Moción de Censura a José Manuel Domínguez Freitas - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Moción de Censura a José Manuel Domínguez Freitas

PUBLICADAS
13 de xullo: 20 anos da moción de censura ao alcalde
José Manuel Domínguez Freitas
por Antón Ferreira



O 13 de xullo de 2000, José Manuel Domínguez Freitas, alcalde socialista, e o goberno bipartito, PSOE-BNG, entregan o goberno local a outro bipartito: PP-EU/IU. As eleccións de 1999 deran 6 concelleiros ao Partido Popular; 3, ao PSdeG-PSOE; 2, a BNG, e 2, a EU-IU, o que permitiu “consolidar”, un bloque de esquerdas (socialistas, nacionalistas e comunistas) que por primeira vez, en 20 anos de democracia, retiraba a confianza á dereita.


 
Apenas tres meses despois as fendas no goberno comenzan a facerse evidentes, e a rutura “anunciábase” con antelación o 22 de outubro dese mesmo ano, 1999, cando Esquerda Unida-Izquierda Unida, formando aínda parte do tripartito (PSOE-BNG-EU) adopta “a decisión de facer públicas tódalas diferenzas, explicando as razóns do porqué se está en contra ou a favor dos acordos que se tomen no Concello.” ‘Curiosamente’, tan só 18 días antes, na sesión plenaria do 4 de outubro, Rodríguez Fariñas aludindo a unha información aparecida nalgún medio de comunicación, garantizaba a unidade do tripartito: “O Sr. Rodríguez Fariñas”, recóllese na acta, “quere deixar claro ante a situación plantexada nesta fin de semana por un medio de comunicación, que non coincide en absoluto coa realidade da situación do grupo de goberno, e polo tanto que quede claro que a pesares dos debates que poidan xurdir, a unidade de acción conxunta deste tripartito está garantida”.  
 
O 8 de novembro de 1999 os concelleiros Celso Juan Rodríguez Fariñas e Isabel Lidia González Alonso, anuncian e presentan por escrito (RE 4203 no portelo do Concello) a súa retirada do equipo de Goberno, unha renuncia que deixa a un bipartito en minoría, con só 5 membros, fronte a unha oposición que totaliza 8 concelleiros, número suficiente para que na rúa, e no mesmo equipo de Goberno, xa se fale dunha próxima moción de censura, pero que xa “era cantada” prácticamente desde que se soubo a formación do tripartito, non esquezamos que estamos nun pobo de 10.000 habitantes onde, como se acostuma a dicir, “aquí nos coñecemos todos”.
 
Rafael Louzán Abal, presidente provincial do Partido Popular, afirmaba 19 días antes do 13 de xullo, que o PP estudiaría a posible moción de censura do PP e IU que poría fin ao mandato do socialista Domínguez Freitas, e a Comisión Local do Partido Socialista, reclama á dirección do Partido Popular “a desautorización expresa da censura, pra que non teña nada que ver con pseudorrepresentantes públicos, volubles, incoherentes, inmaduros; en definitiva, con felóns que pensan que en política vale todo”.



Tras rexeitar PP e EU-IU o Orzamento presentado polo Grupo de Goberno, o alcalde anuncia unha “cuestión de confianza vinculada á aprobación do Orzamento Xeral do Concello para o ano 2000”. O 2 de xullo de 2000 debátese esta cuestión, explicando o alcalde “que os presupostos xa foron amplamente debatidos no Pleno anterior e foron rexeitados, cabendo só dúas saídas: ou seguir cos presupostos prorrogados ou presentar unha cuestión de confianza”. Podería terse prorrogado o orzamento pero, como explicou Domínguez Freitas, “significaría que determinadas obras, sobre todo os investimentos, non se poderían levar a cabo”, polo que polo ben da Guarda, era mellor formular “unha cuestión de confianza”. Alonso Riego, reitera o rexeitamento do seu grupo a apoiar o orzamento “porque non son os presupostos que o meu grupo leva no programa de goberno”. Rodríguez Fariñas, non fai uso da palabra. Rosa Darriba, portavoz do BNG, alude a que non lle deron ao Grupo de Goberno posibilidade de traballar cuns orzamentos propios, pois os que estaban a empregar eran os aprobados polo anterior goberno, entón presidido por Purificación Álvarez Álvarez. E remataba Domínguez Freitas as intervencións, sinalando que nas negociacións dos orzamentos “o Grupo Popular non aportou nin unha soa idea nas moitas reunións mantidas”. Votada a moción de confianza, é rexeitada pola oposición con oito votos en contra; cinco concelleiros fano a favor. Era o anuncio anticipado e firme da moción de censura.

