O expurgo na biblioteca da escola de Estás - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

O expurgo na biblioteca da escola de Estás

Arquivo 2021
AS BIBLIOTECAS ESCOLARES NA PRIMEIRA DÉCADA DO FRANQUISMO: ENTRE O AMENCER E A LUZ CEGADA[1]
por Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez
 
 
Durante a guerra civil e primeiros anos da ditadura do xeneral Franco, o réxime xurdido do golpe de estado ocupouse de barrer da sociedade española toda pegada republicana, especialmente no campo pedagóxico. Este texto reconstrúe o proceso de expurgo da biblioteca popular concedida polo Patronato de Misiones Pedagógicas no ano 1935 á escola nacional de Estás (Tomiño), documentando o proceso de depuración que se levou a cabo nesta biblioteca pública, como exemplo do perpetrado en todo o Estado por parte dos golpistas; analízanse algúns trazos da orientación da nova política educativa e obsérvase o papel que se viron obrigados a desempeñar, a partir dese momento, moitos mestres, mestras e inspectores nun violento escenario de ruptura social, persecución política e substitución ideolóxica.
 
  
As Misiones Pedagógicas e a democratización da cultura
 
As chamadas Misiones Pedagógicas naceron en 1931 no marco xurídico do padroado que leva o seu nome como unha novidosa iniciativa do primeiro goberno republicano[2] para estender o modelo transformador da Institución Libre de Enseñanza a través dun programa máis amplo, que tiña como meta urxente escolarizar a máis de medio millón de nenos e nenas, principalmente do medio rural, e erradicar o analfabetismo na poboación adulta, que ao inicio da década dos anos trinta padecía unhas taxas do 37% para os homes e de case o 48% para as mulleres.[3] Ademais, a maior parte da poboación alfabetizada era allea á cultura escrita, e só catro millóns, dos vinte e tres que formaban a poboación española en 1934, tiñan acceso ao libro ou á prensa periódica.[4] Manuel Bartolomé Cossío foi o director do padroado desde a súa fundación, e para fomentar a cultura xeral creouse un Servicio de Bibliotecas no que participaron María Moliner, Juan Vicens de la Calle ou Antonio Machado.[5]
    
Estas misións foron un instrumento novidoso, organizado pola República para democratizar algúns aspectos do saber e socializar a lectura
As Misiones Pedagógicas naceron para tratar de democratizar a cultura. Como quedaba recollido no artigo 48 da Constitución republicana, era á vez un deber do Estado e un dereito da cidadanía. En concreto, e como afirma, Ana Martínez Rus,[6] estas misións foron un instrumento interesante organizado pola República para democratizar algúns aspectos do saber e socializar a lectura. Neste sentido, Tuñón de Lara sinala a política cultural republicana como un dereito socio-político propio do novo réxime democrático, onde confluían as necesidades intelectuais da sociedade civil máis abandonada e as decisións políticas dos gobernos progresistas. Unha idea na que tamén insiste Francisco F. Redondo Abal cando resalta os esforzos do primeiro goberno republicano «na difusión do libro polos máis variados recunchos do país, permitindo a todos os
cidadáns o acceso á lectura independentemente do lugar de residencia, para rematar coa obscena discriminación do mundo rural respecto do urbano».[7]

 
    
Escena do Coro del Pueblo ao pe da Fonte de Cossío, situada en Rascafría, al Norte de Madrid. Inaugurada en 1932 en homenaxe ao promotor das misións. Cartaz anunciador do Coro del Pueblo. Sesión de música en Navarrevisca (Avila)
O Servicio de Bibliotecas

Un eixe fundamental dese cobizoso proxecto de educación popular foi o programa do que, nunha expresión máis actual, chamaríamos «animación á lectura». Levouse a cabo mediante a distribución de bibliotecas escolares, fixas ou itinerantes, en todas as misións realizadas. Este programa arranca en agosto de 1931, cando se aproba o Decreto que establecía no seu primeiro artigo que en toda escola primaria debería haber unha biblioteca que fose pública en canto ao seu acceso e baixo responsabilidade do seu mestre. Este sería o encargado de organizar o catálogo, de controlar o rexistro de ingresos e gastos e de xestionar o servizo de préstamo. Porque esta
Sesión de música en Navarrevisca (Avila)
biblioteca debía ofrecer servizo de lectura en sala o en préstamo gratuíto, e estar localizada nun espazo diferenciado da aula. A súa administración correspondería ao Consello local de ensino primario, encargado ademais de redactar un regulamento. Este podería organizar colectas para poder afrontar novas adquisicións; celebraría lecturas públicas e conferencias sobre os seus fondos; negociaría coas bibliotecas veciñas o intercambio de libros; aprobaría o orzamento e proporía ao inspector de ensino primario as obras a adquirir.
  
Sesión de lectura con escolares durante unha misión. As misións espertaban a curiosidade dos cativos.
   
Lémbranos Ana Martínez Rus que antes da intervención do padroado co seu servizo de bibliotecas, apenas existían librerías, agás nas poboacións de certa importancia. As bibliotecas públicas localizábanse nas capitais de provincia, e unicamente tiñan acceso a elas os seus habitantes e especialmente os alumnos de ensino secundario e universitario. Coa chegada da Segunda República, o concepto e función da biblioteca tamén se transformou. A instalación de novas bibliotecas e a actualización das coleccións existentes tivo un efecto multiplicador ao aumentar a consulta dos lectores habituais, e afeccionar aos libros a sectores secularmente afastados do mundo impreso.[8] Tendo en conta estes factores, o Servicio de Bibliotecas das Misiones Pedagógicas deu preferencia ás escolas públicas do medio rural e as provincias máis desfavorecidas.
 
Para conseguir que todas as escolas tivesen unha biblioteca, elaborouse un plan de desenvolvemento da política bibliotecaria, e encargouse ao padroado e á Junta de Intercambio y Adquisición de Libros para Bibliotecas Públicas a súa distribución e implantación, a través dunha coordinación establecida desde o Museo Pedagógico Nacional. O padroado foi o responsable de distribuír máis de cinco mil bibliotecas, que á súa vez contiñan máis de medio millón de libros. Neste sentido, a biblioteca foi concibida como un instrumento de socialización, ao difundir obras literarias e científicas, de diversas procedencias e xéneros —como veremos no exemplo que ilustra este traballo—,  para elevar a súa formación intelectual e profesional e facilitar o exercicio dos novos dereitos constitucionais.
 
Dese modo, o padroado, a través das misións, foi o encargado de promocionar o hábito lector entre adultos e escolares nos lugares afastados dos espazos urbanos, intensificando «la activa colaboración que viene prestando para el mejoramiento de la Escuela primaria y la supresión del analfabetismo». Este padroado, explícase nun folleto divulgativo, «aspira a que sus bibliotecas sean un elemento vivo». As autoridades educativas, maioritariamente procedentes das aulas institucionistas tanto como das súas influencias, consideraron que tiña chegado a oportunidade de alfabetizar á poboación e asegurar o seu acceso ao libro co fin de mellorar a súa formación cultural e cívica, co obxecto de formar cidadáns para a libre participación na vida pública.

    

Misiones Pedagógicas. Folleto sobre “Reglas para la concesión y funcionamiento de las Bibliotecas”.
  
Ao catálogo das bibliotecas que repartiu o padroado haberían de sumarse as doazóns dos municipios, das deputacións o de particulares, co obxectivo de crear en cada escola rural un lugar de reunión veciñal e un xerme de actividade cultural que propiciase a difusión de libros e a normalización do hábito lector. Entre 1932 e 1933 rexistráronse 467.775 lectores (o 57'5% nenos) e 2.196.495 lecturas (o 64% infantís). A Memoria editada por este organismo sinala que, segundo as informacións recollidas, «son los muchachos, de ordinario, quienes mueven a leer a sus padres y hermanos. Libro que el chico lleva a su casa es leído por el resto de la familia».[9] Xunto a estas deben citarse as bibliotecas de carácter municipal que entregaba nos concellos a Junta de Intercambio. Eran establecementos de meirande envergadura, situadas en localidades de maior entidade, pero igualmente abertas ao conxunto da poboación.[10]
 
