O Rosal, abril 2021 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, abril 2021

Arquivo 2021
Grande acollida das rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón organizadas polo Concello
O Rosal, 5 de abril de 2021.- Grande acollida das rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón organizadas polo concello do Rosal para esta Semana Santa. O éxito da proposta reflíctese no rápido que se encheron as tres quendas propostas, con 24 prazas totais dispoñibles que se encheron en cuestión de horas. Un percorrido de 3,5 km cun guía autorizado co que as persoas participantes coñeceron a contorna, a súa historia e os valores patrimoniais desta singular zona rosaleira. “Queriamos ofrecer unha alternativa para desfrutar destas vacacións dun xeito seguro e en plena natureza, descubrindo a todas as persoas visitantes un dos recunchos máis fermosos do noso municipio”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O perfil maioritario das persoas participantes foron familias ou grupos de amigos tamén con nenos e nenas procedentes de poboacións da contorna: do propio Baixo Miño, do Val Miñor e de Vigo. Xente que en moitos caos xa coñecía o lugar tras visitalo de xeito libre ou tras participar nalgunha edición do Trail Adventure Muíños do Folón e que tiñan interese en participar nunha actividade guiada na que se explicase a historia desta peculiar formación de 61 muíños construídos en fervenza hai séculos. A idade dos participante foi do máis variada, dende nenos e nenas a partir de 9 anos ata persoas de máis de 70, reforzando a idea de que se tratan de rutas pensadas e adaptadas para todos os públicos.
Durante a visita, ademais de coñecer a historia da contorna, as persoas participantes tamén puideron ver funcionando o muíño número 1 e recibir unha explicación do funcionamento destas construcións con el en marcha. Ademais, puideron ver diferentes variedades de fariña de millo que se dan en Galicia pero que son pouco coñecidas.
As rutas realizáronse con todos os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias, con grupos de aforo reducido e respectando todas as medidas de prevención.
 

O Concello traslada ao Conselleiro de Sanidade as necesidades de Atención Primaria do Rosal
O Rosal, 6 de abril de 2021. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mantivo unha reunión telemática co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, para abordar as necesidades de Atención Primaria do municipio. Un encontro que transcorreu nun ambiente de cordialidade e que responde á petición reiterada feita dende o Concello e a  Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, constituída por corporación municipal, asociacións e persoal sanitario, para frear o deterioro progresivo da atención sanitaria, agravado “pola actual situación epidemiolóxica, porque a pandemia da COVID 19 evidenciou claramente a necesidade de tomar medidas para mellorar a sanidade pública”.
Durante o encontro, a alcaldesa afondou na necesidade de axeitar os rateos do persoal sanitario por Tarxetas Sanitarias individuais aos recomendados pola Organización Mundial da Saúde, xa que na actualidade no Rosal “persoal médico e de enfermería teñen ao seu cargo un número de pacientes que excede tanto as recomendacións como os máximo admisibles”. Unha situación que se ve agravada ante a decisión do Sergas de non substituír ao persoal que se atopa de baixa ou de vacacións.
Para Concello e Plataforma, este incremento no persoal sanitario deberá ir acompañado de melloras en infraestruturas e espazo “para dar resposta ás necesidades básicas sanitarias, algunhas tan esenciais como ter lugares de traballo tan pequenos que non dispoñen de lavabo no que lavar mans ou obxectos, algo imprescindible na actual situación epidemiolóxica”. Tamén reclámase unha mellora nos equipamentos, que nestes intres “a falta de espazo e sobre todo de persoal fan inviables” e a climatización do  centro de saúde, “cunha luminosidade marabillosa pero cun deseño en invernadoiro que fai que no verán se rexistren ata os 33,5 graos na sala de espera e na zona de admisión e que se rocen os 30 nas consultas”. Pola súa banda, o Conselleiro de Sanidade trasladou á alcaldesa a posta en marcha dun Plan Galego de Infraestruturas de Atención Primaria a través do que se tomarán medidas para paliar algúns dos problemas aos que se enfronta O Rosal, como a mellora da climatización do centro de saúde, e a idea inicial de reforzar o persoal sanitario do municipio coa creación dunha praza máis a finais de ano.
A alcaldesa tamén trasladou ao Conselleiro a súa preocupación pola situación do PAC de Urxencias de A Guarda, que nalgúns momentos conta con tan só un médico para atendelo, e polas medidas transitorias tomadas pola situación de pandemia, como son o peche do centro de saúde de San Miguel de Tabagón co argumento de evitar contaxios por acumulación de público e o traslado de pediatría a A Guarda.  
O Concello está a disposición da Consellería de Sanidade para traballar de forma institucional en todo o preciso para mellorar a situación sanitaria no Rosal.
  

