Los Bambinos - galiciasuroeste

Title
Vaya al Contenido

Los Bambinos

PUBLICADAS
Conjunto Los Bambinos
por Victoriano Rodríguez
 
 
         O conxunto músico-vocal, coñecido como  Conjunto Los Bambinos, que actuou nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta do pasado século nesta bisbarra, se formaría inicialmente como quinteto por compoñentes do Rosal e da Guarda:
José Luís Rodríguez, Mateiro,(trompeta e contrabaixo).
Luís Rodríguez, Gabiño, (batería),
Manuel Lomba, Lombita, (baixo, laud e clarinete)
Celso Domínguez, Cabriñas, (acordeón e piano)
Jesús Alonso, Suso, (vocalista e guitarra)
         Posteriormente se incorporaría:
Emilio Rodríguez,  O xastre, (saxofón- alto e tenor )
 

Conjunto Los Bambinos, actuando nunha voda no Hotel Molino, a finais dos anos sesenta
 
         Destacar neste escrito a actividade musical destes seis compoñentes dos Bambinos, que durante  case tres décadas foron  quen  mais actuaron na nosa zona en todo tipo de eventos musicais bailables.
         Ata mediados do século pasado, as zapaterías e barberías eran un lugar de encontro social e de actividades artísticas. Temos entre outras a barbería de Faustino de onde sairía a orquesta Palomita, o zapateiro de  Isidro do Coruto que tocaría a batería…
         Na zapatería de Manuel Lomba Lombita, sita no adro da Iglesia da Guarda, lugar de concorridas tertulias, onde el animaba tocando a bandurria, nace en 1962 o conxunto Los Bambinos,  da inquietude dun grupo de mozos, que de algunha forma,  xa estaban relacionados co mundo musical e do cante. Este núcleo inicial composto por Lomba, Suso, Gabiño e Mateiro, que contactan con Cabriñas e con Emilio para formar o grupo.

“Acta fundacional dos Bambinos”
 
         Comezaron os ensaios no baixo da casa paterna de Luís Mateiro na rúa Couso  (hoxe Hotel Juan) no Rosal, despois seguirían  no  baixo da casa de Luís na Cunchada, e nun baixo nas Chabolas (hoxe Fernández Albor) na Guarda.
         Os seus compoñentes , ademais da súa vocación musical e, como podemos ver deseguido,  xa tiveran todos eles diversas  experiencias  nesa actividade artística
  

A prestixiosa Banda de Música de Tabagón  co seu director Pablo Piedra o fronte, onde tiveron os seus comezos todos  membros dos Bambinos: Terceiro na fila de arriba pola dereita Emilio. Quinto na fila do medio pola esquerda Luis Mateiro. Segundo na fila debaixo pola esquerda  Gabiño. E primeiro na fila derriba pola esquerda, José Marino González Delaconcepción Santeiro, que sería profesor de música de Suso, Gabiño Lombita, Luís e Cabriñas e Emilio.  Nos desfiles Pablo Piedra arengaba a os seus compoñentes dicindo: “ Paso firme, a golpe de tacón, para que o público vexa que aquí vai Tabagón”. (foto cedida por Luis Mateiro)
     
         José Luís Rodríguez Martínez O Mateiro (trompeta e administrador) tivera os seus inicios na Banda de Música dos Rapaces do Rosal, dirixida polo párroco Don Evaristo, e don Alfonso Ulloa como Director/profesor. Tocaría a trompeta na Banda de Tabagón de 1950 a 1957 e tamén  de 1953 a 1957  na Orquesta Palomita do Rosal. Cumprindo o Servicio Militar, fora trompeta na banda do Cuartel de Ferrol. Tocaría en 1961 e 1962 nos Celtiáns Club e na Orquesta Montecarlo de Vigo. Como a maior parte dos compoñentes dos Bambinos, recibiría clases de solfeo do maestro José  Marino ( O Santeiro). Luís Mateiro o ter que compaxinar a música con o seu posto de traballo nas Cachadas, deixa a orquesta viguesa para fundar e tocar nos Bambinos.
    
