O Rosal, xuño 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, xuño 2020

PUBLICADAS
O Concello comparte a guía elaborada por SOGAMA para desfrutar dos espazos naturais de xeito sostible
O Rosal, 29 de xuño de 2020.- Aproveitando que comeza o bo tempo, dende o Concello do Rosal queremos compartir a guía elaborada por SOGAMA ‘REinventa as túas vacacións de verán’, que recolle unha serie de consellos moi útiles para desfrutar dos nosos espazos naturais dun xeito máis sostible.
Seguindo esta liña, o Concello procedeu á retirada das papeleiras que había nas praias, xa que son varios os motivos que fan inadecuada a súa existencia:
·         Recomendación sanitaria. A propia Xunta no documento “RECOMENDACIÓNS E CRITERIOS SANITARIOS PARA A APERTURA E USO DAS PRAIAS UNHA VEZ SUPERADA A FASE III DO PLAN PARA A TRANSICIÓN CARA UNHA NOVA NORMALIDADE” suxire que os sistemas de depósito do lixo se sitúen fóra da zona de lecer. En toda as praias nas que se procedeu a retirada de papeleiras existen illas de contedores nas inmediacións.
·         Maior espazo para as persoas. As papeleiras ocupaban un espazo moi prezado cando o número de persoas era elevado, máis agora coas medidas de distanciamento social. Ademais, ninguén quere estar xunto a elas, polo que se creaba unha zona desaproveitada arredor.
·         Evitar espazos de sucidade e non reciclaxe. Dadas as características das papeleiras, é moi frecuente que os residuos depositados nelas saian voando e acaben dispersados pola contorna. Este feito é moito máis preocupante na zona de praias, xa que unha gran porcentaxe dos residuos rematan na auga. Ademais tamén atraen a animais que con moita facilidade ciscan o lixo fóra das bolsas. Por outro lado, os residuos que con máis frecuencia se desbotan nestas zonas son restos de embalaxes plásticos e metálicos, que son fraccións reciclables que ao ser mesturadas nas papeleiras van directas a vertedoiro.
O desfrute da nosa riqueza natural é perfectamente compatible co coidado desta. Que as únicas pegadas que deixemos na natureza sexan as dos nosos pés.



Acto público do BNG no Rosal
O Rosal, 27 de xuño de 2020. Este luns día 29,ás 20:30h, O Bloque Nacionalista Galego  celebrará un acto público na Praza Do Calvario do Rosal.
O Bloque Nacionalista Galego celebra este luns o seu primeiro acto publico en campaña na comarca do Baixo Miño. O encontro terá lugar na Praza Do Calvario do Rosal ás 20:30h e contará coas intervencións de Ánxela Fernández-Alcadesa do Rosal-, e os candidatos ao parlamento galego,Xosé Manuel Méndez Díaz e Alexandra Frenández Gómez.
Tátase do primeiro acto de campaña da organización nacionalista na comarca e que inicia a rolda de actos en todas as localidades do Baixo Miño co lema UNHA NOVA GALIZA!



A Agrupación Musical comezará esta semana a ensaiar ao aire libre

 
O Rosal, 25 de xuño de 2020.- A Agrupación Musical do Rosal retomará esta mesma semana os ensaios tras o parón pola crise da COVID-19. Para garantir todas as medidas de prevención e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias todos os ensaios realizaranse ao aire libre na rúa situada entre o auditorio municipal e o centro de saúde.
 
Ao longo de todo o verán, a Agrupación Musical celebrará os seus ensaios dous días á semana de 21.30 a 23.30 horas, tempo durante o que a rúa lateral do auditorio permanecerá pechada ao tráfico rodado.
 
Esta nova modalidade de ensaio ao aire libre comezará este mesmo venres 26 e o sábado 27 de xuño. Despois, a Agrupación Musical irá mudando semanalmente os días de encontro.



