O baile ou danza é a expresión de movementos corporais harmónicos ao ritmo da música. Podemos ver manifestación de danzas a base de brincos e saltos en culturas que conservan as súas primitivas raíces, a veces co simple son de golpes sobre dun tronco furado.
Polo que pódense considerar as súas orixes tan antigas como a existencia do propio home. Estas manifestacións de danza do ser humano son innatas ó seu ser, podemos velo nas nosas trouladas do día do monte Trega, onde os asistentes, sos ou en grupos, expresan a súa alegría danzando con saltos e gritos, que poden ser acompañados de cánticos, palmas ou calquer elemental instrumento de percusión como paus, cunchas, tambores… Existen multitude de testemuños antigos que se refiren á danza, como cando os hebreos atravesaron o Mar Roxo (Éxodo, cap. 15-21), ocasión na que a profetisa María , irmá de Aarón, e outras mulleres cantaron e bailaron. Os sacerdotes frixios danzaban nas festas en honor a deusa Cibeles. Homero naIliada describe as danzas sagradas practicadas en Grecia naquela época nos funerais de Héctor e Patroclo.
Os romanos nos primeiros tempos só utilizaban a danza en actos de carácter sagrado, e xa mais adiante consideraban ós bailaríns como heroes, que polo seu prestixio chegar a ter incluso influencia na vida da República Romana. Nos primeiros tempos do cristianismo e ata o século VI, houbo lixeiras introducións da danza nos seus ritos, pero por estas datas foi considerada pola Igrexa como un pasatempo mundano, (aínda que prevalezan nos seus rituais, os cánticos). Na Idade Media esténdese entre tódalas clases sociais, en celebracións populares e despois dos banquetes da nobreza. Na época do reinado dos Austrias as clases altas bailaban a pavana, a gallarda, o caballero… e as clases populares a zarabanda, a chacona, o rastrojo… No Renacemento debido a influencia das letras e das artes, á parte dos bailes populares nacen novos estilos como os de sociedade e os de teatro, popularizándose ata hai pouco como bailes de salón e na actualidade como salas de festas.Tamén en España existe unha riquísima variedade de bailes rexionais folclóricos.
Vou a referirme ós bailes de salón/salas de festas, das vodas, das festas e verbenas populares das décadas dos anos sesenta e setenta, do século pasado. Acontecementos que ademais de seren actos concretos, ben de honra a un santo, ben de unha conmemoración, ou de calquera outra celebración, propiciaban a diversión e a relación social a través do baile. Na nosa zoa houbo moitos salóns e Sociedades Recreativas onde se celebraban bailes : Liga de Amigos de Camposancos, Casino de Caballeros, Circulo Guardés, Club de Artesanos, Sociedad de Tenis de La Guardia, Recreo Artístico Guardés, Salóns: Ideal – Caracol, A Trangallada, La Palomita, Avenida Parque, Bailes do Carozo e El Yunke na Gándara…
E xa polas décadas sesenta, setenta, o salón de baile mais destacado foi a Sala de FiestasJardines del Tecla, popularmente coñecido polo Baile da Leona- do Chuco ),… Nos salóns de voda do Molino, Hotel Pazo, Chuco, Marti-Rey- Pensión España, O Pescador…, despois do banquete, había o baile, onde se derrochaba a alegría propia do acontecemento, na maior parte das veces coa animación da música dos conxuntos locais Los Bambinos, Los Dandy, Los Tempores (Os Santeiros) La Palomita de Faustino O Barbeiro, La Palomita de O Rosa, O Muchi…, e cando a voda era na casa, bailábase co ritmo do acordeón de Jesús o Cego e a batería de Isidro zapateiro, O Yepa.
O popular Jesús O Cego do Coruto con seu acordeón, animando unha voda caseira
Parexo a todas anteriores situacións onde se desfrutaba do baile, estaban os dos festexos populares coas súas verbenas, que por certo eran abundantes daquela e aínda hoxe en día en tódalas parroquias da Guarda. A maioría destas festas celébranse en honra dalgún santo; sendo común en todas elas como principais os actos litúrxicos e o baile, habendo complementariamente en cada caso: competicións, xogos, atraccións, postos de venda diversos, poxas, fogos de artificio…
Desbordante e san alegría de mozas e mozos bailando nunha voda no Hotel Pazo de Santa Trega.