Luis O Mateiro, primeiro arriba pola dereita, tocando a trompeta na Orqueta Montecarlo en 1962, no Teatro  García Barbón de Vigo. ( Foto cedida por Luis Mateiro)
         Jesús Alonso, Suso Bambino.   (Vocalista e guitarra).  Cantaba en festivais no Teatro-Cine Avenida e na Parroquia,  tanto en solitario como a dúo con outra gran voz, Hortensia Galiñas. Asiduo da zapatería de Lombita, lugar onde vivían nun ambiente musical. Tamén recibiu clases de solfeo de José Luís Marino Santeiro. Tivera outras ofertas para vocalista en formacións musicais da localidade, optando pola consolidación dos Bambinos, o cal o tempo lle daría a razón.
         Manuel Lomba, Lombita. (Baixo e laúd). Como se expón mais arriba,  na súa zapatería sería onde  xorde a creación deste grupo musical. Lomba  tocaría na Banda de Tabagón, con ó Trío Marino e con Muchi, e tamén recibiría clases de solfeo de José Marino Santeiro.
   

Na orquesta Palomita en 1955, tocando algúns dos futuros compoñentes dos Bambinos. Pola esquerda, o segundo Gabiño, terceiro Emilio, sétimo Luís  Mateiro.
 
         Luís Rodríguez Gabino, O Gabiño.( Batería). Antes de formar Os  Bambinos tocaría a caixa na Banda de Música de Tabagón e na orquesta La Palomita.
 

Celso Domínguez, Cabriñas, segundo pola dereita, tocando o acordeón  na orquesta Tropical de Tomiño (foto familia Celso Cabriñas)
 
         Celso Domínguez, Cabriñas.  (Acordeón e piano). Sendo un rapaz, estudiaría música, especializándose en acordeón co  prestixioso Poceiro de Pontevedra, tamén con José Luis Santeiro, tocando na ORQUESTA TROPICAL de Tomiño, en CUMBRE e NUVES. No Servicio Militar tocaría a frauta na Banda Militar de Marina en Cádiz.
         Emilio Rodríguez, O Xastre, Saxo tenor e alto. Recibiría clases de música de Pablo Piedra, director da Banda de Tabagón, Tocaría  na orquesta DANDY de Santeiro, na Palomita do Rosal, na Banda de Música de Tabagón e na de Mougás. Disoltos os Bambinos, Emilio seguiría tocando o saxo en CUMBRE e NUVES, e sería organizador do GRUPO ESCARCHA e nos últimos tempos no grupo OS BEIRA MIÑO de Tomiño, ademais está dando crases de saxo soprano na súa casa de Sandián.
 

Unha das primeiras actuacións dos Bambinos  
 
         Créase esta nova formación músico-vocal no Rosal o 15 de Novembro de 1962,  día  de Santa Cecilia. Sendo a súa primeira actuación pública o día 25 de Novembro dese ano na Liga de Amigos do Rosal. De aquí en adiante e  ata mediados dos oitenta  terían unha longa e brillante etapa de constantes actuacións públicas por toda Galicia. A partires desas datas habería novas incorporacións e cambio de nome.
 

Representativa foto dos Bambinos nos seus inicios, ao estilo Elvys Presley, a principios de 1963.
Lombita, Cabriñas, Suso, Mateiro e Gabiño, aínda non se incorpora Emilio (foto cedida por Suso)
         Foi tal a aceptación deste grupo en acontecementos sociais como:  vodas, salóns de baile, festas, verbenas, que en ocasións tiveran máis actuacións que días tiña mes, xa que moitas veces nun só día tocaban de mañá nunha voda, a tarde nunha sala de festas, (dicir que o horario nestes locais era de catro da tarde as oito), e a noite nunha verbena. Exemplo desta dinámica  actividade podémola ver xa no seu primeiro mes de Xaneiro de 1963 con catorce actuacións: Dia 2, No salón Avenida da Guarda, pola tarde, a noite na Sociedad de Fornelos. Día 8, no Salón Avenida da Guarda e a noite na Liga de Amigos do Rosal. Día 9, no Recreo da Guarda. Día 15, Na boda da filla da Mon na Guarda. Día 16, no Salón Avenida da Guarda. Día 25, Actuación na radio local da Guarda (Radio Marcial) e tarde e noite no Salón Avenida da Guarda,  Día 29, no Casino de Figueiró. Día 30, na Sociedad de Fornelos. Día 31, na Liga de Amigos do Rosal.
         En agosto de 1963, con motivo do cincuentenario das Festas do Monte de Santa Trega, actuarían practicamente todo o mes na alameda da Guarda, exceptuando dous días que irían tocar  a San Roque e unha voda no Molino. Eran tan solicitados que se creara un dito popular: “¿Quen toca tal día, en tal lugar ? ¡OS DE SEMPRE- OS BAMBINOS !”
   

