O Rosal, maio 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, maio 2021

Arquivo 2021
O Rosal inaugura o seu renovado mercado municipal o vindeiro martes 4 de maio
O Rosal, 1 de maio de 2021.- O Rosal estrea o vindeiro martes 4 de maio o seu renovado mercado municipal. Será cun acto inaugural ás 10.30 horas aberto a todo o público no que participarán a alcaldesa, Ánxela Fernández; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a directora xeral de Agader, Inés Santé; membros da Corporación municipal e os propios praceiros e praceiras. Un grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música do Rosal amenizarán o acto, que rematará coa visita do público asistente ás renovadas instalacións en grupos reducidos para garantir os protocolos de prevención establecidos polas autoridades sanitarias.
“Invitamos a toda a veciñanza a participar nun acto que vai ser histórico para O Rosal, que terá un mercado municipal moderno, dinámico, que funcionará como punto de encontro comercial e social”, salienta a rexedora. As obras desta primeira fase de renovación do mercado municipal tiveron un custo de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio.
O Concello abordou esta reforma integral do mercado municipal co obxectivo de convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente e que funcione como polo de atracción de novas persoas emprendedoras. O novo mercado contará con cinco postos comerciais que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción dos produtos locais.
As obras desta primeira fase incluíron a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954, coa reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta no exterior e unha reforma xeral no interior para dar unha nova vida ao mercado, reciclalo e adaptalo ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.
O mercado contará con horario especial de apertura tras o acto inaugural ata as 14.00 horas e de tarde de 16.00 a 19.00 horas.
 

