Oia, febreiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia, febreiro 2021

Arquivo 2021
O Concello de Oia xa solucionou o 95% das incidencias recibidas a través da app Línea Verde
Oia, 16 de febreiro de 2021. O Concello de Oia ten solucionado o 95% das incidencias recibidas a través da aplicación Línea Verde, un servizo que permite á veciñanza comunicar desde o teléfono móbil calquera tipo de incidencia no ámbito municipal. As notificacións máis frecuentes son as relacionadas co estado da iluminación pública, seguidas das que teñen que ver coas beirarrúas.
Desde a posta en marcha da aplicación en Oia, a finais de 2018, foron recibidas un total de 1.335 incidencias, das cales o 95% están xa resoltas. O Concello manifesta a súa satisfacción polos resultados acadados e sinala que estas cifras reflicten dous feitos positivos: un incremento exponencial no uso da aplicación por parte da veciñanza e un alto nivel de axilidade na resposta municipal.
O Consistorio quere agradecer á veciñanza a súa implicación directa á hora de comunicar as incidencias, o cal permite mellorar o servizos que se prestan no municipio dando unha resposta máis rápida e detectando novas necesidades das que non se tiña constancia.
Principais incidencias rexistradas
As incidencias que se comunican en Oia con maior frecuencia teñen que ver especialmente co sistema de alumeado, seguidas das relativas a beirarrúas e calzadas. Outros rexistros habituais refírense á recollida de mobles, avisos por presencia de avespa velutina e servizos de limpeza.
Para poder empregar o servizo de incidencias de Línea Verde no teléfono móbil ou tablet cómpre descargar a app (a través Google Play/APP Store) e, unha vez instalada no dispositivo, seleccionar o municipio de Oia.
Para comunicar unha incidencia desde o propio lugar onde a persoa a atopa, hai que picar o botón “nova incidencia”, seleccionar o tipo de incidencia que se está a producir e, de forma automática, a aplicación detectará as coordenadas do punto. A partir de aí, a persoa usuaria debe subir unha fotografía e escribir algunha observación complementaria.
Unha vez enviada a incidencia, o persoal do Concello recibirá a notificación e comezará os trámites para solucionala. Pola súa banda, a persoa que rexistrou o aviso irá recibindo información puntual sobre os avances no estado da incidencia.
Línea Verde tamén está dispoñible nun botón específico dentro da páxina web do Concello www.concellodeoia.es ou ben no enderezo electrónico www.lineaverdeoia.es
 

A Xunta investirá 900.000 € no Mosteiro de Santa María de Oia para rehabilitar un dos maiores bens do Camiño Portugués da Costa
Oia, 13 de febreiro de 2021. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o Mosteiro de Santa María de Oia, onde anunciou que a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de rehabilitación cun investimento de preto de 900.000€ na igrexa. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de humidade e resolver os problemas da falta de mantemento e conservación deste importante BIC do Camiño Portugués da Costa.
Román Rodríguez, xunto coa alcaldesa Cristina Correa, subliñou que esta intervención “será a maior aposta da Xunta este ano no patrimonio da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de toda Galicia”. Isto será posible, como explicou o conselleiro, grazas ao incremento do investimento por parte do Goberno autonómico en fondos para patrimonio. “En 2021 imos dedicar un 19% máis”, declarou.
“Queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis sobranceiro”, resumiu o titular de Cultura da Xunta, quen explicou que os traballos que se desenvolverán este ano “renovarán unha das xoias patrimoniais xacobeas en pleno Ano Santo”. Neste momento estanse a completar os tramites administrativos para a súa próxima licitación e, unha vez adxudicada a obra, terá un prazo de execución de nove meses.
No caso concreto da provincia de Pontevedra, a Xunta está destinando máis de 3 millóns de euros nunha ducia de bens como a igrexa de Santo Estevo de Negros, en Redondela, cuxa obra empezará nas vindeiras semanas; a basílica de Santa María a Maior, en Pontevedra; ou a restauración rematada de Santa María de Baiona, entre outras.
Numerosas zonas de actuación
A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural permitirá mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. Así, o proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.
Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.
As obras previstas no Mosteiro de Oia complétanse coa apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.
  

 

Os Socialistas de Oia solicitan un pleno para aprazar a elección do escudo municipal
Oia, 9 de febreiro de 2021. O Concelleiro do PSdG-PSOE de Oia, Américo de Oliveira, ven de presentar esta mañá no rexistro de entrada municipal unha solicitude de Pleno Extraordinario para o aprazamento da elección do escudo municipal de Oia ou ben anular o acordo adoptado na Sesión Plenaria do día 28 de enero de 2021 referido a aprobación dun novo escudo e bandeira para o Concello de Oia.
Tal e como se manifestou dende os Socialistas de Oia, existen na actualidade numerosos temas moito máis importantes para os veciños e veciñas do municipio e que deben de ter máis prioridade, como a falla de pediatra no Centro de Saúde, o saneamento, o Faro de Silleiro, a mellora das telecomunicacións de fibra e telefonía móbil, entre outras.
Os Socialistas de Oia solicitan tamén establecer as bases para un concurso de ideas, onde se presenten propostas, ideas ou sinxelamente adecuar o noso escudo de sempre a normativa heráldica vixente.
 

