O Rosal, febreiro 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, febreiro 2021

Arquivo 2021
Novos pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián
O Rosal, 26 de febreiro de 2021.- Continúase a dar pasos cara a transformación radical da estrada entre Tabagón, As Eiras e Goián. A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ao proxecto para a execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, que comunicará os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado, dándolle prioridade aos peóns e contribuíndo ademais á redución da pegada de carbono.
“Estamos a dar grandes pasos na transformación do Rosal non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Para a rexedora trátase dunha evolución natural, xa que “a estrada naceu como a única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso que nos permitirán transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade”.
O proxecto desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo todal de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Nesta primeira fase, remodelarase un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos e peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. Crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública e disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.
Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e o outro 20% polo Concello do Rosal.
 

 

Esgotadas as entradas para o acto de conmemoración do Día de Rosalía no auditorio municipal
O Rosal, 25 de febreiro de 2021.- Éxito absoluto do acto de conmemoración do Día de Rosalía programado para este domingo 28 de febreiro ás 18.00 horas no auditorio municipal do Rosal. Xa están esgotadas todas as entradas dispoñibles para desfrutar da actividade, para a que era necesaria inscrición previa dado o aforo reducido co que contará.
Dende o Concello quere agradecerse a grande acollida por parte do público que tivo esta iniciativa coa que conmemorar o nacemento da escritora galega. Así, o vindeiro  domingo proxectarase un vídeo no que 32 rosaleiros e rosaleiras que nestes intres viven fóra de Galicia recitan os versos de ‘Adeus ríos, adeus fontes’ de Rosalía. Por outra banda, representantes de varios colectivos rosaleiros procederán á lectura de diversos poemas da autora. O acto rematará coa actuación do cantautor guardés Tino Baz.
A actividade realizarase tomando todas as medidas seguridade e prevención establecidas polas autoridades sanitarias ante a actual situación epidemiolóxica.
 

Versos, figuras de papel e música para conmemorar o Día de Rosalía no Rosal
O Rosal, 23 de febreiro de 2021.- O Rosal conmemora este ano o Día de Rosalía de Castro cunha morea de actividades nos centros escolares e para o público en xeral adaptadas á situación sanitaria e ás medidas restritivas vixentes. Así, coincidindo coa data do nacemento da autora, este 24 de febreiro a fachada da Igrexa da parroquia de Santa Mariña, na Praza do Calvario, será o lenzo sobre o que se proxecten frases ou versos de Rosalía. A Deputación de Pontevedra escolleu ao Rosal xunto a outros cinco concellos de toda a provincia para proxectar a forza da escritora en edificios emblemáticos.
Ese mesmo día tamén se difundirá a través da web do Concello e das redes sociais municipais un vídeo cun poema de Rosalía recitado por 32 persoas do Rosal que nestes intres viven fóra de Galicia, dando vida a algúns dos nostálxicos e morriñentos versos escritos pola autora.
Pola súa banda, os centros escolares tamén están a traballar sobre a figura de Rosalía. Así mentres que na escola infantil e nas aulas de infantil do CRA María Zambrano os nenos e nenas máis pequenos pintaron debuxos con versos da escritora, o alumnado de primaria do CRA e o do CPI da Mata crearon unhas bonecas de papel coa figura de Rosalía que lucirán os vindeiros días nos escaparates dos establecementos comerciais. Todas estas figuras de papel formarán parte dunha mostra que poderá visitarse nas dependencias municipais e na sala de exposicións do Concello.
Para rematar, o vindeiro domingo 28 de febreiro o auditorio municipal acollerá un acto conmemorativo no que se proxectará o vídeo de versos recitados por xente na emigración e no que representantes de varios colectivos rosaleiros procederán a unha lectura de poemas desta autora. A celebración rematará coa actuación do cantautor guardés Tino Baz. O acto, que contará con todas as medidas de seguridade e prevención necesarias, terá aforo reducido con inscrición previa. As persoas interesadas deberán reservar a súa entrada na páxina web do Concello.
 

