Recreo Artístico Guardés - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Recreo Artístico Guardés

PUBLICADAS
25 ANOS DO EDIFICIO DO RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS DA RÚA PUERTO RICO N°. 12
por Joaquín Miguel Villa Álvarez (1)

Un recoñecemento ós valores sociais e culturais atesourados nestes últimos 25 anos pola decana das sociedades desta vila.
 

.
Ollando o Libro das Festas do Monte do ano 1974 podemos atopar a reportaxe que daquela se fixo con motivo da inauguración, o 24 de febreiro daquel ano, da nova sede da sociedade cultural Recreo Artístico Guardés sita na rúa Puerto Rico N°. 12 de Guarda. Neste ano 1999 cumpríronse os 25 anos daquel evento. Con tal motivo, a actual Xunta Directiva levou a cabo, o sábado 20 de febreiro deste ano, unha xuntanza que tiña como acto central a homenaxe á Xunta Directiva do ano 1924, co fin de lembrar a aqueles homes que no seu día fixeron posible que o Recreo Artístico Guardés, por vez primeira na súa historia, tivese en propiedade un local social. En segundo lugar fíxose unha homenaxe a varias persoas que destacaron polas súas actividades culturais nestes últimos 25 anos. E en terceiro e último lugar levouse a cabo a presentación da nova biblioteca do Recreo Artístico Guardés.
 
HOMENAXE Á XUNTA DIRECTIVA DE 1974
Ninguén, ata aquel ano 1974, tivera a valentía de acometer a arriscada e difícil tarefa de dotar a esta sociedade de casa propia. A meta que se propuxeron aqueles homes cando foron elixidos tres anos antes foi precisamente pór fin á sangría económica que supuña o pago de alugueres cada vez máis gravosos e acabar dunha vez por todas coa peregrinaxe á que se estaba sometido debido ós constantes cambios de domicilio. Traballaron moitísimo. E se finalmente puideron acadar a meta fixada foi merced ó apoio que lles prestaron, por un lado, a maioría dos socios, os cales suscribiron obrigacións a longo prazo; e por outro lado grazas ás axudas recibidas por outros guardeses de pro, presentes e ausentes, os cales, sen ter relación algunha coa sociedade, aviñéronse a anticipar diferentes cantidades para sufragar o importe da compra, unicamente polo cariño ó seu pobo e a amizade cos membros da Directiva. Estes últimos tamén se viron obrigados a adiantar cantidades importantes xa que o diñeiro que se ía recaudando coas obrigacións non era suficiente. E a solución definitiva veu doutro lado do Atlántico, de Santo Domingo, onde un guardés ausente chamado Manuel Fajar, pola mediación do presidente Alfonso Martínez Peniza, anticipou a cantidade dun millón de pesetas.
Entre os moitos traballos de xestión daquela Xunta Directiva para conseguir xunta-lo diñeiro co que poder merca-lo edificio, podemos destacar por exemplo os percorridos que Alfonso Martínez, Emilio Lorenzo, Francisco Sobrino e Freiría fixeron no coche deste último polas cidades de Vigo, A Coruña, Betanzos e outras onde sabían que había guardeses que podían axudar. Ou tamén cando Alfonso Martínez e Freiría, con intención de sacar diñeiro de debaixo das pedras, coñecedores de que no cemiterio parroquial había fragmentos de mármore esparcidos polo lugar, sen encomendarse nin a Deus nin ó diaño decidiron facer unha recolección daqueles restos cos que aforraron un diñeiro moi necesario para as obras de acondicionamento do local. Tampouco podemos esquecernos que trala compra do local viñeron os traballos de remodelación da casa e da finca anexa, a fin de adaptalas ás necesidades sociais e deportivas. Para iso houbo que derribar tabiques, cortar árbores e malezas, facer desmontes e allanar terras.
 
