O grupo adegueiro Méndez-Rojo doa 2.000 máscaras cirúrxicas ao Concello do
Rosal
O Rosal, 22 de maio de 2020. O tecido asociativo, veciñal e empresarial do Rosal continúa a dar mostras
da súa enorme solidariedade. O grupo adegueiro Méndez-Rojo, que conta con novas
instalacións no municipio rosaleiro, acaba de doar 2.000 máscaras cirúrxicas ao
Concello. Trátase de máscaras dun so uso que teñen función preventiva que cun
uso correcto permite evitar que a persoa que a leva posta poida contaxiar á
xente da súa contorna.
O material doado polo grupo adegueiro irá
destinado ao persoal de Servizos Sociais do Concello, departamento que poderá
entregar máscaras de forma puntual a aquelas persoas consideradas de maior
vulnerabilidade ou a persoas de risco.
O Concello quere agradecer o xesto de
xenerosidade do grupo Méndez-Rojo e do seu director comercial, Dionisio Oseira,
quen se achegou esta semana á Casa consistorial para facer entrega de todas as
máscaras. Entre as adegas que forman parte do grupo Méndez-Rojo encóntrase Vía Atlántica
Rías Baixas, situada na zona do Rosal.
“Estamos abraiados co compromiso e coa gran
resposta que está tendo a veciñanza e o noso tecido empresarial nun momento tan
complicado. Todas as doazóns, por pequenas que parezan, axúdannos a enfrontar
esta nova realidade. Temos claro que cada xesto suma, así que non podemos máis
que dar as grazas por todo o esforzo e solidariedade”, recalca a alcaldesa,
Ánxela Fernández.