O Concello pon en marcha unha campaña para distribuír trampas para vespa velutina polo Rosal
O Rosal, 22 de febreiro de 2021.- O Concello do Rosal continúa coa súa loita contra a vespa velutina. O goberno  municipal pon en marcha  unha campaña para tentar distribuír trampas contra esta vespa asiática por distintos puntos do municipio, actividade para a que quere contar coa implicación e colaboración de toda a veciñanza. “O obxectivo é que en cada casa poida colocarse unha destas trampas nesta época do ano, xa que as vespas que se collen a finais de febreiro e principios de marzo son as raíñas”, explica o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.
Para levala a cabo, o Concello elaborou un vídeo titorial que se distribuirá nos centros educativos do Rosal e a través da web e das redes sociais municipais para explicar como crear de forma doada e sinxela unha trampa para atrapar a estas vespas cun tubo, unha botella, un cordel e cebo preparado con auga, azucre, mazá ou pera, viño tinto e cervexa. Para facilitar a creación destas trampas, a través dos centros educativos entregarase ás familias rosaleiras os tubos, que é o material máis difícil de preparar. O vídeo tamén pode verse na canle de Youtube do Concello.
Lémbrase á veciñanza que en caso de atopar un niño deben avisar ás autoridades e non acercarse a el, xa que as súas picaduras poden ser perigosas. As velutinas exterminan totalmente ás abellas, un dos insectos que máis beneficia ao medio ambiente polo seu papel como polinizador.  
Dende o Concello quere agradecerse ademais o gran labor que desenvolve o grupo de apicultores voluntarios que cada ano loitan para colocar trampas e retirar os niños de vespa velutina que se detectan no municipio.
 

A Deputación aproba o proxecto para a “transformación radical” da EP-3303 Tabagón-Goián ao seu paso polo concello do Rosal
O Rosal, 20 de febreiro de 2021. O goberno provincial vén de aprobar o proxecto para a execución da mellora da mobilidade peonil na Estrada Provincial 3303 Tabagón-Goián e impulsar a “transformación radical dunha parte moi importante do noso territorio”. “Trátase dunha actuación de enorme relevancia –asegurou a presidenta Carmela Silva –, que vai reformar unha estrada que conecta os concellos do Rosal e Tomiño estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2”. O proxecto abrangue un tramo de 1,7 quilómetros que transcorren integramente polo concello do Rosal e contará cun investimento de máis de 650.000 € dos cales 520.355 € serán achegados pola Deputación de Pontevedra (o 80%) e 130.088 € polo concello (o 20%).
A presidenta provincial adiantou que esta “potente actuación” contará con varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Na primeira fase, a que vén de ser aprobada pola Xunta de Goberno, remodelarase un treito de 1,7 quilómetros cun intenso tráfico e tamén unha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinas e peregrinos que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. A través do proxecto, tal e como destacou Silva, “pretendemos deseñar unha estrada na que prime a mobilidade peonil e ciclista, fomentar hábitos saudables, favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, minorar a velocidade do tráfico, reducir o ruído e potenciar o turismo saudable porque este tipo de actuacións atraen a moita xente doutros lugares para desfrutar do espazo e do territorio”.
En concreto, crearase un carril peonil e ciclista, completarase a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionaranse dous carrís de 2,80 metros de ancho, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada da rede de alumeado público. Amais, na zona do CRA María Zambrano disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora. “Trátase da nova aposta da Deputación de Pontevedra por outra forma de entender a mobilidade nesta provincia” resumiu a presidenta.
   
Comeza a funcionar o servizo municipal de préstamo de biotrituradoras eléctricas
O Rosal, 20 de febreiro de 2021.- O Rosal vén de poñer en marcha o seu servizo municipal de préstamo de biotrituradoras eléctricas, unha iniciativa que permitirá unha mellor xestión da biomasa domiciliaria. Tras a entrada en vigor do regulamento do servizo, posto en marcha ao abeiro dunha liña de subvencións cofinancida polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, os rosaleiros e rosaleiras xa poden solicitar o préstamo gratuíto dunha biotrituradora a través da páxina web do medio ambiente do Rosal ou na propia casa do concello.
Estas biotrituradoras estarán dispoñibles para persoas residentes no Rosal e poderán utilizarse por un máximo de sete días. Para poder beneficiarse deste servizo, as persoas interesadas deberán darse de alta e dispoñer dun vehículo para ir recoller a maquinaria, que se devolverá transcorrida unha semana en perfecto estado para que poida ser empregada por outro usuario ou usuaria. Para garantir o seu correcto uso, no momento do préstamo ofrecerase ao usuario ou usuaria unha explicación do funcionamento da biotrituradora.
As biotrituradoras deberán ser solicitadas polo menos cun día de antelación e comunicando o día e hora no que se efectuará a recollida do aparello. O servizo estará aberto ao público de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. As datas ou horarios de préstamo poderán ser modificadas polo Concello en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.
Esta iniciativa nace co obxectivo “de poñer a disposición da veciñanza un servizo gratuíto co que fomentar unha correcta xestión dos residuos domésticos de orixe vexetal, que nos concellos rurais poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente. Estímase que no Rosal xéranse unhas 230 toneladas anuais deste tipo de residuos, polo que con este servizo non só se evitará que rematen no circuíto de recollida do lixo, senón que permitirá reducir o número de queimas, minimizando os riscos de incendio e contaminación ambiental. Por outra banda, tamén servirá para obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe do Concello, xa que os restos de poda triturados poderán ser empregados como estruturante ou material de acolchado para hortas e xardíns.
 

