O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (V) - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (V)

Arquivo 2020

Cruceiro de Sete Camiños.

O lugar do Castro dende a praza do mesmo nome.

Subida no lugar do Outeiro.

Camiño do lugar da Silveira onde aínda se conserva a calzada orixinal

Costa de Pino, una das entradas ao lugar da Barreira, neste caso dende o Marouco

Cruce de camiños no lugar das Laxes.

Tramo alto do camiño do Paíño.

Arranque do Paíño, camiño que comunicaba os lugares de Netos e Buxán co Castro.

Praza de Buxán

Tramo dun dos camiños de Netos
As aldeas de Cividáns, Salcidos e Camposancos
por
Joaquín Miguel Villa Álvarez

Este ano poñemos fin á serie de traballos sobre o patrimonio urbanístico guardés que iniciamos no ano 2007 con motivo do derrubo, daquela, da «Casa dos Rivas». De novo foi a perda doutro importante referente inmobiliario da Guarda o que nos levou a indagar un pouco máis sobre a conformación histórica do noso urbanismo. Pois ben, se no ano 2009 falabamos da vila intra muros e no 2010 da vila extra muros, farémolo agora da Guarda non urbana, isto é, das «aldeas» de Cividáns, Salcidos e Camposancos. Estes tres núcleos de poboación, divididos á súa vez en «lugares»,[1] quedaban e quedan claramente fóra do ámbito urbanístico –e sociolóxico– da vila. Eu mesmo, que me criei no lugar de Netos, en Cividáns, emprego espontaneamente as expresións «vou á vila» ou «veño da Guarda» cando estou alí. (Descoñezo se as novas xeracións falan aínda deste xeito). Hai que dicir que no caso das aldeas non atopamos estudos previos nos que basearnos xa que –que nós saibamos– nin Domínguez Fontela abarcou estes antiquísimos núcleos de poboación nin José Benito Andreini trazou un plano de cada un deles como fixo coa vila. Así pois, ganduxando hipóteses históricas coa observación in situ, damos as seguintes pinceladas sobre estes tres espazos urbanísticos guardeses.


Mapa dos "lugares" das parroquias que aparece nun folleto turístico da Guarda do ano 1983

Cividáns



Trátase dun dos núcleos de poboación da zona que recolleron aos antigos habitantes do poboado castrexo-romano de Santa Trega tralo seu despoboamento cara o século II da nosa era; e posiblemente o máis importante a tenor do nome que recibiu: Cividáns, procedente da acepción romana civitas (cidade). Tanto é así que alá polo século VI estableceuse aquí o mosteiro de Santa Eulalia de Cividáns (VI?-XII?). Nada sabemos deste convento altomedieval, nin tan sequera o seu emprazamento. A hipótese máis razoada que temos ata agora é a do historiador Xoán Martínez Tamuxe, que o sitúa na ladeira sur do Marouco.[2] O que si é moi probable é que en torno a esta comunidade monacal se formara a primeira parroquia da comarca, que levaría o mesmo nome de Santa Eulalia. O declive de Cividáns, tras ser a principal entidade de poboación durante a Alta Idade Media, debeuse producir a comezos de século XII coa desaparición do mosteiro, absorbido pola nova casa benedictina xurdida en Santa María de Oia no ano 1137. Pero sobre todo polo empuxe da localidade costeira da Guarda, ata ese momento un pequeno enclave defensivo amurallado, como o seu nome indica. Dábase entonces este fenómeno por toda a costa galega, impulsado pola coroa de León-Castela mediante a concesión de títulos ou fueros fundacionais de vilas e cidades, reflexo da nova era de expansión económica e comercial da Europa cristiá superados os perigos musulmán e normando. Este feito marcaría o tránsito dunha época no vello continente e, por suposto, tamén nesta comarca: dunha alta Idade Media rural centralizada en Cividáns a unha baixa Idade Media urbana, artesanal e comercial liderada pola nova e puxante vila da Guarda. Con todo, Cividáns continuou a ser, ata hoxe en día, un lugar de alta densidade de poboación.