O fondo bibliográfico
 
Malia non ser exactamente o mesmo para todas as escolas, o fondo bibliográfico estaba formado, no seu conxunto, por «obras de la literatura universal y española, clásica y moderna; arte, ciencias aplicadas, historia, geografía, técnicas agrícola e industrial, educación, ciencias naturales, ensayos, sociología, lecturas infantiles, viajes, biografías, diccionarios, etc.».[11] As lecturas se clasificaron en dous grandes grupos: un destinado á infancia no contorno escolar como complemento ás actividades académicas, e outro aos adultos, ampliando o concepto de biblioteca como un servizo público accesible a toda a cidadanía. O primeiro grupo nutríase dunha colección de lecturas formativas infantís que «representan la vida orientada al futuro,
O fondo bibliográfico non era exactamente o mesmo para todas as escolas, pero estaba formado por un catálogo básico adaptado a todas as idades e gustos.
a las amplias creaciones que permiten a la imaginación infantil relacionar con el mundo visible otro mundo ensoñado». O grupo dos adultos, en cambio, estaba formado maioritariamente por novela, poesía e algunhas obras de carácter práctico, relacionadas coa agricultura ou gandería, ademais de outras que figuraban entre os libros solicitados en determinadas bibliotecas. Xunto cos libros se enviaba papel para forralos, marcadores de páxinas e talonarios para levar un control estatístico dos lectores e das súas lecturas, das que posteriormente se informaba ao padroado.
Respecto das preferencias, sinálase para os lectores infantís aos clásicos Perrault, Grimm, Andersen, Hoffman, Las mil y una noches, e as edicións extractadas de Homero e Dante.
Abejas y colmenas (Madrid, S. Aguirre, 1933) de Fernando Martínez de La Escalera y Ernesto Suja
Tamén as novelas de aventuras de Switf, Verne, Lagerlof, Kipling, e os libros de biografías. Entre os adultos destacan os textos de Cervantes, Quevedo, Dickens, Tolstoi, Hugo, Remarque, La Breve historia del mundo de Wells, Galdós, Valera ou Pérez de Ayala. En poesía, Bécquer, Antonio Machado e a prosa poética de Platero y yo. Tamén se sinala a gran acollida que en determinadas zonas se concede ás obras técnicas ou de divulgación científica. Deste modo, afirmaba Cossío, as bibliotecas que se foron repartindo polas escoliñas rurais do Estado das que xa falara Luís Bello[12] nas súas reportaxes do xornal El Sol —“Viaje por las escuelas de España”— a finais dos anos vinte, axudaban a reducir o descoñecemento e incluso a indiferenza da xente cara os libros, «pues el problema no consistía únicamente en que los campesinos consiguieran descifrar los signos escritos, sino en despertar el amor a la lectura». O promotor deste proxecto de intervención social quería lograr que incluso nas aldeas máis apartadas, os textos de lectura da poboación deixaran de ser, exclusivamente, os catecismos e os calendarios, como viña sendo habitual na escola pública decimonónica, e que a través da biblioteca escolar, útil e variada, o libro chegara a todos os fogares, en préstamo, a través do hábito lector do alumnado: «Son los muchachos, de ordinario, según los datos recibidos, quienes mueven a leer a sus padres y hermanos. Libro que el chico lleva a casa es leído por el resto de la familia. En otros pueblos la biblioteca ha servido para estimular al vecindario para formar pequeñas sociedades de lecturas que prestan recursos destinados a la adquisición de nuevas obras».[13]
A selección dos libros, competencia do padroado, foi observada con receo por parte das organizacións políticas conservadoras. Por iso, a ollos de moitos sectores políticos e sociais dos anos trinta, esta iniciativa resultaba perniciosa, cando non xa subversiva ou incluso ‘revolucionaria’, aspecto no que nos deteremos máis adiante. E como é sabido, neste marco de difusión popular de valores laicos, democráticos e republicanos, o Patronato de Misiones Pedagógicas realizou un interesante programa por diversas provincias españolas.[14]
  
 
A Biblioteca das Misiones Pedagógicas na escola nacional de nenos e nenas de Estás (Tomiño)
   
Escola da Fundación Peirópolis, en Estás (Tomiño) actualmente integrada no CRA «Manuel Garcés»
  
A Biblioteca da escola de Estás, unha pequena poboación rural abeirada ao río Miño, relativamente preto da súa desembocadura limítrofe con Portugal, foi solicitada ao Presidente do padroado pola corporación municipal a través da Inspección de ensino primario. Como todas as que se promoveron desde este organismo, estaba formada por un lote de cen volumes.[15]
   
Matilde Moliner, alumna da Institución Libre de Enseñanza, membro das misións pedagóxicas e secretaria do seu padroado, asina esta circular

O 14 de decembro de 1934, a secretaria administrativa, ademais de misioneira, Matilde Moliner, xira escrito a Domingo Garcés Campo,[16] mestre nacional na escola de nenos de Estás, para informarlle da concesión dunha biblioteca, pregándolle ao recibo unha relación das obras enviadas e lla remitise asinada e con acuse. Xunto cos libros envíanse tamén follas para forralos, indicacións para o seu coidado e conservación, talonarios de préstamos e marcadores «para señalar la página donde se suspende la lectura».

O lote estaba dividido en dúas seccións. Unha colección de pezas clásicas de literatura universal orientada á lectura infantil (Walter Scott, Quintín Duwart; Lewis Carrol, Alicia en el País de las Maravillas; Robert L. Stevenson, La Isla do Tesoro; Charles Dickens, Grandes Ilusiones; Julio Verne, Cinco semanas en globo; Ernst T. Amadeus Hoffmann, El tonelero de Nuremberg; ademais dunha colección representativa de poesía, teatro o narrativa española. Tamén se inclúen algunhas pezas de pedagoxía para orientación dos mestres e mestras —Estudios sobre educación, de Francisco Giner; Cómo enseña Gertrudis a sus hijos, de Pestalozzi; Las Escuelas Nuevas italianas, de Concepción S. Amor; Las Escuelas Nuevas norteamericanas, de Fernando Sáinz—, de viaxes e meditacións —Notas de andar y ver, de Ortega y Gasset— ou de pensamento político —El origen de la familia, de F. Engels; Cómo se forja un pueblo, de Rodolfo Llopis[17] ou Ideario de Costa, de José García Mercadal—. Como complemento, envíase o Diccionario Enciclopédico Ilustrado de la Lengua Española da editorial Ramón Sopena, un Atlas Universal da editorial Edelvives e algunhas obras de xeografía de Joan Palau Vera e Diego Pastor, e historia de España —Episodios nacionales, de Benito Pérez Galdós ou Historia de la civilización española, de Rafael Altamira—, outras de iniciación á natureza —Curiosos pobladores del mar, de Enrique Rioja Lo Bianco; Los meteoros, de E. Sema— e algunhas outras obras complementarias ás ensinanzas curriculares —La fotografía y el cinematógrafo, de Vicente Vera; Nuestro organismo, de Juan Vázquez; La navegación, de A. Cabrera; Historia de la arquitectura cristiana, de Vicente Lampérez y Romea—.



Formaba parte do catálogo unha colección de pezas variadas orientada a fomentar o hábito da lectura infantil. Cómo se forja un pueblo (La Rusia que yo he vivido) (Madrid: Editorial España, 1929) de Rodolfo Llopis, recolle as impresións sobre a súa visita á Unión Soviética en 1928; Historia de la civilización española (Editorial: Espasa-Calpe/Manuales Gallach, 1928) de Rafael Altamira, catedrático da Universidade de Oviedo, estreitamente vinculado á Institución Libre de Enseñanza pola súa amizade con Francisco Giner.
    
A sección destinada ao público xeral nutríase dunha selección de autores da literatura española e universal. Obsérvase un carácter transversal, desde un punto de vista cronolóxico ou incluso pola diversidade de xéneros e temas. Desde a Idade Media —o infante Don Juan Manuel, El Conde Lucanor—, o chamado Siglo de Oro —Cervantes, El Quijote; Lope de Vega, Peribáñez y el Comendador de Ocaña; Francisco Quevedo, Los Sueños; Calderón de La Barca, Teatro; Fernando de Rojas, La  Celestina; Agustín Moreto, Comedias—, o Romanticismo (Mariano José de Larra, Artículos de costumbres; Gustavo Adolfo Bécquer, Obras escogidas; José de Espronceda, Poesías; Duque de Rivas, El Moro Expósito—, ou os séculos XIX e XX —Juan Valera, Pepita Giménez; Emilia Pardo Bazán, Cuentos de Marineda; José María de Pereda, El sabor de la Tierruca; Pío Baroja, La ciudad de la Niebla; Vicente Blasco Ibáñez, Cuentos valencianos; Juan R. Jiménez, Platero y yo; Valle Inclán, Sonata de estío—.
 
Entre a literatura internacional, atopamos figuras claves para unha panorámica xeral do pensamento, onde predominan os autores occidentais coa excepción de Rabindranath Tagore —La luna nueva. Poemas de niños—. Desde os clásicos Homero, Ilíada ou Lucio Apuleyo, El asno de oro, ata a idade contemporánea. Así, a literatura rusa da segunda metade do século XIX quedou representada coa elección das obras de Leónidas Andreiev, Sachka Yegulev; Feodor Mijailovich Dostoievski, Crimen y Castigo; ou Leon Tolstoi, Mis memorias. Ampla presenza tiña tamén a literatura francesa con escritores como Gustave Flaubert, La educación sentimental; Honoré de Balzac, Papá Goriot; Victor Hugo, Los trabajadores del mar; Henri Beyle Stendhal, La Cartuja de Parma; Julio Verne xa mencionado, ou Molière, El enfermo de aprensión. Os clásicos británicos estaban representados polos xa mencionados Defoe, Dickens, Scott ou Stevenson. Os autores alemáns elixidos foron Friedrich Schiller, Obras dramáticas, ou o citado Friedrich Engels. Con menos presenza, pero con obras fundamentais, inclúese a literatura portuguesa con Luiz de Camoens, Os Lusíadas; a norteamericana con Washington Irving, Cuentos de la Alhambra; ou a italiana con Benvenuto Cellini, Mi vida. Ademais, aparecen algúns libros máis orientados ao contexto rural onde se enviaba a biblioteca, como a Guía del Horticultor, la huerta y el corral de Juan Nonell; Cómo se elige un arado de José Cruz Lapazarán ou Abejas y colmenas de F. M. De la Escalera y E. Suja.

Un centenar de obras compoñían un significativo catálogo, atendendo ao informe remitido polo mestre Domingo Garcés ao Secretario do padroado con data 31 de xaneiro de 1936. No mesmo informe, Garcés indicaba a ausencia do segundo tomo da obra do intelectual krausista Ramón Pérez de Ayala Tigre Juan; El curandero de su Honra, para completar a centena de obras do catálogo. Ao mesmo tempo, solicitaba o envío de máis obras de carácter agrícola e de novelas.
  

