O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (IV) - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (IV)

PUBLICADAS
A Guarda extra muros: os barrios da Mariña, Cruzada e Ribadavila
por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
 
O ano pasado falabamos da antiga vila intra muros, unha antiga poboación rodeada toda ela de murallas das que hoxe tan só quedan algúns tramos en pé, destacando cara ó sur o seu enorme lenzo frontal, coa porta no lado leste, ao final dunha empinada escalinata de acceso, e unha particular atalaia na esquina oeste. E tamén diciamos que, cando menos este tramo frontal, ben merece a pena poñelo en valor cunha restauración e iluminación axeitadas.
 
Este ano imos a falar da vila extra muros, conformada dende tempos inmemoriais por tres barrios: Mariña, Cruzada e Ribadavila. E ao igual que fixemos o ano pasado, basearémonos de novo nunha serie de traballos sobre a toponimia guardesa realizados polo historiador guardés Juan Domínguez Fontela (1869-1942) na década de 1930, os cales foron recompilados polo director do Colexio PP. Somascos P. Orestes Caimotto no ano 1970.[1] Empregamos tamén o plano más antigo da Guarda, o de José Benito Andreini do ano 1899, cedido unha vez máis para esta ocasión por Antonio Martínez Vicente. Con ambas fontes de información, unidas á observación in situ, damos as seguintes pinceladas sobre a orixe da nosa actual configuración urbanística.
 
A Mariña
 
Plano do Barrio da Mariña en 1899
 
Para Fontela, o barrio mariñeiro é incluso máis antigo que a propia vila intra muros. O primixenio burgo mariñeiro da Guarda esténdese entre as rochas do porto e a parte sur da muralla da vila, alongándose cara ó noroeste nunha lixeira curvatura. A finais do século XIX tamén tiña unha pequena extensión no outro lado do porto, a seguir da fonte da ribeira. Este barrio estivo sempre estruturado lonxitudinalmente por dúas arterias: as rúas de Malteses e Hernán Cortés (prolongada na rúa Oliva), atravesadas ambas por multitude de pequenos, empinados e retorcidos vieiros –algúns só de acceso á vivendas–, que lle dan a este barrio o seu peculiar aspecto labiríntico.
 
  
Á esquerda: Arranque da rúa Hernán Cortés dende Chan de Conde.
Á dereita:  Vieiro escalonado que comunica as rúas de Baixo Muro e Hernán Cortés, coa presenza da atalaia do muro no cumio.
     
  • Hernán Cortés. Sae de Chan de Conde, ou sexa, do lugar onde se atopan a escalinata da entrada principal á vila intra muros e o acceso ao Convento das Benedictinas. Discorre despois de xeito paralelo á muralla da vila, desembocando nela a rúa Baixo Muro que vai pegada literalmente á dita muralla. A partir dese punto comeza subir en dirección á igrexa parroquial, desembocando na rúa do Calvario que marca a separación co barrio de Ribadavila. A partir de aquí, ese camiño de acceso do barrio da Mariña á parroquial chámase xa Méndez Núñez. O último tramo da rúa Hernán Cortés coincide coa zona da vila intra muros onde non existe nin rastro da muralla, polo que se deduce que desapareceu moi pronto, tal vez no século XVI. Debeu ser nese intre cando se fusionou o barrio da Mariña coa zona oeste da vila intra muros, habitada probablemente dende entonces por xente mariñeira.

Á esquerda: Tramo final da rúa Oliva
Á dereita: Recuncho coas típicas escaleiras das vivendas mariñeiras

  • Oliva. No punto en que a rúa Hernán Cortés comeza a subir cara ó barrio de Ribadavila, na procura da igrexa parroquial, iníciase esta nova e prolongada rúa que baixa de novo cara ó mar articulando así o espazo máis occidental do barrio da Mariña.


