Seli, José Baz Mauri - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Seli, José Baz Mauri

ENTREVISTA

Seli, cantautor guardés dos 90... e de despois



José Baz Mauri, Seli para a familia, para os amigos e no mundo artístico, comezou a cantar alá polos comezos dos anos 90. Cancións que soaban nas tabernas, cancións con aires galegos, cancións con temas rivindicativos… Despois desapareceu da escena, ao menos para moitos dos que vivimos na Guarda, e esta “desaparición” artística coincidiu cando a súa vida privada o levou a instalarse no Porriño, onde reside o cantautor guardés…

Qué recordas daqueles anos de inmersión na canción, ademais en galego?
Recordos teño un montón. A taberna dos meus pais, os clientes que querían que eu lles cantase e eles cantánbame a min, Gelito Pois, Pedro Minero, Guaqui Cocinero, Lubi...xa non recordo os nomes pero si a súa imaxe. Á xente, en xeral, gustaba de oír cantar en galego. Era algo natural. Recordo que a primeira vez que ouvín o Himno Galego foi na taberna de meus pais. Arredor das tres da tarde xuntábanse tódolos días un bo grupo de universitarios a tomar viño, manises e queixo de Oia. Miguel Blanco era o armadanzas. As tertulias eran impresionantes; político-social. A miña nai e eu non perdíamos unha. Creo que esa etapa marcou moito a miña vida.
O contido, lembramos, era non sei se dicir canción protesta ou canción social. Como definirías aquela música que facías?
Eu máis que protesta, diría que social. Aínda que as veces había que protestar. Eu o que sempre tiña presente era a vida dos mariñeiros. Recordo a canción "Despertade Mariñeiros", nunca se poido gravar porque a discográfica a censurou. Igoal que a de Manuel Noia. A historia era que miña nai non quería regalar o peixe na lonxa e o vendía na praza, pero non tiña permiso. Os camaróns e as nécoras as vendía en Vigo ou onde fose a os propios restaurantes. Para o transporte se encargaba o señor Muchi, taxista, todo esto en secreto. Pero un día houbo unha denuncia e a Gardia Civil esperou a gamela na Ribeira e obrigaron a miña nai a ir a lonxa. Ela alegou que non podía cargar que lle doían as pernas, entón levou o capacho a Benemérita á lonxa e miña nai detrás deles. A partires de aí negociou co bo de Andrés (xefe da lonxa) unha cuota fixa ao mes e paz e gloria. Esto se convertiu en canción. ¿Protesta? non, social si.





Como foi aquel salto dun mozo guardés, de familia mariñeira á música. Como “te deu por aí”?
Eu empecei a estudar solfeo e saxofón con seis anos en Mougás, con D. Alsirio Fernández,  Mestre con maiúsculas. O máis grande que eu coñecín. Empecei a cantar na escola dos Arsenios (naqueles festivais que se facían os sábados para os compañeiros), na taberna de meus pais, nos festivais do colexio P.P. Somascos. Creo que tería uns 15 anos cando viu unha profesora de literatura Elisa Búa (viña de Madrid) aínda que ela era nativa da Lanzada. Naquela, facíase un festival en Nazareth a Zeca Afonso; ían cantantes, cantores, cantautores de toda europa pois o premio era a gravación dun disco e unha boa cantidade económica. A  boa de Elisa mandou a canción que eu fixera "Eran cinco mariñeiros", seguro que non imaxinaba o resultado final, sorpresa... esa canción gañou o festival e ese foron os comezos. Gravación do Disco, actuacións e logo foi todo rodado. Fichoume Edigal, logo pasoume a Cadena Dial.
Cales son os mellores recordos daquela época xa pasada, parte da túa historia persoal?
Os mellores recordos que gardo foron as moitas viaxes que fixen. España, Europa, América. Os amigos que fes no camiño. O pracer de facer o que che gusta e por riba te pagaban; sentíame un afortunado. Recordo unha anécdota en Compostela. Ía gravar un programa para TVE no pub "Tío Galo". O pub eran as cadras da Catedral, a baixada era bastante pronunciada e estreita. Alí, non sei como, apareceron "Lupo, "Sesé", "Chulo", "Ignacio"... o mellor de cada casa. Eles, boa xente que son, ofrecéronse aos montadores a baixar as cousas. Nunha desas, Lupo, baixando resbala e o único que se conservou da cámara foi o mango. Agora dicimos: se bebes non conduzas, naquela tamén.
 
Foi una etapa breve, algúns anos tan só, pero sen futuro a longo prazo, que o impediu?
Cando viu meu fillo decidín que a miña etapa rematara. Primou a vida familiar. Inda tiña en contrato gravar un disco, e rachei con todo. Así de sinxelo foi.

Pasados cáseque trinta anos, que queda do “Seli” cantautor?
De Seli quedou todo. Porque para min non foi unha moda, nin unha forma de vivir. Entrei nese mundiño de casualidade o cal amaba, pero sempre sendo eu. Era carne de cañón e eu o sabía. Deixábame xogar, pero as regras sempre as marquei eu. Sigo sendo o mesmo ca sabiduría engadida dos anos. Síntome un afortunado por todo que vivín e doulle grazas a Deus tódolos días por ser como eu son.

E hoxe, que fai José Baz Mauri, por onde se atopa?
Hoxe en día sigo ligado ao mundo da música. Dende atrás. Dou clases, dirixo corais, fago música para cine e sobre todo compoño que é o que máis me relaxa. Teño un grupo de amigos "Pedracarballa" que é onde mato o gusaniño. É sobre todo dedícome á música relixiosa. Deus é un refernte na miña vida.


Porriño, 8 de maio de 2020
Regreso al contenido