, almacéns, vehículos, tratores ou ferramentas, mentres que o cuarto estudará as actividades realizadas polas entidades, como a organización de cursos, eventos socioculturais ou a colaboración coas traídas de augas e as asociacións veciñais.
O quinto apartado tratará sobre o emprego xerado ao redor da comunidade, tanto o referido ao traballadores contratados de forma directa como os xerados de forma indirecta. Finalizará o estudo un último bloque destinado a recadar as necesidades das comunidades que non estean podendo ser cubertas na actualidade.
Toda esta información permitirá coñecer con maior precisión a situación actual das Comunidades de Montes, facendo que sexa mais doado a colaboración coas mesmas por parte do Concello, contribuíndo a mellorar a xestión do territorio. O establecemento de novos ámbitos de cooperación permitirá explorar novos usos sostibles que afonden na creación de servizos ambientais, como por exemplo o control do sotobosque na loita e prevención contra os lumes, a recuperación de pastos degradados ou outras moitas iniciativas que permitan a diversificación económica.
  
La Policía Local intenta localizar al conductor de un turismo por darse a la fuga tras un accidente de circulación con tres heridos.
Tomiño, 23 de abril de 2021. Sobre las 21:30 horas del día 22/04/2021 Policía Local de Tomiño fue requerida en Solvado-Barrantes tras haberse producido un accidente de circulación en el que encontraban implicados dos vehículos y tres personas heridas.
Tras la llegada al lugar los agentes pudieron comprobar que en el lugar se encontraban dos vehículos, un Volkswagen Golf en el cual viajaban tres personas que resultaron con heridas de diversa consideración, por lo que fueron trasladadas en ambulancia al hospital Fátima de Vigo.
El otro vehículo, un Nissan Almera matrícula 3050CVB era conducido por un varón de mediana edad y que tras provocar el accidente se dio a la fuga, abandonando el vehículo, y sin prestar auxilio a las victimas del vehículo contrario.
Los agentes de la Policía Local abrieron diligencias para el esclarecimiento de la causa del accidente, así como para dar con el paradero del conductor fugado.
El vehículo Nissan Armera conducido por el conductor fugado fue retirado del lugar por una grúa y se encuentra en estos momentos bajo la custodia de la Policía Local.
El conductor fugado una vez sea localizado además de la responsabilidad civil por los daños ocasionados, podrá ser sancionado con una multa que podría rondar los 200 euros, y también podría ser investigado como autor de un delito de abandono del lugar del accidente, y por un delito de omisión del deber de socorro, por lo que podría enfrentarse a la pena de prisión de seis meses a cuatro años y privación del derecho a conducir vehículos a motor y ciclomotores de uno a cuatro años.
 

A Escola Infantil do Seixo contará con paneis solares para a produción de enerxía eléctrica
Tomiño, 27 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) unha nova liña de axudas para a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica nos edificios públicos. Recentemente viñeron de ser concedidas dúas subvencións para a realización de proxectos deste tipo na Casa do Concello e no Auditorio de Goián, ás cales se suma agora unha nova partida conseguida para a Escola Infantil da Galiña Azul do núcleo do Seixo.
O campo fotovoltaico colocado no edificio estará composto por 18 paneis solares de silicio configurados nun sistema de compensación de excedentes, é dicir, instalarase ademais un controlador que regule o consumo, dando preferencia á enerxía solar autoxerada e consumindo a enerxía da rede só cando a fotovoltaica non sexa suficiente. No caso de que se xerase máis enerxía da demandada, esta será vertida á rede e compensarase no recibo mensual o prezo que marque o regulador do mercado eléctrico.
Deste xeito, ademais dos beneficios que isto ten para o medio ambiente, o aforro enerxético será tamén un dos beneficios destacables, unha cuestión importante tendo en conta que se trata dunhas instalacións cun consumo constante durante todo a xornada debido á presenza continuada de nenos e nenas desde a primeira hora da mañá ata o final do día. Ademais, o edificio conta cunha cuberta sen sombras e con boa orientación, optimizando a capacidade de xeración de enerxía por parte dos paneis.
O proxecto terá un custe total de 8.049,89 euros, dos cales un 80% (6.439,91 euros) serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten como obxectivo favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores aumentando a proporción no consumo final de enerxía procedente de fontes renovables.
    