Na Praza do Reló hai unha concentración que apoia ao goberno ‘progresista’. Rosa Darriba diríxese aos reunidos: “...Riego nunca foi capaz de asumir a derrota, chegando mesmo a inventarse que lle faltaban 100 votos da amigración e daquela, mesmo pedía que se repetisen as eleccións, que os tribunais lle denegaron (...). Fariñas entrou forzado no goberno municipal e no pouco tempo que estivo fixo máis por desfacelo que por tirar para diante (...). Non nos bota o pobo da Guarda, bótanos un felón que se aproveita dos votos que lle deu a esquerda para unirse á dereita...”
 
O Consello Comarcal do BNG, a través do seu responsable, Rafael Martínez Calzado, emitía o 5 de xullo un comunicado no que xa se daba por feita a moción de censura contra o alcalde socialista, José Manuel Domínguez Freitas, e por extensión, contra o goberno PSdeG-BNG: “a moción de censura presentada vén traicionar a vontade que o pobo manifestara nas furnas e como consecuencia dunha ambición desmedida do PP por ocupar o poder a costa do que sexa, formalizando un pacto antinatura que o tempo dirá o custe que vai ter para A Guarda e a que intereses obedece”.



O 13 de xullo de 2000, cun salón de Plenos no que era imposible avanzar un paso, coa praza do Reló tomada por partidarios do Goberno local e simpatizantes da oposición, e moitas, moitas caras descoñecidas, falábase da presenza de persoas alleas ao concello “que foran transportadas”, íase debatir a Moción do Censura. Eran as 12 do mediodía cando, declarada aberta a sesión, e formada a mesa de idade constituída por José Vicente Ferreira, que a preside como concelleiro de maior idade, e Montserrat Magallanes Álvarez, concellleira de menor idade, excluídos o alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, e o candidato á Alcaldía, José Luis Alonso Riego, e actuando como secretario Juan Alberto Santos Carrero, pásase a tratar o único punto: “Moción de censura ó alcalde D. José Manuel Domínguez Freitas”. Escoitánse voces de “traidor” dirixidas ao concelleiro de EU-IU. Hai tensión e presión na sala, e na praza.
 
O secretario do concello le o texto da moción asinada polos seis concelleiros do PP o os dous de EU-IU: “...Que como el Pleno de la Corporación de ese Ayuntamiento en su sesión celebrada el día 02-06-2000 rechazó, por la mayoría absoluta de los ocho votos en contra de los concejales arriba expresados, la cuestión de confianza vinculada a los presupuestos anuales del 2000, presentada por el actual alcalde D. José Manuel Domínguez Freitas, es por lo que de conformidad con lo dispuesto en los artículos 108-1 del Reglamento de Organización y Funcionamiento y Régimen Jurídico de las Entidades Locales ROF) aprobado por RD 2568/1986, de 28 de noviembre y 197.Bis 5 de la Ley Orgánica 5/1985 de 19 de junio del Régimen Electoral General (LOREG) y dentro del plazo legal conferido al efecto (1 mes desde que se votara el rechazo), proponen y presentan esta MOCIÓN DE CENSURA para ser destituido el citado alcalde y ser proclamado para tal cargo el candidato que a continuación se incluirá… En la presente se incluye como candidato a la Alcaldía el concejal D. José Luis Alonso Riego…”.
 


Na quenda de intervencións, Domínguez Freitas explicaba a intención do equipo de Goberno de aprobar aqueles orzamentos para o ano 2000, mantendo encontros cos grupos da oposición tentando chegar a acordos para que Partido Popular e Esquerda Unida manifestasen as súas prioridades e lograr uns presupostos consensuados “pero foi imposible, xa que a oposición solo puxo trabas”.
 
Nas vísperas, unha resolución de EU-IU, abría una posibilidade de continuidade para o bipartito: a cambio da retirada dos orzamentos, EU-IU non apoiaría a moción.
 
E o alcalde, en nome do bipartito, “como mostra de boa vontade, retiramos os presupostos”. Alonso Riego rexeita intervir no seu turno. Fariñas, entre outras calificacións, considera que “a situación política no concello da Guarda está tan deteriorada que isto en vez de ser a representación do pobo, é un mal circo”.
 
Rosa Darriba, portavoz nacionalista, insistía en manter a porta aberta ó diálogo “que se nos pide desde a direccion de EU-IU, dispostos a retirar os presupostos, mantemos a palabra e o compromiso adquirido coa dirección de EU-IU pasando por riba de intereses partidistas”. O portavoz socialista, Miguel Español, na súa intervención concluía con que “este pacto (PP-EU/IU non é un pacto pola Guarda, senón que é froito doutros intereses, o tempo desvelará a verdadeira razón deste pacto sen razón”.
 


