Oia - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia

COMARCA
Oia aproba o seu Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais
Oia, 27 de maio de 2021. O pleno do Concello de Oia vén de aprobar inicialmente o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. O documento contén as accións necesarias para defender ao municipio contra o lume, efectuando unha análise da situación actual e establecendo unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación.
O plan foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves. Con esta nova ferramenta o Concello avanza nas actuacións encamiñadas a reducir o riscos de incendios forestais, os cales supoñen unha ameaza para o medio natural e para os distintos núcleos de poboación do concello.
Unha vez aprobado inicialmente no pleno deste xoves, abrirase un período de exposición pública de 20 días de duración no que se poderán presentar as correspondente alegacións ao plan.
Rematado o prazo, o expediente xunto coas alegacións serán presentadas á Consellería do Medio Rural, departamento autonómico que deberá emitir un informe vinculante e preceptivo. Finalmente, a tramitación concluirá coa aprobación definitiva do documento por parte do pleno municipal.
Reducir o risco de incendio e protexer ás persoas
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais foi realizado polo Concello de Oia en colaboración con Seaga e seguindo as directrices da Lei 3/2007 de prevención contra os incendios forestais de Galicia.
O documento ten por obxectivo definir unha serie de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial de biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas; co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas.
Este obxectivo fundamental concrétase na xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, así como na construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas. No que respecta ao tratamento das áreas forestais, aposta por un esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos, no ámbito da defensa das persoas e bens e a defensa dos montes.
 

Aprobada a moción dos Socialistas de Oia para actualizar o módulo de prezo hora do SAF
Oia, 3 de xuño de 2021. Na sesión plenaria do pasado xoves día 27 de maio, levouse a votación una moción do Grupo Municipal Socialista na que se insta á Xunta de Galicia a actualizar o módulo do prezo/hora do Servizo de Axuda no Fogar que paga aos concellos neste ano e incrementalo progresivamente ata asumir o 100% do custo real deste servizo no ano 2023.
O Servizo de Axuda no Fogar ven a cumprir unha gran demanda de usuarios existente no municipio, polo que é de gran interese que o custe deste servizo tan importante, sexa cuberto pola Xunta de Galicia e non polas arcas municipais.
Esta moción foi aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención dos Populares.
  
Os Socialistas de Oia reclaman melloras urxentes no Centro de Saúde de Oia
Oia, 3 de xuño de 2021. A situación sanitaria no municipio de Oia obriga una vez máis a reclamar melloras na sanidade pública, que desta volta afecta ao Centro de Saúde de Oia, que só está a funcionar con un dos dous médicos habituais, ademáis do servizo de pediatría, que só funciona un só día á semana.
A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou onte A Guarda, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Antonio Lomba, para anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar na Cámara autonómica a cobertura das vacantes tamén no seu Centro de Saúde, incluíndo o servizo de Pediatría. Os socialistas reclaman tamén unha ambulancia medicalizada que dea servizo ao concello e toda a súa área, como é o caso do municipio de Oia.
 

O Concello de Oia organiza en xuño 2 rutas guiadas para difundir o seu patrimonio
Oia, 4 de xuño de 2021. O Concello de Oia organiza dúas rutas guiadas no mes de xuño co obxectivo de dar a coñecer o legado cultural, natural e a beleza paisaxística do municipio. Estas dúas actividades forman parte dunha programación municipal que, ao longo deste ano, ofrecerá unha serie de propostas de lecer que combinan a actividade segura e ao aire libre (moi demandada durante a pandemia) coa divulgación e concienciación sobre o patrimonio local.
A primeira das dúas andainas desenvolverase o domingo 13 pola mañá e consistirá nun percorrido pola denominada Ruta do Mosteiro: un itinerario de sendeirismo circular sinalizado e de dificultade baixa de 8km de lonxitude. O punto de encontro será a oficina de turismo de Oia (10.00h.) e, desde aí, percorrerase os barrios do Arrabal e Chavella, o miradoiro e petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia) e o barrio de Vilar en Pedornes, para facer a volta ao punto de partida polo Camiño de Santiago, pasando por diante do Mosteiro para chegar de novo á oficina de turismo.
A segunda proposta desenvolverase o domingo 27, cun percorrido de arredor dos 9km e de dificultade baixa no que as persoas participantes descubrirán a gran riqueza paisaxística, natural e patrimonial da Valga, na parroquia de Loureza. O punto de saída será o curro (10.00h) e, aproveitando diferentes tramos das rutas sinalizadas que hai nesta zona, pasará preto de zonas de braña, achegarase ata os muíños do río da Cal e espazos de ampla panorámica, para volver de novo ás inmediacións do curro.
As andainas inclúen guía (Amodo Turismo para Descubrir) e  contarán cunha breve explicación dos principais valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos de cada zona; concienciando sobre a importancia de coñecelos e conservalos.
As dúas actividades son gratuítas e desenvolveranse seguindo as medidas de prevención fronte á COVID-19 en vigor en cada momento. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou nos teléfonos 986.36.21.25 e 639.32.94.93.
Con estas dúas actividades no mes de xuño ábrese a programación municipal de rutas para este ano 2021. A iniciativa terá continuidade nos próximos meses con novas propostas pensadas para achegar o patrimonio local á veciñanza e visitantes a través de actividades de lecer saudable e en espazos ao aire libre.
 