  
Constaba como data de alta do servizo de lectura o día 9 de xaneiro de 1935, cun número total de 53 lectores rexistrados ata ese momento, correspondendo 36  a lectores escolares e 17 a lectores adultos. O número de lecturas rexistradas polos escolares ascendía a 128, e 52 a dos adultos. Entre os libros preferidos dos rapaces estaban Lecturas Geográficas de los cinco continentes, de Diego Pastor; Almacén de Cuentos y Sucesos extraordinarios, de Saturnino Calleja; unha colección de retratos biográficos, Vidas, sobre Alejandro Magno, Cristóbal Colón, Julio César, George Stephenson... de Juan Palau Vera y La Isla del Tesoro, de Robert Louis Stevenson. Pola súa parte, entre as lecturas preferidas polos adultos destacaban El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha de Cervantes; Tigre Juan de Ramón Pérez de Ayala; Guía del horticultor para la siembra y aclimatación de las hortalizas, de Juan Nonell; Abejas y colmenas, de Fernando Martínez de La Escalera y Ernesto Suja; e Cómo se elige un arado, de José Cruz Lapazarán.

Deste modo vivo e aberto puideron transcorrer os días republicanos desta biblioteca escolar, a que decontado vaise ver sometida a un expurgo como consecuencia da censura e falta de liberdade.
  
O Patronato de Misiones Pedagógicas se transforma
 
A transformación do Patronato de Misiones Pedagógicas no Patronato de Cultura Popular lévase a cabo por Orde ministerial de 19 de xuño de 1939 e encádrase no marco do desmantelamento da política educativa republicana perpetrado polo novo réxime co apoio decidido da Igrexa católica. Tiburcio Romualdo de Toledo y Robles, á sazón Director General de Primera Enseñanza, acusaba en 1940 ao anterior Padroado de ser «introductor en España de la escuela soviética, organismo de propaganda al servicio del marxismo internacional, cuya desaparición total no pudo conseguirse en Las Cortes del bienio cedolerrouxista».[18]
 
Formou parte desa poda ideolóxica o relevo dunha serie de organismos singulares da política educativa republicana por outros, estreitamente colaboradores do novo Estado e afíns a el. É así como, unha institución prestixiosa como a Junta de Ampliación de Estudios (JAE) foi substituída polo novo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC); o antigo Instituto-Escuela foi reconvertido no Instituto piloto «Ramiro de Maeztu», e o depurado Museo Pedagógico Nacional, no Instituto de Pedagogía «San José de Calasanz». Creouse, ademais, a Universidade Pontificia de Salamanca con especial interese na formación do futuro maxisterio. E fóra da educación regrada, pero cunha forte compoñente formativa no ámbito ideolóxico, nacen tamén o Frente de Juventudes e a Sección Femenina. En Galicia, por exemplo, o Seminario de Estudos Galegos, institución modélica que nacera para promover a lingua e cultura galegas, integrando a unha boa parte da intelectualidade galeguista, foi transformado a partir de 1943 no culturalmente arqueoloxizado Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
 
Ao mesmo tempo que se pon en marcha a depuración das institucións, lévase a cabo na chamada «zona nacional» a purga dos corpos docentes, principalmente do maxisterio primario que se tiña significado no apoio á política republicana: «Los maestros peligrosos fueron substituidos o llamados a la cordura», afirmaba Jaime Solá, quen fora director da popular revista naquela época Vida Gallega.[19] Como xa teñen destacado diferentes autores, foi depurada, exiliada ou asasinada unha parte importante do profesorado; e o claustro das universidades tivo que ser renovado entre 1939 e 1945, en máis da metade dos seus compoñentes e ocupado polo poder político do novo sistema.[20] E se o Padroado acabou decapitado en 1939, dependente do novo Ministerio de Educación Nacional, as misións pedagóxicas republicanas, e en particular a selección e reparto dos libros, que era da súa competencia, xa foran insistentemente acosadas durante toda a etapa anterior por parte das organizacións políticas conservadoras, aínda que máis intensamente durante o bienio 1933-35. Repartir libros e aprender a ler era visto como unha iniciativa preocupante, porque podía distraer aos labregos das ocupacións para as que estaban ‘naturalmente’ destinados e, dito sexa de paso, para as que ‘non necesitaban ningunha formación intelectual’. Ademais, a lectura de certos textos podería suscitarlles novas e inquietantes ideas sobre dereitos e liberdades, e a tentación de cuestionar a orde establecida. Por iso, a ollos de moitos sectores políticos e sociais reaccionarios dos años trinta, a actividade do padroado resultaba perniciosa, cando non subversiva o incluso revolucionaria, e cumpría bloqueala.
 
É así como o boicot ás bibliotecas materialízase xa, nalgunha medida, a partir de 1933 formando parte da paralización de todas as iniciativas dos anteriores consistorios. E deste modo, os cambios políticos durante este período determinaron o desenvolvemento das bibliotecas, debido á maior ou menor implicación das autoridades municipais nas xuntas bibliotecarias. Mentres que no ano 1933 a consignación dedicada á Misións fóra de 700.000 ptas. e de 100.000 ptas. a compra de libros, en 1934 o orzamento do Patronato de Misiones viuse reducido a 650.000 pesetas e a 50.000 a cantidade destinada ás bibliotecas. E neste sentido, entre outras anécdotas que puidesen referirse está a que nos lembra Rafael Valls: en 1935, o ministro de Instrución Pública Joaquín Dualde, a petición de varios deputados do seu grupo, o Partido Liberal Demócrata, ordenou a retirada do libro de Albert Thomas, Lecturas históricas: historia anecdótica del trabajo, un manual para uso escolar na liña da cultura cívica republicana e cuxo autor foi o primeiro presidente da Organización Internacional do Traballo ademais dun destacado socialista.[21] Como tamén nos lembra Carmen Diego Pérez, esta obra utilizouse como libro de lectura escolar oficial en Francia, Alemaña, o Reino Unido e Holanda. En España foi traducida e adaptada por Rodolfo Llopis, Director General de Primera Enseñanza entre 1931 e 1933, que escribiu para esta versión os capítulos 25, 29 e 31: «Los alpargateros de Elche», «Pablo Iglesias» e «El proletariado español».[22] E aí tiña comezado xa, dalgún xeito, o expurgo.
 

Lecturas históricas: historia anecdótica del trabajo de Albert Thomas (1925), un manual para uso escolar na liña da cultura cívica republicana.
 
Agora, procedíase sen dilación nin titubeos a unha política de roza que os sublevados inician, de inmediato, en pleno período bélico na zona ocupada. O Decreto nº 108 de 13 de setembro de 1936[23] veu declarar «fuera de la Ley» todos os partidos e agrupacións políticas da Fronte Popular, o que desencadeou unha masiva «incautación de cuantos bienes muebles, inmuebles, efectos y documentos» fosen propiedade das ditas organizacións. E deu lugar, ademais, a unha intensa actividade depuradora que, entre outras instancias da Administración do Estado, afectou tamén ás escolas e ás súas bibliotecas. A Garda Civil, cada Concello, a Falange ou a Inspección de ensino primario foron os brazos executores da dita incautación masiva,  que se mantivo vixente ata mediados de 1938. Pola Orde 16 de setembro de 1937 se creaban a Comisiones Depuradoras de Bibliotecas, dependentes do seu respectivo distrito universitario. Estas comisións aplicaron a súa tarefa en todas «las bibliotecas públicas, populares, escolares y salas de lectura establecidas en casinos, sociedades recreativas, colegios, academias, en general, en cuantos Centros existan poseedores de bibliotecas o libros ao servicio de cualquier clase de lectores».[24]
 
Innumerables e curiosas son as acusacións que se verten sobre as antigas misións republicanas por exercer un labor «subversivo» entre as clases humildes das que, a modo de exemplo, citamos a que segue. Provén de Fernando Martín-Sánchez Juliá, ultracatólico fundador da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, e membro da Asociación Católica Nacional de Propagandistas (ACNdP):
 
Se lanzaron por España las ‘Misiones pedagógicas’ verdadero apostolado del diablo, corruptor de pueblos, enardecedor de revolucionarios de surco y esteva. Repartiéronse ‘bibliotecas populares’ cuyos libros, comprados en masa por sectarios antiespañoles del Ministerio de Instrucción Pública, eran en gran parte manuales de anarquismo, obras neo-malthusianas o novelas revolucionarias, con las cuales se ‘ilustró’ a pobres campesinos que sólo sabían leer o a jóvenes obreros con ambiciones políticas...[25]
 
De feito, o expurgo das bibliotecas escolares comeza de xeito efectivo pouco despois do golpe de estado, en 1936, ao aplicarse estas medidas, coa intención de que as escolas desterraran dos andeis das súas librerías todos os textos que non acatasen os valores nacional-católicos, e culmina xa coas accións do novo Patronato de Cultura Popular, como así consta na circular enviada polo Secretario da nova institución ás escolas primarias:[26]
 
Siendo una de las funciones más esenciales y urgentes de este Patronato (antes denominado de Misiones Pedagógicas) depurar las Bibliotecas por éste creadas con el fin de retirar aquellas obras cuyos autores o contenido en modo alguno deben continuar figurando en sus catálogos y queriendo no sólo que estos volúmenes recusables sean retirados y devueltos a este Patronato, sino también sustituirlos por otros que exalten los preciados ideales de nuestra Gloriosa Cruzada, le ruego se sirva devolverme cumplimentado el cuestionario adjunto y remitirnos a porte debido los libros que la Biblioteca de su dirección posea, comprendidos en la lista que se acompaña.
 
