O Rosal 01/07/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal 01/07/20

COMARCA
A Feira do Viño do Rosal dixitalízase para seguir ensalzando un produto de calidade

 
O Rosal, 30 de xuño de 2020. A Feira do Viño quenta motores para celebrar por primeira vez un evento dixitalizado e que empregará as novas tecnoloxías para chegar ao público de todo o mundo. O Concello e a asociación de adegueiros Cabaqueiros do Rosal presentaron este martes o programa desta XXVIII edición, que será unha feira “alternativa para seguir adiante cun evento que para nós é esencial. Decidimos innovar para que a feira tivera continuidade e que a crise sanitaria non nos deixara un ano en branco e sen a posibilidade de celebrar unha feira importantísima para o sector, sempre dende a responsabilidade e poñendo por riba de todo a saúde das persoas”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Os presidente dos adegueiros, Enrique Costas, coincidiu en salientar o especial desta edición para o sector “ante o escenario dramático que estamos a vivir. A crise por mor do COVID-19 obrigounos a saír da nosa zona de confort, a preocuparnos máis pola seguridade dos nosos traballadores e traballadoras, a prestar máis atención á conciliación... nun momento de incertidume cunha caída dos ingresos e sen saber canto tempo vai durar isto”. Neste sentido, os adegueiros quixeron agradecer ao Concello “sacar adiante un evento con entidade que sirva para fortalecer o sector, para crear sentimento de pertenza, que involucre á xente. Facer algo diferente con valor engadido e que anime a todo o mundo a participar”.
Programa virtual
A Feira do Viño do Rosal contará este ano cunha páxina web a través da que se artellarán as diferentes iniciativas programadas e con redes sociais propias para difundilas (Facebook e Instagram). A feira comezará como ven sendo tradicional o venres 17 de xullo co pregón do enólogo Luis Padín, un profesional recoñecido a nivel internacional, profesor da Universidade de Vigo e tamén crítico vitivinícola. Ao pregón seguiralle a inauguración e un concerto de regueifas, que tamén se retransmitirán de forma virtual a través das canles da Feira do Viño.
O sábado 18 os protagonistas serán os viños e a gastronomía a través dun showcooking que maridará os caldos con produtos da comarca. Será tempo tamén para a música e para visibilizar un sector tamén moi afectado pola crise sanitaria: Fanfarria Taquicardia dará un concerto cunha das adegas do Rosal por escenario. Xa o domingo 19 haberá unha cata comentada que se poderá desfrutar na casa de xeito virtual pero que terá tamén unha parte semipresencial para a que se abrirán prazos de inscrición en días anteriores.   
Buscando esa readaptación e esa promoción dos viños con D.O. Rías Baixas subárea do Rosal este ano porase en marcha por primeira vez unha tenda online na que calquera persoa pode comprar os caldos da comarca para desfrutar na casa, con familiares, con amigos... ao tempo que desfrutan da programación virtual da Feira do Viño 2020.
Para fomentar a participación da xente na feira e que a degustación do viño se produza aínda que de xeito deslocalizado, celebrarase o concurso ‘Viño-experiencia’, un concurso no que as persoas participantes deberán enviar unha foto ou un vídeo que reflicta actividades cotiás nas que se desfruta do viño dende os seus fogares, os seus xardíns... e que amose como viven a experiencia de degustar un bo viño do Rosal.
A celebración desta edición de forma virtual será un momento propicio tamén para coñecer un pouco máis as adegas da contorna, a súa historia, os seus valores e os seus produtos. Por este motivo realizaranse e difundiranse vídeos de presentación de cada adega que se complementarán cun vídeo promocional da propia feira. Diferentes persoeiros recoñecidos tamén participarán nesta iniciativa, con pequenos vídeos que animen a todas as persoas a participar na Feira do Viño do Rosal 2020.

Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal
O Rosal, 30 de xuño de 2020. Coa vista posta no vindeiro curso, a Agrupación Musical de O Rosal realizará dúas xornadas de portas abertas para ensinar os instrumentos de vento e corda, a cargo de profesores da escola e músicos da banda.
Hoxe, mércores, 1 de xullo, e o venres, 3 de xullo, ás 16:30 horas no Auditorio do Rosal estarán a dispor dos interesados a partires dos 7 anos estas xornadas ás que poden acudir os nenos acompañados dun adulto.
Para poder controlar o aforo as persoas interesadas deben anotarse previamente no 609 866 792.
Regreso al contenido