Oia, maio 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia, maio 2021

Arquivo 2021
A réplica do petróglifo de Auga dos Cebros chega a Oia
Oia, 5 de maio de 2021. A réplica do singular petróglifo de Auga dos Cebros, elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, vén de chegar a Oia, onde quedará exposta no interior do Centro Sociocultural de Pedornes.
O proxecto de elaboración da réplica de Auga dos Cebros naceu no ano 2019 promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre.
A intervención comezou en xuño de 2019 coa intervención do orixinal e da contorna, así coma a da creación do molde, e finaliza en 2021 co remate da réplica na Escola e a súa instalación en Pedornes.
A iniciativa desenvolveuse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que foi a encargada de acometer os traballos.
A finalidade última de contar cunha réplica fiel dos gravados de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.
Presentación este venres en Pedornes
Este venres día 7 ás 12.00 horas realizarase unha presentación dos resultados do proxecto no Centro Sociocultural de Pedornes. O acto estará presidido pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e contará coa participación de Manuel Ángel Pombal (representante da Comunidade Montes e Costa dos Castros), o historiador Fernando Javier Costas Goberna (Costa dos Castros e Acamo),  algúns dos profesores participantes no proxecto (Fernando Carrera e Jose Antonio Quinteiro), así coma a directora da Escola, Carmen Lorenzo. Por mor das restricións pola COVID-19, o acceso ao acto é limitado e será exclusivamente mediante invitación.
A presentación incluirá unha visita ás dúas réplicas elaboradas: a do petróglifo de Auga dos Cebros 1 –que representa varias figuras de cuadrúpedes e unha espectacular embarcación de tipoloxía mediterránea- e a de Auga dos Cebros 2 –que representa outra embarcación-. Ambas están xa instaladas no Centro Sociocultural de Pedornes, que será o seu emprazamento definitivo.
O singular petróglifo de Auga dos Cebros
O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.
Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.
A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.
  
O Concello de Oia oferta unha praza de técnico forestal
Oia, 5 de maio de 2021. O Concello de Oia abriu o prazo de inscrición para o proceso selectivo dunha praza de técnico forestal para a tempada de verán. Trátase dun contrato de persoal laboral temporal a tempo parcial (21 horas semanais) e cunha duración de 6 meses.
O prazo de presentación de instancias será de 8 días hábiles, finalizando o 14 de maio. O sistema de selección será mediante concurso-oposición.
Cos aspirantes que superen o proceso de selección convocado confeccionarase unha bolsa de emprego destinada a cubrir posibles baixas, renuncias ou vacantes no antedito posto.
Toda a información sobre o proceso, requisitos, o temario e solicitudes están dispoñibles nas bases da convocatoria publicadas na sede electrónica do Concello e accesibles na seguinte ligazón: https://oia.sedelectronica.es/info.1
Tarefas a desenvolver
A persoa seleccionada para o posto de técnico forestal encargarase de xestionar as denuncias relacionadas coas leis de montes e de defensa contra incendios, de comprobar do cumprimento das obrigas de limpeza de parcelas e de atender as demandas de información sobre autorización de cortas e queimas.
Tamén lle corresponderá dar tramitación aos expedientes de corta ou queima en núcleos e sobre denuncia de vertidos incontrolados, informar sobre a lei de prevención e defensa contra incendios e dar charlas informativas sobre cuestións relacionadas coa prevención de lumes forestais e obriga de limpeza.
 