Dentro deste amplo calendario de festas locais destaca a da Nosa Señora A Virxen da Guía, de Ribadavila, por ser a penúltima do ano na Guarda, polas súas famosas poxas, a súa potente tirada de fogos (cubos) e actuación dos mais afamados conxuntos-orquestras e bandas de música. No folleto/programa sempre destacaba: GRAN FOLIÓN- Quemándose a la terminación de la puja la atronadora tirada de fuego graneado famosa por estos contornos… Y después de la Berbena, gran cantidad de fuego de luceria a cargo del Sr. Fernández de Goyán.
Podemos ver, unha breve mostra dos excelentes grupos musicais que actuaban nas festas da Guía neses anos:
1965- 29 de Agosto, Orquesta TOSPÍN de Vigo co vocalista Pucho Méndez. Dias 30, 31 Agosto, 1, 2, 3, 4, e 6 de Setembro, varios grupos. Dia 7 BANDA DE MÚSICA DE MERZA e GRAN PARADA DE RIANJO.
1966- Días 4,5 e 6- LOS BAMBINOS. Dia 7- Conjunto- orquesta TREBOL de El Ferrol e a BANDA DE MÚSICA POPULAR DE MOUGÁS.
1967- Día 3 Conjunto LOS BURDON’S de Marín.Dias 4, 5 e 6 LOS BAMBINOS. Día 7, BANDA DE MÚSICA UNIÓN DE LANTAÑO e o Conjunto-orquesta LOS DIAMANTES DE LA CORUÑA.
1968- Sbre 1 Conjunto LOS GALES DE ESPAÑA
Días 2,3,4,5, e 6 LOS BAMBINOS
Día 7 LOS DUENDES de Villagarcia e a BANDA DE MÚSICA DE CASTRELO- CAMBADOS.
1969- Días 4,5,e 6, LOS BAMBINOS
Día 7, Conjunto-Orquesta LOS CUNTER’S e a BANDA DE MÚSICA DE RIANJO.
1970- Spbre 5- LOS BAMBINOS.
Día 6, Conjunto LOS MICROS de Pontevedra
Día 7 – Conjunto LOS KEY e a BANDA DE MÚSICA DE CELANOVA
En anos seguintes seguirían as animadas actuacións musicais dos máis destacados conxuntos, grupos e orquestras dos distintos lugares de España, como: LOS SUEÑOS, LOS ESPAÑOLES, LO SENADORES, ARKANSAS, LOS ALMIRANTES, CRISTAL AZUL, AMANECER CUARTA CALLE, DIMENSIÓN, PICCOLOS, NIEBLA, ANTOXO, BREOGAN, ACUARIO, VENUS, ARMONIA, BRUMA, CIUDAD CRISTAL , ACIREMA , FLORIDA con DIOSIÑO, LOS SATELITES, CORTEGADA, GRAN PARADA, LOS TROVADORES… sempre e cada ano tocando unha excelente banda de música. Cabe destacar a continua actuación do conxunto local LOS BAMBINOS, durante moitos anos, e en varios días da semana.
O conxunto Los Bambinos en plena actuación. Sería o grupo músico-vocal que mais tocara nas Festas da Guía
Todos estes días de bailes populares, eran motivo de desfrute e de relación social. Nestes bailes, dábase a ocasión para atopar a parella, e polo regular era onde se comezaban os noviazgos, que na maioría das veces chegaban ao matrimonio. Pero o ” ligar”non era fácil, tiña as súas estratexias, xa que aparte doutros atractivos persoais, era necesario dispor dun compoñente indispensable, que era saber BAILAR. Normalmente as mozas dominaban ben este arte, xa que se lle “ daba mellor “, ademais, xa de rapazas aprendían entre elas, coa irmán maior, ou coas nais, pero os mozos tiñan unha seria desvantaxe ó non teren esa facultade artística tan desenvolvida; moitos aprendían na casa coas irmás, outros puñan a radio e practicaban cunha vasoira… O mozo que era bo bailarín tiña máis posibilidades de que fose aceptada a súa petición de bailar coa moza elixida, e máis si dominaba os moitos e distintos ritmos dos xéneros musicais tocados: pasodobre, cumbia, cha-cha-chá, mambo, tango, valse, fox-trop, rock, rancheras, xotas, rumbas, sevillanas, muiñeiras, boleros, salsa…, que cada un require o seu propio estilo de baile.
