Tomiño, 20/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, 20/06/20

COMARCA
Tomiño pon a punto sendas e sendeiros de espazos naturais para disfrute da cidadanía

 
Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, vén de arranxar varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, para pasear e facer exercizo, poida facelo nas mellores condicións posible, apreciando ademais a riqueza ambiental e paisaxística existente.
A senda do río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas pola cidadanía para caminar ou andar en bicicleta, polo que foi unha das primeiras acondicionadas, despois de que o inverno e as chuvias afectaran algunhas partes da instalación. Así, foi necesario limpar as marxes da senda e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituir o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.
Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.
Do mesmo xeito, estanse a levar a cabo obras de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.
O concelleiro responsable destas melloras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo, o que fixo necesario, xunto coa proximidade do verán, concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparxemento do municipio.
 
O Concello de Tomiño ofrece unha serie de actividades de verán para realizar en familia
Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O Concello de Tomiño propón unha serie de obradoiros de diferentes deportes e actividades de verán para realizar en familia. Por mor da pandemia, decidiuse cancelar a programación deportiva e o campamento de verán que se ofertaba de xeito habitual.
O principal motivo é que o Concello carece dos medios necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios entre a infancia participante nas actividades de lecer e tempo libre que se desenvolven na tempada estival.
Debido ao anteriormente explicado, ofértase unha programación alternativa con actividades destinadas ás familias, infancia, mocidade e persoas adultas. Son actividades nas que se cumpre o distanciamento social e o resto das medidas de seguridade e hixiene. Ademais, a realización de actividades en familia axuda a estreitar lazos afectivos e de comunicación, e a contrarestar o sedentarismo e estimular a capacidade imaxinativa.
1.    Actividades
 
– Zumba en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Pilates en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Ioga para bebés: cada bebé ten que ir acompañado por unha persoa adulta.
– Mindfulness e ioga familiar: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Danza en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Kundalini ioga: a partir de 12 anos e sen límite de idade.
– Hip Hop: de 12 a 30 anos.
Todas as actividades realizaranse en horario de mañá, entre luns e venres. Se hai demanda suficiente levaranse a cabo en Goián (fortaleza) e en Tomiño (Campo da Feira).
Por outra banda, o Concello de Tomiño manterá pechados polo de agora os parques infantís, ao non poder asumir as condicións sanitarias establecidas para a súa reapertura. Por responsabilidade e dada a situación que se está a vivir, o Concello decidiu atrasar o uso destas instalacións, xa que a limitación de recursos non permite executar as medidas de seguridade e prevención ante posibles contaxios.
Dende o goberno local apélase á responsabilidade individual e a que se respecten as normas e non se rachen precintos para acceder e utilizar os parques infantís do concello.
 
Tomiño súmase ó Día Mundial da ELA
Tomiño, 19 de xuño de 2020.- O 21 de xuño, domingo, celébrase o Día Mundial da ELA. O Concello de Tomiño súmase coma cada ano a dita celebración, colgando unha lona no balcón da Casa do Concello e iluminando o edificio de verde, cor característica de esta doenza.
Deste xeito, Tomiño únese á Fundación Luzón, que xunto ás Asociacións de Familiares e Pacientes como membros da Comunidade da ELA, lanzaron a Campaña #LuzporlaELA na que edificios e monumentos de toda España iluminaranse de verde co obxectivo de visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas enfermas para concienciar á sociedade sobre as dificultades que sofren no día a día. O ano pasado ilumináronse 304 monumentos en 209 municipios de toda España.
Regreso al contenido