O elegante comezo da rúa Malteses

  • Malteses. Sen dúbida estamos ante a rúa mariñeira por excelencia, discorrendo no seu longo traxecto paralela ao mar. O historiador Domínguez Fontela foi o encargado de desmontar a vella lenda      que dicía que o nome desta rúa proviña dun barco da illa de Malta que se estrelou contra as rochas quedando os seus tripulantes a vivir nese lugar. Sinala Fontela que en toda a costa portuguesa dábase antigamente o nome de «malteses» aos xornaleiros do mar, isto é, aqueles mariñeiros que non  estando enrolados na tripulación fixa dunha embarcación, vivían en gran número na beira do porto á espera de cubrir prazas vacantes. Esta circunstancia deulle á Mariña a súa particular configuración urbanística: acumulación de casas, humildes e moi estreitas, cada unha pintada coa cor da súa gamela (segundo di a tradición). Co progreso económico deste barrio, sobre todo a partires da década de 1960, a estas casas tan só lles quedaba un sitio para onde crecer: para arriba, circunstancia que particularizou aínda máis á Mariña guardesa. Tanto é así que, hoxe en día, esta acumulación de estreitas e alongadas casas multicolores é o sinal de identidade máis acusado da vila da Guarda no seu conxunto.
Rúa Malteses     

Impresionante conxunto multicolor que ofrece A Guarda grazas ao urbanismo do barrio da Mariña
Cruzada

Plano do anaquiño do Barrio da Cruzada que Andreini debuxou en 1899

Este barrio está situado na vertente noroeste do monte Santa Trega, sobre o porto da Guarda, polo que goza dunhas vistas privilexiadas do conxunto da vila. O seu nome procede do latín cruciata, equivalente a encrucillada, e segundo Fontela é tan antigo como a Mariña. Este barrio da Cruzada tamén está articulado por dúas longas rúas: Roda (prolongada na rúa San Caetano) e Cal, atravesadas e comunicadas ambas por empinados vieiros.

Á esquerda: Arranque da rúa da Roda dende a Fonte da Ribeira
Á dereita: Pintoresco desnivel na rúa da Roda

  • Roda. Chamada así pola máquina que alí existiu     antigamente para a fabricación de cordas. Tamén se lle chamaba a ese lugar     «Os Teares», debido a que aquel lugar foi o principal emprazamento da     industria téxtil que existiu na Guarda durante séculos XVII e XVIII,     principalmente neste último. Nestes teares fabricábanse diversos xéneros     coma lencería (calcetíns, calzóns, medias), manteis, toallas, panos, etcétera,     tendo como principal materia prima o liño e o algodón. O principal destino     comercial desta roupa era a cidade de Cádiz, de onde embarcaba logo para     América. Esta industria desapareceu a mediados do século XIX, ao non poder     resistir a competencia dos produtos téxtiles que as industrias inglesas     estaban a difundir por todo mundo grazas a súa puxante revolución     industrial. Ao longo desta rúa existía un vía crucis que comezaba na chamada cruz dos Teares e terminaba     na capela de San Caetano. Percorrendo a rúa, e coa axuda dalgúns veciños,     logramos atopar seis estacións que aínda quedan. O resto foron destruídas     coa ampliación do camiño non fai moitos anos.
   

 
As seis estacións do vía crucis da rúa da Roda e San Caetano que hoxe se conservan

  • San Caetano. É a prolongación da rúa da Roda ata a     capela de San Caetano. Segundo afirma Fontela, a primeira ampliación desta     rúa, ao igual que a da Roda, debeuse –probablemente na década de 1920– á     señora Rosa Álvarez Vicente, viúva de Moreno, orixinaria daquel barrio. (A     irmá do famoso alcalde daquela época Manuel Álvarez).

