O Renacemento na Guarda - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O Renacemento na Guarda

PUBLICADAS
O Renacemento na Guarda (I)
por Xurxo González  
    
Introducción
 
O propósito desta serie de artigos será facer unha investigación histórica sobre unha etapa do pasado da Guarda da que se pensa, erroneamente, de que aportou moi pouca cousa, estoume a referir ao Renacemento. Un tempo que ficou cristalizado nunha cifra importante de restos patrimoniais. Ao analizar estas obras, a xente pode chegar a pensar que son dunha calidade de terceiro orde, unha desvirtualización razoábel coñecendo os grandes frutos do período como os que se erixiron nos grandes lugares emblemáticos para este período; estou a falar de Florencia, Roma ou El Escorial. Con este informe non pretendo reivindicar a relevancia das obras que están espalladas pola Guarda, máis ben, intentarei reflexionar como o Renacemento, un movemento cultural de capital importancia para o desenvolvemento da humanidade, chegou a expandirse ata polos lugares máis recónditos da xeografía galega.
 
O Renacemento, que supuxo un troco no pensamento, nas artes ou mesmo no modo de viver, deixou a súa impronta nunha época chea de fortes tribulacións. Isto, claro está, foi feito de distinto xeito e forma, podéndose calibrar a escala do acontecido a través dos feitos e das obras. Neste senso, tendo en conta os restos que hai na Guarda encadrados no século XVI, lévame a soster de que o Renacemento foi unha época de capital importancia no pasado da Guarda, un período de grande prosperidade económica e cun forte sentir relixioso.
 
Por outra banda, con este traballo pretendo axudar a coñecer outras obras que, a pesar de ter menor magnitude, axudan a potenciar unha época da Galiza que, xeneralmente, se lle dá moi pouca importancia histórica e artística. Este desinterese foi producido polo recoñecemento dos trocos producidos noutros florecementos, sendo o medieval o que define, en grande medida, o deambular polos séculos vindeiros da sociedade galega. Apesares da pouca permeabilidade das tradicións e as costumes adquiridas durante o medievo, o Renacemento, como grande movemento cultural, marcou o desenvolvemento futuro dos grandes estados e, como imos ver, tamén soubo empapar con moito máis que meras pingueiras á terra galega.
 
Antes de rematar esta breve introducción, gustaríame adiantar un breve inventario das obras existentes na vila da Guarda e que, en vindeiras ocasións, imos a tratar con detalle. Deste modo falaremos da Torre do "Reló", da ampliación da igrexa parroquial, das táboas pictóricas que hai no seu interior, do convento das freiras bieitas e algún outro resto espallado pola vila.
Contexto histórico
 
O finamento da Idade Media produciu un troco nas institucións e na xente que posuía o poder nunha España que comezaba o seu soño imperialista e onde Galiza pasou a ter pouco que dicir por non dicir nada. Os derradeiros acontecementos do século XV estiveron marcados pola chegada dos Reis Católicos. Este feito sumiu a Galiza nun fondo ostracismo que Castelao definiu, de xeito acertado, como “a castración e doma do Reino da Galiza”. Uns efectos que, en parte, aínda estamos a pagar na actualidade.
 
O século XVI é o paso cara o Mundo Moderno, supoñendo a transformación das relacións da monarquía coa nobreza galega, pagando, esta, o seu grave erro de cálculo nos apoios nas causas sucesorias. Mais, aínda así, a súa importancia é innegábel como fonte de promoción e labor fundacional de obras renacentistas, tal como o demostran os conxuntos heráldicos que, desde aquela, ornamentan os muros de moitos predios. Estes tamén se fan acompañar dos escudos doutro poder emerxente que é o clero, ao cal a monarquía restableceulle o seu patrimonio e poder que lle fora confiscado por unha nobreza cobizosa. Tamén todo o eclesiástico foi reformado coincidindo coas directrices trentinas a favor da Contrarreforma. A Igrexa converteuse nun brazo controlador da sociedade ao que lle beneficiou a instauración da Inquisición, organismo que traballou inutilmente por erradicar a fonda e antiga superstición do pobo galego.
 
