O Rosal, xullo 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, xullo 2020

PUBLICADAS
‘Ponte na súa pel’ para concienciar sobre igualdade e prevención de violencia de xénero
O Rosal, 30 de xullo de 2020.- O Concello do Rosal pon en marcha unha nova campaña para concienciar aos rosaleiros e rosaleiras sobre igualdade e violencia de xénero. Trátase do ciclo de charlas formativas ‘Ponte na súa pel’, cinco conferencias impartidas por persoal cualificado en violencia de xénero coas que concienciar, asesorar e informar sobre cuestións de igualdade a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Esta actividade conta co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relacións con las Cortes e Igualdad a través da Secretaría de Estado de Igualdad para el Fondo de Estado contra la Violencia de Género.
As charlas celebraranse os vindeiros 3, 4, 5 e 6 de agosto a partir das 20.30 horas no xardín posterior do Concello ou no salón de plenos, xa que unha das xornadas celebraranse dúas conferencias de forma simultánea. Todas as conferencias serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
Programa
A actividade comezará o vindeiro luns 3 de agosto coa charla dirixida a profesorado e profesionais da educación, na que se abordarán aspectos como a inclusión da igualdade no proxecto educativo dos centros, nas programacións curriculares e na asignación de responsabilidades e espazos. Nela axudarase ao profesorado a seleccionar materiais, libros, recursos e proxectos educativos non sexistas e daranse as chaves para fomentar na aula e fóra dela xogos e xoguetes neutros, cooperativos e compartidos, así como para establecer patios coeducativos. Tamén se falará sobre a identificación e comunicación de situacións de risco, da actuación inmediata, das medidas de urxencia e da comunicación á familia e traslado a profesionais especializados.
O martes 4 de agosto o público serán familias, asociacións de nais e pais e alumnado, cos que se falará de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista, do fomento do respecto e bo trato ou das redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se lles darán ferramentas para como actuar en caso de ser conscientes dun caso de violencia de xénero e se lles achegará aos servizo de seguridade e asistencia aos que poder acudir.
O mércores 5 de agosto haberá charla dobre. Por un lado unha dirixida a asociacións culturais e veciñais na que se informará a todas as persoas asistentes de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista en cartelería e folletos ou do uso de redes sociais concienciadas coa igualdade, entre outros aspectos. Tamén se formará en como actuar se son conscientes dun caso de violencia de xénero nas súas instalacións ou no ámbito veciñal.
Na actividade dirixida a clubs e asociacións deportivas abordaranse aspectos como o respecto e o bo trato a adestradoras e arbitraxe e daranse as ferramentas necesarias para actuar en caso de detectar un caso de violencia nas súas instalacións.
A derradeira charla será o xoves 6 de agosto e estará dirixida ao comercio e á empresa. Coas persoas participantes falarase das campañas de comercio local libres de discriminación, da linguaxe non sexista en cartelería e folletos, de certames e premios igualitarias ou de redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se formará as persoas de comercio e hostalaría en como actuar ao detectar un caso de violencia nos seus establecementos, dando a coñecer os servizos de seguridade e asistenciais aos que poden acudir.
.
A unidade móbil de doazóns de sangue estará no Rosal o vindeiro xoves 6 de agosto
O Rosal, 29 de xullo de 2020.- A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal o vindeiro xoves 6 de agosto. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para preservar a saúde de todos e todas e garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.
En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
.

O Rosal reformará integramente o seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro
O Rosal, 29 de xullo de 2020.- O Concello do Rosal iniciará este ano a reforma íntegra do seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou este martes á veciñanza o proxecto de renovación da praza de abastos, que na primeira fase terá un custe de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e financiamento propio.
“Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano. Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, explicou a rexedora.
As obras desta primeira fase incluirán a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954. A renovación exterior consistirá na reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta, mentres que no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.
O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e despacho de pan. Tamén se engadirán novos espazos para venda e promoción de produtos locais.
Esta reforma íntegra do mercado non se limitará a unha mellora arquitectónica do edificio, senón que irá acompañada dun traballo de formación e apoio aos actuais praceiros e praceiras para adaptarse ás novas demandas dos clientes. Buscarase ademais un cambio de concepción do mercado para transformalo en punto de encontro da poboación e de distribución dos produtos de calidade e da zona pero tamén nun lugar no que teñan cabida actividades como degustacións, formación gastronómica e actividades culturais e sociais.
Proceso participativo
Para a reforma da praza de abastos a empresa Rural Consulting elaborou un Plan de usos a través dun proceso participativo no que se realizaron diferentes entrevistas e xuntanzas con praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e persoas usuarias do mercado. Danse así os primeiros pasos para converter a praza nun mercado de excelencia, un selo posto en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia que busca a modernización dos mercados galegos e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade á veciñanza e o trato personalizado.
Chao Quintana, de Rural Consulting, expuxo á veciñanza un resumo do deseño realizado para a renovación do mercado a partir das necesidades detectadas na actual praza de abastos e das suxestións recollidas nas diferentes entrevistas e xuntanzas. Cada vez son máis as persoas que buscan unha alimentación saudable, natural, próxima, sostible e fácil de consumir e, segundo esta experta, os mercados municipais deben aproveitar estas novas tendencias e convertelas en oportunidades de negocio, ofrecendo calidade e proximidade, dúas das razóns que a clientela valora máis á hora de decidirse por este tipo de establecementos. “A situación central do edificio, a súa arquitectura e a identidade do Rosal como territorio de produción e transformación agroalimentaria fan da praza de abastos unha candidata ideal para converterse nun escaparate dos produtos locais”, sinalou.
-
Aberto o prazo de matrícula na Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal
O Rosal, 29 de xullo de 2020.- Durante toda esta semana, do 27 de xullo ó 2 de agosto, está aberto o prazo de matrícula para o curso 2020/2021 na Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal. Poderase realizar de maneira presencial en horario de 18:00 a 21:00 horas ou de maneira telemática seguindo as instruccións publicadas na web  http://www.agrupacionmusicaldorosal.com/blog/matricula-curso-2020-2021/
A Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal está autorizada pola Xunta de Galicia e como tal figura inscrita co código de centro 36000843 no rexistro de escolas de música.
As materias que se imparten son as seguintes:
- Iniciación Musical (de 3 a 7 anos)
- Linguaxe Musical (a partir dos 8 anos: 1º, 2º, 3º, 4º e 5º)
- Solfexo para adultos
- Harmonía
- Análise
- Instrumento (clases individuales impartidas por profesorado de cada especialidade): Óboe, Frauta, Clarinete, Saxofón, Fagot, Trompeta, Trompa, Trombón, Bombardino, Tuba, Violoncello, Contrabaixo, Percusión, Piano, Guitarra, Gaita
- Agrupacións:
 Minibanda
 Banda Infantil
 Coro Infantil (a partir dos 3 anos)
 Coro de Adultos
 Grupo de Pandeiretas
Como novidade para este curso os nenos de 7 anos comezarán a ter os seus primeiros contactos co instrumento que elixan.
A escola ofrece descontos do 50 % para os alumnos que comecen con instrumentos como o Fagot, Trompa e Violoncello e do 100% para Trombón e Bombardino, Tuba e Contrabaixo.
As clases darán comezo o 1 de setembro, e realizarase unha reunión previa cos alumnos matriculados donde se escollerán os horarios individuais de instrumento.
Para máis información poden entrar no enlace anteriormente publicado, onde xa están colgados os horarios das materias colectivas, así como o novo plan de estudos para o novo curso. Tamén poden dirixirse a oficina da escola no Auditorio do Rosal ou ben nos teléfonos 986.626.311 ou 609.866.792
.

