Tomiño, 20/05/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, 20/05/20

COMARCA
Tomiño avanza na recuperación da zona do Seixo coma espazo de lecer e encontro

 
Tomiño, 19 de maio de 2020.- Tras un paréntesis obrigado pola crise do coronavirus, o  Concello de Tomiño retomou hai unhas semanas as obras do proxecto “Mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo”, cun investimento total de 670.000 euros.
As obras levadas a cabo, concretamente nas rúas A Guarda e República Arxentina, avanzan a bo ritmo, seguindo co proceso de transformación e recuperación do núcleo urbano coma espazo público de lecer e encontro, impulsado desde o goberno local, e que comezara hai uns anos coa reforma integral da Praza do Seixo.
A intervención, que estará rematada no verán, pretende aproveitar a mudanza na mobilidade de vehículos que supón a nova Avenida do Baixo Miño, que rodea o núcleo urbano, aberta hai uns meses, e que propicia a eliminación de tráfico de paso, nun 90% dos vehículos que antes pasaban polo centro da vila.
De feito, o proxecto contempla a peonalización e ampliación da Praza do Seixo, ata os tramos das devanditas rúas, e ata o entronque coa nova avenida, reformando todos os servizos urbanos e mellorando o espazo público cun deseño semellante ao da Praza do Seixo.
No caso da rúa A Guarda, esta pasará a ter un deseño máis estancial e comercial, creando espazos de encontro e áreas con bancos, vexetación e iluminación con catenarias. A rúa República Arxentina, pola súa banda, configurarase como unha alameda de entrada á Praza do Seixo, desde a rotonda de entronque da nova avenida, que pasará a ser o principal punto de referencia e entrada de Tomiño.
Ademais, ampliarase o número de prazas de estacionamento, pasando o núcleo urbano a ter tres aparcadoiros públicos cun total de 800 prazas, co que se duplicarán as existentes ata o momento. Para a realización desta obra, o goberno obtivo unha subvención de 500.000 euros, ao abeiro da convocatoria pública do Plan DepoRemse, da Deputación de Pontevedra, achegando o resto o propio Concello.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño, entende que esta obra significará un paso moi importante de mellora do espazo público, que irá en beneficio da veciñanza e do comercio local, como xa supuxo a mellora da Praza do Seixo e do Mercado Municipal, no seu momento. “O goberno municipal quere que a nosa vila sexa exemplo de recuperación de espazos públicos para as persoas, creando máis 100.000 m2 de espazos peonis e zonas verdes”, explica a rexedora.

As garderías de Tomiño abren o prazo de matrícula

Tomiño, 19 de maio de 2020.- As escolas infantís A Galiña Azul de Tomiño (O Seixo e Goián) xa teñen aberto o proceso de inscrición do alumnado para o curso 2020/21. O prazo de presentación de solicitudes rematará o venres 29 de maio, como recolle a Resolución do 27 de abril pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
As solicitudes presentaranse nas propias escolas, con cita previa. No caso da escola do Seixo, a cita pode pedirse chamando aos teléfonos 986 622 887 ou 638 299 581, en horario de .8.00 a 15.00 horas. Tamén é posible solicitar a cita a través do correo electrónico escolainfantil.tomino@igualdadebenestar.org.
En Goián, chamar aos números de teléfono 986 620 385 ou 617 337 288 (de 08.00 a 15.00h), ou escribir a escolainfantil.tomino.goian@igualdadebenestar.org.
A documentación necesaria para a inscrición é o Libro de Familia e o volante de empadronamento. Este pode solicitarse no Concello de Tomiño (Sede electrónica tomino.gal, por teléfono 986 622 001, ou ben, enviando un correo electrónico aoenderezo beatriz.miranda@tomino.gal).
O impreso de matrícula pode recollerse nas propias escolas infantís ou baixalo de internet en sede.xunta.gal.
Asemade, toda a información relativa ao proceso, así como os formularios normalizados do procedemento, poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.
Outro enlace de interese para ampliar a información é a Resolución da Xerencia do Consorcio pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 para o curso 2020/21 (DOG nº 94 do 15/05/2020).
Regreso al contenido