O  Rosal estrea a renovada praza de abastos cun espazo do Século xxi exemplo de  dinamización na provincia
O Rosal, 4 de maio de 2021. Baixo o mellor acompañamento musical dun grupo de gaitas e un cuarteto da Escola de Música local, e cunha nutrida presencia de veciños e veciñas, así como de representantes municipais de todos os concellos do Baixo Miño, o emblemático edificio do Mercado do Rosal estreou hoxe por todo o alto a súa renovada imaxe. Trátase do primeiro paso dunha reforma impulsada polo Concello que ten como obxecto converter este inmoble nun espazo vivo co que propiciar o comercio de proximidade e o consumo dos produtos da zona e, con eles, a dinamización do núcleo do Rosal económica e socialmente. A obra, que tivo un orzamento de máis de 207.000 euros, contou cunha achega do Plan Concellos da Deputación por 161.261 euros.
Amais da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, a inauguración contou coa presencia da presidenta provincial Carmela Silva, do deputado Santos Héctor Rodríguez, da directora xeral de Agader, Inés Santé, así como das alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e de Oia, Cristina Correa, e as concelleiras de Tui e A Guarda, Ana María Núñez e Fátima Rodríguez, respectivamente. Un feito que precisamente quixo destacar na súa intervención Carmela Silva, que puxo como exemplo de bo facer o traballo conxunto destes concellos pola transformación do Baixo Miño e a súa unión en cuestións como o peche dos postos fronteirizos ou na solicitude para reclamar fondos europeos.
“Nesta comarca –destacou a presidenta- está a ocorrer algo que ocorre en poucos lugares, cunha aposta firme de todos os concellos para construír un espazo de desenvolvemento sostible onde as persoas son o centro de todo. E cun gran compromiso para que as seguintes xeracións poidan seguir a vivir nun lugar tan marabilloso como o Baixo Miño”. Neste senso, Carmela Silva salientou que a reforma do “marabilloso” Mercado do Rosal  é un bo exemplo “que fala do ben que o fixemos no pasado e o que temos que seguir a facer hoxe”, polo que colaborar na súa financiación “é unha obriga das administracións, que deben dedicar recursos aos concellos para que poidan crecer, seguir avanzando e para que a xente viva mellor”. “O Baixo Miño –engadiu- non é que teña futuro, é que vai ter un futuro extraordinario porque hai un modelo de crecemento e un proxecto conxunto para o seu desenvolvemento”.
Máis en concreto, afondou na singularidade dos mercados existentes nesta comarca e, concretamente o do Rosal, construído en 1954, “que son o centro da actividade económica e que apostan polo produto de calidade que tamén se cultiva aquí, no Baixo Miño, un dos lugares de Galicia onde hai máis poderío do sector primario e amais moi internacionalizado”. “Apostar –insistiu- porque os mercados se manteñan é facelo por dar vida aos pobos, por ese produto de calidade e noso, por xerar actividade económica e manter a vida dos lugares. E xa sabiamos que tiñamos que apostar polo produto de proximidade, pero a pandemia amosou que vulnerables somos se non temos suficiencia alimentaria, produto de calidade e mercados coma este onde se poida comprar. O mellor produto do sector agrario que hai en Galicia está aquí no Baixo Miño e podemos sentirnos orgullosos do que somos, do que construímos e do estar construíndo un lugar que é unha grande referencia”.
Como explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández, a remodelación permitiu reformar o interior do Mercado para a creación de cinco postos. Na illa central están os das froitarías e unha ecotenda, como parte “da horta que é parte da nosa identidade e que vai dar cor a entrada cun símbolo identificador que hoxe comezamos a crear”. No lateral, estarán os postos de peixaría e carnicería, así como un posto de comercio xusto “que tanto nos di da sustentabilidade e da importancia da orixe no consumo responsable  que queremos ter nesta sociedade”. “En resumo, é unha clara aposta para que desde a veciñanza tomemos as rendas, nos involucremos e conxuntamente, dinamicemos o noso pobo e o noso mercado, rodeado dunha praza practicamente inmellorable”.
Fernández engadiu que a reforma inaugurada “é un primeiro paso da nosa aposta pola proximidade, pola presencial local e tamén pola estratexia do consumo do noso, e da calidade que tanto nos identifica”.  Explicou que xa está aprobada a segunda fase do proxecto, cunha ampliación na parcela contigua ao mercado, “que lle vai dar un camiño máis extenso no ámbito da excelencia”, coa especial atención ao ámbito culinario e da gastronomía. “Imos poder desfrutar do produto fresco e dun espazo expositivo e de convivencia”, indicou, amais de poder recuperar para a cidadanía a terraza do edificio, que estaba en desuso pola súa escasa accesibilidade. “Vai ter un acceso directo que nos vai permitir tomar un viño, saír á terraza e poder ver este valor patrimonial que tenos e o espazo da natureza que nos rodea”.
A rexedora municipal agradeceu a colaboración do persoal da praza, que tivo que trasladarse á escola Simón do Mazo durante as obras realizadas, así como a colaboración das administracións implicadas.  “A pandemia –explicou- supuxo un cambio de escenario, unha nova forma de ver a vida e unha nova realidade. E nesa nova realidade sacamos unha aprendizaxe, a de que ao final, o que temos máis preto, o noso, e o que debemos potenciar e trasladar aos nosos hábitos do consumo no consumo local”. Lembrou que no Rosal , “somos recoñecidos e recoñecidas pola nosa calidade e distinción no produto, na horta, no viño e en tantas cuestións como a proximidade, a nosa  proximidade na relación persoal”.
No acto interveu un dos praceiros que traballan no mercado, Simón Ubeira, que rexerá unha ecotenda, quen agradeceu ao Concello do Rosal todo esforzo feito “para renovar e darlle vida a esta praza, edificios que tanto simbolismo ten nas vilas galegas e que poñen de relevo o que e comercio local, proximidade, e todo o que representa a economía social que sostén unha vila”. E fixo un chamamento “a apostar polo comercio local, polos produtos proximidade e por consumir en comercios da veciñanza, que estean en mans da veciñanza  e que manteñan á veciñanza”.
 