Á esquerda: Empinada escalinata que comunica as rúas da Cal e da Roda
Á dereita: Magnífico paso elevado de madeira que da acceso a un vieiro tamén escalonado que baixa dende a Cal ata a Roda

  • Cal. A rúa máis longa da Guarda e, moi posiblemente,     das máis antigas, xa que o propio Fontela sinala que era uns dos primitivos     camiños que conducían ao monte Santa Trega. Certamente, a tenor das marcas     de rodas que temos observado nalgúns puntos do mesmo, entrando xa no     monte, debía ser moi usada polos canteiros para baixar os carros cargados     coa pedra que arrancaban no cumio do monte. Por certo que esta rúa, que     chega ata o centro da vila, non ten saída pois quedou taponada polas     primeiras casas e edificios da rúa Concepción Arenal. O nome de Cal deriva directamente da voz     latina callis, que significa     sendeiro ou camiño estreito, que derivou en castelán en «calle» e en     galego en «cal». (Esta mesma transformación filolóxica sucedeu coa voz     latina vallis: «valle» en     castelán e «val» en galego). A voz galego portuguesa de «cal» estivo moi     en uso na Idade Media en Galicia, ata que sucumbiu fronte á forma «rúa», pola     influencia da francesa «rue», un de tantos préstamos lingüísticos que     chegaron do outro lado dos Pirineos polo Camiño de Santiago. Así pois, sen     sabelo ou a sabendas, cando hoxe en día dicimos «rúa da Cal», estamos     caendo nun pleonasmo ou repetición impropia.
   O final cegado e sen saída da rúa da Cal

Lugar onde estivo situada a «malata» ou leprosería da Guarda ata o século XVII

Segundo Fontela, na parte alta da Cruzada, «ao pé en e en medio dos piñeirais baixos da costa de Santa Trega», existiu ata o século XVII unha leprosería ou «malata». Era unha pequena poboación, rodeada toda ela por unha cerca de pedra, onde illaban aos leprosos ou «gafos», e tiña unha fonte e unha capela, chamadas ambas de Santa Catalina. Esta Malata debeu desaparecer a mediados do século XVII –supoñemos que ao morrer o último leproso– xa que foi entonces cando a capela e o seu culto foron trasladados á actual capela de San Caetano, que se edificou nesa época. A fonte quedou no mesmo sitio, pero perdeu o seu nome –que se deu logo a outra fonte menor a beira do mar (a actual fonte de Santa Catalina)– e pasou a chamarse unicamente Fonte da Cal, sen dúbida para que ninguén asociase esa fonte a unha leprosería. Foi remodelada no ano 1921 «por suscripción que inició en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, hijo de este barrio», tal e como reza unha placa de mármore existente naquel lugar. Como todo mundo sabe, este indiano puertorriqueño é o mesmo alcalde da Guarda fusilado no ano 1936. A carón da fonte existe un cruceiro levantado a mediados do século XVIII, segundo di a inscrición gravada na súa peaña:
A DEVOCIÓN DE
JOSÉ CIVIDANES
Y SU MUGER
YSABEL PENIZA.
AÑO DE 1762.
Ribadavila
 
Definir con precisión, e en perspectiva histórica, que foi o lugar de Ribadavila non é tarefa fácil, pois o seu emprazamento e extensión foi evolucionando co paso do tempo. Á vista da documentación manexada –Fontela e Andreini– pódese observar que este espazo urbano conformouse a carón das dúas vías de entrada e saída da vila: unha en dirección a Tui e Castela (a antiga Estrada Real) e a outra en dirección ao Mosteiro de Oia e Baiona (a actual rúa do Calvario), así coma entre os dous puntos claves da localidade: a Praza do Reló e a Igrexa Parroquial. Este extenso barrio, esparexido en forma de media lúa por riba da vila vella, pódese dividir –para unha mellor comprensión– en catro sectores, atendendo a criterios tanto espaciais como temporais:

 
 
SECTOR A. Este sería, sen dúbida, o primeiro e máis antigo barrio de Ribadavila, posiblemente de orixe medieval. De forma cadrada, estaría formado pola concentración de casas existentes nun lugar privilexiado extra muros: entre a Praza do Reló e a Igrexa Parroquial de Santa María. Este espazo fóra da vila, de forte pendente, está atravesado por catro rúas:
 
  • Bernardo Alonso. Recibe este nome do indiano puertorriqueño que ampliou a actual casa dos Alonsos ata esta pequena rúa, mellorando o seu acceso. Comunica a igrexa parroquial coa Praza do Reló, onde se atopaba a entrada norte á vila vella. En 1899 aínda se chamaba «calle de la Iglesia».
   