O Concello esixirá a reapertura da consulta do Centro de Saúde de Tabagón e a recuperación de pediatría
O Rosal, 23 de xuño de 2020.- A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, ten solicitada unha reunión co responsable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, para abordar a precaria situación sanitaria que está a vivir o municipio e que ten previsión de agravarse nos meses de verán ao non cubrir as vacacións dos profesionais. Por este motivo, o obxectivo desta reunión será reivindicar a necesidade de non reducir a dotación médica durante os meses de xullo e agosto e mesmo aumentar o persoal para reducir a longa lista de agarda para unha cita de atención primaria e poder dar resposta ao aumento de poboación no Rosal durante estes meses.
Nesta reunión, a alcaldesa tamén esixirá a reapertura do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, actualmente pechado pola Consellería de Sanidade ao considerar que non reúne as condicións sanitarias precisas para facer fronte á crise da COVID-19. Dende o inicio do estado de alarma, os pacientes que acudían a este centro foron desprazados ao Centro de Saúde da Guarda e, dende o pasado 1 de xuño, trasladados ao Centro de Saúde do Rosal. Ánxela Fernández pedirá a reapertura deste consultorio á maior brevidade posible en canto o permitan as condicións sanitarias, evitando os continuos desprazamentos, cambios e incomodidades para as e os pacientes asignados a este centro de saúde.
Durante o encontro tamén se reclamará a recuperación da consulta de pediatría no Centro de Saúde do Rosal, que foi desprazada á Guarda para liberar espazo neste centro de saúde para acoller aos pacientes da consulta de San Miguel de Tabagón, deixando ao municipio rosaleiro sen servizo e obrigando ás familias a desprazarse.



Vinte días de espera para unha consulta de atención primaria no Rosal
O Rosal, 19 de xuño de 2020.- A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia a precaria situación na que se atopa o centro de saúde do concello, a falta de persoal e o consecuente deterioro da atención sanitaria, xa que na actualidade a demora nas citas de atención primaria están a ser dunha media de 20 días. Nunha reunión mantida o pasado 17 de xuño para analizar a situación que contou coa participación de representantes do Concello, dos grupos políticos, da sanidade pública e das asociacións veciñais, a Plataforma analizou as carencias que presenta o centro de saúde, problemas que se veñen denunciando dende hai tempo que se ven agravado pola falta de persoal sanitario.
Na actualidade o Centro de Saúde do Rosal conta con só tres médicos, cando, coas ratios de pacientes recomendadas polas organizacións profesionais e a OMS, debería dispoñer de polo menos catro. Se esta situación xa xera problemas, durante o verán veranse agravados trala decisión da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia de non cubrir as vacacións do persoal, polo que o centro quedará atendido unicamente por dous médicos durante uns meses no que aumenta considerablemente a poboación polo turismo. A Plataforma recalca que esta situación fará que se sobrecargue o PAC de urxencias da Guarda.
Para tentar buscar solucións, a Plataforma enviará unha solicitude formal á Consellería de Sanidade na que se faga unha relación de todas as carencias que está a sufrir o Centro de Saúde e pedirase a celebración dunha reunión entre a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, para tratar todas estas cuestións.
En caso de non obter resposta nin solución, a Plataforma convocará concentracións e mobilizacións semanais diante do Centro de Saúde para denunciar de forma pública unha situación considerada inaceptable.
Fernando Domínguez, portavoz del grupo municipal del Pp de O Rosal pide a la alcaldesa que “trabaje en dar soluciones eficaces a los vecinos y vecinas de O Rosal”

O Rosal, 22 de junio de 2020.- El portavoz del grupo municipal del PP de O Rosal, Fernando Domínguez, manifiesta su malestar ante la ineficaz solución planteada por el equipo de gobierno, ante la apertura de los parques infantiles.
Hace unos días el gobierno municipal comunicó que permanecerían cerrados los parques por responsabilidad y que es inasumible ejecutar las medidas sanitarias establecidas. Ante esta afirmación les sugerimos:
- Que comprueben que están cerrados los parques, porque verán que unos lo están, otros no y otros a medias.
- Que los mantengan limpios aunque los cierren, porque el impacto visual de algunos, en los que la maleza impide ver las instalaciones, es lamentable.
- Que reconsideren el cierre del parque de Pías, es nuestro parque por excelencia, debemos ponerlo a disposición de aquellos pequeños y pequeñas para su uso y disfrute. ¿Realmente es inasumible que un trabajador municipal pase a primera hora de la mañana con una mochila con desinfectante?. Pongan también bien visibles en el
parque las normas de uso, responsabilidad individual, y tomen las medidas necesarias para controles periódicos de aforo, pero permitan el disfrute. Todo esto da un trabajo especial pero esa es precisamente su misión; creemos que es falta de voluntad no de recursos.
Otra sugerencia en lo que respecta a las zonas de baños: por favor, pongan las medidas necesarias para el control de aforo. Y no nos digan también que son inasumibles.
Los vecinos y vecinas de O Rosal les han elegido democráticamente para que resuelvan problemas y les proporcionen calidad de vida, no para obviar problemas que requieren una solución trabajada. No admitimos la excusa de que no hay recursos económicos.