O Concello de Oia mostra as súas pinturas murais a través de rutas guiadas de arte urbana e historia
Oia, 6 de maio de 2021. As diversas obras de pintura mural coas que, ao longo dos últimos anos, se teñen ido embelecendo distintos espazos públicos de Oia son as protagonistas dunha serie de rutas turísticas que se desenvolverán os próximos 15 de maio e 20 de xuño, organizadas polo Concello de Oia. O itinerario afonda sobre os detalles destas orixinais e coloridas mostras de arte urbana, elaboradas polo artista venezolano Flix, e tamén na historia local.
A programación destas visitas guiadas de arte urbana e historia en Oia celebraranse seguindo as restricións derivadas da situación da COVID-19. Tanto o sábado 15 de abril como o domingo 20 de xuño haberá dispoñibles dous horarios: as 12.00 e as 16.30 horas.
O itinerario da ruta incluirá os dous murais de Flix na rúa Párroco Claudio Rodal Fandiño (a baixada ao Mosteiro), as pinturas exteriores e interiores no CEIP Mestre Manuel García e a das gradas do campo de fútbol municipal.
As visitas requiren reserva previa e serán desenvolvidas polo guía oficial especializado Borja Concheiro. Para máis información e realizar as reservas pódese consultar a seguinte web: https://www.vigoturistico.com/primera-ruta-de-arte-urbano-concello-de-oia/   
Pintura mural en Oia
Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.
A vontade do Concello de Oia é a de continuar esta frutífera colaboración artística, á fin de seguir embelecendo o municipio a través das orixinais e coloridas creacións de Flix.
 

A réplica do petróglifo de Auga dos Cebros, exposta no Centro Sociocultural de Pedornes
Oia, 7 de maio de 2021. Este venres celebrouse a presentación da réplica do singular petróglifo de Auga dos Cebros, elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A peza, que destaca polas súas grandes dimensións e por ser unha reprodución fiel do singular gravado rupestre, quedará exposta no interior do Centro Sociocultural de Pedornes.
A réplica de Auga dos Cebros 1, de aproximadamente 300 kg de peso, foi elaborada en escaiola a partir dun molde tomado do propio petróglifo. Posteriormente realizouse o pintado con pigmentos naturais, coa fin de darlle un aspecto de naturalidade. Cunhas dimensións de 2,70 metros de alto e 2,20 metros de ancho, trátase da réplica de maior tamaño dun petróglifo de Galicia.
O proxecto naceu no ano 2019 promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre.
A intervención comezou en xuño de 2019 coa intervención do orixinal e da contorna, así coma a da creación do molde, e finaliza agora co remate da réplica na Escola e a súa instalación en Pedornes.
A iniciativa desenvolveuse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que foi a encargada de acometer os traballos.
A finalidade última de contar cunha réplica fiel dos gravados de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.
Réplicas de Auga dos Cebros 1 e 2
Este venres os resultados do proxecto foron presentados no Centro Sociocultural de Pedornes. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e contou coa participación de Manuel Ángel Pombal (representante da Comunidade Montes e Costa dos Castros), o historiador Fernando Javier Costas Goberna (Costa dos Castros e Acamo),  algúns dos profesores participantes no proxecto (Fernando Carrera e Jose Antonio Quinteiro), así coma a directora da Escola, Carmen Lorenzo.
Durante a presentación puideron contemplarse as dúas réplicas elaboradas pola Escola: a do petróglifo de Auga dos Cebros 1 –que representa varias figuras de cuadrúpedes e unha espectacular embarcación de tipoloxía mediterránea- e a de Auga dos Cebros 2 –un petróglifo de menor tamaño que representa outra embarcación-. Ambas quedarán instaladas no Centro Sociocultural de Pedornes, que será o seu emprazamento definitivo.
O singular petróglifo de Auga dos Cebros
O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.
Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.
A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.
 

 
Veciños de Mougás poñen fin a 40 anos de promesas incumpridas reivindicando a mellora do camiño de Lourido

Oia, 10 de maio de 2021. Na mañá do sábado día 8 de maio un grupo de veciños e veciñas da parroquia de Mougás(Oia), cansos de 40 anos de promesas incumpridas, decidiron colocar diversas pancartas e carteis no camiño de Lourido, reivindicando o arranxo inmediato do mesmo, xa que nestes intres nin as ambulancias ou vehículos de emerxencias poden circular por algún dos tramos desta rúa.
 