O Rosal presenta o proxecto de renovación e mellora do seu mercado
 
O Rosal, 24 de xullo de 2020.- O Concello do Rosal remodelará a súa praza de abastos para transformala nun centro de comercio local e de proximidade que dinamice a contorna e que conte con todas as implementacións necesarias para ser un mercado de excelencia. O Concello invita a toda a veciñanza a participar o vindeiro martes 28 de xullo a partir das 20.00 horas na presentación do proxecto de renovación e mellora no Salón de Exposicións do Concello do Rosal (baixo do Concello).
Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano, promovendo actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo, fomentando a compra de produto local de proximidade e convertendo a praza de abastos nun lugar de encontro e convivencia dos veciños e veciñas. “Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Con estas melloras o Concello da os primeiros pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia, selo outorgado pola Xunta de Galicia a aqueles mercados capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a proximidade coa veciñanza e o trato personalizado. Para acadar este distintivo de excelencia, a Xunta valorará, entre outras cousas, a mellora das instalacións do mercado, que debe ser tamén accesible; a creación e mellora dos servizos para a clientela; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e integración do mercado na vida social do concello.
Para a celebración deste acto estableceranse todos os protocolos de prevención necesarios para garantir a saúde de toda a veciñanza participante.


O Rosal celebra as festas do Pilar con música e un espectáculo para toda a familia
O Rosal, 22 de xullo de 2020.- O Rosal celebra este 24 e 25 de xullo as súas tradicionais festas na honra da Virxe do Pilar cunha programación cultural na Praza do Calvario na que a música e o entretemento para toda a familia son os grandes protagonistas. Así, as festas comezan este mesmo venres 24 de xullo con Tanxarina Teatro e o seu ‘Titiricircus’ (20.00 h), un espectáculo de marionetas de fío que transportará ao público ás tardes de circo a través de distintas personaxes que van recordando as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo...
Tras o circo de Tanxarina, a Praza do Calvario deixará espazo para a proxección de ‘O que arde’ (22.00 h), un filme de Oliver Laxe galardoado con dous premios Goya que se desenvolve nunha zona rural de Galicia e que aborda o problema da desaparición do medio rural a causa dos incendios forestais.
O sábado 25 de xullo será a xornada musical das festas do Pilar. O día comezará coa actuación ás 13.00 horas da primeira actuación da banda da Agrupación Musical do Rosal ao completo tras a crise sanitaria. Será un concerto curto no que os seus máis de 70 músicos estarán de pé, gardando a distancia interpersoal de seguridade e na que todos e todas as integrantes da banda farán un esforzo por deleitar coa súa música ao público, xa que o elevado número de compoñentes dificulta atopar escenarios nos que poidan tocar. Dende o Concello quérese agradecer á Agrupación Musical este detalle de agarimo co seu público.
Xa pola noite será a quenda do concerto de O Sonoro Maxín (22.00 h). O grupo naceu no verán de 2007 a partir do reencontro de vellos amigos e coñecidos da música galega que formaban parte de proxectos diferentes como Lamatumbá, Cinnamon Gum, Mutenrohi e The Pigmalions. Estreáronse en Ourense, a súa cidade natal, e dende entón percorreron toda a xeografía galega con concertos nos que compartiron escenario con músicos como Manu & Radio Bemba Sound System, Shantel & Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone.
Todas estas actividades serán de entrada libre ata completar aforo. Estableceranse ademais todos os protocolos sanitarios de prevención, mantendo unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocando cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectando as cadeiras antes de cada evento e colocando xel hidroalcohólico na entrada.