 
En marcha un concurso de recomendación de libros para fomentar a lectura no Rosal  
O Rosal, 7 de abril de 2021.- O Concello continúa coa programación especial de abril, mes do libro no Rosal. Entre as actividades previstas para este mes, o Concello vén de poñer en marcha o concurso ‘Fomentando a lectura’, un certame de recomendación de libros co que se busca a dinamización e a promoción da lectura entre todos os rosaleiros e rosaleiras.
Para participar as persoas interesadas deberán enviar dende hoxe mesmo ata o vindeiro 21 de abril un vídeo no que inviten á veciñanza a ler, no que recomenden un libro que lles gustara especialmente ou que lles parecera interesante ou no que as e os participantes lean o parágrafo dalgún libro. As pezas audiovisuais deberán enviarse vía correo electrónico a participa@concellodorosal.gal indicando nome, apelidos e número de teléfono.
O vindeiro 23 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Libro, sortearanse varios libros entre todas as persoas que enviaran os seus vídeos. O concurso vai dirixido a todos os rosaleiros e rosaleiras maiores de idade ou, en caso de ser menores, baixo a responsabilidade dos seus pais, nais ou titores legais.
Os vídeos recibidos serán colgados nas redes sociais do Concello (Facebook, Twitter e Youtube) ao longo do mes de abril. A participación no certame suporá a aceptación das bases do concurso e implicará o permiso ao Concello para publicar o vídeo e o nome do autor nelas e na web, así como a arquivalo na súa base de datos.
Dende o Concello animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar nesta iniciativa, coa que se pretende estimular o hábito da lectura entre a veciñanza, espertando tamén a necesidade de ler dende as idades máis temperás.
 

As sobreiras da Ermida da Madalena, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia
O Rosal, 8 de abril de 2021.- O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena do concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.
Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber con excepcionais características no seu porte e dendrometría, especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.
Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogos son os seus notables valores estéticos e paixasísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico. Ademais, a capela aparece mencionada en documentos do século XII como pertencente ao Mosteiro de Oia e tamén está acreditado que a zona serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.
Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 179 elemenros de 80 especies diferentes elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. Coa inclusión das sobreiras da Madalena no catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta.
 

O Rosal incorpora 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación
O Rosal, 9 de abril de 2021. O Concello do Rosal acaba de incorporar ao seu persoal 10 novos traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2021 ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Estas dez persoas, todas inscritas como demandantes de emprego, foron as que obtiveron as puntuacións máis altas na baremación de méritos e nas probas prácticas realizadas nos últimos días.
Estes novos empregados e empregadas terán contrato a xornada completa por un tempo que oscilará entre os sete e os case nove meses de contrato, dependendo do posto ocupado. Así, contratáronse 4 operarios para a recollida de lixo e para a limpeza viaria e forestal, un condutor-operario de maquinaria forestal, un auxiliar de axuda no fogar, tres oficiais de obras albanel e un oficial electricista. Ademais creouse unha lista de agarda co resto de candidatos que superaron o proceso selectivo. Estas contratacións constituirán un gasto de máis de 129.000 euros, dos que a subvención cubre case o 98%.
Dende o Concello quérese trasladar o agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas deste proceso selectivo.
 

O Rosal viaxará pola Galicia máxica este 17 de abril da man de Marta Ortiz
O Rosal, 12 de abril de 2021. O Rosal continúa coa súa programación especial para este abril, mes do libro no municipio, coa que se busca convidar a toda a veciñanza a desfrutar da lectura e da literatura dende ben pequenos. Por este motivo, este sábado 17 de abril chega ao Auditorio Municipal rosaleiro (19.00 horas) Marta Ortiz co seu ‘Galicia máxica’, un espectáculo de balde para público infantil e familiar co que achegar a nenos e nenas ao patrimonio cultural galego dun xeito divertido.
Durante un bo anaco, o público poderá desfrutar dun espectáculo de narración oral, contacontos, música e manipulación de obxectos nos que tradicións galegas, romances, cancións e xogos serán protagonistas. Unha viaxe única pola Galicia máis sorprendente, chea de seres máxicos, cancións, xogos e tradicións que gardan con elas as costumes e o sentir dun pobo.
A entrada será gratuíta e con aforo limitado a 60 persoas polo que será necesario facer inscrición previa a través da web do Concello. A actuación desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.
E moito máis
A programación para este mes complétase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar no concurso de fomento da lectura que se está a celebrar, para o que hai que enviar un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Ademais, membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier están a facer as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro.
Todas estas iniciativas estanse a difundir durante todo este mes de abril a través da web e das redes sociais do Concello xunto a un vídeo do alumnado do CPI lendo un conto, outro libraría do Rosal dando a coñecer o máis demandado nestes intres en literatura para diferentes idades e un vídeo promocional da Biblioteca municipal. Será precisamente a biblioteca e os seus usuarios e usuarias os protagonistas doutra actividade: o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que se entregará o vindeiro 23 de abril.
Dende o Concello quérese agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, iniciativas culturais tan necesarias nestes intres.
  

