O Rosal, maio 2020 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, maio 2020

PUBLICADAS
O ROSAL

A Deputación de Pontevedra remata no Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302

A Deputación de Pontevedra vén de rematar no concello do Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo entre os puntos quilométricos 1+365 e o 1+940. Así, con esta obra, que contou cun orzamento de 178.743,39 euros, o ente provincial reafirma o seu compromiso de mellora do conxunto da rede de estradas provinciais dentro do seu obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria.
En concreto, a través desta actuación executouse unha senda peonil en formigón coloreado que conta cun trazado paralelo á vía pola súa marxe esquerda. Este camiño, que discorre dende o núcleo de Valdemiñotos en dirección sur-este ata o punto anterior ao paso elevado que dá acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón, cruza superiormente a GC-4.2. Deste modo, establécese un itinerario peonil segregado do tráfico rodado, aportando alternativas de mobilidade máis seguras para a veciñanza do municipio.
Ademais, entre as accións que se realizaron na EP-3302 atópanse unha mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e zona entubada, cuxa finalidade é recoller as augas procedentes do exterior da vía, e a instalación previa dun futuro alumeado público feita con dobre tubaxe enterrada de PVC corrugado.

______________________________

O Concello reorganiza as súas áreas para optimizar recursos ante unha realidade cambiante

O Rosal, 29 de maio de 2020.- O Concello do Rosal reorganiza as súas áreas para optimizar recursos e adaptarse á realidade cambiante que deixou a crise sanitaria pola COVID-19. No pleno celebrado este xoves 28, o primeiro telemático da historia do municipio, a concelleira Sabela Rodríguez anunciaba a súa saída do Goberno municipal para emprender un novo proxecto persoal que a levará fóra de Galicia, unha situación que aproveitará o Concello para facer unha reestruturación das áreas de traballo coa que reforzar a operatividade en diferentes liñas e combater as consecuencias sociais e económicas da pandemia.
Neste sentido, Servizos Sociais pasará a depender directamente de Alcaldía, xa que “a crise sanitaria que trouxo a COVID-19 acentuou a importancia da atención social e deixou a moitos veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade. Consideramos de vital importancia que sexa unha persoa con dedicación exclusiva a que poida levar as rendas dun departamento fundamental”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que xa asumiu as competencias de Servizos Sociais dende o inicio do estado de alarma.
Pola súa banda, nesta nova organización a concelleira Sara Vicente asumirá as competencias de Igualdade e de Muller para poder traballar e “abrir novos horizontes” en dúas áreas que tamén son consideradas de importancia capital para o Concello. “Nos momentos nos que estamos a vivir as áreas de Servizos Sociais, Igualdade e Muller teñen que gañar máis peso. A crise sanitaria non só fixo incrementar as emerxencias sociais a atender, senón que tamén desvelou toda a problemática derivada de cuestións como o machismo ou a violencia de xénero e que o confinamento obrigatorio agravou”, recorda a alcaldesa. Outro dos cambios afectará á concellería de Cultura, que pasará a mans de Carlos Villanueva.
Emotiva despedida
Sabela Rodríguez quixo agradecer no pleno “a todos os veciños e veciñas do Rosal terme dado a oportunidade de formar parte do Goberno municipal, a todos os membros do pleno polo trato recibido e ao traballo compartido con todo o persoal do Concello. Para min foi unha honra ter formado parte deste equipo de Goberno. E aínda que as circunstancias que vivimos neste momento non permiten unha despedida máis cercana e próxima, quero enviar un abrazo sentido e agarimoso a todos e todas”. Mestra xubilada cunha destacada traxectoria no ámbito do ensino, polas mans e polas aulas de Sabela pasaron varias xeracións de rosaleiros e rosaleiras. Por este motivo a Corporación municipal ao completo amosou a súa ledicia polo novo proxecto vital que vai emprender e lle dedicaron unha emotiva despedida a unha persoa que “sempre estará nos nosos corazóns e que sempre será querida como unha rosaleira máis”.
Nova incorporación
No lugar de Sabela Rodríguez entrará a formar parte do Goberno municipal Ramón Fernández Leal, un mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente que asumirá as concellerías de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación. Con esta nova incorporación darase un maior peso específico a unha área de gran importancia para O Rosal, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Ademais, Fernández Leal traballará tamén complementando outras áreas do Concello.
Moi comprometido, “con moito saber estar e escoitar, algo moi importante na política e na vida”, Fernández Leal súmase a este proxecto de equipo ao que aportará a súa experiencia e a súa dispoñibilidade para dedicarlle tempo á xestión municipal.
_________________________________