O Concello entrega 100 litros de xel hidroalcohólico ao comercio local do Rosal

 
O Rosal, 20 de xuño de 2020.- O Rosal segue dando pasos para apoiar ao comercio local nun momento tan complicado como o que se está a vivir. O Concello vén de entregar aos comerciantes un primeiro lote de 100 litros de xel hidroalcohólico adquiridos para repartir entre os diferentes establecementos rosaleiros e achegar así un pequeno gran de area ás medidas de prevención e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias para esta nova realidade.
 
A entrega deste material forma parte da estratexia conxunta iniciada dende Alcaldía para sumar esforzos nun momento de incerteza e complexidade para axudar ao comercio rosaleiro de forma unida e integral. Esta iniciativa tivo como colofón a aprobación dun acordo plenario por parte de toda a corporación municipal a través do que aplicar todas as medidas posibles dentro do ámbito competencial municipal para mellorar a situación que están a atravesar os e as comerciantes do Rosal.
 
Nese camiño, o Goberno municipal puxo en marcha por primeira vez na súa historia un programa formativo para a transformación dixital do comercio que acaba de rematar e que serviu para dotar a todas as persoas participantes de ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar para sacar o seu negocio adiante ante unha realidade tan cambiante. Na segunda fase, que comezará en breve, guiarase aos comerciantes interesados na reorientación do seu negocio, potenciando as súas fortalezas e buscando solucións para as posibles debilidades. Este programa formativo servirá para tomar o pulso á demanda real que presenta o comercio rosaleiro dunha plataforma de venda online que aglutine ao pequeno comercio do municipio.
 
Dende o Concello continúase tamén traballando nun plan integral de reanimación da economía local, trasladando tamén ás administracións provincial, autonómica e estatal a delicada situación que está a vivir o comercio local e outros sectores afectados e a necesidade de adoptar medidas extraordinarias e de dar unha resposta colectiva que vai moito máis alá da capacidade e das competencias municipais.



O Rosal contratará a un socorrista para a praia das Eiras durante xullo e agosto

O Rosal, 19 de xuño de 2020.- O Concello do Rosal vén de poñer en marcha o proceso selectivo para a contratación dun/ha socorrista para prestar servizo na praia das Eiras durante o meses de xullo e agosto. Será un contrato temporal a xornada completa no que a persoa contratada deberá desenvolver tarefas de vixiancia, prevención e salvamento de bañistas e demais persoas usuarias que acudan durante a tempada fluvial a esta praia e á súa contorna, así como o control das medidas sanitarias derivadas da nova normalidade consecuencia da crise do COVID.
As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño a través do Rexistro ou na sede electrónica do Concello ou ben cun xustificante de presentación de solicitude a través doutro medio ao correo electrónico notifica@concellodorosal.es ou ao fax 986626034. As solicitudes deben ir acompañadas da documentación requerida nas bases do proceso selectivo, entre a que se atopa a copia da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
A selección realizarase a través dun concurso-oposición no que se fará unha valoración dos méritos por experiencia profesional, por cursos de formación e perfeccionamento e por coñecemento da lingua galega. Ademais faranse unha serie de probas prácticas obrigatorias e eliminatorias.
Semana de actividades no Rosal para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI

O Rosal, 19 de xuño de 2020.- O arco da vella ondeará toda a semana no Rosal. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI o vindeiro domingo 28 de xuño, o Concello ten programada unha semana chea de iniciativas coas que se buscará visibilizar a loita en favor dos dereitos deste colectivo. Estas actividades arrancaron este mesmo venres cunha acción artística na que os concelleiros Sara Vicente e Ramón Fernández, a responsable do proxecto Transformando Realidades Sara Uris e o mestre composteiro do Rosal Óscar Martínez deron vida a dous bancos pintando un coa bandeira LGTBI e outro coa bandeira trans.
Proxecto VIA
O Concello do Rosal quere recoñecer o gran labor de visibilización que se está a facer a través do Proxecto VIA, unha iniciativa posta en marcha polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier co apoio do profesorado para visibilizar, informar e apoiar. Unha iniciativa coa que o Concello traballa man a man e que terá vital importancia durante toda esta semana, durante a que colaborará para encher de contido relacionado as redes sociais.  
Cine ao aire libre
O acto conmemorativo central celebrarase o vindeiro mércores 24 de xuño cunha iniciativa de carácter lúdico na que se invita a participar a todos os rosaleiros e rosaleiras. A partir das 21.00 horas poderá visitarse na Praza do Calvario unha exposición preparada polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e participar nun divertido photocall. Á entrada desta zona entregarase un accesorio para sacar a súa foto no photocall, unha pulseira de arco iris e unha chapa do Proxecto Vía.  
Xa ás 22.00 horas comezará o cine ao aire libre, primeiro coa proxección dun flashmob feito polo alumnado do CPI e despois coa proxección da película ‘Pride’, unha divertida e emotiva comedia baseada en feitos reais con claros tintes sociais. A proxección será de balde e contará cun aforo máximo de 150 persoas.
Para a organización deste acto activaranse todos os protocolos de prevención e seguridade, con espazo delimitado, control de aforo e medidas como a colocación de xel hidroalcohólico á entrada do recinto. Para poder acceder ao recinto e desfrutar das actividades será obrigatorio o uso de máscara, que debe traerse da casa.
Por outro lado, ademais destas actividades, durante toda a semana as bandeiras arco da vella ondearán na Casa do Concello do Rosal e repartiranse carteis polos comercios locais coa imaxe de #ORosalOrgullosx.


O Rosal manterá os parques infantís pechados

 
O Rosal, 18 de xuño de 2020.- O Concello do Rosal manterá pechados polo momento todos os parques infantís do municipio ao non poder asumir as condicións sanitarias establecidas para a súa reapertura. Por responsabilidade e dada a situación que se está a vivir, o Concello decidiu adiar o posible uso destas instalacións, dado que a limitación de recursos non permite executar as medidas de seguridade e prevención ante os posibles contaxios fixadas dende a Xunta, unha decisión que tamén está tomando a meirande parte das administracións locais.  
 
Segundo a normativa, para poder abrir os parques infantís tense que garantir o control do aforo, que será dun máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados de superficie computable, e garantir a desinfección diaria de todas as instalacións. Para o Concello do Rosal é inasumible cumprir con estes criterios, xa que non dispón tampouco da capacidade de control necesaria. Por este motivo, tendo en conta que os parques infantís pode ser un foco de contaxio importante agravado polo feito de que a maioría dos nenos e nenas son asintomáticos, dende o Goberno municipal decidiuse operar dun xeito sensato e manter pechadas as instalacións.
 
Dende o Concello quere apelarse tamén á responsabilidade individual de cada persoa ante esta situación e a que se respecten as normas e non se rachen precintos para acceder e utilizar os parques infantís do municipio. Debemos ser conscientes de que a pesar de entrar nunha etapa de nova normalidade, a crise sanitaria por mor do COVID-19 non está totalmente controlada e moito menos erradicada.


A unidade móbil de doazóns de sangue estará no Rosal o vindeiro xoves 25 de xuño
O Rosal, 17 de xuño de 2020.- A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal o vindeiro xoves 25 de xuño. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.
O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para preservar a saúde de todos e todas e garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.
En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...



Ramón Fernández Leal estará ao fronte de Participación Veciñal e Voluntariado

O Rosal, 16 de xuño de 2020.- O Concello do Rosal celebrou este luns un pleno extraordinario no Centro Social Polivalente no que tomou posesión o novo concelleiro municipal, Ramón Fernández Leal, que estará ao fronte dos departamentos de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación, para darlle un maior peso a  unhas áreas de grande importancia no municipio, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente, Fernández Leal tamén complementará outras áreas do Concello e se sumará a un proxecto de equipo no que achegará o seu saber estar e escoitar, a súa veteranía e a súa dispoñibilidade para dedicar tempo á xestión municipal.
Mobilidade sostible
Durante o pleno tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Deputación para a execución da fase 1 das obras de mellora da mobilidade peonil entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como con núcleo urbano de Goián. Un proxecto na estrada provincial EP 3303 de importante calado para o concello rosaleiro co que se busca mellorar as comunicacións dun xeito sostible no que as persoas sexan a prioridade, fomentando a calidade de vida no rural. O convenio aprobouse cos votos a favor de BNG e PSOE e coa abstención do PP.
Enmarcado no Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello do Rosal, o proxecto busca recuperar espazos para as persoas dun xeito planificado e ordenado e seguindo criterios obxectivos consensuados coa administración provincial. Trátase dun “novo concepto de mobilidade que suporá unha transformación total en termos de comunicación entre os núcleos rurais que se realizará grazas á capacidade do Concello para sacar adiante en menos dun ano un proxecto considerado prioritario para a Deputación de Pontevedra, que xa comprometeu gasto para facelo realidade”, subliña a alcaldesa, Ánxela Fernández.
A posta en marcha destas obras é unha “oportunidade histórica despois de estar catro anos sen que se executasen proxectos e seguiremos traballando noutras iniciativas de mobilidade para transformar O Rosal”. “É hora de pensar a mobilidade dun xeito novo e diferente no que se lle dea protagonismo ao que verdadeiramente importa: as persoas. E hai que facelo apostando sempre pola sostibilidade e poñendo en valor o ámbito natural”, recalca a rexedora.
A fase 1 do proxecto contempla a creación dunha senda peonil e ciclista nesta estrada, ademais da renovación da rede de drenaxe existente, a execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade, entre outras accións. Estas obras terán un custe total de 650.000€, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.