Nace o Consello Municipal de Cultura do Rosal, un órgano consultivo que servirá de viveiro de ideas e foro de debate
O Rosal, 19 de febreiro de 2021.- O Rosal constituíu este xoves o seu Consello Municipal de Cultura, un órgano consultivo que funcionará como viveiro de ideas e foro de debate para continuar apostando por unha vida cultural activa e segura na localidade, na que os barrios seguirán a ter un gran protagonismo. “Tras case un ano de crise sanitaria no que a cultura viuse moi afectada, este consello servirá para traballar da man cara unha axenda cultural innovadora, reinventada e pensada para os rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen en nome do Concello quere agradecer o esforzo que están a realizar as asociacións no ámbito cultural para continuar co seu traballo e ofrecer á veciñanza unha actividade social moderada, controlada e, sobre todo, segura.
Xunto aos concelleiros de Cultura e Participación Veciñal, Carlos Villanueva e Ramón Fernández Leal, o Consello está integrado por representantes da Agrupación Musical do Rosal, do Colectivo Carballas, de A Liga de Amigos do Rosal, da asociación A fundación, de A Jalleira, de Trebón dos Xidos, da comisión de San Gregorio, do coro Ecos do Folón, do grupo de pandeireteiras Tremelique, da asociación Festa da vendima e do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal. Tamén forman parte del Pepe “Buraco”; Juan Ramón Martínez, de Noticias O Rosal; e de Xulio Ramos, párroco do Rosal.
Neste primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e fíxose a primeira toma de contacto deste órgano que tamén servirá e viveiro de propostas e de fonte de visión crítica. Na reunión explicáronse as liñas xerais da programación cultural do Concello e a capacidade municipal para aproveitar unha crise como a producida pola pandemia para afondar no traballo de descentralización da actividade cultural e potenciar a axenda nos barrios. Un camiño de reconversión da programación emprendido “con moitas dúbidas pero con moito éxito”, xa que contou co amplo respaldo da veciñanza.
Dende o Concello plantexaron as actividades culturais que se tratarán de potenciar neste 2021 e destacaron o papel das asociacións, que “levan anos sendo o principal motor da vida cultural no municipio”. Entre as ideas recollidas neste primeiro encontro destacan a de facer unha festa do asociacionismo no que as entidades poidan darse a coñecer e explicar os seus proxectos ou realizar iniciativas para levar unha parroquia á outra. Pola súa banda, a Agrupación Musical do Rosal manifestou a súa intención de poñer en marcha este ano a segunda edición de O Rosal Cámara Fest, unha iniciativa que xurdiu para dar achegar a música aos rosaleiros e rosaleiros nun formato distinto adaptado á situación sanitaria e que tivo unha gran acollida por parte do público.
O Consello Municipal de Cultura súmase así ao de Igualdade e ao de Desenvolvemento Local, que buscan crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.
 

O Concello do Rosal traslada a listaxe das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para a súa inminente vacinación
O Rosal, 17 de febreiro de 2021.- A Área de Servizos Sociais do Rosal ven de notificar á FEGAMP as listaxes das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, tanto do servizo que executa o Concello de xeito directo, como do SAF Dependencia a través da empresa adxudicataria do servizo. Deste xeito O Rosal axiliza a vacinación deste grupo poboacional que está a traballar día a día en primeira liña con persoas de alto risco.
As persoas traballadoras de servizos asistenciais no fogar é un dos colectivos que, segundo o previsto no Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS- Cov2, recibirán a vacina nos vindeiros días ou semanas, dado que están incluidos no grupo 3B da devandita estratexia.
 