A Corporación municipal acorda unha proposta conxunta de medidas para axudar ao comercio local do Rosal

O Rosal, 28 de maio de 2020.- A Corporación municipal do Rosal acorda levar a pleno este xoves 28 de maio unha proposta conxunta sobre o comercio local co obxectivo de dar resposta unida e integral diante da situación que está a vivir o sector a raíz da crise sanitaria pola COVID-19. O pequeno comercio é un eixo importante para o desenvolvemento do propio municipio rosaleiro, polo que “desde o sentido da responsabilidade tivemos a capacidade de deixar as nosas diferenzas a un lado e chegar a consensos tan precisos nestes intres de tanta incerteza e complexidade diante do reto colectivo que temos diante como sociedade”.  
Nunha xuntanza de portavoces que contou coa presenza de Carlos Villanueva (BNG), de Fernando Domínguez (PP), de José Carlos Martínez (PSdeG-PSOE) e da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, todas as formacións que compoñen a Corporación municipal acordaron tomar unha serie de medidas e compromisos cos que dar resposta ás necesidades do comercio local:
·      Comprometerse a aplicar todas as medidas posibles dentro do ámbito competencial do Concello do Rosal que poidan mellorar a situación do comercio local. Entre elas estarían a posibilidade de establecer unha plataforma de venda online previa análise do nivel de demanda existente por parte de pequeno comercio ou colaborar con el na adquisición de material de seguridade na adaptación da COVID-19, como xel hidroalcohólico, pantallas protectoras ou información.
·      Adoptar todas as medidas que poidan implementarse derivadas das actuacións e decisións executadas por outras administracións de ámbito supramunicipal.
·      Manter ao comercio local informado de calquera medida que se lle remita ao Concello por parte das administracións competentes, como poden ser alugueres, axudas...
·      Trasladar ás administracións autonómica e estatal a delicada situación do comercio local e a necesidade de analizar a situación e de adoptar medidas extraordinarias diante da situación derivada da pandemia global da COVID-19.
“As situacións excepcionais requiren respostas excepcionais e neste sentido toda a Corporación coincidimos na dificultade deste momento histórico que nos tocou vivir, coa parálise que supuxo a crise sanitaria para o noso comercio local”, explica a alcaldesa. A rexedora salienta, como recolle o acordo, que “o coronavirus puxo enriba da mesa problemáticas novas e tamén acrecentou outras que xa eran unha realidade antes desta crise sanitaria como a realidade de competidores globais como Amazon, por exemplo. Esta situación é compartida e trasladable a todos os sectores económicos afectados. É unha evidencia que dentro desta situación de pandemia global requírese dunha resposta colectiva que vai moito máis alá da capacidade e das competencias municipais, mais queremos amosar no pleno e diante da veciñanza o noso compromiso unánime como corporación co comercio local”.
___________________________

Arranca o programa formativo para a transformación dixital do comercio do Rosal

O Rosal, 27 de maio de 2020.- Bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha polo Concello co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante. O programa, totalmente online e de balde, arrancará este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.
Programa
A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas online con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercioi (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda online (luns 15).
“Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda”, salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.
O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.
Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.