Á esquerda: Arranque da rúa Bernardo Alonso . Á dereita: A Rúa Vicenta Rodríguez Cachada dende a parroquia. En primeiro
plano a casa fidalga da familia Somoza, co seu escudo de armas, a única que se conserva da nosa antiga nobreza local.
     
  • Vicenta Rodríguez Cachada. Recibe este nome da filántropa guardesa que deixou a fortuna herdada dos seus irmáns falecidos en Puerto Rico para a creación do Colexio das Carmelitas. En realidade é a metade da rúa que comunicaba as dúas saídas da vila, Calvario e Estrada Real, pasando pola igrexa parroquial. Sería, dalgún xeito, a primeira circunvalación para non ter que chegar ata a porta da vila se se quería ir dun lugar a outro da Ribadavila de entonces. De feito en 1899 aínda tiña toda ela o mesmo nome, «calle Antonio Alonso», o cal hoxe só se lle dá á outra metade, como logo veremos.

Arranque da rúa Méndez Núñez

  • Méndez Núñez. É a rúa que comunica á igrexa parroquial co barrio da Mariña, e polo tanto –como víamos antes– a prolongación ata o templo da rúa Hernán Cortés. Antigamente chamábase rúa do Laurel.
  • Ignacio Sobrino. Recibe este nome do indiano cubano que doou a fonte da Praza do Reló. En realidade é o primeiro tramo da rúa Calvario. Nada máis saír da Praza do Reló, fórmase una pequena Praza (a primixenia praza Ignacio Sobrino) onde desemboca un dos vieiros que, procedente da parte baixa da Mariña, conducía ata a entrada da vila. Esta zona parece ser un lugar de encontro deste sector de Ribadavila coa expansión do barrio alto da Mariña, o que coincidiría co desbordamento da vila intra muros e a pronta desaparición da muralla; un proceso que puido acontecer entre os séculos XV e XVI. Por este motivo, pensamos que este SECTOR A de Ribadavila, puido ser xa considerado como parte da vila nos séculos XVI ou XVII.

Imaxe actual da praza medieval

è Igrexa Parroquial de Santa María. Segundo Fontela, nada se sabe sobre a orixe do templo parroquial, aínda que sinala que é posible que fose construído no século X. O que si se sabe é que o templo actual foi reedificado a partir do ano 1567, grazas ó apoio que o bispo de Tui Diego Fernández de Torquemada lle prestou aos veciños da Guarda. Por este motivo, no tímpano da porta lateral da fachada sur foron esculpidos, á mesma altura, os escudos heráldicos dos responsables do novo edificio: o barco heráldico da vila da Guarda e a torre queimada do escudo daquel bispo coas palabras FIDES ATQUE AMOR. Fronte a esta porta lateral estendíase un terreo en forma de atrio coñecido co nome de «Eirado» onde se celebraban na Idade Media reunións públicas de interese xeral. Así foi ata que a finais do século XVI ditas asembleas pasaron xa a celebrarse na recén creada Praza do Reló, a onde acudía a xente á chamada da campá da torre do novo concello.
 
è Praza do Reló: Segundo Fontela esta praza foi aplanada a mediados do século XVI. (Recordemos que a nova casa do Concello –a actual sede da Policía Local– fíxose no ano 1559). Ata entonces esta planicie fronte a porta norte de entrada á vila era coñecida co nome de Praza Maior, pero a partir do ano 1570, aproximadamente, foi xa coñecida co nome de Praza do Reló. A razón é que por ese ano foi construída á actual torre de vixilancia, formando parte do novo concello, en cuxos baixos estaba o cárcere da vila. (Existira antes unha torre medieval, a coñecida como «Torre dos Correa», que foi demolida en tempos dos Reis Católicos). Ao igual que a igrexa parroquial, o custo da nova torre foi acometido polo Concello da vila e o Bispo Diego Fernández de Torquemada, razón pola cal de novo os seus escudos heráldicos foros esculpidos no seu cumio. Dita torre foi reedificada de novo en 1730, cando xa ameazaba ruína, sendo Xuíz (alcalde) do Concello o fidalgo guardés Fernando de Castro Bullón y Figueroa, e Bispo de Tui Fernando de Arango y Queipo. Ademais, esta Praza do Reló foi durante séculos o principal centro comercial da vila, xa que alí se celebraban os mercados bisemanais de martes e sábados. Unha casa desta praza, situada no ángulo da praza coa rúa Cervantes, de gran importancia comercial nos séculos XVII e XVIII, foi a da familia Ibarra, cuxos últimos descendentes acabaron trasladándose a Sevilla no século XIX. Por razóns políticas esta praza tivo outros tres nomes nos dous últimos séculos: Praza da Constitución (alá polo 1837), Praza da República (1931) e Praza de España (1936), ata que recentemente recuperou o seu nome secular.

