O patrimonio histórico urbanístico da Guarda: sabemos o que perdemos? - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O patrimonio histórico urbanístico da Guarda: sabemos o que perdemos?

PUBLICADAS
O patrimonio histórico urbanístico da Guarda: sabemos o que perdemos?
por
Joaquín Miguel Villa Álvarez


Á esquerda a "Casa dos Rivas" no momento de escribir esta colaboración (2007), á dereita o actual edificio (xuño, 2020)

Sete anos despois do derribo da casa indiana de José María Sobrino Vicente, na actual rúa Galicia, A Guarda pode perder en breve outro referente do seu urbanismo contemporáneo: a coñecida como «casa dos Rivas». Unha vez máis, ¿sabemos o que perdemos? Este sobrio e magnífico inmoble é a última testemuña da principal emigración guardesa a América na súa historia: a emigración a «Nueva España» (México) nos séculos XVII e XVIII. Por aquel entón, cando as Antillas aínda non eran nada, os guardeses ían facer as Américas aos virreinatos máis ricos do Novo Continente: Perú e, sobre todo, México. Como esta emigración non está estudiada, non sabemos practicamente nada daquela época nin dos seus protagonistas. Nos arquivos de lugares como México capital; Veracruz, Zacatecas ou Guatemala agarda aínda a documentación referente a galegos con apelidos tales como Portela, Español, Pacheco, Baz, Vicente ou Nandín. Polo momento tan só temos constancia dalgúns dos últimos protagonistas: os irmáns Ramón (n. 1787) e Pedro Fernández Baz (n. 1795), os cales, segundo uns pasaportes que nos amosou o seu descendente José Gardeazábal Rivas, regresaron de México no ano 1828 (case que consumada xa a emancipación das colonias continentais), e viviron logo a cabalo entre Francia (Burdeos) e España. Os seus sobriños, os primos Gerónimo, Joaquín e Armindo Cadilla Fernández-Baz, emigraron xa na década de 1840 a un novo destino: Puerto Rico, un dos escasos territorios que lle quedaron ao Imperio español despois de 1830. Non sabemos se foron os irmáns Fernández Baz os que levantaron a casa que nos ocupa, ou se xa o fixeran os seus ascendentes co diñeiro que chegaba dende terras mexicanas. Nun caso ou noutro, esta antiga edificación é hoxe –que saibamos– o único vestixio coñecido da secular, e moi exitosa, emigración guardesa a «Nueva España». E como este episodio histórico é absolutamente descoñecido para a inmensa maioría dos guardeses, non doerá nada a perda desta casa indiana. Unha vez máis, ollos que non ven, corazón que non sinte...


Casas indianas restauradas no inicio da rúa Puerto Rico

Gracias a Deus existen guardeses valentes e con sensibilidade, aos que debemos todos estar moi agradecidos pola enorme contribución que teñen feito –a costa de grandes esforzos– ao noso patrimonio urbanístico. Debemos mencionar aquí, a modo de exemplo, as reformas realizadas recentemente pola familia do «Galo» e a da panadería «O Muño», nas casas indianas da súa propiedade edificadas no seu día por Manuel Álvarez Vicente. Unhas reformas destinadas a recuperar estes edificios para a vida de hoxe, sacándolle o maior proveito económico posible, cos baixos dedicados a fins comerciais e industriais, e os altos a vivendas e posibles oficinas. Nesta liña pódese mencionar tamén o aproveitamento do solar da casa indiana de José Martínez Salcidos «Pichipén», na Praza Nova, convertido hoxe nun espacio de vivendas e galerías comerciais, sen necesidade de derrubar a súa preciosa e elegante fachada de pedra que particulariza e revaloriza ao propio inmoble.  Meritorios exemplos coma estes están a amosar as múltiples posibilidades económicas que ofrece o «crecemento equilibrado» no urbanismo; neste caso o enorme aproveitamento que se lle podería sacar á «casa dos Rivas» cunha axeitada e intelixente restauración. É de xustiza dicir que os propietarios destes inmobles, por si sós, non poden afrontar polo xeral estas obras. Neste sentido bótanse en falta varios motores no noso pobo, como en moitos sitios de Galicia: unhas autoridades municipais sensibles ao mantemento da personalidade urbanística da localidade (con gañas de xestionar a gran cantidade de axudas oficiais para a conservación e mellora do urbanismo), a existencia dun empresariado local da construcción con interese por orientar algunhas das súas inversións cara a rehabilitación dalgún dos patrimonios históricos da Guarda (beneficiándose por suposto de tódalas axudas e vantaxes oficiais), ou o interese das entidades bancarias existentes na vila para mercar estes inmobles, restauralos e convertelos nas súas sedes, así como en centros culturais e de negocios e oficinas (algo que si fan en moitas cidades, como os casos dos marabillosos centros socioculturais e de negocios de Caixanova e Caixa Galicia en Vigo).