Tamén se inscribe nesta liña a circular que difunde o Goberno Civil de Pontevedra o 12 de setembro de 1936 «sobre los libros de texto»,[27] pola que se pon en coñecemento dos mestres e mestras que deben enviar «en el plazo de tres días a los Inspectores de las respectivas zonas» a relación dos libros de texto e de lectura que gardan nas librerías das súas escolas, comprendendo o título, autor e data da súa publicación; e outra aparte, dos que forman as Bibliotecas escolares, onde existan. O obxecto era proceder «rápidamente» a elaborar «la selección de los libros que en adelante han de ser permitidos para la obra docente de la escuela». Pois como tamén se indica na mesma circular, entre los factores que directamente contribuyen a la formación espiritual del niño figura el libro de texto y aún el de lectura, que, con la explicación oral del maestro van formando el gusto, el carácter y hasta la conciencia infantil, ejerciendo a veces tanta influencia un concepto aprendido y arraigado, que difícilmente la destruye ni a la misma autoridad del profesor. Por esta razón, es de importancia suma que los libros que se ponen al alcance de los niños, tengan aquella orientación que requieren las conveniencias espirituales del alumno y reclaman a un mismo tiempo el bien de España y las necesidades del momento, que el movimiento militar salvador de la Patria está imprimiendo en todos sus preceptos.
 
Ambas circulares tiñan como punto de partida a Orde nº 13 de 4 de setembro de 1936, de «Incautación y destrucción» emitida pola Junta de Defensa Nacional desde Burgos (BO da JDNE, 8 de setembro de 1936), coas repercusións conseguintes na zona ocupada polos sublevados durante o segundo semestre de 1936. A retórica reaccionaria do propio texto merece a súa transcrición literal:
 
La gestión del Ministerio de Instrucción pública, y especialmente de la Dirección general de Primera Enseñanza, en éstos (sic) últimos años, no ha podido ser más perturbadora para la Infancia. Cubriéndola con un falso amor a la cultura, ha apoyado la publicación de obras de carácter marxista o comunista, con las que ha organizado bibliotecas ambulantes y de las que ha inundado las Escuelas, a costa del Tesoro público, constituyendo una labor funesta para la educación de la niñez. Es un caso de salud pública hacer desaparecer todas estas publicaciones, y para que no queden ni vestigios de las mismas, la Junta de Defensa Nacional ha acordado: Primero. Por los Gobernadores civiles, Alcaldes y Delegados gubernativos se procederá, urgente y rigurosamente, a la incautación y destrucción de cuantas obras de matiz socialista o comunista se hallen en bibliotecas ambulantes y escuelas. Segundo. Los Inspectores de Enseñanza adscritos a los Rectorados autorizarán, bajo su responsabilidad, el uso en las Escuelas únicamente de obras cuyo contenido responda a los sanos principios de la Religión y de la Moral cristiana, y que exalten con sus ejemplos el patriotismo de la niñez.
 
Como sinala Borque López, a súa publicación, que puidera resultar imprecisa na propia redacción, ao referirse a «libros presentes en bibliotecas ambulantes y escuelas», centraba o seu obxectivo nas bibliotecas repartidas polo padroado os anos anteriores.[28] A partir da publicación desta norma, todas as bibliotecas escolares foron obxecto de depuración. Non só o foron as repartidas polas misións, senón tamén aqueloutras que, a pesar de seren escasas, xa existían con anterioridade.
 
En Pontevedra, o 3 de outubro dese ano, o Inspector Xefe Gerardo Álvarez Limeses, atenazado entre o seu catolicismo militante, o seu feble galeguismo e a represión política de parte da súa familia a cargo dos franquistas, enviaba unha circular ás escolas da provincia detallando a relación «de los libros autorizados provisionalmente por la Inspección de Primera Enseñanza para uso en las escuelas nacionales en cumplimiento de lo dispuesto en la Orden núm. 13 de fecha 8 de septiembre de 1936 de la Junta de Defensa Nacional de España».[29] Dese listado só coincide unha obra coas que compoñen o catálogo da Biblioteca das Misións desta escola: El Quijote.
 
A punto de comenzar o curso académico de 1938-39, ordeouse a retirada urxente de 60 libros «escritos con fines proselitistas doctrinalmente antipatrióticos y antirreligiosos, deficientes en el aspecto pedagógico o escritos por autores declaradamente enemigos del Glorioso Movimiento Nacional que actualmente ostentan car­gos e desempeñan funciones de confianza a las órdenes del soviet de Barcelona». Dese conxunto, 32 foran aprobados polo Consejo de Instrucción Pública para o seu uso escolar ata 1936, e tres deles estaban recomendados especificamente para o seu uso nas bibliotecas escolares. O resto podía ter chegado ás bibliotecas a través dun donativo particular, ser adquiridos polo mestre entre os recomendados polo Museo Pedagógico Nacional ou proceder dos lotes enviados polo Patronato de Misiones.[30]
   
O 30 de xaneiro de 1938 créase o Ministerio de Educación Nacional (nova denominación, acorde coa ideoloxía nacionalista española, que substitúe á de Instrucción Pública) e Romualdo de Toledo foi nomeado Director General de Primera Enseñanza e membro da Comisión dictaminadora de los libros de texto que han de usar en las escuelas, polo ministro de Educación Nacional, Pedro Sáinz Rodríguez. Este desprega, durante a súa curta estancia á fronte da carteira, no primeiro goberno do réxime na zona ocupada, en febreiro de 1938, toda unha serie de medidas encamiñadas a barrer os avances introducidos no recoñecemento do bilingüismo, a coeducación e o laicismo, así como a impoñer novas medidas correctoras que neutralizaran os avances anteriores, como a censura dos libros de texto, a depuración dos docentes, a derrogación do Decreto de expulsión dos xesuítas de 1931, e da Ley de Confesiones y Congregaciones religiosas de 1933. Deste modo, a Igrexa, que se tiña identificado coa “Santa Cruzada”, recuperaba os seus poderes políticos e pedagóxicos tradicionais, ao tempo que confería lexitimación ao nacional-catolicismo belixerante e Franco lle devolvía o favor de terlle axudado a restablecer «el orden de la Patria, el pan y la justicia».
 
A partir de xullo de 1940, o Patronato de Cultura Popular acaba asumindo as funcións do originario Patronato de Misiones Pedagógicas e pouco despois, xa nun novo tempo, procede ao envío de 1.546 novas bibliotecas a escolas primarias públicas e privadas ata mediados de 1942. Neste escenario, radicalmente diferente, vai ser o novo Instituto San José de Calasanz, dependente do CSIC, o responsable da súa organización. O novo réxime aproveita a idea e a infraestrutura das antigas misións, como reflicte o artigo 32 da Ley de Educación Primaria de 17 de xullo de 1945 (B.O.E. do 18) promovida polo ministro José Ibáñez Martín tras a destitución de Pedro Sáinz Rodríguez. Deste modo se reorienta o anterior proxecto, pasando a ser «instituciones organizadas por el Estado y el Movimiento para extender la cultura por los medios rurales» a través de numerosas actividades como «bibliotecas circulantes, conferencias, discotecas, exhibiciones teatrales, exposición de reproducciones artísticas, cine educativo, emisiones de radio y otros medios análogos».
 
O 1 de xullo de 1941, Domingo Garcés recibe na súa escola unha circular procedente da Sección de Bibliotecas do Patronato de Cultura Popular na que se lle informa de que, retirados xa os libros considerados «NO APTOS para su lectura» se procede ao envío de «libros religiosos, libros históricos y libros del Movimiento, para completar el cuadro ideológico que debe figurar en toda biblioteca». O criterio a seguir, expresado neste documento consiste en «poner en manos de los lectores aquellos libros de Literatura, Ciencia y Arte que mejor reflejen la vida española y manifiesten el genio de nuestro pueblo». Como antecedente, continúa o texto, «tomamos nuestros siglos XVI y XVII, cuyos grandes pensadores y escritores han de constituir certera orientación para valorar el pensamiento actual». Acababa o documento exhortando o celo dos mestres, como garantes do «fomento de la lectura en las localidades y barrios en donde todavía no ha nacido o arraigado el interés por el tesoro de la vida y alegría que encierran las Obras de nuestros grandes escritores».[31]
 
Acabar co analfabetismo da poboación rural non era unha prioridade esencial para Ibáñez Martín, que durante este período aplicou a política de sometemento educativo aos intereses do réxime e da Igrexa Católica e continuou coa represión do maxisterio iniciada salvaxemente tras o golpe de estado. A extensión da lectura e da cultura pasou a considerarse, desde presupostos elitistas e paternalistas, algo superfluo, de puro entretemento, cando non sospeitoso polo contido dos textos. Os mesmos que se queixaban, ou incluso se burlaban da falta de preparación e de sensibilidade das xentes do rural para comprender o contido dos libros, foron os responsables da súa eliminación e depuración durante a guerra e posterior ditadura.[32]
 

O expurgo da biblioteca da escola de Estás
 
A biblioteca escolar de Estás sufriu a depuración e o expurgo como resultado de tres incautacións. A primeira mediante unha circular emitida pola Inspección de Enseñanza Primaria, asinada polo inspector Juan Novás Guillán o 6 de febreiro de 1937. Neste documento ístase a Domingo Garcés a «remitir los libros que forman parte de la Biblioteca enviada a su escuela por el Patronato de Misiones Pedagógicas, cuya relación se acompaña, para dar cumplimiento a lo dispuesto por la Superioridad, toda vez que pudieran no estar conformes con la modalidad impresa a la escuela española en los momentos actuales, procediendo en este caso a su destrucción». Por este primeiro procedemento depúranse 12 obras (Cadro 2) , ás que hai que engadir outras dúas (Mi vida, de Benvenuto Cellini e Dulce nombre, de Concha Espina) que no aparecen no listado, pero xa foran retiradas pola Inspección, como así expresa Domingo Garcés a Juan Novás en nota escrita.
 
