O Rosal - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal

COMARCA
O Concello merca tres timbais para o auditorio
O Rosal, 14 de xaneiro de 2021.- O Concello do Rosal acaba de adquirir tres timbais para o auditorio municipal que serán empregados por músicos rosaleiros e ensembles que actúen neste espazo e os precisen para os seus espectáculos. O Rosal é un concello prolífero no ámbito musical, exemplo diso é o gran número de músicos que saen da escola de música da Agrupación Musical do Rosal, coa que o concello colabora activamente dende hai anos. “Dotar ao auditorio municipal de instrumentos musicais e de todo o material necesario, tanto instrumental como técnico, é unha aposta polo desenvolvemento cultural do noso pobo”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Por este motivo, o Concello irá dotando ao auditorio municipal do material necesario, comezando por dous timbais cromáticos de 23 e 29 polgadas con pedal de embrague co que completar o xogo co timbal concedido anteriormente, de 26 polgadas. Estes instrumentos, de grandes dimensións, tiveron un custo de máis de 7.250 euros que foron subvencionados a través do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Estes timbais constan de caldeira de cobre, formadas a presión para manter un grosor uniforme en toda a caldeira, e suspendida mediante un anel de aceiro contorneado forte e firme para manter a estabilidade durante o transporte. Os instrumentos teñen tres rodas, dúas na parte posterior e unha baixo o mecanismo de pedal con sistema de freado para evitar que xiren e, contan ademais, cun mecanismo de afinador fino dos timbais colocado ao lado dos intérpretes que ofrece unha gran fluidez.
Achegamos imaxe dos novos timbais adquiridos con, de esquerda a dereita, Andrés García, presidente da Agrupación Musical do Rosal; Ánxela Fernández, alcaldesa; e Javier Alonso, director da Agrupación Musical.
  

Cribado voluntario masivo PCR O Rosal
O Rosal, 13 de xaneiro de 2021.- Ante a alta incidencia acumulada da COVID-19 no Rosal nos últimos días, o Concello propuxo ao Servizo Galego de Saúde a realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR que permita identificar a positivos asintomáticos dos que non se teña constancia e axudar así a reducir a propagación do virus. Por este motivo, desde este mesmo mércores xa está habilitada a páxina covid.orosal.gal, na que as persoas interesadas en colaborar poden inscribirse enchendo un sinxelo formulario. A inscrición tamén estará accesible dende a páxina web do Concello.
Unha vez recollidos os datos das persoas voluntarias serán trasladados ao Sergas, que a partir de principios da vindeira semana contactará con cada un dos inscritos para dar cita para a proba PCR, un frotis naso-farínxeo totalmente indoloro que permitirá tomar medidas que axuden a frear a transmisión. As probas realizaranse en Vigo, nun centro que se comunicará a cada persoa no momento de dar a cita.
Trátase dunha oportunidade de facer unha proba PCR de balde e estar seguros e seguras de se se está infectado ou non de coronavirus.
“Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar, sobre todo a aqueles que poidan ter máis risco. A colaboración de todos e todas é fundamental para reducir o nivel de contaxio que temos nestes intres”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que fai tamén un chamamento á responsabilidade e á prudencia de toda a veciñanza.
A Xunta vén de decretar o nivel extremo de alerta en toda a comunidade autónoma, endurecendo as medidas restritivas en toda Galicia. A partir deste venres 15 de xaneiro adiantarase o toque de queda ás 22.00 horas, xa non estará permitida a mobilidade entre concellos, a hostalaría pechará a partir das 18.00 horas e os comercios ás 21.30 horas. Ademais, as reunións entre non convivintes limitaranse a un máximo de catro persoas.
  
O PSdeG-PSOE pon en marcha as xestoras de O Porriño, As Neves e O Rosal
Pontevedra, 13 de xaneiro de 2020.  A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE celebrou a primeira xuntanza do ano para abordar cuestións orgánicas que, como é habitual dentro do partido na provincia, resolvéronse con consenso de tódalas partes e acordo unánime dos integrantes da Executiva. Deste xeito quedaron aprobadas as novas Comisións Xestoras encargadas de dirixir as agrupacións locais de O Porriño, As Neves e O Rosal.
Respecto ao O Rosal, a Comisión Xestora estará presidida por Miguel Ángel Rodríguez Velasco, acompañado de María Concepción Alonso Rodríguez, José Manuel Gómez Campos, David Gómez Cardoso e Milagros Carmen Amador Dacal.
O acordo foi adoptado nunha Executiva Provincial celebrada novamente de maneira telemática e na que houbo unha amplísima participación, e inclúe tamén a designación de Luis Piña, secretario provincial de Organización, como colaborador e observador nas tres xestoras.
O secretario xeral provincial, David Regades, explicou que as Xestoras de O Porriño, As Neves e O Rosal funcionarán como órgano de transición, encargado de organizar a asemblea de militantes que dea paso ás novas Executivas municipais, un proceso que agora mesmo é imposible de abordar por mor das restricións derivadas da pandemia de COVID19. As asembleas, explicou, celebraranse cando as condicións sanitarias o permitan. Regades subliñou que o diálogo presidiu o proceso de designación e agradeceu a colaboración de toda a militancia. “O obxectivo ata que tomen posesión as novas Executivas é dinamizar o partido, garantindo a súa relación coa sociedade, e conducir o proceso de elección das novas direccións locais sempre co respecto á cultura de democracia interna que caracteriza ao socialismo”.
Regades fixo fincapé na tradición de diálogo que existe no PSdeG-PSOE provincial “onde as cousas se falan dentro para fortalecernos e centrar as nosas enerxías en presentar proxectos sólidos á sociedade”. Unha traxectoria que recalcou, é valorada pola cidadanía, como demostran as 22 alcaldías socialistas da provincia e o feito de que máis de 600.000 das/os máis de 900.000 pontevedresas/es conten con gobernos dirixidos ou apoiados polo Partido Socialista.
  

