Miguel A. Español Otero - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Miguel A. Español Otero

ENTREVISTA

Hai 41 anos Miguel Español Otero concorriu por primeira vez nunhas listas electorais. Leva media vida servindo a este pobo, segundo a óptica que de cada quen mellor, regular e para algúns mal. Os matices forman parte do espectro político, as simpatías ou antipatías, en política, non acostuman a ser obxectivas. En calqueira caso, cando estamos en 2020, Español Otero, Miguel, leva 33 anos na vida municipal activa sendo o máis veterano dos concelleiros actuais e dos poucos, se hai algún, que dedicase máis de tres décadas a causa pública.

No ano 1979 Miguel Español concorre ás primeiras eleccións municipais nas listas de ADG; en 1983 faino por primeira vez como socialista, pero ata 1987 non foi concelleiro. Como se vivían nas rúas e nas filas dos partidos aquelas primeiras eleccións democráticas?
Dende os grupos da esquerda e da cidadanía progresista, con gran ilusión, con moitísima emoción  e con moitísima esperanza. Asistíamos a un momento histórico no que aos máis xoves xunto con moitos veteranos e veteranas demócratas de corazón que estiveran amordazados durante tantos  anos, estábamos chamados a traballar  na construción dun camiño  de transición da sociedade de cara a posicións democráticas; non chegaban as horas, cada un ao seu traballo diario  e despois, elaboración de programas, preparación de slogans, charlas nos bares, non sempre ben recibidas; pegadas de carteis ata a madrugada, unha maravillosa loucura.
Sen embargo, a  percepción dunha boa parte da  sociedade conservadora, era, aínda o é hoxe, distinta, consideraban que o poder correspondíalles a eles de forma natural, de cuna, non concebían que cidadáns normais accedesen a postos políticos de responsabilidade e moito menos a través do voto popular, vivían estes procesos de xeito distinto, con tensión, con frustración.

¿En que cambiaron desde aquela primeira época, con moito “romanticismo”, as vivencias nas sedes (ou na sede do PSdeG-PSOE), durante o escrutinio a como se vive agora a chegada dos resultados e tras coñecerse ‘números’?
As eleccións municipais seguen sendo unhas eleccións ilusionantes. Son, sen dúbida, as máis próximas á cidadanía que as  vive con moita máis intensidade, como moi súas pero, que dúbida cabe, o contexto afortunadamente é distinto: aquel anhelo  de transitar  hacia unha democracia plena é hoxe unha realidade, todo se vive con máis normalidade, con máis tranquilidade  pero coa mesma ilusión.

Por vez primeira, no 1999, o PSOE asume a Alcaldía da Guarda nun tripartito con EU e BNG… Dá a impresión que co BNG era posible ramatar a lexislatura. Pero, trala decisión de EU de renunciar a cogobernar, aquela “ilusión” diluíuse na nada. Que cicatrices lles quedan aos socialistas daquel momento histórico?
Hai moita xente,  dentro e fóra do PSOE, que aínda lembra con tristeza e amargura aquela moción de censura contra Freitas e o seu equipo de gobernó; estou convencido de que até o propio protagonista da mesma. Sen embargo, e coa perspectiva que te dá o tempo, eu acabo cuncluíndo que aquel triste acontecemento fixo que unha boa parte da cidadanía guardesa reflexionase, analizase e tomase a decisión de que Freitas tiña que volver a ser alcalde, e así foi para ben do noso pobo.

Desde 1987 leva Miguel Español Otero 33 anos como concelleiro. Coñeceu a presidencia de distintos alcaldes o que lle permite valorar as diferentes xestións realizadas. Que diría hoxe deses alcaldes?
Purificación Álvarez Álvarez…
Xosé Manuel Domínguez Freitas…
José Luis Alonso Riego…
Antonio Lomba Baz…
Efectivamente tiven a oportunidade de coñecer, a uns máis de cerca que a otros,  concretamente a catro alcaldes e a unha alcaldesa, digo catro por que a Manuel Díaz (Ligero) aínda que somente dous anos, tamén o coñecín.
En relación  coa tua pregunta, comprenderás que me resulte dificil despois de tanto tempo facer una valoración de Puri e de Riego, ademais non sería ético pola miña parte, si o farei encantado de Freitas e de Antonio.
José Manuel, un líder, empático, honesto,  leal,  capaz, un alcalde con maiúsculas, un gran amigo, unha etapa maravillosa.
Antonio, rigoroso, profesional, comprometido hasta a médula co seu pobo, gran xestor, traballador incansable, unha gran persoa, un gran alcalde, un gran amigo.
 