Nova oportunidade para asistir ás visitas guiadas de arte urbana e historia de Oia
Oia, 7 de xuño de 2021.Tras o éxito da primeira xornada de rutas turísticas de arte urbana e historia, o domingo 20 de xuño haberá unha nova oportunidade para participar nestas visitas guiadas, as cales se desenvolverán en horario de mañá e de tarde.
As diversas obras de pintura mural coas que, ao longo dos últimos anos, se teñen ido embelecendo distintos espazos públicos de Oia, son as protagonistas dunha serie de rutas turísticas organizadas polo Concello de Oia e desenvolvidas polo guía oficial especializado Borja Concheiro. O itinerario afonda sobre os detalles destas orixinais e coloridas mostras de arte urbana, elaboradas polo artista venezolano Flix, e tamén na historia local.
A ruta inclúe a visita aos dous murais de Flix na rúa Párroco Claudio Rodal Fandiño (a baixada ao Mosteiro), ás pinturas exteriores e interiores no CEIP Mestre Manuel García e ás das gradas do campo de fútbol municipal.
A primeira xornada celebrouse o sábado 15 de abril, cunha visita en horario de mañá e outra de tarde e nas que se cubriron todas as prazas dispoñibles. Tendo en conta a boa acollida da proposta, o próximo domingo 20 de xuño desenvolverase unha nova xornada con dous horarios de visitas: ás 12.00 e ás 16.30 horas.
As visitas guiadas desenvolveranse seguindo todas as normas relativas á COVID-19 e requiren inscrición previa. Para obter máis información e realizar as reservas pódese consultar a seguinte web: https://www.vigoturistico.com/primera-ruta-de-arte-urbano-concello-de-oia/  Para preguntar calquera dúbida tamén se pode contactar co Concello no teléfono 986.36.21.25.
Pintura mural en Oia
Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.
A vontade do Concello de Oia é a de continuar esta frutífera colaboración artística, á fin de seguir embelecendo o municipio a través das orixinais e coloridas creacións de Flix.
 

Reunión da Deputada Nacional Ángeles Marra cos concelleiros Socialistas de Oia
Oia, 11 de xuño de 2021. Na mañá deste venres día 11 de xuño de 2021 a Deputada Nacional Ángeles Marra fixo una visita ao Concello de Oia, onde reuniuse cos concelleiros do PSdG-PSOE de Oia para tratar diversas problemáticas existentes no municipio, como é o caso do tratamento das augas residuais e o saneamento.
Os concelleiros Socialistas trasladáronlle tamén algunhas demandas existentes no municipio e que afectan a moita poboación, como os problemas na sanidade, nas telecomunicacións, na promoción turística ou no transporte público.
 

Oia abre o prazo para solicitar fogueiras de San Xoán ata o 21 de xuño
Oia, 15 de xuño de 2021. O Concello de Oia abre o prazo para que, os particulares que así o desexen, poidan solicitar a autorización para acender fogueiras de San Xoán en fincas privadas. O antedito prazo permanecerá aberto ata as 12.00 horas do próximo 21 de xuño.
As persoas interesadas deberán presentar unha comunicación no Rexistro Municipal (de forma presencial ou a través da sede electrónica), achegando o modelo de solicitude publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na web municipal (www.concellodeoia.es).
Este ano, por mor da Covid-19, as tradicionais fogueiras de San Xoán (noite do 23 ao 24 de xuño) só poderán facerse por parte de particulares e en terreos privados, pois a súa celebración en espazos públicos está prohibida.
Medidas de seguridade
Nas cacharelas autorizadas será obrigatorio cumprir as medidas de seguridade, tanto en materia sanitaria como no que respecta a prevención de incendios. Polo tanto, deberán respectarse en todo momento as restricións vixentes en materia de aforos, distancias, uso de máscara e outras medidas de autoprotección.
As autorizacións quedarán automaticamente revocadas no caso de que as autoridades decidan suspender este tipo de actividades atendendo ás circunstancias meteorolóxicas, de seguridade ou sanitarias que así se determinen conforme a lexislación vixente. Tamén quedarán revocadas automaticamente en caso de que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio forestal) sinale risco extremo de incendio para ese día.
O Concello de Oia fai un chamamento á veciñanza para o cumprimento das normas de seguridade (as cales aparecen detalladas no modelo de solicitude a presentar por rexistro ou sede electrónica), así como tamén de todas aquelas de carácter sanitario que estean en vigor.
 

Regreso al contenido