Rotundo éxito da primeira edición virtual da Feira do Viño do Rosal

 
O Rosal, 21 de xullo de 2020.- Rotundo éxito da XXVIII Feira do Viño do Rosal, a primeira edición virtual dun evento esencial para o sector e o territorio e que este ano ante a crise sanitaria decidía reinventarse e seguir adiante con novas fórmulas coas que levar os caldos rosaleiros á toda a veciñanza pero priorizando a saúde de todos e todas. Foron tres días cunha intensa programación pensada para ofrecer a todas as persoas participantes unha experiencia diferente arredor dos viños do Rosal, para dar a coñecer as adegas e o propio territorio e que tivo unha grandísima acollida por parte da xente. O resultado non puido ser máis satisfactorio: máis de 14.000 persoas desfrutaron do pregón, da inauguración, da cata, do showcooking, dos concertos... a través das redes sociais e da propia web da feira.
A programación arrancaba co pregón do sumiller Luis Paadín, un dos grandes momentos da Feira, que foi visto por máis de 3.300 persoas. A inauguración foi outro dos puntos fortes desta fin de semana, con máis 1.700 reproducións, así como os concertos dos regueifeiros Luis Correa, O Caruncho, e Benito Lobariñas e do grupo Fanfarria Taquikardia, visto por máis de 1.700 persoas cada un. A cata comentada leva máis de 1.100 reproducións en apenas dous días e o maridaxe showcooking co chef Iván Méndez e os sumilleres Luis e Alejandro Paadín xa foi vista por máis dun milleiro de persoas. “Esta edición supuxo un punto de inflexión na historia da nosa Feira. Chegamos a moita xente, moitísima máis da que imaxinabamos que ía participar nesta Feira do Viño alternativa e dixital”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Unha alta participación deslocalizada que se traduce en máis de 135.000 visualizacións de todo o contido audiovisual xerado durante o evento. Así, máis de 10.000 persoas coñeceron ás adegas con D.O. Rías Baixas O Rosal a través dos seus vídeos e arredor de 70.000 persoas coñeceron o territorio a través do spot promocional da Feira. Quérese agradecer tamén o apoio desinteresado de todos os persoeiros que axudaron a difundir a feira cos seus vídeos, vistos por máis de 34.000 persoas. José manuel González, Serafín Martínez, Iván Raña, Viran Morros, Paquiño Campelo, Terio Carrea, Lucía Rodríguez, Dani Cerqueira, Isabel Risco, Anaír Lomba, Gabriel Marcelli, David Amor, Carlos Blanco, Uxía Senlle, Bea Campos e Javier Díaz brindaron pola Feira do Viño e animaron a toda a xente a participar nunha edición especial e diferente.
E é que esta foi “a Feira da capacidade de reinvención, a Feira do Viño que nunca teríamos imaxinado realizar e que tivemos a capacidade de crear traballando man a man cos adegueiros. Apostamos pola innovación e convertemos esta edición nun auténtico referente da adaptación á nova realidade e á dixitalización, demostrando que xuntos e xuntas somos capaces de superar calquera obstáculo”, recoñece a rexedora.
Dende o Concello quérese agradecer tamén o labor da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, o bo facer de todas e todos os participantes na programación desta edición, o apoio de todas as administracións colaboradoras e, por suposto, a todo o público que seguiu dende o outro lado da pantalla a XXVIII Feira do Viño do Rosal.

Tres proxeccións ao aire libre no cine de verán do Rosal
O Rosal, 21 de xullo de 2020.- O cine ao aire libre chega esta semana ao Rosal para continuar coa programación de verán. O programa inclúe a proxección de tres filmes que se farán en distintos do municipio co obxectivo de levar as actividades aos distintos barrios e achegar a oferta cultural a toda a veciñanza.
O cine arrancará este xoves 23 de xullo coa proxección da película ‘Vilamor’ na Alameda de San Miguel ás 22.00 h. Trátase dunha película dirixida polo galego Ignacio Villar ambientada nos anos 70 e que conta a historia de Breixo, un mozo altruísta e con boas intencións cara a todo o mundo que coñece aos habitantes dunha comuna que chegou á contorna da súa aldea. O rapaz, cunha familia moi tradicional, vese atraído axiña polo modo de vida dos membros desa comunidade, que buscan revivir a vila perdida de Vilamor, pero Breixo descobre que é moi difícil casar a súa educación e crianza con ese novo mundo.
A seguinte cita será o venres 24 de xullo (22.00 h) na Praza do Calvario, onde se proxectará ‘O que arde’, un filme de 2019 de Oliver Laxe. Un drama que conta parte da vida do rural coa historia de Amador, un home que tras cumprir condena por provocar un incendio regresa á súa casa, unha aldea perdida de Lugo, onde volverá vivir ao ritmo tranquilo da natureza xunto á súa nai, o seu can e as súas tres vacas.
A última proxección será xa o xoves 6 de agosto (22.00 h) no campo de balonmán de Novás. O ciclo de verán pecharase co filme ‘Do revés (Inside Out), unha película de animación que se desenvolve na mente dunha nena, Riley Anderson, onde cinco emocións (Alegría, Tristeza, Temor/Medo, Furia/Ira e Desagrado/Asco) buscan guiala día a día na súa vida cotiá.
Nestas actividades haberá aforo limitado, establecerase unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocaranse cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectaranse as cadeiras antes de cada evento e colocarase xel hidroalcohólico na entrada.

Homenaxe ao garda forestal Sindo no mirador do Niño do Corvo

O Rosal, 21 de xullo de 2020. Sentida homenaxe a Sindo, garda forestal do Concello do Rosal falecido, nun dos seus lugares favoritos, o mirador de Niño do Corvo.
Sempre estivo moi ligado ao ámbito forestal e ao propio municipio, polo que este acto de conmemoración serviu para honrar a súa memoria e para poñer en valor o traballo que fixo Sindo e que seguen a facer os gardas forestais.
Dende o Concello queremos dedicar un agradecemento especial a Antonio Pimentel, a todos os axentes forestais e ás comunidades de montes da Guarda, Eiras, Figueró, San Xoán de Tabagón, San Miguel de Pías, Goián, Camposancos, Santa Mariña e Tomiño por facer posible este recoñecemento.