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia un paso máis no deterioro do servizo de Atención Primaria
O Rosal, 5 de maio de 2021.- A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia que o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente pola falta de medios persoais e deficiencias nas  instalacións. Concretamente no caso do Rosal, o persoal sanitario atende a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS.
Coa pandemia, as carencias de espazo e de dotación material do Centro de Saúde obrigaron a desprazar á Guarda o servizo de pediatría e a pechar a consulta de San Miguel. A implantación ademais da atención telefónica, lonxe de aliviar o traballo do persoal médico, supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite.  Atender aos pacientes por teléfono, ademais de difícil e moitas veces frustrante, supón unha multiplicación da carga de traballo e unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo.
Recentemente a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, reuniuse do Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  a quen explicou os problemas da atención primaria. Se ben o Conselleiro admitiu a existencia de carencias de persoal e expresou a intención de convocar unha praza de médico, non apreciou a necesidade de reforzar o servizo de pediatría nin comprometeu melloras nas instalacións. Desde a Plataforma reivindícase que a praza de médico debe ir acompañada dunha praza de enfermería e reitérase ademais a necesidade de crear unha praza de pediatría para O Rosal, xa que o concello ten poboación infantil suficiente para  xustificala. Do mesmo xeito, dende a plataforma esíxense solucións ás carencias estruturais e de equipamento nos centros de saúde.
Por outra parte, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia novamente o feito de que sigan sen contratar substitutos para as ausencias do persoal facultativo. A situación acaba de agravarse, xa que desde o pasado día 29 de abril non hai pediatra para os usuarios e usuarias do Rosal. O servizo estase a cubrir prolongando a xornada das dúas pediatras que quedan na Guarda. Deste xeito os nenos e nenas están sendo atendidos cada día por unha persoa distinta, o que supón un grave deterioro do servizo pola perda de continuidade no seguimento.
 
A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu aniversario
O Rosal, 5 de maio de 2021. Este domingo, ás 18:00, a banda da Agrupación Musical do Rosal celebrará un concerto conmemorativo do seu 35 aniversario. O acto terá lugar na Praza do Calvario.
Ó longo da súa historia, a banda rosaleira, ten acadado moitos e importantes recoñecementos a nivel galego e estatal, converténdose nunha das máis galardoadas da nosa comunidade. Ó mesmo tempo, a súa escola, ten sido un viveiro de grandes músicos que ocupan, actualmente, postos de relevancia en diferentes ámbitos culturais. Dende que se fundou no ano 1986, baixo a batuta de Nani Matos, diferentes directores teñen sido os responsables de guiar a este grupo: José Luis Represas, José Vicente Simeó, Diego Javier Llorente, Marcel van Bree, Carlos Ramón Pérez ou José Javier Bascoy. Na actualidade está dirixida por Javier Alonso.
O programa que interpretarán este domingo estará dividido en dúas partes: a primeira proporá a todos os asistentes unha apaixonante viaxe a través das diferentes expedicións que cruzaron o Océano Atlántico baixo o punto de vista de compositores xaponeses. Na segunda, a música máis próxima tomará protagonismo, escenificando a volta ás raíces populares da nosa cultura.
  
A unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro mércores 12 de maio
O Rosal, 5 de maio de 2021.- Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase ata o concello do Rosal este mes de maio. Será o vindeiro mércores 12, día no que o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Calvario aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.
Para o Centro de Transfusión a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada dos e das doantes.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
O Centro de Transfusión lembra que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar agardar dúas horas para facer a doazón. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
 

Nova executiva municipal do PSdG-PSOE no Rosal
O Rosal, 6 de maio de 2021. O Presidente da Comisión Xestora do Rosal do PSOE Miguel A. Rodríguez Velasco convocou este xoves 6 de maio a Asamblea Extraordinaria para a elección da nova Executiva Municipal do PSOE no Rosal que tivo lugar no Centro Polivalente do Rosal as 18.30h. Presentada e consensuada entre os afiliados, sae elexida por unanimidade e queda conformada polos seguintes afiliados:
Secretario Xeral José Carlos Martínez Crespo
Secretario de Organización Miguel A. Rodriguez Velasco
Secretaria de Política Municipal Milagros Carmen Amador Acal
O Secretario Xeral, José Carlos Martínez Crespo, actual concelleiro do Rosal deu as grazas a todos polo apoio prestado e mantén que aunará esforzos na integración para representar os intereses dos afiliados así como dos votantes que depositaron o seu voto no PSOE do Rosal e garantir os valores que os veciños demandan ante o actual Goberno Local.
 

