O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (II) - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (II)

PUBLICADAS
O patrimonio histórico urbanístico da Guarda (II)
por
Joaquín Miguel Villa Álvarez
 
          No libro das Festas do Monte do ano pasado falabamos do escaso patrimonio urbanístico que nos queda da nosa fidalguía local (séculos XV-XVII). E tamén do moi pouco que nos vai quedando da primeira burguesía indiana, con motivo do derrubo da casa dos Fernández Baz, unha familia vencellada á emigración a Nova España (México) no século XVIII. Recordemos que no século XIX vaise producir o solpor da fidalguía como clase social dominante, sendo substituída pola entonces xa imparable burguesía, enormemente enriquecida no desenrolo do comercio e da industria. No caso da Guarda e a súa comarca, o protagonismo tivérono os burgueses comerciantes, principalmente os que estaban en América. Moitos fixeron alá fortuna, e ao seu regreso –como xa sabemos– deixaron a súa pegada na arquitectura local. Sobre as casas indianas que edificaron estes retornados hai que sinalar que non só destacaron polo seu exterior (orixinal, elegante, clásico ou innovador), senón tamén pola súa riquísima decoración interior, signo inequívoco da súa distinción como clase social. Desgraciadamente, dos interiores das casas da nosa burguesía xa pouco vai quedando.

           Neste ano [este traballo foi publicado en 2008 no Libro-Programa das Festas do Monte] imos falar dun patrimonio que aínda se conserva –alomenos en gran parte– e polo tanto segue a proporcionar á nosa vila personalidade propia. Falamos do legado dos «Alonsos», unha poderosa familia guardesa enriquecida no comercio en Puerto Rico, que tivo o seu apoxeo no último tercio do século XIX. Unha familia da que, non por ser tan famosa e terse falado tanto dela, se coñece ben. E é que cada ano que pasa comprobamos ata que punto ignoramos tantas e tantas cousas da nosa historia. Por exemplo, cando noutras ocasións falabamos da tan nomeada «Casa dos Alonsos», descoñeciamos que en realidade non houbo unha, senón dúas casas dos «Alonsos», segundo en que época.
A primeira casa dos «Alonsos» (na Rúa Colón)
 

Nun círculo a Primeira Casa dos «Alonsos» a comezos do século XX (Fotografía cortesía de Eduardo Martín Goyás)

Cando os irmáns Alonso Martínez estaban aínda por América, no ano 1857, o pai dos «Alonsos», Simón Alonso González, comprou unha das casas máis importantes da vila antiga da Guarda, situada nun punto estratéxico entre a rúa Colón e a rúa do Muro, moi preto da porta de entrada á vila dende o peirao (unha porta da que aínda quedan os sinais dos seus quicios nas pedras laterais). A tenor das fotos da época –e aínda das actuais– trátase dun impoñente caserón cun magnífico balcón de pedra, que tiña na parte superior unha preciosa bufarda cuberta en galería. Dende o seu privilexiado emprazamento, preto da muralla da vila, dominaba por completo o barrio da Mariña. Un barrio modesto de pescadores que aportou durante moitos anos, non só gran parte das mulleres que formaron o servizo da casa, senón tamén un apoio incondicional nas carreiras políticas dos irmáns Joaquín, Antonio e Bernardo Alonso Martínez –como alcaldes e como deputados provinciais– no último tercio do século XIX. Desta casa destaca tamén o considerable terreo anexo, sobre todo por estar situado no centro mesmo da vila vella.
 
 Aínda que descoñecemos a antigüidade deste edificio, ben pode ser do século XVI pois na escritura de compravenda de 1857 alúdese a vellas rendas que o inmoble pagaba ao Convento das Benedictinas. Trala súa adquisición, este vello caserón pasou a ser a «casa dos Alonsos» –a primeira– durante máis de trinta anos, ata que mercaron a segunda casa no ano 1878. A partires de aí, debeu xa ser arrendada a outros particulares, sendo un deles a propia Garda Civil, pois este edificio foi o cuartel da vila durante anos, antes de trasladarse á rúa Cervantes. Hai que dicir que hoxe en día esta casa non está en bo estado de conservación, padecendo ademais un engadido na parte superior bastante antiestético. A pesares disto, este vello caserón segue a ser unha das propiedades inmobiliarias máis relevantes do pouco que nos queda da nosa vila vella.
A segunda casa dos «Alonsos» (na Praza do Reló)
 

Segunda Casa dos «Alonsos», na Praza do Relo, nunha imaxe dos anos 60 (Fotografía cortesía dos PP. Somascos)

Levando xa algúns anos retirados de América, os irmáns Alonso Martínez compraron en 1878 a magnífica casa da familia Lasiote na Praza do Reló. Antes xa mercaran dúas pequenas casas situadas ao seu carón, e agora no seu solar edificaron outra casa que realmente era unha prolongación da principal. Comunicadas ambas por dentro, pasaron a formar un só edificio coñecido dende entonces por «Casa dos Alonsos», sen dúbida unha das xoias arquitectónicas do noso municipio.