Comezan as visitas guiadas aos petróglifos do Rosal
O Rosal, 20 de xullo de 2020.- A programación de verán do Rosal continúa esta semana co arranque das visitas guiadas aos petróglifos do concello. Esta actividade ten programadas tres saídas totalmente gratuítas ao longo dos meses de xullo e agosto para visitar diferentes puntos do municipio no que se conservan estes gravados rupestres e coñecer máis detalles sobre a súa historia. As visitas guiadas terán un aforo máximo de 10 persoas e para poder participar é necesaria inscrición previa chamando ao teléfono 986 625 000. A inscrición poderá facerse ata o mesmo día da actividade ás 14.00 horas.
Primeira saída
A primeira visita guiada será este mércores 22 de xullo (21.30 h) aos petróglifos do Novello. Ao longo de aproximadamente dúas horas, as persoas participantes farán un percorrido circular a pé doado e de pouca lonxitude para visitar catro puntos con petróglifos e, se a noite o permite, facer unha observación do ceo nocturno. O punto de encontro será a Casa do monte de Novás (Camiño da Salgosa, 43) e os desprazamentos serán a pé. Ademais, para garantir a saúde de todos e todas, as persoas participantes deberán cumprir as medidas de prevención, levando máscara e gardando as distancias interpersoais de seguridade.
O vindeiro 5 de agosto (21.30 h) a visita guiada será polos petróglifos da Portela, unha saída na que se combinarán percorridos a pé e desprazamentos nos coches particulares dos participantes para visitar cinco puntos con petróglifos e, se a noite o permite, rematar a visita de novo cunha observación do ceo nocturno. Nesta ocasión o punto de encontro será o Alto da Portela (Camiño da Costeira, Coordenadas: 41.945878, -8.876238). Tratarase dun percorrido de dificultade baixa no que as persoas participantes deberán tomar tamén todas as medidas de prevención necesarias ante a COVID-19, levando máscara e respectando as distancias de seguridade.
O último percorrido terá lugar o 26 de agosto cunha ruta aínda por determinar. Os petróglifos elixidos para esta visita anunciaranse con anterioridade á data de celebración.


Arranca a edición máis especial da Feira do Viño do Rosal
O Rosal, 16 de xullo de 2020.- A Feira do Viño do Rosal arranca este venres 17 coa súa edición máis especial e diferente. A través da web feiradoviño.gal e outras plataformas, o público poderá seguir toda a programación da feira, que comeza este mesmo venres 17 ás 20.00 h co pregón do prestixioso sumiller Luis Paadín e a posterior inauguración virtual, que contará coas intervencións da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; do presidente da Confraría Cabaqueiros de Viños do Rosal, Enrique Costas; dun representante do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas; e coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Tras este pistoletazo de saída chegará ás 22.00 h o primeiro concerto da Feira, un concerto de regueifas a cargo de Luis Correa, O Caruncho, e Benito Lobariñas.
Xa o sábado 18 será a quenda ás 20.00 h do maridaxe showcooking da man do chef Iván Méndez e dos divulgadores de viños Luis e Alejandro Paadín, evento no que colabora a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural. O día rematará co concerto ás 22.00 h do grupo Fanfarria Takicardia.
O domingo 19 retransmitirase ás 12.00 h a cata comentada co sumiller Luis Paadín e ás 20.00 h anunciaranse as fotos gañadoras do concurso ‘Viño-Experiencia’, que busca recoller en imaxes as distintas formas de vivir os viños do Rosal. O concurso estará activo tanto para participar como para votar as fotografías preferidas ata o domingo ás 19.00 h. Toda a información do concurso e como participar atópase na páxina web da Feira.  
Tenda en liña aberta
Na web tamén permanece aínda aberta a tenda en liña da feira, na que todas as persoas interesadas poderán mercar aos mellores prezos con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor para desfrutar deles tranquilamente na casa.


O Grupo Filatélico e Nusmismático Val do Rosal presenta a súa exposición sobre os cuños turísticos na Feira do Viño
O Rosal, 14 de xullo de 2020.- O Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal colabora na XXVIII Feira do Viño cunha das súas tradicionais exposicións, unha mostra que nesta ocasión é totalmente virtual coa que se busca non perder o fío e manter a continuidade das actividades que o grupo realiza cada edición, tan representativas no mundo filatélico e vinícola. A mostra pode verse na web da feira.
Nesta ocasión o grupo trae da man de Alfonso Dorado e Marta Verde un percorrido polos cuños turísticos de Galicia, creados para difundir diferentes cidades polo mundo. Entre os cuños turísticos atópase o do Rosal, deseñado por Ángel Pérez e solicitado a Correos polo Grupo Filatélico no que se aprecian varias imaxes da vila rosaleira como os Muíños do Folón e do Picón, a ponte do Tamuxe os as uvas dos viños con D.O. da vila.
A mostra compleméntase con coleccións invitadas de Madrid, Ourense e A Guarda. O Grupo Filatélico xa adiantou que a exposición do vindeiro ano estará dedicada ao Ano Santo Compostelano.
Concurso virtual
Continúa aberto o concurso ‘Viño-Experiencia’, un certame que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño do Rosal. As persoas participantes deberán facer unha fotografía dun momento de desfrute destes viños e entrar na plataforma https://bit.ly/2ZbVTXz para subila. Tamén pode votar entre as fotos participantes e compartir o enlace para que outras persoas participen na votación.
As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.
Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.
Tenda online
Mercar os viños do Rosal é algo tradicional dentro da Feira do Viño, unha experiencia que quixo manterse nesta edición tan especial coa posta en marcha dunha tenda online na que o público poderá comprar aos mellores prezos os viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Valmiñor.
Tan sinxelo como entrar en feiradovino.gal/tenda, escoller os viños preferidos e mercalos para recibilos na casa nos vindeiros días. Os gastos de envío serán gratuítos.


