Oia, abril 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Oia, abril 2021

Arquivo 2021
A Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo
Oia, 5 de abril de 2021. A Cruz de Lampedusa, así chamada por estar construída con restos de embarcacións de migrantes naufragados nesa illa do Mediterráneo, visitará Oia este martes dentro da peregrinación pola Diocese de Tui-Vigo que está a desenvolver durante os meses de marzo e abril.
O paso polo municipio enmárcase na iniciativa “Viaxe da Cruz de Lampedusa”, que busca transmitir unha mensaxe de solidariedade e paz entre as cidades, comunidades, parroquias e culturas.
A cruz chegará mañá martes. Ás 12.00 daráselle acollida cunha oración na igrexa parroquial de Santa María de Oia e o templo quedará aberto permanentemente desde esa hora para a xente que queira achegarse a orar ante ela ou contemplala.
Posteriormente, ás 17.00 horas haberá unha oración ante a cruz e a continuación celebrarase a misa das 18.00 horas, na que se pedirá especialmente por todos os emigrantes, persoas enfermas e por todos aqueles que están a pasar por algún momento de cruz na súa vida.
Historia da Cruz de Lampedusa
O 18 de xullo de 2013 o Papa Francisco realizou a súa primeira viaxe apostólica, para a que escolleu a illa italiana de Lampedusa. Nesa ocasión, o Pontífice celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, tendo ante os seus ollos un Mar Mediterráneo que ía camiño de se converter nun cemiterio de migrantes.
O 3 de outubro dese mesmo ano produciuse un novo naufraxio fronte ás costas desa illa, un tráxico suceso no que faleceron máis de 360 persoas. Ante estes feitos o Papa clamou de novo ante o mundo: “Vergoña! Só me ven a palabra vergoña, é unha vergoña”, lamentaba naquel momento.
Neste contexto de traxedia humanitaria, o artista Franco Tuccio construíu a que agora coñecemos como a Cruz de Lampedusa: unha estrutura de 2,6 metros de longo e 1,5 metros de ancho feita cos restos de barcas naufragadas na illa italiana.
A cruz foi levada a Roma o 9 de abril de 2014 para ser bendita polo Papa, quen suxeriu que se convertese nunha cruz peregrina que levase unha mensaxe de solidariedade a todo o mundo. Desde entón, ten viaxado a numerosos puntos coa súa mensaxe de paz e solidariedade.
Esta “Viaxe da Cruz de Lampedusa” está promovida pola fundación “Casa do Espírito e das Artes” a cal, desde hai anos, traballa en Milán nos eidos da cultura, a música e as artes como instrumentos de servizo aos estratos máis febles da poboación, en particular dos nenos e nenas e da mocidade que vive en situacións de grave dificultade social.
A “Croce di Lampedusa” –segundo o seu nome en italiano- está confiada a un relevo espontáneo que xa a ten acompañado en máis de 2.400 lugares de culto en Europa e en todo o mundo, incluídas igrexas e santuarios.
Debido á crise do coronavirus a súa peregrinación atopábase interrompida para evitar reunións con moita xente, permanecendo na parroquia dos Padres Trinitarios de Alxeciras, os cales xestionan un centro de acollida para persoas excluídas, a maioría migrantes. Actualmente atópase de viaxe pola Diocese de Tui-Vigo, peregrinación que inclúe a parada prevista en Oia.
 