Os Socialistas de Oia en contra do parque eólico na Serra da Groba
Oia, 11 de maio de 2021.- O Grupo Municipal Socialista do Concello de Oia amosa a súa postura contraria á instalación do Parque Eólico previsto na Serra da Groba ao mesmo tempo se se declara a favor das enerxías renovables, pero non a calquera prezo, co desfeita do patrimonio natural, paisaxístico, e do hábitat de numerosas especies de flora e fauna, como sería o caso do que se pretende instalar na Serra da Groba.
Do mesmo xeito, este grupo insta ás comunidades de montes do Concello de Oia a que se posicionen públicamente se están a favor ou en contra destas instalacións, xa que ata o momento a Comunidade de Montes de Santa María de Oia é a única que se ten posicionado.
É totalmente inaceptable que por parte da Xunta de Galicia non se tivese en conta aos veciños nin aos comuneiros en decisión tan importantes como estas.
 

A formación nacionalista levará ao Parlamento Galego a reivindicación para que este espazo natural teña a máxima protección posíbel
Baixo Miño, 13 de maio de 2021.- A Serra da Groba constitúe un espazo de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística que neste momento se ve ameazado pola instalación de parques eólicos. En concreto, os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte.
Por este motivo, desde o BNG apoiamos e animamos á participación na marcha contra este proxecto eólico, convocada polo o IEM e a Plataforma SOS a Groba, para este domingo 16 de maio ás 11:00h desde o Alto da Mata, co fin de sumar forzas co obxectivo de frear esta nova ameaza ao noso medio natural, á vez que reclamará no Parlamento Galego a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba.
Para o BNG o modelo eólico do PP, que ameaza a Serra da Groba e outros moitos espazos naturais ao longo do territorio galego, obedece a un modelo depredador que coloca Galiza como mera produtora de enerxía ao servizo do espolio das grandes eléctricas.
As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado pretenden que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo que non conta coa participación social e sen garantías de protección medioambiental, como no caso da Serra da Groba.
Fronte a este modelo, a organización nacionalista continuará a defender unha enerxía eólica sustentable, xusta e galega, que permita que galegas e galegos se beneficien da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica.
Neste sentido, cómpre corrixir a antidemocrática falta de transparencia e información existente sobre estes proxectos eólicos e garantir a participación da sociedade galega. Sendo fundamental contar cunha nova lexislación e un novo Plan sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que, como a Serra da Groba, deben estar libres de eólicos.
 