Finalmente o día 24 de febreiro de 1974, en plena celebración do Antroido daquel ano, tivo lugar a tan ansiada inauguración da nova sede local. As 11 da mañá, o Padre Luis Figone, director do Colexio PP. Somascos de A Guarda, bendeciu as instalacións. A continuación pronunciou un elocuente discurso o Presidente da Sociedade D. Alfonso Martínez Peniza, para agradecer a todos a súa presencia, así como as axudas recibidas. A continuación tomou a palabra o médico local D. Ermelindo Portela Gómez para presentar ó ilustre literato e eminente conferenciante D. Darío Álvarez Blánquez, tamén doutor en mediciña, que ofreceu unha charla en lingua vernácula a tódolos presentes. Pechou o acto o Alcalde D. Raimundo Lomba González, cun discurso no que se congratulou da obra realizada, á que ofreceu todo o seu apoio. Aquel día foi a culminación dos sacrificios dun grupo de persoas que, verdadeiramente, fixeron unha importantísima aportación á vida social e cultural desta comarca.
O exemplo daquela Directiva do ano 1974, foi en todo momento una referencia fundamental para as reformas acometidas recentemente pola directiva actual. Por iso, a pesar de que os méritos daqueles homes xa lle foron recoñecidos no seu día ó seren nomeados en Xunta Xeral como Socios de Honor nos seus respectivos cargos, a Xunta Directiva actual quixo renderlles unha homenaxe con motivo da conmemoración do 25 aniversario daquel evento. E isto sucedeu o citado día 20 de febreiro de 1999.