O Rosal e Paredes de Coura, escenarios do segundo foro da cultura transfronteiriza
O Rosal, 7 de maio de 2021.- O Rosal e Paredes de Coura serán os dous escenarios nos que transcorran os encontros da segunda edición do  Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo, II Culturmiño, organizado polo AECT Río Minho da man da CIM Alto Minho e do Centro de Esturos Eurorrexionais (CEER) e que se prolongará durante todo o mes de maio e xuño co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.
Dende este mesmo venres 7, axentes culturais privados, creadores do territorio galego e portugués e persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais de ambas as dúas beiras da raia reuniranse para debater sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver para mobilizar público conxunto. Nas primeiras xornadas de traballo, este venres en Paredes de Coura e o vindeiro 14 de maio no Centro Social Polivalente do Rosal, afondarase no desing thinking aplicado á creación de proxectos culturais no río Miño transfronteirizo.
O seguinte aspecto a abordar serán os proxectos de estruturación para o financiamento, tratando os aspectos críticos no desenvolvemento e xestión en Paredes de Coura e o orzamento, financiamento e comunicación no Rosal nas sesións que se desenvolverán o 21 de maio. Para finalizar , o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e falarase sobre as redes internacionais para a creación e xestión de redes e proxectos europeos.
O 18 de xuño será o peche e conclusión do II Culturmiño no Rosal, onde se presentarán os proxectos deseñados polas e polos axentes culturais para, unha vez examinados e valorados, ver a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.
  
Próximos Cursos de Apicultura en O Rosal para el mes de julio de 2021
O Rosal, 06 de mayo de 2021. Os informamos que en el próximo mes de julio de 2021, gracias a la colaboración de nuestros amigos de www.cursosapicultura.com os ofreceremos en O Rosal (Pontevedra) varios cursos de apicultura con el siguiente calendario:
1 y 2 de julio: Curso apicultura avanzada (Manejo productivo sostenible de colmenas)
3 y 4 de julio: Curso de iniciación a la apicultura
Información y reservas: http://www.cursosapicultura.com o en el 622 749 603
 
A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario
O Rosal, 3 de maio de 2021. O Rosal continúa coas actividades culturais organizadas para este mes de maio. Este domingo 9 será a quenda da Agrupación Musical, que celebrará o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario a partir das 18.00 horas ao que queren convidar a todos os rosaleiros e rosaleiras.
Ao longo da súa historia, a banda rosaleira ten acadado moitos e importantes recoñecementos a nivel galego e estatal, converténdose nunha das máis galardoadas da nosa comunidade. Ao mesmo tempo, a súa escola ten sido un viveiro de grandes músicos que ocupan, actualmente, postos de relevancia en diferentes ámbitos culturais. Dende que se fundou no ano 1986, baixo a batuta de Nani Matos, diferentes directores teñen sido os responsables de guiar a este grupo: José Luis Represas, José Vicente Simeó, Diego Javier Llorente, Marcel van Bree, Carlos Ramón Pérez ou José Javier Bascoy. Na actualidade está dirixida por Javier Alonso.
O programa que interpretarán este domingo estará dividido en dúas partes: a primeira proporá a todas as persoas asistentes unha apaixonante viaxe a través das diferentes expedicións que cruzaron o Océano Atlántico baixo o punto de vista de compositores xaponeses. Na segunda, a música máis próxima tomará protagonismo, escenificando a volta ás raíces populares da nosa cultura.
O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro.
 

A Feira do Viño do Rosal retomará parte do seu carácter presencial con todas as medidas de seguridade
O Rosal, 11 de maio de 2021.- Concello e adegueiros traballan xa man a man para poñer en marcha unha nova edición da Feira do Viño do Rosal adaptada ás novas circunstancias. O obxectivo é recuperar parte do carácter presencial para celebrar a XXIX edición os vindeiros 16, 17 e 18 de xullo cun programa no que se combinarán retransmisións en directo a través de Internet con actividades ao aire libre “que devolverán parte da súa esencia a esta festa de interese turístico”.
Tendo en conta a evolución da situación sanitaria e as restricións que se prevén aínda vixentes durante a celebración desta nova edición da Feira do Viño, a organización traballará para implementar todas as medidas de seguridade necesarias nas actividades presenciais, que contarán, por exemplo, con limitación de aforo. “Un ano máis readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por continuar facendo da nosa feira un evento singular, capaz de adecuarse á situación que estamos a vivir”, sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.
Deste xeito, a feira continuará coa promoción do sector vitivinícola a través dunha experiencia innovadora e participativa con actividades “vinculadas á posta en valor do produto pero tamén á cultura, ao deporte ou a que nos permitan coñecer algo mellor as adegas da nosa vila. A feira converterase nun tributo aos caldos con Denominación de Orixe Rías Baixas subzona O Rosal na que saborear as distintas variedades destes viños, pero tamén nun evento co que a veciñanza poderá coñecer un dos sectores máis importantes da contorna e desfrutar de xornadas de lecer”.
Concello e adegueiros celebraron xa as primeiras reunións para pechar unha nova programación na que as actividades presenciais seguras convivirán con iniciativas ideadas para que miles de persoas poidan continuar desfrutando da Feira do Viño do Rosal a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.
 