Sector B de Ribadavila

SECTOR B. Fontela tamén outórgalle unha grande antigüidade a este sector, estruturado ao longo da antiga calzada romana, e despois «Estrada Real», que saía da vila vella en dirección a Tui. Actualmente está formada polas rúas Cervantes, Joaquín Alonso (Praza Nova) e Vicente Sobrino:
  • Cervantes. É a pequena rúa que saía da porta de arriba da vila vella e baixaba cara o sur bordeando o foso do muro da vila ata a boca do camiño –Ireira– que dende ese punto, e bordeando a mesma muralla, baixaba ao Convento das Benedictinas. Dito foso foi tapado con pedras e terras traídas da ribeira no século XVI cando se aplanou a Praza do Reló.


Precioso conxunto urbanístico da rúa Joaquín Alonso ou Praza Nova, caracterizado polo xogo de alturas

  • Joaquín Alonso. Recibe este nome do poderoso indiano puertorriqueño que, ademais de alcalde e deputado provincial,  comportouse coma un filántropo en moitos momentos da súa vida pública. Antigamente era coñecida por «Rúa de Naranxeira», xa que todas as hortas que ían dende a Lagartosa ata o Convento formaban o chamado Campo de Naranxeira. Foi chamada tamén «Cordoería» pola fábrica de facer calceta e outros xéneros téxtiles que alí houbo na década de 1830, cumpríndose así o desexo testamentario do comerciante guardés Rosendo Lagoa González, falecido en Cádiz en 1831. Pola roda empregada nesta industria, a pista que discorría paralela pola parte de atrás –actual Manuel Lomba (o indiano  puertorriqueño creador de Pro-Monte)– chamouse Tras da Roda. A rúa Joaquín Alonso coñeceuse tamén, ata hoxe en día, polo nome de Praza Nova, debido á súa forma triangular. Entre 1832 e 1834 foi remodelada con amplas beirarrúas por un guardés de nome Bernardo Martínez Ameal, o mesmo que a rúa Vicente      Sobrino, na que vivía.
  • Antonio Alonso. Recibe este nome do terceiro dos  irmáns Alonso, outro indiano puertorriqueño que tamén foi alcalde e deputado provincial. É a rúa que saíndo da Praza Nova sube moi empinada ata a igrexa parroquial. Está atravesada polo corredor antes mencionado que discorre paralelo por enriba da Estrada Real, que á altura de Vicente Sobrino chamábase Calle del Oriente en 1899, e actualmente Secundino Melón (outro indiano puertorriqueño).