Cadro 2.


Nesta primeira depuración aparecen os escritores rusos Fiódor Dostoieswki, Leónidas Andreiev e Leon Tolstoy. A nacionalidade destes autores, a referencia a Rusia e a obsesión co marxismo e o socialismo son, probablemente, a causa de que as súas obras figuren entre las «no conformes», xunto con Friedrich Engels e Concha Espina. Os dous primeiros foron, dalgunha forma, acicates das loitas populares rusas; Tolstoy, máis na órbita do pensamento anarquista, fundou a escola Yasnaia Poliana, considerada un dos precedentes do movemento da Escola Nova e onde levou a cabo un modelo pedagóxico nalgún punto libertario. Neste grupo debemos incluír ao alemán Friedrich Engels, coautor con Marx de obras fundamentais para o nacemento dos movementos obreiros ligados ao socialismo revolucionario e dirixente político da Primeira e Segunda  Internacional. O caso da española Concha Espina, explícase probablemente polo feito de ter fundado en 1933 a Asociación de Amigos de la Unión Soviética, motivo máis que suficiente, por «conducta subversiva», para a retirada das súas obras, en liña coa Orde núm. 13 de 8 de setembro de 1936 da Junta de Defensa Nacional de España, á que aludíamos en páxinas anteriores.
 
Noutros autores podemos entender que o motivo sexa, sen dúbida, a súa vinculación republicana, caso de Ramón del Valle Inclán, Vicente Blasco Ibáñez ou José Ortega e Gasset; noutros casos, veu motivada pola adscrición institucionista, se nos referimos a Rodolfo Llopis ou Ramón Pérez de Ayala. Con respecto a Pío Baroja, poderían ter influído os seus antecedentes políticos. Pío Baroja presentárase en Madrid, en 1909, como concelleiro lerrouxista e como deputado en Fraga, Huesca, e integrara xunto con Azorín e Ramiro de Maeztu o chamado «Grupo de los tres» literatos, de ideoloxía inicialmente anarquista. En todo caso, no seu conxunto pesa a acusación de ser autores «declaradamente enemigos del Glorioso Movimiento Nacional». Por último, o caso de Fernando de Rojas e La Celestina debe estar relacionado co seu xénero, «deficiente en el aspecto pedagógico», por máis que o Bachiller concibira esta obra cunha intención moralizante, aspecto que no parecen coñecer, ou entender, os seus censores.
 
A segunda depuración prodúcese a raíz da Orde emitida pola citada Inspección o 30 de agosto de 1938 pola que se retiran dous libros máis: Flor de leyendas, de Alejandro Casona, e Curiosos pobladores del mar, de Enrique Rioja Lo Bianco. Estas obras, segundo apunte manuscrito do mestre, foran enviadas á Inspección en virtude da Orde da xefatura do Servicio Nacional de Primera Enseñanza o 12 de setembro de 1938, cumprindo o indicado. En ambos casos, e a pesar do seu valor pedagóxico, pesou a vinculación dos seus autores ás Misións Pedagóxicas e á Institución Libre de Enseñanza (ILE). Resulta curioso que Flor de Leyendas, compendio de obras clásicas da literatura universal adaptadas á infancia, foi un traballo polo que o inspector de ensino primario e director do Teatro del Pueblo das misións recibira o Premio Nacional de Literatura en 1932. Como lembra Carmen Diego, tanto a prensa xeral como a prensa pedagóxica e profesional resaltaron as bondades da adaptación de Casona, reseñándoa en 1933 as principais revistas de educación: Revista de Pedagogía (nº 138), Escuelas de España (nº 98) e Revista Escuelas Normales (nº 98).[33] Curiosos pobladores del mar de Enrique Rioja Lo Bianco, membro tamén do padroado das misións, fora declarada obra de interese nas bibliotecas escolares e  publicouse en varios países de fala hispana. Editada en Madrid por Espasa Calpe en 1929,  e aprobada polo Consejo de Instrucción Pública para uso en bibliotecas escolares. Finalizada a guerra, o editor solicitou de novo a súa avaliación omitindo o nome do autor, e foi aprobada pola Sección Tercera del Consejo Nacional de Educación, o 6 de maio de 1943 no Boletín Oficial del Ministerio de Educación Nacional do 12 de xuño dese ano. Curiosamente chegou á súa sétima edición en 1962.
 
A terceira depuración ten orixe na circular de 10 de xullo de 1940, do novo Patronato de Cultura Popular, pola que se dan de baixa outros dez e sete títulos, que se envían á nova sede (Avda. do Generalísimo, 21) «por gran velocidad y a porte debido» segundo indica o propio mestre. Este lote integra un conxunto variado de obras, autores e estilos (Cadro 3). Na lóxica dos censores atópase a retirada dos textos dos institucionistas polo feito de selo, Francisco Giner, Sobre la educación; Fernando Sáinz, Las Escuelas Nuevas norteamericanas; Rafael Altamira, Historia de la Civilización española; ou Juan Ramón Jiménez, Platero y yo. Ademais destes, tamén se retiran as obras de catro autores franceses. Suponse que por ‘aversión xacobina’: Friedrich Schiller, Obras dramáticas; Gustave Flauvert, La educación sentimental; Honoré de Balzac, Papá Goriot ou Henri Beyle Stendhal, La Cartuja de Parma. Tampouco se salvou da censura El asno de oro, do clásico Lucio Apuleio. Probablemente por ser un texto crítico e irreverente a ollos dos censores, antecedente da novela picaresca, que se desenvolve no contexto pagán da Roma clásica, e polo tanto, tamén, «deficiente en el aspecto pedagógico». Por último, Juan Ramón Jiménez, e especialmente a súa esposa Zenobia Campubrí tiñan traducido algunhas obras de Rabindranat Tagore, entre elas La luna nueva, poemas de niños. Un feito que quizáis explique a decisión de apartar do catálogo esta obra do Nobel bengalí de Literatura en 1913.  Ademais destes, púrgase a Gabriel Miró, Figuras de la pasión del Señor; e Juan Valera, Pepita Giménez, cuxo criterio debeu estar condicionado polo carácter «doctrinalmente antipatriótico» dos seus traballos.  Tampouco se salva Quintín Duwart, de Walter Scott, para cuxa baixa non temos unha explicación clara.
 
Cadro 3.

 
Tampouco a temos para explicar que se salvaran da purga Cuentos de Marineda, de Emilia Pardo Bazán, unha loitadora pola emancipación social e intelectual da muller, próxima ademais á ILE; ou Poesía en prosa y verso, de Juan Ramón Jiménez cando foi depurada, do mesmo autor, Platero y yo. En relación a Ideario de Costa de José García Mercadal, que tampouco foi requisada, pode entenderse porque, pese a tratar sobre a figura de Joaquín Costa, o máis destacado rexeneracionista, García Mercadal acabou sendo un eficiente polígrafo reconvertido á causa nacional a partir da guerra civil.
 
Neste contexto de altas e baixas, o mestre Domingo Garcés remite un informe co reconto de obras retiradas nas tres depuracións, datado o 10 de xullo de 1940, e no mesmo se atreve a suxerir ao Patronato, seguindo a retórica imposta, e tratando de anticiparse ao novo envío anunciado, que «además de los libros referentes a nuestra Gloriosa Cruzada, que en su carta-circular indica se nos enviarán, sustituyendo a los que se retiran de las bibliotecas, me atrevo a manifestarle que vería con gusto se me enviasen más libros propios para niños, como cuentos instructivos y lecciones de cosas, muy útiles en el medio rural, donde hay que sustituir la falta de vista de muchas cosas de las ciudades por la lectura razonada y variada, así como obras referentes a labores agrícolas, lo que interesa a las personas mayores, y no cabe duda que ayuda al labrador a mejorar sus cultivos». Ao mesmo tempo, na primeira semana de xullo de 1941 o novo Patronato de Cultura Popular envía unha serie de libros (Cadro 4) que habían de substituír aos anteriores, quedando ao final o catálogo da Biblioteca, o 12 de jullo de 1941, tal como amosa o Cadro 5.
 
Cadro 4.

 
Cadro 5.  