O Concello aposta polas actividades ao aire libre na súa programación de verán
O Rosal, 10 de xullo de 2020.- A nova realidade mudou tamén a forma de vivir o verán no Rosal. Seguindo as recomendacións sanitarias para previr posibles riscos de contaxio, o Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar durante os meses de xullo e agosto de visitas guiadas, concertos, cine e espectáculos de rúa polos barrios. Todas as actividades terán aforo limitado e naquelas que se celebren nun recinto o público permanecerá sentado en cadeiras distribuídas de xeito que se manteña a distancia interpersoal e tomando todas as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias. O Concello aposta este ano por ofrecer unha programación de verán ao aire libre e en pequeno formato para toda a familia na que os veciños e veciñas poderán desfrutar.
A axenda de verán, con arredor de 30 actividades, arrancará os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo coa XXVIII Feira do Viño do Rosal, unha feira virtual moi especial cunha ampla programación para que a veciñanza desfrute na súa casa dos caldos da comarca. Tras a feira as protagonistas serán as visitas guiadas polos petróglifos do Rosal, tres saídas (22 de xullo e 5 e 26 de agosto) totalmente gratuítas para a que as persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao Concello (986 62 50 00). Estas visitas terán un aforo limitado a 10 persoas. A primeira saída será aos petróglifos do Novello (encontro ás 21.30 h na casa do monte de Novás) e a segunda aos petróglifos da Portela.
Entre as visitas guiadas homologadas atópanse tamén as rutas polos Muíños do Folón e do Picón e polo Sendeiro dos Pescadores que organiza cada semana o Concello durante os luns e martes dos meses de xullo e agosto. Para esta actividade é necesaria inscrición previa a través da web municipal (http://visitasguiadas.concellodorosal.es).
Actividades nos barrios
Cine, espectáculos musicais e teatro de rúa tamén estarán moi presentes este verán no Rosal. O Concello levará estas actividades polos distintos barrios pensando en achegar a oferta cultural a toda a veciñanza sen ter que desprazarse. Filmes como ‘Vilamor’, ‘O que arde’ ou ‘Do revés’; espectáculos de Tanxarina Teatro, Circo Chosco ou Ce Orquestra Pantasma; música como O Sonoro Maxín, Blues do País, Dextrum Ensemble, Os Folieiros ou Xacobe Martínez Antelo Trío... serán algunhas das citas previstas para este verán.
Todas estas actividades complementaranse co Cámara Fest, dez concertos de grupos de cámara organizados pola Agrupación Musical do Rosal. Estas actuacións concentraranse na segunda e terceira semana de agosto, coincidindo coas datas na que se celebraba o tradicional Festival de Músicos Xoves que leva organizando dende hai xa 30 anos a Agrupación Musical e que este verán non poderá celebrarse debido a todas as medidas de prevención que se deben tomar tras a pandemia, xa que a Agrupación conta con máis de 70 músicos e non hai espazos para que poidan actuar garantindo a seguridade e saúde de todos e todas. Deste xeito, Concello e Agrupación Musical coordinaron as súas actividades de verán para ofertar unha ampla programación polos barrios de todo o municipio.
En todas as actividades o Concello manterá o aforo limitado, establecerá unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre, colocará cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias, desinfectará as cadeiras antes de cada evento e colocará xel hidroalcohólico na entrada.
Actividades familiares
Atendendo a todas as recomendacións e medidas de prevención marcadas polas autoridades, o Concello do Rosal decidiu este ano apostar por ofertar actividades familiares ao aire libre e non organizar campamentos de verán, que por normativa sanitaria teñen que facerse ao aire libre, durante espazos de tempo curtos, centrado en actividades de realización autónoma, evitando a proximidade física e cun máximo de 25 persoas, incluíndo ao monitor/a ou guía. Ademais, todas as actividade físicas conlevan n maior risco de contaxio, requiren unha maior distancia de seguridade e son incómodas de realizar coa máscara posta.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
17, 18 E 19 DE XULLO: FEIRA DO VIÑO
22 DE XULLO
21:30 h. Visita guiada aos petróglifos do Novello con saída da Casa do Monte de Novás: Inscrición no Concello.
23 DE XULLO
           22:00 h. ALAMEDA DE SAN MIGUEL. CINE: ‘Vilamor’
24 DE XULLO. O PILAR. PRAZA DO CALVARIO:
           13:00 h. Intervención da Banda da Agrupación Musical do Rosal.
           20:00 h. TANXARINA TEATRO: Titiricircus
           22:00 h. CINE: ‘O que arde’
25 DE XULLO. O PILAR. PRAZA DO CALVARIO:
           22:00 h. Concerto: O SONORO MAXÍN.
31 DE XULLO. FORNELOS (PRAZA)
           22:00 h. Concerto: "BLUES DO PAIS"
5 DE AGOSTO:
           21:30 h. Visita guiada aos petróglifos da Portela. Inscrición no Concello
6 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN)
           22:00 h. CINE: ‘Do revés (inside Out)’
11 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN)
           21:00 h. CONCERT FEST. BRASS BAND “José Vicente Simeó”
12 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
           21:00 h. CONCERT FEST. Quinteto de metáis "Alfonso Ulloa"
13 DE AOGOSTO: SAN XIÁN (TORREIRO)
           20:00 h. CIRCO CHOSCO: "Riscando o ceo"
           21:00 h. CONCERT FEST. Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
14 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
           21:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de ventos “Nani Matos
15 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
           22:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de madeira “Pepe Flores”   
16 DE AGOSTO: SAN MIGUEL (ALAMEDA)
           21:00 h. CONCERT FEST. Grupo de saxos "Emilio Rodríguez"
                          CONCERT FEST. Grupo de clarinetes Klason
18 DE AGOSTO: FORNELOS (ADEGA LAGAR DE CERVERA)
           21:00 h. CONCERT FEST. Ensemble de madeira “Pepe Flores
20 DE AGOSTO: TABAGÓN (PRAZA DO MAIO)
           20:00 h. CE ORQUESTRA PANTASMA. Espectáculo infantil.
           21:00 h. CONCERT FEST. Cámara da escola.
21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
           21:00 h. DEXTRUM ENSEMBLE. Cuarteto de saxofóns.
21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
           21:00 h. CONCERT FEST. DEXTRUM ENSEMBLE. Cuarteto de saxofóns
22 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
           22:00 h. CONCERT FEST. BRASS BAND  "José Vicente Simeó"
26 DE AGOSTO:
           21:30 h. Visita guiada aos petróglifos. Inscrición no Concello
27 DE AGOSTO: MARZÁN (CAPELA DE S. VICENTE)
           21:00 h. OS FOLIEIROS. Música tradicional
28  DE AGOSTO: EIRAS (LATERAL DA IGREZA)
           21:00 h. XACOBE MARTÍNEZ ANTELO TRÍO. Jazz


A Feira do Viño do Rosal estrea páxina web e tenda en liña
O Rosal, 9 de xullo de 2020.- A Feira do Viño estrea páxina web. Dende hoxe mesmo o público poderá informarse e desfrutar de todo o que acontece e acontecerá na XXVIII edición da feira a través de feiradoviño.gal, unha páxina que artellará toda a programación virtual e a propia tenda en liña na que se poderán mercar aos mellores prezos viños con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal das adegas Aforado, Aldea de Abaixo, Altos de Torona, Lagar de Cervera, Pedregales, Quinta Couselo, Santiago Ruiz, Terras Gauda e Val Miñor.
 