A aldea de Cividáns é a máis complexa das tres que estamos a estudar. Estrutúrase toda ela costa abaixo, ao pé do monte Torroso, e divídese nunha parte alta e outra medio-baixa, separadas ambas polo camiño que dende a vila da Guarda vai cara a Fornelos.

Da parte medio-baixa pódese dicir que é o núcleo principal de Cividáns, formado polos lugares da Barreira, Laxes, Buxán e Netos, aliñados os catro en forma de media lúa, e delimitados polo camiño da Lada (que fai honor ao seu nome). Dende este camiño que ven do Rosal accédese á Barreira e ás Laxes por varios puntos en gran pendente. A Lada remata ao chegar á Praza de Buxán dividíndose entonces en dous camiños: un que vai a Salcidos, cun ramal na Rocha na mesma dirección, e outro que vai á vila da Guarda. Deste último arrancan tamén dous importantes camiños: o Paíño, de forte pendente, que se dirixe á parte alta de Cividáns (o Castro), e máis adiante a actual avenida de San Lourenzo (antiga costa dos Barreiros e de Bales), en dirección á praia da Area Grande atravesando os lugares da Estivada e Sete Camiños. Os dous vieiros que saíran de Buxán volven confluír más adiante deixando no medio, como unha illa, ao populoso lugar de Netos. Nesta confluencia vólvense a repartir dous camiños: un cara a Salcidos polo Cunchal e outro que continúa en dirección á Guarda por Funchidos.

Na parte alta de Cividáns, xusto ao pé do Torroso, destaca o emblemático lugar do Castro que, dende á praza do mesmo nome, estrutúrase costa arriba polo camiño que saía cara a Oia bordeando o alto de Zamar. Ao carón do Castro, e aliñados polo camiño á Fornelos, sitúanse os lugares do Castiñeiro, Outeiro e Silveira. No tramo baixo do Outeiro o camiño divídese en dous: un ramal desvíase para dar unha volta ó alto do Marouco e logo seguir en dirección a San Roque por Carballidos, mentres que o outro segue cara a Fornelos. Neste último tramo arranca un camiño moi empinado que rodea o Outeiro volvendo cara ó Castiñeiro.

Salcidos

Tramo dun dos camiños da Longra

Antiga escola de Salcidos, hoxe sede de Avelaíña

Praza de San Roque

Magnífico pazo galego, sede da reitoral de Salcidos

Igrexa parroquial de San Lourenzo de Salcidos

Restos do Pazo dos Condes de Priegue no lugar da Cruz

Cruceiro Pinto, na confluencia dos lugares da Cruz, Baliños e Aloqueiro



Sen dúbida o alto onde se atopa a aldea de Salcidos tamén foi un dos puntos onde se asentou a poboación do Castro de Santa Trega dende o século II. Pero non será ata principios do século XII, coa desaparición do Mosteiro de Santa Eulalia de Cividáns, cando se converteu en parroquia baixo a advocación de San Lourenzo. Cividáns debeu pasar entonces a ser unha parroquia anexa a Salcidos, aínda que conservando a súa entidade como tal ata o século XVI. A primeira igrexa de Salcidos, que sempre estivo no mesmo sitio, sen dúbida era románica, aínda que co paso do tempo sufriu diferentes ampliacións e reformas, sendo a última a levada a cabo polo abade Diego Antonio González Rodríguez en 1863, coa reedificación da fachada e a torre central.[3] Segundo parece, esta parroquia foi de padroado nobiliario dende a súa fundación, o cal ten todo o sentido ao ser Salcidos un enclave situado na belixerante fronteira do río Miño trala creación do Reino de Portugal no século XII. Se supón, pois, que os Condes de Priegue –título creado en 1643– herdaron un Pazo medieval no barrio da Cruz que pertencía aos seus ascendentes, exercendo o seu dereito de presentación de párrocos nesta parroquia ata o século XX.
 