O Concello busca a implicación da mocidade rosaleira coa posta en marcha dun consello local propio
O Rosal, 14 de abril de 2021. O Concello non só está comprometido coa mocidade, senón que busca tamén a implicación dos rosaleiros e rosaleiras máis novos no devir do municipio. Por este motivo acaba de constituírse o Consello Municipal da Mocidade, un novo órgano consultivo que funcionará como ferramenta para recoller propostas, resolver dúbidas, facer preguntas e obter respostas sobre as actuacións que se están levando a cabo no concello e que afectan de xeito directo aos mozos e mozas.
“Quero agradecer a participación e implicación de todas as persoas que integran este novo consello do que eu tamén formarei parte activa, xa que a mocidade é un tema co que me identifico especialmente”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora destacou a importancia que ten para o Concello a posibilidade “de contar en todos os campos coa experiencia da veciñanza, tamén dende idades temperás. É garantía de que se dará continuidade a ese tecido asociativo forte que sempre foi marca de identidade do Rosal”.
Este novo consello, constituído nunha reunión celebrada por videoconferencia, está integrado pola rexedora; por Sara Vicente, concelleira de Mocidade; Ramón Fernández Leal, concelleiro de Participación Veciñal; Laura Valderrama, mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica; Eduardo Guisantes, que estudou Tecnoloxía dos Alimentos e está a facer o doutorado en Química; Antía, doutoranda en Literatura Comparada; Iago, administrador de lotería; Cecilia, estudante de Nutrición e Dietética; Miriam Diego, mestra de educación infantil; Andrea Rodríguez, estudante de Pedagoxía; Alejandro, enxeñeiro informático; Sabela Méndez, estudante de Educación Infantil; Sabela Treinta e María Mariño, estudantes de 2º de Bacharelato; e Lea, Martín e Ángela, alumnos do CPI Manuel Suárez Marquier e representantes no Consello Escolar. Os e as participantes neste consello tamén están vencellados a outros ámbitos como o medio ambiente, o deporte, a cultura ou a música.
Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto e recoller algunhas das inquedanzas amosadas polos integrantes do consello municipal, que nesta primeira reunión se centraron sobre todo no eido medioambiental. Así, pediron que se realizaran actividades relacionadas co medio ambiente orientadas á xente nova, como campañas de concienciación, espazos de voluntariado e accións de coidado da contorna, algunhas delas xa previstas e que se realizarán en función da evolución da situación sanitaria.
Durante o encontro tamén se abordaron posibles iniciativas como a creación un espazo para a realización de calistenia por parte da xente nova ou dun espazo ao que as persoas poidan acudir como espectadoras e compartir aquelas cousas que saiban facer.
Este é o sétimo consello municipal que pon en marcha o Concello do Rosal tras o de Desenvolvemento Local, Igualdade, Deporte, Cultura, Educación e Medio Ambiente, cos que se busca crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.
 

A reforma integral do mercado do Rosal afronta a súa recta final
O Rosal, 15 de abril de 2021. A reforma integral do mercado municipal do Rosal chega á súa recta final. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, visitou esta semana as obras acompañada dos arquitectos responsables do proxecto para ver in situ a evolución desta primeira fase da remodelación das instalacións, que comezou o pasado mes de xaneiro co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que funcione como locomotora económica e social do núcleo urbano.
“Estas obras son un paso máis no compromiso do Concello polo local, investindo na mellora e modernización dunhas instalacións que contribuirán a impulsar a venda de produto de proximidade neste histórico mercado e a promover actuacións que fagan o noso comercio máis atractivo e competitivo ao tempo que dinamizan o núcleo urbano”, destacou a rexedora durante a visita ao recinto.
Tras a remodelación o mercado municipal contará cunhas instalacións adaptadas ás necesidades actuais e convertendo o espazo nun lugar máis humanizado, confortable e atractivo tanto para comerciantes como para usuarios e usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción de produtos locais.
Os traballos de reforma do edificio contaron cun investimento de máis de 207.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.
  