Marcha na Groba contra os eólicos
Oia, 14 de maio de 2021.  O IEM e a Plataforma SOS GROBA,  co apoio de máis de 60 colectivos, organizan o domingo día 16 unha Marcha Reivindicativa pola Serra da Groba.
Dende ás 11 ata aproximadamente ás 13 h, con saída no Alto da Mata, a uns 200 m do Cortelliño, e cun percorrido curto pola estrada ata o Alto da Groba. Dependendo da climatoloxía, tentarese amosar dende o Alto as posibles afeccións á paisaxe e ao medio ambiente e patrimonio. A xente que non poida camiñar ou teña dificultades,  pode asistir igual en coche ata o Alto e presenciar  a lectura do manifesto e as explicacións que se van dar.
Ante a previsión da Xunta de Galicia de instalar en toda a Serra da Groba 7 parque eólicos con aeroxeradores de máis de 200m de altura e de 5,6 MW, con unha rede de Km de cableado soterrado e polo ar, dependendo dos casos, con antenas meteorolóxicas de 75m de altura e 5 subestacións para a ordenar a produción,  e encamiñala cara a Rede Eléctrica Estatal, en proxectos non contemplados e que irían despois da construción dos parques eólicos e que se fai constar nos avances dos proxectos na Avaliación Ambiental Inicial publicada na páxina da Consellería de Medio Ambiente da Xunta dos proxectos xa en tramitación Albariño, Merendón, O Rosal , Toroña I e Torroña, e que desaparecen da mesma pasados os 40 día de exposición pública. No Plano Eólico de Galicia aínda se contemplan dous parque mais o Torroña III e o Toroña, cuns nomes e dados moi confusos que van variando a medida que a Xunta vai facendo públicos os avances na páxina da Consellería de Medio Ambiente.
Cun fraccionamento intencionado de proxectos, tense previsto a instalación de 44 ou 54 aeroxeradores xigantes (depende de páxina da Xunta que se consulte) que convertirían toda a Serra da Groba nun gran parque industrial con graves afeccións a paisaxe e a orografía da serra e, fundamentalmente, á biodiversidade de fauna e flora que , nalgúns casos xa en perigo de desaparición, e que se vería aínda máis acelerado o alterar brutalmente os ecosistemas.
Os concellos afectados,  e fundamentalmente o de Oia, verían perigar o grande patrimonio natural e patrimonial que posúen e afectaría moi negativamente os proxectos de dinamización cultural e turísticos  que están levando a cabo e a futuros proxectos de recuperación patrimonial, como o do Mosteiro de Oia e a ruta Xacobea pola costa. Unha serra chea de xigantescos aeroxeradores impactando na paisaxe e na orografía, un continuo zunido que se escoitará a kms, dependo da dirección do vento e unha alteración do subsolo e nacentes de auga dos que se abastecen a maioría das traídas de auga veciñais, como as de Viladesuso e Mougás, Belesar e Baíña e todo o encoro de Baíña que abastece a Baiona.
Un modelo especulativo de produción de enerxía sen contar cos veciños  os propietarios dos montes e os concellos,  que no último dos casos, cobrarían unha renda coa  que non cubrirían nunca as perdas derivadas deste modelo tan impactante.
O IEM e a plataforma Serra da Groba, na que están colectivos de todo o Val Miñor e Baixo Miño, Vigo e bisbarra, veñen facendo palestras informativas polas parroquias para explicar os proxectos que se coñecen e os impactos que xerarían, con dados oficiais e cun análise do territorio que coñecen ben por anos de estudo. A Serra da Groba é un museo o aire libre que posúe a maior densidade de xacementos arqueolóxicos da península Ibérica, uns catalogados e moitos outros sen catalogar e que dende o IEM veñen reclamando dende hai máis de 15 anos a súa catalogación. Xa o Parlamento de Galicia no seu  momento aprobara por unanimidade, a unha  proposta para catalogar  a Serra da Groba. Dende aquela non se fixo nada no que respecta o patrimonio cultural nin no natural, ao non catalogar e protexer os humedais e espazos de interese natural que teñen importancia, coa súa inclusión da Rede Natura, tal como demanda a Unión Europea.
Este venres  ás 19 h haberá charla informativa na Guarda e en Belesar, no Colexio Público,  o sábado á mesma hora.
A organización da marcha convidou ás alcadesas e alcaldes dos concellos afectados, como lexítimos representantes dos veciños,   para que participen na lectura do manifesto e apoien o rexeitamento  destes proxectos. Contamos  e esperamos o apoio de todas as corporacións, que xa votaron mocións de rexeitamento nos respectivos plenos,  na loita legal contra esta invasión eólica que nos trae máis perdas que beneficios.
Convidamos a toda a cidadanía a manifestarse, cumprindo con todas as normas e medidas de seguridade e respectando as distancias e o uso de mascariñas.
 