O Concello inviste 70.000 euros na mellora de estradas e no equipamento do parque de Pancenteo
O Rosal, 17 de febreiro de 2021.- O Concello continúa coas obras de mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal. Así, durante as últimas semanas, leváronse a cabo varios traballos de renovación do firme e incorporación de novo equipamento cun investimento total de 70.000 euros que foron subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. “Seguiremos traballando para conseguir que o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso e desfrute dos rosaleiros e rosaleiras, porque investir en infraestruturas tamén e investir na calidade de vida da veciñanza”, salienta o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.
A obra de maior importe foi a de asfaltado para a mellora parcial das estradas de Miranxe e Parada, na que se investiron máis de 40.000 euros. Tamén se procedeu á mellora da estrada Camiño do Fondal, en Marzán, que tivo un custo de case 24.000 euros. Xunto a estas obras leváronse a cabo os traballos de renovación do firme con asfaltado en frío en oito estradas e de acondicionamento con saburra noutras oito nos diferentes barrios.
Por outra parte, ao abeiro da mesma subvención, tamén se procedeu á colocación de novas varandas no parque de Pancenteo fabricados a medida para a zona. En total son 56 metros lineais de varanda lacada de cores galvanizada composta de tubos redondos e coas súas correspondentes chapas de ancoraxe. Esta mellora tivo un custo total de 6.000 euros.
 

A Biblioteca do Rosal reabre as súas portas
O Rosal, 17 de febreiro de 2021.- A Biblioteca Pública do Rosal reabre de novo este mércores 17 de febreiro as súas portas aos usuarios e usuarias. Como establecen as autoridades sanitarias, esta instalación municipal reducirá o seu aforo ao 30% e continuarán aplicándose todos os protocolos de precaución establecidos, como o uso dunha única entrada pola porta lateral ou o emprego de máscara en todo momento. Ademais, será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que estará a disposición dos usuarios e usuarias e respectar a distancia mínima de seguridade.
Tamén se retoma o servizo de préstamo de libros con todas as medidas de prevención estipuladas polas autoridades sanitarias. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15.30 a 20.30 horas e de martes a venres de 16.00 a 20.30 horas.
 

O Concello realizará un estudo de avaliación da xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal, en San Xian e Portecelo
O Rosal, 15 de febreiro de 2021.- O Concello vén de manter unha segunda reunión con Augas de Galicia para abordar a situación da xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal, nos barrios de San Xian e Portecelo, unha problemática sobre a que a administración municipal amosa preocupación por como afecta aos veciños e veciñas. “Dada a situación actual da xestión de augas residuais nesta zona dende o Concello decidimos tomar partido e colaborar en todo momento co órgano competente, Augas de Galicia, para atopar solucións”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Por este motivo, o Concello realizará un estudo para avaliar a situación actual na que se atopa a xestión de augas residuais nesta zona, un traballo de campo que realizará un equipo técnico especializado que percorrerá a zona para ter unha visión clara da realidade. Trátanse de case 200 vivendas e edificacións que hai nestes dous barrios, das que só arredor de 80 están habitadas todo o ano.
Por outro lado, este estudo de campo servirá tamén para cuantificar a cantidade de augas residuais que xeran de forma individual as vivendas e edificacións da zona, o que servirá para ter unha imaxe clara da situación e actualizar a información da que se dispón no Concello.
O obxectivo é determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo para un tratamento das augas residuais que permita dispoñer dunha xestión ambientalmente máis sostible que a actual. “Os veciños e veciñas destes barrios levan moitos anos padecendo esta situación, por iso estamos a dar un primeiro paso importante de cara a atopar solucións”, salienta a rexedora.  
Dende o Concello apélase á colaboración de toda a veciñanza destes barrios, fundamental para poder levar a cabo o traballo de campo preliminar.
  