______________________________

Primeiro pleno telemático da historia do Rosal

O Rosal, 26 de maio de 2020. Pleno histórico no Rosal. O Concello celebrará esta semana por primeira vez un pleno telemático que reunirá a todos os membros da corporación de forma virtual, garantindo así tanto a funcionamento habitual da actividade municipal como a toma de medidas de prevención fronte a unha crise sanitaria aínda vixente. A sesión realizarase a través da plataforma de administración electrónica Xestiona, unha ferramenta proporcionada pola Deputación de Pontevedra que permite e facilita a relación telemática tamén entre Administracións públicas.
O pleno terá lugar o vindeiro xoves 28 de maio ás 20.30 horas. Entre os temas que se levarán a esta sesión estará a aprobación do regulamento de funcionamento do Punto Limpo do Rosal que garanta a correcta xestión dos residuos urbanos reciclables. “O obxectivo é ofrecer un mellor servizo á veciñanza, axilizando o seu uso e ofrecendo aos rosaleiros e rosaleiras información sobre o que se debe botar ao Punto Limpo, como levalo ata alí ou en que cantidade”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, que salienta tamén que esta regulación permitirá “mellorar as taxas de reciclaxe de cara a acadar os obxectivos europeos”.
Por outra banda, dende Alcaldía levarase a pleno unha proposta para solicitar á Xunta de Galicia a creación a través do Sergas dunha Unidade de Saúde Mental ambulatoria no Baixo Miño, como recurso básico de atención especializada na Mancomunidade. Este servizo atendería a unha poboación de 49.646 habitantes dos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui e a petición recolle que debería estar dotada cun persoal mínimo de 2 psiquiatras, 1 psicólogo e 1 enfermeira. Trátase dunha proposta que conta co apoio de todos os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño e que se decidiu levar a pleno municipal en cada un dos concellos.  
“As unidades de saúde mental de Cangas e Val Miñor son unha realidade, e a da Mancomunidade Condado-Paradanta xa deu os primeiros pasos para a súa creación. Non obstante, a pesar de recollerse no mesmo plan estratéxico de Saúde Mental 2006-2011, o do Baixo Miño permanece pendente e sen que exista data para o inicio da súa implantación. Nestes intres non existe unha atención suficiente e eficiente para os pacientes de saúde mental no Baixo Miño, que teñen que desprazarse a Vigo para ser atendidos”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández.
_________________________

O Rosal incorpora 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación
O Rosal, 26 de maio de 2020. O Rosal vén de incorporar aos 10 novos traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Estes dez persoas foron as que obtiveron as puntuacións máis altas na baremación de méritos e nas probas prácticas realizadas despois da reanudación do proceso selectivo tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor da crise sanitaria.
Estes novos empregados e empregadas terán contrato a xornada completa por tempo que oscilará entre os seis e os nove meses, dependendo do posto ocupado.
Deste xeito, a partir do luns, 1 de xuño, o Concello do Rosal contará con tres novos oficiais albaneis para a revalorización de espazos públicos, un novo oficial electricista e un novo condutor para a brigada de vías e obras. Ademais incorporaranse unha nova auxiliar de axuda no fogar e catro persoas para os postos de peóns de limpeza viaria e de recollida de lixo.
Dende o Concello quérese trasladar o agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas deste proceso selectivo.

_________________________________

O grupo adegueiro Méndez-Rojo doa 2.000 máscaras cirúrxicas ao Concello do Rosal

O Rosal, 22 de maio de 2020. O tecido asociativo, veciñal e empresarial do Rosal continúa a dar mostras da súa enorme solidariedade. O grupo adegueiro Méndez-Rojo, que conta con novas instalacións no municipio rosaleiro, acaba de doar 2.000 máscaras cirúrxicas ao Concello. Trátase de máscaras dun so uso que teñen función preventiva que cun uso correcto permite evitar que a persoa que a leva posta poida contaxiar á xente da súa contorna.
O material doado polo grupo adegueiro irá destinado ao persoal de Servizos Sociais do Concello, departamento que poderá entregar máscaras de forma puntual a aquelas persoas consideradas de maior vulnerabilidade ou a persoas de risco.  
O Concello quere agradecer o xesto de xenerosidade do grupo Méndez-Rojo e do seu director comercial, Dionisio Oseira, quen se achegou esta semana á Casa consistorial para facer entrega de todas as máscaras. Entre as adegas que forman parte do grupo Méndez-Rojo encóntrase Vía Atlántica Rías Baixas, situada na zona do Rosal.
“Estamos abraiados co compromiso e coa gran resposta que está tendo a veciñanza e o noso tecido empresarial nun momento tan complicado. Todas as doazóns, por pequenas que parezan, axúdannos a enfrontar esta nova realidade. Temos claro que cada xesto suma, así que non podemos máis que dar as grazas por todo o esforzo e solidariedade”, recalca a alcaldesa, Ánxela Fernández.
__________________________

O Concello acondiciona varias pistas de acceso para mellorar os espazos de paseo

O Rosal, 21 de maio de 2020.- O Concello do Rosal volve pouco a pouco a reactivarse tras os meses de confinamento pola crise sanitaria por COVID-19 e xa levou a cabo o acondicionamento de varias vías municipais para mellorar os espazos públicos para o paseo dos rosaleiros e rosaleiras. Entre as obras de mellora feitas nos últimos días está o arranxo do firme en varias pistas de acceso ás fincas da zona de concentración parcelaria, así como a limpeza destas vías.
O Goberno municipal levou a cabo estas obras de reparación dos camiños principais desta zona co claro obxectivo de axeitalos para o uso dos e das viandantes que pasean por eles, mellorando deste xeito tamén a calidade de vida dos veciños e veciñas.
Os traballos de mellora leváronse a cabo tanto con medios municipais como da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, quen achegou a maquinaria necesaria para levalos a cabo.