A Feira presenta unha web atractiva, dinámica e intuitiva na que o público atopará de xeito sinxelo e rápido todo o que busca, dende a compra de caldos ata distintas actividades complementarias ao evento. Dende ela tamén poderá seguirse comodamente dende a casa acompañado de familia e amigos e desfrutando dun dos viños da feira toda a programación:
·         Vernes 17 de xullo
·         20.00 h. Pregón da Feira do Viño 2020 co enólogo Luis Paadín.
·         20.30 h. Inauguración da Feira do Viño coas intervencións de Enrique Costas, presidente da Confraría Cabaqueiros de Viños do Rosal; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.
·         22.00 h. Concerto de regueifas a cargo de Luis Correa, O Caruncho, e Benito Lobariñas.
·         Sábado 18 de xullo
 
·         20.00 h. Maridaxe showcooking da man do chef Iván Méndez e dos enólogos Luis e Alejandro Paadín.
·         22.00 h. Concerto do grupo Fanfarria Takicardia.
·         Domingo 19 de xullo
·         12.00 h. Cata comentada co enólogo Luis Paadin.
·         20.00 h. Anuncio fotos premiadas do concurso ‘Viño-experiencia’
Concurso ‘Viño-experiencia’
A pesar de non ter este ano edición presencial, a Feira do Viño 2020 quere involucrar a todas as persoas que cada ano se achegaban ao Rosal para desfrutar dela. E para fomentar a celebración da feira aínda que sexa de xeito deslocalizado, a organización pon en marcha o concurso ‘Viño-experiencia’, un certame a través das redes sociais que busca recoller fotos e imaxes dos veciños e veciñas vivindo a experiencia de degustar un bo viño D.O. Rías Baixas subzona O Rosal.
A través dunha plataforma conectada a Facebook as persoas interesadas en participar poderán enviar fotos que reflictan o que é para eles desfrutar do viño nos seus fogares, no xardín, con amigos, coa familia... e como desenvolven, traballan e viven a experiencia do viño. As fotos tamén poderán enviarse a través de correo electrónico a info@feiradoviño.gal poñendo no Asunto: Concurso ‘Viño-Experiencia’ e enviando nome e apelidos, teléfono de contacto e cidade. As imaxes gañadoras elixiranse por votación popular a través da mesma plataforma. A votación pecharase unha hora antes de anunciar as imaxes gañadoras.
Entregarase un primeiro premio consistente nun pack cunha selección de 9 botellas de viño do Rosal e unha experiencia de enoturismo para dúas persoas a elixir entre adegas sinaladas e dous segundos premios consistentes un pack con 9 botellas de viño para cada un, unha de cada unha das adegas participantes na Feira do Rosal.



Aberta a inscrición para participar de forma presencial na cata comentada da Feira do Viño do Rosal
O Rosal, 8 de xullo de 2020.- Ao abeiro da XXVIII Feira do Viño do Rosal 2020, a Confraría Cabaqueiros do Viño do Rosal organiza en colaboración co Concello unha cata de viños das adegas que forman parte da Asociación Empresarial Adegas do Rosal, a única actividade do programa que contará cunha parte presencial aínda que con aforo limitado e inscrición previa.
A cita terá lugar o vindeiro xoves 16 de xullo ás 13.00 horas no restaurante Juan (Rúa do Couso, 18. O Rosal) e todas e todos os interesados en asistir deberán enviar un correo electrónico a confrariavinorosal@gmail.com solicitando a súa inscrición e indicando nome e apelidos da persoa participante. É requisito indispensable ser maior de idade para poder participar.
Este ano contarase co enólogo, sumiller e profesor de Análise Sensorial e Técnico de Viticultura e Enoloxía na Universidade de Vigo Luis Paadín para dirixir a cata de nove viños do Rosal. Paadín é membro e, nalgúns casos, fundador de moitas asociación ligadas ao mundo do viño e está conectado tamén ao mundo literario vitivinícola coa autoría e coedición da “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia” e do libro “Las piedras que hacían vino”. Conta cun espazo semanal na Cadena Ser A Coruña e na Cadena Radiovoz A Coruña.
Para poder levala a cabo a cata de forma presencial e coidar da saúde de todas as persoas participantes cumpriranse todas as medidas de prevención e seguridade esixidas polas autoridades sanitarias. Ademais, todas as persoas participantes deberán levar obrigatoriamente máscara de protección homologada durante todo o evento e manter as distancias de seguridade.
A cata poderá seguirse tamén de forma virtual co resto da programación da Feira do Viño 2020 a través da web.

Grande respaldo da veciñanza á concentración da Plataforma para a Defensa da Sanidade do Rosal

 
O Rosal, 8 de xullo de 2020.- Importante respaldo da veciñanza á mobilización convocada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal para este mércores 8 diante do centro de saúde rosaleiro como medida de protesta ante a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade ante as reiteradas denuncias sobre o deterioro da asistencia primaria no municipio.
 
A través desta concentración reivindicábase que se cubran as vacacións dos facultativos para evitar que o centro de saúde quede tan só con dúas médicas durante os meses de verán e agrave unha situación xa insostible nestes intres, cunha demora media de 20 días nas citas de atención primaria e sen posibilidade de atender as consultas domiciliarias. Tamén se reclamou solución aos problemas de traslado ata o Hospital Álvaro Cunqueiro dos enfermos crónicos, que se están a facer sen atender ás medidas de seguridade e prevención necesarias, así como a outros problemas recollidos nun informe trasladado á Consellería como a carencia de espazos ou equipamentos.
 
Estas mobilizacións repetiranse cada semana ata que a Concellería de Sanidade da Xunta de Galicia dea resposta e solución a todos estes problemas.