Comezan as obras de reforma íntegra do mercado do Rosal
O Rosal, 11 de xaneiro de 2021. O Concello do Rosal iniciará este martes 12 de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado, unha reforma íntegra da praza de abastos para convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. “Son os primeiros pasos para que o mercado sexa un polo de atracción non soamente para a veciñanza, senón tamén para o comercio local e mesmo para novas persoas emprendedoras que ven na praza de abastos unha oportunidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.
Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza e que os praceiros e praceiras poidan ter abertos os seus postos nun espazo alternativo mentres dure a reforma do mercado, o Concello remodelou e acondicionou a Escola Simón de Mazo para adaptalo á nova actividade. Así, dende este mesmo luns 11 de xaneiro os praceiros e praceiras xa abriron os seus postos ao público neste edificio que funcionará como mercado provisional.
Remodelación interior
O proxecto de reforma do mercado está enmarcado no plan de desenvolvemento local, co que o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción dunha praza de abastos como centro de dinamización económica e social da contorna”. Nesta primeira fase levaranse a cabo os traballos de remodelación interior do actual edificio do mercado, construído en 1954.
Mentres que no exterior repararanse deficiencias e elementos deteriorados na cuberta, no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e tenda de conveniencia con espazo para venda e promoción de produtos locais.
A remodelación é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí procedeuse á elaboración de plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.
  

O Rosal adorna o seu comercio con adornos feitos polas nenas e nenos do concello
O Rosal, 4 de xaneiro de 2021.-  Nestes días o comercio do Rosal vístese de gala dun xeito moi especial. Nos seus escaparates e tendas locen uns adornos de excepción, xa que foron elaborados con moito agarimo polas alumnas e alumnos dos colexios do Rosal.
Durante a última semana lectiva do ano os colexios do Rosal colaboraron nesta iniciativa do Concello que agora busca contribuír a que os reis magos fagan as súas compras en clave local, nos establecementos e comercios do municipio.
Debuxos, pezas xeométricas en tres dimensións, manualidades e moitos máis adornos froito da creatividade das nenas e nenos rosaleiros son o resultado desta iniciativa, que o concello distribuíu polos diferentes establecementos.
“Trátase dunha iniciativa moi bonita na que as persoas máis novas do Rosal, as nosas nenas e nenos, xa están a axudar e contribuír a mellorar o noso municipio coa súa creatividade e co seu agarimo” declaraba a alcaldesa, Ánxela Fernández, que engadía que “comprar no comercio local é moi importante sempre, pero este ano é esencial que apostemos polos comercios das nosas veciñas e veciños”
O Concello da comezo así a unha semana repleta de actividades en torno á chegada dos Reis Magos con espectáculos e percorridos polos barrios cumprindo con todas as medidas de prevención.
   

A alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández despediu o ano reuníndose coa xente nova do concello
O Rosal, 31 de decembro de 2020.-  O ano 2020 estivo marcado pola pandemia, o que afectou a case todos os niveis da sociedade. Tamén impediu que o equipo do goberno do Rosal puidera organizar, tal e como tiña previsto, o percorrido de reunións de participación polas parroquias do concello para conversar ca veciñanza e recoller de primeira man as súas inquedanzas e demandas. Aínda que estas reunións retomaranse en canto a situación sanitaria o permita, considerouse importante promover unha reunión telemática cun grupo representativo das persoas novas do Rosal, como grupo de idade protagonista do noso presente e futuro. Así, no día de onte a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse con máis de 25 persoas novas de diferentes parroquias do concello por videoconferencia.
Ao longo da reunión a mocidade rosaleira conversou ca rexedora sobre diversos temas e proxectos de futuro. Os mozos e mozas participantes achegaron as súas ideas e propuxeron á súa vez iniciativas ou suxestións. “A verdade é que foi unha experiencia moi boa. Xurdiron algunhas ideas e propostas nun ambiente moi agradable” valoraba a alcaldesa tras a reunión. Así mesmo, destacaba que “este formato pode ser reproducible de cara ao futuro incluso a outros ámbitos concretos mentres a pandemia impida facelo de xeito presencial”.
Con esta reunión o Concello do Rosal pecha un ano cheo de novidades, iniciativas e proxectos, que non paran e que continúan coa chegada do novo ano no que, tal e como declaraba a alcaldesa “esperamos e desexamos que volvan tempos máis doados, cheos de apertas e onde a distancia deixe de novo paso á proximidade das persoas.”
Regreso al contenido