_____________________________

O Concello do Rosal consigue activar o proxecto ‘Explanada do Horizonte’

O Rosal, 20 de maio de 2020.- Acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal e dotar a Portocelo dunha nova área de esparexemento para veciños, peregrinos e visitantes. Ese é o obxectivo da ‘Explanada do Horizonte’, un proxecto integral de revalorización e mellora que o Concello conseguiu activar grazas a meses de intenso traballo para tramitar todos os permisos necesarios para o seu desenvolvemento. Un traballo administrativo que acaba de culminar coa consecución da última autorización para poder desenvolver os traballos en todas as áreas de incidencia do proxecto.
“Dende a nosa chegada ao Goberno puxémonos a traballar man a man coas Administracións e con todos os implicados para poder facer realidade este proxecto tan importante para O Rosal. Non había ningunha autorización tramitada, polo que tivemos que investir moitos esforzos en conseguir as cesións e aprobacións de todas as entidades implicadas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Tras os meses de trámites iniciais para conseguir os primeiros permisos comezaron a realizarse unha parte das obras, que neste momento estaban paradas a falta desa última autorización administrativa.
Meses de traballo
Para conseguir todos os trámites o Goberno municipal traballou coa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal para a cesión dos terreos necesarios para realizar as obras, así como coa traída de augas, coas percebeiras e co veciño propietario da parcela onde está situado o Petróglifo Laxe do Lapón, que se converterá nun dos elementos culturais principais do proxecto. “Non podemos máis que agradecer a boa disposición de todos eles para colaborar na medida do posible e poder facer realidade un proxecto de tanta envergadura. Un agradecemento que temos que facer extensivo a todos os veciños e veciñas de Portecelo e San Xián pola súa paciencia e a súa cooperación”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Ademais, para poder sacar adiante este proxecto obra da arquitecta e paisaxista María Fandiño, o Concello rosaleiro tivo que tramitar tamén todos os permisos necesarios coas sectoriais de Augas de Galicia, Estradas de Galicia, Patrimonio Cultural e Costas. Un traballo “arduo no que levamos implicados dende o primeiro día”.
‘Explanada do Horizonte’
O proxecto busca a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo o municipio e a restauración da coñecida como ‘Explanada do Horizonte’ dotándoa dun área de descanso, dun merendeiro, dunha pequena edificación acondicionada con aseos e bar de tempada, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo poñendo en valor a paisaxe, recuperando os ecosistemas da zona e rexenerando as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.
Na actualidade neste tramo do Camiño de Santiago non existen paradas para peregrinos e a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, supón un punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través do proxecto, crearase un miradoiro ao mar e á Serra da Groba que se converterá nun novo potencial turístico e mellorarase a calidade ambiental repoboando a zona con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.
Por outra banda, a ‘Explanada do Horizonte’ tratará o Camiño de Santiago coa mesma delicadeza, marcando puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.
________________________


Un taller de costura do Rosal confecciona 1.000 mascarillas hixiénicas reutilizables

O Rosal, 19 de maio de 2020. O Concello do Rosal colabora con costureiras rosaleiras e co comercio local para repartir 1.000 mascarillas hixiénicas reutilizables entre a veciñanza. Varias costureiras foron as encargadas de confeccionar estas máscaras no taller de María Araújo en Viso dos Eidos. Todas elas están feitas co tecido requerido por normativa para máscaras, pero non se trata dun dispositivo sanitario de acordo ao Regulamento UE/2017/745 nin un EPI de acordo ao Regulamento UE/2016/425, senón que son mascarillas hixiénicas reutilizables de acordo co establecido na norma UNE 0065:2020 e deben empregarse xunto con todas as medidas de prevención que recomendan as autoridades competentes.
Voluntarios de Protección Civil serán os encargados de distribuír o material entre o comercio local a partir deste mércores 20 de maio en colaboración coa asociación de comerciantes do Rosal e as mascarillas estarán a disposición dos veciños e veciñas en diferentes establecementos dende o xoves 21 de maio.
No reparto destas mascarillas darase prioridade as persoas maiores e persoas de risco e dende o Concello chámase á responsabilidade a toda a veciñanza, pedindo que soamente as vaian recoller persoas que realmente as precisen e soamente unha unidade por veciño ou veciña.
Dende o Concello quérese agradecer “a solidariedade amosada por todas e todos, xa que soamente colaborando e achegando cada un o seu  gran de area poden facerse grandes cousas, sobre todo en tempos tan complicados como o que estamos a vivir. Moitas grazas por afrontar todos os retos con ilusión e gañas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
____________________________