Era esencial saber bailar, xa que ademais de non desfrutar do baile en parella, corríase o risco de quedar solteiro. Era motivo de risas e burlas, aquel mozo que o non levar o compás, lle pisába os pes a moza, polo que esta podía chegar a deixalo plantado na metade da peza e non lle volvía a bailar polo mal momento pasado.
Típica escena dun baile popular daqueles anos. Festas do Castro en 1954.
Había as súas diferentes formas de sacar a bailar, ven as mozas estaban en grupos, e individualmente os mozos pedían o baile a elixida, que en casos se ela esperaba que viñese outro a quen lle tiña “botado o ollo”, dáballe calabazas, situación que lle resultába bochornosa para o pretendente rechazado, cando tivera que facer un percorrido e volver de volta o seu sitio, xa que parecíalle que tódalas miradas estaban postas nel; outro modo era cando as mozas saían dúas a bailar en parella, púñanse de acordo dous mozos para pedirlle baile, facendo antes un calculo de posibilidades, de que ambos serían aceptados, se nón podían darse moitas variables sempre por determinación delas; se a unha non lle agradaba o mozo que lle tocaba e a a outra sí, podían aceptar por solidariedade entre elas, pero tamén aínda que unha estivera de acordo co seu pretendente, podía rexeitalo, por non cargarlle un mal momento á compañeira que non era do seu agrado o mozo que lle tocaba en parella. Dábanse casos en que a que estaba de acordo, aceptaba e bailaba co mozo, e a outra se ia para o grupo das amigas, e o rexeitado daba a volta en seco un tanto ruborizado. Outras veces que unha moza estaba esperando que determinado mozo viñera a sacala a bailar, rexeitaba tódalas peticións doutros para que aquel se decatara da súa pretensión. ¿Bailas moza? Tocándolle no ombro, si estaba de acordo sen mais dispuña se a bailar, pero as veces soaba en voz alta e de claro rexeitamento un ¡¡NO!! demoledor. Bailada a primeira peza, se había química, xa continuaba a parella o resto do baile xuntos, e pasadas algunhas festas xa a acompañaba a súa casa. O baile permitía certa licenza de achegamento, dende o inicio ata o final da peza. Asparellas fundíanse nun só conxuntoao son da música, rematada esta, cada cal pasaba ó seu anterior lugar individual.
Hoxe en día a xuventude non precisa destas complicadas formas de emparellar, xa que bailan todos xuntos e soltos, e en vez de agarrarse en parella, collen un vaso de tubo con bebida na man ou un casco de cervexa nos disco- pub e botellóns . Ademais, atopan e manteñen a súas relacións a través das redes dixitais.
A parte do referido sobre a mocidade, o baile das festas, era de gratificación para todas idades e gustos: pódese dicir que partindo do palco , facíanse varios círculos concéntricos. Os rapaces e raparigas, xogaban e bailaban diante do palco, a mocidade buscaba a súa intimidade no núcleo central e mais apertados, as parellas xa consolidadas e matrimonios, no circulo periférico e xa mais espazoso, e nos arredores a xente maior que ia a escoitar e desfrutar do espectáculo musical. Neste ultimo grupo, tamén estaban as avoas e veciñas que observaban con curiosidade a evolución da mocidade do grupo central. Hoxe en día recordamos con nostalxia aqueles bailes cargados de romanticismo, nos que a música era a esencia da diversión e da relación social.