O Rosal acolle a exposición ‘Aquela nena de Sarria’ en homenaxe a Xela Arias
O Rosal, 12 de maio de 2021.- O Salón de Exposicións do Concello do Rosal acolle ata o vindeiro 23 de maio a mostra ‘Aquela nena de Sarria’, unha exposición itinerante elaborada polo Colectivo Egeria en colaboración co Concello de Sarria e da Real Academia Galega para honrar á escritora, poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
A mostra está composta por 12 paneis que recollen o tempo sarrián e lucense da escritora, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela Arias por alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández e por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que a escritora trazou e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela Arias no seu ano.
A exposición inclúe fotografías facilitadas pola familia da escritora e poeta e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.
 

Música para conmemorar o Día das Letras Galegas no Rosal
O Rosal, 13 de maio de 2021.- O Rosal conmemorará o vindeiro luns 17 o Día das Letras Galegas cun concerto na Praza do Calvario, un evento musical co que homenaxear a Xela Arias, poeta e escritora contemporánea, rompedora de barreiras da linguaxe e moi avanzada para os tempos que lle tocou vivir e a quen se lle dedica este ano esta data tan sinalada.
O acto, organizado polo Concello, comezará ás 19.00 horas e contará coa participación de tres grupos da Agrupación Musical do Rosal. Os primeiros en actuar serán os máis pequerrechos, os nenos e nenas do coro infantil de entre 5 e 12 anos, que deleitarán ao público con cancións infantís galegas. A continuación será a quenda do grupo Novo Orballo, que interpretará unha escola de temas populares galegos e sorprenderá ás persoas asistentes coa estrea dunha canción composta por un dos seus membros. Pechará o acto o grupo de música tradicional Lirolai, que agasallará ao público con arranxos de cancións galegas e da raia, así como con pezas propias que están recollidas nos seus dous traballos discográficos.
O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro.
 

O Rosal reparte 1.000 bolsas de tea co gallo do mes das letras
O Rosal, 20 de maio de 2021.- O Rosal repartirá entre a veciñanza 1.000 bolsas de tea co lema ‘A lingua é fonte vella da que mana auga fresca’, impreso xunto co debuxo dunhas pingas de auga e o novo logo do Concello. Este reparto realízase co gallo do mes das letras, que O Rosal celebra durante todo este maio con diversas actividades arredor da conmemoración do Día das Letras Galegas.
Todas estas bolsas de tea distribuiranse no comercio local, polo que a veciñanza poderá obter a súa ao realizar as súas compras nos establecementos do municipio. Os comercios interesados en contar con estas bolsas deberán solicitalas e recollelas na casa consistorial.
Ademais de fomentar o comercio de proximidade, con esta iniciativa o Concello busca tamén contribuír á sostibilidade medioambiental, apostando por resistentes bolsas reutilizables de algodón coas que reemprazar ás de plástico que tardan máis de 150 anos en desintegrarse e que afectan gravemente ao ecosistema ao ser desbotadas.
 

Este domingo chegan ao Rosal ‘Tres vellas (polo menos)’
O Rosal, 21 de maio de 2021.- Esta fin de semana O Rosal acolle a última das actividades culturais organizadas para este mes de maio, un emocionante e emocional espectáculo de palabras cruzadas entre Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti. O auditorio municipal acollerá este domingo 23 ás 19.00 horas a obra ‘Tres vellas (polo menos)’, unha actuación na que os tres narradores compartirán co público as historias que lles contaron a eles varias vellas, fermosas narracións de mulleres sobre mulleres coas que se busca rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada, ás que moitas veces lles nega a voz, para que a súa memoria, sabedoría e esencia non se perda.
Un espectáculo que supón unha homenaxe a todas esas mulleres pero tamén á palabra falada, non soamente polas historias, chistes e lembranzas que os tres narradores compartirán, senón tamén pola propia riqueza polas palabras empregadas, o ritmo, os xestos, as olladas. Neste exclusivo show, protagonizado por narradores cun universo propio e unha voz singular, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todos os labores e o afiado sentido do gusto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. Ao rematar, o público sairá soñando co prato fumegante da memoria.
Con aforo reducido, a entrada será de balde e libre ata completar as prazas. O espectáculo desenvolverase con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para ofrecer aos rosaleiros e rosaleiras unha actividade cultural completamente segura.
  