Unha exposición recolle décadas de historia do entroido no Rosal
O Rosal, 12 de febreiro de 2021.- O entroido chega este venres ao Rosal dun xeito diferente. O Concello organiza unha exposición de fotografías coa que se rememora décadas de celebración do carnaval nos diferentes barrios rosaleiros, unha festa con grande arraigo, transcendencia e seguimento social no municipio.
Rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dende este venres 12 ata o vindeiro 17 de febreiro desta mostra que estará situada ao aire libre na Praza do Calvario. A través de máis de 100 fotografías dispostas en distintos paneis, o público poderá percorrer a historia do entroido en Novás, Fornelos, San Xián e O Rosal dende os anos 60 ata a actualidade.
Dende o Concello quere agradecerse a colaboración de todas aquelas persoas e entidades que facilitaron a documentación gráfica que permitiu realizar esta exposición, que tamén permite visibilizar o gran traballo que realiza a veciñanza implicada para que a tradición do entroido perdure no Rosal.
 

O Concello traslada á Xunta as incidencias co transporte público que sufre o Rosal
O Rosal, 11 de febreiro de 2021.- Pasados uns meses da entrada en funcionamento da nova concesión do transporte público dependente da administración autonómica, o Concello do Rosal trasladou á Xunta de Galicia algunhas das incidencias e problemas que sofre a veciñanza. “O noso obxectivo é conseguir mellorar este servizo tendo en conta ás necesidades reais dos rosaleiros e rosaleiras”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen destacou a boa disposición da empresa concesionaria para solucionar calquera problemática nunha reunión mantida con responsables municipais.
O Concello presentou á Xunta un informe no que recolle as principais problemáticas que hai nestes intres no Rosal, así como posibles solucións, centrándose especialmente no transporte do alumnado que estuda no IES A Sangriña da Guarda e que se despraza ata alí en autobús e nas conexións dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda.
Aínda que se crearon dúas liñas que dan servizo ao alumnado que estuda no IES A Sangriña da meirande parte do municipio, estas rutas non chegan ata as parroquias de San Xoán de Tabagón e As Eiras. Dende o Concello proponse ou ben adaptar ao horario de entrada e saída do instituto algunhas das liñas que cubre a ruta entre Vigo e A Guarda e que pasan por estes barrios ou ben ampliar o percorrido dunha das rutas existentes para cubrir todas as parroquias da localidade. O Concello tamén pon de relevo outros problema ao que se enfronta o alumnado deste centro: debido á pandemia os grupos de bacharelato teñen clase en horario de tarde, polo que se pide que “mentres se manteña a situación sanitaria actual poderían cambiarse o horario destas liñas adaptado á hora de entrada e saída que teñen actualmente”.
Outro dos problemas que preocupa ao Goberno municipal é a comunicación entre O Rosal e A Guarda, xa que aínda que existen dúas rutas circulares que unen estes dous municipios estas liñas fan un percorrido circular polo que hai autobús de ida pero non de volta.
Por este motivo, o Concello solicita que a liña circular A Guarda – Pancenteo – O Rosal – Pías – A Guarda, que percorre o interior do Rosal e conecta co Calvario e coa Guarda, teña unha frecuencia mínima de dous días propoñendo martes e sábado con saídas as 09.00 e 12.00 horas, para que haxa autobús de ida e volta. A liña A Guarda – Pancenteo – O Rosal – O Morán – San Miguel – Tabagón – As Eiras – Pías – A Guarda, que conecta a zona da ribeira no circuito circular do Rosal coa Guarda proponse tamén unha frecuencia de dous días á semana, mércores e sábados con saídas ás 09.00 e ás 12.00 h. Proponse o sábado por ser o día de mercado na Guarda.
Outras incidencias
Dende o Concello tamén se deu traslado á Xunta doutras incidencias postas en coñecemento por parte da veciñanza rosaleira e que lles está a causar distintos prexuízos. Un deles é o prezo dos billetes, que se ben baixan nas longas distancias increméntanse nos desprazamentos curtos, como pode ser o de O Rosal-Tomiño. “Queremos saber cando se van implementar a Tarxeta Galega de Transporte e a Tarxeta Xente Nova para os estudantes e como terán que facer os rosaleiros e rosaleiras para acceder a este servizo, como se asegurou na reunión mantida o pasado mes de decembro entre a Xunta e os concellos da Mancomunidade do Baixo Miño”, recorda a rexedora.
No escrito presentado tamén se destaca que a Xunta suprimiu determinados transportes a partir das 18.00 horas “entendemos que de xeito temporal”. Non obstante, esta decisión está xerando importantes problemas ao alumnado que collía habitualmente o autobús o domingo ás 19.00 horas para incorporarse ao Centro Residencal Docente do Meixoeiro, que pecha durante a fin de semana e ao que os rapaces e rapazas se reincorporan o domingo a partir das 20.00 horas.
Por outra banda, dende o Concello piden un teléfono de contacto ao que os usuarios e usuarias poidan chamar directamente para resolver calquera dúbida con respecto ao servizo, así como unha relación dos horarios e paradas das distintas liñas e rutas.
Agardamos que se tomen en consideración por parte da Xunta todas estas cuestións trasladadas polo Concello do Rosal.
 