Dedicado exclusivamente á cousa pública, que tres actuacións destaca realizadas na Guarda nestes 33 anos (e non teñen que ser exclusivamente dos socialistas)
É moi difícil enumerar  só tres obras importantes nun período de tantos anos. Houbo moitas,  en distintos mandatos e con distintos alcaldes ou alcaldesa, que por distintas razóns, foron naquela, e seguen sendo hoxe, importantes
A  adaptación do edificio do Centro Sanitario a Centro Cultural, a construción da Piscina Municipal, O Paseo Marítimo, a Senda Peonil ata o Molino, a recuperación do Castelo de Sta. Cruz, a

construcción do novo Concello, a humanización de Concepción Arenal, as excavacións levadas a cabo no Castro de Mergelina, as beirarrúas que permitiron conectar peonilmente o barrio do Castro co núcleo urbán, a construcción de varios parques en distintos barrios, a urbanización de moitísimas rúas coa reposición dos servizos que levan consigo...... o listado sería moi grande, son moitos anos.

Cales esperan por se cumplir; alguna vella aspiración non lograda para o seu pobo?
Son varias  e moi importantes as aspiracións que teño e espero ver materializadas polo que representarían de impulso  económico unhas, e de calidade de vida para os veciños outras.
Considero vital para A Guarda que dunha vez por todas se remate a VAC dende Tui a Goián. Non nos poden seguir mantendo illados; a chegada do AVE vai significar un novo impulso ao turismo na zona do sur de Pontevedra,  A Guarda tense que ver beneficiada tamén.
O Acceso Sur do porto é a día de hoxe unha necesidade, logramos que se redactase o proxecto por parte da Deputación, agora falta que a Xunta dea un paso á fronte e capitanee a súa materialización.
Auditorio Municipal, tivémolo moi preto no mandato de Touriño: había partida para a redacción do proxecto  e tíñamos o compromiso do presidente para construílo; chegou Feijóo e desapareceu dos orzamentos da Xunta.
As beirarrúas e carril bici na estrada de circunvalación ao Monte Santa Trega son una necesidade imperiosa  que espero que a Xunta de Galicia acabe interiorizando como titular da estrada.  O Concello  xa redactou un anteproxecto.

Críticas negativas, ou moi negativas nas áreas da súa competencia; tamén críticas positivas, e moi positivas nesas mesmas áreas. Como responde no seu “interior” a unhas e a outras?
Con normalidade,  tanto as críticas como os alagos. Cando un accede a un cargo público da natureza do que eu ocupo, ten que asumir que vai estar suxeito a críticas, una veces xustas e acertadas e que tes que tratar de ter en conta; outras con pouco ou ningún  fundamento que procuras esquecer,  e  de vez en cando tamén vas a ter a satisfacción de escoitar algún piropo. O realmente importante é non ir nunca para a cama con algún tipo de remordemento, sentirse ben consigo mesmo.

Nalgún momento quixo “tirar a toalla” e irse para casa?
Non, o que se entende como tirar a toalla non. Si é certo que ao longo de todos estes anos, como non podía ser doutro xeito, houbo e hai momentos mellores e peores pero as miñas conviccións son firmes e a política local forma parte de miña vida.

Créanse enemigos na política, rómpense amizades ou son máis os amigos que se terminan facendo?
Os amigos de verdade non se perden con facilidade, non recordo ter perdido a ningún deles polo feito de estar en política, máis ben ao contrario, aos meus mellores amigos  e amigas coñecinos gracias á política.
Inimigos?  Non lembro ningunha  actuación  persoal ou política que conducise a crealos, non coñezo razóns  obxectivas para telos.

Era vostede moi mozo. Cal era a súa experiencia política? Que lle motivou a presentarse nunhas listas?
Cando me presentei con ADG,  no ano 79, non teiña cumpridos os 23 anos e  a miña experiencia política como tal era nula, como tamén o era no ano 83 cando os compañeiros da Agrupación Socialista da Guarda decidiron que formase parte da lista.  
Isto non quere dicir que non tivese inquedanzas políticas, ¡claro que si!. Eu compaxinaba  dende os 16 anos a miña formación profesional coa aprendizaxe nunha empresa do metal no  Porriño na que acabei traballando durante 34 anos, este feito non tería maior importancia se non fose porque estamos a falar dos anos 70, final da ditadura, inicio da transición: as fábricas eran auténticos fervedoiros políticos,  a min ao igoal que a outros moitos, aquela experiencia axudounos a definirnos politicamente.
Que me motivou para presentarme a concelleiro? Dende moi cativo sentín vocación polo servizo público, desexos  de ser útil á sociedade, de contribuír a mellorar a calidade de vida da xente, de  traballar polo interese xeral… formou e forma  parte da miña vida.

E sempre socialista ou militou antes noutras formacións ata que atopou o seu lugar nun Partido que máis se aproximaba as súas conviccións?
Sempre militei no Partido Socialista, despois das eleccións do ano 1979,  ao igual que outras moitas das persoas que formamos parte daquela inesquecible aventura, fomos buscando cada un o seu sitio en función das nosas conviccións políticas. Eu tíñao claro, afilieime no ano 81.

Para rematar, que prezo persoal se paga por tantos anos como concelleiro do seu pobo?
A dedicación á política municipal, se realmente a vives, é apaixonante e moi intensa, rouba tempo á familia, algún disgusto que outro si que se leva, pero tamén satisfacións, eu procuro quedarme co último.

A Guarda, 18 de maio de 2020
Regreso al contenido