No aspecto económico produciuse unha grande potencialización da agricultura coa progresiva chegada de novos alimentos como o millo e a pataca, uns vexetais que terían un excelente campo de cultivo na comarca do Baixo Miño. Esta bonanza vai producir un incremento da poboación que desde sempre ocupou as ribeiras fértiles do río Miño. Mais, o que se notou na Guarda foi o auxe da actividade pesqueira. Un fenómeno común noutras zonas de Galiza e que supuxo o florecemento doutros núcleos costeiros. Este enriquecemento atraeu a outros oficios como carpinteiros, zapateiros, ferreiros,… que atopaban, igual que nas cidades, un bo sitio onde estabelecerse. Na Guarda a pesca era a actividade máis importante e non sería de estrañar que se configurara algún tipo de asociación ou gremio de mareantes como os creados por aqueles anos en Pontevedra ou en Noia.
 
Entre as relacións da Guarda con outras zonas peninsulares destacan as que tiveron con mariñeiros portugueses que facían escala no porto da Guarda durante as viaxes das súas pescaderías. Nese século, tamén se produciu un desenvolvemento do comercio da madeira no que se explotaban as frondosas fragas galegas para cubrir as necesidades de zonas como Andalucía ou Portugal. Con bastante certeza, o Miño sería aproveitado para facela chegar ata A Guarda xa que, lembremos, na súa ribeira existe unha grande tradición no sector madeireiro e na construcción de barcos.
 
Mais este desafogo económico, non puido evitar a chegada de grandes pandemias, sobre todo a peste, que traían inevitábeis fames que mermaban obstensibelmente á poboación. Neste senso destaca a peste máis virulenta, a do ano 1563. Este dato é importante para entender o incremento do culto a San Roque do que, ao día de hoxe, se dá testemuño na freguesía de Salcidos.
O urbanismo medieval

Non se pode esquencer que A Guarda é un importante asentamento de poboación desde moi antigo, indo máis alá da cultura Castrexa, atopándose, incluso, restos da Idade Paleolítica. Mais a actual localización e formación estructurouse durante a Idade Media. Apesares de ter unha vía fluvial de primeiro orde moi próxima ao asentamento principal decantouse pola ribeira do mar para, deste xeito, explotar, con maior facilidade, a riqueza que este contén. Esta característica parece condicionar a forma do burgo: irregular, levemente triangular, cun dos seus lados facéndolle fronte ao mar e no vértice oposto a Igrexa.
 
Esta forma está testimuñada pola presenza dunha muralla, a cal, aínda que hoxe en día non se conserva na súa totalidade si sobreviven algúns fragmentos como o da Ireira e o que diferencia entre a rúa “do muro” e a “do baixo muro”. Dentro deste recinto estaban situadas casas que serían de pedra, tella e madeira, materiais todos eles moi fáciles de obter dos recursos naturais próximos ao núcleo. O aumento da presión demográfica produciría unha intensa ocupación do casco urbán, cedéndose as parcelas interiores para a edificación e, posteriormente, a compartimentación e fragmentación progresiva das casas. Este asentamento tiña continuidade entre o “muro” e o mar, un espazo no que se asentou a poboación mariñeira e que era chamado -de maneira despectiva-, como “malta”, de aí o nome da rúa Malteses. Chegaría un momento que o espazo murado sería ocupado na súa totalidade polo que as vivendas saltarían fora del, potenciándose os barrios situados arredor dos camiños de acceso ao pobo (Pirún, A Cruzada, Sobreavila,…)
 
Destaca da muralla medieval, a posición da Igrexa acompañada por un camposanto e a distribucción vial, onde todas as rúas vanse ramificando progresivamente cara o mar. Entre as rúas hai que sinalar dous espazos abertos que son a praza do mercado (Monte Real) e a praza do concello (Praza do Reló). Esta última, ao chegar o século XVI, potenciarase erixindo unha torre sobre outra máis antiga que formaba parte do conxunto defensivo da localidade. Este espazo contaba con moito significado social xa que, nas súas proximidades, se asentaría o poder local e casas pertencentes á nobreza.
 
No século XVI ampliouse a igrexa medieval e nesa expansión ocupou a zona do camposanto que estaba á dereita da fachada. Tras trocar o emprazamento dos mortos ese espazo, que se denomina como Eirado, converteríase no lugar destinado ao secado de cultivos ou ás manifestacións públicas como, por exemplo, os axustizamentos. En troques, para construír o convento das bieitas atopáronse neste século con todo o espazo urbán ocupado, decindindo o seu asentamento no exterior aproveitando unha vaguada na orografía. Unha finca que se mantiña libre de edificacións porque era propiedade da nobreza. Un espazo singular que, nas distintas etapas da historia, condicionaría, de maneira obstensíbel, o futuro crecemento urbanístico da Guarda.
A Torre do Reló
 