O Concello interésase pola situación do despregue de fibra no Rosal
O Rosal, 10 de febreiro de 2021.- A alcaldesa do Rosal,  Ánxela Fernández Callís, e o técnico municipal de urbanismo mantiveron este mércores unha reunión telemática coas dúas persoas responsables do despregue de fibra no municipio por parte de Telefónica, a empresa á que un órgano supramunicipal adxudicou o servizo de implantación desta tecnoloxía ata 2024. “Aínda que o Concello non ten competencias nesta área si que nos incumbe todo o que está a pasar, xa que afecta de forma directa á nosa veciñanza. Por iso decidimos solicitar unha reunión coa compañía para informarnos de cal é a situación no Rosal”, asegurou a rexedora, que recalcou que “para nós é importante poder dispoñer dunhas boas conexións e queremos que ese despregue se faga ben, de xeito coherente”.
Durante a reunión, a alcaldesa deu traslado á compañía da crecente problemática que se está a detectar e que manifestan os veciños e veciñas co obxectivo de buscar solucións para que O Rosal dispoña deste servizo de conexión de banda ancha e mellorar a comunicación directa para a resolución das incidencias que se están a producir. Neste sentido, calquera veciño ou veciña que teña algunha incidencia relacionada coa fibra de Telefónica ou o seu despregue debe chamar ao 1002 para dar parte.
Pese a non ter competencias, dende o Concello reiterouse a boa disposición a colaborar en todo o que estea na súa man para garantir unha mellora nas posibilidades de acceso a esta tecnoloxía por parte da veciñanza, facilitando e axilizando os trámites administrativos que debe realizar Telefónica para levar a cabo as obras necesarias na vía pública para a implantación da fibra.
 

O Concello saca a licitación a explotación de dous postos no mercado municipal do Rosal
O Rosal, 9 de febreiro de 2021.- O Concello do Rosal segue a dar pasos para a posta en marcha do novo mercado municipal, un espazo vivo no que fomentar a compra de produto local e que dinamice económica e socialmente o núcleo urbano do Calvario. A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases de licitación para a explotación de dous novos postos, un destinado á venda de froitas e verduras e outro á alimentación xeral e tenda de conveniencia.
O goberno municipal dará traslado destas bases ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), que as publicará nos vindeiros días. As persoas interesadas en presentar as súas ofertas para a cobertura das vacantes terán 15 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOPPO e no perfil do contratante do Concello do Rosal aloxado na plataforma de contratación do sector público. As propostas deberán presentarse unicamente a través do Rexistro Xeral do Concello do Rosal en horario de 9 a 14 horas de luns a venres.
A concesión outorgarase por un prazo de 10 anos, con posibilidade de prórroga outros cinco.
Postos
Os Concello saca a licitación o posto número 3 do mercado, situado nun dos laterais da praza de abastos, de 9,45 metros cadrados e destinado a alimentación en xeral e tenda de conveniencia. Trátase dun posto con acabados de chan, paredes e teitos sen peche e sen espazo de cámara. Ten toma de fontanaría para vertedoiro para colocación de termo eléctrico, con catro puntos de luz mediante foco orientable en teito, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.
Por outra banda, tamén está dispoñible o posto número 4, de 13.90 metros cadrados e destinado á venda de froitas e verduras. Situado na zona central do mercado dispón de mesado horizontal e vertical de exposición de produto e mostrador en todo o perímetro, cunha franxa de 45cm exterior ao posto para exposición. Inclúe estrutura colgada de aceiro para soporte de iluminación e elementos auxiliares, toma de fontanaría, sete puntos de luz mediante foco orientable en carril, catro enchufes estancos de corrente e rede de saneamento con dúas tomas en reserva.
 