O Concello porá en marcha este verán rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores

 
O Rosal, 12 de xuño de 2020.- Un verán desfrutando da natureza e coñecendo un pouco máis do patrimonio cultural do municipio. Esa é a proposta do Concello do Rosal, que durante os meses de xullo e agosto porá en marcha rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores. Trátanse de rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán os distintos recunchos da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia.
Para poder garantir as distancias de seguridade entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención marcados polas autoridades sanitarias, os grupos estarán limitados a 10 persoas. As saídas estableceranse para: os Muíños do Folón e do Picón, luns ás 10.30 h e luns e martes ás 19.30 h; a Senda dos Pescadores os martes ás 10.30 h.
En función da demanda, o Concello estudará a posibilidade de ampliar a frecuencia das rutas e valorará a apertura dunha quenda para visitar os Muíños do Folón e do Picón os sábados pola mañá sempre que se poidan garantir todas as medidas de seguridade. A iniciativa arranca escollendo luns e martes como día de ruta pola menor frecuencia de visitantes a esas zonas, ademais de converterse nunha boa alternativa de lecer os días que habitualmente pechan ao público outras actividades como as museísticas.
As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e para participar nelas haberá que reservar previamente a través da web do Concello. O formulario de inscrición habilitarase ao longo do mes de xuño.
Información das rutas
Nesta nova realidade post-COVID, as autoridades sanitarias desaconsellan o reparto entre a poboación de información turística en calquera formato físico. Por este motivo, en lugar do tradicional material que se entregaba aos visitantes no punto informativo dos Muíños do Folón e do Picón, o Concello optou por poñer en marcha estas rutas e publicar toda a información relativa a este patrimonio cultural e natural do Rosal na propia web municipal. Ao longo do mes de xuño habilitaranse contidos na web para que toda a xente interesada poida consultar ou descargar información. Se algunha persoa precisa información turística pode acudir tamén ao Concello de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Ademais, estas rutas contan con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que un código QR a través do que se poden visualizar distintos vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro.   
 
O Concello do Rosal é consciente da alta afluencia de visitantes percorrendo os Muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores en determinados momentos, polo que se apela á responsabilidade dos veciños e veciñas en especial en intres de alta concorrencia e pídese eviten aglomeracións e obstaculizar zonas de paso para coidar a saúde de todos e todas.