A Deputación adxudica a esperada mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián no concello do Rosal
O Rosal, 17 de abril de 2021. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a primeira fase das esperadas obras de mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián, que une O Rosal con Tomiño, que contan cun orzamento de preto de 650.000 euros e cun prazo de execución de dez meses. O proxecto está enmarcado no modelo de mobilidade sostible, amable e segura que se está a levar a cabo nas estradas provinciais.
A primeira fase de actuación levarase a cabo nun treito de case dous quilómetros entre Tabagón e As Eiras, coa que, como explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, “vaise reconverter de xeito integral a estrada, para darlle prioridade aos peóns/as” amais de dar solucións aos problemas existentes e satisfacer as necesidades da propia estrada, mellorando a rede viaria, as súas infraestruturas e contorna.
Os traballos contemplan a creación dun carril de uso exclusivo peonil e ciclista, para o que se aumentará a superficie da plataforma actual da calzada, así como a renovación do firme da estrada, coa consecuente redución da velocidade da circulación a trinta quilómetros por hora. Ademais, reformarase tamén a rede de drenaxe e canalización soterrada para a futura renovación do alumeado público. A nova EP-3303 contará cun ancho de 9,10 metros dos que 2,5 estarán dedicados ao carril de uso peonil e ciclista mentres que o resto da calzada estará dedicada aos vehículos, coa excepción de dous espazos de 0,5 metros a ambos lados da estrada.
  
Más de una veintena de personas participó en los cursos de apicultura en O Rosal
O Rosal, 18 de abril de 2021. Entre el 8 y el 11 de abril de 2021, más de una veintena de personas participaron en los diferentes cursos de apicultura realizados en O Rosal en colaboración entre www.cursosapicultura.com y Apicultura Niño do Corvo.
En la jornada del jueves 8 de abril se realizó el Curso de Sanidad, en el que los participantes tuvieron la oportunidad de aprender a tratar y prevenir las enfermedades más comunes en las colmenas.
El viernes día 9 de abril tuvo lugar un Curso de Alimentación, donde se explicaron los principales conceptos para salvar las colmenas con una alimentación correcta, enseñando a los participantes a hacer sus propios alimentos apícolas.
Durante las jornadas del sábado 10 y domingo 11 de abril se realizó un Curso de Iniciación a la Apicultura en el que los participantes pudieron aprenderlos conceptos básicos del mundo de la apicultura, además de tenerla oportunidad de visitar colmenares de Apicultura Niño do Corvo en O Rosal.
Desde Apicultura Niño do Corvo y www.cursosapicultura.com agradecemos a todos los participantes la confianza depositada en nosotros, esperando haber cumplido los objetivos marcados y esperando repetir esta gran experiencia próximamente.
Apicultura Niño do Corvo es una empresa ubicada en la calle Ramón Franco número 21 en O Rosal – Pontevedra, dedicada a la venta de material, formación y asesoramiento para apicultores y para personas que les guste y se quieran iniciar en el mundo de la apicultura.
En la actualidad elabora la miel de bosque “Niño do Corvo”, proveniente del más de un centenar de colmenas que posee la empresa en zonas boscosas de la Comarca de O Baixo Miño, el jardín del sur de la provincia de Pontevedra.
También  cuenta con su tienda online en www.apiculturagalicia.es
  