Tomiño concederá subvencións por valor de 90.000 euros a asociacións sen fins de lucro
Tomiño, 28 de abril de 2021.- O Concello de Tomiño concederá un ano máis subvencións a asociacións sen fins de lucro, que realizan actividades no ámbito cultural, deportivo e social no municipio. A convocatoria, publicada onte, martes 27 de abril, ten coma finalidade apoiar a estas entidades, chegando este ano o monto das subvencións a 90.000 euros.
Os organismos poderán recibir, coma vén sendo habitual, o 80% coma máximo, do orzamento presentado.
No caso das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, as subvencións poderán ser solicitadas para financiar actividades ou proxectos que contribúan á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais durante o ano 2021, coma por exemplo, a realización de actividades culturais por asociacións culturais, veciñais e xuvenís; a realización de actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; a realización de actividades de promoción dos produtos agrícolas ou gastronómicos da zona; ou aquelas tendentes á recuperación de espazos naturais e/ou de lecer, entre outras.
No que se refire ás asociacións deportivas, poderán ser beneficiarias da subvención os clubs e entidades federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas respectivas federacións deportivas. Tamén deportistas tomiñeses individuais recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional, poderán ser beneficiarios destas axudas. Serán subvencionables os gastos federativos de 2021; gastos de arbitraxe, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas; de material deportivo de carácter funxible e vestimenta deportiva, etc.
As entidades de carácter social, pola súa banda, deberán solicitar as axudas para proxectos ou actividades “de especial interese cultural e social” nos que estea xustificado o financiamento municipal. Axudas destinadas a promover o benestar social da cidadanía do Concello de Tomiño a través de accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadán, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais e que se realicen durante o ano 2021.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para a presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e finalizará no prazo dun mes natural. Esta convocatoria publicarase tamén na páxina web do Concello.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o esforzo económico do equipo de goberno para seguir axudando a todas aquelas entidades (e persoas no caso dos deportistas individuais) que traballan polo municipio de xeito desinteresado no eido da cultura, do deporte ou da sociedade.
 

O delegado da Xunta e a alcaldesa visitan en Tomiño as obras de mellora e seguridade viaria realizadas no cruce do empalme
Tomiño, 29 de abril de 2021.- A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, visitou este medio día, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, ás obras de mellora e seguridade viaria levadas a cabo na estrada PO-552 (punto quilométrico 60+300 e 60+700) na intersección coa PO-344 no concello de Tomiño; zona coñecida popularmente coma cruce do empalme, que da acceso ao núcleo da vila.
Na visita, a alcaldesa de Tomiño agradeceu a intervención realizada nun dos puntos negros con maior concentración de accidentes do municipio, e que agora conta cunha rotonda con accesos especiais para buses e vehículos, reordenándose tamén os pasos de peóns, creándose novas beirarrúas e reubicándose as paradas de bus. A acción incluíu, así mesmo, unha zona axardinada deseñada pola paisaxista Sinda Dávila.
Executáronse cuñas para o cambio de velocidade nas interseccións de maior tráfico, para facilitar as saídas da estrada ou as incorporacións a ela, e tamén vías de servizo en varios treitos para canalizar os accesos, permitindo os xiros en puntos máis seguros.
Esta actuación enmárcase no Plan de Seguridade Viaria de Galicia da Xunta para intentar reducir ata 2020 os “puntos negros” das estradas de titularidade autonómica.
A obra supuxo a execución de dúas glorietas (unha en Tomiño e outra en Tui) e a mellora dun cruce para reducir a accidentalidade, no punto quilométrico 69+150, en Forcadela.
A rexedora tomiñesa lembroulle ao delegado da Xunta a importancia de que o Goberno Autonómico participe na construción da Biblioteca Municipal de Tomiño, o proxecto de maior envergadura do Concello nos vindeiros anos, que conta xa cos terreos, permisos e proxecto.
 

Regreso al contenido