Aberto o proceso de admisión de alumnado na escola infantil A Galiña Azul do Rosal
O Rosal, 18 de maio de 2020. A escola infantil A Galiña Azul do Rosal xa ten aberto desde este mesmo luns 18 de maio o seu proceso de admisión de alumnado para o curso 2020/21. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 29 de maio, como recolle a Resolución do 27 de abril pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.  
Con motivo da situación actual que se está a vivir por  mor do COVID-19, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, tanto para a renovación de praza como para os novos ingresos. Toda a información relativa ao proceso así como os formularios normalizados do procedemento BS404B e BS404A poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.
Naqueles casos que non sexa posible a presentación da solicitude por vía telemática, o persoal da escola infantil atenderá ao público de forma presencial de 10.00 a 14.00 h, sempre con cita previa e favorecendo a maior parte de información e dúbidas vía telefónica ou online para poder preservar a seguridade de todas as persoas. En caso de acudir ao centro, deberá ir soamente unha persoa por familia e sempre cumprindo as medidas de seguridade.
O contacto telefónico realizarase a través do número 986 625 121, mentres que o contacto vía correo electrónico será a través do enderezo escolainfantilorosal@igualdadebenestar.org.
Se se precisa axuda para a presentación electrónica da solicitude, as persoas interesadas poden chamar á propia escola infantil ou aos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (646 443 056 / 881 996 479 / 881 996 480 / 881 996 474 / 881 996 473 / 881 996 483), onde as guiarán para a súa presentación a través da sede da Xunta.

O Rosal implicouse para celebrar o seu Día das Letras Galegas máis dinámico e participativo
O Rosal, 18 de maio de 2020.- Balance moi positivo da celebración do Día das Letras Galegas no Rosal. A pesar das dificultades que se están a vivir por mor da crise sanitaria, o Concello do Rosal quixo facer un especial fincapé na conmemoración desta data dun xeito diferente, virtual e participativo con #Dálleálingua, un programa cargado de actividades culturais, lúdicas e de lecer que se puideron seguir a través da web e das redes sociais municipais e que remataron o propio 17 de maio cunha morea de sorpresas. Un programa de actividades para render homenaxe ao escritor Ricardo Cavalho Calero e potenciar o uso da lingua galega que puido levarse a cabo sen dúbida grazas á colaboración e participación activa de todo o tecido asociativo rosaleiro e de toda a veciñanza.
Máis de 65 persoas sacaron á lingua polo seu idioma para facer un mosaico dentro da actividade #Estaéamiñalingua e outras tantas colaboraron enviando frases para a elaboración dunhas fermosas bolsas para o comercio local, que finalmente se repartiron co lema ‘Agarima co galego’ e ‘Enreda coa lingua’. Foron escollidas entre todas as frases recibidas, frases como ‘Gústame como soa en galego’, ‘Fala, ca túa lingua ben erguida’, ‘Alíate coa túa lingua, goza do seu uso’, ‘Falade meniños, falade galego’, ‘A nosa lingua: nin máis, nin menos’, ‘Sen o galego os agarimos non serían tan doces’, ‘Estar fóra de Galicia, escoitar falar galego e sentir morriña’... todas elas cheas de creatividade, agarimo e orgullo polo idioma.
A Agrupación Musical do Rosal foi a encargada de poñerlle banda sonora ao Día das Letras Galegas a través das actuacións protagonizadas por varios dos seus membros, 13 pequenas pezas que foron o preludio do gran concerto final virtual protagonizado pola Coral, a Banda e a Agrupación Musical do Rosal acompañados do grupo Lirolai o propio 17 de maio.
Impresionante a implicación de persoas representantes de diferentes ámbitos como o cultural, deportivo, político, educativo, empresarial, veciñal, musical... Grazas a eles e elas e á lectura espectacular que fixeron dos poemas de Ricardo Carvalho Calero os rosaleiros e rosaleiras puideron achegarse un pouco máis á obra do autor ferrolán. Obra á que puxo colofón final o vídeo do escultor Marcos Escudero, que narrou de forma máxica o conto ‘As pitas baixo a chuvia’ a través de debuxos de area e con música de Sandra e José Manuel González, da Agrupación Musical do Rosal.
Moitísimas grazas a todas as persoas que colaboraron con ilusión en todas e cada unha destas actividades, facendo do Día das Letras Galegas 2020 unha data especial e diferente, interactiva e na que todos e todas tiveron cabida.