O Rosal conta cun novo camión de recollida de lixo

O Rosal, 7 de xullo de 2020.- O Concello do Rosal conta desde hoxe mesmo cun novo camión de recollida de lixo que contribuirá á mellora do servizo municipal. O vehículo, subvencionado ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, trátase dun Volvo FL 250 HP 42 ríxido con caixa recolectora-compactadora de residuos sólidos urbanos modelo HIDRO-V de 11 m3 de capacidade e con tolva.
O novo camión substituirá ao actual vehículo de recollida que se estaba empregando no Concello e que despois de moitos anos en activo presentaba importantes deficiencias e necesidades de mellora para a correcta recollida da porción de restos dos residuos sólidos urbanos, a parte do servizo que está municipalizada.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, recolleu este martes as chaves do camión de mans da empresa adxudicataria, Vehículos, Equipamientos y Carrocerías Prieto-Puga, S.L. O prezo do contrato polo vehículo ascende a arredor de 141.000 euros.
Con este novo camión na flota de vehículos municipal o Concello do Rosal segue traballando para mellorar os servizos municipais e a calidade de vida dos veciños e veciñas.



Mobilización de protesta diante da falta de resposta da Consellería de Sanidade ante o deterioro da asistencia sanitaria no municipal
O Rosal, 6 de xullo de 2020.- A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal convoca á veciñanza a participar na concentración que se celebrará este mércores 8 de xullo ás 12.00 horas diante do Centro de Saúde como medida de protesta ante a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade ante as reiteradas denuncias sobre o deterioro da asistencia primaria no municipio. Dende o Concello anímase a todos os veciños e veciñas a secundar esta convocatoria e a participar na concentración.
A través desta mobilización reivindicarase que se cubran as vacacións dos facultativos para evitar que o centro de saúde quede tan só con dúas médicas durante os meses de verán, nos que o aumento da poboación agravará unha situación xa precaria. Na actualidade as citas de atención primaria teñen unha demora media de 20 días e é imposible atender as consultas domiciliarias, co conseguinte deterioro e perigo para a saúde das persoas enfermas encamadas e dependentes.
Tamén se reclama que se dea solución aos problemas de transporte dos enfermos crónicos que precisan desprazarse ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a realizar tratamentos e que nestes intres están a ser trasladados sen atender ás medidas de seguridade para evitar contaxios, poñendo así en risco a súa saúde.
A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal tamén reivindica que se dea resposta ao resto de problemas recollidos nun informe presentado ante a Consellería de Sanidade, no que se denuncia a insuficiencia de persoal facultativo ou as carencias en espazos e equipamentos e no que se pide a recuperación dos servizos trasladados cando a situación provocada pola pandemia da COVID-19 o permita.
Todas as persoas asistentes deberán levar máscara e manter en todo momento a distancia de seguridade.

Xa se pode solicitar cita previa para o Punto Limpo a través da web do Concello
 
O Rosal, 1 de xuño de 2020.- Malia ter rematado o estado de alarma e reabrirse o libre movemento de persoas polo territorio, o único xeito de poder garantir o distanciamento social e evitar aglomeracións nos distintos lugares é establecendo aforos limitados ou atendendo nos distintos servizos municipais con cita previa. A cita previa, ademais de ser unha ferramenta para evitar o risco de contaxio para a veciñanza e o propio persoal pola confluencia de xente nun mesmo lugar, supón unha vantaxe para as persoas usuarias dos servizos municipais xa que evita aglomeracións, que teñan que facer cola e botar demasiado tempo no exterior das instalacións agardando ata ser atendidas.
 
Por estes motivos, e tendo en conta que a prioridade nestes intres é a de tomar as medidas pertinentes marcadas polas autoridades competentes para evitar os contaxios, o Punto Limpo do Rosal seguirá funcionando con cita previa ata novo aviso. Co obxectivo de dar facilidades a todos os rosaleiros e rosaleiras, as persoas interesadas en depositar residuos no Punto Limpo xa poden solicitar a súa cita a través da web do Concello premendo aquí ou a través do apartado Medio Ambiente do menú principal da páxina, pinchando en ‘Cita Previa Punto Limpo’.
 
O procedemento será tan sinxelo como darlle ao botón ‘Cita previa’, seleccionar o día e a hora que máis conveña para facer a entrega de residuos, cubrir os datos e indicar a tipoloxía de residuos a entregar e a cantidade en capachos que se leva de cada un deles. Neste mesmo apartado poderase atopar as indicacións para o uso das instalacións, como o límite máximo admitido para algúns dos residuos.
 
Tamén se pode seguir solicitando cita previa chamando ao teléfono 986 625 000 extensión 3002.
 
Responsabilidade
 
Coa finalidade de axilizar este servizo, cada persoa disporá de 15 minutos para depositar os seus residuos no lugar apropiado. Para evitar que o resto de usuarios teñan que agardar mais alá da súa quenda e minimizar a interacción co persoal municipal, os residuos deben ir debidamente separados por tipoloxías (madeira, chatarra, plástico, etc.) e ser depositados no colector correspondente.
 
Prégase ás persoas puntualidade á hora de acudir a súa cita e que agarden fóra das instalacións ata ser atendidos polo persoal encargado do Punto Limpo. No caso de non acudir na data e hora concertadas perderase a cita.
 
Pola saúde de todas e todos é momento de ser responsables e seguir extremando as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar rebrotes e contaxios. Así, prégase a todas as persoas que empreguen o servizo que manteñan todas as medidas de seguridade, agardando fóra das instalacións a que o persoal municipal lle indique que pode pasar, desinfectando as mans ou as luvas que leven co xel desinfectante á entrada, mantendo as distancias de seguridade e empregando máscara para maior protección.


A praia das Eiras contará con socorrista dende esta mesma fin de semana
O Rosal, 3 de xullo de 2020.- A praia das Eiras contará dende esta mesma fin de semana cun socorrista encargado das tarefas de vixilancia, prevención e salvamento das persoas que acudan durante a tempada fluvial a esta praia e á súa contorna, así como do control das medidas de seguridade derivadas da nova normalidade consecuencia do COVID-19.
A persoa encargada destas labores prestará servizos os meses de xullo e agosto. Os horarios nos que a praia contará con socorrista serán:
De martes a venres de 15.30 a 20.15 horas.
Sábados e domingos, de 12.00 a 20.00 horas.
Os luns a praia permanecerá sen vixilancia.
O Concello apela á responsabilidade persoal da veciñanza e dos posibles visitantes para facer uso da praia este verán, sobre todo de cara a cumprir as medidas de prevención de contaxios de coronavirus, respectando as disposicións de seguridade, o distanciamento social e as actitudes recomendadas polas autoridades sanitarias.