A denominación tanto desta torre como da praza é algo moi reciente e o nome popular que se lle deu foi instaurándose despois da doazón dun reló para a vila por parte do indiano J. M. Andreini e Verde no ano 1920. Presidindo esta “praza maior” atópase unha torre anexionada á Casa Consistorial. Unha construcción que era símbolo do poder local e tiña nas súas proximidades unha cárcere aínda que agora atópase desaparecida. Antigamente existía unha torre de vixilancia que foi desfeita en tempos dos Reis Católicos. Mais non se tardou moito tempo en reconstruila, así foi como o bispo de Tui, D. Diego Fernández de Torquemada, deu a orde do seu restabelecemento no ano 1570.
          
Os sillares da construcción delatan distintas fases constructivas. A estructura ven dada por un primeiro corpo en forma de cubo bastante grande que nos permite facernos unha idea de cales eran as dimensións da antiga torre medieval. A torre ten un pequeno acceso con escaleiras no interior. A base do corpo ten pedras de tamaño máis grande e con forma máis irregular co resto. Os muros son dobres que nos falan da súa función defensiva. A seguinte fase xa é do período que nos ocupa, sendo a forma dos sillares un elemento conformador da unidade co resto da construcción.
 
O segundo corpo ven estabelecido por non aproveitar toda a base que supón o primeiro corpo. Este detalle fai supor que a nova construcción cambiara de funcionalidade, pasando dun emprego defensivo a outro máis urbanístico no que representar, simbolicamente, o poder civil. Un troco que se engloba, directamente, co novo pensamento renacentista. Está emprazado nunha esquina polo que se lle ve desde o exterior un acceso lateral de escaleiras ao ar libre. Este corpo si é do século XVI e está rematado por un cornisamento cunha especie de tubos de pedra coa superficie estriada en dúas fases. O remate pusúe unha forma de trompeta, mais, curiosamente, sen orificio. Esta sorpresa resulta da comparación que se pode facer cos moitos “recolle augas” que teñen esa mesma forma nos tellados do pobo. Por tanto cabe concibilo como un elemento máis decorativo que funcional.
 
Este segundo corpo ten dous escudos, un é o local (a representación máis antiga que se conserva deste motivo) e o outro é o de Torquemada. Recentemente puxéronse dous escudos que estaban nunha casa nobiliaria que botaron a baixo na cercana rúa Colón. Estes datan de finais do século XV, dos turbulentos días de Pedro Madruga e os Reis Católicos. Nesa casa vivía Elvira Correa, irmán do párroco Lorenzo Correa que ten a súa sepultura e escudo detrás do altar da Capela da Virxe das Dolores na igrexa parroquial. Estes escudos nos remiten a grandes apelidos de familias nobres guardesas como os Zuñiga, Ozores, Soutomaior ou Pereira.
 
O remate da torre consta dunha serie de pináculos nas esquinas e uns elementos parecidos a soportes de futuros escudos que estilizan a construcción. O máis probábel é que pertenzan á segunda reforma realizada no 1730 polo rexedor Fernando de Castro Bullán e Figueroa. Deben ser desta época porque a talla de pedra é moito máis refinada e minuciosa. A torre remata cun terceiro corpo troncocónico que é a base da instalación metálica que sosten a campá.
A ampliación da igrexa parroquial
 
Dar unha volta completa ao arredor deste templo permítenos diferenciar varios modos constructivos que pertencen a distintos períodos da historia. As características que definen cada zona son suficientes para delatarse estilisticamente.
 
O lado norte posúe uns muros de pouca altura, formados por pequenas pedras irregulares que reciben a axuda duns contrafortes grosos e achaparrados. O tellado nesa vertente ten un claro escalón que indica a necesidade da nova construcción por tomar altura. As fiestras que hai nesta zona son de escasas dimensións. Este tipo de arquitectura responde ao estilo románico levándonos polo menos ata o século XIII. Polo tanto aventuramos unha hipótese; daquela sería unha igrexa pequena, cunha torre e un pequeno pórtico. Esta igrexa tiña cara o suroeste, ao seu carón, o camposanto, mais, por culpa da expansión, sería cambiado de sitio.
 