Fachada do actual edificio na rúa Puerto Rico

En primeiro lugar foron homenaxeados os dous vocais da Directiva de entonces, D. Manuel Ferreira Pérez e D. Manuel Lomba Alonso. Sempre dispostos a colaborar, aceptaban calquera responsabilidade que se lles encomendaba, e iso a pesares das limitacións que lles impuñan os seus horarios laborales. Ambolos Dous eran daquela empregados da farmacia Barbi. Fixeron entrega das placas os actuais vocais da Sociedade Xosé Manuel Martínez Peniza e Ramón Pereira Cobal, recibindo un forte aplauso os vocais de honor D. Manuel Ferreira Pérez e D. Manuel Lomba Alonso.
A continuación correspondeulle o turno ó tesoureiro daquela Directiva, D. Xosé Couto Díaz. El foi o encargado de todo o relativo ós números e o responsable de que todas as contas cadraran. Home de gran capacidade de traballo, participou tamén en diferentes directivas de entidades lúdicas e benéficas desta vila. A pesares de estar ausente heste acto, e a petición do actual tesoureiro da sociedade Xoán Carlos Alvarez Flores, recibiu un forte apluso por parte dos asistentes.
O seguinte en ser homenaxeado foi o secretario daquela Xunta Directiva, D. Emilio Lorenzo Cividanes. El foi o encargado da redacción de todos os escritos daquela xestión: cartas, solicitudes, impresos, actas, etc. As súas amizades con empresas e xentes do mar serviron para alcanzar grandes logros na misión recaudadora levada a o para a compra e acondicionamento do actual edificio. Ademáis, formou parte de diversas comisións de festas e sempre estivo presente en todos movimentos socio-culturais da vila. Fixo entrega da placa o actual secretario Xoaquín Miguel Villa Alvarez ó secretario de honor D. Emilio Lorenzo Cividanes momento no que éste foi premiado cun forte aplauso. A continuación correspondeulle a homenaxe ó Vice-Secretario daquela Directiva, D. Francisco Sobrino Rodríguez. Foi un loitador nato toda a súa vida. Emigrante na súa primeira xuventude a Santo Domingo, xamáis escatimou esforzos nin sacrificios en favor do seu pobo. E iso a pesares das incomprensións e disgustos que tivo que soportar en diferentes ocasións. Non nos debemos esquencer que cando, nos anos 60, o Recreo quedouse sen local social, ofreceu a súa casa como sede provisional para que esta Sociedade non tivera que desaparecer. Alí estivo dous anos, e deste xeito o RAG sobreviviu a eses difíciles momentos. E por suposto el máis que ninguén non podía faltar na Directiva encargada de proporcionarlle ó Recreo un local social propio. Foi ademáis membro da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla dende os 15 anos, sendo Presidente da mesma entre 1969 e 1978. É de destacar que durante a súa Presidencia, e en colaboración co Presidente naquel intre da comisión de Festas do Monte, D. Alfonso Martínez Peniza, construiuse a Casa da Cultura na rúa Ramón Sobrino co fin de albergar á citada Sociedade Pro-Monte, ó Grupo Filatélico e Numismático, á Comisión de Festas do Monte e outras sociedades de A Guarda sempre e cando foran de carácter cultural. En decembro de 1996 foi designado "Guardés do ano" e ós poucos días díxonos adeus para sempre. Pola súa participación naquela Directiva do ano 1974, a actual Directiva rendeulle unha homenaxe póstuma na persoa da súa filla Xulia Sobrino González, quen recibiu un forte aplauso cando recolleu a placa en memoria do Vice-Secretario de Honor D. Francisco Sobrino Rodríguez.
O seguinte homenaxeado foi o Director ou Vice-Presidente daquela Directiva, D. Emilio Alonso Freiría. Nado en Panxón, Nigrán, chegou á Guarda como funcionario no ano 1957 mergullándose de inmediato nos ambientes sociais e culturais da localidade, sendo membro moi activo en varias delas. Así, por exemplo, foi Presidente durante algúns anos da comisión de festas San Xosé Artesano; e máis recentemente foi o primeiro Presidente do Clube da terceira Idade de A Guarda. Como colaborador literario foi membro da Peña "El Barquito de Papel", con sede en Vigo, auspiciada polo poeta portugués, xa falecido, Eduardo Cabo Boullosa. Foi corresponsal da Revista Miñor, de Buenos Aires, editada polo Círculo Social dos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona. Aquí na Guarda foi corresponsal do diario La Voz de Galicia e do Diario de Pontevedra, colaborando ademáis en temas xurídicos co Boletín de Información do Ministerio de Xustiza. Así pois, unha persoa tan activa e prolífica como foi Freiría no seu pobo de acollida, tampouco podía estar ausente naquela iniciativa do ano 1974. Fixo entrega da n o actual Presidente Benxamín Alvarez Portela ó Director de Honor do Recreo D. Emilio Alonso Freiría, recibindo nese momento un caluroso aplauso.
A última homenaxe foi para o Presidente e alma mater da Directiva do ano 1974, Alfonso Martínez Peniza. El foi o promotor principal e verdadeiro artífice da compra do actual edificio. Pero antes de nada, é necesario dicir que as súas inquietudes socio-culturales foron sempre a súa seña de identidade máis importante, levándoo a participar activamente e promover calquera proxecto cultural ou benéfico nesta localidade. Ademáis de ser Presidente por varios anos do Recreo Artístico Guardés, foino tamén da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla, do Clube de fútbol Deportivo Guardés, e en diferentes épocas, das comisión de festas do Monte Santa Trega. Foi tamén socio fundador da Filatélica Guardesa. El e D. Francisco Sobrino lograron construi-la Casa da Cultura da Rúa Ramón Sobrino, antes mencionada. Home emprendedor e solidario, foi sempre unha persoa moi apreciada polas súas especiais dotes de convivencia e por ser persoa amiga de face-lo ben alí onde pudera. E por riba de todo, o amor hacia o seu pobo, A Guarda, era ilimitado. Así, gracias as súas xestións co Goberno da República Dominicana e co concello de A Guarda, hoxe existe nesta vila unha rúa o nome daquel país caribeño. e o que é máis importante, na capital daquel país, Santo Domingo, existe unha rúa chamada La Guardia, en honor a tantos guardeses que emigraron a aquela nación. 25 anos despois, a Xunta Directiva Actual, rendeulle homenaxe a título póstumo ó artífice do logro de dotar o RAG de edificio propio, o Presidente de Honor do Recreo Aristico Guardés, D. Alfonso Martínez Peniza. Recolleu a placa o seu fillo D. Carlos Martinez, que veu expresamente desde Santo Domingo para ese acto, momento no que tódolos asistentes prorrumpiron nun forte e emocionado aplauso.
HOMENAXE A VARIAS PERSOAS QUE DURANTE ESTES ÚLTIMOS 25 ANOS SALIENTÁRONSE POLA SÚA ACTI VIDA SOCIAL E CULTURAL NA SOCIEDADE
 