A aldea de Salcidos é máis compacta ca de Cividáns. O seu núcleo central está formado polos lugares da Longra, Baliños, Portela e Cruz, que conforman un espazo elevado con caída cara ás marismas do río Miño. Está encadrado entre dous camiños principais: polo norte a Estrada Real que dende A Guarda ía cara a Tui, pasando polos lugares do Coruto e San Roque, e polo sur o camiño que procedente tamén da Guarda e separándose da estrada real na actual Alameda (antigo espazo pantanoso), baixaba cara a Salcidos polo lugar dos Bechos e se dirixía á igrexa parroquial, bordeando os lugares da Longra, Baliños e Cruz pola parte baixa. Este longo e tortuoso camiño, que vai adoptando os nomes dos lugares que atravesa, é sen dúbida o nervio principal desta aldea. Del saen, a súa vez, en forte pendente, diferentes camiños que atravesan costa arriba o núcleo central de Salcidos, comunicándose uns cos outros por máis camiños, conformando así todos eles o labirinto de vieiros tan característico desta aldea. O camiño máis longo é o da Portela que atravesa Salcidos de norte a sur e se prolonga máis alá en dirección a Saa. (Á altura da Sangriña confluía co que viña da Guarda. Este antigo camiño a Saa consérvase na actualidade dende o actual cuartel da Garda Civil). O único lugar de Salcidos que está por debaixo do gran vieiro que o bordea é o Aloqueiro (de aloque, barro), situado no inicio do camiño que dende o enclave do Cruceiro Pinto vai cara a Pasaxe.
 

Praza do Coruto

Tramo dun dos camiños do lugar de Baliños.

Entrada da Finca das Delicias, no extremo sur do lugar do Aloqueiro
Camposancos


Esta aldea estrutúrase lonxitudinalmente, de norte a sur, ao pé do monte Santa Trega. Correspóndese tamén coa parroquia máis recente, de pouco máis de dous séculos de existencia. De feito, os territorios que a conforman: Saa, Pasaxe e Camposancos, formaron parte da parroquia de Salcidos durante sete séculos, converténdose en anexo dela en 1779 e, finalmente, en parroquia totalmente independente en 1798, baixo a advocación da Visitación de Santa Isabel. Ao proceder de Salcidos, os seus párrocos foron tamén presentados polos Condes de Priegue ata o século XX. Nos primeiros anos empregouse como templo parroquial a capela que existía no lugar da Granxa, dedicada a San Amaro, ata que pouco despois, alá polo 1820, se construíu a igrexa actual.[4]   

Entrada a Camposancos dende a Pasaxe

Magnífico estado do camiño que atravesa o lugar do Couto.

Cruceiro de Saa onde confluían o camiño procedente da Pasaxe (na foto pola dereita) e o da Guarda e Salcidos (na foto por arriba á esquerda). Aquí acaba o lugar de Saa e empeza o Couto.

Tramo do lugar do Outeiro, onde se conserva a calzada orixinal en moi bo estado

Igrexa parroquial da Visitación de Santa Isabel de Camposancos

 Praza de San Amaro
 
Preciosa casa indiana de estilo «ponceño» (típica da cidade de Ponce, no sur de Puerto Rico). Está situada no alto do lugar do Outeiro

Outro magnífico tramo do camiño do Outeiro

Inicio do lugar de Salgueiró

Pero o curto pasado parroquial desta aldea agocha unha antiga historia debido a súa estratéxica situación: o esteiro e desembocadura do río Miño. Todo indica que o máis antigo dos lugares desta parroquia é o de Saa, sen dúbida outro dos puntos elixidos polos moradores do Trega aló polo século II, neste caso para ser unha vila portuaria e comercial do baixo Imperio Romano. Neste sentido a Pasaxe sería a prolongación natural de Saa ata o río, unha hipótese máis a confirmar pola arqueoloxía no futuro. As invasións árabes e normandas que dos séculos IX ó XI asolaron o Baixo Miño, en especial a cidade de Tui, sen dúbida fixeron ver á Coroa de León a necesidade de controlar a entrada do río, polo que a súa beira pasou a ser de propiedade Real. Coa formación do reino de Portugal no século XII, e co fin de afianzar as fronteiras, o Rei de León-Castela doou unha parte importante desas terras –o Coto de Camposancos– ao Mosteiro de Barrantes, o cal fixo un asentamento estable de monxes –unha «granxa»– para a explotación directa das terras e da pesca do lugar. Trala desaparición do Mosteiro de Barrantes no século XV e a súa absorción pola Mesa Capitular de Tui, o Coto de Camposancos pasou a depender do bispado de Tui. Así ata o século XIX. Sen embargo o Rei non se desfixo no século XII da vila de Saa, que seguiu sendo de realengo (salvo unha permuta que fixo no século XIII co Mostero de Oia a cambio de Baiona). Todo indica que a importancia de Saa radicaba en que alí se construían barcos para as dúas grandes empresas da coroa: a guerra e o comercio. Unha actividade, a construción naval, que perdurou ata hoxe en día.