O seguinte paso foi a construcción da Capela da Virxe das Dores, un espazo en consonancia coa antiga igrexa de pouca altura aínda que cuberta por unha bóveda de crucería de época gótica na que se aproveitan para recibir os nervios os grosos muros e os contrafortes situados nas esquiñas das paredes exteriores. A capela foi fundada polo párroco D. Lorenzo García no ano 1520, segunda a inscripción sobre o arco da capela ao pé do escudo do cura: “Esta capilla mando facer Iso Correa, Año mil DXX”. Dentro, detrás do altar, hai un escudo coas armas do fundador no frontis da caixa sepulcral. O escudo dos Correa representa unha árbore superada por unha águia que leva nas súas gadoupas un peixe.
 
O incremento da poboación foi un signo constante durante o século XVI, fenómeno auspiciado pola bonanza económica na vida dos mariñeiros. Nesta época reconstrúese a igrexa da Guarda ao igual que pasou noutras vilas costeiras como Baiona, Cangas ou Bouzas. Antes de que se levase a cabo a obra xa houbera unha chamada ao arranxo por parte do bispo tralo informe feito durante a visita de D. Sebastián Rodriguez Orduña, este a considerou pequena e insuficiente sendo da opinión de construír unha nova. Mais foi no 1576 cando o bispo da diócese de Tui, D. Diego de Torquemada (anos de obispado do 1564-1582), cando se preocupou en que o proxecto rematase en bo termo. Excepto a fachada e o campanario actual, que son do ano 1784 e do 1800 respectivamente, o resto da igrexa pertence a este período.
Capela Virxe das Dores
 
A ampliación tomou como punto de partida os sólidos muros románicos para extenderse cara o sur. A planta da igrexa é rectangular, cunha cabeceira recta formada por unha fonda Capela Maior. Consta de tres naves, a central máis ancha que as laterais. A anchura da nave central é igual que a da Capela Maior separándose desta por un arco triunfal. As naves están separadas lonxitudinalmente por grandes e amplas arcadas que descansan sobre uns soportes cilíndricos. Aos pes da igrexa disponse un coro que ten como acceso unhas escaleiras na nave lateral dereita, os soportes do coro defiren do resto xa que é un pilar composto por dúas columnas. Na derradeira arcada, antes de chagar ao presbiterio, hai dúas naves laterais perpendiculares; a xa referida Capela da Virxe dos Dolores e, na mesma altura, a Capela da Santísima Trinidade. Estas capelas son de escasa profundidade mais, na planta, suxiren levemente unha estructura cruciforme con todo o simbolismo que iso implica. Debaixo da torre, tamén en planta, hai unha pequena capela chamada das Ánimas que posúe unha dobre bóveda de canón a distinta altura, unha que aborda a anchura do muro norte e outra que cubre o resto. O teito, ante a apreciábel anchura das naves, ten unha cuberta de madeira, restaurada fai pouco, e as únicas partes abovedadas son a das capelas. A dos Dolores, como xa quedou dito, ten unha bóveda de crucería, a Maior unha bóveda de medio canón decorada con casetóns e a da Trinidade cunha bóveda de arista. As bóvedas pétreas realizan máis presións tectónicas polo que todas elas no exterior están reforzadas con contrafortes, uns elementos que se foron estilizando e medrando en altura segundo se construía cara o sur.
No tocante aos accesos no lado sur fíxose unha fachada que corresponde con todas as características dunha portada renacentista, unha decoración totalmente clásica aínda que con grande sinxeleza ornamental. A porta é un arco de medio punto enriquecido por varias molduras. Este arco está flanqueado por dúas columnas exentas repousando sobre plintos. É difícil coñecer a orde da columna, o capitel ven precedido por un collariño simple aínda que bastante voado, posúe unha talla moi somera que na actualidade non deixa ver debuxo ningún. Este detalle fainos pensar que apesares de que o arquitecto tiña coñecementos de anovación compositiva renacentista aínda non estaba totalmente sumerxido nun clasicismo pleno. O entablamento ven dado por unhas liñas horizontais onde o único que as anima é a fragmentación do establecemento pola distinta disposición de planos. Enriba, hai un friso que está totalmente limpo e coroando a porta temos un frontón totalmente fechado que no seu interior ten unha fornacina volteada coa forma dunha venera. Neste lugar atópase a imaxe da patrona do edificio, Santa María da Asunción, escultura que responde claramente a súa iconografía, enrriba dunha nube rodeada de querubíns e bendecindo co brazo dereito, mais a talla xa é barroca. Hai que dicir que tanto esta figura como o tímpano tiñan policromía como o certifican os restos que aínda permanecen na actualidade. Esta fachada complétase cun grande ventanal rectangular enmarcado con codillos nas esquinas mais está abertura tamén denota que foi efectuada a posteriori, en tempos do Barroco.
 
