Tomiño, 19/05/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Tomiño, 19/05/20

COMARCA
O Concello de Tomiño inicia as obras de mellora da praza de Figueiró

 
Tomiño, 18 de maio de 2020.-O Concello de Tomiño está a levar a cabo as obras de “Acondicionamento da contorna da Praza de Figueiró”, co obxecto de convertir este espazo central da parroquia de Figueiró, nun espazo de uso peonil, accesible e seguro.
 
A intervención, cun orzamento total de 440.000 euros, recuperará para as persoas máis de 2.000 m2 de espazo público que se atopaba pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose coma aparcadoiro e sen ofrecer seguridade e uso para as persoas. Polo tanto, son condicionantes das obras xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente utilizar a praza dun xeito seguro e accesible, potenciando así actividades de ocio, comercio e restauración e poñendo en valor a arquitectura existente neste espazo público.
 
A reforma da contorna da Igrexa de Figueiró; unha das prazas máis fermosas do concello, que debido aos numerosos visitantes que recibe o santuario de San Campio de Lonxe, foi proposta polo goberno local para ser mellorada este ano.
 
O proxecto, redactado polo estudio de arquitectura Cendón-Vázquez, recurre a uns acabados suaves, naturais, acordes co uso de preferencia peonil, e xa utilizados noutros espazos públicos do concello, coma a Praza do Seixo, xerando así unha identidade propia dos espazos públicos de Tomiño recuperados para as persoas. Outro aspecto importante é a instalación dunha Iluminación harmónica que poña en valor o espazo e a arquitectura do lugar. Asimesmo, tamén se levarán acabo a revisión dos servizos de auga e saneamento existentes, canalización de cableado e instalación de novo mobiliario urbano e sinalización.
 
A alcaldesa de Tomiño manifesta “a súa satisfacción por esta importante obra, recuperando para as persoas unha das prazas máis fermosas do Concello, un exemplo de como o noso modelo dos espazos públicos, xa implantado e recoñecido nos núcleos urbanos, tamén se estenderá aos espazos publicos centrais das nosas parroquias”.

Tomiño presta axuda a máis de 60 familias en situación de especial vulnerabilidade

 
Tomiño, 18 de maio de 2020A dous meses da declaración do Estado de Alarma, o Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño, fai balance das medidas adoptadas para axudar ás familias a levar mellor a crise ocasionada pola pandemia do Covid-19.
 
Así, recibiron axudas de emerxencia para alimentos, farmacia, aluguer, transporte, internet, etc. unhas 60 familias (200 persoas) por un total superior aos 8.000 euros., incluídas as prórrogas concedidas a moitos grupos familiares en situación de vulnerabilidad.
 
Pero as medidas tomadas desde o departamento de Benestar, foron moitas máis. Dende habilitar canais de comunicación con centros educativos, centros sanitarios e entidades sociais co fin de atender ás persoas con especial dificultade e garantir a cobertura das súas necesidades básicas, ata regular e reconfigurar os servizos de axuda no fogar de competencia municipal, adaptando as tarefas e frecuencia, e garantir a prestación completa na modalidade de dependencia.
 
Asemade, incrementouse o servizo de teleasistencia domiciliaria, aumentando as chamadas telefónicas de control diario, co fin de contribuír á tranquilidade e acompañamento das mesmas, con especial seguemento das persoas máis vulnerables.
 
O departamente colaborou tamén no reparto gratuíto de menús a persoas en situacións de especial vulnerabilidade ou ausencia de habilidades, coordinando a iniciativa solidaria dos praceiros do Mercado Municipal, e continuou as actividades de estimulación cognitiva na terceira idade, co reparto semanal de cuadernillos polos domicilios de persoas maiores.
 
Por outra banda, a semana pasada rematouse o reparto da primeira remesa de máscaras hixiénicas, confeccionadas por unha rede de costureiras voluntarias en colaboración coa asociación de comerciantes e o Concello. Deste xeito, entregáronse en tres semanas consecutivas un total de 3.737 máscaras, repartidas entre 38 establecimentos comerciais de Tomiño e Goián.
 
De maneira simultánea, comezouse a confección dunha segunda remesa de máscaras, repartíndose xa o material entre as 16 costureiras voluntarias, que realizarán outras 3.000 pezas.
 
Un dos grandes aliados do Departamento de Benestar e da cidadanía en xeral, foi dende o primeiro día, Protección Civil de Tomiño, que colaborou en todas as tarefas de entrega e recollida de material, alimentos e medicinas, acompañamento de persoas maiores, prestando tamén apoio a diversos colectivos, incluso, na desinfección de zonas comúns. A agrupación sumou, deste xeito, máis de 220 horas de servizo, a día de hoxe, por parte de 8 persoas voluntarias, que de xeito totalmente desinteresado, estiveron disponibles durante todas estas semanas de confinamento, e ás que o Concello de Tomiño, quere reiterar o seu máis sincero agradecemento.
Regreso al contenido