O Concello pon en marcha dous novos centros de compostaxe comunitaria no Rosal
O Rosal, 5 de febreiro de 2021.- O Concello do Rosal continúa traballando para levar a cabo unha xestión global dos residuos cada vez máis sostible e respectuosa co medioambiente, fomentando entre outros aspectos a compostaxe. Por este motivo acaba de poñer en marcha dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que sumados ao composteiro comunitario que xa estaba en funcionamento permitirá atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.
Usando criterios de eficiencia ambiental e económica, estes dous novos centros están situados na contorna do núcleo urbano e permitirán ampliar a cobertura ás edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba, así como a varios produtores singulares e edificios municipais situados na súa contorna que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Os rosaleiros e rosaleiras poderán facer uso de calquera destes tres centros operativos ubicados na:
·         Rúa Manuel Suárez Marquier (a carón de Pequelandia).
·         Estrada da Gándara (a carón do Camiño de Barbuntín).
·         Rúa do Couso (a carón da Escola Unitaria do Couso).
Compostar en calquera destes tres centros de compostaxe comunitaria é sinxelo, cómodo, limpo e de balde. Para participar, as persoas interesadas só terán que inscribirse enchendo o formulario dispoñible ba web de medio ambiente do Rosal e seguir catro pasos: separar ben na casa os biorresiduos, depositalos no módulo do centro de compostaxe que elixan, cubrilos co estruturante que atoparán nun caixón anexo e pechar a tapa.
“O noso obxectivo é dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para que poidan xestionar os seus biorresiduos e colaborar na redución do impacto ambiental de residuos vivan onde vivan. Queremos potenciar a autocompostaxe nas vivendas e dar opcións para que todas aquelas persoas comprometidas co medio e que queiran compostar teñan unha alternativa incluso cando non dispoñen de espazo no seu fogar para colocar un composteiro individual. A finalidade é tratar de reducir o volume de residuos que acaban nos colectores de resto e que se deben tratar ou eliminar no vertedoiro”, explica Sara Vicente, concelleira de Medio Ambiente.
Esta iniciativa forma parte das accións postas en marcha ao abeiro da subvención de 48.000 euros acadada polo Concello para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situ. Forma parte da liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
 

O Consello Municipal de Igualdade do Rosal bota a andar
 
O Rosal, 3 de febreiro de 2021.- O Consello Municipal de Igualdade do Rosal botou a andar este martes coa celebración da primeira reunión dun espazo que busca traballar a corto, medio e longo prazo a prol dunha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero. “Temos o pracer de contar cun consello integrado por persoas dunha gran calidade técnica en cuestións de igualdade que nos permitirá seguir camiñando cara un cambio de mentalidade da sociedade xeral e cara un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
 
O Consello está formado unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís, como estudantes universitarios e de bacharelato; persoal técnico en igualdade, saúde mental e diversidade; educadora familiar e educadora social; profesorado de educación secundaria e universitaria; membros das Asociacións de Nais e Pais (ANPA); profesionais en socioloxía, en psicoloxía especializada en psicoeducación, en sexoloxía ou en psicoloxía clínica especializada no ámbito da violencia de xénero. Tamén forman parte do Consello a propia rexedora do Rosal; a concelleira de Igualdade, Sara Vicente; o concelleiro de Educación, Carlos Villanueva; e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.
 
Nesta primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e supuxo unha primeira toma de contacto para “traballar conxuntamente na implantación da igualdade a todos os niveis no Rosal, algo que para nós é prioritario”.
 
Neste sentido, por un lado o Consello traballará na posta en marcha de iniciativas concretas que axuden a seguir revolucionando mentes no día a día do municipio e na integración da igualdade como parte fundamental da axenda cultural ao longo de todo o ano.
 
Por outra banda, tamén será labor do Consello o debullar un plan estratéxico que permita ao Concello do Rosal perfilar o camiño a seguir para a implantación da igualdade a todos os niveis.  
 