Nace o primeiro periódico de O Rosal: “O Rosaleiro”
O Rosal, 11 de xuño de 2020. Este  venres, 12 de xuño ás 19:30 horas, terá lugar na Librería Ideas de O Rosal, rúa Ramón Franco, 22, a presentación oficial* do primeiro número do xornal O ROSALEIRO, unha publicación en galego, de periodicidade bimensual de índole histórica, cultural e deportiva, que se xestou durante este confinamento.
O ROSALEIRO nace en formato impreso para conmemorar o 12º aniversario en Internet da páxina web Noticias O Rosal (www.noticiasorosal.es) así como para todo aquel que non ten a posibilidade de “navegar”.
Trátase do primeiro periódico na historia da vila rosaleira, que ademáis está dedicado á figura do lembrado mestre e poeta ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, fillo adoptivo da Guarda.
Neste número inaugural, de edición limitada, figuran curiosas imaxes antigas –inéditas- así como exclusivos artigos de investigación. Entre eles, fálase da orixe etimolóxica do topónimo “O Rosal”, dos sepulcros antropomorfos de Marzán (s. V-VI) ou do documento escrito máis antigo da vila, con máis de 2000 anos de antigüidade.
Igualmente O ROSALEIRO, que irá incorporando firmas de recoñecidos escritores e historiadores do Baixo Miño e Galicia, aborda neste nº 1 a Arqueoloxía, comezando cronoloxicamente polos petróglifos ou gravados rupestres e a Idade do Bronce, da autoría do investigador local Xoán Martínez Tamuxe.
A sección “Veciñ@s da Comarca” acometerá, así mesmo, novidosas crónicas da vila guardesa, de Oia, Tomiño e Tui, estreándose con “Manuel Ángel e o Monte Trega (A Guarda)”.
Por suposto, neste xornal non podería faltar o apartado sociodeportivo, que “debuta” –entre outras- coa reportaxe “Dous anos da histórica xesta do Novás”, a particular visión de como viviu o afeccionado rosaleiro Sergio Diego, alias “Frony”, o ascenso do Atlético Novás a División de Honor Prata do balonmán nacional.
A publicación, editada pola web cultural Noticias O Rosal e Librería Ideas, pode adquirirse nos establecementos que esta última posúe tanto en O Rosal como en A Guarda.
*Será obrigatorio o uso de máscara para acceder ao local e durante a presentación.


O Rosal aprobará o convenio de colaboración coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil entre Tabagón e Goián
 
O Rosal, 9 de xuño de 2020.- No camiño por recuperar espazos para as persoas, o Concello do Rosal aprobará no vindeiro pleno o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a execución da fase 1 do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP 3303 Tabagón-Goián, obras que afectarán a esta estrada provincial entre o punto quilométrico 0+000 e o 1+795. O pleno extraordinario celebrarase o luns 15 de xuño ás 08.30h no salón de actos do Centro Social Polivalente para garantir as distancias de seguridade como medida de prevención ante o COVID-19.
O obxectivo do proxecto é mellorar a comunicación entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como co núcleo urbano de Goián, “contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorando as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado e dándolle prioridade ás persoas”. Para conseguilo, con estas obras que comezarán ao longo de 2020, modificarase a sección da estrada e crearase unha senda peonil e ciclista. Con 4,5 km de lonxitude, nestes intres esta estrada provincial está moi vinculada ao uso de vehículos, imposibilitando en moitos treitos o uso peonil en plenas condicións de seguridade, “un problema que precisa dunha actuación inmediata que lle dea solución”.
Custe total de 650.000€
Xunto con estas melloras, farase tamén unha actuación integral en favor da mellora e da mobilidade coa renovación da rede de drenaxe existente, coa execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade. Ademais, na zona da escola unitaria crearase unha plataforma continua de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, peóns e bicicletas pero con prioridade peonil. Tras o remate das obras o Concello asumirá o mantemento e conservación dos servizos urbanos desta estrada.
As obras desta fase 1 do proxecto terán un custe total de 650.000 euros, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.
 
“Este proxecto suporá para O Rosal non só unha mellora viaria, senón unha transformación total en termos de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais, un novo concepto no que as persoas son as protagonistas e recuperan espazos”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. A rexedora subliña que “esta estrada naceu como única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso, polo que debemos transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade. Se algo nos ensinou o COVID-19 foi saber distinguir o que realmente importa e no ámbito rural debemos apostar por camiñar cara unha sostibilidade no que as persoas e o ámbito natural collan máis valor”.
Toma de posesión
Durante a celebración do pleno tamén tomará posesión o novo edil, Ramón Fernández Leal, que entra a formar parte do Goberno municipal tras a saída de Sabela Rodríguez para emprender un novo proxecto persoal. Fernández Leal asumirá as concellerías de Participación Veciñal e Voluntariado, de recente creación, e completará outras áreas do Concello.
Ademais, durante o pleno sortearase a composición das mesas electorais de cara ás vindeiras eleccións autonómicas do 12 de xullo de 2020.
 