Entre as incorporacións, e para tratar de explicar a contundencia e dimensión ideolóxica do expurgo, queremos deternos nas características dos libros seleccionados observando autores, temática e editoriais. Podemos clasificar as obras en dous únicos apartados, que comparten unha natureza densamente doutrinaria: dun lado os de contido político, e doutro os de contido relixioso católico, cun obxectivo común, que non é outro que o que expresa a Orde de 4 de setembro de 1936, á que xa temos aludido: «Obras cuyo contenido responda a los santos principios de la religión y de la Moral cristiana, y que exalten con sus ejemplos el patriotismo de la niñez». Neste sentido, non deixa de ser un claro anticipo do que será a futura política do libro escolar: «la subordinación  de los libros de texto al dogma y a la moral católicos, así como una unilateral y exclusiva consideración del patriotismo».[34]
  
Empezando polos libros de contido político, citamos, en primeiro lugar, Discurso a las Juventudes de España, de Ramiro Ledesma Ramos, publicado por Ediciones de la Conquista del Estado, Madrid, 1935 e posteriormente na Editorial FE, acrónimo de Falange Española (1938 e seguintes). Como nos lembra Ferrán Gallego, é a obra política capital de Ledesma Ramos, e o texto teórico fundamental do fascismo español. Contén unha interpretación da historia de España, un proxecto político de carácter nacionalista e totalitario, e unha táctica precisa para a conquista do poder. Igualmente, destaca a súa innovadora interpretación do fenómeno fascista.[35] Neste libro atópase unha parte moi considerable do contido doutrinal do nacional-sindicalismo español: o antiliberalismo, a apelación ás masas traballadoras e ás xuventudes, a economía dirixida, etc. O propio Ledesma Ramos afirma nunha «Nota previa» da edición orixinal, datada en maio de 1935 (p. 9), «descubrir para España una perspectiva histórica y política, que se nutriese a la vez de las dos únicas palancas hoy de veras eficaces para hacer de España lo que esta generación debe conseguir que sea: una Patria justa, grande y liberadora. He aquí esas dos palancas: una, la idea nacional, la  Patria como empresa histórica y como garantía de existencia histórica de todos los españoles; otra, la idea social, la economía socialista, como garantía del pan y del bienestar económico de todo el pueblo. Me cupo, al parecer, la tarea de unificar esas dos banderas, dotarlas de los símbolos emocionales necesarios y señalar y poner las piedras primeras de una organización que las interpretase. Todo eso ya está ahí, anda por España, y creo que de un modo insoslayable y visible. Son las J.O.N.S.».
 
  
Palabras del Caudillo (Ediciones FE, 1939), unha especie de manual escolar considerado de formación política, didáctica e densamente doutrinario. Ramiro Ledesma Ramos, figura clave na articulación intelectual do fascismo español
 
Da Delegación Nacional de Prensa y Propaganda de FET y de las JONS, co selo Editorial FE se elixen varios libros. En primeiro lugar, Palabras del Caudillo, unha especie de manual escolar considerado de formación política, didáctica e densamente doutrinario, xa que se utilizaba nas escolas para a formación do alumnado. Da mesma editorial inclúese Discursos, de Raimundo Fernández Cuesta, Secretario General de Falange e máis tarde Secretario General do Movimiento, ademais de ministro de varias carteiras e embaixador de España. Se suman aos anteriores, da colección «Breviarios del pensamiento español»: San Isidoro (Antología), de Justo Pérez de Urbel y Timoteo Ortega; Ramiro Ledesma Ramos. Antología, con edición e prólogo de Antonio Macipe López; P. Mariana. Pensador y político, con selección e estudio a cargo de Manuel Ballesteros-Gaibrois. Ademais destes, da mesma editorial: José Antonio Primo de Rivera. Antología, con selección e prólogo a cargo de Gonzalo Torrente Ballester, literato de orixe galega, que pese a ter militado no Partido Galeguista e frecuentar os círculos literarios republicanos prebélicos, acabou afiliándose á Falange en 1937, probablemente para neutralizar a máis que segura represalia e poder garantir o sustento da súa numerosa prole. El Estado Nacional, de Onésimo Redondo, dirixente nacional-sindicalista, fundador das Juntas Castellanas de Actuación Hispánica, de ideoloxía fascista, que acabou fundíndose en 1931 con Falange; Obra completa, de Julio Ruiz de Alda Miquelei, afamado aviador, con protagonismo no voo de Palos de la Frontera a Buenos Aires en compañía de Ramón Franco. Cofundador de Falange xunto a José Antonio, galardoado por Alfonso XIII e o propio Mussolini. O libro recolle un número significativo de discursos pronunciados entre 1933 e 1936, e varias conferencias e escritos sobre a súa visión do exército, a aviación ou o réxime nacional-católico; e De la Victoria y la Postguerra. (Discursos), de Ramón Serrano Suñer, cuñado do ditador e un dos artífices, desde varios ministerios, da organización da estrutura política do Réxime. Por último, Antología, compendio de textos de Bernal Díaz del Castillo (1492-1585), conquistador en América e cronista de Indias. Obra con edición e prólogo a cargo de Darío Fernández Flórez, integrante da Vicesecretaría de Educación Popular de FET y de las JONS, ademais de censor. Con prólogo de Raimundo Fernández Cuesta figura Obras Completas. Discursos, Tomo I., de José Antonio Primo de Rivera, editada por Editorial Arriba, de Bilbao.
 
  
El Estado Nacional, de Onésimo Redondo (Talleres de Afrodisio Aguado: Valladolid. 1938), dirixente nacional-sindicalista, fundador das Juntas Castellanas de Actuación Hispánica, de ideoloxía fascista, que acabou por fundirse coa Falange en 1931. De la Victoria y la Postguerra. (Discursos) (Ediciones FE, 1941) de Ramón Serrano Suñer, cuñado do ditador (alcumado «o cuñadísimo») e un dos artífices, desde varios ministerios, da organización da estrutura política do Réxime.
 
Da editorial Magisterio Español se elixen dúas obras. Falamos en primeiro lugar de Símbolos de España, libro escolar de lectura, de Luis Ortiz Muñoz, (1905-1975), catedrático de grego e latín e fundador e director do xa mencionado Instituto Ramiro de Maeztu. Gozou de poder e pasou por importantes cargos políticos como Director General de Enseñanza Media y Universitaria, Subsecretario de Educación Popular e Procurador en Cortes, ademais de xornalista en El Debate, El Correo de Andalucía, Ya e El Magisterio Español. Símbolos de España é un compendio de lecturas «patrióticas» de aplicación escolar, tal como expresa unha lenda na súa portada: «Para todos los grados que sepan leer, sean de niños o de niñas». Anterior ao texto aparece un breve inciso do autor animando aos nenos e nenas a memorizar as lecturas do libro, para que cheguen a ser «acendradamente españoles». O outro texto, Glorias Imperiales. Libro de lecturas históricas, do mesmo autor. Trátase dun dos libros máis populares de lecturas patrióticas, no que se resaltan os valores da «raza» a través de episodios gloriosos e feitos heroicos. Enfatízase a unidade social, política e relixiosa, forxada polos Reis Católicos; a conquista e a colonización de América; rememórase o pasado imperial da España de Carlos V e Felipe II e se subliña o papel da Inquisición e a Contrarreforma.[36] A estes hai que engadir, ademais, os dous volumes de Laureados (Ediciones Cigüeña, San Sebastián). Nestes libros se exaltan acontecementos e protagonistas da guerra civil narrados para un público infantil por Álvaro Cunqueiro e Antonio de Obregón con ilustracións a cor de José Picó, Eduardo Santonja e Domingo Viladomat.
  
No segundo grupo se inclúen aqueles dedicados a propagar un modelo de Estado «integrista de carácter tradicionalista» desde a vertente relixiosa, seguindo a expresión de Puelles Benítez.[37] Da editorial Apostolado de la Prensa se elixen tres libros, dunha serie sobre vidas de santos: San Fernando rey de España, San Pedro Claver, San Vicente Ferrer, todos de autoría anónima. Sobre a natureza desta editorial abonda a referencia que nos achega J. L. Ruiz Sánchez: «El Apostolado de la Prensa no es una Casa Editorial, (...) es un centro de sociedad de propaganda católica y social. Un púlpito permanente que predica sin cesar aun a los que jamás van a la iglesia. No busca, pues, más que el bien moral de las almas, ni tiene más interés que el difundir la luz de la verdad y el manjar de la piedad sólida».[38]
   
Da editorial católica El Mensajero del Corazón de Jesús aparece Devocionario popular; Los caminos de Jesucristo, de Remigio Vilariño, relixioso xesuíta e director da publicación homónima. Para los niños, de Javier Poveda Castroverde (Padre Poveda), un sacerdote vinculado ao mundo da educación. En 1902, convencido da súa importancia funda as Escuelas del Sagrado Corazón para niños y niñas pobres, adaptando os métodos da Escola Nova ao contexto católico caritativo para aquela poboación ao estilo das Escuelas del Ave María, do Padre Manjón. Foi asasinado nas tapias do cemiterio madrileño de La Almudena en xullo de 1936;[39] Misa dialogada-cantada, do P. Martínez Díaz, e La Virgen María. Aurora de Salvación do P. Gaspar G. Pintado. Por último, do Instituto Editorial Reus, de Madrid, se elixe Predicciones de Vázquez de Mella: antología del verbo de la tradición, de Juan Vázquez de Mella y Fanjul.
 

A modo de conclusión
 
           O período democrático que se viviu entre 1931 e 1936, especialmente o bienio azañista, quixo iniciar unha nova política educativa baseada na busca da equidade social a través da oportunidade cultural transformando a sociedade, democratizando a cultura e facilitando o seu acceso ás clases máis humildes. Unha tarefa que se viu frustrada a partir da sublevación, na zona ocupada, e despois de 1939 no resto do Estado.
 
