O Rosal - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal

COMARCA
O Concello do Rosal e SOS Tomiño continúan a estreitar lazos
O Rosal, 1 de setembro de 2020.- O Concello do Rosal e a asociación asistencial SOS Tomiño continúan a estreitar os seus lazos de cooperación. Este martes, a alcaldesa Ánxela Fernández reuniuse co presidente e vicepresidente desta entidade, José Quinteiro e José Gómez, para falar da situación actual que se está a vivir no municipio e na comarca do Baixo Miño a consecuencia da COVID-19. Fernández, Quinteiro e Gómez aproveitaron a xuntanza para analizar as novas necesidades e situacións xurdidas a raíz da crise sanitaria e da nova realidade. Soamente durante o pasado mes de xullo SOS Tomiño entregou máis de 1.000 quilos de alimentos a persoas do Rosal, o dobre do que habitualmente repartían mensualmente a principios de ano.
Durante a reunión, alcaldesa e membros de SOS Tomiño tamén revisaron o balance de actuacións de 2019 na comarca, onde entregaron 150 toneladas de alimentos. Trátase do primeiro encontro entre Concello e SOS Tomiño dende que a rexedora situouse ao fronte do Departamento de Servizos Sociais.
A asociación SOS Tomiño dispón dunha nova páxina web (sostomino.org), un espazo que serve non soamente para dar a coñecer todo o que están a facer senón tamén como ferramenta para contactar coa xente. Así, por exemplo, durante o estado de alarma a entidade creou unha nova forma de colaborar ou de pedir axuda a través desta nova web.
Dende o Concello do Rosal quérese poñer en valor o gran labor que SOS Tomiño está a desenvolver de forma desinteresada a prol das familias máis necesitadas do Baixo Miño, polo que seguirá tendendo pontes para unha colaboración constante e efectiva. Tamén quérese agradecer a súa boa disposición e a coordinación cos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que colaboran nas tarefas de reparto de alimentos e que cada día traballan arreo para dar resposta a todas as necesidades do municipio.
Regreso al contenido