A Biblioteca do Rosal reabre a zona de estudo en sala en mesas individuais
O Rosal, 10 de xuño de 2020.- A Biblioteca Pública do Rosal inclúe novas medidas nesta terceira fase de desescalada. Dende este xoves 11 de xuño reábrese a zona de estudo en sala con catro mesas individuais separadas para garantir a distancia mínima de seguridade entre as persoas usuarias que queiran facer uso do servizo. As persoas interesadas poderán acudir á sala de estudo pola mañá de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde no horario habitual da biblioteca.
Para garantir todas as medidas de protección, todas as mesas serán de uso exclusivo para unha soa persoa e todas contarán con acceso a internet a través da rede wifi da Biblioteca. As mesas serán desinfectadas por persoal municipal despois de cada uso.
Horario de verán
O pasado 13 de maio a Biblioteca reactivou o servizo de préstamo de libros limitado a dous exemplares por persoa, xa que as medidas marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polos usuarios e usuarias.
Como en calquera outra instalación municipal, todas as persoas usuarias deberán cumprir os protocolos de prevención establecidos, cunha única entrada habilitada pola porta lateral, sen poder buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada e pedindo ao persoal municipal xéneros literarios ou títulos concretos, cuxa dispoñibilidade pode consultarse na plataforma da biblioteca.
Lémbrase ademais a todos os usuarios e usuarias que a partir do vindeiro luns 15 de xuño a Biblioteca Municipal pasará a ter horario de verán:
Do 15 ao 30 de xuño de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.
Xullo e agosto de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas.
Do 1 ao 15 de setembro de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.



O Concello establece medidas de prevención nas zonas de baño e lecer do Rosal

O Rosal, 4 de xuño de 2020.- Para garantir a seguridade e saúde dos veciños e veciñas, o Concello do Rosal establece unha serie de medidas de prevención nas zonas de baño e de lecer do municipio coas que garantir a saúde de todos e todas. Deste xeito, tanto na praia de Eiras como nos distintos espazos que se atopan situados ao longo do río, estará permitido o baño lúdico e deportivo, aínda que neste último caso só de xeito individual.
Tanto na area como nas diferentes zonas de esparexemento as persoas deberán manter a distancia mínima de seguridade de dous metros e, en caso de empregar parasois, estes deberán colocarse a un mínimo de 4 metros un doutro. Ademais, recoméndase a todas as persoas que non anden descalzas descalzos nos accesos á praia ou ás zonas de lecer.
En canto ao número de persoas que se poden reunir, prégase seguir as recomendación das autoridades sanitarias e non exceder o máximo permitido en cada momento a nivel estatal.
Para dar a coñecer todas estas medidas instaláronse carteis informativos tanto na praia de Eiras como noutros espazos de baño e esparexemento empregados habitualmente pola veciñanza.
Dende o Concello apélase á conciencia e responsabilidade individual de cada veciño e veciña para poder desfrutar destes espazos de lecer con total seguridade e garantías para a saúde de todos os rosaleiros e rosaleiras.



O Concello retomou a limpeza viaria no Rosal tras o parón obrigatorio pola crise sanitaria
O Rosal, 3 de xuño de 2020.- O Concello do Rosal retomou xa hai uns días os labores de limpeza viaria do municipio tras o parón obrigatorio durante a crise sanitaria, xa que nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitida a realización das tarefas de desbroce ao non considerarse fundamentais. Durante os máis de dous meses de confinamento por mor do COVID-19 tamén foron paralizados todos os procesos selectivos para a contratación de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para os traballos de limpeza na rúa, situación á que houbo que sumarlle as baixas médicas de operarios municipais de limpeza por ser considerados persoal de risco.
Dende o Concello quérese agradecer a implicación dos traballadores e traballadoras municipais na reactivación destas tarefas de limpeza viaria, respondendo o máis axilmente posible a todos os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes labores tan necesarios. Esta mesma semana incorporouse tamén o persoal contratado a través do Plan Concellos, que se están a sumar as tarefas de limpeza viaria para ir recuperando as distintas zonas.
Ademais, o Goberno municipal xa se puxo en contacto coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que reactivaran a limpeza viaria nas zonas do Rosal que son do seu ámbito competencial.
O Concello tamén quere agradecer o quefacer de todos os veciños e veciñas que están colaborando nestes intres limpando o frontal das súas casas e fincas. Hai unhas semanas os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño facían un chamamento apelando á responsabilidade da poboación para que botaran unha man nestes momentos tan complicados e limparan as frontes das parcelas que dan a vía pública ao que os rosaleiros e rosaleiras responderon de xeito exemplar.
Dende o Concello seguirase traballando na recuperación dos espazos públicos para que rosaleiros e rosaleiras poidan recuperar pouco a pouco a normalidade e desfrutar das súas rúas e dos espazos de lecer tras máis de dous meses de confinamento.