_________________________

O Rosal continúa coa desinfección de rúas nos barrios e no núcleo urbano

O Rosal, 15 de maio de 2020.- En pleno proceso de desescalada, con cada día máis xente saíndo ás rúas, o Concello do Rosal considera de vital importancia continuar co operativo de limpeza encargado dos traballos de desinfección establecidos dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Deste xeito, como se ven facendo desde hai semanas, estanse a desinfectar as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas (farmacias, centro de saúde...) e mobiliario urbano ou elementos considerados sensibles tanto nos diferentes barrios como no núcleo urbano do municipio.
Este operativo de limpeza púxose en marcha grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que dende o primeiro momento achegan tanto a maquinaria como operarios propios para conducir o tractor con cisterna e mangueira de baldeo polas diferentes rúas do Rosal mentres que un operario municipal se encarga de manexar a mangueira e realizar os labores de desinfección. Un labor no que colabora tamén de forma desinteresada a empresa tomiñesa Terrastar, que doa os líquidos necesarios para levar a cabo a correcta desinfección.
O Concello do Rosal quere agradecer a solidariedade amosada polas adegas do municipio e por Terrastar e a súa colaboración nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas como medida de prevención da crise sanitaria que se está a vivir. Este agradecemento faise extensivo tamén aos operarios municipais encargados da limpeza, que están a facer un grande esforzo dende o inicio da alerta sanitaria para garantir a seguridade da veciñanza e minimizar riscos de contaxios.
___________________________

O Concello do Rosal formará ao comercio local para adaptarse a unha realidade cambiante



O Rosal, 14 de maio de 2020. O Concello do Rosal segue apostando polo comercio local como un dos eixos fundamentais para o desenvolvemento do propio municipio e está valorando todas as posibilidades dentro do seu ámbito competencial para axudalo a mellorar, a innovar e reaccionar ante a nova realidade que se está a vivir. Por este motivo, o Concello porá este mes en marcha un programa de formación dirixido ao pequeno comercio para a súa transformación estratéxica e dixital, a través do que lles proporcionarán ferramentas non soamente para sumar no complicado momento actual senón tamén de cara ao futuro.
“A formación é moi importante para axudarlles a innovar, a reinventarse e a ser capaces de reaccionar ante calquera situación, máis diante da realidade tan cambiante que se está a vivir nestes tempos”, asegura a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. Durante unha reunión mantida este mércores 13 con membros da Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR), arexidora explicou que dende o Concello considérase prioritario dotar ao pequeno comercio de medidas útiles que “poidan empregar no seu traballo cotiá, que poidan autoxestionar de xeito sinxelo” e que promovan a transformación estratéxica e dixital das empresas aumentandoconciencia, formación, asesoramento e apoio.
O programa de formación, aberto a todos os e as comerciantes do Rosal, arrancará previsiblemente a finais do mes de maio. Todas as persoas interesadas en participar deben poñerse en contacto coa asociación de comerciantes ou co Concello a través do enderezo electrónico aedl@concellodorosal.es.
Obradoiros grupais e titorías personalizadas O programa de formación levarase a cabo en dúas fases e de xeito online. Durante a primeira fase realizaranse seis obradoiros formativos grupais online a través de videoconferencias impartidas por expertos ás que os comerciantes poderán asistir dende o seus domicilios ou negocios. Serán obradoiros interactivos sobre a situación do comercio e o comportamento dos consumidores ante a crise do COVID-19, sobre a xestión das redes sociais e sobre a venda online. Aínda que no comercio local a atención presencial seguirá tendo un enorme peso, a nova realidade vai dar á venta online un papel fundamental que pode beneficiar tamén ao pequeno comercio, abrindo novas formas de chegar aos seus clientes.
A segunda fase consistirá en titorías individuais cun máximo de 10 comercios seleccionados segundo criterios obxectivos nas que o comerciante contará co apoio dun experto para reorientar o seu negocio, potencias as súas fortalezas, e buscar solucións para a súas feblezas
Dende o Goberno local quérese agradecer a ACOR a boa acollida deste programa de formación e lembra que está tanto á súa disposición como da de todos as e os comerciantes para seguir colaborando a prol do futuro do comercio local. Neste sentido, o Concello está a traballar xa con este plan de reactivación municipal en todos os ámbitos posibles e dirixíndose a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan o pequeño comercio e outros sectores do Rosal.
___________________________________