Oia homenaxea a Xela Arias cun vídeo interxeracional
Oia, 17 de maio de 2021. Oia homenaxea a Xela Arias cun vídeo no que veciños e veciñas de todas as idades recitan unha selección de poemas da escritora lucense. Con esta iniciativa o Concello quere celebrar o día dedicado ás Letras Galegas, facer un recoñecemento á homenaxeada neste ano e sumarse ás actividades de divulgación da súa vida e obra.
O vídeo interxeracional, no que xente nova, persoas de mediana idade e maiores de diversos puntos do municipio puxeron voz a diversos poemas de Xela Arias, pode contemplarse va web municipal e tamén a través das redes sociais: na canle de Youtube do Concello de Oia e nas contas de Facebook e Instagram da Oficina de Turismo.
Escritora, tradutora, editora e docente, Xela Arias Castaño naceu no ano 1962 en Sarria (Lugo), se ben pasou a maior parte da súa vida en Vigo, cidade onde morreu en 2003. A súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90 do século XX como poeta, como tradutora, como activista e como profesional no ámbito da edición.
Xela, a maior de 5 irmáns, pasou en Sarria os seus primeiros anos. Con 7 anos trasládase xunto coa súa familia a Vigo, onde pasará o resto da súa vida.
En Vigo realiza estudos de bacharelato, comeza a publicar en xornais e revistas (Faro de Vigo, Jornal de Noticias de Porto, Dorna, Tintimán, Carel...) e participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, entre os anos 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Despois de 11 anos de traballo editorial retoma os estudos e en 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.
Obra
O poemario Denuncia do equilibrio foi a súa primeira obra literaria, editada en 1986. A este libro de poemas seguíronlle outros como Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).
Ademais de dedicarse á creación literaria, a cal tamén inclúe obra en prosa, Xela Arias tamén traballou na tradución ao galego, sendo pioneira neste eido. Entre outras, destacan as súas traducións de escritores como Joyce, Fehnimore Cooper, Roald Dahl, Bram Stocker, Cervantes ou Wenceslao Fernández Flórez.
Ligazón do vídeo: https://youtu.be/C1Khut4NugA
 

Oia avanza no proceso para establecer o seu escudo oficial
Oia, 18 de maio de 2021. O Concello de Oia continúa avanzando no proceso para definir o escudo e bandeira oficial do municipio e, con ese obxectivo, manterá unha nova xuntanza coa Comisión Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-.
O encontro desenvolverase mañá mércores en Oia. A fin de traballar desde a participación e a procura de consensos, o executivo local convidou a esta reunión de traballo con Heráldica a representantes dos grupos da oposición, a diversas persoas de referencia na investigación da historia local, toponimia e patrimonio e aos veciños que formularon algunha proposta concreta relativa ao escudo e bandeira de Oia.
O pleno municipal aprobou inicialmente o pasado mes de xaneiro unha proposta de escudo e bandeira oficial para o municipio xurdidos dos traballos previos desenvolvidos pola Comisión Heráldica. Tras a antedita aprobación, o goberno local abriu un período de reflexión a fin de resolver posibles dúbidas e ofrecer a posibilidade de que os propios veciños e veciñas presentasen no Concello as súas propostas de mellora.
 

Os Socialistas de Oia reclaman máis transparencia na elección do Escudo Oficial
Oia, 19 de maio de 2021. Ante a nota de prensa emitida por Cristina Correa, alcaldesa de Oia, o grupo municipal socialista quere deixar clara, unha vez máis, a súa postura. O PSdG-PSOE solicitou un pleno extraordinario no que, entre outros puntos, propuxo un concurso de ideas sobre os novos símbolos.
A alcaldesa falta á verdade cando di que o goberno municipal abriu un período de reflexión ofrecendo aos veciños a posibilidade de que presentasen no concello as súas propostas de mellora, xa que, polo menos oficialmente, non se realizou ningunha notificación nin se ten constancia, repetimos, polo menos oficialmente.
Por todo elo, o grupo socialista non acudirá ao encontro convocado xa que non variou a nosa postura, expresada claramente no pleno anteriormente citado, e no que Cristina Correa tirou de maioría, negando calquera posibilidade de consenso.

Regreso al contenido