O interior da igrexa é moi amplo e está marcado polas pautas lonxitudinais das columnas que suxeitan os arcos formeros. As columnas repousan nunha especie de podiums, están formadas por sillares de sección semicircular que se van alternando na súa disposición para soportar mellor as presións. Os capiteis case non se decoran se exceptuamos uns motivos circulares intentando simular timidamente unhas volutas. Perimetrando o interior da igrexa existe unha grande profusión de altares, mais ningún é renacentista. Os muros das bóvedas da Capela Maior son de cor branca, facendo un fermoso xogo coa rede pétrea que fan os casetóns que enchen o teito. Uns encadres onde, a finais do século XVIII, pintáronse uns frescos nos que se representaban as letanías do rosario. De cor branca tamén son os muros e o teito da Capela dos Dolores para intentar sacala da penumbra na que se atopa. Os muros da Capela da Trinidade, e a igual co resto dos muros da igrexa, non están estucados deixando a pedra a intemperie.
 
Por último, cabe falar da Capela da Santísima Trinidade, unha construción que xa entra nos presupostos do gótico; espazo alto, abovedado e con bastantes vanos. A realización desta capela debeuse á doazón de Dna. Francisca Vazquez Falcón quen deixou todos os seus bens para a súa construcción e de aí que os seus restos repousen nela desde o pasamento da señora no ano 1613 segundo indica a inscripción da lápida. Mais a inauguración fíxose cando a benefactora aínda estaba con vida, o 20 de maio de 1596, cando a igrexa tiña como párroco a D. Pedro Blanco.
O convento das Bieitas
 
O convento xurdiu no 1558 sendo unha iniciativa de D. Álvaro, D. García, Dna. Isabel e Dna. Ana, fillos de D. Vasco Ozores, Sr. de Teanes, e Dna. Ana Páez de Sotomaior. Esta casa monástica estaría supeditada a Regra de San Bieito. O edificio comezou a erguerse previa licencia do bispo D. Diego de Torquemada. No 1561 rematouse unha primeira parte da obra, a construcción indispensábel para acoller canto antes ás freiras. Esta primeira construcción debeu ser a parte máis antiga, a dos espazos que dan para a fachada principal, construccións que servían para acoutar parte do terreno no que se situaría o resto do conxunto conventual. O 7 de outubro dese ano o nuncio papal D. Próspero de Santacruz, bispo de Cisano (Italia), aprobou a fundación e constitucións polas que se tiñan que rexer a comunidade relixiosa. Aquí está o dato máis interesante e polémico xa que este convento naceu cunhas prevendas que, a pesares de pertencer, como é lóxico, á Congregación de San Bieito de Valladolid, o mantiñan libre da casa madre das bieitas en Galicia, estoume referir do convento de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela. (Para máis información sobre esta excepcionalidade ver: García Colombás, M. B.: Las Señoras de San Payo, Caixa de Aforros de Galicia, Santiago de Compostela, 1980). Ata o 5 de agosto de 1567 non se posesionaron as relixiosas deste cenobio situado a escasos metros do burgo de pescadores. O convento, a parte da edificación, tiña anexionado un grande terreo que empregaban como horta para cumplir a máxima da “ora et labora”.
 
