Peto da Cruzada - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Peto da Cruzada

Arquivo 2020
O peto das ánimas da Cruzada
por Xurxo González
 
Este peto de ánimas estaba nun enclave único e significativo, na desviación da rúa da Cal cara o camiño que subía ao monte Santa Trega, xusto na encrucillada onde se atopa unha das fontes máis importantes da Guarda, a fonte da Cal. Detéñome a falar deste emprazamento porque nel se dan unhas características “especiais” que foron subliñadas erixíndo dous símbolos relixiosos moi relevantes, un cruceiro excepcional e este peto de ánimas ao que nos imos a referir.
 
Este conxunto relixioso tiña esta localización porque era un lugar ideal para amparar todo tipo de creenzas populares; un conxunto de casas afastadas, un camiño sinuoso, unha corrente de auga, a porta para penetrar nunha fraga escura,.. Con razón, para espantar os malos espíritus e para reforzar a súa fé cristiá, os veciños da Cruzada atoparon no cruceiro mais, sobre todo, no peto de ánimas a súa salvagarda contra a adversidade e os medos ancestrais.
 
Mais falo en pasado porque parte deste patrimonio foi alterado, por non dicir sustraido ou algo máis grave como expoliado. Deixo aquí estes calificativos abertos porque non é receptivo acusar sen probas do que non deixa de ser un grave delito penado pola lei. Foi a mediados dos setenta, cando se fixeron unhas obras no peche que delimitaba a propiedade onde se atopaba o peto de ánimas. Aproveitando esta circunstancia o xefe das devanditas obras levevouse o peto para o seu chalet. Hoxe en día aínda permanece á vista de todos no xardín desta finca situada no Barreiro. Iso sí, como podemos ver na foto, atópase alterado xa que agora ten un pé de pedra co que, agora, parece máis un farol que o obxecto para que foi pensado nun primeiro momento.
 
Este traslado foi un asunto que, ao día de hoxe, aínda non está claro. Segundo a versión oficial, a que queren creer os veciños, a propietaria da casa onde se situaba o peto vendeuno a este constructor. Mais aquí xurde unha pregunta, hai documentos desta operación? A quén pertencía o peto? Sabemos que existen máis casos na localidade onde apesares de que este tipo de elementos (petos, cruces) estén incrustados nas casas éstes pertencen á comunidade. Por que non se consultou xa non digo ao bispado senón á freguesía da Guarda? Por que as autoridades locais nunca se interesaron por devolver este patrimonio a quen lle pertence? Por que non se informa a Secretaría Xeral de Patrimonio da Xunta?
 
A cousa está clara, se todo o mundo recoñece ao cruceiro da Cal como un elemento artistico patrimonial de primeiro orde, no mesmo paquete debe contemplarse tamén o peto das ánimas, xa que a presenza dos dous reforzaban o contexto dun significativo vértice relixioso. Segundo a inscripción do cruceiro sabemos que foi construido no ano 1762 polos veciños da Cruzada José Cividanes e a súa muller Isabel Peniza. Non sería de extrañar que o peto das ánimas fose desta época ou incluso, atrévome a dicir, anterior ao cruceiro. O deseño ten certo parecido a un farol mariñeiro oradado polos seus catro lados, con marcos de encadre nos bordes e, dentro, hai un receptáculo no que se acendían velas. Sabemos, por fontes orais, que este peto tiña na base do seu fronte unha decoración escultórica dun anxo entre nubes e tamén que, o seu interior, estaba pintado con cores vermellos para simular o inferno.
Tamén hai que recorrer á memoria dos veciños para saber exactamente onde se atopaba. Nun principio poderíase pensar que a columna que hoxe o sustenta éra a orixinal ou que estaba incrustado nun muro como se acostuma ver noutros casos. Mais non é así, o peto das ánimas da Cruzada posúe unha tipoloxía especial –atreveríame a dicir que única-, xa que -como vemos nas reconstruccións que acompañan este texto-, foi deseñado para estar enriba do dintel da porta dunha casa. Ao peto de ánimas chegábase a el por medio dunha pasarela latreral como se fose a garita dunha fortificación. Esta ubicación dá que pensar xa que con el preténdese dar un significado especial a esa casa.
 
Imos ver, caben dúas hipóteses: unha, que esta casa fose a da persona que a mandou construír e, dúas, cabe pensar que esta casa tivese un cometido especial. Aquí é onde pretendo dar un xiro a historiografía local e situar nesta construcción a famosa Malata, unha leprosería que había nas inmediacións da Cruzada. Segundo a opinión de Juan Domínguez Fontela nos seus escritos “Toponímia de La Guardia”, sitúa a Malata entre o Canal e o Palomar, mais, entre os dous lugares, cal sería máis axeitado para sitúar un hospital? Cal estaba máis afastado da Guarda, cal tiña perto auga en abundancia, cal era o máis aireado,…? Con esta probabilidade entenderíase o porqué da denominación “Cal”, abríndose a teoría de que por esa vía subían o transporte de cal viva. E para que querían a cal? Para desinfectar o hospital e mitigar contaxios.
 
Se falamos da arquitectura da casa á que daba paso o peto das ánimas hai que dicir que posúe certo abolengo detectábel na configuración dos vanos, así, vemos un pequeno óculo rectangular enriba das fiestras. Esta composición barroca lévanos directamente a mediados do século XVII, centuria na que aínda se sufría andazos fortes da pandemia da peste. Asemade, este edificio podería ter a consideración de lazareto onde facer as cuarentenas das graves enfermidades contraídas en alta mar. Se este fose o caso o peto das ánimas tería unha clara función profiláctica no que, através das ofrendas (velas, aceite) se favorecería, en aliviar os padecementos dos enfermos e na conducción das almas cara a luz no seu paso polo purgatorio.
 
Insisto, tralo exposto, é unha pena que unha parte tan importante da identidade e da historia da Guarda e, máis concretamente, do barrio da Cruzada permaneza afastado da xente que o mandou facer e, o máis importante, que o venerou. Sería interesante tomar medidas e que saira á luz todo o concernente sobre este caso.
  
Xurxo González
2006
Regreso al contenido