O Rosal, 24/06/20 - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Rosal, 24/06/20

COMARCA
O Concello esixirá a reapertura da consulta do Centro de Saúde de Tabagón e a recuperación de pediatría
O Rosal, 23 de xuño de 2020.- A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, ten solicitada unha reunión co responsable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, para abordar a precaria situación sanitaria que está a vivir o municipio e que ten previsión de agravarse nos meses de verán ao non cubrir as vacacións dos profesionais. Por este motivo, o obxectivo desta reunión será reivindicar a necesidade de non reducir a dotación médica durante os meses de xullo e agosto e mesmo aumentar o persoal para reducir a longa lista de agarda para unha cita de atención primaria e poder dar resposta ao aumento de poboación no Rosal durante estes meses.
Nesta reunión, a alcaldesa tamén esixirá a reapertura do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, actualmente pechado pola Consellería de Sanidade ao considerar que non reúne as condicións sanitarias precisas para facer fronte á crise da COVID-19. Dende o inicio do estado de alarma, os pacientes que acudían a este centro foron desprazados ao Centro de Saúde da Guarda e, dende o pasado 1 de xuño, trasladados ao Centro de Saúde do Rosal. Ánxela Fernández pedirá a reapertura deste consultorio á maior brevidade posible en canto o permitan as condicións sanitarias, evitando os continuos desprazamentos, cambios e incomodidades para as e os pacientes asignados a este centro de saúde.
Durante o encontro tamén se reclamará a recuperación da consulta de pediatría no Centro de Saúde do Rosal, que foi desprazada á Guarda para liberar espazo neste centro de saúde para acoller aos pacientes da consulta de San Miguel de Tabagón, deixando ao municipio rosaleiro sen servizo e obrigando ás familias a desprazarse.
Regreso al contenido