Este domingo no Rosal maxia e letras co Mago Teto para ilusionar e divulgar en galego
O Rosal, 19 de abril de 2021. Nova actuación esta fin de semana para toda a familia ao abeiro da programación especial organizada polo Concello para este abril, mes do libro no Rosal, co que se busca conmemorar o Día do Libro que se celebra o vindeiro día 23 ao tempo que se convida á veciñanza de todas as idades a desfrutar da lectura e da literatura de moitas formas diferentes. Así, este domingo 25 de abril chega ao Auditorio Municipal (19.00 h) o Mago Teto con ‘As nosas letras’, o seu primeiro espectáculo coa dinamización e defensa do galego como vehículo condutor das diferentes maxias coas que sorprenderá nesta actuación.
Con este espectáculo o Mago Teto rende unha homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas peza da literatura galega: dende as primeiras manifestacións literarias en galego no misterioso Medievo ata as letras das cancións escritas nos últimos anos, pasando polos Séculos escuros, o Rexurdimento ou o século XX coas súas guerras, ditaduras e prohibicións que tanto influíron na situación actual da lingua galega.
Durante a tarde o público poderá desfrutar de marabillosas maxias a través das que se espertará en todas as persoas presentes o coñecemento histórico e contemporáneo do galego levando a escena a recomposición das cantigas de Afonso X, descubriralles a incrible espada enmeigada de Merlín e Familia, verán aparecer os debuxos de Castelao da man do seu espírito ou desfrutarán da adiviñación semántica coas obras de Risco, Rosalía de Castro ou Blanco Amor. En definitiva, unha unión de maxia e letras coa que ilusionar e divulgar en galego.
O espectáculo terá entrada de balde e con aforo limitado a 60 persoas, polo que será necesaria inscrición previa a través da web do Concello para reservar entrada. A actuación desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.
Programación do mes
A programación deste mes complétase cunha proposta interactiva na que se invita a toda a veciñanza a participar no concurso de fomento da lectura que se está a celebrar, para o que hai que enviar un vídeo recomendando un autor e un libro e mesmo lendo un parágrafo da obra. Ademais, membros do Club de Lectura do CPI Manuel Suárez Marquier están a facer as súas recomendacións de forma visual e diferentes rosaleiros e rosaleiras participarán na lectura de ’27 historias para tomar sopa’ poñéndose ante a cámara para ler as historias para nenos e nenas que recolle o libro.
Todas estas iniciativas estanse a difundir durante todo este mes de abril a través da web e das redes sociais do Concello, como tamén se difundirá o premio ao bo lector na categoría de Infantil, Xuvenil e Adulto, que dará a Biblioteca municipal e que se entregará o vindeiro 23 de abril.
Dende o Concello quérese agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto, promovendo unha cultura segura pensada para todos os públicos.
 

O Rosal estrea imaxe corporativa
O Rosal, 20 de abril de 2021.- O Concello do Rosal estrea imaxe corporativa. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández, presentou este martes na Praza do Calvario o novo logotipo que servirá de imaxe municipal, “unha imaxe actualizada, contemporánea, que recolle á perfección o que somos como pobo, unha imaxe de pasado, de presente e de futuro para o Rosal”. Deste xeito, neste novo logo, deseñado por Era Comunicación,  están representados conceptualmente os trazos máis característicos do municipio: o seu valor patrimonial, a natureza e a súa vinculación coa auga.
O resultado é unha imaxe que inclúe unha cor ambigua entre azul e verde que simboliza esa fusión de auga e natureza que se dá no Rosal, cunhas ‘O’ que recollen as moas dos muíños; con dúas ondas que representan as ondas dos ríos que bañan o municipio, como o Miño, o Carballas coa ponte do Tamuxe e o do océano Atlántico na zona de costa; e cun ton verdoso que recolle a importancia a vexetación dos nosos montes e do ámbito agrícola. “Todo isto constrúe graficamente unha identidade propia que reflicte de xeito fiel a identidade en todos eses ámbitos que definen o que somos como pobo, a nosa historia e a nosa orixe”, salientou a rexedora.
“Vivimos tempos de pandemia que fixeron que procesos que xa estaban integrados socialmente como a dixitalización colleron máis peso e que fixeron que nos deramos conta de que era necesario actualizarnos. E nese proceso de modernización era fundamental ter unha imaxe actual, transversal á realidade que vivimos e aplicable a todos os ámbitos do Concello, dende as relacións institucionais ata a sinalética ou os rótulos da flota municipal”, explicou Fernández.
O Concello comezou o proceso invitando a 8 estudos da contorna e da provincia a presentar os seus traballos de xeito anónimo a un tribunal composto pola propia alcaldesa; por Elena Dahlgren, profesora de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier; Ángel, moi vencellado ao tecido asociativo rosaleiro e apaixoado da deseño; Laura, deseñadora rosaleira, e por persoal municipal. “Coa súa colaboración e coa implicación da xente nova do Rosal conseguiuse que “todos eses pequenos matices que nos representan quedaran reflectidos na imaxe”. A rexedora quixo agradecer o traballo da empresa deseñadora non só pola creación do novo logo senón tamén “pola súa implicación persoal buscando na orixe do que somos para sacar á luz unha nova identidade”.
A alcaldesa tamén quixo agradecer o traballo do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron na cocreación desta nova imaxe corporativa e que foron os responsables da elaboración de novos pictogramas adaptados á nova imaxe corporativa para ir aplicando á diferente sinalética do municipio. “Moitas grazas por deixarnos poñer un pedaciño de nós neste logo. Sentímonos moi orgullosos de participar nun feito tan importante, de algo que vai perdurar no tempo, sobre todo nun ano no que a covid impediunos facer moitas cousas”, asegurou Noa en representación do resto do alumnado participante.
A alcaldesa quixo agradecer a súa implicación a todas as persoas que achegaron o seu gran de area neste proceso de creación desta nova imaxe corporativa coa que “seguimos construíndo todos xuntos e xuntas”.
 