Uso exemplar do Punto Limpo do Rosal dende a súa reapertura con cita previa

O Rosal, 1 de xuño de 2020.- Exemplar comportamento da veciñanza rosaleira na reapertura do Punto Limpo tras a crise sanitaria. Dende a posta en marcha do servizo con cita previa o pasado 11 de maio, máis de 70 persoas depositaron os seus residuos domiciliarios nestas instalacións municipais e xa hai concertadas máis de 100 citas para os vindeiros días. Dende o Concello do Rosal quérese agradecer “a exemplaridade da veciñanza no uso responsable deste servizo e a comprensión e paciencia de todas as persoas que nestes días chamaron para solicitar a súa cita, porque sabemos que moitas delas tiveron que agardar para ser atendidas por mor do gran número de chamadas recibidas a diario”.
Tamén quérese salientar o labor do persoal municipal que se encarga de xestionar as citas do Punto Limpo, así como de coordinar a entrega de residuos e a súa retirada por parte dos xestores autorizados. “Todos eles están facendo un grande esforzo para axilizar as entregas de residuos por parte da veciñanza poñendo todo o seu empeño para minimizar as interaccións entre persoas e os riscos de contaxio”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.
As persoas interesadas en empregar o Punto Limpo poden solicitar a súa cita previa chamando ao teléfono do Concello 986 625 000 extensión 3002 para pedir día e hora. Durante o uso do servizo deberán manterse todas as medidas de prevencións, acudindo só unha persoa por vez, agardando fóra das instalacións a que o persoal municipal lle indique que pode pasar, desinfectando as mans ou as luvas que leven co xel desinfectante á entrada, mantendo a distancia de seguridade e empregando máscara para maior protección.
Case 26.000 quilos de residuos en dúas semanas
Durante o confinamento foron moitos os rosaleiros e rosaleiras que aproveitaron para ordenar e facer limpeza nos seus fogares e deixaron os residuos apartados agardando a poder levalos ao Punto Limpo para ser xestionados axeitadamente segundo a súa tipoloxía. En apenas dúas semanas recolléronse case 26.000 quilos de residuos dos que aproximadamente 10.000 kg foron de entullo, 6.000 kg de madeira, 2.500 kg de chatarra, 2.000 kg de plástico duro, 2.000 kg de residuos non reciclables, 1.000 kg de plástico de invernadoiro, 700 kg de neveiras, 600 kg de televisores, 500 kg de aparellos informáticos, 400 kg de electrodomésticos e 50 kg de pilas e baterías, entre outros.
Malia o comportamento exemplar da meirande parte da veciñanza, algunhas persoas están depositando residuos a carón dos colectores. Isto, ademais de crear un impacto visual desagradable, supón “unha falta de respecto tanto para o persoal municipal que está dedicando grandes esforzos para retomar a actividade habitual de limpeza viaria, tendo en conta as circunstancias adversas derivadas da crise do COVID-19, como para o resto de veciñanza que está agardando a súa quenda para xestionar adecuadamente os residuos que teñen gardados dende antes do comezo do confinamento”.
Por este motivo, dende o Concello do Rosal quérese facer fincapé no agradecemento á veciñanza pola paciencia coa que está aceptando o regreso á normalidade e pola súa comprensión ante as limitacións que se marcan por mor de que algunhas das empresas de recollida aínda non retomaron por completo a súa actividade. Todo isto pode repercutir na demora na recollida de algún residuo imposibilitando que sexa aceptado temporalmente.
Aportar o que está nas nosas mans fainos camiñar cara a un concello mellor.


O ORAL retoma a atención presencial no Rosal exclusivamente con cita previa
O Rosal, 1 de xuño de 2020.- O ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar cos concellos na xestión, inspección e recadación dos tributos locais, retoma esta mesma semana a atención presencial nas súas oficinas do Rosal exclusivamente con cita previa.
O servizo atenderá de forma presencial os martes e xoves a partir deste mesmo 2 de xuño. As persoas interesadas en solicitar a súa cita previa poderán facelo vía telamática a través da web do ORAL, da Oficina Virtual da ORAL ou da Sede electrónica ou vía telefónica chamando ao 986 804 100.
Se algún veciño ou veciña precisa axuda coa tramitación da cita previa pode chamar directamente ao Concello do Rosal ao número 986 62 50 00 extensión 3004.
Coa atención presencial o ORAL tamén retoma a partir deste 1 de xuño toda a súa actividade.  
Regreso al contenido