O Concello do Rosal pon en marcha un grupo para fomentar o intercambio de obxectos
O Rosal, 24 de maio de 2021. O Rosal continúa no seu camiño por converterse nun concello máis sostible. Por este motivo, ademais de traballar na creación dun espazo de intercambio, reparación e reutilización de obxectos na rúa Cumieira, o Concello vén de poñer en marcha un grupo de Facebook aberto a toda a veciñanza, residente no Rosal ou non, para fomentar o intercambio de todo tipo de enseres e obxectos de forma directa entre todas as persoas interesadas.
Participar nesta iniciativa será moi sinxelo. As persoas interesadas simplemente deberán entrar no grupo, facerse membro e comezar a compartir aquelas cousas que queiran dar ou intercambiar.  Trátase dun xeito de promover non só o intercambio, senón que o grupo tamén está aberto a que as persoas poidan dar aquelas cousas que xa non precisen.
As usuarias e usuarios do grupo subirán fotografías dos obxectos e a persoa interesada porase en contacto coa ou co anunciante, preferiblemente por privado, para acordar o intercambio. O Concello do Rosal non mediará nin intervirá en ningún dos acordos aos que cheguen ás persoas participantes nin se fai responsable de ningunha incidencia, así como tampouco disporá de ningún servizo de transporte para poder carrexar voluminosos.
Poderá accederse a este grupo de Facebook dende a páxina do Concello nesta rede social ou dende a web municipal de Medio Ambiente, accedendo ao apartado Intercambia.
Esta iniciativa forma parte do proxecto para alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental e aumentando os niveis de reciclaxe, posto en marcha ao abeiro dunha subvención de 30.000 euros para residuos de competencia municipal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
  

O Consello Municipal traballa xa para levar a igualdade a todos os eidos
O Rosal, 25 de maio de 2021.- O Consello Municipal de Igualdade do Rosal continúa a traballar para mudar a conciencia social da veciñanza cara a unha baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero. As persoas integrantes do consello reuníronse de novo este mes de maio para facer unha chuvia de ideas e explorar novas propostas coa que conseguir levar a igualdade a todos os eidos do municipio.
Un dos primeiros puntos que abordaron foron as actividades previstas polo Concello para o mes de xuño ao abeiro do Día do Orgullo, entre as que se propuxeron colocar lonas coas cores do arco da vella dende a Casa Consistorial ata a igrexa ou realizar un desfile co alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier a fin de semana do 26 de xuño.
Ademais de abordar cuestións como o Plan de Igualdade, as persoas participantes no consello falaron da posibilidade de facer unha guía de linguaxe inclusivo non sexista para o comercio local.
Outra das propostas feitas durante o encontro foi a de facer actividades no CPI relacionadas con mulleres traballadoras cualificadas, seguindo ao mellor a liña das realizadas polo CRA María Zambrano con mulleres relacionadas coa ciencia como protagonistas. Neste traballo de visibilización das mulleres o consello traballará sobre a idea de editar un caderno de notas no que colaboren ilustradoras locais e que recolla historias de mulleres, especialmente rosaleiras, con información interesante e pensado para diversos públicos.   
As actividades educativas, lúdicas e culturais tamén se debateron nesta reunión, na que se propuxeron a realización de cafés faladoiros sobre cuestións como os micromachismos ou organizar xornadas dirixidas á mocidade para traballar a sexualidade e rachar con tabús. Tamén se suxeriron grupos como Alma guerrera e Pauliña ou a película ‘Sufragistas’ para incluír na axenda cultural do Concello.
Este Consello Municipal, composto por unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís cunha gran calidade técnica en cuestións de igualdade, busca “seguir camiñando cara a un cambio de mentalidade da sociedade xeral e cara a un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller dun xeito integral e comprometido”, explica a concelleira de Igualdade, Sara Vicente.
 