Casa situada na Alameda de Pontevedra, un modelo de restauración posible para a «casa dos Rivas»

A pesares de que nos últimos anos creouse unha certa conciencia urbanística en Galicia, o certo é que para moita xente a «casa dos Rivas» resulta ser tan só unha casa vella que hai que derrubar. Esta falta de autoestima histórica é, no fondo, a causa principal do pouco valor que lle damos aos vestixios do pasado, como sucede incluso coa propia documentación histórica municipal, a cal segue pasando, ano tras ano, fríos e calores nos áticos do Centro Cultural, polo que acabará por descompoñerse irremediablemente. ¿E a quén lle interesa a creación dun verdadeiro Arquivo Histórico? Sexamos sinceiros: practicamente a ninguén. Esta desidia que existiu sempre con este outro patrimonio, o documental, é o que agora nos impide coñecer a historia do antigo «Concejo de la Foz del Miño» ou «Concejo de la villa de La Guardia». (En moitas vilas do Pais Vasco existen actas municipais ata o século XIII, gardadas e conservadas ata a veneración). Perdida para sempre esa documentación na Guarda, e independente do patrimonio eclesiástico –a Igrexa coma sempre a gran «notaria» da historia–, que vestixios arquitectónicos quedaron da nosa Idade Media? e dos séculos XVI, XVII e XVIII?

Á esquerda, casa fidalga da familia Somoza, fronte a igrexa parroquial. Á dereita, Estado actual do pazo dos Condes de Priegue no barrio da Cruz, en Salcidos

O descoñecemento case absoluto da nosa Fidalguía é unha realidade. A burguesía foi a clase social predominante dende mediados do século XIX, que chegou ao seu apoxeo a finais desa centuria e a principios da seguinte. Do seu esplendor socioeconómico son testemuña as casas e edificios que deixaron, como se pode contemplar en Vigo coas magníficas fachadas das rúas Urzaiz, Colón, Policarpo Sanz, García Barbón, Príncipe ou Areal. Na Guarda temos, como particularidade, as casas indianas levantadas por guardeses retornados de Puerto Rico e Brasil, principalmente. Esta burguesía desbancou a outra clase social moito máis antiga, que liderou a sociedade galega –e española en xeral– dende a Idade Media ata os inicios do século XIX: a fidalguía (mediana e baixa nobreza). Pero, qué sabemos da fidalguía guardesa? Realmente moi pouco.[1] Entre outras razóns –ademais da xa mencionada ausencia de documentación– pola case que total destrucción do seu persoalísimo legado arquitectónico: as casas dos fidalgos, as cales tiñan sempre os escudos heráldicos da familia na súa fachada. Que nós saibamos, hoxe en día tan só quedan en pé dúas construccións: a da familia Somoza fronte a igrexa parroquial (en moi bo estado de conservación, polo que felicitamos aos seus propietarios), e os restos do antigo pazo dos Condes de Priegue no barrio da Cruz, en Salcidos (en lamentable estado de conservación).[2] As demais foron perdéndose pouco a pouco. Algunhas desas casas desapareceron como resultado da «substitución» dunha clase social por outra. Tal é o caso da casa fidalga da familia Salgado del Cantillo na Praza Nova, derrubada en 1903 para levantar no seu lugar a súa vivenda o indiano puertorriqueño Ricardo González Cividanes. En realidade este inmoble –que tiña dous escudos heráldicos– era propiedade da súa dona Clementina Carrera, unha das afilladas do derradeiro propietario, o avogado Ignacio Salgado del Cantillo, tal vez o último gran fidalgo da nosa zona.