Los Bambinos nun descanso durante a actuación nunha voda o 21 -09- 1974.
De xersei, Antonio Durán, que tocaría en 1973 /74 a batería. ( foto cedida por Suso Bambino)
         Nas festas da Guía tocaban case  toda a semana, podemos ver en 1965- Os días 30, 31 Agosto,  1, 2, 3, 4, e 6 de Setembro. 1966- Días 4,5 e 6 de setembro. 1967- Días 4, 5 e 6 de setembro.  1968- Días 2,3,4,5, e 6  Setembro. 1969- Días 4, 5, e 6 de setembro…

Copia de actuacións  do mes de xaneiro de 1963. En  calquera outro mes, a relación, é similar. Demostración do solicitados que estaban Os Bambinos para animar os máis diversos acontecementos sociais con música de baile
  
         Aínda que a maior parte das súas actuacións eran na zona e provincia, tocaban con frecuencia no norte de Portugal, en Simancas nas festas patronais, e compartiron escenario con as figuras máis destacadas do momento a nivel nacional, entre outros:
         Con Mike Kennedy en Cambados. Dúo Dinámico en Nigrán. Julián Granados en Aldán. Los Alba en Leirado. Con Pekenikes na sala do Casino García Barbón de Vigo, nesta sala lles ocurriría unha curiosa anécdota: Suso ía “baixo forma” con gripe e febre, e pa “coller forzas” por riba da cea lle toma unhos grolos de licor café, co cal se recuperou. O grupo “estrela” despois da cear non se atopaba en condicións de actuar,(non debían estar afeitos as ostras e o albariño) polo que tiveron que sacar eles solos adiante toda a velada musical daquela noite.
         Tocaban os mais variados estilos musicais bailables: pasodobre, cumbia, cha-cha-chá, mambo, tango, vals, fox-trop, rock, rancheiras, xotas, rumbas, muiñeiras,  boleros, salsa…, . Tendo un amplo e variado repertorio de cancións de todo tipo, adecuado a cada evento,  en especial  os éxitos do momento, españoles e latinos. Recordamos as belas  melodías por eles interpretadas como:  Contigo, El Silencio, Melancolía, Sulfinger, Rokviruta, Por Granadinas, María Isabel, Anduriña, Negra Paloma, Mexie Caníbal, En el Mundo, Zíngara, Compasión, Tiritando, Arrivederchi María, La lluvia,  Cuéntame, Corazón Contento, Submarino Amarillo, Plánchame la camisa Un Rayo de Sol Sempre a presentación era iniciada lentamente por Muñequita Linda, na que o vocalista Suso dirixíase ao público:” Señores y Señoras, con Uds el Conjunto  Los Bambinos…

Os Bambinos con  o técnico de son, Marcial Villa de Radio Marcial da Guarda
 
         Desprazábanse con seu instrumental no furgón  do Bona do Rosal e sempre acompañados do equipo de sona, primeiro con ROYJA (Román y Jaime) e  despois con Marcial. Nos festexos populares a corrente eléctrica para o palco era enganchada provisoriamente da liña mais próxima, polo que en ocasións  “marchaba a luz” en plena actuación, e nese caso o conxunto seguía igualmente tocando o resto do tempo a pelo- a pulmón, sen a axuda da amplificación.
  

Derradeira actuación dos orixinarios Bambinos en marzo de 1993, en San Gregorio de Pías. Despois de anos sen
actuar publicamente, xuntáronse nesta ocasión, na que os pobos do entorno, quixeron renderlles un  merecido
homenaxe a súa longa e frutífera traxectoria musical.  
 