A Biblioteca do Rosal reabre as súas portas para o préstamo de libros
O Rosal, 12/05/20. A Biblioteca Pública do Rosal reabre este mércores 13 de maio as súas portas para o préstamo de libros. Os usuarios e usuarias poderán así devolver os exemplares collidos no mes de febreiro e marzo e levar de novo á súa casa un máximo de 2 libros por persoa, dado que as medidas de reapertura marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polo público. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15.30 a 20.30 horas e de martes a venres de 16.00 a 20.30 horas.
Todas as persoas interesadas en facer uso da Biblioteca terán que cumprir os protocolos de precaución establecidos. Habilitarase soamente unha entrada, que será pola porta lateral, e non se poderá buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada. Os usuarios e usuarias deberán pedir título concreto ou xénero ao persoal da Biblioteca. Na plataforma da biblioteca poderán consultarse a dispoñibilidade dos distintos títulos.
Nesta fase de reapertura non estará permitido o préstamo interbibliotecario, así como tampouco o estudo en sala nin o uso de ordenadores, e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público. Ademais, todos os menores de 11 anos deberán ir acompañados sempre dunha persoa adulta.
Será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que se porá a disposición dos usuarios e usuarias na porta e respectar as distancias mínimas de seguridade. Ademais, recoméndase o uso de mascarilla e extremar todas as medidas de prevención durante a posible espera ou a entrada nas instalacións.
Aberto o prazo de solicitude de praza no CRA María Zambrano e no CPI Manuel Suárez Marquier
O Rosal, 12/05/20. Coincidindo coa Fase 1 da desescalada, os centros de ensino do Rosal comezan a reanudar os procesos de solicitude de novas prazas para nenos e nenas que entren en 3 anos ou do resto de cursos de infantil, primaria e secundaria que queiran cambiar de centro educativo. Así, o CRA María Zambrano e o CPI Manuel Suárez Marquier teñen xa aberto ata o luns 18 de maio o prazo de solicitude de admisión de alumnado novo nos centros, mentres que a escola infantil Galiña Azul prevé iniciar a apertura do procedemento aínda a vindeira semana.
O alumnado que xa está matriculado en calquera destes centros non necesita facer solicitude, xa que a renovación da matrícula é automática.
CRA María Zambrano
Os pais e nais interesados en solicitar praza no CRA María Zambrano poden achegarse á sede do centro en Pías para presentar a documentación ata o vindeiro luns 18 de 10.00 a 13.00 horas sen cita previa. O documento de solicitude de praza pode descargarse no apartado de ‘Matriculación’ da páxina web do centro, onde tamén aparecen as modalidades de presentación e a documentación que se debe de achegar.
A lista provisional de admitidos publicarase antes do día 26 de maio e as listas definitivas antes do 26 de xuño. As publicacións estarán no taboleiro da sede do CRA.
CPI Manuel Suárez Marquier
O prazo de solicitude de admisión de alumnado novo no CPI será tamén do 11 ao 18 de maio pero, para evitar aglomeracións, os pais e nais deben acudir ao centro con cita previa. Para solicitala deben chamar ao 886 12 03 85.
O centro ten na súa páxina web o impreso de solicitude, así como toda a información necesaria para solicitar a praza de tres formas distintas: cubrindo a solicitude informaticamente e presentala asinada de xeito manual no centro, cubrir a solicitude informaticamente e asinala en Sede Electrónica ou cubrir a solicitude de xeito manual e presentala de forma presencial no centro.   
Dende o centro pregan a todas as persoas que acudan a presentar as solicitudes que empreguen mascarilla e que respecten as distancias mínimas se hai cola. Ademais, recomendan que só vaia unha persoa a facer o trámite e que non vaian nenos e nenas.
Escola infantil A Galiña Azul
Pola súa banda, a escola infantil A Galiña Azul ten prevista a apertura do procedemento de adxudicación de prazas para o vindeiro curso 2020/21 a partires do vindeiro luns 18 de maio. Abriranse as instalacións da escola para que as persoas interesadas en solicitar praza poidan realizar os trámites administrativos e entregar toda a documentación. Será por cita previa e fomentarase a presentación de solicitudes por vía telemática.