Praza Nova cara o 1870. A esquerda a casa fidalga da familia Salgado del Cantillo, cos seus dous escudos heráldicos. (Fotografía cedida por Antonio Martínez Vicente)


Praza Nova cincuenta anos despois, en 1920. A esquerda a casa indiana de Ricardo González Cividanes, levantada en 1903 no lugar da casa fidalga dos Salgado del Cantillo. (Fotografía cedida por Eduardo Martín Goyás)

Pero a casa fidalga más importante na historia da Guarda foi derrubada hai tan só tres décadas. Referímonos a casa da familia Ozores y Sotomayor, que se atopaba fronte a Torre do Reló, ao inicio da rúa do Medio ou rúa Colón. Que se saiba, este magnífico caserón foi construído no século XV, cara ó 1430. Ou sexa, fai trinta anos os guardeses asistimos á perda dun edificio levantado ¡antes do descubrimento de América! E, a quen lle importou? Sexamos sinceiros de novo: tan só a uns poucos. Cantas dependencias municipais poderían ter hoxe unha sede privilexiada! Contan que unicamente os seus escudos heráldicos foron salvados do desastre, e incrustados literalmente na Torre do Reló.[3]


Á esquerda, imaxe parcial da casa fidalga da familia Ozores y Sotomayor, fronte á Torre do Reló, a finais dos anos 60 e á dereita outra vista da casa dos Ozores y Sotomayor, do século XV, cos seus escudos heráldicos na fachada. (Fotografías cedidas por Antonio Martínez Vicente)

No momento que estamos a escribir estas liñas, ano 2007, pensamos que iso pasou nos anos 60 e 70 –a época do «desarrollismo» español– cando ninguén apreciaba as cousas antigas e a prioridade era tirar co vello para construír no seu lugar edificacións enormes, vulgares e monolíticas. Nacía o «feísmo urbanístico», desgraciadamente tan abundante na nosa Galicia. Pero non nos enganemos, agora que estamos a asistir a un crecemento urbanístico sen precedentes, reflexo dunha das épocas máis prósperas da nosa historia, de novo vólvense a destruír pezas do noso urbanismo de sinalada personalidade histórica e arquitectónica. E cando isto volve a suceder, acórdome da vella queixa da hostalería local: «Os visitantes que veñen á Guarda soben ao Trega e despois marchan sen parar na vila». Ante isto deberíamos facernos as seguintes preguntas: ¿Por que razón deberían parar no noso núcleo urbano? ¿Que elementos de interese histórico urbanístico lles poden impulsar a percorrer as nosas rúas? Humildemente debemos dicir que non nos vai quedando moito que ofrecer. E a pesares diso, ¿a quen lle importa esta nova perda do noso patrimonio? Certamente será moi difícil que os guardeses de a pé nos concienciemos algunha vez do que realmente estamos perdendo. En isto son pesimista. Sen embargo, ¿é unha utopía que se produza unha concienciación sincera e realista por parte das persoas e institucións que teñen o poder –político ou económico– para facer algo neste terreo? Aquí sinto a necesidade vital de seren optimista.


[1] O traballo máis destacado segue a ser o estudio realizado hai xa moitos anos polo finado Aquilino González Santiso, titulado «Heráldica de la villa de La Guardia. Apuntes genealógicos», publicado no libro da Festa do Monte do ano 1981, e recollido na Antoloxía realizada no ano 1988, pp. 527-552.
[2] Un estudio desta casa atópase en Xoán Martínez Tamuxe (2001), Parroquia de San Lorenzo de Salcidos: aproximación histórica. Padroado dos Condes de Priegue, Concello da Guarda, pp. 71-77. Este autor fixo un seguimento a esta familia chegando ata os XII Condes de Priegue (dende 1971): Xavier Ozores Marchesi e María do Carme Calderón y Espinosa de los Monteros.
[3] Recomendamos encarecidamente que un domingo calquera vaian a pasear pola vila portuguesa de Seixas, fronte a San Miguel de Tabagón. Alí poderán apreciar antigas e señoriais casas fidalgas, moitas delas arrancando literalmente da auga, convivindo con preciosistas casas indianas; e todo iso en perfecta harmonía coas casas dos campesiños, ao pe da montaña, en perfecto estado de conservación.

(Joaquín Miguel Villa Álvarez.
Publicado no Libro-programa do Monte de 2007)
Regreso al contenido