O Rosal contrata a 8 persoas ao abeiro de varios programas de fomento do emprego
O Rosal, 1 de xullo de 2020.- O Concello do Rosal incorporou este mércores 1 de xullo a 8 novos traballadores e traballadoras contratados ao abeiro de diferentes programas que buscan o fomento da colocación de persoas inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Así, dende hoxe, o Concello conta na súa plantilla cunha técnica forestal, cun oficial albanel para a revalorización de espazos públicos e con seis peóns de recollida de lixo e limpeza viaria e forestal máis.
Así, a través do programa de fomento do emprego no medio rural Aprol Rural 2020, o Concello contratou unha técnica forestal a xornada completa durante 9 meses para a tramitación dos expedientes relacionados coa prevención de incendios forestais e limpeza de fincas. Ademais, ao abeiro da segunda quenda do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra contratáronse a dúas persoas para os postos de oficial albanel para a revalorización de espazos públicos e de peón de recollida de lixo e limpeza viaria e forestal. Estas dúas persoas contaran cunha xornada completa e a duración do contrato será de seis meses.
Xa por último, procedeuse á contratación doutras cinco persoas desempregadas perceptoras da Risga como peóns para o servizo de limpeza viaria municipal. Estas persoas, contratadas cunha xornada semanal que oscila entre as 25 e as 30 horas durante 9 meses, encargaranse de tarefas como a recollida de lixo, a limpeza viaria e a roza forestal ou a xestión e clasificación de residuos, entre outras.  
O Concello da a benvida a estes novos traballadores e traballadoras e quere trasladar o seu agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas dos diferentes procesos selectivos.


A Feira do Viño do Rosal dixitalízase para seguir ensalzando un produto de calidade

O Rosal, 30 de xuño de 2020. A Feira do Viño quenta motores para celebrar por primeira vez un evento dixitalizado e que empregará as novas tecnoloxías para chegar ao público de todo o mundo. O Concello e a asociación de adegueiros Cabaqueiros do Rosal presentaron este martes o programa desta XXVIII edición, que será unha feira “alternativa para seguir adiante cun evento que para nós é esencial. Decidimos innovar para que a feira tivera continuidade e que a crise sanitaria non nos deixara un ano en branco e sen a posibilidade de celebrar unha feira importantísima para o sector, sempre dende a responsabilidade e poñendo por riba de todo a saúde das persoas”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Os presidente dos adegueiros, Enrique Costas, coincidiu en salientar o especial desta edición para o sector “ante o escenario dramático que estamos a vivir. A crise por mor do COVID-19 obrigounos a saír da nosa zona de confort, a preocuparnos máis pola seguridade dos nosos traballadores e traballadoras, a prestar máis atención á conciliación... nun momento de incertidume cunha caída dos ingresos e sen saber canto tempo vai durar isto”. Neste sentido, os adegueiros quixeron agradecer ao Concello “sacar adiante un evento con entidade que sirva para fortalecer o sector, para crear sentimento de pertenza, que involucre á xente. Facer algo diferente con valor engadido e que anime a todo o mundo a participar”.
Programa virtual
A Feira do Viño do Rosal contará este ano cunha páxina web a través da que se artellarán as diferentes iniciativas programadas e con redes sociais propias para difundilas (Facebook e Instagram). A feira comezará como ven sendo tradicional o venres 17 de xullo co pregón do enólogo Luis Padín, un profesional recoñecido a nivel internacional, profesor da Universidade de Vigo e tamén crítico vitivinícola. Ao pregón seguiralle a inauguración e un concerto de regueifas, que tamén se retransmitirán de forma virtual a través das canles da Feira do Viño.
O sábado 18 os protagonistas serán os viños e a gastronomía a través dun showcooking que maridará os caldos con produtos da comarca. Será tempo tamén para a música e para visibilizar un sector tamén moi afectado pola crise sanitaria: Fanfarria Taquicardia dará un concerto cunha das adegas do Rosal por escenario. Xa o domingo 19 haberá unha cata comentada que se poderá desfrutar na casa de xeito virtual pero que terá tamén unha parte semipresencial para a que se abrirán prazos de inscrición en días anteriores.   
Buscando esa readaptación e esa promoción dos viños con D.O. Rías Baixas subárea do Rosal este ano porase en marcha por primeira vez unha tenda online na que calquera persoa pode comprar os caldos da comarca para desfrutar na casa, con familiares, con amigos... ao tempo que desfrutan da programación virtual da Feira do Viño 2020.
Para fomentar a participación da xente na feira e que a degustación do viño se produza aínda que de xeito deslocalizado, celebrarase o concurso ‘Viño-experiencia’, un concurso no que as persoas participantes deberán enviar unha foto ou un vídeo que reflicta actividades cotiás nas que se desfruta do viño dende os seus fogares, os seus xardíns... e que amose como viven a experiencia de degustar un bo viño do Rosal.
A celebración desta edición de forma virtual será un momento propicio tamén para coñecer un pouco máis as adegas da contorna, a súa historia, os seus valores e os seus produtos. Por este motivo realizaranse e difundiranse vídeos de presentación de cada adega que se complementarán cun vídeo promocional da propia feira. Diferentes persoeiros recoñecidos tamén participarán nesta iniciativa, con pequenos vídeos que animen a todas as persoas a participar na Feira do Viño do Rosal 2020.

Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal
O Rosal, 30 de xuño de 2020. Coa vista posta no vindeiro curso, a Agrupación Musical de O Rosal realizará dúas xornadas de portas abertas para ensinar os instrumentos de vento e corda, a cargo de profesores da escola e músicos da banda.
Hoxe, mércores, 1 de xullo, e o venres, 3 de xullo, ás 16:30 horas no Auditorio do Rosal estarán a dispor dos interesados a partires dos 7 anos estas xornadas ás que poden acudir os nenos acompañados dun adulto.
Para poder controlar o aforo as persoas interesadas deben anotarse previamente no 609 866 792.
Regreso al contenido