O Rosal 20/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal 20/06/20

COMARCA
O Rosal contratará a un socorrista para a praia das Eiras durante xullo e agosto

 
O Rosal, 19 de xuño de 2020.- O Concello do Rosal vén de poñer en marcha o proceso selectivo para a contratación dun/ha socorrista para prestar servizo na praia das Eiras durante o meses de xullo e agosto. Será un contrato temporal a xornada completa no que a persoa contratada deberá desenvolver tarefas de vixiancia, prevención e salvamento de bañistas e demais persoas usuarias que acudan durante a tempada fluvial a esta praia e á súa contorna, así como o control das medidas sanitarias derivadas da nova normalidade consecuencia da crise do COVID.
As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño a través do Rexistro ou na sede electrónica do Concello ou ben cun xustificante de presentación de solicitude a través doutro medio ao correo electrónico notifica@concellodorosal.es ou ao fax 986626034. As solicitudes deben ir acompañadas da documentación requerida nas bases do proceso selectivo, entre a que se atopa a copia da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
A selección realizarase a través dun concurso-oposición no que se fará unha valoración dos méritos por experiencia profesional, por cursos de formación e perfeccionamento e por coñecemento da lingua galega. Ademais faranse unha serie de probas prácticas obrigatorias e eliminatorias.
  
Semana de actividades no Rosal para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI

O Rosal, 19 de xuño de 2020.- O arco da vella ondeará toda a semana no Rosal. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI o vindeiro domingo 28 de xuño, o Concello ten programada unha semana chea de iniciativas coas que se buscará visibilizar a loita en favor dos dereitos deste colectivo. Estas actividades arrancaron este mesmo venres cunha acción artística na que os concelleiros Sara Vicente e Ramón Fernández, a responsable do proxecto Transformando Realidades Sara Uris e o mestre composteiro do Rosal Óscar Martínez deron vida a dous bancos pintando un coa bandeira LGTBI e outro coa bandeira trans.
Proxecto VIA
O Concello do Rosal quere recoñecer o gran labor de visibilización que se está a facer a través do Proxecto VIA, unha iniciativa posta en marcha polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier co apoio do profesorado para visibilizar, informar e apoiar. Unha iniciativa coa que o Concello traballa man a man e que terá vital importancia durante toda esta semana, durante a que colaborará para encher de contido relacionado as redes sociais.  
Cine ao aire libre
O acto conmemorativo central celebrarase o vindeiro mércores 24 de xuño cunha iniciativa de carácter lúdico na que se invita a participar a todos os rosaleiros e rosaleiras. A partir das 21.00 horas poderá visitarse na Praza do Calvario unha exposición preparada polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e participar nun divertido photocall. Á entrada desta zona entregarase un accesorio para sacar a súa foto no photocall, unha pulseira de arco iris e unha chapa do Proxecto Vía.  
Xa ás 22.00 horas comezará o cine ao aire libre, primeiro coa proxección dun flashmob feito polo alumnado do CPI e despois coa proxección da película ‘Pride’, unha divertida e emotiva comedia baseada en feitos reais con claros tintes sociais. A proxección será de balde e contará cun aforo máximo de 150 persoas.
Para a organización deste acto activaranse todos os protocolos de prevención e seguridade, con espazo delimitado, control de aforo e medidas como a colocación de xel hidroalcohólico á entrada do recinto. Para poder acceder ao recinto e desfrutar das actividades será obrigatorio o uso de máscara, que debe traerse da casa.
Por outro lado, ademais destas actividades, durante toda a semana as bandeiras arco da vella ondearán na Casa do Concello do Rosal e repartiranse carteis polos comercios locais coa imaxe de #ORosalOrgullosx.
Regreso al contenido