E chégase á votación da Moción de Censura contra o primeiro alcalde socialista na democracia: oito votos apoian a moción; cinco rexéitana. José Luis Alonso Riego é proclamado alcalde da Guarda o 13 de xullo de 2000. Veciños presentes na sala lanzan de novo moedas aos concelleiros de ‘esquerda” coautores da moción de censura. Os edís de EU-IU, Celso Rodríguez Fariñas e Lidia González Alonso, que días despois compartirán goberno co Partido Popular, aguantan estoicamente a increpación de gran parte do público que acupa o salón de plenos. Hai algún amago de agresión entre o público intervindo a Policía Local que tenta calmar os ánimos e evitar que a situación pase a maiores.
 
A saída do concello, os edís nacionalistas e socialistas acuden ao cemiterio da Guarda onde na Fosa Común e sobre as tumbas de destacados republicanos que foron vítimas da represión frnquista, depositan flores como símbolo de desagravio trala entrega do goberno a forzas políticas da dereita.

Para o xa ex-alcalde Domínguez Freitas “Os concelleiros de Esquerda Unida convertéronse en representantes públicos ilexítimos, vulnerando a vontade dos que confiaron neles para impedir dar a Alcaldía ao Partido Popular”, e o ex-alcalde anunciaba algo máis para tranquilidade dos populares: “Se o PP quedase en minoría, co actual EU-IU da Guarda non nos cabe ningún tipo de pacto e, polo tanto, o Grupo Municipal Socialista non asinará nunca con Celso e con Lidia ningunha moción de censura”. Tiña o ex-alcalde tamén palabras, neste caso de agradecemento para o BNG “foi un excelente compañeiro de viaxe. Non teño máis que palabras de agradecemento polos compañeiros nacionalistas, pola súa lealdade, polo seu traballo, polo seu bo facer”.
 
Na noite de luns, 17, ao martes, 18, aparecen pintadas anónimas nas sedes do PP, EU, Pavillón de Deportes da Sangriña, paredes e contendores, con ameazas e insultos aos concelleiros de ámbalas dúas formacións, e apoiando a Domínguez Freitas.
 
Rodríguez Fariñas, malia asegurar que contaba co refrendo de 24 dos 32 militantes que a formación tiña na Guarda, coñecería o 19 de xullo, a decisión do Consello Político Nacional de Esquerda Unida-Izquierda Unida, que reunido en Santiago, toma o acordo de expulsar, por infraccións que merecen o cualificativo de moi graves, aos dous concelleiros que facilitaron a caída do primeiro goberno de esquerdas na Guarda despois da ditadura, e Celso Rodríguez Fariñas, que ademais era membro do Consello, e Isabel Lidia González Alonso, deixan de pertencer a Esquerda Unida.
 
Coa expulsión os dous edís presentaríanse nos seguintes procesos electorais baixo distintas siglas, depois de pasar como Iniciativa Veciñal do Baixo Miño (2003), serían Terra Galega (2007) e máis recentemente, Converxencia Galega (2011 ata a actualidade).
 
A censura da Guarda e os efectos na política autonómica
 
A moción de censura da Guarda influiría nas relacións entre o entón presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o secretario xeral do PP, Jesús Palmou. Para Touriño, a moción promovíase “desde o transfuguismo”, de modo que o PP rompía o compromiso ao que chegaran todos os partidos para erradicar estas prácticas. Para Palmou, “na Guarda non houbo transfuguismo”; Pérez Touriño aseguraba nun medio escrito que “Palmou rompeu a súa palabra pois me comunicara a súa postura en contra da moción de censura na Guarda”; Jesús Palmou respondíalle “que a situación da Guarda era de desgoberno”.


 
Nas seguintes elección municipais, na que se repetiron os candidatos e prácticamente as listas, tanto o PP como os ex EU-IU, apenas tiveron un leve descenso no número de votos recibidos, que foron máis importantes no BNG, que perdeu case o 50 por cento dos apoios, mentres o PSdeG-PSOE, creceu en votos superando o 80 por cento dos conseguidos npos anteriores comicios, pasando dos 1.341 recibidos en 1999 aos 2.435 nas municipais de 2003, e aumentando aínda máis esta cantidade nas eleccións de 2007, onde os socialistas acadaron a maioría absoluta con 3.009 apoios, que lle deron 9 concelleiros; debacle do PP, hasta os 1.390 votos, quedando con 5 edís, o número máis baixo da dereita que gobernara durante os últimos 28 anos, lixeira subida do BNG, iniciando a recuperación, e novo descenso dos ex EU-IU, que deixaron as siglas de Iniciativa Veciñal do Baixo Miño, para ser Terra Galega.
 
20 anos despois da Moción de Censura, Domínguez Freitas, José Luis Alonso Riego e Rosa Darriba Calviño, xa non forman parte da Corporación. Somentes Celso Rodríguez Fariñas, agora baixo as siglas de Converxencia Galega, mantense como concelleiro con 456 votos nas últimas eleccións celebradas.

Bibliografía
Actas municipais de diferentes sesións Plenarias e de Comisión de Goberno
Entrevistas da época
Notas de prensa das distintas formacións
Lecturas públicas de comunicados

Regreso al contenido