Así pois, o actual Camposancos –nos documentos antigos Campos Ancos (campos en ángulo ou cóbado)– comeza no lugar de Saa, punto de chegada dos camiños que viñan da Guarda e Salcidos. Reunidos no cruceiro do mesmo nome, forman un só vieiro principal que atravesa toda a parroquia; un vieiro á súa vez atravesado por outros camiños en todo o seu traxecto. Pasando Saa atópanse correlativamente os lugares do Couto e Outeiro, sen dúbida o núcleo central da aldea de Camposancos na actualidade. De feito a igrexa parroquial está situada neste último, por riba do cal está o lugar da Granxa. Finalmente está o lugar de Salgueiró que sinala o remate da aldea como tal. Delimitan tamén esta aldea, pola parte baixa, os grandes espazos de terreo que dan ó río, comprendidos nos lugares de Bouza da Fonte, Pasaxe e Palomar.

Tramo do camiño principal do lugar de Salgueiró
Á vista das andainas que temos dado polas nosas aldeas, é evidente que moitas partes delas non están atendidas como debían. Dende os poderes públicos urxe unha planificación e orientación urbanística, poñendo especial atención na conservación e mantemento dos camiños: limpeza e reparación das paredes que os delimitan e recuperación das antigas calzadas de pedra, moitas delas soterradas baixo capas de formigón ou asfalto coas que, desgraciadamente, foron cubertas non fai moito tempo. Así, por exemplo, as vellas lousas de pedra da antiquísima praza do Castro asoman por debaixo dun asfalto infame que fai anos lle botaron enriba, pedindo a berros que as deixen volver a ser o solo de vellos e rapaces. O asfalto, e tamén a desidia, fixeron que prazas emblemáticas como Buxán ou San Roque, teñan perdida hoxe a súa personalidade como tales sendo pouco máis que cruces de camiños. Pola contra, é digno de destacar o magnífico estado no que se atopan os vieiros de Camposancos, concretamente os dos lugares do Couto e Outeiro. Sen dúbida son os mellores exemplos para afrontar a reforma integral dos camiños das nosas aldeas, un proxecto de futuro que debería interesar a todos pola revalorización das propiedades que iso carrexaría. Amén da harmonía estética que traería a estes espazos tan humanos, que nos permiten vivir con todas as comodidades da vida actual, das cales non gozaron os nosos antepasados.
 
No que se refire ás vivendas, moito depende xa da sensibilidade dos propietarios. Neste sentido temos atopado de todo: dende os que recuperan, restauran ou reedifican as súas casas tendo en conta o urbanismo rural galego, cun gran uso da magnífica pedra do país, ata os que as teñen en lamentable estado, con ferros, ladrillos e outras inmundicias cara á vista. Neste sentido é de xustiza dicir que os mellores conxuntos urbanísticos atopámolos tamén en Camposancos. Con todo, pensamos que neste intre é conveniente destacar o bo que temos para que sexa un referente de futuro. As nosas felicitacións ás xentes de Cividáns, Salcidos e Camposancos que valoran e dignifican as súas vivendas e as manteñen, cando menos, cunha decencia propia do século XXI. Felicitacións que facemos extensibles a todos os foráneos que, conscientes do valor inmobiliario e paisaxístico destas aldeas, mercaron e están a mercar casas para restauralas ou refacelas en estilo autóctono. A uns e outros lles debemos que se estean a conservar, e incluso mellorar, os lugares que nos transmitiron os nosos avoengos.
 