O Rosal estrea web de medio ambiente

O Rosal, 2 de febreiro de 2021.- O Concello do Rosal estrea páxina web de medio ambiente, un espazo no que se aglutinará toda a información relativa á xestión responsable dos residuos e permitirá realizar todos os trámites relacionados coa compostaxe e a reciclaxe. Baixo o lema ‘Únete ao cambio’, esta web busca achegar aos rosaleiros e rosaleiras todos os recursos á súa disposición e animalos a comprometerse co medio ambiente e a realizar unha xestión dos seu lixo respectuosa e sostible.
“Queremos concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular. Esta web será a ferramenta que nos axudará a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, a fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, a axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo a reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, sinala a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.
Trátase dunha web dinámica e activa na que todas as persoas interesadas poderán, por exemplo, achegarse á compostaxe e xestionar os seus residuos orgánicos dun xeito sostible e cómodo. Neste apartado a veciñanza terá á súa disposición información sobre a compostaxe individual e colectiva, recomendacións, vídeos tutoriais e acceso ao servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas para que rosaleiros e rosaleiras poidan triturar os seus propios restos vexetais de forma cómoda e de balde. Neste apartado tamén estarán activos os formularios para solicitar os composteiros individuais e para anotarse á compostaxe comunitaria.
No apartado de reciclaxe aglutínase información sobre todos os tipos de colectores e sobre onde botar cada tipo de residuos, incluíndo un mapa interactivo coa ubicación de cada un destes contedores. Tamén haberá espazo para o arranxo de obxectos, con información sobre as novas instalacións municipais que se porán en marcha na rúa Cumieira ou vídeos tutoriais sobre a reparación de diferentes aparellos, entre outros, e un apartado de intercambio para darlle unha segunda vida ás cousas que xa non se utilicen.  
Será unha web en constante crecemento que se irá adaptando a medida que se vaian incorporando novos servizos e que contará tamén cun apartado de preguntas frecuentes e un foro no que resolver as distintas dúbidas que poidan xurdir.
O desenvolvemento desta web é unha das accións programadas ao abeiro dos 78.000 euros de fondos europeos captados polo Concello para por en marcha dúas liñas de xestión de residuos, unha enfocada á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos para o fomento da compostaxe in situ e outra para a habilitación dun espazo municipal para o intercambio, reparación e reutilización dos obxectos. Ambas subvencións foron concedidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
 

O Concello aposta pola colaboración co tecido asociativo e agradece o seu gran traballo nun ano tan complicado
O Rosal, 1 de febreiro de 2021.- O Concello do Rosal continúa a apostar pola colaboración co tecido asociativo, eixo fundamental no desenvolvemento do municipio. A colaboración da alcaldesa coas asociacións comezou o ano pasado ao abeiro do programa A veciñanza conta e a pesar das circunstancias co COVID-19 mantívose a colaboración entre a entidade local e as mesmas camiñando da man para adaptarse á nova realidade, priorizando sempre a saúde pública.
Dende o Concello quérese agradecer a todas as asociacións rosaleiras o gran traballo levado a cabo no municipio, especialmente nestes meses tan complicados. “Queremos louvar a capacidade de adaptación que tiveron en todo momento, sendo capaces de tomar todas as medidas necesarias para continuar coa súa actividade de xeito seguro, tanto no eido do deporte e a cultura como no ámbito social”, recoñece a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora salienta a capacidade dos rosaleiros e rosaleiras para, a pesar das circunstancias, converter ao Rosal nun exemplo de dinamismo cultura, deportivo e social. “Fomos capaces de entender que a prioridade era a saúde das persoas e que, lonxe de paralizarnos, tiñamos que reinventarnos e adaptarnos á realidade que nos tocou vivir. Por iso apostamos por continuar cunha actividade social, cultura e deportiva segura, mínima, organizada e controlada na que as asociacións xogaron un papel fundamental coa súa colaboración para que todo continuara aínda que fora dun xeito distinto e para que os nenos e nenas seguiran practicando as súas actividades con total seguridade nas escolas deportivas e musicais”, explica.
Este agradecemento reflíctese nos orzamentos para este ano 2021 e no Plan Estratéxico de Subvencións, que duplica o investimento para entidades de carácter social e manteñen o apoio ao resto de asociacións. Para a alcaldesa, estes “son momentos moi complicados nos que temos que camiñar xuntos na mesma dirección. E como exemplo temos a celebración da cabalgata dos Reis Magos, un acto simbólico no que todas as asociacións tiveron a capacidade de converterse en colaboradores para levar a ledicia a todos os barrios do Rosal nunha data tan sinalada pensando sempre que a saúde das persoas é o máis importante”.
Regreso al contenido