           Para Manuel Bartolomé Cossío, presidente do Patronato de Misiones Pegadógicas, e María Moliner, responsable da política bibliotecaria durante a República, a difusión cultural a través das bibliotecas populares debía materializar o necesario encontro, secularmente postergado, entre as clases populares e o exercicio da democracia como un dereito sentido. As bibliotecas debían responder a unha intención xeneralista, funcional e práctica, pensada con criterio pedagóxico. Pero tamén cunha honesta vocación social, e unha comprensible intención política, que tiña por obxecto, no seu conxunto, mostrar, ofrecer, proporcionar formación, ademais de información, a través da lectura a un mundo onde nunca antes nada tiña chegado; estimular hábitos de lectura e, a partir de aí ampliar horizontes para acadar o coñecemento sobre a existencia doutras realidades, máis alá do adro da igrexa o do balcón municipal e influír nun necesario cambio de mentalidades, nomeadamente no mundo rural. Como xa tiña sinalado Rodolfo Llopis o mesmo día 14 de abril de 1931 referido ao resultado das urnas, «Las grandes ciudades son republicanas, mientras que el campo sigue aferrado a la tradición». Nese sentido, a República tiña que conquistar ideoloxicamente o campo mediante instrumentos culturais e educativos. Un obxectivo que, por outro lado, tampouco se oculta na propia esencia deste proxecto de intervención, porque a biblioteca conquista o espazo público e se convirte en necesario axente de socialización; deixa de ser, así, un reduto exclusivo e se transforma nun instrumento de difusión de valores cívicos e culturais. E con ela, o mestre ou a mestra, no seu axente dinamizador.
 
           Con todo, para o bando dos golpistas con Romualdo de Toledo no novo Ministerio, e José María Pemán na Comisión de Cultura y Enseñanza da Junta Técnica del Estado, censor eficaz e un dos artífices da depuración perpetrada contra os corpos docentes, os asuntos da cultura, as bibliotecas e a difusión cultural non eran cuestións prioritarias na nova axenda da política educativa. Si o era, en cambio, o manual escolar, instrumento ideolóxico de propaganda e difusión de consignas políticas e dogmas relixiosos, como vimos de comprobar. Deste xeito, o manual elévase ao altar escolar como instrumento aleccionador, cuxo contido debía responder «únicamente, a los sanos principios de la Religión y de la Moral cristiana, y que exalten con sus ejemplos el patriotismo de la niñez». Discursos de ditadores, vidas de santos, relatos heroicos, consignas patrióticas, «factores que directamente contribuyen a la formación espiritual del niño», son os piares que asentan os vencedores para soster o novo réxime. Por esta razón, como di literalmente o texto da circular sobre libros de texto que difunde o Goberno Civil de Pontevedra o 12 de setembro de 1936,
 
Es de importancia suma que los libros que se ponen al alcance de los niños, tengan aquella orientación que requieren las conveniencias espirituales del alumno y reclaman a un mismo tiempo el bien de España y las necesidades del momento, que el movimiento militar salvador de la Patria está imprimiendo en todos sus preceptos. Y no puede admitirse sobre todo, en manera alguna, que los libros escolares contengan nada que se oponga a esta orientación y acusen, no ya antirreligión o antipatriotismo, sino ni siquiera tibieza en la expresión de estos grandes sentimientos.[40]
 
Deste modo, foi necesario facer desaparecer aqueles catálogos compostos por obras representativas da literatura española e internacional, de estilos e ideoloxía variada tendentes a ensanchar horizontes e achegar culturas no marco dun novo tempo republicano. Aquelas bibliotecas debían ser eliminadas, porque posuían libros «verdaderamente nocivos en ambos sentidos y propios para perturbar y envenenar el alma de los niños».
 
É significativo, por último, o papel do maxisterio na articulación das bibliotecas populares, posto que, como nos lembra Ana Martínez Rus, case todas, escolares ou municipais, foran confiadas aos mestres e mestras das respectivas localidades, que se converteron nos seus principais valedores, pois a falta de recursos impediu a contratación de bibliotecarios profesionais. Foi o papel dos mestres republicanos e o dos mestres en tempos da República. Os primeiros, vilmente ‘substituídos’; e os segundos, seguindo o sarcasmo de Jaime Solá citado en páxinas anteriores, sobreviventes en tempos de ditadura logo de seren «llamados a la cordura». Eficaces instrumentos, todos eles, para a defensa dunha ou outra causa.
  