Salón-Cafetería da Sociedade

A primeira homenaxe foi para D. Juan Álvarez Sobrino. Socio do Recreo de toda a vida. Este ano 1999 cumpre precisamente 50 anos de pertenencia ininterrumpida a esta sociedade. Foi vocal durante dous anos, secretario outros dous e Presidente desde 1981 ata 1983. Precisamente durante a súa presidencia saneou as contas pendentes que tiña a sociedade debido á compra do edificio e reformas do mesmo. Fóra da sociedade foi fundador do actual equipo de fútbol Sporting Guardés, sendo o deseñador do seu escudo, e tamén foi fundador do Grupo Filatélico e Numismático Guardés, sendo na actualidade Presidente. As súas coleccións de selos foron expostas en máis de 100 ocasións por tódala xeografía española e parte do extranxeiro. Dentro da sociedade foi un dos fundadores do Grupo de Gaitas Os Pelouros, no ano 1980, o cal levou o nome desta Sociedade e da Guarda por toda España, así como tamén por Puerto Rico e a República Dominicana. Como administrador e portavoz de os Pelouros firmou varios convenios culturais coa Deputación de Pontevedra. Nun destes convenios foi distinguido polo Presidente en funcións de dita Deputación D. Mariano Rajoy, hoxe ministro de Educación e Cultura
A segunda homenaxe foi para Dna. Xulia Sobrino González. As súas inquietudes culturais herdounas do seu pai D. Francisco Sobrino Rodríguez, e hoxe en día son ben coñecidas nesta localidade sobre todo ó frente da Asociación Cultural Guardesa que preside. No que atinxe a súa participación no Recreo Artístico Guardés, ela foi a fundadora de dous grupos de teatro na sociedade: por una lado. O grupo infantil Saltamontes do Recreo Artístico Guardés, que puxo en escena a obra "Pista ou peste" de Varela Buxán, a cal foi representada no propio Recreo e máis en Funchi e no Cine Avenida. E en segundo lugar tamén creou o grupo xuvenil de teatro Amañecida, que puxo en escena dúas obras de Eduardo Blanco Amor: "Amores e crímenes de Juan o Pantera" e "Falsa Morte e certa morte de Estoraque o Indiano", adaptadas pola propia Xulia Sobrino coa colaboración de Carmen Pereiro e Alicia Alonso. A representación tivo lugar no Cine Avenida e a ela asistiu a propia sobriña de Eduardo Blanco Amor.
A seguinte homenaxe foi para a profesora de baile desta sociedade Dna. Asunción Trigo Alonso. Na actualidade é monitora do taller ocupacional do Centro San Xerónimo Emiliani, adicándose á cerámica e artesanía. Con relación 6 Recreo, é a fundadora e directora de tres grupos de baile creados nesta sociedade: Semente Nova, Trullada e Ballet vila de A Guarda. O primeiro, Semente Nova, nace en 1986 co propósito de que os máis pequenos teñan un coñecemento dos nosos bailes e da nosa música tradicionais. En 1989 nace Trullada que é un grupo de adultos que ten como obxectivo principal a recuperación do noso folclore polo que as indagacións nas tradicións xoga un importante papel na súa andaina de cada ano. E por último en 1990 Asunción creou o grupo dos máis cativos chamado Ballet vila de Guarda que xa ten no seu haber numerosas actuacións. Así pois, nestes últimos 15 anos Asunción Trigo Alonso é a maior dinamizadora das actividades culturais entre os máis xóvenes nesta sociedade, papel que segue a ter hoxe en día.