Recuperada unha antiga mina de auga nas obras de creación do ecoparque Campo Novo
O Rosal, 22 de abril de 2021.- A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou este martes as obras de creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, para comprobar a evolución dun proxecto que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza. Durante a visita, a rexedora estivo acompañada pola arquitecta e paisaxista María Fandiño, autora do proxecto de remodelación, quen ensinou á alcaldesa os achados realizados dende o comezo das obras hai un mes.
Durante os traballos de escavación atopouse unha antiga mina de auga que xa se canalizou e se integrou no trazado do proxecto “dándolle aínda máis valor ao patrimonio etnográfico da contorna”. Neste camiño cara a integración no proxecto inicial, xa se comezaron a facer as escaleiras de acceso que conecten esa antiga mina e lavadoiro co resto da zona.
“As obras avanzan a moi bo ritmo. A comezos de verán poderemos desfrutar xa dun espazo bonito, dun espazo creado pensando na súa contorna, buscando unha integración total. É un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, salienta a alcaldesa.
O proxecto deseñado por María Fandiño contempla a remodelación de toda a zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. A creación deste ecoparque conta cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello.
 

O CRA María Zambrano do Rosal celebra o Día do Libro repartindo marcapáxinas interactivos
O Rosal, 23 de abril de 2021.- O Rosal conmemorou este venres 23 de abril o Día do Libro cunha morea de actividades para todas as idades coas que incentivar a lectura entre os rosaleiros e rosaleiras. O alumnado do CRA María Zambrano do Rosal tamén se sumou a todas estas iniciativas repartindo marcapáxinas interactivos elaborados polos nenos e nenas nos últimos días.
Cada un dos marcadores conta cun debuxo inspirado nun conto infantil acompañado dun código QR que leva a un vídeo do autor ou autora do marcapáxinas contando o libro que recomenda. Os vídeos poden verse tamén na canle de Youtube do CRA. Os marcadores foron repartidos polos establecementos rosaleiros para regalar á clientela. Poderán recollerse tamén en dependencias municipais como o Concello, o mercado ou o auditorio.
Premios
Este venres tamén foron entregados os premios aos mellores lectores da Biblioteca municipal durante o pasado ano 2020. Os gañadores desta edición foron José Luis Iglesias na categoría de adulto, Álex Diego na categoría xuvenil e Yulissa Cividanes na infantil. Ademais dun diploma que acredita o seu bo hábito lector, os tres premiados foron agasallados con lotes de libros.
Coincidindo co Día do Libro tamén se realizou o sorteo do concurso ‘Fomentando a lectura’, un certame aberto a todos os rosaleiros e rosaleiras co que se buscaba a dinamización e promoción da lectura a través de vídeos nos que as persoas participantes podían facer as súas propias recomendacións ou ler o parágrafo dalgún libro que lles gustara. A gañadora do sorteo e do lote de libros foi Laura Varea Cascallar.
  

Sae a licitación para a explotación do quiosco permanente na Explanada do Horizonte
O Rosal, 28 de abril de 2021.- O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este mércores 28 de abril a licitación para a explotación do quiosco permanente situado na Explanada do Horizonte no Camiño de Santiago ao seu paso por Portecelo. Trátase dun módulo de 45 metros cadrados cunha zona de aseos e dúas pérgolas, unha delas con terraza. A concesión será por catro anos prorrogables outros catro máis e establécese de saída un canon anual de licitación de 3.073,69€ que pode ser incrementado á alza polos licitadores.
As persoas interesadas terán 15 días naturais a partir de hoxe mesmo para presentar as súas ofertas. Estas ofertas clasificaranse ordenadamente de maior a menos seguindo o criterio de prezo máis alto ofertado, dando a máxima puntuación de 100 puntos á oferta máis elevada e 0 puntos á que oferte o canon de saída.
O quiosco será o único punto de venda de bebidas ou comidas ao longo de todo o tramo do Camiño de Santiago pola Costa ao longo do municipio do Rosal, xa que os puntos máis próximos atópanse a 3,6 e 6,1 quilómietros, nos concellos de A Guarda e Oia, respectivamente.
Este quiosco-bar, situado nun módulo fixo que forma parte do proxecto de acondicionamento do Camiño de Santiago e da Explanada do Horizonte redactado pola arquitecta paisaxista María Fandiño, busca dotar de novos servizos á contorna para o desfrute dos veciños e veciñas de Portecelo e Sanxián, para as persoas que realicen este tramo do Camiño de Santiago ou para os e as excursionistas que se acheguen a este espazo.
Ademais, o Concello tratará de rachar coa estacionalidade convertendo a Explanada do Horizonte en punto de lecer e encontro durante todo o ano, organizando actividades culturais para todas as idades coas que dinamizar a zona.
Toda a información está dispoñible no BOPPO e no perfil do contratante da web municipal.
   