___________________
[1] Este texto, con algunhas variacións, foi publicado no nº 53, Vol. 21, 2017, da Revista História da Educação (Porto Alegre, Brasil) DOI: http://dx.doi.org/10.1590/2236-3459/66494
[2] O Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, sendo titulares primeiro Marcelino Domingo Sanjuán e despois Fernando de los Ríos, crea o Patronato de Misiones Pedagógicas (29 de maio de 1931 e desenvolvido o 7 de agosto de 1931) e a Junta de Intercambio y Adquisición de Libros para Bibliotecas Públicas (21 de novembro de 1931 e desenvolvido o 13 de xuño de 1932). Padroado e xunta colaborarán neste proxecto repartindo bibliotecas por todo o Estado.
[3] Azucena López Cobo, «Por caminos de piedra, charcos e olvido: repertorios de la cultura universal: las Misiones Pedagógicas de la II República española». Pandora: revue d'etudes hispaniques.  Vincennes -Saint Denis: Université Paris VIII 7 (2007): 83-98. file:///C:/Users/Usuario/AppData/Local/Temp/Dialnet-PorCaminosDePiedraCharcosYOlvido-2925723-1.pdf
[4] Pilar Faus Sevilla, La lectura pública en España y el Plan de Bibliotecas de María Moliner (Madrid: Anabad, 1990).
[5] Ademais, tamén se crearon as seguintes seccións itinerantes: o Coro del Pueblo, dirixido por Eduardo Martínez Torner; o Teatro del Pueblo, organizado por Eduardo Marquina e máis tarde por Alejandro Casona, ao que había de sumarse o Retablo de Fantoches, que se incorpora a partir dunha improvisación executada por Rafael Dieste na misión a Galicia; o Museo Circulante, explicado por Antonio Sánchez Barbudo, Ramón Gaya e Luis Cernuda entre outros; a Sección de Cine y Proyecciones Fijas, que contou cun cinematógrafo manexado por José Val del Omar; e un Servicio de Música, cuxa selección corría a cargo do compositor Óscar Esplá, que distribuía gramófonos e discos de lousa.
[6] Ana Martínez Rus, La política del libro durante la Segunda República. Socialización de la lectura (Gijón: Ediciones Trea, 2003).
[7] Francisco Xabier Redondo Abal, Bibliotecarios e bibliotecarias «infames». A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego (Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 2014).
[8] Ana Martínez Rus, La política del libro.
[9] Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria 1931-1933 (Madrid: S. Aguirre Impresor, 1934).
[10] A Junta de Intercambio ocupouse, ademais, do movemento bibliotecario privado coa entrega de numerosos lotes de libros a centros políticos, profesionais, sindicais ou deportivos con carácter cultural, consciente das deficiencias do sistema de bibliotecas públicas. A dita xunta tivo, entre outras, a función de modernizar o patrimonio bibliográfico estatal, dotar e expandir as bibliotecas públicas do Estado, doar lotes de libros a centros ou sociedades particulares de carácter cultural e formar e distribuír partidas de libros para que as bibliotecas públicas contaran con sección circulante, en colaboración coas Misións. María Moliner foi a encargada de deseñar o Proyecto de Bases de un Plan de Organización General de Bibliotecas del Estado, que non chegou a ver a luz a causa do golpe de estado de 1936.  Como é ben sabido, a represión durante a guerra civil e o cambio de réxime levaron por diante todas as iniciativas republicanas a favor da extensión popular da cultura letrada e dos chamados rexistros cultos. Martínez Rus, A. (2013).
[11] Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria 1931-1933.
[12] https://es.wikipedia.org/wiki/Luis_Bello
[13] Patronato de Misiones Pedagógicas. Memoria 1931-1933.
[14] Programa que chegou tamén a Galicia. Desde Ribadeo (Lugo) á Guarda (Pontevedra) e desde Xinzo de Limia (Ourense) a Malpica (A Coruña) desenvolvéronse unha serie de actividades que Otero Urtaza e Porto Ucha teñen examinado de forma moi detallada nos seus respectivos traballos. Do primeiro: Las Misiones Pedagógicas: una experiencia de educación popular. (Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1982); «Rafael Dieste y las Misiones Pedagógicas», Documentos A 1 (1991): 142-144; «Presentación», en: Misiones Pedagógicas 1931-1936 (Madrid: Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales/Publicaciones de la Residencia de Estudiantes, 2006), 25-31; «As misións Pedagóxicas na España rural republicana», EDUGA. Revista Galega do Ensino 51 (2007): 52-56.; do segundo: A Institución Libre de Enseñanza e a renovación peda­góxica en Galicia. (Sada–A Coruña: Ediciós do Castro, 2005).
[15] Unha parte da biblioteca concedida á escola de Estás, solicitada polo mestre da Fundación Peirópolis Domingo Garcés consérvase na exposición visitable denominada «Aula Abdón Alonso», no local escolar do CRA Manuel Garcés desa parroquia, que a historiadora Natalia Jorge organizou con esmero. No CEIP «Manuel Rodríguez Sinde» da Guarda tamén se conserva, grazas á custodia e interese do seu profesorado, unha parte importante da biblioteca que o padroado das misións envio a esta localidade por aqueles anos.
[16] Na época en que o Patronato de Misiones Pedagógicas enviaba a biblioteca ás escolas de nenos e nenas de Estás, estas se trasladaban a un novo edificio que se construíra por medio da Fundación Peirópolis, unha institución benéfico docente fundada por Abdón Alonso Alonso [Estás, 1874-Peirópolis (Brasil), 1960], un emigrante daquela parroquia, próspero empresario afincado nesa cidade brasileira e que dedicou unha parte importante da súa fortuna a promover e soster diversas obras filantrópicas ligadas á educación, á beneficencia en Peirópolis, a súa residencia en América, e no seu concello natal, entre as que figura esta escola de ensino primario.
[17] Esta obra trata sobre as súas impresións acerca da Unión Soviética, que visitou en 1928 convidado ao Congreso Panruso do Ensino Primario: «Nosotros, hombres de occidente, vamos a penetrar en ese magnífico laboratorio social que es el pueblo ruso, con el máximo respeto para su nueva vida, con una cordial simpatía por el grandioso esfuerzo emancipador que supone y, sobre todo, con un fervoroso afán de comprensión. Comprensión para ese dramático ensayo social que Rusia está viviendo y del que no puede desinteresarse ninguna conciencia verdaderamente humana».
[18], Romualdo de Toledo, «Más organismos creados por la República», en Una poderosa junta secreta. La Institución Libre de Enseñanza (San Sebastián: Editorial Española, 1940), 213-217.
[19] Xesús Alonso Montero, e Miro Villar, Guerra Civil e literatura galega. Textos e documentos para unhas xornadas de estudo e debate (Santiago: Consello da Cultura Galega, 1999).
[20] Entre a infinidade de traballos sobre a represión dos corpos docentes se recomenda, para o conxunto do Estado, a obra de Francisco Morente Valero, La escuela y el Estado nuevo: la depuración del magisterio nacional (1936-1943). (Valladolid: Ámbito, 1997). Para o caso de Galicia: Antón Costa Rico, Historia da Educación e da Cultura en Galicia. (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2004); Anxo Porto Ucha, Mestres e mestras pontevedreses depurados polo franquismo. Primeiras accións represivas e estudo por concellos no sur da provincia de Pontevedra (1936-1942). (Ponteareas: Edicións Alén Miño, 2008); Xosé Manuel Cid Fernández, Educación e Ideoloxía en Ourense na IIª República (Santiago de Compostela: Andavira, 2010); Mª Jesús Souto Blanco, La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940) (Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1998); Ricardo Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) (Santiago: Universidade de Santiago, 2006); Sabela Rivas Barrós, A derradeira lección dos Mestres. Galeguismo e pensamento pedagóxico (1900-1936) (Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2001). Recentemente, de Narciso de Gabriel, Vermellos e laicos. A represión fascista no maxisterio coruñés (Vigo: Editorial Galaxia, 2021).
[21] Rafael Valls, «La historiografía escolar española en la época contemporánea. De la manualística a la historia de la disciplina escolar» en Historiografía escolar española. Siglos XIX-XX (Madrid: UNED, 2007), 42.
[22] O Deputado Romualdo de Toledo, máis tarde Director General de Primera Enseñanza, puxo de manifesto con varios parágrafos literais a súa visión, ao sinalar nas páxinas 255 a 266 «se hace una exaltación clara del socialismo, del sindicalismo y del comunismo». O Ministro de Instrucción Pública, Joaquín Dualde, do Partido Liberal Demócrata, respondeu que coñecía o libro que «lo he leído y he de manifestar a S. S. que no me parece adecuado para la enseñanza, por lo cual lo retiraré». Véxanse as súa intervencións no Diario de las Cortes  do 27 de xuño de 1935, citadas por Carmen Diego e Montserrat González, «Gestación, dotación e expurgo de las bibliotecas escolares en España: 1869-1939», en Museos Pedagógicos. La memoria recuperada (Huesca: Gobierno de Aragón. Departamento de Educación, Cultura e Deporte/ Museo Pedagógico de Aragón, 2008), 283-308.
[23] Publicado o 16 de setembro no nº 22 do Boletín Oficial de la Junta de Defensa Nacional. Tamén pode consultarse, de Claudio Lozano Seijas, Historia de la Educación en España IV. La educación durante la Segunda República y la guerra civil (1931-1939) (Madrid: Centro de Publicaciones. Secretaría General Técnica del Ministerio de Educación y Ciencia, 1991), 294-295.
[24] Boletín Oficial del Estado, nº 332 de 17 de setembro de 1937.
[25] Fernando Martín-Sánchez Juliá, Origen, ideas e historia de la Institución Libre de Enseñanza: Una poderosa Junta secreta. La Institución Libre de Enseñanza (San Sebastián: Editorial Española, 1940), 113.
[26] Circular emitida polo Patronato de Cultura Popular, sen data.
[27] El Noticiero Gallego (Revista de Primera Enseñanza), Nº 2071, de 18 de setembro de 1936.
[28] Leonardo Borque López, Bibliotecas, archivos y guerra civil en Asturias (Gijón: Ediciones Trea, 1997).
[29] Adxúntase a relación de obras tal como aparecen citadas na circular: Lecciones de cosas, Dalmau; Deberes de los niños, Calleja; Virtud y Patria, Ruiz Romero; El Quijote, Cervantes; Enciclopedia escolar, Martí Alpera; Catecismo, P. Astete; Guía del artesano, Paluzie; Método de Rayas, Rodríguez Álvarez; Corazón, Amicis; Fábulas literarias, Samaniego; El Amigo, Pazzi; Enciclopedia, Ruiz Romero; Invenciones e inventores, Solana; Camarada, Dalmau; Historia de España, Calleja; Geografía idem; Gramática, A. de la Lengua; Enciclopedia, Porcel y Riera; El Cielo, Ascarza. Europa, Dalmau; Deberes, idem; El primer manuscrito, idem; Lecturas de Oro, Solana; Razas humanas, Ascarza; Recitaciones escolares, Solana; El Hombre, Ascarza; Historia de España, Solana; El Tesoro de las escuelas, Calleja; Nosotros, Blanco; Enciclopedia, Cami; Gramática, F.T.D.; Aritmética, idem; Historia Sagrada, Ruiz Romero; España mi Patria, Dalmau; Lecciones de cosas, Nualart; La niña instruida, Ascarza; Sancho Panza, Seix Barral; Centros de interés, Xandrí. Mentor, Ruiz Romero; Países y Mares, Plá; Enciclopedia, Dalmau; Concentraciones, Xandrí; Infancia, Dalmau; Catecismo histórico, Fleury; Lecciones de cosas, Porcel; La niña, Ascarza; Historia Sagrada, Solana; El continente antártico, Ascarza; El mundo exterior, Marinelo; Yo quiero saber leer, Solana; Mi cartilla, Trillo; Primer libro, Plá; Cartilla agrícola, Ascarza; Mi amigo el árbol, Martín Chico; Lecturas graduadas, F.T.D.; Primer libro de lecturas, Bruño. Lecciones de cosas, Bruño; Para mi hijo, Bustamante; El Trabajo, Maillo; Frases y cuentos, Aroca; Fábulas literarias, Iriarte; Lecciones de Lengua, Bruño; Aritmética, idem; Aritmética, Palau; Geometría, Paluzie; Geometría, G. Rodríguez; Geografía, Paluzie; Geografía, Bruño; Geografía, F.T.D.; Historia de España, Llano; Historia de España, F.T.D.; Historia de España, G. Rodríguez; Historia Sagrada, F.T.D.; Lecciones de cosas, Colomb. Historia Natural, Plá; Fisiología e Higiene, idem; Física y Química, idem; Agricultura, Boldu; Física elemental, Manent; Derecho, Gerardo Rodríguez; Nociones de Derecho, F.T.D.; Historia de España, Hueso; Geografía, idem; Lecturas Bíblicas, Solana.
[30] Carmen Diego e Montserrat González, “Gestación, dotación e expurgo de las bibliotecas escolares en España: 1869-1939”, en Museos Pedagógicos. La memoria recuperada (Huesca: Gobierno de Aragón. Departamento de Educación, Cultura e Deporte/ Museo Pedagógico de Aragón, 2008), 283-308.
[31] Patronato de Cultura Popular, «A los señores maestros depositarios de bibliotecas». Documento sen paxinar.
[32] Ana Martínez Rus. La política del libro durante la Segunda República. Socialización de la lectura (Gijón: Ediciones Trea, 2003).
[33] Carmen Diego, «Un caso paradigmático de represión cultural: depuración de bibliotecas escolares en la provincia de Palencia durante la guerra civil española. Las bibliotecas del Patronato de Misiones Pedagógicas en la provincia de Palencia: dotación y depuración de sus fondos (2ª parte)». Represura. Revista de Historia Contemporánea española en torno a la represión y la censura aplicadas al libro. http://www.represura.es/represura_7_febrero_2011_articulo1.html
[34] Manuel de Puelles Benítez, «La política del libro escolar en España. Del franquismo a la restauración democrática», en Historia ilustrada do libro escolar en España. De la posguerra á reforma educativa, dir. Agustín Escolano Benito (Madrid: Fundación Germán Sánchez Ruipérez, 1998), 49-71.
[35] Ferrán Gallego, Ramiro Ledesma Ramos y el fascismo español (Madrid: Síntesis, 2005).
[36] Jesús Asensi Díaz, «Memorias de un maestro. Memoria de una escuela», Tendencias Pedagógicas 14 (2009): 44 https://revistas.uam.es/tendenciaspedagogicas/article/view/1902
[37] Manuel de Puelles Benítez, «La política del libro escolar en España», 50.
[38] José Leonardo Ruíz Sánchez, Prensa e propaganda católica (1832-1965) (Sevilla: Universidad de Sevilla, 2002), 111.
[39] http://www.pedropoveda.org/su-vida
[40] «Circular del Gobierno Civil de la Provincia  sobre los libros de texto». El Noticiero Gallego (Revista de Primera Enseñanza), Nº 2071, de 18 de setembro de 1936.
Regreso al contenido