         Co paso do tempo, e con mais de dúas décadas de brillante actividade comezan as substitucións e novas incorporacións. En 1972/73, Antonio Durán substitúe provisionalmente na batería a Gabiño por enfermidade deste. Sucesivamente, por idade dos fundadores, se van producindo mais substitucións. Lomba e Suso, tocarían por última vez no conxunto, na Festa da Febra de San Xián de 1977.  Nese ano, Mariano Martínez substitúe a Suso na guitarra e voz, e José Luís Santeiro a Lombita no baixo, máis adiante  Antonio Santeiro substituiría a Gabiño na batería e Kiko a José Luís no baixo

14- 02-1978 - Os Bambinos nunha voda no Hotel  Molino, con Emilio e Celso Cabriñas, e xá cas novas incorporacións de  Kiko, José Luís Santeiro, Antonio Santeiro, e Mariano
 
         Ca incorporacións de novas xeracións de músicos, e  o  pasar a formar parte dunha axencia de espectáculos, o conxunto tamén  cambia de nome, pasando a chamarse CUMBRE e NUVES; por último, con algún destes últimos compoñentes,  con José Manuel, Tonono, fillo de Cabriñas que substitúe a seu pai no acordeón e piano,  e Emilio, fillo de Emilio, forman  o conxunto BELO HORIZONTE,  rematando así  o glorioso recorrido musical dos Bambinos
  


CUMBRE, NUVES e BELO HORIZONTE foron continuadores dos BAMBINOS, formándose  a medida cos orixinarios integrantes ían deixando o conxunto musical, e sendo substituídos por músicos mozos, algúns descendentes directos dos membros dos BAMBINOS. (fotos cedidas por Kiko)
  

A día de hoxe (Maio de 2014), Emilio Rodríguez O xastre, (segundo pola dereita), aínda sigue tocando o saxofón no Grupo Musical Os Beira Miño de Tomiño.  Destacar o longo recorrido musical de Emilio, que tocando na orquesta Dandy de Santeiro, na Palomita do Rosal, Los Bambinos, Cumbre, Nuves, Escarcha, os Beira Miño… na actualidade tamén sigue dando crases de saxo soprano a varios músicos locais na súa casa de Sandián (O Rosal).
          No libro-programa das Festas de San Cayetano de 2007, Flori, publica o seguinte relato/poema dedicado ós Bambinos: (Se respecta a redacción orixinal)
   
HOMENAXE   EN  RECORDO   OS BAMBINOS
   
         Que festiñas aquelas, as que se faían no vran, San Antonio, O Santísimo, a del Carmen, San Queitano, o Monte, a Guía ou no Rosal.   
-Deliña, ¿a noite vas á verbena?
- Vou, se me deixan os meus pais.
-De paso que ves, chama na miña porta e tomamos un cafe­ciño antes de ir xuntas pra San Queitano. Ímololo pasar moi ben porque xa chegaron os mozos que estaban no mar.
-¿Quen toca hoxe? OS BAMBINOS
 
Canta Suso, canta
e non deixes de tocar
con esa guitarriña túa
que nos fixo namorar.

O   Lombita ca bandurria
ate acompañar e así
puntea que te puntea
mira que xeito Ile da.

E Celso co piano
ou co seu acordeón
ábreo e faino grande,
grande como seu corazón.

Na banda de riba Gabiño
detrás da batería
o  ritmo sempre leva
por se algún se despista.

José Luis colle a trompeta
fae sitio pra bailar
xa sabemos moi ben todos
que o pasodoble vai empezar.

Unha volta por aquí
outra volta mais pra la
como dure moíto a peza
seica me vou marear.

E así todos xuntiños
que ben o imos pasar
cantando polo baixiño
eu namorar, eu namorar
eu namoreime cos BAMBINOS
na beira do mar.
     Flori

Foto dos Bambinos nunha carátula dun C.D das cancións  do seu repertorio  que  gravaran orixinariamente  en casete
    
Que esta publicación sirva de homenaxe e  recoñecemento os compoñentes do Conjunto los Bambinos, que marcaron todo unha época na nosa bisbarra, animando en vodas, festas, salóns de baile…Todos desfrutamos, bailando ou escoitando as súas alegres melodías. A maior parte das parellas dese tempo, ”ligamos” bailamos e nos casamos ao son dos Bambinos.
    
Maio 2014
Vitoriano da Goreña
Nota: Neste escrito omito certas palabras e formas do galego oficial, usando os localismos desta zona
Regreso al contenido