Este predio é un dos edificos máis complexos que existen na Guarda. A súa planta responde as características dun edificio conventual, cunha estructura claustral claramente definida. A orografía en plena declinación fai que os corpos, desde o norte –onde está a igrexa-, ata o sur, vaian incrementando a súa altura buscando, así, unha uniformidade no conxunto. A igrexa únese a un cadrado de dous andares arrredor do claustro. Despois prolóngase as naves dos lados oeste e este do claustro cara o sur, alcanzando, nos seus extremos, as tres alturas. O acceso apenas se potencia, a entrada faise a un patio através dun só arco de medio punto decorado cunha cruz de ferro, escoltada por pináculos e na clave do arco está esculpida unha fermosa pomba que representa o espíritu santo. Este arco cara a dereita dá paso a un muro almenado que limita un patio que se moldea ao comezo da rúa Concepción Arenal. O convento nesta fachada ten un retranqueo para adaptarse á vía pública, evitando así facer unha fachada que en planta tería unha clara forma curvilínea. Xa dentro do convento, no vestíbulo, sí hai unha porta monumental mais ésta é posterior, de estilo barroco.
O edificio está conformado por grandes pilastras nos currunchos, estas teñen un podium e un capitel. Os distintos pisos veñen separados por liñas de cornisamento, único artellamento dos muros. Estas paredes están conformadas por pedras miudas e irregulares previas a un estucado que lle daba logo unha brancura característica aos edificios da época. Nesta brancura destacan os vanos que son de distintos tamaños. Todos adintelados e enmarcados tendo, a maioría, unha especie de aleiro na parte superior composto por dúas pezas pétreas xunguidas que dan a impresión de posuír un pequeno frontón cada unha. Este elemento é a mostra máis evidente do Renacemento na Guarda xa que é unha derivación do elemento arquitectónico máis característico dos pazos renacentistas italianos. Despois ven unha ampla cornisa onde repousa o aleiro e no tellado hai elementos ornamentais aéreos. Uns pináculos e cruces que, ao meu entender, puideron ser elementos incorporados unha vez rematada a obra, xa no s. XVII, en pleno Barroco. Estes elementos están situados nas esquiñas, prolongando as veces as liñas verticais das pilastras e, polo tanto, estilizan máis a construcción. Os pináculos e as cruces aparecen profusamente decorados con debuxos esquemáticos de antropomorfos, motivos xeométricos e letras respondendo algún tipo de inscripción ou xeroglífico. Esta decoración está tallada tanto a bisel como a reserva. Tamén hai que destacar a chimenea mais tamén reponde a unha tipoloxía barroca.
 
A parte de labores agrícolas neste convento tamén dedicábase a ensinanza. Así se entende a fragmentada distribucción interior en innumerabeis espazos: celdas das freiras, refertorio, cociña, aulas, almacens,… Máis o espazo máis significativo do convento era a igrexa, hoxe fatalmente restaurada xa que parece un corpo alleo ao recinto conventual. A igrexa é dunha soa nave que está cuberta por unha bóveda de canón artellada por arcos de medio punto que actúan como faxóns. Estes arcos repousan en pilastras pegadas aos muros que resaltan as pautas lonxitudinais. Entre pilastra e pilastra, nos dous derradeiros tramos, se dispuñan distintos altares no honor de distintos santos. Logo viña o altar maior onde había un retábulo, actualmente desaparecido, con forma semiesférica, como se fora un ábside inscrito nunha cabeceira rectangular. Á esquerda estaba a sancristía e no lado do evanxélio existe un sepulcro cunha inscripción que dí: “Aquí está sepultado Alvaro Osores de Sotomaior, fundador lpa trono este monasterio. Falleció a 5 de octubre de 1594”.
 
O convento tivo unha reforma no século XVIII realizada por un mestre de obras portugués Francisco Lorenzo Eiras, na que se construiu a fachada barroca do acceso norte da igrexa. Máis tarde, no s. XIX, durante a desamortización de Mendizábal foi vendido e saqueado parte do seu patrimonio. Dúas décadas máis tarde foi devolto ata que, a finais da década dos oitenta, foi definitivamente vendido por atoparse nun estado de avanzado deterioro. Hoxe en día esta edificación está restaurado e acolle un negocio de hostelería con indudábel atractivo.
Pinturas manieristas da igrexa parroquial da Guarda
 
Todas estas pinturas manieristas -enténdese Manierismo como a última fase do Renacemento que da paso ao Barroco-, formaban parte de varios retábulos primitivos. O seu número elévase na actualidade a vinte táboas realizadas todas por un mesmo obradoiro nun mesmo momento. Hoxe en día están distribuidos en catro lugares. Sobre o arco triunfal atópanse oito táboas, algunha delas recortadas en boa parte, respondendo aos seguintes temas: na parte inferior; Adoración dos pais e dos anxos, Pentecostés, Ascensión, Resurrección e Epifanía, na parte superior; San Agustín e San Xerónimo, A Coroación da Virxe e San Ambrosio e San Gregorio. A media altura, no retábulo barroco da fronte da nave dereita atópanse San Andrés, un Santiago e, no centro, un Ecce Homo. Nese mesmo retábulo recentemente restaurado, no andar inferior atopouse dúas pinturas cadansúa cunha figura enteira, a de San Xan e a de San Pedro. No retábulo barroco da fronte da nave esquerda están Santa Mariña de Augasanta, San Xacinto e San Vicente Ferrer. Por último hai catro táboas localizadas no almacén da parroquia onde están representados Santa Lucía, Santa Águeda, San Martiño de Tours e San Antón Abade.
 