O Concello aproba un proxecto de mellora de abastecemento de auga en Viso dos Eidos
O Rosal, 13 de abril de 2021.- O Concello do Rosal aprobou en Xunta de Goberno comezar este mes de abril o proxecto de mellora de abastecemento de auga na zona de Viso dos Eidos coa que “optimizar as conexións e garantir o subministro”. As obras, desenvolvidas ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e cun investimento de arredor de 39.000 euros, permitirá a mellora da conexión da rede existente no Camiño da Buraca e que vai ata a Subida a Martín. A través destas obras executarase unha arqueta que permitirá conectar as redes existentes nesa rúa.
A implementación desta nova conexión prolongará a execución da canalización de 180 mm dun depósito anterior, repoñendo tamén os pavimentos neste tramo. Por outro lado, a execución de dous elementos de manobra permitirá a regulación mediante válvulas dos diferentes fluxos de auga, permitindo cortes sectoriais no caso de que sexa necesario. O tamaño das arquetas permitirá ademais manter esta infraestrutura nas condicións axeitadas.
Como complemento a estes traballos de mellora o Concello valorará levar a cabo tamén a substitución da actual arqueta situada na glorieta da PO 354 na rúa Xulio Sesto, mellorando o abastecemento no núcleo urbano do Rosal.
As obras durarán arredor de dous meses e medio, polo que está previsto que estean rematadas a inicio de verán.
 

Maio chega ao Rosal cargado de actividades culturais
O Rosal, 29 de abril de 2021.- Maio chega ao Rosal cargado de actividades culturais de balde para todos os públicos: monicreques, música, unha exposición e mesmo un espectáculo de tradición oral e palabras cruzadas con tres recoñecidos narradores. A primeira cita será este domingo 2 de maio ás 19.00 horas no Auditorio Municipal rosaleiro, onde o público poderá desfrutar do espectáculo de monicreques de Tarabelos ‘O traxe novo do rei’.
Retallos dos contos de sempre con esta historia sobre un traxe especial para un rei especial, un traxe novo e máxico que prometía ser un capricho inigualabre e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte. Pero... funcionará? Xa se pode reservar entrada na web municipal para descubrir como remata a historia.
O domingo 9 de maio será a seguinte cita na axenda cultural coa celebración do Concerto 35 aniversario organizado pola Agrupación Musical do Rosal. Será ás 18.00 horas na Praza do Calvario. Neste mesmo escenario desenvolveranse as actuacións musicais do luns 17 de maio (19.00 h), nas que participará o Coro infantil da Agrupación Musical do Rosal, Orballo e Lirolai.
A última actuación terá lugar o domingo 23 de maio e correrá a cargo de Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti.  Os narradores protagonizarán ‘Tres vellas (polo menos)’, un espectáculo no que compartirán co público as historias que lles contaron a eles varias vellas, fermosas narracións de mulleres sobre mulleres coas que se busca rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada ás que moitas veces se lle nega a voz para que a súa memoria, sabedoría e esencia non se perda. Terá lugar no Auditorio Municipal ás 19.00 h.
As actividades completaranse cunha exposición das láminas da escritora, poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A mostra poderá vese na Praza do Calvario do 10 ao 23 de maio.
Todas as actuacións terán aforo limitado e desenvolveranse cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade marcados polas autoridades sanitarias.  
 