Opinión del Movemento Oia en relación coa memoria histórica
Oia, 6 de febreiro de 2021. O goberno municipal, aprobou o cambio do escudo heráldico de Oia, argumentando que o actual é do mosteiro e que Oia carece de escudo.
Debemos recordar que O Mosteiro existía antes que Oia, e que Baiona.
O nome de Oia procede de Santa María de OYA, la real. Os escudos se encontran na Igrexa do Mosteiro, tratándose de una igrexa parroquial do pobo de Oia.
O Mosteiro, e parte de Oia, e lamentamos que a corporación municipal non poña o mesmo interese en apoiar a súa restauración como en crear un escudo para distanciarse dun dos maiores patrimonios que dispoñemos.
Ante a solicitude dun pleno extraordinario pola parte do grupo municipal do PSOE de Oia e a polémica xerada polas consideracións nas que expuñan a súa negativa ao mesmo en contra da decisión da rexedora do concello sobre necesidade de homologar o escudo oficial proposto pola “heráldica popular”. Dende Movemento Oia, sentiámonos na obriga de facer un pouco de pedagoxía e reclamar coherencia nos asuntos relacionados cos acordos plenarios neste concello.
A Agrupación do PSOE de Oia realizou na súa web una nota contra 'Heráldica Popular', e ha difundiu nas súas redes sociais.
En Canto iso o BNG como noutras ocasións fai seu chamamento “popular “para a recollida de firmas e pide respecto polos símbolos históricos do concello de oia.
Lles lembramos a todos os grupos políticos que se esquecen de esixir e cumprir os acordos plenarios e as leis.
O concello de Oia acordou por maioría absoluta en pleno en Outubro de 2017 cunha moción pola recuperación da memoria histórica a eliminación, supresión e anulación dos símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa Ditadura, e non fixo ningunha actuación ao respecto. Na actualidade entre outros “o símbolo falanxista continua na porta na fachada do concello”.
Parece que ningún dos grupos municipais expoñen as súas consideracións e inquedanzas históricas cando falan de respecto a sociedade para que a súa retirada sexa efectiva.
Deberían basear as súas accións para facer política para os cidadáns, todas as accións relacionadas co coñecemento da historia teñen un carácter importante para a nosa sociedade, entre elas cumprindo a lei de memoria histórica, unha obrigación de todos os cargos políticos.
 

Os Socialistas de Oia solicitan un pleno extraordinario polo cambio do escudo oficial
Oia, 1 de febrero de 2021. O Grupo Municipal oiense solicitará un pleno extraordinario para tratar a tentativa de “reescribir a historia” do municipio de Oia co cambio do seu escudo histórico, cambio que foi aprobado no último pleno cos votos do Partido Popular. Ao mesmo tempo os socialistas presentarán alegacións a este cambio no escudo municipal por considerar que non representa a historia do concello.
A proposta dos populares de modificar o escudo de Oia suscitou unha contestación nas redes sociais, onde mesmo se abriu unha recollida de sinaturas a través da plataforma “Change.org”.
Segundo a páxina web do concello, a institución local solicitou á Comisión de Heráldica, que ten as competencias para autorizar os emblemas, a elaboración do escudo oiense así como dunha bandeira oficiais. O informe da Comisión Heráldica enviou ao Concello a súa proposta para que a institución local elixise entre dous escudos e catro bandeiras.
O Concello vén utilizando un escudo que, segundo dise na mesma páxina web municipal, non está recoñecido como tal pola Comisión Heráldica e que tampouco “é un escudo, senón un medallón, que apenas varía do escudo de armas do Mosteiro de Oia”.
   
A alcaldesa aclara que o Concello carece actualmente de escudo e lamenta a polémica arredor do asunto
Oia, 1 de febreiro de 2021. A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lamentou a polémica creada a raíz da proposta de escudo oficial do municipio que foi aprobada no pleno do pasado xoves. Segundo destacou, a iniciativa ten como obxectivo dotar ao Concello dun emblema oficial do que actualmente carece, tendo en conta que o que se viña utilizando de xeito tradicional é realmente o do Mosteiro de Oia.
A alcaldesa lembrou que o proceso arredor do escudo comezou xa no ano 2018, cando o Concello fixo unha consulta á Comisión Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras- sobre a posibilidade de dotarse dunha bandeira oficial. Foi durante a investigación sobre os símbolos e emblemas locais de Oia cando a citada Comisión comunicou ao O Concello que a imaxe que tradicionalmente viña empregando era realmente a propia do Mosteiro de Oia. Así mesmo, recomendaba optar por una imaxe diferente pero fiel á tradición e historia locais.
Concretamente o informe de Heráldica de setembro de 2018 trasladaba ao Concello que “considera máis que conveniente –se non necesario- propoñer un completo replantexamento do escudo municipal actualmente en uso, dado que o mesmo é o propio que desde hai séculos atrás trouxo o importante mosteiro cisterciense aquí emprazado”. No mesmo documento, a Comisión manifestaba que facer uso do emblema heráldico do mosteiro é unha opción “sempre rexeitable” e facía a súa proposta.
Así, a rexedora insiste en que a proposta aprobada no pleno da pasada semana “non é substituír un escudo oficial de toda a vida por un novo” senón que, ante a situación de carencia de emblema oficial, “o que se busca é dotar a Oia dun escudo que conte co recoñecemento de Heráldica”.
“Isto non é un asunto de partidos, o Concello precisa ter un escudo e bandeira que o represente como institución”, afirmou a rexedora. Así mesmo, Correa lamenta que “se estea creando desconfianza na veciñanza a través de información sesgada e incompleta, facendo crer que se substitúe un escudo por outro ‘de toda a vida’, con fins que non buscan máis que xerar conflitos onde non os hai”.
Non obstante, a alcaldesa bríndase a recibir e atender as dúbidas que a veciñanza poida ter ao respecto, abrindo un período de reflexión con posibilidade de que os propios veciños e veciñas presenten no Concello todas as propostas de mellora que consideren.
Regreso al contenido