Outro elegante conxunto urbanístico, neste caso na rúa Vicente Sobrino
     
  • Vicente Sobrino. Recibe este nome do comerciante guardés afincado en Cádiz, primo carnal de Ignacio Sobrino, artífice dunha fundación para socorro dos pobres desta vila, a cal funcionou dende 1893 ata 1934. É o tramo da Estrada Real que ía dende a rúa Joaquín Alonso ata a Fonte do Rollo. Comezaba coa casa indiana mexicana da familia Baz (ultimamente casa dos Rivas), posiblemente do século XVIII, que facía esquina coa Praza Nova. En fronte estivo durante moito tempo o «alfolí» ou depósito de sal. No medio da rúa, polo nacente existiu un magnífico pazo, coa fachada brasonada, pertencente á familia dos Castro, Bullón, Agulla y Figueroa, á que simplemente se chamaba «Casa de Castro». Esta familia emigrou da Guarda para fixar a súa residencia en Viana do Castelo. A última casa da rúa Vicente Sobrino é a famosa casa dos Troncoso, orixinal construción triangular, moi posiblemente do século XVIII a tenor do seu sobrio estilo arquitectónico. E ao seu carón a Fonte do Rollo, durante séculos a «Fonte de Ribadavila», unha xoia arquitectónica desaparecida non fai moito tempo. Antigamente era unha simple caixa de pedra con dous caños,ata que no ano 1852, de novo o filántropo guardés Bernardo Martínez Ameal edificou sobre ela un obelisco de estilo barroco portugués. Tamén mandou esculpir na parte superior da caixa o antigo escudo heráldico da vila, o cal áchase hoxe en día, trala desfeita do monumento, arrombado nun recuncho entre as escaleiras da vila vella e a casa do pescador. Moi posiblemente con este escudo queríase indicar que xa por aquel entonces, mediados do século XIX, este sector de Ribadavila considerábase como parte da vila. De todos os xeitos, Fontela sinala que na década de 1930 a fonte do Rollo seguía sendo coñecida popularmente coma a fonte de Ribadavila.


Impresionante fachada da casa dos Troncoso. Sen dúbida este emblemático edificio, probablemente
do século XVIII, é un dos símbolos e sinais de identidade do actual urbanismo guardés

SECTOR C. Este é o actual barrio de Ribadavila, o cal está estruturado por dúas rúas: a antiga rúa de saída da vila cara ó Mosteiro de Oia e á vila de Baiona, chamada rúa do Calvario, e tamén a paralela rúa de San Bernardo que saía da igrexa parroquial coa mesma dirección, encontrándose ambas despois do cruce para a capela da Guía.




Cruces do Calvario en Ribadavila e capela da Virxe da Guía

A rúa do Calvario foi coñecida tamén co nome de «Vía Sacra» polas estacións do Vía Crucis público distribuídas por todo o traxecto da mesma ata o santuario da Guía, situado nun desvío desta rúa. Segundo Fontela, este santuario é moi antigo, existindo xa antes do século XV. A actual capela data de mediados do século XVI cando foi reedificado por estar en estado ruinoso o anterior templo. Algo parecido debeu suceder cos catorce cruceiros da vía sacra, os cales foron restaurados e reedificados no ano 1672, volvendo ser reparados un século despois, segundo Fontela entre 1783 e 1795. Estes cruceiros son un verdadeiro patrimonio histórico –case todos teñen inscricións dos seus artífices– e relixioso, polo que resulta moi triste comprobar o mal estado de conservación no que están moitos deles. Nalgún momento esta rúa foi coñecida tamén como «Cordoería», polas fábricas de facer cordas que tamén existiron neste lugar.

Sector D de Ribadavila

SECTOR D. É a zona que ía dende a fonte do Rollo, ou sexa, o remate da rúa Vicente Sobrino, ata o límite da parroquia da Guarda coa de Salcidos. En realidade é unha prolongación do sector B, ou sexa, da Estrada Real, e a súa creación é moi recente, xa que xurde coa construción da actual alameda a mediados do século XIX. Este feito foi decisivo para o urbanismo guardés pois orientou a expansión e crecemento da vila cara este lugar, especialmente a finais do século XIX e comezos do XX. Por ese motivo, xa por entonces quedou ben definido o que era «a vila», isto é, o espazo urbano formado pola vila vella e os sectores A, B e D da antiga Ribadavila. Quedaba, pois, o sector C, o máis apartado deste ámbito de expansión, como o actual barrio de Ribadavila.