O Concello traslada ao delegado territorial da Xunta as necesidades do Rosal
O Rosal, 29 de abril de 2021.- A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, mantivo este xoves xunto a varios concelleiros unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, un encontro institucional no que o Goberno municipal aproveitou para trasladar ao delegado as necesidades de mellora detectadas no concello en diferentes eidos como a educación, o transporte público, a sanidade, a dependencia ou as infraestruturas.
Neste sentido, a rexedora explicou a aposta do Concello pola recuperación patrimonial das escolas unitarias do Rosal, nas que se está levando a cabo un proxecto de piloto de rehabilitación enerxética co obxectivo de reducir custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Afondando neste mesmo eido educativo, Ánxela Fernández expuxo ao delegado territorial as necesidades de transporte ás que se enfronta o CRA María Zambrano para poder ofertar o servizo de comedor. “É unha problemática que xurde dunha nova realidade, como é a da necesidade de implementar o servizo de comedor no CRA. O Concello subvenciona o 25% deste transporte e a ANPA está a facer un importante esforzo para levar adiante o servizo, por iso solicitamos á Xunta que colabore con esta cuestión na que ten plena competencia”, salienta a rexedora.
Durante a reunión, alcaldesa e concelleiros tamén abordaron os importantes desaxustes que está a sufrir o Rosal no transporte público. Dende o Concello xa deron traslado á Xunta das incidencias detectadas no municipio, como os problemas que está a padecer o alumnado que estuda no IES A Sangriña ou as eivas na comunicación dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda, entre outros.
Outros dos temas abordados durante o encontro con Luis López foi a situación da sanidade no municipio, que se enfronta a importantes necesidades en atención primaria agravadas nos últimos meses pola situación sanitaria actual. Como xa lle trasladara á Consellería de Sanidade, Ánxela Fernández lembrou os problemas cos rateos de persoal sanitario, a falta de infraestruturas e espazo e a necesidade dunha mellora urxente nos equipamentos.
A alcaldesa quixo trasladar tamén ao delegado territorial a realidade á que se enfrontan os municipios no campo da dependencia, un servizo de vital importancia cun importante incremento de prezo que están a asumir por enteiro os concellos. “Dende o Goberno local temos clara a necesidade de apostar por mellorar este servizo, que para nós é fundamenta. Este ano incrementamos o número de horas e asumimos a diferenza de custos cun aumento na partida destinada nos orzamentos municipais”, explicou.
Por outra banda, na reunión tamén se solicitou a continuidade da senda peonil da estrada PO-353 cun segundo treito que vaia dende Marzán ata Fornelos.
A alcaldesa agradeceu a visita do delegado territorial e amosou o seu compromiso de colaboración coa institución autonómica.
  
Luis López garante a “máxima colaboración e compromiso” da Xunta de Galicia co concello do Rosal na súa visita institucional
O Rosal, 29 de abril de 2021.- O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello do Rosal e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa, Ánxela Fernández, á que lle trasladou a “máxima colaboración e compromiso” do Goberno galego co municipio.
O representante autonómico, que recolleu as peticións e necesidades para a Xunta trasladadas pola rexedora, comprometeuse a xestionalas e interesarse polo seu estado coas distintas consellerías e a informar das opcións de execución ao Concello do Rosal.
Tras o encontro, o delegado territorial destacou a “aposta” que está a facer o executivo autonómico polas infraestruturas e os servizos públicos deste municipio do Baixo Miño “para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza” e citou que as principais actuacións estanse a realizar na rede viaria, os servizos sociais, as emerxencias e o medio ambiente.
Así, indicou que a mellora do firme da estrada autonómica PO-552 ao seu paso polo concello rosalino e outros do sur da provincia atópase en fase de contratación por 1,8 millóns de euros e que vén de concederse unha partida de 34.854€ para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco.
Tamén se lle outorgou un remolque de emerxencias para mellorar a atención cidadá e, xa no eido da política social, aumentáronse as horas do Servizo de Axuda no Fogar en case 2.500 anuais, o que supón un 17,2% -un dos incrementos máis elevados da provincia-, e habilitáronse novamente 61 plazas na escola infantil autonómica para o vindeiro curso.
Finalmente, a Xunta vén de catalogar como árbores senlleiras o conxunto de sobreiras da Magdalena e, no apartado de investimentos medioambientais, concedeu 78.000 euros para mellorar a separación e reciclaxe de residuos, o que vaille permitir ao Concello do Rosal mercar 500 composteiros para a veciñanza, e para habilitar un espazo municipal destinado ao intercambio e reutilización de cousas.
“Creo que o compromiso da Xunta co Rosal é incuestionable, como se ve con todas as iniciativas en marcha, e ademais terá continuidade, xa que os Orzamentos da Xunta 2021 reservan, de xeito específico e directo, alomenos 443.000€ para o municipio”, concluiu o delegado territorial.
 

Regreso al contenido