________________________________

Reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 persoas ao abeiro do Plan Concellos
O Rosal, 10 de maio de 2020. Tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor do estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, este luns 11 de maio reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 traballadores ou traballadoras ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O proceso selectivo retomarase co establecemento de tres días hábiles para a subsanación outorgada ao candidato excluído, a mesma fase na que se tivo que suspender o procedemento.
Rematado o prazo de subsanación publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas no proceso, o tribunal e as datas de baremación de méritos. O último paso do proceso será a celebración de diferentes probas selectivas.
Todo o proceso levarase a cabo durante o mes de maio, coa previsión de que as persoas que finalmente pasen o proceso selectivo comecen a traballar o próximo 1 de xuño de 2020. Todas as contratacións serán a xornada completa e terán unha duración que oscilará entre os seis e os nove meses dependendo do posto ocupado.
Estas 10 contratacións fanse ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. En total serán 3 persoas para o posto de oficial albanel, unha persoa para o de oficial electricista, outras catro persoas que se dedicarán á recollida de lixo e limpeza viaria, unha persoa para condutor/a-operario/a de maquinaria forestal con motor en xeral e outra persoa para a ocupación de auxiliar domiciliario.

_________________________

A Feira do Viño do Rosal reinvéntase

O Rosal, 09/05/20. Concello e adegueiros do Rosal traballan xa man a man para reinventar a Feira do Viño do Rosal e ofrecer un evento alternativo non presencial co que celebrar a XXVIIII edición os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo.
A situación pola que está a atravesar a sociedade a nivel mundial pola pandemia do COVID-19 fai que moitos eventos con alta afluencia de xente previstos para o mes de xullo non poidan celebrarse, polo menos non do mesmo xeito do que se viñan facendo ata o de agora. “Readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por facer un evento singular, diferente e histórico que marque un punto de inflexión na propia feira, lonxe de pensar en cancelar esta festa tan sinalada”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
O obxectivo da feira será continuar coa promoción do sector vinícola a través dunha experiencia innovadora, orixinal e moi participativa a través de medios non presenciais, pero mantendo a tradición e o espírito da feira. Deste xeito, Concello e adegueiros están traballando para pechar diferentes iniciativas para que as miles de persoas que adoitan acudir cada ano a esta feira poidan seguir desfrutando dela a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.
A organización fará un grande esforzo para implicar a toda a poboación, que xoga un papel moi importante cada ano na feira, polo que se ofrecerán alternativas para animar a participar ao maior número de xente posible. Ademais, todas as actividades buscarán tamén intensificar a labor de promoción tanto dos produtos de Denominación de Orixe Rías Baixas como das adegas que están detrás e da súa historia.


O Concello do Rosal reanuda o luns 11 a atención ao público de xeito presencial

O Rosal, 09/05/20. O Concello do Rosal xa está a tomar as medidas necesarias para a súa reapertura ao público o vindeiro luns 11 de maio. Ese día reanudaranse os servizos de atención ao público de xeito presencial, aínda que seguirá tendo carácter prioritario a atención telefónica e telemática, como viña sucedendo ata o de agora dende o comezo do estado de alarma. Así, agás no Rexistro, todas as persoas que precisen acudir á Casa do Concello a resolver trámites nos distintos departamentos deberán pedir cita previa chamando ao 986 652 000. Tanto os veciños e veciñas que acudan ao Rexistro como aqueles que vaian á cita concertada con anterioridade deberán respectar os niveis de seguridade marcados no momento de acceder ás instalacións municipais.
Haberá en todo momento aforo limitado e o horario de atención presencial e telefónica será de 09.00 a 14.00 horas. O teléfono de atención telefónica xeral será tamén o 986 652 000 e o correo electrónico de atención cidadá o info@concellodorosal.gal.
Por outro lado, o Concello garantirá a reincorporación gradual e asimétrica dos centros de traballo de xeito presencial, que convivirá co teletraballo nalgúns casos e departamentos. Ademais, como medida de precaución, adaptarase a disposición do mobiliario dos servizos nos que resulte necesario para garantir a distancia de dous metros entre postos de traballo ocupados ou co público que acuda ao Concello e farase un esforzo extra no servizo de limpeza na Casa do Concello para garantir a desinfección periódica das instalacións.
Todas estas medidas, así como outras que se vaian implementando segundo necesidade, tómanse seguindo as recomendacións das autoridades competentes para a transición e volta á nova normalidade nas instalacións municipais garantindo a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras presenciais e das citas atendidas.
Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.
Regreso al contenido