 
Como acabamos de ver, a nosa vila ten unha personalidade urbanística definida pola evolución histórica duns espazos ben diferenciados, podéndose apreciar neles tres modelos ou prototipos de casas:
 
  1. Por un  lado está a Mariña, con casas estreitas, altas e multicolores, onde a presenza visible da pedra –por un pasado humilde– é moi escasa.
  2.  
  3. Por outro lado está a vila, con casas urbanas, de dous ou tres pisos, de pedras nobres –os seus propietarios eran artesáns e comerciantes– nos perfís de portas e ventás, e muros de pedra de recheo (cachotería). Estes muros estaban polo xeral lucidos en branco, aínda que pola influencia do urbanismo mariñeiro eses lucidos podían ser de cor, o que enriquece sen dúbida o conxunto.
  4.  
  5. En finalmente están os barrios da Cruzada e a actual Ribadavila, onde se combinan casas urbanas, coa súa fachada facendo rúa, con casas soltas, de estilo rústico (coa pedra sen lucir) e coas catro paredes ó aire. Incluso existen interesantes combinación do baixo con pedra cara á vista e o alto lucido.

Vista actual da vila da Guarda dende a praza de San Caetano. Oxalá que cando se constrúa nos campos baleiros
que aparecen en primeiro termo, se faga cos mesmos criterios urbanísticos que fan da nosa localidade unha postal multicolor

Ignorar o personalidade do urbanismo guardés no é tan só unha cuestión cultural, senón tamén un serio problema patrimonial, con dúas manifestacións á vista de todos:
 
  1. Seguen desaparecendo edificacións que nos definían e particularizaban como pobo, con relación a outros. Como xa temos dito moitas veces, a conservación de edificacións emblemáticas tan só será posible cunha protección legal acompañada de axudas institucionais (subvencións, exencións de impostos), pois chega un momento que os propietarios de vivendas dignas de conservar non as poden manter por máis tempo.
  2.  
  3. Estanse a levantar en medio dos conxuntos urbanísticos mencionados –sobre todo na Mariña e na Vila– novas edificacións que nada teñen que ver coa personalidade do seu entorno. Neste caso os poderes públicos deberían tamén tomar parte e crear plans especiais de protección deses conxuntos antes de que A Guarda comece xa a non ser recoñecida polas novas xeracións. (É cuestión de tempo). Estes plans non deben asustar nin a políticos nin a promotores inmobiliarios, pois o crecemento e o progreso do municipio, así como a rendibilidade das inversións e a creación de riqueza, cando menos son as mesmas, senón maiores. Trátase de facer edificios respectuosos co urbanismo do lugar, para o cal non é preciso máis que as autoridades locais, baseándose nos devanditos plans, estipulen, por exemplo, os estilos de fachadas ás que se teñen que axustar arquitectos e propietarios.
 
Isto último que acabamos de dicir, a protección do urbanismo autóctono, é o que están a facer algunhas vilas e cidades de Galicia que teñen espazos con personalidade urbanística, como e o caso da Guarda. E con gran éxito pois están revalorizando zonas descoidadas e incluso medio abandonadas como zonas residenciais, de comercio ou de ocio. En definitiva, están dándolle vida. E niso gañamos todos. Para rematar tan só quería felicitar a todos os propietarios de inmobles que ata agora teñen xa restaurado ou reedificado as súas vivendas e negocios seguindo os criterios de equilibrio urbanístico do entorno. Percorrendo as rúas da Guarda comprobamos que estes casos non son un nin dous, senón moitos, o que nos indica que existe máis sensibilidade da que se pensa. Grazas, pois, polas vosas valentes decisións, que son mostra de cultura urbanística e de ben querer ao noso pobo.

Joaquín Miguel Villa Álvarez
Libro-programa Festas do Monte, 2010


[1] Nin que dicir ten que Fontela segue a ser o gran referente para o coñecemento da historia da Guarda, e dada a dispersión da súa enorme produción (publicada en numerosos artigos de prensa), e incluso o descoñecemento, a día de hoxe, do paradoiro dunha parte substancial dos seus traballos, volvemos a facer un chamamento, dende estas páxinas, sobre a necesidade de acometer un traballo fundamental para a historiografía guardesa: a recompilación e edición das Obras Completas do coengo Domínguez Fontela.
Regreso al contenido