O Concello de Oia inicia una nova campaña de reparto de trampas contra a velutina
Oia, 6 de abril de 2021. O Concello de Oia comeza unha nova campaña de reparto gratuíto de trampas para combater a invasión de avespa velutina, iniciativa que este ano incrementa o número de unidades postas a disposición da veciñanza e incorpora como novidade o reparto nos colexios. Así, ao igual que outros anos, repartiranse 100 trampas entre os apicultores do municipio e, a maiores, entregaranse outras 200 nos centros educativos.
A campaña de trampeo realízase aproveitando a chegada da primavera. Esta estación é un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.
O Concello leva varios anos desenvolvendo estas campañas de reparto de trampas para axudar e evitar os danos que provoca a presenza da vespa velutina, a cal supón unha ameaza a especies que cumpren un importante labor polinizador como é o caso das abellas.
Como novidade neste 2021, e co obxectivo de buscar a colaboración do conxunto da veciñanza, ao tradicional reparto a apicultores incorpórase a entrega de trampas nos colexios. Trátase de sumar esforzos na loita contra esta especie invasora a través da colocación de trampas na contorna das colmeas, a fin de protexelas, e tamén noutros puntos desde os que se contribúa a frear o avance desta especie invasora.
Os apicultores interesados en recibir unha trampa poden contactar co Concello nos números de teléfono 986.36.21.25 e 639.32.94.93.
En caso de localización dun niño de velutina, a Administración local lembra que os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello de Oia (986.36.21.25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (dispoñible para teléfono móbil e tablet).
Recomendacións no uso de trampas colmeares
A cantidade de trampas a colocar nun apiario varía segundo o número de colmeas que se posúan. Por iso recoméndase seguir as seguintes proporcións:
·         1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
·         2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
·         3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas.
·         4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas.
Estas trampas deberán colocarse soamente en zonas onde se teña detectado presenza de velutinas. O ideal é situalas a unha altura de 1,50 metros e nun radio de 100 metros arredor dos apiarios, en puntos soleados e protexidos do vento.
 

Os Socialistas de Oia piden ao BNG que unifique criterios sobre as peaxes e a AP-9
Oia, 8 de abril de 2021. O pasado 25 de Marzo celebrouse en Oia un Pleno Ordinario no que se debateron diversos asuntos entre os que cabe destacar as tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista, a primeira para a adhesión do Concello de Oia á Área Metropolitana de Vigo, outra instando á Xunta de Galicia a actualizar o módulo de prezo/hora do Servicio de Axuda no Fogar(SAF) que paga aos concellos este ano incrementándoo ata asumir o 100 % do custe real no 2023 e a terceira sobre a derogación da 11ª da lei da Área Metropolitana de Vigo.
As tres mocións deixáronse para o próximo pleno co fin de que puideran estudialas con más detemento os concelleiros. Igualmente debateuse unha moción presentada polo BNG sobre transferencia e rebaixa das peaxes da AP-9, aprobada con 2 votos a favor (BNG e PP) e 9 abstencións, nesta moción o grupo municipal socialista abstívose ao considerar unha incongruencia o solicitar o emprego de 59 millóns de Euros, incluídos nos presupostos xerais do Estado para este fin, e ter votado en contra en Madrid.
No apartado de rogos e preguntas o grupo municipal socialista realizou as seguintes interpelacións:
1) Pregunta pola obra da depuradora de Viladesuso aprobada e non realizada
2) Saneamento e situación no Camiño de Lourido
3) Saneamento en Burgueira e Loureza
4) Situación actual do PXOU
5) Ordenanza sobre a traída municipal de auga e valoración sanitaria do traballo encargado sobre as traídas de augas
6) Situación do muro de contención no colexio de Refoxos polo peligro de accidente
7) Bandas na estrada de Burgueira excesivamente altas e non cumpren os requisitos, ao parecer existe reclamación xudicial
8) Ordenanza sobre terrazas
9) Falla de contedores en Arrabal e Chavella
10)Séguese sen ter acceso a fibra óptica en importantes zonas do Concello
11) Reclamacións varias, por accidentes, debido á situación intransitable da Estrada Vella.
 

O Concello de Oia entrega 19 novos composteiros entre a veciñanza
Oia, 12 de abril de 2021. Concello de Oia continúa co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través do reparto de 19 novos composteiros individuais que nos últimos días foron entregados ás veciñas e veciños que os tiñan solicitado durante o prazo habilitado o pasado mes de novembro.
Ademais de recoller os seus dispositivos para compostaxe, as persoas beneficiarias do programa participaron nunha charla explicativa sobre o uso dos composteiros. A charla foi impartida por un técnico de Sogama no centro sociocultural de Pedornes na tarde do pasado venres.
As veciñas e veciños que reciben un composteiro do programa municipal quedan comprometidas a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.
Promoción da compostaxe doméstica
A nova partida, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.
Dentro deste programa municipal, desde o ano 2019 Concello leva entregados un total de 69 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.
 

Regreso al contenido