E por último esta xunta directiva voltou homenaxear a D. Alfonso Martínez Peniza. Ademáis de ser, xunto con persoas como D. Juan Alvarez sobrino, D. Francisco Sobrino Rodríguez ou D. Manuel Alvarez Martínez, fundador do grupo de baile e gaitas Os Pelouros no ano 1980, no ano 1983 foi artífice do acontecemento cultural máis salientable ocorrido nesta sociedade nestes últimos 25 anos. Nese ano, gracias á súa mediación e desvelo, e coa colaboración de AntonioMartínez na Guarda e Manuel Lorenzo en Santo Domingo, levou a actuar a América ó citado grupo de Os Pelouros, conseguíndose aloxamento para todos os espedicionarios alí onde estiveron. Na República Dominicana actuaron en San Pedro de Macoris, Santiago de los Caballeros e en Santo Domingo. Aquí, na capital, realizaron actuacións no Estadio Olímpico, na embaixada Española, no canal de televisión Teleantilles e sobre todo no Palacio Nacional da Presidencia, sendo recibidos polo Presidente e a súa Dona. En Puerto Rico actuaron na capital San Juan, así como nun almorzo no Auxilio Mutuo ofrecido por un visitante ilustre, D. Manuel Fraga, con motivo dunha homenaxe ó tamén ilustre guardés, D. Avelino Vicente González, artífice da construcción do edificio da máis importante institución hospitalaria de Puerto Rico como é o Auxilio Mutuo. Por tan importante evento cultural do grupo Os Pelouros por terras americanas foi esta homenaxe tamén póstuma da Xunta Directiva en memoria de D. Alfonso Martínez Peniza.
PRESENTACIÓN DA NOVA BIBLIOTECA DO RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS
E O terceiro ato do día foi a presentación da nova Biblioteca desta sociedade, a cal estará ubicada na actual sala de lectura existente na planta baixa. A razón principal da súa constitución foi unha recente doazón de máis de 450 libros que xunto cos libros xa existentes, dan hoxe lugar a unha modesta pero moi interesante biblioteca. Entre o material que a conforman abundan todo tipo de obras de lectura así como interesantes enciclopedias que han ser moi útiles en especial para aqueles xóvenes de calquera idade escolar. Neste sentido, sería ideal que con motivo da existencia desta biblioteca, xóvenes e adolescentes escomenzaran a considerar tamén o Recreo como un lugar de estudio e de reunións de traballo. Na Sociedade hai ó público varios catálogos nos que aparecen os seus fondos bibliográficos clasificados por temas, existindo a posibilidade do préstamo a domicilio habendo un libro rexistro para tal fin. Polo demáis, tódolos libros, agás os antigos que estarán baixo chave, están a disposición dos usuarios para a súa consulta ou lectura a calquera hora do dia E por último, antes de rematar, gustaríame aproveitar esta ocasión para recordar aquí á persona que auspiciou a creación da primeira Biblioteca que motivo a Sociedade. Corría o ano 1904, e esa persoa foi D. José Darse que naquel intre era o Secretario do Recreo Artistico Guardes, baixo a Presi dencia de D. César Tronco so, Naquela ocasión, o pro cedemento ideado por José Darse, para formar esa pri meira biblioteca, foi remitir unha circular a varios so cios e forasteiros, así como a varias persoas de in fluencia e desapego, co fin de que realizaran doazóns persoais. A xestión tivo éxito xa que ó mes comen zaron a aparecer os pri meiros doante, entre eles D. Joaquín Pi y Arsuaga, de Madrid, e D. José María Lomba, D. Nicanor Franco, D. Enrique Fandiño e D. José Franco de A Guarda. Estas doazóns foron os pilares cos que se formou esa primeira biblioteca do Recreo Artístico Guardés. Nese mesmo ano de 1904, ese secretario desta sociedade, D. José Darse, ía tamén principiar un dos proxectos culturais e sociais máis importantes que se fixeron na recente historia de A Guarda; nese ano 1904 fundaba o prestixioso e famoso semanario Heraldo Guardés, que nos seus 30 anos de existencia convertiuse nunha imprescindible referencia na comarca do Baixo Miño A memoria viva de persoas como José Darse o Antonio Martinez Peniza son para nós exemplo permanente do que persoas boas e xenerosas poden facer, dende a humildade e o traballo, polo progreso social e cultural dunha sociedade como o Recreo e dun pobo como A Guarda.
Regreso al contenido