Este amplo programa está relacionado cos pintores portugueses que viñeron a Galiza durante o último cuarto do século XVI. Estes pintores procedían dos obradoiros que se localizaban nas cidades de Braga e Porto. Cidades importantes e próximas a Galiza e que tiñan máis posibilidades de recibir influencias exteriores, resulta oportuno lembrar que Portugal era unha das potencias económicas do momento.
 
Segundo o experto José Manuel García Iglesias, segundo o seu libro “A pintura manierista en Galicia” (Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1990), estas obras hai que relacionalas co obradoiro dos Serbeira. Un obradoiro que xunto a do pintor Francisco Teide (ten pinturas na igrexa de Santa María a Grande de Pontevedra e na igrexa do mosteiro de Santa María de Monterramo) proviñan da cidade de Porto. Os Serbeira establecéronse na cidade de Tui. Hai datos do ano 1611 que falan dun pintor veciño de Tui que se chamaba Felipe de Serbeira e tamén dun pintor que traballaba na colexiata de Baiona no ano 1618 e que se chamaba Manuel Serbeira Pérez. Este último dato aparece en Pérez Constanti: “Diccionario de artistas que florecieron durante los siglos XVI y XVII”, Santiago de Compostela, 1930. Cicais estes sexan os seus descendentes sendo referida como obra do pai ou do mestre o conxunto mural do presbiterio de San Bartolomé de Rebordáns e as pinturas da Guarda da que estamos a falar.
A chegada de pintores lusos nesta época foi considerábel e influiron dunha maneira notábel ao desenvolvemento da actividade pictórica galega. Estes pintores do Norte de Portugal tiñan moi presente a obra de Durero, especialmente as súas estampas e as súas gravaduras xa que circulaban polos principais portos europeos supondo unha excelente base compositiva sobre a que facer variacións. Isto delata que se decantaban máis pola pintura Flamenca que a Italiana, apesares de que através de España chegaba un italianismo “de segunda man” por medio de artistas como Juan de Juanes. As obras que facían poden verse determinadas supervivencias tradicionais misturadas con fórmulas de modelos italianos sobre todo no senso da monumentalidade.
 
Ante o amplo conxunto que temos diante imos a facer unha breve descripción e facer referencia aos datos máis sobranceiros destas pinturas.
 
As do arco triunfal foron recortadas para adaptalas ao espazo onde están ubicadas na actualidade. Na Adoración dos pais e dos anxos e na Epifanía supón unha clara variación respecto a estampas moi coñecidas realizadas por Durero. Na Resurreción e na Ascensión se potencia a figura de Cristo ubicándoo no centro, sendo flanqueado por soldados e apóstolos e cun fondo con brillos dourados froito do explendor celestial. Na táboa de Pentecostés o centro da composición é ocupada pola Virxe, unha figura que se amosa embarazada na Coronación. Os doutores da igrexa distribuidos por parexas, San Xerónimo e San Agustín por un lado e San Gregorio e San Ambrosio por outro, aparecen coa indumentaria de cardeal escribindo e bendicindo.
 
No segundo grupo atopámonos cun impresionante Ecce Homo no que se reflicte á perfección a soidade de Cristo durante a tortura e a paixón. Como curiosidade sorprende o seu fondo, unha arquitectura totalmente clásica. Á esquerda está San Andrés no momento do seu martirio, cunha cruz en aspa ten como fondo un tema paisaxístico. A dereita atópase o Santiago, coa indumentaria de peregrino e cos seus atributos, a cuncha e a cabaza. Esta figura ten un interesante fondo, un paisaxe cunha escena representativa do Santiago Matamouros. En baixo atópase San Xan cunha tímida barba -normalmente preséntase imberbe-, en ¾ e bendecindo un cáliz e, na outra, a San Pedro coas chaves e cun episodio en miniatura onde se lle aparece un anxo. Nas dúas destaca, en sobre maneira, o fondo urbano, o pérfil dunha cidade, con aspectos dunha arquitectura medieval, coa que se quer aludir a Xerusalén.
Ao resto do conxunto cabe estabelecerlle certas relacións segundo poderían estar no antigo retábulo, polo tanto imos agrupalas do seguinte xeito. Existe un grupo de mártires que son Santa Lucía, Santa Mariña e Santa Águeda. As tres aparecen de pé cos seus atributos nas mans. O outro grupo serían os santos dominicos; San Vicente Ferrer e San Xacinto. Os dous están vestidos co hábito e predicando. E a parella que queda, San Martiño de Tours e San Antón Abade, están relacionados iconograficamente por seren protectores dos animais.
 