Impresionante salón da Casa dos «Alonsos» nunha imaxe dos anos 60 (Fotografía cortesía dos PP. Somascos)

Unha vez convertido en vivenda familiar, os seus propietarios revestírona por dentro do esplendor propio da súa clase social, isto é, da burguesía: un primeiro andar das escaleiras en mármore branco, artísticos ceos rasos nos teitos, tapices nas paredes e teitos, cuberterías de luxo... Trala creación da Fundación Alonso en 1956, esta casa pasou a pertencer ao Bispado de Tui, quen a destinou durante anos á orde relixiosa dos Pais Somascos para usala como colexio. Rematada esa función, o bispado vendeuna ao Concello da Guarda no ano 2001, quen a empregará para usos múltiples.

Magníficos ceos rasos da Casa dos «Alonsos» nunha imaxe dos anos 60 (Fotografía cortesía dos PP. Somascos)


Precioso tapiz da Casa dos «Alonsos» nunha imaxe dos anos 60 (Fotografía cortesía dos PP. Somascos)

O edificio e finca da rúa Vicente Sobrino
 
No ano 1879 os irmáns Alonso mercaron unha gran finca situada no medio da Guarda, con entrada pola céntrica rúa Vicente Sobrino. Compráronlla a un indiano natural de Camposancos, Francisco Sobrino Portela –do que aínda sabemos moi pouco xa que viviu case sempre en Vigo–, quen a súa vez mercáralle esta propiedade á Familia Lasiote uns anos antes, no 1875. Pois ben, na parte da finca que daba á rúa Vicente Sobrino, Bernardo Alonso Martínez mandou construír no ano 1893 –trala morte dos seus irmáns Antonio (1890) e Joaquín (1891)– un enorme edificio, de impoñente fachada de pedra, coa seguinte finalidade: os baixos cara á rúa para fins comerciais, e os da parte traseira como cocheiras da familia Alonso; e os altos para albergar a sociedade Casino de La Guardia, recentemente creada. Desfeita esa asociación nos anos 1917-1918, as mesmas instalacións pasaron a ser, no ano 1920,  a sede doutra sociedade da vila, o Recreo Artístico Guardés, a cal permaneceu aí case que corenta anos, ate 1959. Dende ese ano o edificio completo –agás os baixos comerciais– xunto coa finca anexa pasaron a ser parte do Colexio PP. Somascos, por expresa vontade dos propietarios do inmoble: a Fundación Alonso. O antigo salón de baile de ambas sociedades é hoxe o «Salón dos Espellos», sen dúbida un dos lugares máis emblemáticos da actual cultura guardesa.

Edificio dos «Alonsos» da rúa Vicente Sobrino, nunha imaxe dos anos 60 (Fotografía cortesía dos PP. Somascos)
Certamente, a Fundación Alonso está facendo todo o posible por conservar ese Salón dos Espellos no seu estado orixinal, e agardamos que no futuro siga a ser garante deste legado que temos. En canto a «Casa dos Alonsos» da Praza do Relo, o actual propietario, o Concello de A Guarda, presentou recentemente os planos para a súa remodelación completa, agardando tamén que o resultado final siga facendo de este inmoble unha das sinais de identidade do noso Concello. No que se refire aos seus usos múltiples, volvemos a pedir unha vez máis que un deles sexa o de Arquivo Histórico Municipal. E non falamos de habilitar varias dependencias do edificio para trasladar os papeis que languidecen nos altos do Centro Cultural, os cales antes sufriron nos sotos do Concello.


Biblioteca dos PP. Somascos, cunha parte da biblioteca dos «Alonsos», nunha imaxe de finais dos anos 60
(Fotografía cortesía dos PP. Somascos)

Estamos a falar da creación dun verdadeiro Arquivo Histórico, unha institución de prestixio que diferencia claramente ás vilas e cidades con conciencia histórica e amor propio, do resto. Unha institución que aportaría, basicamente dúas cousas: por un lado posibilitaría a todos os guardeses, e cidadáns en xeral, un maior e mellor achegamento ao coñecemento da nosa historia, e por outro liberaría ao propio Concello da escravitude actual de non saber que facer coa documentación que produce. Este mesmo ano, sen ir moi lonxe, o Arquivo Municipal de Tui, en colaboración co Servizo Técnico de Patrimonio Documental da Deputación, acabou de catalogar a documentación transferida no último ano dende as oficinas xestoras do Concello. Con este servizo público que desenrola puntualmente ano tras ano, unido ao axeitado servizo de acceso á documentacións que ofrece aos cidadáns e investigadores, o Arquivo Municipal de Tui estase preparando, institucionalmente, para acoller nun próximo futuro a documentación histórica ata agora depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. É dicir, que non tardando moito Tui vai ter un verdadeiro Arquivo Histórico Municipal. Como guardés seguirei soñando con poder ver algunha vez os nosos libros e documentos históricos en salas de consulta cheas de anaqueis contemplando a diario a Torre do Reló.
 
E permítanme un soño máis: descoñecendo como descoñezo a propiedade do caserón da rúa Colón –como diciamos antes tal vez do século XVI–, pregunto: por que non estudia o Concello a posibilidade de compralo e transformalo nunha privilexiada sede de servizos municipais? Ademais de desconxestionar a Casa do Concello, marcaría sen dúbida o inicio da recuperación e revitalización da vila antiga –¡A Guarda ten zona vella!–, unha tarefa esquecida completamente ata hoxe pero que algunha vez terase que acometer.
 
Joaquín Miguel Villa
Libro programa das Festas do Monte, 2008
Regreso al contenido