O Concello leva a pleno unha modificación de crédito para remodelación da Praza do Calvario e a reordenación da contorna
O Rosal, 26 de maio de 2021.- O Concello do Rosal levará este xoves 27 de maio a pleno unha modificación de crédito extraordinario de case 165.000€ para levar adiante as obras de remodelación da Praza do Calvario. Trátase dunha modificación que atende á necesidade de dotar de consignación orzamentaria aos traballos correspondentes á anualidade 2021 da licitación da reforma da praza, que se configura como un gasto plurianual. O inicio da execución está previsto para este ano.
Dentro desta planificación ordenada da reforma do Calvario, o Concello tamén levará a esta sesión plenaria a petición de suplemento de crédito de 4.840€ para elaboración dun documento técnico que permita unha reordenación funcional da contorna da praza, reasignando usos sen modificación da sección viaria que xa existe. Con este estudo búscase definir de xeito pormenorizado as accións a desenvolver para adoptar un sentido único de circulación, creando espazos reservados para usos terciarios e reordenando as prazas de estacionamento.
O pleno, aberto ao público, celebrarase ás 20.30 horas no Centro Social Polivalente.
Compensación económica
O Concello tamén levará a pleno unha moción da Alcaldía solicitando medidas de compensación polo impacto socio-económico no territorio do río Miño transfronteirizo do peche de fronteiras e das medidas restritivas tomadas polos gobernos español e portugués nos estados de alarma pola pandemia da COVID-19.
Un estudo do impacto realizado pola Universidade de Vigo en nome do AECT Río Miño desvela que só o primeiro confinamento e peche de fronteiras entre Pontevedra e Portugal durante a primeira vaga da pandemia provocou unha caída do Produto Interior Bruto de máis de 80 millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño, así como un descenso do 14,18% no comercio e dun 16,53% na hostalaría e restauración, datos que no último peche serían aínda máis prexudiciais.  
Uns danos aos que hai que sumar os sufridos polo efecto funil do único paso aberto no territorio, con quilómetros de caravanas para atravesar a fronteira, perdas de tempo innecesarias e a introdución novamente dun inexplicable obstáculo a unha poboación transfronteiriza que xa non sinte a fronteira.
Por estes motivos, tras aprobarse a moción esixiranse ás autoridades estatais, rexionais e autonómicas de ambos dous países medidas de compensación e a integración inmediata das traballadoras e traballadores transfronteirizos, así como as empresas afectadas, como beneficiarios dos mecanismos socioeconómicos aprobados por España e Portugal. Tamén se dará traslado aos gobernos portugués e español do malestar por pechar fronteiras sen diálogo previo cos municipios afectados, así como a creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza e a posta en marcha dun Investimento Territorial Integrado de carácter transfronteirizo concertado entre ambos países e con cargo a fondos europeos.
 

O Concello inviste 36.000€ nas obras de mellora na estrada Marzán – A Cachada
O Rosal, 27 de maio de 2021.- O Concello vén de acometer varias obras de mellora na estrada Marzán – A Cachada, na parroquia de Santa Mariña do Rosal, nas que se realizou un investimento total de 36.000 euros. Xunto co asfaltado dos camiños cunha capa de 5 centímetros para regular a rodadura e o recalce das tapas de rexistro, realizáronse traballos de limpeza en toda a superficie do pavimento cun cepillo de arame e arrombáronse as cunetas, desbrozando a vexetación existente.
Estes traballos leváronse a cabo tendo en conta as necesidades que presentaban os camiños de Marzán e A Cachada, que contaban cun asfaltado coa capa de rodadura deteriorada con fochas que producían un paso irregular. Unhas obras de mellora imprescindibles na zona, de tránsito habitual de vehículos procedentes da estrada PO-353 cara a parcelas agrícolas.
Con estas obras o Concello continúa coa mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal, coas que se busca conseguir que “o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso cotiá dos rosaleiros e rosaleiras”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, que destaca que “para o goberno municipal investir en infraestruturas tamén é investir en calidade de vida para a veciñanza”.
 

Regreso al contenido