Cabe pensar que estas pinturas tiveron dous pintores diferenciados. Un faría as do arco triunfal e as do retábulo da nave sur e o outro o resto do conxunto. No primeiro vese un bo manexo na organización compositiva do espazo influenciado polas anovacións renacentistas e o segundo é máis limitado tecnicamente, recorrendo aínda a modelos tradicionais. Mais en todas as imaxes hai que ter en conta moi presente o efecto lumínico tanto no brillo dourado celestial que concede unha atmósfera sobrenatural e a luz do día que insinúa volumes nos pregos das vestiduras e nos corpos. Este matiz resólvese con pinceladas planas e co emprego de cores dunha mesma gama, utilizándoas, sobre todo, nas perfilacións e nas difuminacións. As posturas dos corpos son pouco consistentes e teñen certo ar de inestabilidade. As partes dos corpos acusan un certo alongamento do canon. Tamén se ven remisniscencias dun pasado medieval, sobre todo nas perspectivas, nas xerarquías de tamaño e nos xestos que intentan suscitar, de maneira máis directa, a devoción dos fieis.
Outros restos do século XVI
 
Para rematar este estudio sobre o Renacemento na Guarda imos a falar de vestixios dos que non se ten clara a súa localización temporal. Esta dificultade fai que nos sexa moi difícil distinguilos de elementos engadidos en épocas posteriores. Asemade está investigación ten que rebaixar o listón da fidelidade científica e botar man da tradición e, incluso, de lendas para desvelar o pasado.
 
No barrio de Riba da Vila existe unha capela dedicada á Virxe da Guía, unha igrexa onde remata o Via Crucis que partía da porta oeste da antiga muralla. Vellos documentos do século en cuestión falan dunha doazón testamentaria na que un mariñeiro da Guarda lega “veinticinco diñeiros para a capela de Nosa Señora da Guía, situada nos extramuros da vila da Guarda”. Este predio relixioso ten unha estructura rectangular cun pórtico tetrástilo. É un edificio no que se ve que sufriu muitas reformas, as sinais que indican isto son as partes baixas dos muros, a porta adintelada, a base do pórtico ou as columnas. A pataloxía destes elementos arquitectónicos lévanos a dicir que forman parte da estructura primixenia desta capela, unha construcción situada no século XVI, no Renacemento.
  
A igrexa de San Lorenzo da freguesía de Salcidos -con San Roque como patrón-, comezou a construirse no ano 1530 cando acuciaban as consecuencias da peste. Daquela era párroco D. Álvaro de Ozores, descendente dos Condes de Priegue, nado en Santa Comba da Pena Furada, en Oleiros (Salvaterra) e que sería aquel que ten o sepulcro no convento bieito na Guarda. Esta igrexa sería construída sobre outra máis antiga dedicada a Santa Eulalia, doada no século XII ao mosteiro de Oia. Mais este templo sufriu fondas reformas no século XVIII e non resulta fácil diferenciar os elementos que perduran das distintas fases constructivas.
Por último a nosa mira diríxese á Capela das Ánimas, na igrexa parroquial da Guarda. Alí existe un retábulo churrigueresco que ten no centro un Xesucristo crucificado, denominado popularmente como o “Cristo das Augas”, que segundo a tradición ou a lenda, foi unha imaxe botada ao mar polos cristiáns ingleses durante o reinado de Enrique VIII, alá polo 1581. Segundo o legado oral esta escultura foi atopado, exento da cruz, índose a enlíar nas redes dos mariñeiros da Guarda. É un cristo de tres cravos, ten unhas vestiduras moi volumétricas, o corpo ten un canón estirado mais non capta totalmente os síntomas de cansanzo e ten feridas que botan sangue en bastante cantidade recordando a tradicción escultórica gótica.
 
E aquí poño fin a esta serie de aportacións de informacións sobre o Renacemento na Guarda. Unha época que, tal como vimos, pasa por ser unha das máis pródigas dentro do legado patrimonial desta vila. É unha pena que moi pouca xente soubera destas pegadas históricas. Apartires de hoxe agardemos que existan máis motivos para dalos a coñecer a veciños e visitantes e, o máis importante, para conservalos.
    
Xurxo González
Regreso al contenido