Tramo do camiño entre os lugares do Castro e o Outeiro, en Cividáns, a comezos do século XX. (Fotografía cortesía de María Benita Portela Portela)
 
Por último, no que atinxe á investigación histórica da nosa comarca, pensamos que nos anos que veñen se deberían acometer catro retos verdadeiramente apaixonantes:

-          A busca nos arquivos medievais españois do fuero fundacional da vila da Guarda, que o historiador Ermelindo Portela Silva cree que debeu ser outorgado entre os anos 1195 e 1209. Ou cando menos unha referencia documental ao mesmo, como sucede no caso de Baiona, onde se sabe que a vila actual foi fundada en 1201. (Un dato que lles permitiu celebrar o seu 800 aniversario fai dez anos).
-          A localización dos restos do convento e igrexa de Santa Eulalia de Cividáns, supostamente de estilo visigótico. Sería a primeira experiencia de arqueoloxía medieval na nosa comarca, arroxando algunha luz –no caso de ter éxito– sobre ese período da Alta Idade Media sobre o que non sabemos nada.
-          A recuperación, no posible, do Pazo dos Condes de Priegue, en Salcidos; pero sobre todo da historia desta familia nobiliaria, desde o século XVII ata o século XX, o que posibilitaría achegarse á historia da nosa Idade Moderna da que sabemos tan pouco.
-          A escavación de maneira sistemática de Saa, un lugar cuxo potencial arqueolóxico é de sobra coñecido, pero que nunca se abordou de veras. Independentemente do que aportaran os seus substratos paleolítico e neolítico, comprobaríanse as hipóteses históricas sobre o que se intúe foi Saa no pasado: unha vila comercial no baixo Imperio Romano e un espazo portuario con asteleiros na Idade Media.
 
Así pois, non podemos vivir só das rendas históricas do gran aporte que fixo a Sociedad Pro-Monte fai xa preto dun século: o descubrimento do poboado castrexo-romano de Santa Trega. E dicimos rendas con gran pesar porque dende a desaparición da Pro-Monte (1979), moi pouco ou case nada se ten avanzado na investigación arqueolóxica do enorme poboado do cumio do Trega; de tal xeito que outros castros menos importantes en Galicia xa nos teñen collido dianteira. E aínda que nos alegramos polo que aportan ao coñecemento da historia de Galicia, ningún deles ten o potencial arqueolóxico e paisaxístico que ten Santa Trega. Por iso, en memoria daqueles beneméritos guardeses de fai cen anos, a outra gran tarefa que nos queda neste novo século que andamos é a escavación completa do poboado de Santa Trega. Temos, pois, moito que facer.

Joaquín MIguel Villa Álvarez
Libro-programa Festas do Monte, 2011


[1] Os nomes dos «Lugares» débense a motivos naturais: Castiñeiro, Silveira, Carballidos, Buxán e Funchidos (en Cividáns), Bechos (en Salcidos) e Salgueiró (en Camposancos); topográficos: Outeiro, Barreira, Laxes, Rocha, Estivada e Sete Camiños (en Cividáns), Coruto e Aloqueiro (en Salcidos) e Couto e Outeiro (en Camposancos); funcionais: Castro e Marouco (en Cividáns), Portela (en Salcidos) e Granxa, Bouza da Fonte, Pasaxe e Palomar (en Camposancos); e relixiosos: San Roque e Cruz (en Salcidos). Non logramos explicar os nomes dos lugares de Netos (en Cividáns), Longra e Baliños (en Salcidos) e Saa (en Camposancos).
[2] Xoán Martínez Tamuxe (2001), Parroquia de San Lorenzo de Salcidos: aproximación histórica. Padroado dos Condes de Priegue, Concello da Guarda, p. 37.
[3] Xoán Martínez Tamuxe (2001), Op. Cit., pp. 43-50.
[4]Xoán Martínez Tamuxe (2001), Op. Cit., p. 69; y Antonio García Lago (1998), Crónica biográfica de Camposancos y su entorno, Comunidad de Montes de Camposancos, pp. 125-140.
Regreso al contenido